Letonia - Latvija
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Letonia (en letón: Latvija), oficialmente a República de Letonia (en letón: Latvijas Republika) é un país da Europa do norte localizado na rexión báltica. Letonia fai fronteira polo norte con Estonia (343 km), polo sur con Lituania (588 km), e polo leste con Bielorrusia (141 km) e a Federación rusa (276 km).[1] Na otra beira do mar Báltico fai fronteira con Suecia. O territorio de Letonia ten unha superficie de 64,589 km² e unha poboación de 2.306.306 (2004).
Os letóns son un pobo báltico estreitamente vencellado cos lituanos, cos que comparten moitas semellanzas lingüísticas. Hoxe en día o letón e lituano son as únicas linguas superviventes pertencentes ás linguas bálticas da familia indoeuropea.
Letonia é unha república parlamentaria democrática dividida en 26 distritos. A capital e principal cidade en poboación é Riga (722.485 habitantes no ano 2005). Letonia é membro das Nacións Unidas dende o 17 de setembro de 1991, da Unión Europea dende o 1 de maio de 2004 e da OTAN dende o 29 de marzo de 2004.
Índice |
[editar] Historia
- Artigo principal: Historia de Letonia.
O territorio de Letonia foi poboado xa dende o 9.000 adC. co establecemento das tribos protobálticas (devanceiros dos letóns) na costa leste do mar Báltico ao redor do terceiro milenio adC..[2] Ao redor do 900 dC., desenvolvéranse catro tribos bálticas diferentes: os curonios, latgalianos, selonianos, semigalianos (en Letón: kurši, latgaļi, sēļi e zemgaļi), xunto cos livonios (lībieši) que falaban unha lingua de orixe ugrofinesa.
[editar] Prehistoria
Ao longo de Europa, o territorio de Letonia foi coñecido pola súa riqueza en ambar. Os pobos bálticos comerciaron co ambar coa Grecia antiga e co Imperio Romano. Incluso hoxe en día, o ambar do báltico segue a ser exportado a moitos puntos do mundo. A finais do século XII, comerciantes da Europa occidental comezaron a visitar a míudo Letonia, establecento rutas de comercio ao redor do río Daugava ata Rusia.
[editar] O período da Idade Media
|
Confederación de Livonia, 1260
|
|
Letonia baixo a República das Dúas Nacións
|
Os misioneiros cristiáns chegaron a Letonia en 1180. Ante a negativa das tribos bálticas a seren cristianizadas, foron enviados cruzados alemáns co fin de cristianizar ás tribos pagás.[3] Xa en 1211, o cristianismo xa tiña un control efectivo coa construción da catedral de Riga.
Durante o século XIII, desenvolveuse baixo o dominio alemán unha confederación de feudos chamada Livonia. Livonia incluía a actual Letonia e o sur de Estonia. En 1282, Riga e máis as cidades de Cēsis, Limbaži, Koknese e Valmiera foron incluídas na Liga Hanseática. A partires deste intre, Riga converteuse nun importante porto entre o comercio do leste co oeste. Riga constituíuse como unha ponte entre os países do báltico e a Europa Occidental.
[editar] O período reformista
O século XVI foi un século de grandes cambios pra os habitantes de Letonia, entre os cales destacan a reforma e o colapso do estado Livonio. Trala Guerra Livona (1558–1583) o territorio actual de Letonia quedou baixo o reino da República das Dúas Nacións.
Os séculos XVII e XVIII viron as continúas loitas de Polonia, Suecia e Rusia pola supremacía do Báltico. A meirande parte da Livonia polaca, incluíndo Vidzeme, pasou a mans dos suecos tralo Tratado de Altmark en 1629. Baixo o goberno sueco, a servidume foi suavizada e foi creada unha rede de escolas pra servidume.
[editar] Letonia no Imperio Ruso
O Tratado de Nystad de 1721 puxo fin á Gran Guerra do Norte, quedando Rusia coas terras de Vidzeme (formando parte do Gobernorato de Riga). A rexión de Latgale seguiu trala guerra ficando baixo o dominio de Polonia como o Ducado de Livonia ata 1772, cando foi anexionada por Rusia. O Ducado de Curlandia converteuse nunha provincia rusa (o Gobernorato de Curlandia) en 1795, sendo anexionados ao Imperio Ruso a totalidade dos territorios que hoxe forman Letonia.
As promesas que Pedro o Grande fixera á nobreza alemá do Báltico trala caída de Riga en 1710, oficializadas co Tratado de Nystad e coñecidas como "as capitulacións," revertiron en grande parte as reformas dos suecos. A emancipación dos servos tivo lugar en Curlandia no ano 1817 e en Vidzeme en 1819. Na práctica, a emancipación foi realmente ventaxosa pra nobreza xa que desposuía aos campesiños das súas terras sen compensación ningunha. A estrutura social mudou radicalmente, estableceuse unha clase de campesiños independentes despois de que as reformas permitisen aos campesiños readquirir as súas terras, os campesiños sen terra roldaban os 591.000 en 1897, unha poxante clase proletaria e unha influínte clase burguesa letoa. O movemento dos xoves letóns (en letón:Jaunlatvieši) sentou as bases do nacionalismo a mediados de século, mirando moitos do seus líderes ao movemento eslavófilo en busca de apoio contra a prevalente orde social alemá. A rusificación comezou na rexión de Latgale trala Revolta de xaneiro de 1863 espallándose ao resto da actual Letonia durante a década de 1880. O movemento dos xoves letóns foi eclipsado por unha nova corrente política de esquerdas xurdida na década de 1890. O descontento popular chegou ao seu cumio coa Revolución de 1905, revolución de carácter nacionalista nas provincias do Báltico.
[editar] Declaración de independencia
A Primeira Guerra Mundial devastou o país. As reivindicacións de autodeterminación foron primeiramente limitadas á autonomía, sendo despois dirixidas cara a independencia do país, declarada en Riga o 18 de novembro de 1918 polo Consello do pobo letón, converténdose Kārlis Ulmanis no xefe do goberno provisional. Trala independencia do país báltico, sucedeuse a Guerra de independencia, un dos períodos máis caóticos sufridos na historia do país. Na primavera de 1919 cohexistían á vez tres gobernos diferentes— o goberno de Ulmanis; o goberno da Letonia Soviética encabezado por Pēteris Stučka, cuxas forzas, apoiadas polo Exército Vermello, ocuparon o país en case a súa totalidade; e o "Ducado do Báltico" encabezado por Andrievs Niedra e apoiado polo Baltische Landeswehr e máis asFreikorps alemás. As forzas estonianas e letonas venceron aos alemáns na Batalla de Cēsis no mes de xuño de 1919, e aos ataques Ruso-alemáns encabezados por Pavel Bermondt-Avalov en novembro. O leste de Letonia foi limpado das tropas do Exército vermello polos forzas polacas, letonas, e alemás a comezos de 1920. O 1 de maio de 1920 foi convocada unha asamblea constituínte que aceptou unha constitución liberal, a Satversme, no mes de febreiro de 1922. Esta constitución foi parcialmente bloqueada polo golpe de Ulmanis de 1934, sendo reestablecida completamente en 1990. Dende a súa creación a constitución sufriu algúns cambios e segue a ser vixente no país na actualidade.
Coa evacuación a Rusia da base industrial de Letonia en 1915, a reforma da terra foi a principal tarefa do xove país. En 1897, o 61,2% da poboación rural carecía de terra de seu; cara a década de 1930 aquela porcentaxe minguara ata o 23,2%. A extensión de terra cultivada xa sobrepasaba a da preguerra en 1923. A innovación e o medre da produtividade fixo ca economía letona medrase axiña, aínda que tivo que sufrir a Gran Depresión. Malia presentar signos de recuperación da economía, Ulmanis levou a cabo un sanguento golpe de estado o 15 de maio de 1934, establecendo unha ditadura nacionalista que durou ata a década de 1940.
[editar] Letonia na II Guerra Mundial
A maioría dos alemáns do bálticos que vivían en Letonia deixaron o país tralo acordo entre o goberno de Ulmanis e a Alemaña Nazi trala conclusión do Pacto Ribbentrop-Molotov. O 5 de outubro de 1939, foi forzada a aceptar un pacto de "asistencia mutua" coa Unión Soviética, garantindo aos soviéticos o dereito a destinar 25.000 tropas en territorio letón. O 16 de xuño de 1940, Vyacheslav Molotov presentou a un representante letón en Moscova cun ultimato acusando a Letonia de violar as condicións do pacto, producíndose o 17 de xuño a ocupaciñon do país polas tropas soviéticas. Trala ocupación tiveron lugar as eleccións no "Saeima do pobo", tomando o poder o goberno monicreque de Augusts Kirhenšteins que levou a Letonia cara a URSS. A anexión foi formalizada o 5 de agosto de 1940, data na que se estableceu a República Socialista Soviética de Letonia, .
Os soviéticos loitaron ferozmente contra os seus oponentes — antes de sucederse a invasión alemá, en menos dun ano, polo menos 27.586 persoas foron arrestadas; a maioría deportadas, sendo asasinadas 945. Durante a ocupación alemá, Letonia foi administrada como parte da Reichskommissariat Ostland. Os paramilitares letóns e a Policia auxiliar establecidos polas forzas da ocupación, participaron activamente no Holocausto. Máis de 200.000 cidadáns letóns morreron durante a Segunda Guerra Mundial, entre os que se atopaban aproximadamente 70.000 xudeus letóns. Os soldados letóns loitaron en ambos os dous frontes, incluíndo a Lexión letona da Waffen-SS, a maioría recrutados polas autoridades soviéticas e nazis. O rexeitamento ao recrutamento tiña como consecuencia a pena de cárcere, o maltrato a familiares e incluso a morte.
[editar] Ocupación soviética
Os soviéticos reocuparon o país de novo entre 1944–1945, sucedéndose deportacións masivas ao tempo que se levaba a cabo a colectivización e sovietización do país. No ano 42.975 persoas foron deportadas. Trala ocupación do país produciuse a migración a Letonia de obreiros, administrativos, militares e os seus descendentes provintes de Rusia e doutras repúblicas soviéticas, caendo a poboación letona ata o 62% no ano 1959. Durante o mandato de Nikita Khrushchev, os intentos de conseguir un grao de autonomía e protección pra a deteriorada lingua letona encabezados por Eduards Berklavs foron suprimidos.
[editar] Restauración da independencia
En 1989 o Soviet Supremo da URSS adoptou unha resolución sobre a "Ocupación dos estados bálticos", na que declarou ca ocupación "non tiña concordanza coa lei," e que "non era a vontade dos soviéticos". O movemento nacional coaligado na Fronte Popular de Letonia tomou vantaxe das reformas da glasnot do réxime baixo o mandanto de Mikhail Gorbachev, oposto á Interfront. O 4 de maio de 1990, o Soviet Supremo da RSS de Letonia adoptou a Declaración da restauración da independencia da República de Letonia, suxeito a un período de transición que rematou coa independencia de Letonia o 21 de agosto de 1991, tralo fracaso do Putsch de Agosto. O Saeima, o parlamento letón, foi de novo elixido en 1993, rematando Rusia a súa retirada militar en 1994.
Os principais fitos acadados por Letonia ao longo da década dos anos 90, foron a entrada na OTAN e na Unión Europea, ambos os dous conseguidos no ano 2004. As novas leis lingüísticas e de cidadanía foron rexeitadas por unha gran maioría da comunidade rusa residente no país, aínda que, a maioría dos rusos obtiveron a cidadanía. (A cidadanía non foi outorgada aos cidadáns soviéticos establecidos no país durante a ocupación soviética e aos seus descendentes. Os fillos nados a partires da independencia do país, sí poden obter a cidadanía.) O goberno desnacionalizou as propiedades privadas que foran confiscadas durante a era soviética, devolvendo ou compensando aos seus donos,privatizou a maioría das industrias nacionalizadas, e reitroduciu o Lats letón. Despois de sufrir unha dura transición cara unha economía liberal e a reorientación do país cara a Europa occidental, na actualidade o país posúe un ritmo de crecemento da economía superior á maioría dos membros da UE.
[editar] Política
Os 100 asentos do parlamento unicameral Letón, o Saeima, elíxense por voto directo, popular cada catro anos. O presidente elíxeo o Saeima nunha elección separada tamén cada catro anos. O presidente nomea un primeiro ministro que, xunto co seu gabinete, forma o poder executivo, o cal ten que recibir un voto de confianza do Saeima. O 20 de setembro do 2003, nun referendo nacional o 66.9% dos participantes votaron a favor da unión á Unión Europea. Letonia é membro da Unión Europea dende o 1 de maio do 2004 e da OTAN dende o 29 de marzo do mesmo ano.
[editar] Divisións administrativas
- Artigo principal: Distritos de Letonia.
Letonia subdivídese en 26 condados (chamados rajoni en letón) e sete cidades cun estatus separado (lielpilsētas).
[editar] Xeografía
Letonia ten unha extensión de 64.610 km2, comparte fronteira con catro países: ao norte Estonia, ao leste Rusia, ao sur Bielorrusia e Lituania. A fronteira noroeste ocúpaa o mar Báltico.
A fisionomía da paisaxe letona é bastante uniforme, predominando as chairas cubertas por depósitos de terra e lama con grandes zonas ocupadas por bosques de coníferas, páramos e pantanos ao longo de todo o territorio. A chaira de Zemgale, ó sur, ata ó límite con Lituania, contén as terras máis fértiles, polo que se lle considera o celeiro do país.
Xeograficamente Letonia caracterízase pola suavidade das súas elevacións montañosas. As maiores alturas atópanse ao leste e ao norleste do país, onde o punto máis alto atópase no cumio de Gaizinkalns de 311 metros. O punto máis baixo atópase no lago Dridzis, a 65,1 metros baixo o nivel do mar.
Letonia posúe 531 km de costa.[4] As costas letonas son suaves e pouco recurtadas, e nelas abondan as praias de area fina e as zonas dunares.
Ademais de polas súas chairas, Letonia caracterízase polos seus lagos, bosques e zonas pantanosas. En Letonia atópasen máis de 2.256 lagos de orixe glacial.[5] Os bosques cobren o 44% da superficie do país.[6] As especies máis comúns son o bidueiro, o abeto, o piñeiro e o álamo branco. Os pantanos e zonas húmidas ocupan o 4,9% do territorio letón.[7]
O río máis importante do país e o río Daugava, río que nace en Rusia e desemboca no golfo de Riga. Ao seu paso por terras letonas construíronse tres grandes centrais hidroeléctricas. Ademais do Daugava, son importantes os ríos Venta, Lielupe e Gauja.
[editar] Clima
O clima do país é de transición entre o continental e o oceánico, influído de xeito importante polas masas marítimo, sobre todo no oeste de Letonia, onde os veráns son frescos e os invernos suaves. O interior do país ten un clima máis extremo, sobre todo no longo e frío inverno, onde se poden chegar a temperaturas de -30º. As precipitacións son abondosas no país, éstas teñen lugar en forma de neve entre os meses de marzo e decembro.
[editar] Medio ambiente
Letonia posúe ecosistemas de grande importancia ambiental como son os bosques, os lagos, os pantanos e as chairas. A maioría das xoias ambientais de Letonia atópanse baixo diferentes graos de protección. O país báltico ten tres parques nacionais: Parque Nacional Gauja (1973), Parque Nacional Kemeri (1997) e o Parque Nacional Slitere (1999). Ademais o país posúe unha reserva da biosfera e 43 parques naturais, distribuídos ao longo de todo o territorio nacional.[8]
Nos bosques de Letonia rexistráronse 1.304 especies de plantas diferentes, moitas delas de orixe endémica. En canto á fauna no país existen 69 tipos de mamíferos que habitan os bosques (63%) e zonas agrícolas (24%). Ademais existen outros 19 que poden visitar o país de xeito ocasional.[9] Entre os mamíferos máis comúns atópanse o corzo, o porco bravo, o castor, o raposo, o cervo, a lebre, o lobo e a londra[10] (cunha das maiores poboacións europeas).[11] O oso pardo, noutrora abondoso atópase actualmente reducido a unha poboación estable de 10 individuos.[12]
A fauna avícola letona é moi rica. No país aniñan 223 especies, algunhas delas moi raras coma a aguia de cola branca, a aguia cobreira ou a cegoña negra, un dos símbolos nacionais.[13]
En canto aos invertebrados, no país están catalogados 17.500 especies, aínda que podería haber 12.000 máis por descubrir.[14]
[editar] Economía
- Artigo principal: Economía de Letonia.
| Exportacións a | Importacións de | ||
|---|---|---|---|
| País | Porcentaxe | País | Porcentaxe |
| 17 % | 17 % | ||
| 16 % | 9 % | ||
| 10 % | 8 % | ||
| 8 % | 8 % | ||
| 6 % | 7 % | ||
| Outros | 43 % | Outros | 51 % |
A economía letona baséase principalmente na agricultura e na industria téxtil e sidometalúrxica. Actualmente, o turismo perfílase como unha importante fonte de ingresos grazas ao patrimonio histórico do país. A súa transición a unha economía de mercado está provocando certas perturbacións (10% de paro e déficit orzamentario) e sacrificios nas políticas sociais.
A moeda nacional é o lats letón (100 santami), que será sustituído polo Euro entre o 2011 e 2012 cando Letonia se una á Eurozona.[15]
A economia letona é unha das máis dinámicas dos novos socios da Unión Europea. Nos últimos anos o país báltico liderou o crecemento da UE con incrementos do 11,9%[16] no 2006 e do 8% no 2007.[17] Para o 2008 agárdase un crecemento do 8,5%.[18]
[editar] Relixión
O cristianismo é a relixión principal no país, maioritariamente pertencentes á Igrexa Luterana con 450.000 fieis en 293 congregacións , á Igrexa Católica con 400.000 fieis en tres dioceses e á Igrexa Ortodoxa Letona (igrexa semiautónoma baixo a xurisdicción do Patriarcado de Moscova) maoritaria entre a minoría rusa. Da numerosa poboación de relixión xudía que había no país antes da Segunda Guerra Mundial tan só quedan 9.743. Outra relixión é a Dievturi (Os gardas de Deus), a cal ten a súa base histórica na era mitolóxica precristiá, pero que ten escasos membros, uns 600. A maioría da poboación non pertence a ningunha confesión relixiosa.
[editar] Demografía
| Composición étnica de Letonia | ||||
|---|---|---|---|---|
| letóns | 58.9% | |||
| rusos | 29.6% | |||
| bielorrusos | 4.1% | |||
| ucraínos | 2.7% | |||
| outros | 4.7% | |||
Letonia é un país onde conviven á vez diversas etnias de linguas e relixións diferentes. Ao longo do século XX o país sufriu importantes cambios demográficos acontecidos debido ás guerras mundiais, a emigración dos alemáns do báltico, o Holocausto, e a ocupación da Unión Soviética.
Os letóns e livonios, os grupos étnicos nativos de Letonia, forman na actualidade ao redor do 60% da poboación, mentres que o 28% dos habitantes do país son rusos.[19] Aproximadamente o 56% dos rusos que viven en Letonia posúe a nacionalidade letona.Erro no código da cita: peche a etiqueta </ref> que lle falta á outra etiqueta <ref> No ano 2005 había incluso menos letóns ca no ano 1989, aínda que a súa porcentaxe é maior — 1.357.099 (58,8%).
A lingua oficial de Letonia é o letón, lingua que pertence ao grupo das linguas bálticas do grupo das linguas indoeuropeas. Ademais do letón, a case extinta lingua livona e a outra lingua nativa de Letonia. O livonio, protexido pola lei letona, pertence ao ramo finés das linguas fino-úgricas. Trátase dunha lingua moribunda que atualmente conta con apenas 35 falantes, dos cales tan só 10 son fluídos na lingua. Dentro da lingua letona destaca o dialecto Latgaliano, variante da lingua protexida pola lei. A lingua rusa, oficial durante a ocupación da Unión Soviética, é a lingua minoritaria máis espallada ao longo do país. De feito, o coñecemento do ruso é maior có do letñon, sendo o ruso coñecido polo 81% dos habitantes, mentres có letón é coñecido polo 79%.[20]
[editar] Cultura
País europeo do leste, Letonia é máis coñecida, no campo cultural, polos intérpretes e compositores de música erudita, como é o caso de Gidon Kremer e varios cantantes de ópera, para alén dos seus Coros, premiados internacionalmente. As Latvju Dainas, cancións populares, copiladas por Baróns e Smits xa no século XX, son tamén motivo de orgullo nacional.
A produción poética é extensa.
A epopeia "O Matador de Osos" (Lacplesis) de Andrejs Pumpurs é un símbolo nacional.
A cultura letona está moi marcada pola relación coa natureza. Marca diso mesmo é o feito dun dos seus eventos máis coñecidos, o Ligo (pronúnciese ligua), celebrado na noite máis curta do ano, ó igual cá noite de San Xoan. Celébrase de modo grupal, entre bailes e cancións, practicando algún deporte curioso (como guindar un facho a unha especie de caldeiro posto enriba dun mastro) ata o momento do solpor (no que os participantes entoan cancións tradicionais) e cando é o mencer, no que cantan o "Riita Saaule) ata que o sol está enteiro sobre o horizonte. O respecto polo ambiente é visíbel no cariño con que as cegoñas son tratadas neste país.
Riga, a capital de Letonia, é considerada a capital cultural do país. Nela atópase "a mellor mostra de edificios Art Nouveau de Europa", de feito, un terzo dos inmobles do centro da cidade están construídos neste estilo.[21] O seu centro histórico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO o 4 de decembro de 1997 grazas á "calidade e cantidade de edificios Art Nouveau/Jugedstil.[22] No casco histórico de Riga mesturanse edificios de estilo gótico, ecléctico, racionalista ademais do xa citado Art Nouveau. Dentro deste estilo destaca a contribución do arquitecto Mikhail Eisenstein, autor dalgúns dos mellores exemplos deste estilo da capital báltica.
[editar] Referencias
- ↑ CIA Factbook: Latvia
- ↑ Data: 3000 BC to 1500 BC. The European Ethnohistory Database. The Ethnohistory Project. Páxina visitada: 2006-08-06.
- ↑ The Crusaders. City Paper. Páxina visitada: 2007-07-28.
- ↑ http://www.riga-hotel-guide.com/en/latvia-tourist-information/basic-facts.php Latvia hotel guide
- ↑ Lakes and Rivers
- ↑ Facts about Latvia lkb.lv
- ↑ Letonia: Un pa�s europeo cun impresionante atractivo natural
- ↑ Parks, Reserves, and Other Protected Areas in Latvia
- ↑ Enviromental indicators in Latvia 2002
- ↑ Mammals of Latvia
- ↑ [1]
- ↑ Status of Brown Bear in Latvia
- ↑ Enviromental indicators in Latvia 2002
- ↑ Enviromental indicators in Latvia 2002
- ↑ Letonia incorporarase á zona euro non antes do 2011
- ↑ O PIB de Letonia medrou en 2006 un 11,9 por ciento
- ↑ UE-25: o maior crecemento económico corresponderá aos novos países membros en 2007
- ↑ España crecerá un 2,6% en 2008, por riba da media europea, pero lonxe dos países punteiros da UE
- ↑ http://www.np.gov.lv/index.php?en=fakti_en&saite=residents.htm|title The Breakdown of the Residents of Latvia as to Nationality Latvia Board for Citizenship and Migration Affairs
- ↑ Ministry of Foreign Affairs of Latvia "A lingua rusa posúe unha saúde robusta en Letonia, xa que os rusos constitúen a maioría ou unha importante porcentaxe da poboación en moitas cidades e vilas. Practicamente a maioría dos letóns falan ruso, ademais, hai que engadir a forte presenza da cultura rusa na sociedade letona. En efecto, o legado da política de rusificación soviética segue a ser evidente en Letonia, como amosa o censo do 2000 no país, o cal mostra co ruso e máis coñecido no país có letón: o 81% dos habitantes pode falar ruso, mentres un 79% pódeo facer en letón."
- ↑ Riga, una ciudad de detalles
- ↑ http://whc.unesco.org/en/list/852
[editar] Ligazóns externas
[editar] Goberno
- A Presidencia de Letonia
- O Gabinete de Ministros
- O Parlamento Letón (Saeima)
- O Ministerio de Asuntos Exteriores
[editar] Outros
- O Instituto Letón - O Instituto Letón
- Folclore Letón
- Benvidos a Letonia - Colección de ligazóns de Letonia
- Wikitravel de Letonia
- Folla Web da Lingua Letona
- Imaxes de Letonia
|
|
||
|---|---|---|
Países candidatos: |
||
|
|
|---|
| Alemaña · Bélxica · Bulgaria · Canadá · Chequia · Dinamarca · Eslovaquia · Eslovenia · España · Estados Unidos de América · Estonia · Francia · Grecia · Hungría · Islandia · Italia · Letonia · Lituania · Luxemburgo · Noruega · Países Baixos · Polonia · Portugal · Reino Unido · Romanía · Turquía |
|
|
|---|
| Albania · Alemaña · Andorra · Austria · Bélxica · Bielorrusia · Bosnia - Hercegovina · Bulgaria · Chequia · Chipre · Croacia · Dinamarca · Eslovaquia · Eslovenia · España · Estonia · Finlandia · Francia · Grecia · Hungría · Irlanda · Islandia · Italia · Letonia · Liechtenstein · Lituania · Luxemburgo · República da Macedonia · Malta · Moldova · Mónaco · Montenegro · Noruega · Países Baixos · Polonia · Portugal · Reino Unido · Romanía · San Mariño · Serbia · Suecia · Suíza · Ucraína · Cidade do Vaticano Países con parte do seu territorio en Europa |