Alfonso Rodríguez López
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1920 Soulecín, España |
Morte | 24 de febreiro de 1949 (28/29 anos) Ocero, España |
Causa da morte | morte en combate, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | maquis |
Familia | |
Irmáns | Consuelo Rodríguez López Antonia Rodríguez López |
Alfonso Rodríguez López, coñecido como Gallego, nado en Soulecín (Santigoso, O Barco de Valdeorras) en 1920 e finado en Ocero (Sancedo) o 24 de febreiro de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Domingo Rodríguez Fernández e Amalia López, unha familia acomodada grazas aos recursos que lograra o pai en Cuba. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 o seu irmán Rogelio pasouse ao Exército republicano. Isto trouxo consigo o encarceramento do pai e doutro irmán, que pasaron seis meses na prisión do Barco. O 18 de outubro de 1939 os seus pais foron fusilados en Soulecín,[1] e el e os seus irmáns fuxiron ao monte en outubro de 1939. Perdeu tres irmáns (entre eles Antonia Rodríguez) e o seu compañeiro Arcadio Ríos na guerrilla. A súa irmá xemelga Consuelo Rodríguez López tamén foi guerrilleira. Activista das Juventudes Socialistas, escapou das minas de Casaio e uniuse ao grupo de Manuel Girón Bazán. Membro do destacamento Santiago Carrillo comandado por Evaristo González Pérez. Era un dos membros do grupo guerrilleiro formado por Silverio Yebra Granja, Francisco Martínez López, Enrique Oviedo Blanco, Asunción Macías Fernández, Antonio López Núñez, Bernardo Álvarez Trabajo e Eduviges Orozco Palacín que a noite do 24 ao 25 de febreiro de 1949 ía encontrarse coa oficial de enlace de Berlanga del Bierzo, Liles García Mallo que os denunciou á policía. Os guerrilleiros foron emboscados pola Garda Civil na serra de Ocero, entre esta localidade e Berlanga del Bierzo. No enfrontamento morreron Alfonso Rodríguez e Eduviges Orozco, a quen as autoridades identificaron erroneamente como Manuel Girón Bazán. Alfonso resultou gravemente ferido e despois suicidouse. O seu corpo foi identificado polo seu irmán Francisco, o único da familia que no era guerrilleiro. Os demais guerrilleiros do grupo, aproveitando a noite e o terreo accidentado, lograron fuxir.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Muere Chelo, la última guerrillera antifranquista de Galicia" (en castelán). 23 de xullo de 2019. Consultado o 25 de xullo de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-231-8.