Bonifacio de Montferrato
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1150 (Gregoriano) Piemonte, Italia |
Morte | 4 de setembro de 1207 (Gregoriano) (56/57 anos) Mosinópolis, Grecia (pt) |
Causa da morte | morto en combate |
Marquis of Montferrat (en) | |
1192 (Gregoriano) – 1207 (Gregoriano) ← Conrado de Monferrato (pt) – Guilherme VI de Monferrato (pt) → | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Carreira militar | |
Rango militar | cabaleiro |
Outro | |
Título | Margrave Marqués |
Familia | Aleramici (pt) |
Cónxuxe | Margarida de Hungría (1204 (Gregoriano)–) Elena di Bosco (1170 (Gregoriano)–) Jeanne of Antioch Eleonora di Savoia |
Fillos | Guilherme VI de Monferrato () Elena di Bosco Agnes de Monferrato () Elena di Bosco Demetrio de Montferrato () Margarida de Hungría |
Pais | Guilherme V de Monferrato e Jutta von Babenberg |
Irmáns | Azalaïs of Montferrat Conrado de Monferrato Rainério de Monferrato Guilherme de Montferrat, conde de Jaffa e Ascalon Beatrice del Monferrato |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Bonifacio de Montferrato (en italiano: Bonifacio I del Monferrato, en grego: Βονιφάτιος ο Μομφερατικός, Vonifátios Momferratikós), nado en 1150 e finado o 4 de setembro de 1207, foi marqués de Montferrato desde 1191 até a súa morte en 1207[1]. Era o terceiro fillo de Guillerme V de Montferrato e Xudit de Babenberg, nado despois do regreso do seu pai da Segunda Cruzada.[2] Os seus irmáns máis vellos foron Guillerme de Montferrato, conde de Xaffa e Ascalón e Conrado de Xerusalén, ao que sucedeu como Bonifacio I en 1191.[3][4][5]
Entre 1191 e 1193 combateu no bando dos emperadores Frederico I Barbarroxa e Henrique VI de Alemaña contra a liga Lombarda e en 1194 contra Sicilia[6]. En 1201 foi elixido en Soissons xefe da Cuarta Cruzada, que terminou coa captura e o saqueo de Constantinopla en 1204[7].
Despois da conquista, Bonifacio aproveitou a fama da súa familia na rexión para conseguir ser proposto como emperador do novo Imperio Latino, pero perdeu a elección ante Balduíno de Flandres, que se convertería no primeiro emperador latino[8][9]. Fundou o Reino de Tesalónica[10] e enfrontouse a continuas ameazas do Imperio búlgaro no norte, contra as que se aliou co emperador Henrique I de Constantinopla[11]. Morreu durante un enfrontamento cos búlgaros o 4 de setembro de 1207[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Bonifacio aparece descrito na súa mocidade, a finais da década de 1170, na famosa Carta Épica, «Valen marques, senher de Monferrat», polo seu bo amigo na corte, o trobador Raimbaut de Vaqueiras[12]. Esta carta inclúe o rescate da herdeira Xacobina de Ventimiglia de mans do seu tío o conde Otón, que tiña a intención de apoderarse da súa herdade e a enviara a Sardeña[13]. Tras rescatala, arranxou un matrimonio para ela[13]. Despois, cando Alberto Malaspina (esposo dunha das súas irmás) secuestrou a Saldina de Mar, filla dunha prominente familia xenovesa, Conrado rescatouna e devolveulla ao seu amante, Ponset d'Aguilar[14][15]. Como o resto da familia fixera antes que el, apoiou ao seu primo Frederico I Barbarroxa nas súas guerras contra as cidades independentes da liga Lombarda[16].
O seu irmán máis vello, Guillerme, falecera en 1177, pouco despois de casar coa princesa Sibilla, herdeira do reino de Xerusalén.[3] En 1179, o emperador bizantino Manuel I Comneno ofreceu á súa filla María en matrimonio a un dos fillos de Guillerme V de Montferrato, pero tanto Conrado como Bonifacio estaban casados e Frederico era bispo, polo que a princesa casou co irmán máis novo, Rainiero, que sería asasinado tres anos despois durante a usurpación de Andrónico I Comneno[17][17][18].
En 1183, o seu sobriño, Balduíno V, foi coroado como rei de Xerusalén[19]. Guillerme V marchou alí para axudar ao seu neto, deixando Montferrato a cargo dos seus fillos[20]. Con todo, en 1187 Conrado seguiu os pasos do seu pai, xa que lle ofreceron casar con Teodora, a filla do emperador Isaac II Anxo, para renovar a alianza da familia con Bizancio.[21]. Nese momento Bonifacio estaba casado por segunda vez, mentres que Conrado enviuvara recentemente[19][22]
En 1189, Bonifacio dirixiu o consello de rexencia de Tomé I, fillo do seu primo Humberto III de Savoia, ata que o mozo foi maior de idade dous anos máis tarde[23]. En 1191, despois de que o emperador Henrique VI lle concedese o condado de Incisa, estalou unha guerra de quince anos contra as cidades veciñas de Asti e Alessandria[24]. Bonifacio creou a liga de Cremona, mentres que as dúas cidades crearon a liga de Milán[25]. Bonifacio derrotounas en Montiglio en xuño dese ano, pero a guerra non marchaba ben para os intereses da súa familia[26]. En Quarto, el e Vaqueiras salvaron ao seu cuñado Alberto Malaspina cando o derrubaron do cabalo[27]. A primeira fase da guerra acabou cunha tregua en abril de 1193[27]. Nese momento, xa era o marqués titular de Montferrato, despois de que morresen o seu pai e o seu irmán Conrado[5].
Marqués de Montferrato
[editar | editar a fonte]En xuño de 1194, foi elixido como un dos líderes da expedición de Henrique VI contra Nápoles[6]. En Mesina, no medio da loita entre as frotas de Xénova e de Pisa, Vaqueiras protexeu ao seu señor co seu propio escudo, o que lle serviu para que o nomease cabaleiro ese ano, tras a vitoria na campaña coa coroación de Henrique en Palermo[27]. En outubro de 1197, finalizou a tregua con Asti. Bonifacio asinou unha alianza con Acqui Terme en xuño de 1198[28]. Houbo numerosas escaramuzas, incluíndo as tomas de Ricaldone e Cassine, pero en 1199 estaba claro que perderan a guerra e comezou a negociar a paz[28] .
A pesar das guerras, durante as décadas de 1180 e 1190, presidiu unha das cortes máis prestixiosas de cultura cabaleiresca e cancións de trobadores[13]. No século XII, a lingua piemontesa (que na actualidade presenta moitas influencias francesas e italianas) era practicamente indistinguíbel da lingua occitana falada no Sur de Francia e Cataluña[13]. Ademais de Vaqueiras, visitaron a corte famosos trobadores como Peire Vidal, Gaucelm Faidit e Arnaut de Mareuil[29]. O seu padroado foi moi celebrado; mesmo Gaucelm chamáballe Mon Thesaur («O meu Tesouro»)[30]. Curiosamente, nalgunhas ocasións Vaqueiras referíase a Bonifacio como N'Engles («Señor inglés»), pero nunca se puido explicar o significado desta broma[31]. A súa irmá Azalaïs, marquesa de Saluzzo, tamén era moi afeccionada á cultura trobadoresca e foi mencionada amplamente por Vidal[32].
Participación na Cuarta Cruzada
[editar | editar a fonte]Cando o caudillo orixinal da Cuarta Cruzada, o conde Teobaldo III de Champaña, morreu en 1201, Bonifacio foi elixido como novo líder[33]. Como soldado reputado, tratábase dunha oportunidade única para recuperar a honra da súa familia[33], que era moi coñecida en Oriente; o seu sobriño Balduíno e o seu irmán Conrado foran reis de Xerusalén e a súa sobriña María era a herdeira do reino[4][19][34].
O seu primo Filipe de Suabia estaba casado con Irene Anxelina, filla do desposuído emperador bizantino Isaac II Anxo e sobriña da segunda esposa de Conrado, Teodora35. Durante o inverno de 1201 pasou o Nadal con Filipe en Hagenau, onde se atoparon con Aleixo, fillo de Isaac II, que escapara da custodia do seu tío Aleixo III Anxo[35]. Os tres discutiron a posibilidade de organizar un exército cruzado para restituílo no trono[36]. Bonifacio e Aleixo viaxaron de forma separada a Roma Roma para pedir ao papa Inocencio III a súa bendición para a empresa[37]. Con todo, o papa advertiu especialmente a Bonifacio da posibilidade de atacar a ningún cristián, incluíndo aos bizantinos[37].
O exército cruzado estaba en débeda con Venecia, que ía pór a súa frota á súa disposición para transportalo ao leste[38]. O dux veneciano ordenou atacar as cidades rebeldes de Trieste, Moglia e Zara e someteunas antes de partir cara ao Cairo[38]. O dux, Enrico Dandolo, era o novo xefe da Cruzada, e Bonifacio pasou a ser unha mera figura visíbel.
Aleixo prometeu riquezas e títulos aos cruzados e ao seu principal financiador, o dux veneciano, se conseguía ser restituído no trono[39]. O papa entrou en cólera ao que soubo dos ataques dun exército cruzado contra cidades cristiás[39]. Dandolo aplacou a ira do papa facendo prometer a Aleixo que faría que a Igrexa ortodoxa aceptase o poder de Roma[39]. Feito isto, a frota puido partir cara a Constantinopla en 1203[40].
A cidade caeu en mans dos cruzados o 17 de xullo de 1203 e o emperador Aleixo III fuxiu[40]. O antigo emperador Isaac II foi restaurado con Aleixo IV e coroado como coemperador o 1 de agosto de 1203[40]. Incapaz de cumprir os pagos prometidos aos cruzados, xa que Aleixo III saqueara as arcas do Estado, Aleixo anunciou novos impostos e confiscou grandes cantidades do tesouro eclesiástico, que foi fundido[41]. Unha rebelión antilatina estalou en Constantinopla e a multitude elixiu a Nicolao Kanabos como emperador. No entanto, este negouse a aceptar a honra e foi Aleixo Murzuflo, cando invadiu o palacio, o que foi investido emperador[42], quen posteriormente encarceraría e esganaría a Aleixo IV[43]. Os cruzados apoderáronse de Constantinopla o 13 de abril de 1204, masacrando a gran parte da poboación[44]. Durante os combates e o saqueo, Bonifacio ocupou o Palacio de Bucoleón, onde salvou as vidas das emperatrices viúvas Margarida (María) e Inés (Ana), que era irmá do rei de Francia.
O historiador bizantino Nicetas Choniates, que foi testemuña da caída de Constantinopla, escribiu a Bonifacio de Montferrato:
«Vós, que vos dicides máis piadosos, máis xustos, máis obedientes de Xesús que nós, os gregos; vós, que tomastes a súa Cruz sobre os vosos ombreiros, que prometestes polo seu Nome e pola palabra de Deus atravesar os países cristiáns sen derramar sangue; vós que fixestes votos de non bañar as vosas espadas máis que en sangue sarracena, que xurastes conquistar Xerusalén e respectar ás mulleres na vosa condición de soldados ao servizo de Deus, non sodes máis que uns vaidosos!». «Pois mentres aspirades ao Santo Sepulcro, descargades o voso furor contra cristiáns; mentres levades a Cruz, arroxádela ao lodo por un puñado de ouro ou prata. Atesourades perlas pero pisades a perla máis prezada: Xesucristo!». «Os musulmáns trataron con máis moderación e humanidade á Xerusalén conquistada; non violaron mulleres, non cubriron de cadáveres a tumba de Cristo. Por unhas poucas moedas deixaron a cada un rescatar a súa cabeza, as súas propiedades, a súa liberdade; non descargaron o seu furor sobre as espadas, os incendios, os saqueos e a fame, como vós, que vos chamades cristiáns».[45]Nicetas Choniates
Rei de Tesalónica
[editar | editar a fonte]Tras a exitosa conquista de Constantinopla, os «latinos» debían erixir un novo Estado baseado nas estruturas feudais das súas patrias na Europa occidental. Para iso decidiron elixir un emperador de entre as súas filas, que estaría á fronte do novo «Imperio Latino de Constantinopla». Como xefe da cruzada, Bonifacio presentouse inmediatamente á elección[8]. Pero foi superado polo dogo de Venecia Enrico Dandolo, que asegurou o nomeamento de Balduíno IX conde de Flandres[9]. Nas eleccións especialmente, a voz dos venecianos foi o factor decisivo que decidiu establecer a Balduíno como emperador, xa que Bonifacio tiña moi boas relacións en Bizancio e por tanto podería actuar independentemente aos intereses da «Serenissima». Ademais casou, pouco despois da conquista, coa emperatriz viúva Margarida (María), fortalecendo así a súa posición fronte aos gregos e tamén co seu sogro, o rei Bela III de Hungría, gañando así un potencial aliado. Nas eleccións só os dous lombardos do comité de doce membros votaron en favor de Bonifacio.
O emperador Balduíno I tratou de evitar unha inminente división dos latinos ofrecendo a Bonifacio en feudo a maior parte da Asia Menor occidental e Grecia, ambas aínda por conquistar, o que o converteu no vasalo máis rico do Imperio. Con todo, Bonifacio rexeitou a oferta, reclamando en cambio a proclamación de rei de Tesalónica, tamén como vasalo do Imperio.[46] Sentíase lexitimado para dar este paso, xa que o seu irmán máis novo Rainiero recibira do emperador Manuel I Comneno o «Reino de Tesalónica»[47]. O máis probábel, con todo, é que o seu irmán recibise do emperador só unha pronoia[46].
No outono de 1204 Tesalónica foi conquistada polo emperador Balduíno, mentres que Bonifacio se apoderaba de Demotika e logo puxo cerco a Adrianópole[48]. Por orde do emperador tivo que romper o cerco, o que levou a unha temporal ruptura entre os dous, que se deu por terminada despois da transferencia de Tesalónica a Bonifacio polo emperador[46]. Mesmo chegou a un acordo cos venecianos baixo Enrico Dandolo ao vender o seu interese en Creta, que recibira de Aleixo IV[10].
Posteriormente uníronse a Bonifacio algúns seguidores como Odón de la Roche, Guillerme de Champlitte, Jacques d'Avesnes, Oberto II de Biandrate, Guido Pallavicini, Berthold II von Katzenelnbogen e Godofredo de Villehardouin (o sobriño do historiador Godofredo de Villehardouin) cara a Grecia, onde os gregos de León Sgouros mantiñan resistencia[49]. Mentres Jacques d'Avesnes estaba a atacar Corinto, Bonifacio cercou a fortaleza de Nauplia[50].
Durante este tempo fundou os señoríos de Tebas-Atenas e Negroponte, o principado de Acaia e o marquesado de Bodonitsa como feudos do seu reino. Paralelamente a estes acontecementos, os búlgaros do tsar Kaloyan estaban en Tracia facendo fronte á ofensiva latina e conquistando varias cidades, entre elas Adrianópole. Nun intento por reconquistar a cidade, o emperador Balduíno foi derrotado na desastrosa batalla de Adrianópole o 14 de abril de 1205 e caeu prisioneiro dos búlgaros.
Durante estes acontecementos o irmán do emperador, Henrique, continuou a loita contra os búlgaros e levouna até os territorios de Bonifacio en Tesalónica. Bonifacio construíu novamente o castelo de Serres despois que fose destruído en setembro de 1205 polos búlgaros. Posteriormente tivo a rexión de Filipos baixo o seu control. O rexente Henrique foi coroado en agosto de 1206 como o novo emperador cando se soubo da morte de Balduíno. Bonifacio fortaleceu a súa relación co novo emperador na primavera de 1207 mediante o matrimonio da súa filla Inés[11]. No outono dese ano reuniuse co emperador en Cipsela de Adrianópole e fixo homenaxe ao seu señor feudal[11].
Morte
[editar | editar a fonte]No camiño de regreso por Mosinópole, Bonifacio saqueou o mosteiro de Kardzhali e despois caeu nunha emboscada tendida polos búlgaros.[51] Logo de ser ferido por unha frecha no brazo durante a batalla, os búlgaros fixérono prisioneiro, decapitárono e enviaron a cabeza como trofeo ao tsar búlgaro Kaloyan.[51] A morte de Bonifacio de Montferrato foi considerada polo seu amigo Godofredo de Villehardouin como unha das máis graves perdas que os latinos tiveron que sufrir no oriente grego.[51]
O seu leal amigo Raimbaut de Vaqueiras, que o acompañou á aventura oriental, probabelmente morreu con el, xa que é significativo que non compuxese ningún «pranto» pola súa morte.[52] O trobador Elías Cairel fai duelo polo marqués no seu sirventés «Pois chai la fuoilla del garric». O Reino de Tesalónica pasou á súa esposa Margarida e ao seu fillo Demetrio.[53] O dominio latino sobre Tesalónica durou pouco, xa que foi conquistado en 1224 polo déspota de Epiro, Teodoro Comneno Ducas.
Matrimonios e descendencia
[editar | editar a fonte]Bonifacio casou por primeira vez en 1170 con Helena de Bosco. Tiveron tres fillos:
- Guillerme VI, o seu sucesor.
- Beatriz, que foi a segunda das tres esposas de Henrique II de Carretto, marqués de Savona.
- Inés (falecida en 1207), casada co emperador latino Henrique de Flandres en 1204.
En 1197 vólvese a casar, esta vez cunha das fillas do conde Humberto III de Savoia, Leonor de Savoia (1167-1204).
En 1204, en Constantinopla, casou con Margarida, filla do rei Bela III de Hungría. Margarida era viúva do emperador Isaac II Anxo. Tiveron un fillo:
- Demetrio (Tesalónica, 1205 - Amalfi, 1230), rei de Tesalónica.
Devanceiros
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 (Housley 2007, p. 72)
- ↑ (Albertus de Bezanis & Holder-Egger 1908, pp. 41–42)
- ↑ 3,0 3,1 (Runciman 1978, p. 411)
- ↑ 4,0 4,1 (Runciman 1978, pp. 4–5)
- ↑ 5,0 5,1 (Albertus de Bezanis 1908, pp. 41–42)
- ↑ 6,0 6,1 (Sturdza 1999, p. 537)
- ↑ (Queller & Madden 1999, p. 24)
- ↑ 8,0 8,1 (Queller & Madden 1999, p. 200)
- ↑ 9,0 9,1 (Queller & Madden 1999, p. 202)
- ↑ 10,0 10,1 (Willetts 1977, p. 214)
- ↑ 11,0 11,1 11,2 (Geoffrey de Villehardouin 2010, p. 1591)
- ↑ (Akehurst & Davis 1995, pp. 296–297)
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 (Akehurst & Davis 1995, p. 296)
- ↑ (Martín de Riquer 1992, p. 853)
- ↑ (Scaglione 1991, p. 176)
- ↑ Kampers, Franz. "Frederick I (Barbarossa)". The Catholic Encyclopedia. Vol. 6. Nova York: Robert Appleton Company, 1909. 21 May 2009.
- ↑ 17,0 17,1 Guillerme de Tiro, Historia Transmarina 22.4.
- ↑ Sicardo de Cremona, Chronicle, 1903 edition p. 172.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 (Runciman 1978, pp. 434–436)
- ↑ (Runciman 1978, p. 444)
- ↑ Runciman 1978, pp. 444–44.
- ↑ Runciman 1978, pp. 444–445.
- ↑ (Carutti 1888, p. 204)
- ↑ (Busk 2005, p. 163)
- ↑ (Busk 2005, pp. 163–164)
- ↑ (Raimbaut (de Vaqueiras) & Linskill 1964, p. 324)
- ↑ 27,0 27,1 27,2 (Martín de Riquer 1992, pp. 850–851)
- ↑ 28,0 28,1 (Martín de Riquer 1992, pp. 851–852)
- ↑ (Akehurst & Davis 1995, p. 297)
- ↑ (Kay 1990, p. 160)
- ↑ (Kay 1990, p. 150)
- ↑ Peire Vidal, Estat ai gran sazo
- ↑ 33,0 33,1 (Runciman 1953, p. 111)
- ↑ (Runiman 1978, p. 133)
- ↑ Runciman 1978, p. 112.
- ↑ (Sturdza 1999, p. 476)
- ↑ 37,0 37,1 (Phillips 2004, p. 113)
- ↑ 38,0 38,1 (Sturdza 1999, p. 147)
- ↑ 39,0 39,1 39,2 (Sturdza 1999, p. 477)
- ↑ 40,0 40,1 40,2 (Runciman 1978, pp. 117–118)
- ↑ (Runciman 1978, p. 119)
- ↑ (Gardner 1912, p. 47)
- ↑ (Runciman 1978, pp. 120–121)
- ↑ (Gardner 1978, p. 122)
- ↑ (Setton, Wolff & Hazard 2006, p. 185)
- ↑ 46,0 46,1 46,2 (Geoffrey de Villehardouin 2010, pp. 60–61)
- ↑ (Geoffrey de Villehardouin 2010, pp. 56–57)
- ↑ (Geoffrey de Villehardouin 2010, pp. 57–58)
- ↑ (Fine 1994, p. 64)
- ↑ (Geoffrey de Villehardouin 2010, p. 67)
- ↑ 51,0 51,1 51,2 Housley 2007, p. 72.
- ↑ Akehurst & Davis 1995, p. 296.
- ↑ Fine 1994, pp. 88–89.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Akehurst, F. R. P.; Davis, Judith M. (1995). A handbook of the Troubadours (en inglés). University of California Press. ISBN 0520079760.
- Albertus de Bezanis; Holder-Egger, Oswaldus (1908). Alberti de Bezanis abbatis S. Laurentii cremonensis Cronica pontificum et imperatorum (en latín). impensis bibliopolii Hahniani.
- Brand, Charles M. (1968). Byzantium Confronts the West (en inglés). ISBN 0-7512-0053-0.
- Busk, M. (2005). Mediaeval Popes, Emperors, Kings and Crusaders Or Germany, Italy and Palestine Part Three (en inglés). Kessinger Publishing. ISBN 141797088X.
- Carutti, D. (1888). Il conte Umberto I e il re Ardoino (en italiano).
- Cognasso, Francesco (1968). Il Piemonte nell’Età Sveva (en italiano). Turin.
- Fine, John Van Antwerp (1994). The Late Medieval Balkans: A Critical Survey from the Late Twelfth Century to the Ottoman Conquest (en inglés). University of Michigan Press. ISBN 978-0472082605.
- France, John (2005). The Crusades and the Expansion of Catholic Christendom, 1000-1714 (en inglés). Nueva York: Routledge. ISBN 0415371287.
- Gardner, A. (1912). The Lascarids of Nicaea, the story of an Empire in exile (en inglés).
- Geoffrey de Villehardouin (1963). "The Conquest of Constantinople". Chronicles of the Crusades (en inglés). ISBN 0-14-044124-7.
- Geoffrey de Villehardouin (2010). Memoirs Or Chronicle of the Fourth Crusade and the Conquest of Constantinople (en inglés). Echo Library. ISBN 1-4068-5473-5.
- Goria, Axel (1970). "Bonifacio di Monferrato". Dizionario Biografico degli Italiani, vol. XII (en italiano). Rome. pp. 118–124.[1]
- Haberstumpf, Walter (1995). Dinastie europee nel Mediterraneo orientale. I Monferrato e i Savoia nei secoli XII–XV (en italiano). Torino. Arquivado dende o orixinal o 31 de decembro de 2005.
- Housley, Norman (1991). Knighthoods of Christ: essays on the history of the Crusades and the Knights Templar, presented to Malcolm Barber (en inglés). Ashgate Publishing. ISBN 075465527X.
- Linskill, Joseph (1964). The Poems of the Troubadour Raimbaut de Vaqueiras (en inglés).
- Kazhdan, Alexander (1991). Oxford Dictionary of Byzantium (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-504652-6.
- Kay, Sarah (1990). Subjectivity in troubadour poetry (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 0521372380.
- Martín de Riquer (1992). Los trovadores: historia literaria y textos, Volumen 2. Editorial Ariel. ISBN 8434483645.
- Magoulias, Harry J. (transl.) (1984). O City of Byzantium, Annals of Niketas Choniates (en inglés). ISBN 0-8143-1764-2.
- Phillips, Jonathan (2004). The Fourth Crusade and the Sack of Constantinople (en inglés). ISBN 978-0-14-303590-9.
- Queller, Donald E.; Madden, Thomas F. (1999). The Fourth Crusade: The Conquest of Constantinople (en inglés). ISBN 0-8122-1713-6.
- Runciman, Steven (1953). A History of the Crusades: The Kingdom of Acre and the Later Crusades (Volume 3) (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-34772-3.
- Runciman, Steven (1978). A history of the Crusades (en inglés). Penguin Books.
- Scaglione, Aldo D. (1991). Knights at court: courtliness, chivalry & courtesy from Ottonian Germany to the Italian Renaissance (en inglés). University of California Press. ISBN 0520072707.
- Sethre, Janet (2003). The souls of Venice (en inglés). McFarland. ISBN 0786415738.
- Setton, Kenneth M.; Wolff, Robert Lee; Hazard, Harry W. (2006). A History of the Crusades, Volume II: The Later Crusades, 1189-1311 (en inglés). University of Wisconsin Press. ISBN 0299048446.
- Sturdza, M. D. (1999). Dictionnaire Historique et Généalogique des Grandes Familles de Grèce, d'Albanie et de Constantinople (en francés) (2 ed.). París.
- Usseglio, Leopoldo (1926). I Marchesi di Monferrato in Italia ed in Oriente durante i secoli XII e XIII (en italiano).
- Willetts, R. F. (1977). The civilization of ancient Crete (en inglés). University of California Press. ISBN 0520034066.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Raimbaut de Vaqueiras. "The Epic Letter" (en occitano-inglés).
- "Circolo Culturale I Marchesi del Monferrato" (en italiano).
- "Biografia a puntate su Bonifacio I di Monferrato" (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2008. Consultado o 01 de novembro de 2018.
- "Généalogie des Montferrat" (PDF) (en francés).
- "Cuarta cruzada".
- Cawley, Charles. "MONFERRATO, saluzzo – BONIFAZIO 1192 - 1207". Medieval Lands (en inglés). fmg.ac (Foundation for Medieval Genealogy).
- Cawley, Charles. "Thessaloniki – Chapter 1: KINGS of THESSALONIKI (MONFERRATO)". Medieval Lands (en inglés). fmg.ac (Foundation for Medieval Genealogy).
- "La Cuarta Cruzada (1203-1204).".