Corinto antiga
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Grecia | ||||
División administrativa | administración descentralizada do Peloponeso, Grecia Occidental e as Illas Xónicas | ||||
Periferias | Periferia do Peloponeso | ||||
Unidades periféricas | Coríntia (pt) | ||||
Concello | Corinth Municipality (en) | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | grego dórico (pt) | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 900 a. C. | ||||
Disolución | 146 a. C. | ||||
Sucedido por | Colonia Laus Iulia Corinthiensis (en) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Corinto (en grego: Κόρινθος, Kórinthos) foi unha cidade-estado (polis) situada no istmo de Corinto, a estreita franxa de terra que une o Peloponeso coa Grecia continental, a medio camiño entre Atenas e Esparta. A cidade moderna de Corinto atópase a aproximadamente 5 km ao nordés das ruínas antigas. Desde 1896, escavacións arqueolóxicas sistemáticas de Corinto levadas a cabo pola American School of Classical Studies at Athens revelaron grandes partes da cidade antiga e investigacións recentes dirixidas polo Ministerio de Cultura grego ilustraron importantes facetas novas sobre a Antigüidade.
Mitos fundacionais
[editar | editar a fonte]Nun mito corintio relatado no século -II por Pausanias, Briareo, un dos Hecatónquiros, foi o árbitro nunha disputa entre Poseidón e Helios, entre o mar e o sol: o seu veredicto foi que o istmo de Corinto pertencería a Poseidón e a acrópole de Corinto, Acrocorinto, a Helios[1][2].
A fonte Pirene está situada no recinto delimitado polas murallas da acrópole. Na súa obra Descrición de Grecia, Pausanias refire isto:
Algúns dos reis míticos de Corinto máis relevantes foron Pólibo, pai adoptivo de Edipo ou Belerofonte, que tivo que abandonar a cidade tras matar accidentalmente ao seu irmán.
Historia
[editar | editar a fonte]Neolítico e Idade do Bronce
[editar | editar a fonte]A área de Corinto estivo habitada desde o período neolítico[4]. A zona do istmo estivo amplamente habitada na época micénica, pero non se acharon restos de ningunha estrutura palacial na área. Por outra banda, nas taboíñas micénicas de lineal B aparece o topónimo Ko-ri-to, que algúns interpretaron como a denominación de Corinto, aínda que este topónimo apareceu nun lugar do Peloponeso bastante afastado, o palacio de Pilo, polo que tal interpretación foi obxecto de debate[5].
Época Escura
[editar | editar a fonte]Corinto é mencionada por Homero entre os territorios que loitaron baixo o mando de Agamenón na guerra de Troia, aínda que este autor tamén utiliza o antigo nome de Éfira para se referir a esta cidade[6][7]. Por outra banda, a tradición di que cando os dorios chegaron a Corinto, tiveron que loitar contra os eolios ou contra os xonios que habitaban na cidade[8]. Cando os dorios alcanzaron o poder, reinaron en Corinto durante moitas xeracións[9]. Segundo indica Diodoro Sículo desde que chegaron os heráclidas (é dicir, os dorios) até a tiranía de Cípselo en Corinto pasaron 447 anos[10].
Época Arcaica
[editar | editar a fonte]Antes da chegada de Cípselo, con todo, destacaron os chamados reis Baquíadas (en grego antigo: Βακχιάδαι Bakkhiádai). Estes pertencían a un clan dórico moi unido, era a familia gobernante da Corinto arcaica nos séculos -VIII e -VII, un período de expansión do poder cultural corintio. En -747, unha revolución aristocrática encabezada polo clan baquíada, composto por un par de centos de homes, derrocou ao rei Telestes e tomou o poder[11][Nota 1]. Posteriormente, Telestes foi asasinado por Arieo e Perantas, que á súa vez eran baquíadas[12]. Gobernaron como un grupo: elixíase anualmente un pritano, quen ocupaba o cargo real por un breve prazo, sen dúbida, un consello (aínda que non está documentado especificamente nos materiais literarios) e un polemarco para comandar o exército[Nota 2][13][14].
Durante o goberno baquíada, de -747 a -657, Corinto converteuse nun Estado unificado[Nota 3]. Nesta época construíronse grandes edificios públicos e monumentos. Os corintios fundaron durante o período Baquíada moitas cidades: Molicria, Siracusa (cara ao -734), Córcira (cara ao -733) e outras.
Para -730, Corinto emerxeu como unha gran cidade grega, grazas ao comercio marítimo e o desenvolvemento da súa industria cerámica. Segundo Tucídides os corintios, no século -VII, foron os primeiros en ocuparse das construcións navais con técnicas moi semellantes ás da época en que el escribiu. Segundo el, o armador corintio Aminocles inventaría o trirreme, construíndo catro para os samios, cara ao ano -704[15][16].
Aristóteles conta a historia de Filolao de Corinto, un baquíada que era lexislador en Tebas e se converteu en amante de Diocles, o gañador dos Xogos Olímpicos. Ambos viviron durante o resto das súas vidas en Tebas. As súas tumbas foron construídas preto unha doutra, e a de Filolao apuntaba cara a Corinto, mentres que a de Diocles lle daba as costas[17].
Cípselo, quen fora polemarca, obtivo unha profecía do oráculo de Delfos e interpretouna como que debía tomar o control de Corinto[18]. Así, en -657, os Baquíadas foron expulsados polo tirano Cípselo, cuxa propia nai era de dita liñaxe, pero, por ser pobre casou fóra do clan. Os Baquíadas fuxiron.
Foi unha das primeiras cidades gregas en utilizar a moeda. Estas eran moi importantes debido á actividade principal da cidade. As primeiras delas foron cuñadas no século -VII. Tiñan diversos motivos, figuras mitolóxicas, animais e outras acompañadas de pequenos símbolos que as distinguían.
Corinto era a cidade que organizaba os xogos Ístmicos, de similares características aos celebrados en Olimpia aínda que menos famosos que estes.
Cípselo (-657 a -627) foi substituído polo seu fillo Periandro (-627 a -583), que foi protector do comercio e as artes[19]. Seguiu fundando colonias: Ambracia, Anactorio, Léucade, Apolonia de Iliria e outras.
No -635 a colonia de Corcira derrotou á súa metrópole nunha batalla naval, pero despois foi novamente sometida. A única colonia ao leste do golfo Sarónico foi Potidea na Calcídica. A Periandro sucedeuno o seu neto Psamético que reinou só tres anos e foi derrocado polos espartanos que instituíron un goberno aristocrático e Corinto foi un aliado permanente da confederación lacedemonia.
Nun período posterior os corintios rexeitaron axudar a Cleómenes I, rei de Esparta a restaurar a Hipias de Atenas, e enviaron 20 trirremes a Atenas para axudala na guerra contra Exina.
Período clásico
[editar | editar a fonte]Pero despois das Guerras Médicas, Megara aliouse con Atenas e os corintios entraron en guerra con Megara, territorio que invadiron, pero foron derrotados polo estratego ateniense Mirónides (-457). Despois asinouse a paz, pero a inimizade con Atenas seguiu, sobre todo pola axuda desta á ex colonia de Corcira, que foi unha das causas da Guerra do Peloponeso. (Véxase Guerra civil de Corcira).
Durante esta guerra a frota peloponesia foi basicamente corintia. Coa Paz de Nicias do -421, os corintios non se quixeron sumar e tentaron configurar outra liga con Argos, Mantinea e Élide, pero pronto volveu formar alianza con Esparta, que se mantivo até o final da guerra. Cando Atenas se rendeu despois da batalla de Egospótamos, os corintios e beocios pediron arrasar a cidade derrotada, pero o espartiata Lisandro non o consentiu.
A hexemonía espartana pronto se mostrou máis opresiva que a ateniense, de modo que os corintios, xunto aos arxivos, atenienses e beocios configuraron unha coalición que, sustentada nas profundas arcas persas, fixo fronte ao imperialismo espartano na chamada Guerra de Corinto (-395 a -386), boa parte da cal foi dirimida no seu territorio. No verán de -394 tiveron lugar dúas das maiores batallas hoplíticas do mundo grego antigo, en Nemea e Coronea, ambas as dúas vencidas «tecnicamente» polos lacedemonios, que non obtiveron vantaxes estratéxicas. Nos seguintes anos Corinto foi sometida a unha guerra de depredación e de pillaxe que provocou o estalido dunha stásis ou conflito civil no seo da cidadanía, alentada polos intereses dos estados hexemónicos. Segundo Xenofonte, os arxivos aproveitaron esta situación para se anexionaren Corinto, pero máis probabelmente o filolaconio Xenofonte converteu en sinecismo ou unión política a presenza dunha gornición militar arxiva no Acrocorinto, a cidadela ou acrópole corintia. De calquera forma a Paz do Rei ou Paz de Antálcidas, alcanzada na primavera de -386, acabou con calquera proxecto arxivo de anexión sobre Corinto ao evacuar a gornición do Acrocorinto; ademais de permitir o retorno dos exiliados corintios, obviamente filoespartanos, que procuraron a fidelidade de Corinto cara a Esparta nos anos sucesivos.
Na guerra que seguiu entre Tebas e Esparta, os corintios foron leais a Esparta, pero o territorio houbo de asinar unha paz separada.
A cidade permaneceu independente baixo goberno oligárquico. Timófanes tentou conseguir a tiranía, pero foi morto polo seu propio irmán Timoleón (-344). No ano -338 a cidade foi conquistada por Filipo II de Macedonia, que a fixo o centro da liga de Corinto, controlada por el mesmo.
Período helenístico
[editar | editar a fonte]Despois da batalla de Queronea os macedonios estableceron unha gornición no Acrocorinto. Esta gornición foi sorprendida polo líder da liga Aquea, Arato, que incorporou Corinto a devandita liga (-243).
En -223, a cidade foi ocupada por Antígono III Dosón que a quería como base contra a liga Etolia e Cleómenes. Filipo, fillo adoptivo de Antígono conservouna ata que foi derrotado na batalla de Cinoscéfalas (-197) e Corinto foi declarada cidade libre polos romanos e unida á liga Aquea outra vez. Unha gornición romana estableceuse no Acrocorinto. Corinto foi despois capital da liga e foi alí onde os embaixadores romanos foron maltratados o que provocou o ultimato do Senado Romano á liga. Derrotada esta, o cónsul romano Lucio Mumio entrou en Corinto sen oposición e vingouse da cidade e os seus habitantes: os homes foron executados e as mulleres e os nenos foron vendidos como escravos; as obras de arte foron levadas a Roma e a cidade foi saqueada e destruída (-146). Continuou despoboada e destruída uns cen anos e o seu territorio foi entregado a Sición ou foi feito ager público. O comercio trasladouse a Delos.
Período romano
[editar | editar a fonte]No ano -46, Xulio César, decidiu reconstruír a cidade e enviou unha colonia de veteranos e homes libres (Colonia Iulia Corinthia ou Colonia Iulia Corinthia Augusta, segundo as diferentes inscricións). A cidade recuperouse (-44) e cando Paulo de Tarso a visitou no século I, era unha cidade importante, capital da provincia de Acaia, e residencia do procónsul de Acaia Xunio Galio. Paulo de Tarso fundou un grupo cristián o ano 50, ao cal dirixiu as súas epístolas. No século II, foi visitada por Pausanias e tiña numerosos edificios. Continuou sendo a capital da provincia romana de Acaia durante todo o Imperio romano. En 395 foi saqueada por Alarico I e en 521 foi destruída por un terremoto.
Corinto caracterizouse pola difusión da arte. Pinturas, esculturas de mármore e bronce, e as famosas xerras de terracota estiveron entre as obras que se producían. Tamén foi unha cidade onde se desenvolveu a poesía, pero en cambio non hai noticias sobre os seus oradores.
Os corintios tiñan predicamento de ser sexualmente liberais, ao que contribuía o feito de ter un porto cun gran tránsito de mercadorías, e por tanto, con grande afluencia de mariñeiros de moitos lugares. No santuario de Afrodita, sito no Acrocorinto, practicábase a prostitución sacra, e tiña máis dun milleiro de hetairas escravas[20].
O emperador romano Hadriano embeleceuna e a cidade alcanzou gran prosperidade. Pero tanta opulencia atraeu a outros pobos para saquear as súas riquezas. Estes pobos foron os hérulos no século III, os visigodos no século IV e no VIII os eslavos.
Desde a Idade Media até o terremoto de 1858
[editar | editar a fonte]Polo demais, seguiu a sorte do resto de Grecia e por tanto pertenceu sucesivamente aos emperadores bizantinos de Constantinopla. Foi conquistada polos francos en 1205, logo polos venecianos e en 1459 polos otománs.
Un gran terremoto en 1858 provocou a destrución da antiga cidade e a súa reconstrución varios quilómetros ao norte, xunto ao mar[21].
Cidade antiga
[editar | editar a fonte]A cidade actual está uns 6 km ao nordés da antiga que estaba situada no istmo de Corinto na prolongación cara ao leste das montañas de Xeranea, procedentes do norte e que chegaban de lado a lado. Estaba no golfo Sarónico e estaba unida por unha vía a Megara.
Tiña ao sur as montañas Oneia e a cidadela estaba nunha roca chamada Acrocorinto; a parte plana estaba protexida por murallas (Muros Longos) que protexían a zona até o porto da cidade, que estaba en Lequeo e a zona de Céncreas. A cidade protexía os tres pasos do istmo. Despois do terremoto do século VI que a destruíu converteuse nun lugar coñecido como Gorto, até o século XIX cando recuperou o seu nome.
Poboación
[editar | editar a fonte]Estimouse que no século -V Corinto tiña unha poboación libre de entre 46 000 e 51 000 habitantes e unha poboación total, incluíndo escravos, de entre 66 000 e 73 000[22].
Monumentos e edificios da Antigüidade
[editar | editar a fonte]En tempos de Pausanias, destacaban en Corinto os seguintes monumentos e edificios[23]:
- No porto de Lequeo había un santuario de Poseidón e unha imaxe súa de bronce.
- No porto de Céncreas (o porto do golfo Sarónico) situábanse un templo de Afrodita con estatua de mármore, unha estatua de Poseidón de bronce, un santuario de Asclepio e outro de Isis, ademais dun torrente de auga salgada e morna chamado baño de Helena.
- Xunto á porta de Corinto, vindo de Céncreas, estaba a tumba de Dióxenes de Sinope.
- Ante a cidade achábase o bosque sacro de Craneon, cun recinto de Belerofonte, un templo de Afrodita Melénide e a tumba de Lais.
- A ágora incluía unha estatua de Artemisa Efesia, xoanas de Dioniso, un templo de Tique (Fortuna), un santuario de todos os deuses, estatuas de Poseidón, Apolo Clario, Afrodita, Hermes, Zeus, Atenea e as musas e un templo de Octavia (dedicado á irmá de Augusto).
- No camiño a Lequeo había uns propileos con dous carros dourados sobre os que estaban representados Faetón e Helios, ademais dunha estatua de bronce de Heracles nas súas proximidades. Tamén había nese camiño unha estatua de bronce de Hermes sentado cun carneiro, outra estatua de Poseidón e Leucotea e outra de Palemón sobre un golfiño.
- A fonte Pirene, xunto á que había unha estatua de Apolo e un recinto cunha pintura de Odiseo atacando aos pretendentes.
- Numerosas termas pola cidade. Ante as chamadas termas de Euricles había imaxes de Poseidón e Artemisa.
- Numerosas fontes, posto que o emperador Hadriano fixera obras para traer auga desde Estínfalo.
- No camiño desde a ágora cara a Sición había un templo e estatua de Apolo, a fonte de Glauce, o odeón e a suposta tumba dos fillos de Medea.
- O santuario de Atenea Calinítide; preto desta achábase unha xoana de Heracles.
- O teatro.
- Un ximnasio, xunto ao que se achaban un templo de Zeus e outro de Asclepio.
- O Acrocorinto, con dous recintos sacros de Isis, dous recintos sacros de Serapis, altares de Helios, un santuario de Ananké e Bía, un templo da Nai dos deuses, un templo de Deméter e Coré, un templo das Moiras, un santuario de Hera Bunea, un templo de Afrodita, con imaxes da deusa, de Helios e de Eros e unha fonte de onde procedía a auga da cidade.
- A fonte Lerna
- O santuario de Zeus Capitolino.
- A porta teneática, xunto a un santuario de Ilitía.
- No camiño a Sición había un templo de Apolo, que en tempos de Pausanias estaba queimado.
- Ademais, Pausanias tiña noticia de que existira un templo de Zeus Olímpico, pero xa fora destruído.
Santuario de Hera
[editar | editar a fonte]Remontando o golfo de Corinto cara ao norte chégase á península de Perachora, onde se atopan os restos do santuario de Hera Acrea (ákron significa promontorio).
Templo de Poseidón en Istmia
[editar | editar a fonte]Noutra localización próxima, en Istmia, áchanse restos dun templo dórico de Poseidón que foi erixido cara ao -700 e logo substituído por un segundo templo de maior tamaño cara ao -465.
Restos arqueolóxicos
[editar | editar a fonte]Entre os restos arqueolóxicos que se conservan no xacemento arqueolóxico destacan as sete columnas que quedan en pé do templo de Apolo que Pausanias situaba na rúa que partía do agora e ía até Sición. Tamén se achan restos destacados da fonte Pirene, da fonte Glauce, do templo de Asclepio, da ágora romana, do odeón, do teatro, do anfiteatro romano, e do chamado templo E, un templo romano que Pausanias dixo que fora dedicado a Octavia, a irmá de Augusto. Así mesmo hai restos do diolkos, unha calzada usada para o transporte de embarcacións a través do istmo[24].
No acrocorinto consérvanse murallas de diversas épocas, aínda que predominan as de época bizantina que deberon levantarse no século X. Na cima áchanse restos de numerosos edificios que inclúen igrexas bizantinas, torres venecianas e mesquitas turcas[25].
Ademais, no outeiro de Koraku, situada preto da moderna Corinto, atopáronse restos da Idade de Bronce.
-
Fonte de Glauce.
-
Fonte Pirene.
-
O teatro.
-
O diolkos.
-
Fortificacións do Acrocorinto.
Templo de Apolo
[editar | editar a fonte]Até o último decenio do século XIX, o único e importante monumento que se levantaba na praza, aos pés do Acrocorinto, era en realidade un monumento arcaico: un templo dórico de grandes columnas monolíticas, actualmente identificado co templo de Apolo.
O primeiro en lembralo é Ciriaco de' Pizzicolli di Ancona, famoso navegante, anticuario e humanista que visitou Corinto en 1436.
«Entre moitas ruínas dispersas -escribe en latín- tan só permanecen intactas dez enormes columnas do templo de Xuno Corintia cos seus grandes arquitrabes: as columnas teñen un diámetro de sete palmos (1,55 m), os arquitrabes, unha lonxitude de dezaseis palmos (3,54 m)»
En realidade o número das columnas entón en pé era maior de dez, probabelmente trece, como resulta dun engadido do mesmo tempo de Ciriaco. O templo foi datado, pola cerámica achada, cara ao -540, aínda que fora erixido sobre un templo anterior. Consérvanse en pé sete columnas do mesmo.
Na descrición dunha xornada de viaxe contida no Códice Ambrosiano, atribuída a un tal Domenicus Brixianus e datada en torno ao 1470, dise ademais:
«En Corinto, cara o golfo de Patras, había edificios antigos, muros grosos de pedras cadradas. Quedan agora en pé unhas doce ou catorce columnas de mármore e bastante grandes, colocadas a escuadra».
Un monumento tan grande, o templo grego máis grande do Peloponeso, non podía escapar á atención dos diversos viaxeiros que visitaron Grecia nos séculos seguintes. Le Sieur du Loir, que estivo en Corinto antes de 1654, e mesmo Jacques Spon e George Wheler, que a visitaron en 1676, atoparon un templo con doce columnas en pé (once do peristilo máis unha columna illada na zona do opistodomos.
Julien David Le Roy, que a viu pouco despois, probabelmente esaxera cando debuxa o templo con catorce columnas (trece máis unha). Cando J. Stuart visitou o edificio en 1776, engadíranse pequenas habitacións turcas, pero aínda permanecían en pé once columnas do perístilo e unha máis illada.
A. Blouet, con todo, que visitou Corinto en 1828 coa expedición científica francesa a Morea, só viu en pé sete columnas do perístilo, as que permanecen hoxe. Aquela illada ou fora demolida ou se esborrallou antes de 1875. As outras catro foran reducidas a fragmentos polo gobernador turco antes de 1818 para construír unha casa.
William Martin Leake, a quen se deben importantes publicacións sobre monumentos de Grecia, é o primeiro que o sitúa temporalmente na metade do século -VII e que o identifica, aínda que erroneamente, co templo lembrado por Pausanias, de Atenea Calinítide, a deusa que proporcionara a Belerofonte o cabalo Pegaso, despois de que ela o domase e lle puxese un freo.
O primeiro estudo científico do monumento débese ao soado arquitecto e arqueólogo alemán Wilhelm Dörpfeld en 1886. Clarificou parcialmente a planimetría e a forma do templo, examinou as restauracións da época romana, e atribuíuno, dado que a cella estaba dividida en dúas, a dúas divindades, coa exclusión de Atenea Calinítide.
Dez anos despois, a Escola Americana de estudos clásicos de Atenas iniciou a escavación do templo, dirixida por R. B. Richardson. A área foi completamente explorada entre 1896 e 1901, e tras a primeira campaña Richardson podía xa propor a identificación do templo como o de Apolo, identificación que actualmente se considera certa, tomando como base a descrición de Pausanias e aos monumentos veciños, como a fonte de Glauce e o teatro romano.
A súa datación xa está confirmada en torno ao -540, por algúns fragmentos de cerámica atopada entre os desperdicios acumulados ao facer os bloques.
O templo de Apolo, erguido sobre unha altura que dominaba a ágora, era de grandes dimensións, 21,5 por 53,8 m, e períptero, é dicir, rodeado dunha fila de columnas (28), seis nos lados curtos, 15 nos longos.
Cada columna era dun só bloque e tiña 7,2 m de altura. No interior da columnata abríanse as naves, precedidas dun pronao e seguidas do opistódomos, con dúas columnas cada un, entre as antas, e unha dobre cella, cuxa cuberta viña sostida por dúas filas de columnas.
O refinamento e o impoñente da construción veñen evidenciados polo uso das correccións ópticas, que aparecen por primeira vez nun templo grego, curvando cara a arriba o estilóbato, tanto nos flancos como na fronte.
A exploración da zona demostrou igualmente que no mesmo lugar se levantou antes un templo aínda máis arcaico, do século -VII.
Ágoras
[editar | editar a fonte]Na parte central da cidade antiga apareceron os restos da ágora romana, e a un nivel inferior os poucos vestixios da máis pequena ágora grega.
Baixo a basílica romana na rúa de Lequeo, acháronse os restos dun mercado grego do século -V, chamada «ágora dos peixes», en forma de gran galería.
A ágora romana, que medía uns 160 x 95 m, estendíase a dous niveis, separados por unha fila de tendas e estaba rodeada por templos, basílicas, pórticos e outros monumentos, e dominada polo próximo templo de Apolo e polo chamado templo de Octavia[26].
Os templos estaban agrupados no lado oeste da ágora. Todos tiñan unha cella precedida por un pronao con columnas. Caracterizábanse por un alto podio ou basamento —típico dos templos romanos— que os facía accesíbeis desde a praza a través dunha escalinata. Os arqueólogos estadounidenses denomináronos do mesmo xeito que aos demais templos de Corinto con letras do alfabeto, do D á K[27].
O pequeno templo D estaba consagrado a Hermes. Pausanias viu unha estatua do deus no seu interior e outra ante a cella, posibelmente sobre a base circular cerca do ángulo sur da cella[28]. O templo F, onde se achou unha inscrición co nome de Venus, debería corresponder ao templo de Tique da descrición de Pausanias. O templo G debería ser o Panteón, é dicir, o templo dedicado a todas as divindades, incluso os que non tiñan un lugar específico de culto. Os templos H e I, que parecen construídos baixo o emperador Cómodo (algúns decenios despois da morte de Pausanias) poderían estar dedicados a Hércules e Neptuno no lugar que Pausanias lembra os baños de Poseidón. Mais atrasados respecto da ágora estaban os templos K e D: o primeiro orientado de maneira diferente que os outros, podía estar dedicado a Apolo, o segundo parece estar consagrado a Hermes. Pausanias viu unha estatua súa no interior e outra diante da cella, quizais sobre unha base circular que se atopou alí. Diante ao lado oriental do templo K un templo monóptero, é dicir, unha construción circular con oito columnas corintias sobre un alto podio cuadrangular. No arquitrabe hai unha inscrición erixida polo maxistrado local Cneo Babio Filino, coñecido tamén por outras inscricións de Corinto[29][30][31][32].
O lado norte da ágora estaba formado, cara ao templo de Apolo, por un pórtico de 16 tendas de época tardo imperial, e que precedía a un pórtico máis antigo. Máis ao leste elevábase a chamada facha dos prisioneiros, é dicir, o acceso monumental desde a praza a unha gran basílica romana construída lonxitudinalmente na rúa do Lequeo. Debaixo desta basílica atopáronse os restos do mercado grego. A alta fachada estaba integrada por un pórtico en dous planos, no que polo menos catro columnas do plano superior foran substituídas por estatuas colosais de bárbaros prisioneiros erixidas en piares e apoiadas sobre plintos. O edificio foi atribuído ao templo do emperador Septimio Severo. Nos prisioneiros recoñécese aos partos vencidos por el, nos plintos están representadas a Vitoria e a Partia sometida[33].
O acceso ao foro desde a rúa do Lequeo estaba formado por un grande arco sobre o que Pausanias viu as cuadrigas douradas de Helios e do seu fillo Faetón. A continuación hai un pórtico detrás do cal está a fonte Anfítrite. En uso xa en época arcaica e celebrada polas súas augas, a fonte sufriu numerosas modificacións até o arranxo monumental realizado polo mecenas Herodes Ático no século II, cun gran patio con tres ábsidas e un encoro rectangular ao descuberto[34][35][36].
O lado leste da ágora está ocupado polos restos da Basílica Iulia, chamada así porque probabelmente foi construída na época de Augusto. Serviu de tribunal e de sala de reunións. Baixo a escaleira de entrada atopouse en pedra calcaria, a liña de saída para os certames de carreiras no estadio, que ocupaba gran parte da ágora grega[37].
As tendas que delimitaban o lado sur da ágora, ou máis exactamente o seu nivel inferior, están interrompidas no centro polo bema, a tribuna desde a cal falaban os oradores e o gobernador romano. É tradición que Paulo de Tarso, acusado polos xudeus de Corinto, interveu aquí para defender a relixión cristiá diante de Lucio Xulio Galio Anneo (irmán do filósofo Séneca e tío do poeta Lucano), que foi procónsul, é dicir, gobernador da provincia de Acaia desde ano 51 ao 52. Sobre o bema levantouse na Idade Media, unha igrexa de tres naves da que aínda quedan os alicerces[37].
A parte máis alta da ágora, á que se accedía por escaleiras abertas entre as tendas, estaba delimitada ao sur por un pórtico en dous planos, duns 160 m de longo, e construído no século -IV, que se pode considerar a construción civil máis grande da Antiga Grecia[37]. Escavado unha metade en 1904, e a outra en 1933 e 1939, o resultado das escavacións foi publicado en 1954 por Óscar Broneer, que estudou as súas importantes modificacións desde a época grega á romana. Orixinariamente, a stoá sur estaba constituída por unha dobre columnata, con 71 columnas dóricas no exterior e 34 xónicas no interior, nas que se abrían 33 tendas ou oficinas de dúas plantas. Cada tenda estaba dividida en dous ambientes, no primeiro atopábase un pozo de auga que chegaba desde a fonte Anfítrite. O destino do edificio non é aínda totalmente seguro, dado que nas escavacións se acharon moitos fragmentos de copas de viño, suxeriuse que se trate dunha especie de grande albergue destinado ás moitas hetairas de Corinto, ou máis sinxelamente que reagrupase unha serie de tabernas, nas que os pozos servirían para conservar frescos o viño e os alimentos. Pero posto que o edificio é de época macedónica , expúxose outra hipótese: a stoá sur sería construída para aloxar aos representantes ou delegacións das diversas cidades gregas, que terían na planta superior os seus aloxamentos e na inferior as súas oficinas ou almacéns, ou tamén lugares de diversión. Cando se disolveu a liga de Corinto, despois de Alexandre Magno, sería destinada a outros usos[38]. En época romana o edificio foi reconstruído e amplamente modificado. Nunha parte pódense recoñecer os edificios administrativos da cidade: a sede dos agonotetas, que dirixían os Xogos Ístmicos, a curia ou buleterion, sede do senado local, a oficina dos duoviros, é dicir, dos dous maxistrados máis importantes da colonia, e tamén a oficina do gobernador da provincia. Detrás do gran pórtico foi engadida unha nova basílica rectangular moi parecida á Iulia. Outro edificio, o chamado suroriental, situado no lado leste da ágora, propúxose a súa identificación co tabularium, o arquivo cidadán. Estaba precedido por un pórtico xónico e dividido en tras naves.[39]
Centro urbano
[editar | editar a fonte]Ao oeste da ágora, xunto ao moderno museo, están os restos dun gran templo períptero sobre un alto podio, o templo E, orixinariamente no centro dun amplo patio. A súa identificación, sobre a base da descrición de Pausanias, co templo dedicado a Octavia a Menor, a irmá de Augusto, é pouco segura. Pensouse tamén no Capitolio, o templo da tríade capitolina: Xúpiter, Xuno e Minerva, ou nun Augusteo, é dicir, nun templo dedicado á familia imperial xulio-claudia, fundadora da nova Corinto[39][40].
Máis ao norte está a fonte Creúsa escavada na roca, entre as máis antigas e modificadas en diversas ocasións. O próximo templo C, nun recinto cadrado, era quizais o de Hera Acrea, cuxo culto proviña probabelmente da non afastada Peracora.
Pouco máis ao norte están os restos do teatro e do odeón, unidos por un edificio de varias plantas reconstruído no século II por Herodes Ático. O teatro, estudado por R. Stillwell en 1952, é os seus restos visíbeis de época romana, pero tamén se individualizaron vestixios do máis antigo teatro grego, quizais do século -V. O odeón, exhumado en 1907 e estudado por Óscar Broneer en 1932, con forma de pequeno teatro cuberto, resulta de implantación romana. Servía preferentemente para espectáculos musicais. Ambos os edificios foron obxecto de diversas transformacións, e no século III foron utilizados para organizar combates de gladiadores. A orchestra semicircular do teatro podía ser tamén ampliada para organizar alí espectáculos acuáticos, os chamados tetimimos, representacións míticas en honra de Tetis [41].
As escavacións desenvolvéronse tamén ao longo da ancha rúa pavimentada que levaba da ágora cara ao Lequeo, flanqueada por estreitas beirarrúas e bordeada de pórticos, que permitían poder pasear tanto ao sol como á sombra. A presenza de banzos mostra que a zona non era utilizada para o tráfico rodado. Na súa esquerda, máis aló da basílica, acháronse os restos dun mercado romano cunha grande exedra. Na dereita, ademais da fonte Anfítrite, están os restos do períbolo de Apolo, un gran patio con columnas famoso na antigüidade por unha grande estatua do deus e por un fresco que representaba o episodio homérico de Odiseo matando aos pretendentes á man de Penélope. Máis aló hai un edificio termal, quizais identificábel coas termas de Euricles lembradas por Pausanias e, aínda máis lonxe da ágora, só en parte escavados os restos doutras termas máis grandes[41][42].
Máis lonxe do centro urbano, uns 400 m ao norte do teatro e a lado dos muros, está o complexo do Asclepeion, o santuario do deus da medicina Asclepio, escavado entre 1929-1934 baixo a supervisión de Ferdinand Jozef Maria de Waele, da universidade holandesa de Nimega —entón pertencente ao staff da Escola Norteamericana— e publicado en 1951 por C. Roebuck, que completou as escavacións. Está constituído por un pequeno templo dórico (uns 15 x 8,5 m) e dentro dun gran patio de columnas e por un segundo patio, tamén conectado ao culto de Asclepio, coa fonte que Pausanias chama Lerna. Do Asclepeion proceden moitos elementos anatómicos de terracota (brazo, pernas, mans, pés, etc.) ofrecidos ao deus por unha curación obtida[41][43].
Aos pés do Acrocorinto, Ronald Strout escavou en 1964 o santuario de Deméter e Coré da Corinto grega. Os restos bastante mal conservados, abarcan do século -VI ao -IV. Alí recoñécense ambientes para banquetes, que formaban parte do ritual do culto, e atopáronse moitas figuras femininas de terracota e numerosos pratos para ofrendas votivas[41].
Corintios famosos
[editar | editar a fonte]- Dinarco, un dos oradores áticos.
- Dióxenes de Sinope, un dos cínicos máis coñecidos.
- Eufránor, escultor e pintor do século -IV.
- Periandro, un dos Sete Sabios de Grecia.
- Dionisio de Corinto, bispo de Corinto do século II.
Notas e referencias
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ É obxecto de debate ata que punto esta "historia" temperá é un mito xenealóxico.
- ↑ Quizais a designación «rei» foi retida por razóns de culto, dado que un rei era normalmente un intercesor esencial cos deuses. Véxase rex sacrorum.
- ↑ Estrabón (VIII,6,20) alonga o período uns douscentos anos, probabelmente incluíndo o período monárquico.
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ Pausanias. Descrición de Grecia. Libro II, 1.6 y 4.7.
- ↑ Pausanias II,1,6.
- ↑ Pausanias: Descrición de Grecia, II, 5, 1.
- ↑ Ministerio de Cultura de Grecia: Antigua Corinto Arquivado 16 de novembro de 2018 en Wayback Machine. (en grego)
- ↑ Luis García Iglesias, Los orígenes del pueblo griego, pp. 84,169, Madrid, Síntesis, 2000. ISBN 84-7738-520-3.
- ↑ Homero, Ilíada II,570.
- ↑ Homero, Ilíada VI,152.
- ↑ Tucídides IV,42; Conón, Narraciones 26.
- ↑ Pausanias II,4,1-4.
- ↑ Diodoro Sículo VII,9.
- ↑ Diodoro Sículo, Biblioteca histórica vii.9.6
- ↑ Smith, Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology, vol. I p. 450.
- ↑ "Cypselus the Bacchiad" (1).
- ↑ Pausanias. Descrición de Grecia. Libro ii, 2.4.4.
- ↑ Tucídides Historia da Guerra do Peloponeso I.13.3
- ↑ J. Taillardat, “La triére athénienne et la guerre sur mer aux Ve et IVe”, en Jean- Pierre Vernant, Problémes de la guerre en Grèce ancienne, Éditions de l'École des Hautes Études en Sciences Sociales, 1999, p. 243. ISBN 2-02-038620-8
- ↑ Aristóteles. Política, 1274a
- ↑ Heródoto. Historias, libro 5.92 E
- ↑ Heródoto, Historia V,92.
- ↑ Estrabón, Xeografía viii.6.20.
- ↑ "Páxina do concello de Corinto: historia da cidade (en grego)". Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2016. Consultado o 02 de outubro de 2021.
- ↑ César Fornis Vaquero, Aproximación a la historia social de Corinto y Argos en la Guerra del Peloponeso (431-415 a. C.), p.41, nota 79. Tese doutoral, Madrid: Universidad Complutense (1995), ISBN 84-669-0877-3.
- ↑ Pausanias II,2,3-II,5,5.
- ↑ "Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Antiga Corinto (monumentos) (en grego)". Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2016. Consultado o 26 de novembro de 2018.
- ↑ Elisavet Spazari y Kelli Petropolu: Corinto-Micenas-Nauplión-Tirinto-Epidauro.
- ↑ VV.AA. 1988, p. 126.
- ↑ VV.AA. 1988, pp. 127-128.
- ↑ Papahatzis 1989, p. 52.
- ↑ VV.AA. 1988, p. 128.
- ↑ Pausanias, op. cit., II,2,8.
- ↑ Pausanias, op.cit., II,3,5.
- ↑ Pausanias, op. cit., II, 3,4.
- ↑ VV.AA. 1988, pp. 128-129.
- ↑ VV.AA. 1988, p. 129.
- ↑ Paunanias, op. cit., II,3,2.
- ↑ Pausanias, op. cit., II,1,7.
- ↑ 37,0 37,1 37,2 VV.AA. 1988, p. 132.
- ↑ VV.AA. 1988, pp. 132-133.
- ↑ VV.AA. 1988, pp. 133-134.
- ↑ Pausanias, op. cit., II,3,1.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 41,3 VV.AA. 1988, p. 134.
- ↑ Pausanias, op. cit., II,3,5.
- ↑ Pausanias, op. cit., II,4,5.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Los grandes descubrimientos de la arqueología. Planeta- De Agostini. 1990. ISBN 978-84-395-0682-9.
- Corinthe antique (en francés). Ekdotike Athenon. ISBN 9602131438.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Wikimedia Commons alberga unha categoría multimedia sobre Antigua Corinto.
- Ministerio de Cultura de Grecia: Fortaleza de Acrocorinto (en grego) Arquivado 04 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine..
- Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Antiga Corinto (en grego) Arquivado 16 de novembro de 2018 en Wayback Machine..
- American School of Classical Studies at Athens Escavacións da Antiga Corinto.
- American School of Classical Studies at Athens Base de datos das escavacións de Corinto.
- Liña temporal.
- Thomas R. Martin: An Overview of Classical Greek History from Mycenae to Alexander (Panorama da historia da Grecia Antiga desde a época micénica ata a de Alexandre); texto inglés, con índice electrónico, no Proxecto Perseus.
- Apartado Tyranny at Corinth (A tiranía en Corinto).
- Mariana Figueiredo Virgolino, Fertilidade e Prosperidade na Ásty de Corinto: O Santuário de Deméter e Koré nos Períodos Arcaico e Clássico Arquivado 26 de novembro de 2018 en Wayback Machine., disertación (2013), Universidade Federal Fluminense.