Saltar ao contido

Empirismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Método empírico»)
Véxase tamén: Ciencia.
Seccións: Razoamento científico e Epistemoloxía: o discurso sobre a ciencia.
David Hume, un dos empiristas máis importantes, retratado por Allan Ramsay en 1766. (Galería Nacional de Retratos de Escocia).

O empirismo é unha teoría filosófica que pon énfase no papel da experiencia, ligada á percepción sensorial, na formación do coñecemento. Para o empirismo máis extremo, a experiencia é a base de todo coñecemento, non só en canto á súa orixe senón tamén en canto ao seu contido. Pártese do mundo sensíbel para formar os conceptos e estes encontran no sensíbel a súa xustificación e a súa limitación.

O termo empirismo provén do grego ἐμπειρισμός (empeirismós), derivado de ἐμπειρία (empeiría, 'experiencia', 'coñecemento', 'habilidade'), cuxa tradución ao latín é experientia, de onde deriva a palabra experiencia.

O empirismo, baixo este nome e con este significado, xorde na idade moderna como froito maduro dunha tendencia filosófica que se desenvolve sobre todo no Reino Unido desde a Baixa Idade Media. Adoita considerarse en contraposición ao chamado racionalismo, máis característico da filosofía continental europea.

En filosofía, o empirismo é un movemento que cre que as experiencias son as únicas (ou principais) formadoras das ideas, discordando, por tanto, da noción das ideas innatas. En ciencia, o termo empirismo adoita utilizarse ao falar do método científico tradicional (que ten a súa orixe no empirismo filosófico), que defende que as teorías científicas deben basearse na observación do mundo, en vez de na intuición ou na fe.

Na antigüidade clásica o empírico referíase ao coñecemento que os médicos, arquitectos, artistas e artesáns en xeral obtiñan a través da súa experiencia dirixida cara ao útil e técnico, en contraposición ao coñecemento teórico concibido como contemplación da verdade á marxe de calquera utilidade.[1]

O empirismo ao longo da historia

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Historia da ciencia.

Aínda que poden verse antigas formas de empirismo nos labores epistemolóxicos de Buda en oriente[2], aquí considérase só a evolución das actitudes filosóficas occidentais.

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da ciencia.
Sección: Época clásica.

Presocráticos

[editar | editar a fonte]

Na Antigüidade clásica existía unha clara separación entre:

  • O coñecemento pola experiencia e o seu resultado: a técnica e o traballo produtivo. É dicir, o que se entendeu historicamente como "artes" e "oficios".[3]
  • O ideal do coñecemento teórico, que comprende dous ámbitos:
    • A ciencia, entendida esta como un coñecemento universal e necesario, que trata de coñecer as últimas causas e os primeiros principios, o que hoxe se entendería como o fundamento da realidade, a metafísica.[4]
    • Como ideal do coñecemento práctico [5] que dirixe a acción cara ao logro do ben e a felicidade que, á súa vez, desenvólvese en dous ámbitos:
      • A consecución do ben individual, a felicidade como ética, e
      • A consecución do ben común social, a política.

Na antigüidade clásica o coñecemento teórico e práctico, como saber universal e necesario, ideal do "saber" era, pois, independente da experiencia,[6] e constitúe a sabedoría. A máxima expresión como coñecemento da verdade, como ciencia, é a metafísica[7] e o modelo ideal de vida o máis próximo posíbel á felicidade, como ética, constitúen o ideal do sabio.

Esta separación do coñecemento e a acción práctica respecto á produción de bens materiais responde a unha tradición aristocrática e guerreira da nobreza ou clase dominante. As artes e os oficios eran propios de escravos ou comerciantes, pero a "sabedoría" (filosofía) era o propio da nobreza e dos homes libres.[8]

Epicuro.
Demócrito.

Pero na Atenas clásica xa apareceu unha dupla actitude de pensamento que se vai a manter ao longo de toda a historia da filosofía en occidente e que hoxe caracterizamos basicamente como racionalismo e empirismo. En realidade responden a dúas actitudes e modos de concibir a función do pensamento e o sentido da vida.

Os presocráticos inician unha reflexión sobre a teoría do coñecemento. Constatan que a razón por unha parte e os sentidos por outra conducen a conclusións contraditorias; Parménides opta pola razón e estima que só ela pode levar ao coñecemento, debido a que os nosos sentidos equivócanos.

Estas concepcións favoreceron a reflexión matemática. Pola contra, foron un obstáculo para o desenvolvemento das outras ciencias, e singularmente das ciencias experimentais. Esta corrente de pensamento prolóngase, aínda que de maneira máis matizada, até Platón, porque os sentidos, segundo eles, non revelan máis que unha imaxe imperfecta e deformada das ideas, que son a verdadeira realidade.

A estes filósofos oponse a corrente epicúrea. Iniciada por Demócrito, contemporáneo de Sócrates. Para eles, os sentidos dannos o coñecemento da realidade.

Platón.

Pero os primeiros en manter unha actitude claramente empirista foron os sofistas que negaron as especulacións racionalistas sobre o mundo natural común aos seus predecesores, presocráticos e, sobre todo, a Platón; polo contrario preocupáronse "en tan relativas entidades como o home e a sociedade".[9][10] O valor da verdade queda restrinxido ao valor concreto da experiencia e o exercicio do poder, ben sexa individual (moral) ou social (política).

Protágoras considérase como o primeiro dos sofistas. Outros foron Gorxias, Pródico, Hipias etc.

Este empirismo interésase pola retórica, no dominio da linguaxe como instrumento esencial para a vida política ateniense e o exercicio do poder.[11]

Aristóteles

[editar | editar a fonte]
Aristóteles

Talvez fose Aristóteles quen mellor expresou o valor do coñecemento da experiencia, aínda que o considerase sometido ao supremo valor do teórico. Na súa Metafísica (982b 11-32), Aristóteles concibe o coñecemento como un proceso:

  • Pártese do común cos animais dotados de sensación e memoria e, por tanto, con experiencia; é a acumulación de experiencia o que fai aos homes "expertos".
  • Máis perfecto é o coñecemento de dita experiencia unido á reflexión, o que converte aos homes en "artesáns" (o que hoxe denominariamos técnicos: médicos, arquitectos, estrategos etc.)
  • A perfección da función racional humana maniféstase na suprema facultade de elevarse aos fundamentos de ditos coñecementos a través das causas até os primeiros principios; é nisto no que o home se asemella aos deuses, o saber dunha Ciencia primeira, entendida até o século XVIII como Metafísica. Isto só é posíbel na medida en que unha sociedade ten asegurados os bens materiais e, por tanto, pode dedicar aos "homes libres" á "inutilidade" do pensamento en busca da verdade da ciencia.[12]
De sorte que, si filosofaron para fuxir da ignorancia, é claro que buscaban o saber en busca do coñecemento, e non por ningunha utilidade. E así o testemuña o ocorrido. Pois esta disciplina comezou a buscarse cando xa existían case todas as cousas necesarias e as relativas ao descanso e ao ornato da vida. É, pois, evidente que non a buscamos por ningunha utilidade, senón que así como chamamos home libre ao que é para si mesmo e non para outro, así consideramos a esta como a única ciencia libre, pois esta soa é para si mesma. Por iso tamén a súa posesión podería con xustiza considerarse impropia do home. Pois a natureza humana é escrava en moitos aspectos; de xeito que, segundo Simónides, "só un Deus pode ter tal privilexio, aínda que é indigno dun home buscar a ciencia a El proporcionada".
Aristóteles, Metafísica, 982b 11-32

Aristóteles é propiamente un filósofo de tipo racionalista como non podía ser menos nun discípulo avantaxado de Platón, que admite un coñecemento metafísico do ente en canto tal. Como tal é o fundador dun sistema lóxico que garante que se se parte de verdades e se razoa correctamente, chegarase a novas verdades.[13] tal como define a forma argumentativa por excelencia, o siloxismo, partindo da capacidade do entendemento para chegar ao coñecemento intuitivo dos principios e a intuición das esencias como formas substanciais das cosas.

Non obstante, Aristóteles tamén é o primeiro que reflexiona sobre o valor do coñecemento pola experiencia e os razoamentos indutivos, é dicir, o coñecemento científico como "observación da natureza": bioloxía, medicina etc.[14]

Helenismo grecorromano: o período helenístico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da ciencia.
Seccións: Período alexandrino: Alexandría na época romana e A Roma imperial.
Hipócrates (século V a.C. - século IV a.C.)

Se Hipócrates, (século V a.C. - século IV a.C.) é considerado un dos pais da medicina moderna, polo cambio de orientación que até entón tiña a tradición, sobre todo exipcia, ligada á maxia e ao sagrado, e que foi o primeiro que elaborou unha teoría xeral sobre a saúde e a enfermidade, a influencia dos filósofos e artesáns da época helenística, como Eratóstenes, Apolonio de Pérgamo, Hiparco de Nicea e, posteriormente, Claudio Tolomeo e Hipatia de Alexandría [15] na elaboración de teorías ou, mellor dito, de normas xerais máis ou menos científicas para a práctica da construción, a agricultura, a navegación, a medicina etc., sempre estivo presente durante o Imperio romano, onde as "artes" tiveron unha importancia enorme nas construcións civís, non só nas cidades, senón na construción de estradas, pontes e obras hidráulicas.

Porque a civilización propiamente romana non proporcionou grandes avances na ciencia e na filosofía. A filosofía, a medicina e as matemáticas son de orixe grega, así como algunhas técnicas agrícolas. Aínda así, na época romana cabe citar os nomes de Dioscórides, grego, un dos primeiros botánicos; de Lucrecio e a súa obra De rerum naturae (Das cousas da natureza), e de Plinio o Vello (23 - 79 d.C.), autor dunha importante ''Historia natural'' na que se citan especies tanto reais coma inventadas.

Son nomes relevantes da cultura clásica, ademais dos citados, Arquimedes, século III a.C., un auténtico teórico e práctico da lóxica empírica,[16] Vitrubio, século I a.C., o primeiro en facer un tratado de arquitectura e urbanismo e, posteriormente, en medicina, Galeno (129 - 201).

Porque a tecnoloxía romana é un dos aspectos máis importantes da civilización romana. Esta tecnoloxía, en parte ligada á técnica da bóveda foi certamente a máis avanzada da Antigüidade clásica. Permitiu a domesticación do contorno, especialmente mediante as vías e os acuedutos.

Para J. Kolendo, o progreso técnico romano estaría ligado a unha crise da man de obra, debida á ruptura no abastecemento de escravos non cualificados, baixo o emperador Augusto. Os romanos serían así capaces de desenvolver técnicas alternativas. Por outra parte, para L. Cracco Ruggini, a tecnoloxía traduce a vontade de prestixio das capas dominantes.[17] O período durante o cal a tecnoloxía romana alcanza o seu apoxeo é entre os séculos II a.C. e I a.C., sobre todo na época de Augusto, co cemento, as conducións de chumbo, os guindastres, as máquinas, as cúpulas, os arcos etc. Para a agricultura, desenvolven os muíños de auga.

Non obstante, os sabios romanos foron pouco numerosos e o discurso científico abstracto progresou pouco durante a Roma antiga: "Os romanos, facendo prevalecer as humanidades, a reflexión sobre o home e a expresión escrita e oral, sen dúbida ocultaron para o futuro as realidades científicas e técnicas[18], deixando á parte algúns grandes pensadores, como Vitruvio ou Apolodoro de Damasco, frecuentemente de orixe estranxeira.

Os conceptos e a experiencia

[editar | editar a fonte]

Os gregos separaron o coñecemento da razón, que coñece por conceptos aplicábeis a multitude de obxectos como coñecemento universal, do mero coñecemento da experiencia que coñece polos sentidos unicamente o individual e concreto.

O como se entenda que son os conceptos, e a súa relación co sensíbel, e ambos os dous na súa relación coa realidade é o fundamento destas dúas actitudes que consideramos os antecedentes do racionalismo e o empirismo.

  • Na medida en que tales conceptos representan a "esencia" inmutábel das cousas, a forma da substancia, o coñecemento adquire un sentido universal e necesario, e por iso é un coñecemento obxectivo e fai posíbel o coñecemento científico. Tal é o fundamento da actitude racionalista. A linguaxe, entón, na medida en que é capaz de representar os conceptos como verdadeiros nunha linguaxe "apofántica", como dicía Aristóteles, manifesta no seu contido fielmente a realidade como verdade.
  • Na medida en que o concepto estea máis próximo e dependa máis da experiencia sensíbel, o coñecemento ofrece unicamente un coñecemento cuxa verdade descansa no caso individual e concreto e está suxeita á subxectividade do individuo que ten a experiencia. Os conceptos e o seu referente na linguaxe, as palabras, son algo convencional, xeneralizacións da experiencia individual compartida cos membros dunha sociedade cultural que fai posíbel a comunicación mediante a linguaxe.

Os conceptos para o empirismo non son unha garantía de coñecemento obxectivo e por tanto a ciencia ten só un valor relativo e xustificado na xeneralización das experiencias comúns, convencionalmente representadas nos conceptos e na linguaxe.

"O home é a medida de todas as cousas", é a frase que vén resumir esta tendencia. Atribúese a Protágoras, un dos notábeis sofistas con quen Sócrates, (Platón), sostén controversia. Nome que queda historicamente consagrado por dar título a un dos máis coñecidos Diálogos de Platón.[19]

A tradición máis racionalista está representada polo pensamento metafísico grego e a tradición máis ligada á tradición cristiá en Occidente: os presocráticos, Pitágoras, Platón e Aristóteles, e sobre todo o platonismo e o neoplatonismo, pois en último termo este pensamento remite a un primeiro principio, que os cristiáns identifica con Deus.

A tradición máis empírica está representada polos sofistas e os escépticos, pero cada escola (estoicismo, cinismo, epicureísmo, pirronismo) e cada momento histórico ten os seus respectivos representantes con diversos matices máis ou menos próximos ao empirismo ou ao racionalismo.

Tolomeo, o creador da concepción xeocéntrica do universo, representa un exemplo interesante do empirismo na Antigüidade. Herdeiro da concepción do universo dada por Platón e Aristóteles, o seu método de traballo diferiu notabelmente do destes, pois mentres Platón e Aristóteles dan unha cosmovisión do universo, Tolomeo é empírico. O seu traballo consistiu en estudar a gran cantidade de datos existentes sobre o movemento dos planetas co fin de construír un modelo xeométrico que explicase ditas posicións no pasado e fose capaz de predicir as súas posicións futuras.

Idade Media

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da ciencia.
Sección: Idade Media.

En Occidente a caída do Imperio romano deixa todo o saber refuxiado nos mosteiros e queda restrinxido practicamente ao control e poder da Igrexa. O pensamento cristián adoptou durante a Antigüidade e toda a Alta Idade Media o platonismo e o neoplatonismo por ser o pensamento que mellor se adaptaba á súa crenza nun Deus único e creador do mundo, e concedía un sentido transcendente á vida do ser humano, con outra vida posterior, para a que debía ser xulgado por Deus.

A partir do século XI, por medio dos árabes, recupérase o aristotelismo en occidente. Son pensadores importantes neste proceso Alkindi, Avicena,[20][21] Averroes,[22][23] Alhazen, Avempace e a especial transcendencia cultural da Escola de Tradutores de Toledo.[24]

A polémica suscitada na Universidade de París por Roscelino e Pedro Abelardo sobre a realidade dos conceptos universais supuxo un novo interese polas cuestións lóxicas e no que máis tarde constituiría o nominalismo, unha das cuestións que maior influencia tivo na "valoración da experiencia".

Esta revalorización da experiencia e a "importancia do coñecemento individual" prodúcense a partir do século XIII, sobre todo pola orde franciscana e a Universidade de Oxford.

Os franciscanos suliñan a importancia do individual, e valoran a experiencia do mundo como valor do coñecemento en canto tal, que non impide, senón que ilumina e acerca o sentido da vida cara a Deus, recoñecendo o valor do coñecemento da Natureza como obra de Deus. Os pensadores máis significativos desta corrente son Roger Bacon, Duns Scoto e, sobre todo, Guillerme de Occam.

En contraposición, os dominicos (Universidade de París) subraiaron un realismo moderado, mantendo a importancia dos universais; Tomé de Aquino,[25] dominico, promove un aristotelismo cristián que tanta influencia tivo na historia da Igrexa (e da ciencia, na Idade Media).

O nominalismo e a navalla de Occam. Crítica da teoría aristotélica do movemento

[editar | editar a fonte]

O chamado nominalismo supón un sentido crítico sobre o valor dos conceptos e o sentido da linguaxe.

Fronte aos argumentos aristotélicos clásicos "cualitativos" ou esenciais e o mundo das "entidades" que se introducen como conceptos en ditos argumentos,[26] Occam establece un principio que pasou á historia como a navalla de Occam ou principio de parsimonia: "Non sunt multiplicanda entia sine necessitate" (non se deben multiplicar as entidades sen necesidade), o que equivale a valorar as explicacións máis sinxelas e próximas á experiencia, antes que recorrer a especulacións arbitrarias e imaxinativas.

Por outro lado, en París, Nicolás de Oresme critica a teoría aristotélica do movemento e, mediante a relación de cantidades por medio de táboas,[27] estuda o movemento relacionando os espazos percorridos e o tempo que se tarda en percorrer ditos espazos, intuíndo os conceptos de velocidade e aceleración, tan importantes para establecer as condicións experimentais do movemento; clasifica estes como "uniforme", "disforme" e "uniformemente disforme". E é o antecedente máis próximo ao estudo do movemento mediante "cantidades relacionadas matematicamente", fundamento do progreso da ciencia dos séculos XVI e XVII e do concepto de análise matemática.

Jean Buridan e a súa "teoría do impetus" analiza o "momentum" ou permanencia do movemento despois de que deixase de actuar a causa que o produce, como ocorre no caso dos proxectís.[28] É o antecedente máis importante do que na ciencia moderna se coñece como o principio de inercia (ou primeiro principio da dinámica).

Renacemento

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da ciencia.
Sección: O Renacemento e a "ciencia clásica".

Os grandes descubrimentos do período final da Idade Media (compás, pólvora, imprenta, as Indias Occidentais) ampliaron enormemente o mundo coñecido até entón e os modos de organización social e da transmisión da cultura a través dos libros.

Este proceso renovador avanza de maneira espectacular no Renacemento, sendo de especial importancia a substitución do ábaco polo algoritmo nas operacións esenciais para o cálculo. Isto faise posíbel pola achega árabe do sistema de numeración decimal, introducindo o cero (xa coñecido na India e polos aztecas) e os grafos numéricos actuais, que fixeron posíbel facer táboas de operacións aritméticas e, sobre todo, ampliar os campos do cálculo, esencial para o comercio que nesta época cultiva a burguesía das cidades.[29]

O saber independízase nas cidades do control da Igrexa (universidades) e a través da influencia de artistas e artesáns, sobre todo a arquitectura, para as novas construcións cidadás, e a metalurxia, esencial para as novas "artes da guerra" pola aplicación da pólvora. A experiencia como fonte de coñecemento adquire un valor social que até entón non tivera.[30]

O paso ao heliocentrismo pola revolución de Copérnico foi determinante para desprazar definitivamente a física cualitativa aristotélica e avanzar cara a unha ciencia física cuantitativa

O feito do descubrimento de América (as Indias Occidentais) expón de novo o tema da esfericidade da Terra á vez que o heliocentrismo [31] toma corpo de hipótese científica co fundamental libro de Copérnico De Revolutionibus Orbium Coelestium (Sobre as revolucións das esferas celestes), confirmada e demostrada experimentalmente por Galileo. O heliocentrismo pon en cuestión e profunda a crise da concepción medieval do mundo e a física aristotélica.

O poder social da nobreza vai pasando pouco a pouco a unha clase social nova, a burguesía, e a encontrar un novo fundamento no diñeiro. Diñeiro ao que teñen que recorrer os reis mediante os préstamos dos banqueiros para poder manter uns exércitos baseados na pólvora e non nas "armas dos cabaleiros".

O cambio de mentalidade que supuxo o Renacemento, o Humanismo, non acepta o argumento de autoridade, e tanto os artistas como os investigadores e pensadores reclaman liberdade, o que facilitou en grande maneira o feito de valorar a experiencia e a experimentación como fonte de coñecemento. O coñecemento adquire con isto un valor novo: coñecer para dominar a natureza.

Leonardo da Vinci non puido ir á universidade por ser fillo ilexítimo, polo que ás veces foi tratado de "inculto", por non saber latín, por algúns dos seus contemporáneos. Sobre eles dixo:

Son completamente consciente de que hai xente presuntuosa que cre ter razón en desacreditarme por non ser un home culto. Que tolos! [...] Non saben que os meus materiais teñen máis valor porque derivan da experiencia antes que das palabras de outros, e a experiencia é a mestra dos que escribiron con acerto.
Leonardo da Vinci, Códice Atlántico, folio 327 v.

Falar do Renacemento é falar de Leonardo da Vinci,[32] Michelangelo etc. que, se ben non foron especificamente científicos, significaron a apertura do espírito cara aos novos conceptos. Luis Vives, Erasmo de Rotterdam etc. significaron a superación do criterio de autoridade, que tanto limitaba o horizonte do coñecemento na súa dependencia da fe e de duna autoridade como a Igrexa, que controlaba calquera desviación do "establecido".[33] [34]

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da ciencia.
Sección: O século XVIII: o século das luces.
Racionalismo e ciencia moderna.
Francis Bacon
René Descartes, pai do racionalismo moderno
Gottfried Wilhelm Leibniz

A filosofía aristotélica tradicional entra profundamente en crise a partir da teoría heliocéntrica e dos progresos que a ciencia estaba acadando aplicando métodos novos de investigación. De especial relevancia é o método "resolutivo-compositivo" de Galileo.[35]

A ciencia intenta "descubrir as leis que rexen a natureza para dominala". ¿Como é posíbel chegar a coñecer desde a experiencia as leis xerais do comportamento da natureza? Danse dous modelos de método de investigación: Francis Bacon e Descartes, e dous modelos de pensamento filosófico e valoración do coñecemento: Racionalismo e Empirismo propiamente ditos.

É neste campo filosófico de oposición racionalismo-empirismo no que frecuentemente se sitúa o empirismo en canto tal. Restrínxese incluso o titulado "empirismo inglés" (Francis Bacon, Hobbes, Locke, Berkeley, Hume), en oposición ao "racionalismo continental" (Descartes, Malebranche, Spinoza, Leibniz, Christian Wolff).

Nesta oposición o problema vénse reducir á admisión da existencia ou non existencia das ideas innatas.

Segundo Descartes o entendemento fúndase en intuicións evidentes postas por Deus na natureza humana, como ideas innatas ou principios do pensamento,[36] a partir das cales é posíbel establecer unhas relacións lóxicas entre as ideas recibidas da experiencia.[37]

Este modo de pensar relacionando ideas mediante a análise deu enormes froitos no progreso que durante os seguintes anos tivo o cálculo matemático para o descubrimento e descrición das leis da natureza e as súas aplicacións á ciencia empírica.

Tras o desenvolvemento do cálculo no Renacemento, e da álxebra por Stevin, Vieta, Cardano e outros, fíxose posíbel o cálculo do movemento dos proxectís por Tartaglia; do movemento de caída dos graves por Galileo; o estudo da variación da presión pola altura por Torricelli; o estudo das presións e o descubrimento da prensa hidráulica, e o cálculo de probabilidades, por Pascal; a predición do movemento dos planetas por Johannes Kepler.

Isaac Newton.

E a culminación deste proceso dáse no seo do racionalismo co propio Descartes, Pascal, Leibniz e Newton. Estes dous últimos, co descubrimento do cálculo infinitesimal, abriron enormes perspectivas na matematización e cálculo de funcións continuas aplicábeis a tantos procesos de cambio continuo na natureza, sendo finalmente a obra de Newton todo un compendio do que veu significar a ciencia física durante os seguintes séculos.

Sobre o modelo deste proceso de reflexión matemática Descartes propón o seu método de investigación científica; unha ciencia que garantiza a verdade pola sucesión de evidencias con certeza que se establecen seguindo as regras do método.[38]

Estas verdades así establecidas correspóndense coa realidade do mundo porque unha das principais ideas innatas é a idea de Deus como ser perfecto e bo, que non pode enganarse nin enganarnos.[39]

Son os racionalistas principais: Descartes, Spinoza, Malebranche, Leibniz,[40] Christian Wolff, Pascal e o grupo de Port Royal en Francia.

Empirismo inglés

[editar | editar a fonte]

John Locke responde ao racionalismo continental, defendido por René Descartes, escribindo a finais do século XVII o seu Ensaio sobre o entendemento humano (1689).

John Locke (1632-1704), o máis influente empirista inglés

O único coñecemento que os humanos poden posuír é o coñecemento a posteriori (o coñecemento baseado na experiencia). É famosa a súa proposición de que a mente humana é unha tabula rasa ou folla en branco, na cal se escriben as experiencias derivadas de impresións sensoriais a medida que a vida dunha persoa transcorre.

Hai dúas fontes para as nosas ideas: sensacións (provenientes dos sentidos) e reflexións (provenientes das operacións mentais: pensamentos, memorias...). En ambas as dúas fai unha distinción entre ideas simples e complexas. As ideas simples son creadas de modo pasivo na mente, despois de obtelas mediante as sensacións. Pola contra, as ideas complexas créanse despois da combinación, comparación ou abstracción das ideas simples. Por exemplo, a idea dun corno, ao igual que a dun cabalo, son ambas ideas simples, pero ao xuntarse para representar un unicornio convértense nunha idea complexa.[41]

De acordo con Locke, o noso coñecemento das cousas é unha percepción de ideas, que están en acordo ou en desacordo unhas coas outras segundo unhas leis de asociación de ideas.

Pero considerar a idea de "substancia" ou a idea de "causa" como unha "idea complexa" modifica completamente o fundamento de toda a filosofía tradicional baseada na "substancia" como "suxeito" e a "causalidade" como "explicación do cambio ou movemento".[42]

Unha xeración despois, o bispo irlandés George Berkeley (1685-1753) determinou que o punto de vista de Locke abre a porta para un eventual ateísmo. Ideou un empirismo extremo, metafísico, no cal os obxectos existen se son percibidos Esse est percipi (ser é ser percibido) de xeito que un obxecto sempre é percibido porque, se ningún humano non o percibira, Deus sería a entidade encargada de percibilo. A percepción en calquera caso é o fundamento do ser. Tales ideas máis que empíricas responden a un sentido idealista.[43][44][45]

David Hume (1711-1776) sostivo un empirismo que derivou en escepticismo.

Por outra parte, David Hume reduce todo coñecemento, en canto tal, a "impresións" e "ideas".[46] Admite dous tipos de verdades: "verdades de feito" [47] e "relación de ideas".[48] Toda idea ten que poder ser reducida a unha impresión correspondente. Cando unha idea xorde da relación entre ideas, o seu contido de realidade ten que depender das impresións que a motivan. Se non encontramos ditas impresións débese rexeitar como produto da mera imaxinación, sen contido de realidade ningún. Tal ocorre coa idea de substancia e a idea de causa.[49]

Un conxunto de impresións xeran unha asociación de ideas respecto a un feito e un xuízo ao respecto. Un asasinato, por exemplo, non é nin pode ser reducido a unha impresión.[50] É unha relación de ideas. A idea do feito de matar un home (recordo dunha impresión) xunto coa idea do "desagrado que produce" na conciencia como impresión interna, queda asociada nunha nova idea: "asasinato" como idea que expresa un xuízo moral relativo ao rexeitamento da asociación das dúas impresións. O asasinato é algo "malo" como apreciación subxectiva moral, pero non ten contido de coñecemento verdadeiro ou falso.

De igual maneira a noción de causa non pode ser reducida a unha impresión; xorde da relación entre ideas. Cal á a relación que une a dúas ideas como causa?. Para Hume é evidente que a relación causal se establece baixo o punto de vista dunha "sucesión constante de impresións" que xeran no home un "hábito" ou "costume".

Á impresión de poñer un cacharro con auga no lume sempre segue que a auga quece. É a consciencia a que asocia estas dúas impresións sucesivas como ideas (o feito de poñer a auga ao lume, e que lle suceda o feito de que esta se quente). Esta asociación constitúe unha nova idea, a idea de causa, cuxo fundamento é a expectativa de que "o feito de que até agora sucedeu que sempre que poño un cacharro con auga ao lume esta quéntase" permíteme afirmar: "o lume quenta a auga"; é dicir, o lume é a causa de que a auga se quente.

Pero non se atopa ningunha impresión que teña relación directa coa idea de causa. E o contido de realidade dunha idea só ten sentido en referencia á impresión da que se derive. A idea de causa, pois, é algo soamente subxectivo, resultado da asociación na mente de dúas impresións sucesivas cuxa conexión non aparece como evidencia.

O analítico e o sintético; o a priori e o a posteriori

[editar | editar a fonte]

As consecuencias que se derivan do concepto de causa, tal como o concibe Hume, respecto a un coñecemento que pretenda ser científico, non pode ser máis destrutivo. Conduce a un escepticismo, xa que nunca poderemos coñecer o fundamento das nosas impresións e o coñecemento da experiencia nunca nos permitirá saír dun subxectivismo incompatíbel coa ciencia.

Por outro lado a ciencia do século XVII estaba mostrando uns éxitos indubidábeis no coñecemento das leis da natureza, así como no dominio da mesma nas súas aplicacións técnicas.

Esta crítica da noción de causa segundo o postulado empirista, provocou en Kant, racionalista até entón, o seu despertar do "soño dogmático". Toda a súa obra crítica intenta superar este suposto que facía de todo punto inviábel o coñecemento científico.

O empirismo tanto de Locke como de Hume, deriva ao que se chamou asociacionismo, que vén a reducir o coñecemento a un psicoloxismo como foi entendido posteriormente.[51]

A ciencia tradicional, desde os gregos á idade moderna, procede por conceptos. É independente da experiencia, (o que na idade moderna se conceptualiza como a priori).

O obxecto universal da investigación científica na ciencia tradicional aristotélica
Sempre que perciba na experiencia un "gato", dito obxecto de experiencia terá todas as notas propias da esencia de gato, como calidades esenciais dos "gatos" en sentido universal, porque "este gato" da experiencia participa da calidade esencial da "gatidade"; e tamén algunhas das notas accidentais posíbeis que individualicen dito gato; se este gato é branco, terá todas as características da esencia do "branco", porque participa da calidade universal da "brancura"; se o gato corre ou deixa de correr, é porque accidentalmente o gato pode adquirir e perder (participar e deixar de participar) a forma da cualidade universal de "ser corredor" etc.

O coñecemento verdadeiro é posíbel porque o obxecto de experiencia considérase dado como realidade obxectiva [52] orixe e causa da afección sensíbel que conduce ao coñecemento da experiencia. A experiencia garantiza a existencia do percibido. Os conceptos, en tanto que se deriven validamente da experiencia,[53] poñen en conexión coñecemento universal e realidade.

Así é como normalmente se valora o coñecemento na consciencia non crítica que identifica o coñecemento co real.[54]

Dáse por suposto que o entendemento é capaz de intuír a esencia universal como forma das cousas percibidas na experiencia. Alí onde se dea o caso do obxecto a tratar, daranse as notas categoriais propias de dito concepto.

A razón, neste xeito de concibir a ciencia, analiza os conceptos de forma separada da experiencia; clasifica e relaciona os conceptos, uns con outros, por medio das "notas" ou "calidades" que os caracterizan; e a razón, aplicando as leis do pensamento, a lóxica, por medio dos siloxismos, obténdose conclusións que son aplicábeis aos obxectos reais con garantía de verdade científica. O resultado é unha ciencia das calidades tal como foi a ciencia aristotélica.

A ciencia así concibida é universal, por tratar conceptos universais que abarcan todo un universo de obxectos, e necesaria, porque se basea nas intuicións verdadeiras das calidades dos obxectos. É por tanto unha ciencia "cualitativa" e "a priori" onde a experiencia xoga un papel claramente secundario.[55]

Pero o punto de partida da reflexión filosófica a partir de Descartes, tanto para os racionalistas como para os empiristas, cambia de maneira radical:

  • O dado non é o obxecto da experiencia, senón a consciencia do "eu" como suxeito-pensante da experiencia.
  • O obxecto é unha "impresión" ou "idea" da consciencia. O entendemento opera con ideas.[56]
  • Ao non haber intuición de realidade no sensíbel percibido non hai garantía de que a relación entre idea–obxecto teña fundamento no realmente obxectivo. Dita relación convértese en problemática.

O racionalismo presenta unha xustificación da ciencia, mediante as ideas innatas, a partir da idea de Deus, pero o argumento non resulta convincente.

O empirismo valora a ciencia como un feito inexplicábel, cun fundamento soamente ocasional e probábel segundo unha indución subxectiva e habitual.[57]

¿Que garantía pode haber de que as conexións entre as ideas teñan correlación coas conexións da realidade? [58]

Pero a ciencia na idade moderna é un feito. Adquiriu, a partir das aplicacións do cálculo matemático, un método e un éxito indubidábel no dominio da natureza e nas súas aplicacións prácticas. Unha ciencia baseada na "cantidade" e a "medida" e nas relacións matemáticas que permiten establecer "hipóteses explicativas" que se confirman na experiencia mediante os experimentos.

Nin os racionalistas nin os empiristas encontran unha razón suficiente das propiedades de dito coñecemento:

  • Como analítico e a priori é independente da experiencia. Por iso pódense deducir consecuencias a partir de determinados conceptos obtidos a priori pola razón como hipóteses e análises sobre todo matemáticos. Consecuencias que, posteriormente, son verificadas na experiencia mediante os experimentos.
  • Pero sintético por outro, en canto que non pode reducirse a unhas verdades de razón soamente analíticas en que os predicados están contidos na noción do suxeito. Os experimentos mostran que as consecuencias deducidas son unha ampliación do coñecemento, pois explican o fundamento da experiencia.
A ciencia cuantitativa e dedutiva mediante análise matemático mostra éxitos indubidábeis na idade moderna
Galileo predí mediante dedución matemática que a "aceleración", como concepto non empírico, no movemento de caída dos "graves", é "constante", e mediante o estudo e cálculo da traxectoria da luz inventou o telescopio; Torricelli determina que, nun recipiente de mercurio no que se introduciu un tubo fino, o mercurio se elevará até unha determinada altura, e que ascendendo por unha montaña pouco a pouco o nivel do mercurio do tubo irá descendendo, sobre a hipótese de que a "presión atmosférica", como concepto da razón independente da experiencia, fará descender o mercurio do tubo; Pascal, aplicando os principios da presión dos fluídos como concepto de razón, non de experiencia sensíbel, inventa a prensa hidráulica; Johannes Kepler ou mellor dito, os seus cálculos matemáticos, fan posíbel determinar "a priori", é dicir, antes de que ocorra, a posición dos planetas e mesmo a existencia futura dun eclipse con anos de antelación... etc.[59]

¿Como é posíbel que un mero concepto do entendemento ou un cálculo matemático, ambos produtos da especulación da razón humana, poida determinar ou predicir os feitos da experiencia?

As leis da ciencia non poden ser analíticas, ou a priori
Non cabe dúbida de que as leis científicas non son analíticas e amplían o coñecemento. É evidente que do concepto de "corpo" como ser material e perceptíbel polos sentidos non se segue por análise do concepto, sen máis consideración, a lei: "todos os corpos atráense en razón directa das súas masas e en razón inversa ao cadrado das súas distancias."
As leis da ciencia non poden ser sintéticas ou a posteriori
Pero a experiencia ou experimento, por ser sempre individual e sometida a condicións, non pode servir de fundamento que nos permita asegurar que dita experiencia, ou o resultado do experimento, é consecuencia dunha lei da Natureza. Tal é o problema das relacións entre a ciencia e a experiencia ao que nin o racionalismo nin o empirismo dan resposta de maneira convincente.
A solución kantiana
[editar | editar a fonte]
Immanuel Kant (1724-1804).

Immanuel Kant intentou realizar unha síntese que fixese posíbel o coñecemento científico universal e necesario pero cuxas verdades non fosen soamente formais e analíticas, senón que puidesen ser materiais.[60] Para iso intentou xustificar a posibilidade e existencia duns xuízos sintéticos a priori, que serían os xuízos propios da ciencia: universais e necesarios, por seren a priori, pero tamén sintéticos porque amplían o coñecemento no seu contido material ao estender os posíbeis predicados con independencia da noción do suxeito, superando as limitacións das verdades de razón.

Para xustificar tales xuízos rexeita que o entendemento sexa como unha "táboa rasa" que se limita a recibir pasivamente a información que lle chegue dos datos sensíbeis, da mesma forma que rexeita a capacidade de intuición do entendemento.

Polo contrario afirma que o entendemento é activo. Considera que a intuición vén dada pola sensibilidade [61] e que os conceptos son elaboración do propio entendemento.[62] e serven como xustificación do coñecemento científico. Ao mesmo tempo, a partir de ditas condicións empíricas, a priori, pódense determinar as condicións xerais da experiencia, o que permite a predición e previsión científica no dominio da natureza.

O coñecemento expresado en enunciados (ou xuízos), como pensaba Kant:

Verdade Condición Orixe Xuízo Exemplo
Verdade de feito Continxente e particular A posteriori; depende da experiencia Sintético: amplía o coñecemento. O predicado non está contido na noción do suxeito Teño un libro entre as mans
Verdade de razón Necesaria e universal A priori; non depende da experiencia Analítico: O predicado encóntrase na noción do suxeito Todos os mamíferos son animais
Verdade científica Universal e necesaria A priori; non depende da experiencia, pero unicamente aplícase á experiencia Sintético a priori: amplía o coñecemento. Só aplicábel aos fenómenos Os corpos atráense en razón directa das súas masas e en razón inversa ao cadrado das súas distancias

Pero a cuestión de tales xuízos resulta menos relevante que o problema que presenta acerca dos límites do coñecemento.

Os xuízos sintéticos a priori, é dicir, a ciencia, unicamente son posíbeis na súa referencia ao fenoménico, é dicir, ao campo da experiencia posíbel. A realidade como nóumeno só pode ser pensada, non coñecida.

A evidencia é un produto da consciencia respecto á súa percepción ou idea ou concepto (en tanto que son contidos mentais) e desconectada do real (entendido como contido extramental):

  • ¿Se non se pode transcender á propia consciencia, que relación existe entre o real e a nosa percepción? ¿É unha relación causal?
  • Se a causa é unha relación de ideas, como dicía Hume, ou un concepto a priori, unha categoría do entendemento, como dicía Kant, non podemos coñecer o real. ¿Que é entón o real para poder ser comprendido como causa?
  • ¿Se, segundo os empiristas, non podemos distinguir o mundo percibido do mundo exterior, por que, non obstante, xorde de maneira inevitábel a pregunta por un mundo exterior ao pensamento? Tal é o problema esencial para o estatuto do coñecemento científico.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da ciencia.
Seccións: Século XIX e Século XX.

Como reacción ante os excesos especulativos dos diversos idealismos que xurdiron da filosofía kantiana, produto da confianza na capacidade "activa" ou creadora do pensamento dialéctico da Razón,[63] o século XIX deu lugar a un xenérico empirismo científico caracterizado polo rexeitamento de calquera tipo de especulación metafísica á que se considerou como o principal inimigo da ciencia e da filosofía. Sen referencia ningunha ás ideas innatas ou ao contido empírico do asociacionismo, característico dos pensadores anteriores, este empirismo supera claramente o escepticismo do empirismo clásico, aceptando a ciencia como un frito que está aí na base mesma da propia experiencia. Unha ciencia que en unión coa técnica constitúe xa unha unidade científico-técnica.

Este é o trazo esencial que caracteriza a moi diversos autores e escolas unidas baixo o concepto do positivismo, de inspiración claramente empirista.

Positivismo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Positivismo.
Auguste Comte (1798-1857).
John Stuart Mill (1806-1873).

Desde un positivismo extremo [64] até un positivismo case idealista, o século XIX e os comezos do XX ofrece un riquísimo panorama de autores e escolas todas baixo denominación positivista e de inspiración empirista fortemente unidas á idea de progreso no coñecemento científico-técnico. O trazo común que caracteriza a todos eles é o rexeitamento á metafísica como pseudociencia produto da especulación da razón e sen xustificación ningunha.

Este positivismo xenérico toma só en consideración o coñecemento científico, que é produto lóxico da aplicación rigorosa do método científico e da afirmación de teorías que poidan xustificarse na experimentación.

Xorde en Francia, sendo o seu fundador Auguste Comte, quen creou a denominación de positivismo, e toma novas formas da man do británico John Stuart Mill, estendéndose e desenvolvéndose polo resto de Europa até o primeiro terzo do século XX.

Todas as actividades filosóficas e científicas deben efectuarse unicamente no marco da análise dos feitos reais verificábeis pola experiencia.

Caracterízase pola defensa dun método sendo o exemplo ideal a ciencia física que triunfa claramente no dominio da natureza e nas aplicacións técnicas que dela se derivan. A vantaxe fundamental deste método é a súa formalización e a posibilidade de expresar as súas leis en linguaxe matemática, que fai posíbel a construción de modelos teóricos a partir do rigor do cálculo. A unión do método científico como tal e a técnica cada vez é máis estreita, e pouco a pouco van constituír un todo científico-técnico.

O obxectivo da ciencia é explicar, entendendo por tal o poder englobar os fenómenos nun marco teórico de leis xerais.

O ideal dunha ciencia unificada será o último postulado do chamado neopositivismo, cuxo fracaso abre as portas aos novos modos de filosofía actual.

A crítica á metafísica, como busca do que está máis alá da ciencia, considérase a partir do que se chamou as "trampas da linguaxe", o que supuxo un interese no estudo da linguaxe tanto na súa dimensión formal, empirismo lóxico, como en canto liguaxe natural, estudando os "xogos da linguaxe", que deron lugar a toda unha corrente de empirismo concibido como filosofía analítica.

Evidentemente a unidade de método e a súa aplicación aos diferentes obxectos de investigación, así como a rixidez en que se consideren os principios empiristas, dan lugar a unha diversidade de "empirismos" e "positivismos".[65]

As vinculacións entre o pragmatismo e o empirismo foron sempre complexas, ambivalentes e estreitas. En efecto, se ben pode dicirse que o pragmatismo clásico constitúe unha filosofía de raigame empirista, non é menos certo que todos os autores pragmatistas dessenvolveron unha crítica novedosa do vello empirismo británico. Ben sexa que se trate do "realismo crítico do sentido" de Peirce, do empirismo radical de James ou do instrumentalismo de Dewey, en todos estes casos evidénciase a recepción crítica que do empirismo efectuaron os clásicos do pragmatismo. Nos nosos días, co xiro lingüístico de por medio, a situación cambiou ensibelmente. Despois dos ataques de Quine aos dos dogmas do empirismo —a distinción analítico-sintético e o reducionismo— sumados á crítica de Davidson ao dualismo esquema-contido (o suposto terceiro dogma), pouco parece ter quedado dunha filosofía que poida cualificarse de "empirista". En termos de historia da filosofía, a novidade coa que nos encontramos aquí é a dun pragmatismo profundamente divorciado do empirismo ou, no caso de Rorty, un pragmatismo claramente anti-empirista. Pois ben, situándome no seo do pragmatismo contemporáneo, querería abordar as vinculacións entre estas dúas correntes filosóficas —o empirismo e o pragmatismo— a partir dun problema que resultou central na epistemoloxía contemporánea, a saber, o de se a experiencia constitúe, nalgún sentido, unha instancia de lexitimación das nosas crenzas. Na primeira sección deste traballo discuto a tese rortyana segundo a cal a experiencia unicamente causa crenzas, pero non as xustifica (I). Na segunda sección, en cambio, presento as liñas xerais dunha concepción alternativa que, evitando unha recaída no chamado "mito do dado", pretende devolverlle á noción de "experiencia" o seu significado epistemolóxico (II).
Daniel Kalpokas. Pragmatismo, empirismo y representaciones. Una propuesta acerca del papel epistémico de la experiencia. (UBA-UNC-CONICET) Anal. filos. v. 28 n. 2. Ciudad Autónoma de Buenos Aires, nov. 2008.

Fenomenoloxía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Fenomenoloxía.

Máis ligada á herdanza kantiana pero considerando o coñecemento con sentido realista sitúase a fenomenoloxía, que pretende penetrar na esencia do fenomenolóxico para encontrar o fundamento da realidade que o sostén.

A fenomenoloxía asociarse a Franz Brentano como o seu fundador co lema de "volta ás cousas". Desde a psicoloxía considera que a consciencia ten un sentido intencional, o que supón un enfoque completamente novo fronte ao mero asociacionismo psicolóxico do século anterior, que el rexeita, e ofrece un enfoque cara a un realismo de nova fundamentación recuperando a importancia da linguaxe na manifestación do coñecemento.

Husserl desenvolve esta idea de intencionalidade da consciencia, en canto que a consciencia non é nunca pura, senón que se é condciencia é condciencia de algo, é dicir, necesita dun obxecto para constituírse como tal. A consciencia non é mera consciencia do "eu",[66] senón unha consciencia de estar-no-mundo, aberta intencionalmente á realidade. Husserl pretendeu encontrar unha "evidencia intuitiva", ou intuición de esencia a través do fenomenolóxico [67] que vén a ser unha especie de intuición transcendental, en sentido kantiano, que restaura, dalgunha forma, a intuición clásica da obxectividade do coñecemento.

Cassirer, pola súa parte, desde a superación do kantismo, reinterpreta a necesidade da dimensión transcendental dos conceptos mediante o novo concepto de función. Estuda así mesmo a dimensión humana como "animal simbólico" e en linguaxes que se formalizan en tres sistemas simbólicos, cada un segundo unha función: o sistema dos mitos como función expresiva; o sistema da linguaxe común que responde a unha función intuitiva; e o sistema das ciencias que responde a unha función representativa e significativa. O coñecemento do mundo interprátase así nunha dimensión cultural e social.

Martin Heidegger (1889-1976).

Heidegger considera que a perspectiva desde a que a ciencia considera as cousas non é suficiente e limita ou oculta o coñecemento da entidade como realidade, quedándose só no seu aspecto de mero obxecto.[68]

A ciencia trata de obxectividades, pero a filosofía vai máis alá na súa acción clarificadora que abre a consciencia ao horizonte do sentido e á comprensión intuitiva da plenitude de significado. A física non pode chegar á pregunta pola cousa.

É a ciencia o patrón de medida para o saber, ou hai un saber no cal se determina o fundamento e o límite da ciencia e, con iso, a súa propia eficacia?
Martin Heidegger. Die Frage nach dem Ding, Tubinga, Max Niemeyer (3ª edición), páx. 8
[...] as plantas do botánico non son as flores do lindeiro, a "orixe" que xeograficamente se fixa para un río non é o "manancial cristalino".
Martin Heidegger. Ser e tempo.

Isto leva a unha distinción entre comprensión intuitiva e comprensión teórica, mostrando que cando se quere comprender a realidade plena de significado, pártess necesariamente do que é por si mesmo natural e anterior ao propio significado.

Curiosamente Heidegger coincide neste plan cos filósofos analíticos, herdeiros do positivismo, que parten de supostos completamente diferentes, como Austin ou Davidson e Rorty, e entra de cheo na consideración actual do problema da evidencia e a súa relación coa linguaxe.

Posmodernidade

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Posmodernidade.

O coñecemento e a mesma linguaxe na que se expresa son interpretativos. É necesaria a hermenéutica. Novos modos de concibir a evidencia e a certeza, co progreso e apertura de novas perspectivas, abríronse no desenvolvemento da propia ciencia e da reflexión filosófica.

Os importantes avances da ciencia no referente aos mecanismos da evolución, con especial referencia á xenética, a bioloxía en xeral e, en especial, a bioloxía molecular, etoloxía, neuroloxía, psicoloxía, así como dos métodos de tratamento de datos na configuración de modelos teóricos, abriu camiños insospeitados acerca das dimensións do cognitivo.

O cognitivo, engloba non só o coñecemento conceptual senón a actividade xeral do home na súa relación co medio, concibido como sistema a través da linguaxe e da cultura en cuxo ámbito se produce o feito do coñecemento entendido como función operativa.

O concepto de verdade, entón, adquire unha variedade de matices non só epistemolóxicos, senón sociais e culturais que parece converter o coñecemento nun caleidoscopio de cores onde os medios de comunicación social e os poderes sociais son tamén factores importantes no que Lyotard chama performatividade da verdade.

Nin empirismo, nin racionalismo. Nin a priori, nin a posteriori. O cognitivo engloba todas as dimensións do ser humano; se ben no referente ao que hoxe é o fenómeno científico-técnico, os métodos e a validez outorgada a unha teoría pola comunidade científica é sen dúbida ningunha a mellor garantía dunha verdade obxectiva, fronte á validez que outorguen ou poidan outorgar outras instancias culturais e sociais.[69]

En definitiva, o que se perdeu foi unha concepción estreita da ciencia ligada directamente a unha verdade universal e necesaria, así como a necesidade de xustificarse nos estreitos límites nos que o mero empirismo dos experimentos pretendía pechalo.

  1. Sini, Carlo (2004): "Empirismo", en Enciclopedia Garzanti della Filosofía. ed. Gianni Vattimo et al.
  2. Kalupahana, David J. (1969). "A Budhist Tract of Empiricism". Philosophy East and West 19 (1): 65–67. 
  3. Aristóteles chámao ποίησις (poíēsis, literalmente 'creación', 'fabricación'), o que viría a ser equivalente ao que chamariamos hoxe produción
  4. Un sentido moi diferente do sentido actual da ciencia, considerada como un todo "científico-técnico"
  5. Non no sentido actual, senón no sentido da acción en orde a un fin último do individuo en canto á súa natureza racional
  6. A experiencia sempre se produce en relación con casos concretos e en relación a un individuo, polo que a maioría dos filósofos gregos considerábana subxectiva e referida a algunha finalidade concreta; por iso no reunía as condicións para poder ser obxecto de coñecemento científico
  7. O nome de metafísica nace da mera ordenación dos escritos de Aristóteles por Andrónico de Rodas; pero quedou consagrado polo sentido que tomou ao longo da historia da filosofía: o pensamento que vai máis alá da física, entendida esta como coñecemento do material, o móbil, o sensíbel ou, por redución, a Natureza; en definitiva, a metafísica trata do que está máis alá dos datos sensíbeis da experiencia, é dicir, dos fundamentos do ser. Aristóteles chamouna por iso "filosofía primeira", cuxo obxecto é "o ente en canto tal" ou o estudo das "causas últimas" ou "primeiros principios", é dicir, da realidade en tanto que realidade. Posteriormente pasou a significar por xeneralización a idea do transcendente e, de maneira máis concreta, calquera forma de especulación filosófica.
  8. "Inventos son eses de escravos, os máis viles. Máis arriba ten a filosofía a súa morada; e é mestra, non das mans, senón das almas. Queres saber o que ela descubriu, o que ela produciu?. É autora da paz e chama á liñaxe humana á concordia. Non é artesá, volvo dicir, de ferramentas necesarias para os nosos usos ordinarios. Por que lle asignas tan minguada visión? Contempla nela a autora da vida [...] Ela ensina que cousas son males e cales só o aparentan [...] Ela declara quen son os deuses e cal á súa natureza [...]" (Séneca, Epístolas a Lucilio). Séneca ataca a postura de Posidonio e Panecio que loan a filosofía operativa: "É evidente que o proveito e a utilidade das cousas inanimadas non podería obterse sen os brazos e o traballo dos homes". (Panecio, Sobre o deber)
  9. Encyclopedia Britannica, "Empiricism" (Empirismo), vol. 4, p. 480.
  10. Plato actually argued in Protagoras that the Sophists were quite un-empirical in their orientation, regarding them as preferring semantics and appearances over unbiased inquiry and substance in their arguments
  11. Curiosamente, o mesmo que o positivismo, acabará interesándose polo "uso" da linguaxe natural nos múltiples "xogos de linguaxe" posíbeis na chamada filosofía analítica
  12. Para unha descrición detallada dos modos de coñecemento tal como os concibe Aristóteles, véxase [1] Arquivado 06 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
  13. "Un siloxismo é un argumento no cal, establecidas certas cousas, resulta necesariamente delas, por ser o que son, outra cousa diferente". Aristóteles, Primeiros analíticos I 24 b 18-23
  14. "Development of Aristotle’s thought". Macmillan Encyclopedia of Philosophy 1. 1969. p. 153. 
  15. A época helenística, tamén chamada período alexandrino (de 323 a.C. - 30 a.C.) é o prolongamento da cultura grega na época romana e está marcado por progresos significativos en astronomía e en matemáticas, así como por algúns avances na física. A cidade exipcia de Alexandría foi o centro intelectual dos sabios da época, que eran gregos. Os traballos de Arquimedes (292 a.C. - 212 a.C.) sobre o pulo (principio de Arquimedes) conduciron á primeira lei física coñecida despois de Eratóstenes (276 a.C. - 194 a.C.) sobre o diámetro terrestre ou de Aristarco de Samos (310 a.C. - 240 a.C.) sobre as distancias Terra-Lúa e Terra-Sol que testemuñaran un grande enxeño. Apolonio de Pérgamo constrúe o modelo dos movementos dos planetas coa axuda de órbitas excéntricas. Hiparco de Nicea (194 a.C. - 120 a.C.) perfecciona os instrumentos de observación como o dioptro, o gnomon e o astrolabio. En álxebra e xeometría, divídese o círculo en 360̊, e créase incluso o primeiro globo celeste (ou orbe). Hiparco redacta tamén un tratado en 12 libros sobre o cálculo das ordes (denominadas hoxe en día trigonometría).
  16. "Considerándote Eratóstenes, segundo dixo, como hábil, de grande altura filosófica e que non recúas ante as cuestións matemáticas, pensei expoñer por escrito e ilustrar neste mesmo libro a natureza particular dun método que tal vez te permitirá chegar pola mecánica á fin de certas proposicións matemáticas. Agora ben, estou persuadido de que este método non é menos útil para a demostración que para a proposición. Porque algunhas delas, que en principio sonme evidentes pola mecánica, despois foron demostradas pola xeometría, xa que a demostración por este método é exclusivo dunha demostración. A busca da demostración precedida dun certo coñecemento das cuestións por este método é, en efecto, más doada, que a súa busca sen este coñecemento. Así, no concernente ás proposicións relativas ao cono e á pirámide, nas que Eudoxo foi o primeiro en achar a demostración, especialmente xa que o cono é a terceira parte do cilindro e a pirámide a terceira parte do prisma tendo a mesma base e altura, hánselle atribuír un fundamento nada desprezábel a Demócrito, que foi o primeiro en afirmar as cousas, sen demostración, polas figuras mencionadas. Como sexa que o descubrimento das proposicións que exporemos agora vuieron do mesmo modo que os precedentes, quixen divulgar este método por escrito. No só por non parecer unha persoa que teña proferido palabras vas, tanto máis que xa falei anteriormente, senón porque estou seguro de que iso reportará certos beneficios ao obxecto dos nosos estudos. En efecto, estou convencido de que este método, unha vez se expoña, xunto con outras proposicións que aínda non me propuxen, acabará por contar coa adhesión dos que viven e dos que aínda han de nacer. En consecuencia, porei por escrito aquilo que en primeiro lugar me foi revelado pola mecánica, especialmente que todo segmento dunha sección de cono rectángulo é igual a catro terzos do triángulo que teña a mesma base e igual altura, e logo cada un dos outros resultados obtidos co mesmo método; ao final do libro exporei as demostracións xeométricas dos teoremas cuxos enunciados te comuniquei" (Arquimedes, Canguilhem, citado en Historia de la ciencia, tomo I, Barcelona: Planeta. 1977. páx. 153). Arquimedes representa neste texto unha actitude moi similar ao que hoxe en día responde ao concepto e laboración da ciencia.
  17. Raymond Chevallier, Sciences et techniques à Rome, PUF, col. "Que sais-je?", Paris, 1993, páxs. 108-110.
  18. Raymond Chevallier, Sciences et techniques à Rome, PUF, col. "Que sais-je?", Paris, 1993, páx. 128.
  19. Para a oposición entre estas dúas posturas na Atenas clásica, véxase o Teeteto de Platón.
  20. Bill Fisher e Jim Van Patten. A Quick Look at the Medieval View of Philosophy and Healthcare (Unha pequena ollada ao punto de vista medieval da filosofía e hixiene). Universidade de Montana e Universidade de Arkansas.
  21. A súa distinción de "ser de esencia" e "ser de existencia serviría a Tomé de Aquino na concepción de Deus como ipsum esse subsustens a partir do mundo da experiencia sensíbel
  22. Primeiro gran comentarista de Aristóteles na Idade Media. A súa teoría chamada da "dupla verdade" supón unha liberación do pensamento filosófico e científico da rixidez do dogma da fe.
  23. Irving L. Horowitz (Novembro de 1960). Averroism and the Politics of Philosophy (Averroismo e as políticas da filosofía), The Journal of Politics 22 (4), páxs. 698-727.
  24. Véxase A escola de tradutores de Toledo en Historia da ciencia, sección Idade Media.
  25. Osborne, Richard. Filosofía I para principiantes. Buenos Aires: Longseller 2005. ISBN 987-9065-30-1. páx. 101
  26. Por exemplo a teoría aristotélica do movemento introduce a calidade da "gravidade", que fai que algúns corpos sexan "graves", por exemplo unha pedra, cuxo lugar natural é "abaixo" e por iso "caen"; e a "levidads" dos ""leves", por exemplo o fume, que por iso "ascenden" porque o seu lugar natural é "arriba".
  27. Orixe do concepto de función matemática
  28. A explicación aristotélica por un principio causal non podía explicar como unha vez cesada a causa, por exemplo a saeta saída do arco ou a explosión da pólvora, o proxectil seguía durante un tempo nun movemento de caída gradual e non estritamente vertical
  29. Fundamental é a obra de Luca Pacioli, en 1494, creador da contabilidade por partida dupla esencial para os negocios r a creación de sociedades por accións, elemento esencial para o nacemento do gran capitalismo en Europa.
  30. Cf. Lóxica empírica.
  31. Xa proposto por Aristarco de Samos na Antigüidade, pero esquecido debido á autoridade de Aristóteles.
  32. Fritjof Capra considera que Leonardo de Vinci é o verdadeiro xenio iniciador do método e a ciencia moderna. Se tradicionalmente este honor se atribúe a Galileo Galilei foi polo descoñecemento e mala ordenación dos manuscritos de Leonardo, até agora descoidados e perdidos en moitos casos. Por outro lado Leonardo non publicou os seus escritos científicos, e foi necesaria un recente e intenso labor de estudo paleográfico para publicar correctamente os seus escritos. Por outra parte, a valoración do hipotético-dedutivo considérase hoxe cun valor de verdade diferente a como se fixo no século XIX. Véxase un interesante estudo en: Capra, F. (2008): La ciencia de Leonardo. Barcelona: Anagrama.
  33. Historia de la Ciencia, tomo II, Ed. Planeta, 1977, páxs. 9-14
  34. Véxase tamén a sección Da "imago mundis" á astronomía. Copérnico. Galileo, en Historia da ciencia.
  35. Que posteriormente se denominou "hipotético-dedutivo" e, durante algún tempo, foi considerado por moitos o "prototipo" de método de investigación científica.
  36. No estoicismo encontramos un antecedente deste concepto, o que eles chamaron nocións comúns, como principios lóxicos que facían posíbel pensar e razoar.
  37. As ideas neste sentido moderno non teñen nada que ver co concepto platónico-aristotélico de ideas. Agora son meramente contidos de conciencia, unha percepción subxectiva do individuo na súa consciencia
  38. Sempre e cando estas conexións lóxicas se establezan adecuadamente, é dicir, seguindo o método analítico paso a paso sen omitir ningún; isto non sempre ocorre así porque a mente humana actúa frecuentemente sen seguir as pautas racionais, deixándose levar pola precipitación e falta de análise, así como polas paixóns.
  39. Deus é a consecuencia afirmada con certeza dun Ser Perfecto a partir da idea innata de perfección que xorde da propia idea de imperfección, que se dá na conciencia polo feito mesmo da dúbida, pois a dúbida aparece en esencia como imperfecta respecto á perfección da certeza. Deus por tanto ten que existir pois, de non existir, non sería perfecto; Descartes para iso utiliza unha nova versión do argumento ontolóxico de San Anselmo.
  40. Quen responde a Locke co seu libro Novo ensaio sobre o entendemento humano e abre perspectivas novas para a reflexión que fará máis tarde Kant: "Nada está no intelecto que non estivese antes nos sentidos, salvo o propio intelecto", apuntando que o entendemento non é meramente pasivo na recepción dos datos da experiencia pois, para Leibniz, a substancia, en canto "mónada", é ante todo "actividade" e por iso "suxeito de todos os seus predicados". As mónadas non admiten causalidade externa. Dita causalidade é só aparente para a consciencia humana polo seu coñecemento limitado. Para Deus todo está rexido por unha razón suficiente, El mesmo e o seu saber infinito como providente, de modo que en realidade metafísica, todas as verdades do mundo son verdades de razón e, por tanto, analíticas.
  41. Osborne, Richard (2005): Filosofía I para principiantes. Buenos Aires: Longseller 2005, páx. 158. ISBN 987-9065-30-1
  42. Pois mentres a substancia como suxeito ten o seu referente nun contido de realidade, con independencia de que sexa coñecido ou non coñecido por ningunha mente ou entendemento, agora ao entenderse como unha idea subxectiva da consciencia ou do entendemento fai problemática a conexión co mundo máis alá da consciencia, moito máis aínda cando a mesma idea de causa, que podería considerarse como xustificación dunha realidade mundana das ideas subxectivas, ela mesma á unha idea subxectiva cuxa relación co mundo é así mesmo problemática.
  43. Osborne, Richard (2005): Filosofía I para principiantes. Buenos Aires: Longseller, páx 161. ISBN 987-9065-30-1. George Berkeley: Esse est percipi
  44. Macmillan Encyclopedia of Philosophy (Enciclopedia Macmillan de filosofía) (1969), "George Berkeley", vol. 1, páx. 297.
  45. Macmillan Encyclopedia of Philosophy (Enciclopedia Macmillan de filosofía) (1969), "Empiricism" (Empirismo), vol. 2, páx. 503.
  46. Unha idea en canto a contido mental é, para Hume, tan só o recordo ou a imaxe que queda dunha impresión. "Co termo impresión refírome ás nosas máis vívidas impresións, cando oímos, ou vemos, ou sentimos, ou amamos, ou odiamos, ou desexamos. E as impresións distínguense das ideas, que son impresións menos vívidas das que somos conscientes cando reflexionamos sobre algunha das sensacións anteriormente mencionadas". Hume, David. Tratado da natureza humana. Libro I. Do entendemento. Primeira parte: Das ideas; a súa orixe, composición, conexión, abstracción etc. Sección primeira: Da orixe das nosas ideas.
  47. Son aquelas verdades continxentes, é dicir, que poden ser ou non ser. Inclúen o que é en realidade e o posíbel, pero a súa verdade xustifícase unicamente mediante a percepción de impresións na experiencia
  48. Son verdades necesarias porque en ditas verdades só se establece unha relación formal entre ditas ideas e o pensamento; a validez é meramente lóxica. As proposicións que manifestan ditas verdades son tales que o predicado está contido na noción do suxeito: por iso son analíticas e a súa verdade xustifícase mediante a análise. Son o que os racionalistas chaman verdades de razón; o seu contido é tautolóxico.
  49. Hume, David (1902 [1748]). Enquiries Concerning the Human Understanding and Concerning the Principles of Morals. Oxford: Oxford University Press (2ª edición ed.). Se, persuadidos destes principios, facemos unha revisión das bibliotecas, qué estragos non faremos! Se tomamos nas mans un volume de teoloxía, por exemplo, ou de metafísica escolástica, e preguntamos: contén algún razoamento sobre a cantidade ou os números? Non. Contén algún raciocinio experimental sobre cuestións de feito ou de existencia? Non. Botádeo ao lume, pois non contén máis que sofistería e embustes. 
  50. Como tal o asasinato non é algo sensíbel perceptíbel polos sentidos. Non ten color, nin son... etc. Pero si ten unha referencia a impresións de experiencia, como verdade de feito que remite á existencia dun feito.
  51. Maine de Biran, Condillac, considerando a idea como unha forma de "representación do real".
  52. É dicir, realidade independente do suxeito que coñece
  53. mediante un proceso de abstracción do individual e material o entendemento intúe a conexión do concepto cos obxectos da experiencia
  54. Non obstante algúns clásicos admitían xa que algunhas calidades que atribuímos aos obxectos podían ser meramente subxectivas. Agostiño de Hipona, por exemplo, consideraba o tempo como algo subxectivo da consciencia, e autores clásicos xa poñían en cuestión a obxectividade das cores.
  55. Aristóteles por iso consideraba o siloxismo como argumento categórico, por ser unha argumentación que vai do necesario ao necesario por basearse no "ser das cousas".
  56. En asociación psicolóxica, segundo os empiristas, ou en asociación de relación lóxica, segundo os racionalistas, pero en ambos os casos non deixa de ser relación de ideas cuxa conexión coa realidade non é directa como o era no sentido tradicional da idea intuída polo entendemento a partir da experiencia sensíbel.
  57. Racionalistas: Coñecemos a realidade porque Deus non pode enganarnos nos nosos coñecementos. Empiristas: Confiamos en que as cousas até agora e segundo o noso hábito ou costume foron así, pero non podemos afirmar con certeza que dito comportamento sexa necesario.
  58. Os extremos desta concepción dan lugar a varios modos de pensamento: o solipsismo, máis que un pensamento, unha especulación pouco adoptábel na práctica; por outro extremo, pensar que a orde de conexión das ideas se corresponde coa orde de conexión da realidade, vén ser o ocasionalismo, Malebranche e o monismo panteísta de Spinoza; finalmente, darán lugar máis tarde aos diversos idealismos.
  59. Nótese que os conceptos de velocidade, aceleración, traxectoria da luz, presión, órbita planetaria etc. son conceptos que non son obtidos a partir dos datos sensíbeis, posto que non os teñen, senón conceptos que nacen do propio entendemento na súa reflexión como "explicación hipotética" da experiencia, que deben ser "confirmados" mediante os experimentos. Así o consideraron os racionalistas daquel entón.
  60. É dicir, con contido empírico e por tanto sintéticas
  61. se ben sometidas a certas condicións a priori, como intuicións puras independentes da experiencia, o espazo e o tempo.
  62. Segundo certos conceptos puros, categorías, sobre as cales recae cada clase dos xuízos posíbeis. Deste modo as intuicións, ordenadas nun espazo e nun tempo dados, quedan agrupadas e clasificadas de forma universal e necesaria nuns xuízos obxectivos porque non dependen da experiencia do suxeito que coñece. Polo menos para todo entendemento humano.
  63. Idealismo subxectivo Fichte; idealismo obxectivo Schelling e, sobre todo, a filosofía de Hegel, e na súa vertente materialista, o marxismo.
  64. Posto que non se pode ir máis alá do fenoménico, cómpre tomar o fenoménico como realidade; a realidade queda determinada por aquilo que se puede contar, medir ou pesar, porque non hai outro contido de coñecemento posíbel.
  65. José Ferrater Mora chega a distinguir até sete empirismos diferentes:
    1. O empirismo chamado por antonomasia "sensíbel". Cando se destaca o papel que desempeñan as sensacións no coñecemento úsase o nome de "sensacionismo".
    2. O empirismo "intelixíbel". Segundo o mesmo, os chamados "obxectos ideais" —números, proposicións, conceptos etc.— son obxecto da experiencia, entendéndose esta nun sentido amplo. Algúns fenomenólogos falaron neste sentido dun empirismo (ou positivismo) total, contra o empirismo (ou positivismo) sensíbel.
    3. O empirismo moderado ou empirismo crítico, que admite a orixe empírica do coñecemento, é dicir, que admite que todo coñecemento se funda na experiencia sensíbel, pero que require ser examinado e controlado por algún esquema ou cadro conceptual.
    4. O empirismo radical, expresión debida a William James, para quen incluso as relacións son "experimentais". Segundo escribe James en Essays in Radical Empiricism (II, 1), "co fin de que un empirismo sexa radical é mester que non admita nas súas construcións ningún elemento que non sexa directamente experimentado, nin exclúa delas ningún elemento que sexa directamente experimentado".
    5. O empirismo "total", que defendeu S. Alexander (Space, Time, and Deity, libro I, cap. 6), ao adherirse á máxima de Hume segundo a cal hai que buscar sempre a base empírica das nosas ideas, pero corrixíndoa, se é preciso, para combater calquera posíbel inadmisíbel prexuízo en favor de certas impresións. Para Alexander "un empirismo cabal acepta a súa fórmula [a de Hume], pero como non ten ningún prexuízo en favor das existencias separadas ou distintas que atraen a nosa atención, insiste en que no curso das inspeccións efectuadas pola experiencia, ningún elemento debe ser omitido do inventario". Nin sequera hai que facer como Hume e deterse nas condicións substantivas (ou substantivistas) do eu, olvidando as súas condicións transitivas, xa que iso ten por consecuencia esquecer "a esencial continuidade da mente".
    6. O empirismo chamado "integral", que foi defendido por Risieri Frondizi.
    7. O empirismo "dialéctico", do que ás veces falou o autor da presente obra [Ferrater] e que consiste, grosso modo, en usar certos conceptos como conceptos-límites, isto é, como non denotativos de ningunha realidade e á vez en tratar estes conceptos como a un tempo contrapostos e complementarios.
    1. "O empirismo lóxico". (Ferrater Mora, José. Diccionario de filosofía)
  66. Segundo formulou Descartes co seu "penso logo existo"
  67. O que considerou como unha "redución eidética"
  68. "[...] o home elevaouse á eu-idade do ego cogito. Nesta posición todas as entidades deveñen en obxectos. As entidades, como obxectivas, absórbense na inmanencia da subxectividade. O horizonte xa non ilumina desde fóra de si mesmo." (Martin Heidegger, Holzwege, nota 63, páx. 241).
  69. Crenzas relixiosas, prexuízos sociais, ideoloxías, astroloxía, maxia... etc.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Black, M. (1984): Inducción y probabilidad. Madrid: Cátedra. IDBN 84-376-0188-6
  • Blackburn, S. (2001): Enciclopedia Oxford de filosofía. Madrid: Tecnos. ISBN 84-309-3699-2
  • Cassirer, E. (1951): Individuo y cosmos en la filosofía del Renacimiento. Buenos Aires: Emecé.
  • Copleston, F. (1982): Historia de la Filosofía. 9 volumes. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-3937-9
  • Dancy, J. (1993): Introducción a la epistemología contemporánea. Madrid: Tecnos.
  • Descartes, R, (1983): Discurso del método. Madrid: Alianza.
  • Capra, F. (2008): La ciencia de Leonardo. La naturaleza profunda de la mente del gran genio del Renacimiento. Barcelona: Anagrama. ISBN 978-84-339-6278-2
  • Cid F., et alii (1977): Historia de la ciencia. 3 volumes. Barcelona: Planeta. ISBN 84-320-0841-9
  • Ferrater Mora, J. (1984): Diccionario de filosofía. 4 volumes. Barcelona: Alianza Diccionarios. ISBN 84-206-5299-7
  • Geymonat, L. (1965): Filosofía y filosofía de la ciencia. Barcelona: Labor.
  • Goldberg, E. (2002): El cerebro ejecutivo. Barcelona: Crítica.
  • Hermendahl, E. (1969): Física y filosofía. Madrid: Guadarrama.
  • Koyré, A. (1979): Del mundo cerrado al universo infinito. Madrid: Siglo XXI.
  • Kuhn, T. (1981): La estructura de las revoluciones científicas. México: Fondo de Cultura Económica.
  • Lamote de Grignon, C. (1993): Antropología neuroevolutiva: un estudio sobre la naturaleza humana. Faes Farma.
  • Lyotard, J.-F. (1994): La condición postmoderna: informe sobre el saber. Madrid: Cátedra.
  • Merleau-Ponty, M. (1985): Fenomenología de la percepción. Barcelona: Planeta DeAgostini. ISBN 84-395-0029-7
  • Moulines Castellví, C. U. (1973): La estructura del mundo sensible. Sistemas fenomenalistas. Barcelona: Ariel.
  • París, C. (1952): Física y Filosofía: El problema de la relación entre ciencia física y filosofía de la naturaleza. La lógica de la investigación científica. Madrid.
  • Popper, K. (1977): La lógica de la investigación científica. Madrid: Tecnos.
  • Quesada, D. (1988): Saber, opinión y ciencia: Una introducción a la teoría del conocimiento clásica y contemporánea. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-8746-2
  • Russell, B. (1959): El conocimiento humano: su alcance y sus limitaciones. Madrid: Taurus. ISBN 84-320-0841-9