Matilde di Shabran
Matilde di Shabran Matilde de Sabrán | |
---|---|
Forma | Ópera |
Actos e escenas | 2 actos |
Idioma orixinal do libreto | Italiano |
Libretista | Jacopo Ferretti |
Fontes literarias | Libreto de Mathilde (1790), de François-Benoît Hoffman |
Estrea | 24 de febreiro de 1821 |
Teatro da estrea | Teatro Apollo |
Lugar da estrea | Roma |
Música | |
Compositor | Gioachino Rossini |
Localización da partitura | Conservatoire Royal de Musique, Bruxelas |
Personaxes | |
Véxase personaxes |
Matilde di Shabran, ossia Bellezza e cuor di ferro (en galego Matilde de Sabrán, ou beleza e corazón de ferro) é unha ópera semiseria con música de Gioachino Rossini e libreto en italiano de Jacopo Ferretti baseado no libreto de François-Benoît Hoffman para a ópera Mathilde (París, 1790) de Étienne Méhul. Foi estreada o 24 de febreiro de 1821 no Teatro Apollo de Roma baixo a dirección de Niccolò Paganini.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]A ópera foi composta con présa, e Rossini encargou a un asistente descoñecido a realización dos recitativos secos e a Giovanni Pacini a composición de tres números. Como xa fixera noutras ocasións, Rossini tomou a música doutras óperas para algunhas cancións, neste caso de Ricciardo e Zoraide, e de La donna del lago, mentres que para a sinfonia empregou músicas de Eduardo e Cristina. Foi estreada no Teatro Apollo de Roma o 24 de febreiro de 1821 baixo a dirección do virtuoso violinista Niccolò Paganini cun recibimento desigual, e a súa estrea foi seguida por unha pelexa na rúa "entre admiradores e detractores de Rossini".[2] Logo da estrea, a ópera continuou representándose no Apollo ata o final da tempada, e Matilde di Shabran foi a outras cidades italianas. A ópera semella ter sido popular, con representacións en Europa (Londres, 3 de xullo de 1823) e Nova York (10 de febreiro de 1834), mais, á parte dunha representación en Florencia en 1892, non foi representada de novo ata 1974, en Xenova."[2] Rossini reelaborou a ópera para unha representación no Teatro del Fondo de Nápoles que se puxo en escena o 11 de decembro de 1821, parcialmente traducida á lingua napolitana, co título de Bellezza e Cuor di Ferro.
As súas primeiras interpretacións modernas tiveron lugar no Rossini Opera Festival de Pésaro en 1996, sendo presentada unha versión revisada da partitura en 1996,[1][3] 2004 e 2012. Posteriormente foi interpretada no mesmo festival en 2004.[4] En 2008 interpretouse na Royal Opera House de Londres, co tenor lírico-lixeiro Juan Diego Flórez no papel de Corradino tanto en Pésaro como en Londres.
Esta ópera represéntase moi pouco, aparecendo nas estatísticas de Operabase con só unha representación no período 2005-2010.[5]
Personaxes
[editar | editar a fonte]Personaxe | Tesitura | Elenco na estrea, 24 de febreiro de 1821 (Director: Niccolò Paganini ) |
---|---|---|
Corradino, corazón de ferro | tenor | Giuseppe Fusconi |
Matilde di Shabran | soprano | Caterina Liparini |
Raimondo Lopez, pai de Edoardo | baixo | Carlo Moncada |
Edoardo | contralto | Annetta Parlamagni |
Aliprando, físico | barítono | Giuseppe Fioravanti |
Isidoro, poeta | baixo | Antonio Parlamagni |
Contessa d'Arco | mezzosoprano | Luigia Cruciati |
Ginardo, gardián da torre | baixo | Antonio Ambrosi |
Egoldo, líder dos campesiños | tenor | Gaetano Rambaldi |
Rodrigo, xefo dos gardas | tenor | Gaetano Rambaldi |
Udolfo, carceleiro | mudo | |
Coro masculino de gardas e campesiños. Coro feminino de campesiñas empregado nalgúns momentos do acto II. |
Argumento
[editar | editar a fonte]- Lugar: dentro e nos arredores do castelo gótico de Corradino en España.
- Data: Idade Media.
Acto I
[editar | editar a fonte]Ten lugar nun castelo propiedade de Corradino, nunha fermosa paisaxe española. Corradino é un nobre de carácter misóxino e xenófobo e de pésimo humor. Uns campesiños, liderados por Egoldo din que é preciso obedecer ao nobre para evitarlle dificultades. Chega Isidoro, un despreocupado poeta que non consegue avanzar na composición que está adicando a unha dama.
Ginardo, o vixilante da prisión do castelo recomenda a Isidoro que marche, xa que a Corradino non lle gustan os estranxeiros, mais Corradino aparece antes de que Isidoro poida irse. Para gañarse a súa confianza, Isidoro fálalle de mulleres sen coñecer o carácter misóxino do nobre. O enfado de Corradino é tan grande que Isidoro teme ser decapitado e fai o posible por gañarse ao señor. Aparece entón o médico Aliprando, que intercede pola vida de Isidoro, que resulta nomeado historiador persoal de Corradino.
Aliprando comunica a Corradino a inminente chegada de Matilde, a filla do afamado guerreiro Shabran, que morrera nunha recente batalla e por quen Corradino profesaba admiración. En lembranza desa admiración, Corradino dispón unha boa acollida para Matilde.
Ginardo comunícalle que o prisioneiro Edoardo López, fillo do xefe dos inimigos, está moi deprimido na súa cela. Corradino ordénalle que llo traia para ver se por fin o recoñece como vencedor a cambio de deixarlle ir, mais Edoardo non cede a esa deshonra e é conducido novamente a prisión.
Chega Matilde xunto a Aliprando. Matilde é astuta e manexa a Corradino. Preséntase Ginardo e dille a Aliprando que a condesa de Arco, prometida de Corradino, decatouse da chegada de Matilde. Como non está disposta a perder ao seu prometido decide facer o posible para botala. Matilde deféndese con enxeño. Corradino acode alarmado pola discusión entre ambas. Corradino parece seducido por Matilde, mais finalmente pídelle que se desculpe pola afronta á condesa. Matilde afirma que é el quen debe desculparse.
Corradino pregúntase por que o seu corazón latexa tan rápido. Aliprando diagnostícao como mal de amor, que é o terror de todo mortal e non ten remedio. Entra Isidoro e falan dun soneto e de literatura. Chega Matilde, e Corradino acaba declarándolle o seu amor para sorpresa de Isidoro e Ginardo.
Aliprando preséntase para dicir que as tropas de Raimondo López, pai do prisioneiro Edoardo, presentarán batalla contra as de Corradino. Corradino ordena ao capitán Rodrigo contraatacar en presenza de Edoardo. Mentres, a condesa deseña a súa vinganza contra Matilde. Isidoro está emocionado polos episodios que poderá narrar como historiador.
Acto II
[editar | editar a fonte]Raimondo López perdeu a batalla. Corradino gañou fama e Isidoro foi nomeado poeta oficial da corte. Edoardo consegue escapar ante a confusión orixinada pola batalla. Está moi entristecido polo resultado do combate, mais reconfórtase ao oír a voz de seu pai. Corradino sorpréndeos e reta a Raimondo a un duelo ao mencer. No diálogo Edoardo dille que conseguiu escapar grazas á axuda de Matilde. Corradino, indignado, desexa castigala pola súa traizón, e Edoardo teme por ela, mais o tranquiliza o seu pai.
Mentres, a condesa de Arco saborea a súa vinganza. Foi ela quen subornou ao garda que custodiaba a Edoardo e lle ordenou que ao liberalo lle explicara que fora Matilde a que lle procurou a liberdade. Así, Corradino despreciaríaa e castigaríaa. Chegan Matilde e Isidoro, mais a hipócrita condesa engatúsaos. Explícalles o comportamento heroico de Corradino na batalla, levantando a súa admiración. Entra en escena Corradino enfadado, contando que Edoardo fuxiu, e pregunta a Matilde que sabe sobre iso. Matilde manifesta a súa inocencia, mais oportunamente o capitán Rodrigo aparece cunha carta de agradecemento do enganado Edoardo na que lle agradece a axuda para fugarse. Corradino ordena que Matilde sexa executada, sen deixarse abrandar por Aliprando, Ginardo e Isidoro. Manda a este último que tire á rapaza por unha fervenza próxima, coa conseguinte satisfacción da condesa. Corradino queda só. Acoden os campesiños, sabedores da noticia, a rogar tamén por Matilde, recibindo a negativa e ameazas do nobre.
Isidoro regresa afirmando que cumpriu a orde e cando é interrogado detalla os pormenores dos acontecementos para demostralo. Daquela regresa Edoardo co soldado que lle axudou a fuxir e que confesou a trama da condesa. Esta, ao oílo, foxe, e todos quedan apenados polo triste e inxusto final de Matilde.
Matilde, que non morreu porque o seu verdugo foi incapaz de consumar a sentenza, cítase con Isidoro. Edoardo aproxímase a onde Matilde se ía reunir con Isidoro. Tamén chega Corradino, con ánimo de suicidarse, seguido de Raimondo, Ginaro e Aliprando que tentan facerlle claudicar da súa intención. Isidoro, que o está vendo, únese a eles. Corradino desiste cando ve a Matilde saír con Edoardo. Pídelle desculpas e ela pide clemencia para a condesa, argumentando que bastante sufrimento terá co desprezo do mundo e cos celos que lle causará a voda de Corradino e Matilde. Encargan a Isidoro un soneto para as nupcias e a obra finaliza entre a felicidade xeral.
Instrumentación
[editar | editar a fonte]A partitura de Rossini require o emprego de:
- 3 frautas, (III tamén piccolo), 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots
- 2 trompas, 2 trompetas, 3 trombóns
- Timbais, bombo e platillos, tambor
- Guitarra
- Archi
Para os recitativos:
- Piano (violonchelo e contrabaixo ad libitum)
Estrutura
[editar | editar a fonte]Versión de Roma
[editar | editar a fonte]- Sinfonia
Acto 1
[editar | editar a fonte]- 1 Introduzione Zitti zitti, nessun qui v'è' (Coro, Egoldo, Ginardo)
- 2 Cavatina Intanto Erminia fra le ombrose piante (Isidoro)
- 3 Quartetto Alma rea! Perché t'involi? (Corradino, Isidoro, Ginardo, Aliprando)
- 4 Cavatina Piange il mio ciglio, è vero (Edoardo)
- 5 Duetto Di capricci, di smorfiette (Matilde, Aliprando)
- 6 Quintetto Questa è la dea? Che aria! (Contessa, Matilde, Aliprando, Ginardo, Corradino)
- 7 Coro e cavatina Giove un dì, fremendo in collera (Aliprando)
- 8 Finale primo Ah capisco, non parlate (Matilde, Corradino, Isidoro, Ginardo, Aliprando, Edoardo, Rodrigo, Contessa, Coro)
Acto 2
[editar | editar a fonte]- 9 Introduzione Settecento ottanta mila (Isidoro, Coro, Ginardo)
- 10 Cavatina Sarai contenta alfine, revolubil fortuna! (Raimondo)
- 11 Terzetto Deh, serena il mesto ciglio (Edoardo, Raimondo, Corradino)
- 12 Sestetto È palese il tradimento (Corradino, Matilde, Contessa, Aliprando, Isidoro, Ginardo)
- 13 Duetto No, Matilde, non morrai (Edoardo, Matilde)
- 14 Cavatina Parmi ascoltar la voce (Corradino)
- 14 Rondò Ami alfine? E chi non ama? (Matilde, Coro)
Versión de Nápoles
[editar | editar a fonte]- Sinfonia
Acto 1
[editar | editar a fonte]- 1 Introduzione Zitti, nessun qui v'è (Coro, Egoldo, Ginardo)
- 2 Cavatina Intanto Armenia 'nfra l'ombrose piante (Isidoro)
- 3 Quartetto Alma rea! Perché t'involi? (Corradino, Isidoro, Ginardo, Aliprando)
- 4 Cavatina Piange il mio ciglio, è vero (Edoardo)
- 5 Duetto Di capricci, di smorfiette (Matilde, Aliprando)
- 6 Quintetto Questa è la dea? Che aria! (Contessa, Matilde, Aliprando, Ginardo, Corradino)
- 7 Finale primo Ah capisco, non parlate! (Matilde, Corradino, Isidoro, Ginardo, Aliprando, Edoardo, Rodrigo, Contessa, Coro)
Acto 2
[editar | editar a fonte]- 8 Introduzione Di Corradino il nome (Coro, Isidoro)
- 9 Cavatina Sazia tu fossi alfine, revolubil fortuna! (Edoardo)
- 10 Sestetto È palese il tradimento (Corradino, Matilde, Contessa, Aliprando, Isidoro, Ginardo)
- 11 Coro Mandare a morte quella meschina?
- 12 Duetto Da cento smanie e cento (Corradino, Edoardo)
- 13 Rondò Ami alfine? E chi non ama? (Matilde, Coro)
Gravacións
[editar | editar a fonte]Ano | Elenco (Matilde di Shabran, Edoardo, Contessa d'Arco, Corradino Cuor di Ferro) |
Director, Teatro de ópera e orquestra |
Selo[6] |
---|---|---|---|
1996 | Elizabeth Futral, Patrica Spence, Francesca Franci, Juan Diego Flórez |
Yves Abel, Orquestra do Teatro Comunale di Bologna (Son e vídeo gravados nunha representación ou representacións no Rossini Opera Festival de Pésaro en agosto) |
CD de son: House of Opera, Cat: 253; Celestial Audio, CA 431 DVD: Premiere Opera Ltd. Cat: DVD 5029 |
2004 | Annick Massis, Hadar Halevy, Chiara Chialli, Juan Diego Flórez |
Riccardo Frizza, Orquestra Sinfónica de Galicia e Prague Chamber Choir (Gravada nunha representación no Rossini Opera Festival no Teatro Rossini de Pésaro o 8 de agosto) |
CD de son: Decca Cat: 475 7688 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Tom Kaufman, "ROSSIN'I: Matilde di Shabran" en Opera Today, 21 de marzo de 2007 (operatoday.com).
- ↑ 2,0 2,1 Osborne, C., p. 106
- ↑ "Opera Today : ROSSINI: Matilde di Shabran". operatoday.com. Consultado o 2022-04-21.
- ↑ "Una noche en la ópera, pero de verdad". abc (en castelán). 2004-08-10. Consultado o 2022-04-21.
- ↑ "Estatísticas de Operabase". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2017. Consultado o 14 de xaneiro de 2013.
- ↑ Gravacións en operadis-opera-discography.org.uk
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Ópera |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Holden, Amanda (Ed.), The New Penguin Opera Guide, Nova York: Penguin Putnam, 2001. ISBN 0-14-029312-4
- Osborne, Charles, The Bel Canto Operas of Rossini, Donizetti, and Bellini, Portland, Oregon: Amadeus Press, 1994 ISBN 0-931340-71-3
- Osborne, Richard, ‘’Rossini’’, Ithaca, Nova York: Northeastern University Press, 1990 ISBN 1-55553-088-5 ISBN 1-55553-088-5