Pisanello
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1395 (Gregoriano) Pisa, Italia |
Morte | 1455 (Gregoriano) (59/60 anos) Roma, Italia |
Actividade | |
Campo de traballo | Pintura |
Ocupación | pintor, medallista, iluminador, escultor, debuxante |
Xénero artístico | Retrato |
Movemento | Veronese school (en) e Renacemento |
Alumnos | Taddeo Crivelli (pt) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori, (sec:V3.26, G da Fabriano e Vittore Pisanello Veronese pittori) Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Пизанелло) Obálky knih, |
Pisanello, pseudónimo de Antonio di Puccio Pisano, nado en Pisa ou en Verona ca. 1390 e fina en Nápoles ca. 1455, foi un pintor, debuxante e medallista italiano, considerado un dos maiores expoñentes do estilo gótico internacional no seu país.[1][2][3][4][5][6][7]
Como pintor, coñécese sinaladamente polos seus frescos de grandes dimensións, entre o realismo e o mundo fantástico, con trazos precisos, numerosas figuras e cores brillantes, aínda que moitas destas obras non se conservan hoxe, por diferentes razóns, entre elas o posterior cambio de padróns estéticos entre o Renacemento e o Barroco.[8][9]
Como medallista, foi o primeiro en retomar a tradición das medallas de retrato, coa dedicada a Xoán VIII Paleólogo, en 1438.[10] Esta medalla abriu unha serie da que hoxe se conservan 23, coñecidas como as "medallas de Pisanello", que converteron o seu autor nunha das figuras senlleiras da medallística do seu tempo.[1][2][11]
Como debuxante acadou unha precisa análise do mundo natural, como testemuña a súa amplísima produción neste xénero.[12] Son célebres os seus debuxos de persoas e animais ao natural, entre os mellores da época e só superados a finais do século XV por artistas como Leonardo da Vinci ou Albrecht Dürer.[13]
Foi aclamado por moitos poetas, sobre todo por Guarino Veronese, e polos literatos e humanistas da época, como Porcellio. Traballou para o Dux de Venecia, para o Papa, para as cortes de Verona, Ferrara, Mantua, Milán e Rimini, e nos derradeiros anos para o rei de Nápoles. No entanto, cara á metade do século XV, a súa celebridade minguou notablemente, coa entrada da nova linguaxe estética renacentista. Malia a evidente influencia deste novo estilo na súa obra, a visión estilística de Pisanello non chegou a adoptar unha perspectiva racional da espacialidade.[8]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Aínda se descoñecen grandes períodos da vida de Pisanello. Mesmo a súa data de nacemento é incerta, xeralmente situada entre 1380 e 1395, en tanto que a súa morte se supón entre 1450 e 1455. No tocante ao lugar de nacemento, a hipótese máis estendida de que naceu en Pisa baséase unicamente no seu nome, moi probablemente derivado do do seu pai, Puccio di Giovanni di Cerreto, que era, efectivamente, natural de Pisa. Mais outros estudosos apuntan a que o nacemento se produciu en Verona, cidade coa que o seu pai tivera moitas ligazóns comerciais e onde contraera matrimonio. Xa que logo, resulta tamén probable que Pisanello nacera realmente en Verona, a cidade natal da súa nai, aínda que esta hipótese non se puido constatar.[14]
Durante preto de catro séculos, o artista foi chamado erroneamente Vittore Pisano, a partir da confusión de Giorgio Vasari en Le Vite, probablemente co célebre almirante do século XIV. O erro non foi evidenciado ata 1902, cando Zippel publicou unha oratoria do erudito ferrarés Ludovico Carbone, na que se mencionaba un retrato do duque realizado por Antonius Pisanus. O nome de Antonio foi confirmado posteriormente de xeito documental, logo dunha investigación realizada e publicada por Biadego entre 1906 e 1918.[14]
Infancia
[editar | editar a fonte]O primeiro dato documental relativo a Pisanello data de 1395, cando o seu pai, Puccio di Giovanni di Cerreto, fixo testamento pouco antes de morrer e elixiu o seu fillo Antonio como herdeiro universal e a súa esposa, Elisabetta Zupperio, como usufrutuaria. Esta escritura, copia da orixinal, aparece contida nun documento posterior datado en Verona en 1424.[14]
Existe unha anotación no rexistro da parroquia veronesa de San Paolo que indica que Antonio tiña 36 anos en 1433 e que, por tanto, se presume incorrecta, xa que situaría a súa data de nacemento en 1397, dous anos despois do testamento do seu pai.[14]
En 1404 a súa nai casou en segundas nupcias con Bartolomeo da Pisa, con quen xa tivera unha filla anteriormente, en 1398. Entre 1409 e 1411 nos documentos da Facenda de Verona o nome de Isabetta aparece adoito como cabeza de familia; de feito, en 1409 cítase como viúva do seu segundo marido, en tanto que o nome de Antonio non aparece reflectido ata 1443, un ano despois da morte da súa nai.[14]
Formación en Verona
[editar | editar a fonte]Ata aproximadamente 1415, Pisanello tivo que permanecer en Verona. Da documentación despréndese que as condicións familiares eran boas.[14]
Coñécese pouco acerca da súa formación. A reconstrución feita por Vasari dunha aprendizaxe florentina no obradoiro de Andrea del Castagno é hoxe comunmente rexeitada. En realidade, a carencia de obras atribuíbles con certeza á etapa xuvenil de Pisanello fai imposible a comparación coa obra dos posibles mestres, para albiscar as influencias. O único dato plausible é que esta formación tivo lugar en Verona, probablemente baixo a dirección de Stefano. Como apoio desta tese, algúns autores mencionan como probable obra xuvenil a táboa dunha Madonna in trono, conservada no Museo Nacional do Palacio de Venecia en Roma, que reflicte a influencia de Stefano.[15][16][17] A táboa en cuestión, porén, é de atribución incerta e algúns autores atribúenlla a outros autores[18] ou mesmo ao propio Stefano.[19][20]
Así e todo, resulta indiscutible que Pisanello asimilou a fondo a gran cultura tardogótica da Italia setentrional, que acadou o seu cumio na súa obra.[12] Por outra banda, a crítica é bastante unánime ao atribuír ao artista na súa etapa xuvenil unha certa influencia do gusto decorativo de Altichiero (á súa vez derivada de Giotto), ligada sobre todo á arquitectura de fondo e ao coidadoso debuxo de animais, sinaladamente os cabalos.[8]
Encontro con Gentile en Venecia
[editar | editar a fonte]Esta lagoa de datos sobre a vida e a obra de Pisanello chegou á fin logo do establecemento dunha sociedade con Gentile da Fabriano. É probable que ambos os artistas se coñecesen en Venecia entre 1415 e 1422, cando se lle encomendou a Pisanello a continuación da decoración dos frescos da Sala do Consello Maior do Palacio Ducal, iniciada por Gentile. Aí Pisanello pintou o episodio de "Federico Barbarroxa suplicando ao seu fillo Ottone", no marco das historias da guerra entre Barbarroxa e o papa Alexandre III. A obra foi retocada por primeira vez en 1488 por Alvise Vivarini e finalmente resultou destruída nun incendio en 1577, polo que non quedou nada dela.[14]
Da segunda colaboración con Gentile da Fabriano só quedan hoxe algúns rastros estilístico-documentais. A Madonna della Quaglia, primeira obra de Pisanello que chegou ata os nosos días, data de arredor de 1420. Nela apréciase a influencia de Gentile sobre todo a partir da comparación con algunhas táboas súas de temática similar, como "A Virxe no trono co Neno e os anxos músicos" (Galería Nacional da Umbría, Perugia) e a "Virxe da humildade" (Museo Nacional de San Mateo, Pisa). No entanto, tamén hai influencias de artistas lombardo-venecianos como Stefano e Michelino da Besozzo, en particular en obras como a "Virxe do Roseto" (Museo de Castelvecchio, Verona), cuxa atribución se alterna entre os dous artistas.[12]
Primeira estadía en Mantua
[editar | editar a fonte]En 1422 Pisanello trasladouse a Mantua ao servizo de Luís III Gonzaga, aínda novo, e comezou a adquirir gran sona nas diferentes cortes lombardas, que empezaron a se disputar os seus servizos. A súa presenza na cidade está documentada entre o 4 de xullo e o 12 de agosto dese ano e, novamente, o 10 de agosto de 1423, en documentos relativos á adquisición dun terreo no barrio de San Paolo. Na corte de Mantua, Pisanello entrou en contacto co xermolo do Humanismo.[14]
En 1423 Gentile da Fabriano achábase en Florencia, traballando no seu retablo "Adoración dos Reis Magos". Tendo en conta as similitudes entre pasaxes desta obra de Gentile e algúns debuxos do Códice Vallardi, que recolle unha boa parte dos debuxos de Pisanello, algúns estudosos suxeriron que este último permaneceu en Florencia durante este período, unha proposta posteriormente descartada ou, polo menos, posta en cuestión pola maioría dos historiadores, con algunhas excepcións, como Luiggi Coletti e Renzo Chiarelli, que aceptan tamén a versión vasariana do artista aínda novo, traballando na primeira Igrexa do Templo, en Florencia.[14]
Pavia
[editar | editar a fonte]En 1424, en Pavia Filippo Maria Visconti mandaba restaurar e embelecer o seu castelo en previsión da chegada dun hóspede moi ilustre, o emperador bizantino Xoán VIII Paleólogo. Os frescos de Pisanello no castelo que representan escenas de caza adoitan datarse nese ano.[14]
Desa obra queda só unha descrición feita por Breventano en 1570:[21]
“ | [...] os cuartos e as cámaras, tanto de arriba como de abaixo, están pintadas con diversas e imprecisas escenas e obras, cuxos ceos foron coloreados cun azul moi fino, no que destacan diversas clases de animais feitos en ouro, como leóns, leopardos, tigres, galgos, lebreiros, cervos, xabarís etc., e que especialmente naquela fachada que daba ao parque (que, como dixemos foi destruída pola artillaría do exército francés o 4 de setembro de 1527), na que (segundo vin no seu día na súa totalidade) se podía ver un gran salón de sesenta brazas de longo e vinte de largo, todo iso decorado por fermosas figuras que representaban a caza, a pesca e as xustas, con outras varias pinturas dos duques e as duquesas deste Estado [...].
S. Breventano, Istorie delle antichità di Pavia, Pavía 1570 |
” |
O castelo, de feito, foi alcanzado o 4 de setembro de 1527 pola artillaría do exército francés, que esnaquizou todos os frescos das súas salas.[22]
Segunda estadía en Mantua e volta a Verona
[editar | editar a fonte]No período entre 1424 e 1426, Pisanello estivo na corte dos Gonzaga, como testemuñan varios pagamentos nos seus rexistros administrativos.[14] É probable que a esta época correspondan os frescos do Patio Vello do Palacio Ducal, co frenético "Torneo-batalla de Louvezerp", inspirado no mundo literario cortesán. De feito, na obra aparece o emblema heráldico de Gianfrancesco Gonzaga. A atribución á época de Luís III Gonzaga foi sostida por primeira vez por Johanna Woods-Marsden en 1988 e posteriormente foi rexeitada.
En 1426 tivo que regresar a Verona, consonte a data que figura no monumento a Niccolò Brenzoni na igrexa de San Fermo Maggiore. Esta obra, co aparato escultórico executado polo florentino Nanni di Bartolo, abrangue unha Anunciación na parte superior e os arcanxos Miguel e Rafael aos lados do monumento propiamente dito, nos que son evidentes as influencias de Gentile.
Roma
[editar | editar a fonte]En 1427 morreu en Roma Gentile da Fabriano, mentres traballaba nuns frescos na nave da Basílica de San Xoán de Latrán. No seu testamento, o artista deixou as súas ferramentas de traballo a Pisanello, que non está claro se xa se atopaba naquel momento en Roma para axudar ao seu colega ou se se tería desprazado máis tarde[23]. En calquera caso, en 1431 o pintor foi acreditado na corte papal e constan rexistros de provisións ao seu cargo do 18 de abril e do 27 de novembro daquel ano, e do 28 de febreiro de 1432.[14] O ciclo de frescos nos que traballaba Gentile cando morreu foi destruído durante a reconstrución da basílica por Francesco Borromini en 1650. O propio Borromini debuxou unha reprodución parcial das decoracións do século XV nunha folla de papel, conservada na Kunstbibliothek de Berlín, na que algúns estudosos[24] identificaron unha serie de debuxos presentes no corpus de Pisanello, que poderían ser estudos preparatorios para esta obra, ou ben copias dos episodios de Gentile.[25]
Influído polo interese polo antigo inaugurado por Francesco Petrarca no século anterior, Pisanello e os artistas do seu obradoiro realizaron unha gran cantidade de debuxos copiando figuras de sarcófagos romanos e outras antigüidades, algúns deles conservados na Biblioteca Ambrosiana.[26]
Desde Roma, Pisanello escribiulle unha misiva ao señor de Milán, Filippo Maria Visconti, o 28 de xuño de 1431, na que lle rogaba que esperase ata o mes de outubro para realizar unha certa obra que lle prometera. Non se cita o obxecto desta promesa, quizais un cadro que nunca vise a luz ou hoxe perdido, mais en calquera caso non se trata da medalla do duque de Milán, probablemente executada en 1441.[27][14]
A este período corresponde tamén o retrato de Sexismundo de Luxemburgo, realizado en 1431 e 1433, do que se conservan algúns debuxos preparatorios.[14] O emperador visitou sucesivamente Milán, Mantua e Roma, mais non está claro onde se puido producir o encontro con Pisanello para a confección do retrato.
O 26 de xullo de 1432, Pisanello recibiu un salvocunduto do papa Uxío IV para abandonar Roma. O pintor, que aparece definido como dilectus filus familiaris noster ("amado fillo da nosa familia"), partiría para visitar diversas cidades italianas non especificadas, entre as que algúns autores suxeriron que habería algunha cidade toscana, en consoancia coa crítica de que o artista era partícipe das innovacións do Renacemento.[14]
A única cidade identificada neste itinerario, quizais con destino a Verona, é Ferrara, desde onde Leonello d'Este lle enviou unha carta o 20 de xaneiro de 1433 seu irmán, en Roma, na que solicitaba o envío dunha Madonna que Pisanello deixara para el en Roma cun dos seus familiares. Nesa misiva menciona expresamente o paso do pintor por Ferrara, onde se lle chama omnium pictorum huiusce aetatis egregius ("eminente entre todos os pintores da época actual"). A partir dunha orde de 1435 coñécese que un membro da familia de Pisanello lle levara ao Marqués de Ferrara unha efixie de Xulio César, hoxe perdida, quizais como agasallo de casamento para o príncipe humanista.[14]
Os frescos de Santa Anastasia en Verona
[editar | editar a fonte]Entre 1433 e 1438 documéntase a presenza de Pisanello en Verona, tanto no rexistro civil como en diversas notas de pagamento. Neste rexistro consta que vivía no barrio de San Paolo coa súa nai viúva e cunha filla chamada Camilla, aínda que non hai constancia ningunha do seu matrimonio. Nestes anos son datados xeralmente os frescos con "San Xurxo e a Princesa" na basílica veronesa de Santa Anastasia, aos que hoxe se vincula en gran medida a sona e o recoñecemento do artista.[14] Estes frescos foron datados tamén nos períodos 1433-1434 e 1437-1438.[28]
A parte máis importante desta decoración, que cobre o arco exterior da capela Pellegrini, é o famoso fresco que representa a San Xurxo despedíndose da princesa de Trebisonda para ir a se enfrontar co dragón ao outro lado do mar. É unha obra rica en suxestións e alegorías (quizais a máis evocadora sexa a dos aforcados do fondo) e constitúese nunha das maiores obras mestras da pintura do gótico tardío. Son tipicamente cortesáns o ambiente de conto en que se ambienta a lenda de San Xurxo, así como a riqueza das armaduras, o refinamento das roupas e os peiteados da princesa e do seu séquito, e a imaxinativa arquitectura de fondo da cidade fantástica de Trebisonda.[26] No entanto, percíbese un certo avance, máis ou menos consciente, cara a unha sensibilidade que podería definirse como renacentista, na nova disposición psicolóxica dos personaxes, caracterizada por unha emotividade pensativa que racha co tradicional desapego dos personaxes no mundo cortesán. Prodúcese tamén unha innegable reconquista dos valores plásticos e espaciais que, malia estaren exentos dun trazado racional da perspectiva, amosan a habilidade do pintor para dispor as figuras en varios planos, sinaladamente no atrevido e convincente escorzo dos cabalos.[29]
Como é típico en Pisanello, hai moitos animais presentes na escena, representados logo de numerosos estudos do natural en debuxos previos, moitos dos cales aínda se conservan.[29]
A continua exposición da obra a filtracións de auga do tellado da igrexa provocou graves danos no fresco, especialmente no seu lado esquerdo, onde se representa a gorida do dragón. Ademais, as numerosas insercións metálicas que enriquecían o efecto escénico perdéronse. Parece que a intención de Pisanello era producir un efecto de espellismo nos observadores, favorecido polo feito de que o fresco está situado a moitos metros do chan.[29]
Tamén se atribúe ao período 1436-1438 unha táboa titulada Visione di sant'Eustachio, poboada por un gran número de animais representados con gran precisión.[14]
O concilio de Ferrara
[editar | editar a fonte]En 1438 Pisanello achábase no Concilio de Ferrara, no que recibiu o nomeamento de artista oficial, e nesa condición fixo un retrato do emperador Xoán VIII Paleólogo a partir do cal creou a primeira das súas medallas, que se converteu en padrón da medallística renacentista italiana.[14][30] A efixie do emperador, co típico barrete, pasou a formar parte da memoria artística europea e foi copiada por numerosos artistas mesmo pasados os anos.[31]
O status do pintor quedou testemuñado non só polo prestixio do nomeamento recibido, senón tamén polo feito de que se lle permitise asinar no reverso da prestixiosa medalla (·OPVS·PISANI·PICTORIS·), feito este que contribuíu notablemente ao seu recoñecemento noutras nacións: a partir de entón, as súas viaxes por outras cortes italianas foron constantes, con gran demanda de novas medallas e pinturas; ser retratado por Pisanello converteuse nun sinal de status ao que poucos señores da Península renunciaban.[32]
No Concilio de Ferrara Pisanello tamén se dedicou a elaborar gran cantidade de debuxos sobre diversos aspectos da exótica corte bizantina: as roupas dos dignatarios e das damas, as curiosas formas dos sombreiros, os animais de compañía e, sobre todo, os cabalos, dos que estudou coidadosamente detalles como as fosas nasais partidas ao estilo bizantino, ou a complexa trama das crinas e das colas.[31]
O seu Ritratto di principessa estense, quizais correspondente a Ginevra d'Este, tamén se atribúe a esta ou a outra estadía de Pisanello en Ferrara.[33]
Terceira estadía en Mantua
[editar | editar a fonte]Na segunda metade de 1438 declarouse unha epidemia de peste en Verona e moitos dos seus habitantes refuxiáronse na cidade aliada de Mantua, xa que a guerra entre Filippo Maria Visconti e a República de Venecia estaba en marcha. Porén, Gianfrancesco Gonzaga, antigo capitán das tropas venecianas, volveuse repentinamente contra os milaneses o 4 de xullo e permitiu que os seus soldados realizasen incursións na campiña veronesa. O Goberno de Venecia ordenou ao podestà de Verona que fixese volver a todos os refuxiados, mais parece que Pisanello, do que aínda hai constancia da súa estadía en Mantua o 12 de maio de 1439, ignorou este mandato.[33]
Mentres tanto, en Verona facía testamento e finaba a nai de Pisanello, cara á fin de 1438.[33]
Entre o 17 e o 20 de novembro de 1439 as relacións entre Mantua e Venecia empeoraron aínda máis cando Gonzaga, en nome dos Visconti, atacou a cidade de Verona, un dos bastións da República de Venecia, baixo o mando de Niccolò Piccinino. Pisanello, que para compracer o seu mecenas protector se encontrou servindo nas filas inimigas da súa cidade natal, celebrou a fazaña con senllas medallas de Gianfrancesco Gonzaga[34] e de Piccinino,[35] e inimistouse máis tarde cos venecianos, que en 1441 o acusaron de traizón.[33]
Milán e Ferrara
[editar | editar a fonte]En 1440 Pisanello achábase en Milán e foi chamado a declarar no Palacio Arengo o día 11 de maio en relación cos acontecementos da guerra sucedidos no novembro anterior, en condición de testemuña presencial. Durante a súa estadía, faise referencia á cuñaxe da medalla de Filippo Maria Visconti.[33][36]
En 1441 rexistrouse en Mantua unha retención de cen ducados a Pisanello por certas débedas contraídas por el. Tamén se remonta a esa data o concurso que tivo lugar en Ferrara co pintor veneciano Jacopo Bellini: Niccolò III d'Este desafiou a ambos os artistas para ver quen podía pintar o mellor retrato do seu fillo Leonello, e elixiu a Jacopo como gañador, aínda que hoxe só se coñece a obra de Pisanello. Porén, esta derrota non minguou o aprecio de Pisanello na corte de Este, ata o punto de que nos tres ou catro anos seguintes chegou a executar ata seis modelos de medallas para Leonello.[33][37]
O litixio con Venecia
[editar | editar a fonte]Os problemas con Venecia comezaron en xullo de 1441, cando os reitores de Verona enviaron ao Consello dos Dez veneciano un informe sobre os acontecementos do asedio e a ocupación, no que se declaraba a Pisanello implicado e se lle acusaba de comportamento reprobable na casa dun dos seus parentes, o notario Andrea della Levata. Outras testemuñas acusárono de saquear os bens da casa de empeños dun xudeu coñecido como Simone, situada fronte á igrexa de San Biagio. Só o testemuño dun xastre chamado Bonaccorsi tratou de exculpalo, dicindo que Pisanello tratara de impedir o saqueo e que fora golpeado polos asaltantes.[33]
En 1442, mentres Pisanello regresaba de Ferrara a Mantua por vía fluvial, o Goberno de Venecia, a partir dunha solicitude da comunidade veronesa, decidiu concederlles o indulto aos exiliados o 7 de febreiro, incluído Pisanus pictor, sempre que se presentasen antes de finais de marzo en Venecia, xa que do contrario serían declarados rebeldes. Unha vez máis, Pisanello ignorou o requirimento e o 17 de outubro os Dez e o avocador de Venecia, ao teren coñecemento de que o artista insultara a Venecia ao falar pro verbis turpibus et hinonestis ("coas palabras máis baixas e deshonestas") en Mantua co marqués Ludovico Gonzaga, condenárono a ser confinado en Venecia, a non poder vender ningunha mercadoría sen licenza do Consello e a ser considerado rebelde (coa conseguinte confiscación dos seus bens) se contraviña o decreto, e suxeriron tamén a pena de mutilación da lingua, que daquela foi rexeitada.[33]
Finalmente Pisanello presentouse ante os Dez e permaneceu na cidade. É probable que a medalla de Francesco Sforza, aliado de Venecia, estea datada nesta época; quizais fose executada para aliviar a súa condición de rebelde.[33][38]
O confinamento en Ferrara
[editar | editar a fonte]O 21 de novembro de 1442 Pisanello obtivo autorización para desprazarse a Ferrara para se ocupar dos seus intereses alí, coa prohibición absoluta de tocar territorio veronés ou mantuano. O 27 de xuño de 1443 o artista obtivo do Goberno veneciano unha prórroga do seu permiso, probablemente para compracer a familia Este. Mentres tanto, as relacións coa República de Venecia deberon mellorar, xa que foi nomeado Pisano pictori fideli nostro.[33]
Durante a súa estadía en Ferrara, bloqueado pola estrita prohibición do Goberno veneciano, Pisanello non puido ir a Mantua malia o interese dos Gonzaga por el, do que dan fe numerosas cartas (3 de marzo, 11 de setembro e 10 de novembro de 1443, e 11 de marzo de 1444). Estas misivas mencionan por vez primeira a intención do artista de ir a Nápoles a ver a Afonso V e falan dunha táboa do Eterno, hoxe descoñecida.[33]
O 15 de agosto de 1445 un documento da corte de Este rexistra o pagamento de cincuenta ducados de ouro por unha táboa, talvez a da "Aparición da Virxe e o Neno a Santo Antonio Abade e a San Xurxo", actualmente conservada na National Gallery londiniense, a súa única obra en madeira asinada (Pisanus). Ademais das seis medallas para Leonello, Pisano tamén cuñou neste período dúas para Sigismondo Pandolfo Malatesta e unha de Novello Malatesta (1445), Señor de Cesena.[33][39][40][41]
O 8 de xaneiro de 1447 Pisanello atopábase aínda en Ferrara, onde recibiu o pagamento de 25 floríns de ouro. O 26 de xaneiro delegou no seu cuñado Bartolomeo della Levanta a súa representación en Verona na estipulación do contrato de matrimonio coa súa filla Camilla, de 19 anos, con Jacopo de Tourtoijs, bergamasco e residente en Brescia. O casamento tivo lugar en Verona o 8 de xuño de 1448 e na escritura do dote, que incluía un terreo, menciónase que Pisanello vivía en Ferrara, no distrito de Santa Maia in Vado.[33]
Derradeira estadía en Mantua
[editar | editar a fonte]En 1447, o decreto de confinamento do Goberno Veneciano tivo que ser anulado, aínda que non hai documentación ao respecto. Nese ano o pintor debeu regresar a Mantua, como suxiren as datas inscritas nas medallas de Cecilia Gonzaga e de Belloto Cumano.[42][43] Desa mesma época son as medallas de Vittorino da Feltre e de Ludovico III Gonzaga.[33][44][45]
O 18 de agosto de 1448, cunha carta de acompañamento, Leonello d'Este envioulle a Pier Candido Decembrio, humanista e secretario de Filippo Maria Visconti, a medalla feita para el por Pisanello.[33][46]
Nápoles
[editar | editar a fonte]En 1449 Pisanello chegou á corte napolitana de Afonso V de Aragón, onde está documentado polo menos desde o 14 de febreiro. O artista foi recibido con honras e privilexios extraordinarios e ese mesmo ano tamén foi obxecto dun poema laudatorio de Porcellio. As primeira das súas medallas de Afonso está datada tamén nese ano e, por analoxía atribúense tamén a 1449 as outras dúas, así como a da efixie de Iñigo d'Avalos, cortesán e señor feudal do reino.[33][47][48]
Derradeiros anos e morte
[editar | editar a fonte]Despois de 1449 os documentos non falan da vida do artista e a súa actividade como medallista tamén se interrompeu, o que levou a suxerir que a súa morte se produciu nos anos inmediatamente posteriores, comunmente en 1451.[49] Algunha documentación indirecta, no entanto, fai pensar nunha data posterior, como o testamento do seu cuñado, Bartolomeo della Levata, que o 14 de xullo de 1455 cita a Pisanello come debedor. Outro testemuño é unha carta do 31 de outubro de 1455 enviada desde Roma por Carlo de Medici ao seu medio irmán Giovanni, na que se menciona a compra de 30 medallas de prata "a un aprendiz de Pisanello que morreu nestes días"; aínda que non está claro se a mención é ao artista ou ao aprendiz, o primeiro semella máis plausible. Facio, despois de todo, en 1456 falaba de Pisanello en pasado, como se xa estivese morto. A partir desa documentación, hoxe a hipótese máis apoiada da data da morte do artista apunta a outubro de 1455.[50]
Tampouco está documentalmente confirmado que finase en Nápoles; algúns autores apuntan a posibilidade de que fose en Mantua, onde conservaba o título de pintor da corte, que axiña pasaría a Andrea Mantegna.[8]
Obra
[editar | editar a fonte]Obra pictórica
[editar | editar a fonte]Pisanello, malia estar influído polo Humanismo e polos artistas do Renacemento italiano, sempre se mantivo ancorado nunha visión tardogótica, sobre todo na pintura. A espacialidade, como se pode ver na "Escena do torneo" do Palacio Ducal de Mantua, componse de simples xustaposicións de figuras, cunha dilatación en todas as direccións, sen centro focal e sen límites; de feito, o cadro mesmo atravesaba os bordos para anular ilusoriamente a parede. Cada fragmento é analizado e reproducido con atención analítica, mais carente dun criterio unificador, o que crea un efecto de "calidoscopio".[51]
Esta é unha listaxe cronolóxica das obras pictóricas conservadas de Pisanello.
Imaxe | Título | Ano | Técnica | Medidas (cm) | Localización |
---|---|---|---|---|---|
Madonna in trono con Bambino
(atribución incerta). |
Ca.1420 | Témpera sobre táboa. | 96 x 49 | Roma, Museo Nazionale del Palazzo di Venezia. | |
Madonna della quaglia. | Ca.1420 | Témpera e ouro sobre táboa. | 50 × 33 | Verona, Museo di Castelvecchio. | |
Tentazione di sant'Eligio
(atribución incerta). |
Ca.1422 | Fresco. | 315 x 136 | Treviso, igrexa de Santa Caterina. | |
Monumento a Niccolò Brenzoni. | Ca.1423 | Fresco. | 850 x 550 | Verona, igrexa de San Fermo Maggiore. | |
San Giorgio e la principessa. | Ca.1433 | Fresco. | 223 x 620 | Verona, basílica de Santa Anastasia, capela Pellegrini. | |
Testa di donna. | Ca.1431 | Fresco. | 58,5 × 42 | Roma, Museo Nazionale del Palazzo di Venezia. | |
Ritratto di Sigismondo di Lussemburgo. | Ca.1432
1433 |
Témpera sobre pergamiño aplicada sobre táboa. | 58,5 × 42 | Vienna, Kunsthistorisches Museum. | |
Visione di sant'Eustachio. | Ca.1436
1438 |
Témpera sobre táboa. | 65 × 53 | Londres, National Gallery. | |
Torneo-battaglia di Louvezerp | Ca.1436 | Frescos. | Mantua, Palacio Ducal. | ||
Ritratto di principessa estense.[52] | 1437 | Témpera sobre táboa. | 43 x 30 | París, Museo do Louvre. | |
Ritratto di Lionello d'Este. | 1441 | Témpera sobre táboa. | 28 × 19 | Bérgamo, Accademia Carrara. | |
Madonna tra i santi Antonio Abate e Giorgio. | Ca.1445 | Témpera sobre táboa. | 47 × 29 | Londres, National Gallery. |
Obra medallística
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Medallas de Pisanello.
Pisanello foi un dos máis grandes medallistas de todos os tempos, quizais o máis destacado da historia, como consideraron historiadores da arte como Federico Zeri.[2] Foi o primeiro en reinventar o xénero tal e como o concibimos hoxe, cun retrato no anverso e unha escena simbólica no reverso.[54]
As medallas dos señores das cortes italianas (Gonzaga, Este, Malatesta, Coroa de Aragón etc.) tiveron un éxito extraordinario grazas á combinación perfectamente equilibrada de idealización e realismo. Os poderosos da súa época representábanse de perfil nos anversos, como nas moedas romanas, e nos reversos reproducíanse escenas alegóricas ou figuras simbólicas moi evocadoras, todo iso acompañado adoito de lemas, símbolos e outros atributos, de interpretación culta e carentes de retoricismo, o que fai de cada medalla unha verdadeira obra mestra.[2]
Esta é unha escolma dalgunhas das 23 medallas coñecidas elaboradas por Pisanello:
-
Gianfrancesco I Gonzaga.
-
Niccolò Piccinino.
-
Filippo Maria Visconti.
-
Francesco I Sforza.
-
Leonello d'Este.
-
Sigismondo Pandolfo Malatesta.
-
Novello Malatesta.
-
Vittorino da Feltre.
-
Cecilia Gonzaga.
-
Iñigo d'Avalos.
Debuxos e deseños
[editar | editar a fonte]A vastísima produción gráfica de Pisanello testemuña unha actividade moi fértil, que contrasta coa escaseza de testemuños pictóricos conservados. Indubidablemente, como debuxante estivo tamén entre os máis sobranceiros do seu tempo. Nun dos estudos máis completos sobre a produción gráfica de Pisanello, realizado por Fossi Todorow en 1966, enuméranse 436 follas que gravitan en torno ao nome do artista, das que só se acreditan 80 como definitivamente autógrafas. O debate sobre se a obra gráfica é ou non autógrafa é un dos máis acalorados e controvertidos en relación co artista, o que levou a diferentes adicións e supresións duns e doutros estudosos da súa obra.[55]
O grupo máis nutrido de debuxos de Pisano e do seu círculo é o Códice Vallardi, do Cabinet des Dessins do Louvre (378 follas). Segue, a distancia, a colección da Biblioteca Ambrosiana (26 follas), en tanto que outras follas se atopan dispersas en coleccións e museos de todo o mundo. Varios estudosos intentaron subdividir as follas en grupos e formularon diversas hipóteses, como a dun caderno utilizado polo artista nas súas viaxes ou a dun "álbum vermello".[55]
Os deseños de Pisanello testemuñan a versatilidade e a precisión con que o artista estudaba a natureza, alcanzando cotas de verosimilitude sen precedentes. Con el, a produción gráfica acadou a dignidade de arte autónoma: os seus estudos de figuras non son sempre modelos para outra cousa nin son simples estudos preparatorios, senón reproducións do natural realizadas coa meticulosidade dunha investigación que hoxe chamariamos "científica". Por exemplo, nos estudos destinados a definir a escena de San Xurxo e a Princesa (en gran parte no Cabinet des Dessins do Louvre) hai animais, retratos e especies botánicas cunha forza expresiva que parece querer pescudar tamén nos sentimentos e nas emocións.[56]
Nos estudos e nas copias de sarcófagos antigos realizados en Roma entre 1431 e 1432, nótase como Pisanello e os seus seguidores estaban contaxiados do interese polo antigo que Petrarca inaugurara nas cortes setentrionais. No entanto, a actitude do artista cara ás obras antigas seguía a ser medieval, como demostra, por exemplo, o debuxo do seu obradoiro conservado na Biblioteca Ambrosiana con figuras copiadas do sarcófago de Marte e Rea Silvia do Palacio Mattei en Roma: as figuras copiadas están acaroadas libremente, sen interese polo contido narrativo do episodio; son simples fontes dun repertorio que se reensamblan á vontade do artista para obter novas composicións.[51]
Esta é unha escolma dalgúns dos debuxos coñecidos elaborados por Pisanello:
-
Cabeza de home.
-
Cabeza de muller..
Obras perdidas
[editar | editar a fonte]- Federico Barbarossa supplicato dal figlio Ottone (1415-1422). Fresco do Palacio Ducal de Venecia, Sala do Consello Maior.
- San Giacomo aiuta un pellegrino (?) (ca. 1423). Fresco na igrexa de Santa Maria della Croce al Tempio, en Florencia.
- Episodi di vita cortese (ca. 1424). Ciclo de frescos no castelo Visconteo, en Pavía.
- Storie di san Giovanni Battista e Storie di Cristo (ca. 1431-1432), Ciclo de frescos na nave central da basílica de San Xoán de Latrán, en Roma.
- Madonna (1433). Pintura sobre madeira, citada nunha carta de Leonello d'Este.
- Giulio Cesare (1435). Pintura sobre madeira (?), citada en documentos como presentada polo artista a Leonello d'Este.
- Sant'Eustachio e San Giorgio (ca. 1436-1438), citado por Vasari, na capela Pellegrini da basílica de Santa Anastasia, en Verona.
- Ritratto di Martino V. Hai unha presumible copia na Galleria Colonna, de Roma.
Obras anteriormente atribuídas a Pisanello
[editar | editar a fonte]- Niccolò di Pietro, Quattro storie di san Benedetto. Táboas, Galería Uffizi (3) e Museo Poldi Pezzoli (1).[57]
- Bono da Ferrara, San Girolamo in un paesaggio. Táboa. National Gallery de Londres.[58]
- Artista franco-flamengo do século XV, Profilo di donna. Táboa. National Gallery of Art de Washington.[59]
- Antonio Alberti ou Maestro di Vignola, Resurrezione. Fresco. Oratorio de Sant'Apollinare, en Ferrara.[60]
- Anónimo, Scene di giochi cortesi. Fresco. Palacio Borromeo, en Milán.[61]
Pisanello ante a crítica
[editar | editar a fonte]“ | [...] [Pisanello] non ten a vigorosa inquedanza dun anovador, senón o refinamento e o preciosismo do derradeiro descendente dunha nobre liñaxe. [...] Pintou paxaros como só o fan os xaponeses. Os seus sabuxos e galgos, os seus cervos non ceden nin aos de van Eyck (...).
Bernard Berenson, North Italian painters of the Renaissance (1907). |
” |
A sintonía entre a arte de Pisanello e os ideais e o espírito da súa época e da sociedade en que viviu manifestouse nos eloxios case unánimes que o artista recibiu en vida por parte de numerosos homes de letras, poetas e humanistas. Os historiadores Facio e Flavio Biondo dedicáronlle mencións honoríficas, en tanto que os poetas humanistas Leonardo Dati, Guarino Veronese, Basinio, Porcellio, Strozzi, Angiolo Galli e Aleotti lle dedicaron elexías e poemas en latín e nas súas linguas vernáculas.[62]
Giorgio Vasari, no momento da primeira edición de Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori (1550), coñecía pouco acerca de Pisanello, mais esta lagoa desapareceu na segunda edición da obra, en 1568, cando grazas ao correspondente en Verona frei Marco de Medici puido escribir unha biografía ben documentada e en gran medida precisa. Así e todo, caeu en dous erros de envergadura que repercutiron en toda a crítica posterior durante séculos: o primeiro está relacionado co nome do artista, que identificou como Vittore (ata 1902 non se descubriu o erro e se descubriu que en realidade era Antonio); o segundo refírese á atribución dunha "patente de orixe florentina" e unha identificación como alumno de Andrea del Castagno, o que lle valeu a Vasari ser vítima das furiosas ironías dos historiadores veroneses dos séculos seguintes. No entanto, na época de Vasari algunhas das obras máis importantes de Pisanello xa desapareceran (en Venecia, a Mantua e Pavía), creando o "baleiro histórico" que afecta moitos anos da biografía do artista.[62]
A súa celebridade decaeu coa difusión das novas maneiras renacentistas, o que provocou un longo eclipse sobre Pisanello que durou practicamente ata o período da Ilustración en Verona. Dal Pozzo e Scipione Maffei, que criticaron duramente a Filippo Baldinucci por ter esquecido a Pisanello, pasaron a ocuparse eles mesmos do tema. Cara ao final do século XVIII, Luigi Lanzi tamén expresou unha opinión positiva sobre o artista.[62]
Os críticos dos inicios do século XIX trataron a Pisanello en termos románticos e apoloxéticos, pero mantivéronse na esfera dos escritores veroneses locais como Zannandreis e Bernasconi. Na Storia della pittura italiana (1848-1852)[63], Rosini recolleu un gran número de erros, acumulados a partir de Vasari, en tanto que o veronés Cavalcaselle só dedicou raras e ocasionais referencias a Pisanello.[62]
Para un novo renacemento dos estudos sobre Pisanello cómpre esperar ata a derradeira década do século XIX, cando un enfoque filolóxico comezou a desentrañar diversos aspectos da súa vida e da súa obra, descubrindo gradualmente a súa importancia tamén como debuxante e como medallista. Entre os numerosos investigadores que se ocuparon do artista, unha primeira e fundamental contribución veu en 1896 da man de Adolfo Venturi co seu comentario sobre as vidas (Vite), seguido en 1905 por unha monografía fundamental de George Francis Hill. Entre 1908 e 1913, Biadego elaborou o esquema definitivo da vida e da obra do artista, que logo foi retomado e desenvolvido por Degenhart, nunha monografía decisiva publicada en 1940. Desde entón houbo importantes estudos de Venturi (1939), Thijs (1941), Brenzoni (1952), Coletti (1953) e Sindona (1961). Para a actividade de Pisanello come medallista, o principal texto que facilitou o camiño dos estudos posteriores foi o Corpus of Italian Medals of the Renaissance Before Cellini, de Hill (1930), en tanto que para a súa faceta como debuxante o estudo máis destacado é o de Fossi Todorow (1966).[62][64]
Ao longo das décadas aumentaron notablemente os ensaios elaborados sobre Pisanello,nos que participaron os maiores críticos do século XX, como Longhi, Arslan, Salmi, Fiocco, Popham, Pallucchini, Ragghianti, Zeri, Lionello Venturi, Coletti, Boskovits e outros. En xeral, os estudos modernos orientáronse cara a dúas tendencias principais: unha, encabezada por Degenhart e os seus seguidores, tende a reunir en torno ao nome de Pisanello o maior número de pinturas e debuxos, apoiándose na presumible capacidade do artista para absorber as novidades renacentistas; a outra, vinculada sobre todo ao xuízo de Berenson, ao tempo que proclama abertamente os elevados méritos de Pisanello, reafirma a súa exclusión do grupo de artistas renacentistas, confinándoo, aínda que nunha posición preeminente, no mundo do Gótico tardío.[62]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Forrer, L. (1909). Páxinas 564-581.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Zeri, F. et al. (1999). Páxina 33.
- ↑ "Il Pisanello". En Encyclopædia Britannica.
- ↑ "Pisanèllo, Antonio di Puccio Pisano detto il". Enciclopedia Treccani on line.
- ↑ Gianandrea, M. (2006).
- ↑ Degenhart, B. (1961).
- ↑ Venturi, A. (1935).
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Zuffi, S. (2004). Páxina 336.
- ↑ Estímase que apenas se conserva entre o 5 % e o 8 % da obra pictórica de Pisanello. [En Zeri, F. et al. (1999). Páxina 33].
- ↑ "Medal of Emperor John VIII Palaeologus". Web Gallery of Art.
- ↑ "Portrait Medals: History and Production Processes. Pisanello and the History of the Renaissance Medal". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 De Vecchi, P.; Cerchiari, E. (1999). Páxina 12.
- ↑ Dell'Acqua, G. En VV.AA. (1966). Páxina 5.
- ↑ 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 14,12 14,13 14,14 14,15 14,16 14,17 14,18 Chiarelli, R. (1958). Páxina 83.
- ↑ Coletti, L. (1953).
- ↑ Magagnato, L. (ed.) (1958).
- ↑ Sindona, E. (ed.) (1961).
- ↑ En particular á cultura lombarda, como Chiarelli, R. (1958).
- ↑ Berenson, B. (1907).
- ↑ Hermanin, F. (1923).
- ↑ Breventano, S. (1570). Stefano Breventano, Istoria della antichità nobiltà, et delle cose notabili della città di Pavia. Libro primo. Páxinas 7-8.Pavia, 1570.
- ↑ Chiarelli, R. (1958). Páxina 88.
- ↑ Zeri, F. et al. (1999). Páxina 35.
- ↑ Sobre todo Degenhart, B. (1945), seguido despois polo resto da crítica.
- ↑ British Museum (Nº 1947-10-11-20), Städel de Francfurt (n. 5431), Biblioteca Ambrosiana (Nº 25), Cabinet des Dessins do Louvre (Nos 420, 421 e 2451), Museo Boijmans Van Beuningen|Boijmans Van Beuningen (Nº I. 518) e Albertina (Nº 17).
- ↑ 26,0 26,1 De Vecchi, P.; Cerchiari, E. (1999). Páxina 13.
- ↑ "Filippo Maria Visconti". National Gallery of Art.
- ↑ Zuffi, S. (2004).
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Chiarelli, R. en VV.AA. (1966). Páxina 94.
- ↑ "Medal: John VIII Palaeologus". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ 31,0 31,1 Ronchey, S. (2006).
- ↑ Chiarelli, R. en VV.AA. (1966). Páxina 96.
- ↑ 33,00 33,01 33,02 33,03 33,04 33,05 33,06 33,07 33,08 33,09 33,10 33,11 33,12 33,13 33,14 33,15 Chiarelli, R. en VV.AA. (1966). Páxina 84.
- ↑ "Medal: Gianfrancesco I Gonzaga". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "Portrait medal of Niccolò Piccinino". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "Filippo Maria Visconti". National Gallery of Art.
- ↑ Medallas de Leonello d'Este: primeira, segunda, terceira, cuarta, quinta e sexta.
- ↑ "Francesco Sforza". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "Sigismondo Pandolfo Malatesta (1)". National Gallery of Art.
- ↑ "Sigismondo Pandolfo Malatesta (1)". National Gallery of Art.
- ↑ "Domenico Novello Malatesta". National Gallery of Art.
- ↑ "Portrait medal of Cecilia Gonzaga". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "Cumano (Belloto)". Italian Renaissance Medals.
- ↑ "Portrait medal of Vittorino Rambaldoni da Feltre". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "Ludovico Gonzaga III". The Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "Pier Candido Decembrio". Italian Renaissance Medals.
- ↑ Medallas de Afonso V de Aragón: primeira, segunda e terceira.
- ↑ "Don Iñigo d'Avalos". National Gallery of Art.
- ↑ Vasari, G.; Venturi, A. (1896).
- ↑ Brenzoni, R. (1952), citado en VV.AA. (1966). Páxina 84.
- ↑ 51,0 51,1 De Vecchi, P.; Cerchiari, E. (1999). Páxina 14.
- ↑ "Portrait d'une jeune princesse". Collections, Louvre.
- ↑ "Pisanello, Antonio: Droits et revers de quatre médailles d'Alphonse V d'Aragon". Musée du Louvre, Département des Arts graphiques.
- ↑ Pollard, G. (1983). Páxina 3.
- ↑ 55,0 55,1 Brenzoni, R. (1952), citado en VV.AA. (1966). Páxina 102.
- ↑ De Vecchi, P.; Cerchiari, E. (1999). Páxinas 12-13.
- ↑ Folla informativa sobre as catro historias. Polo Museale Fiorentino (www.polomuseale.firenze.it).
- ↑ "Saint Jerome in a Landscape". The National Gallery.
- ↑ "Profile Portrait of a Lady". National Gallery of Art.
- ↑ "Priamo piano o nobile - Capella". Fondazione di Vignola.
- ↑ Sgarbi, V. (1998). Páxinas 36-37.
- ↑ 62,0 62,1 62,2 62,3 62,4 62,5 Dell'Acqua, G., en VV.AA. (1966). Páxinas 8-9.
- ↑ Rosini, G. (1848-1852) Storia della pittura italiana esposta coi monumenti. Pisa. Tomo I (1848). Tomo II (1848). Tomo III (1850). Tomo IV (1850). Tomo V (1851). Tomo VI (1852). Tomo VII (1852).
- ↑ Véxasnse as respectivas referencias na sección "Bibliografía".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pisanello |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Berenson, B. (1907). North Italian painters of the Renaissance. Putnam's sons, Londres.
- Brenzoni, R. (1952). Pisanello, pittore. Olschki, Florencia.
- Castrichini, M. (1996). Pisanello. Restauri ed interpretazioni, Ediart, Todi. ISBN 9788885311299
- Chiarelli, R. (1958). Pisanello. Matrtello, Milán.
- Coletti, L. (1953). Pisanello. Pizzi, Milán.
- Degenhart, B. (1945). Pisanello. Chiantore, Turín.
- Degenhart, B. (1961). "Antoniodi Puccio Pisano, detto il Pisanello". En Dizionario Biografico degli Italiani. Volume 3.
- De Vecchi, P.; Cerchiari, E. (1999). I tempi dell'arte. Volume 2. Bompiani, Milán. ISBN 88-451-7212-0
- Forrer, L. (1909). Biographical dictionary of medallists, Vol. IV. Londres.
- Fossi Todorow, M. (1966). I disegni del Pisanello e della sua cerchia. Olschki, Florencia.
- Foville, J. (1909). Pisanello et les Médailleurs italiens. Renouard, París.
- Gianandrea, M. (2006). "Pisanello". Enciclopedia dei Ragazzi.
- Hermanin, F. (1923). Una tavola di Stefano da Zevio a Palazzo Venezia, Milano e Roma, Bastetti e Tumminelli. Separata de Bollettino d'Atre del Ministero della Pubblica Istruzione. Bastetti e Tumminelli, Milán/Roma.
- Hill, G. F. (1905): Pisanello. Duckworth and Co. Londres.
- Magagnato, L. (ed.) (1958). Da Altichiero a Pisanello. Neri Pozza, Venecia.
- Marini. P. (ed.) (1966). Pisanello, Mondadori Electa.
- Paccagnini, G. (1973). Pisanello. ISBN 071481556X
- Pollard, G. (1983). Medaglie italiane del Rinascimento. Italian Renaissance medals. Museo Nazionale del Bargello. SPES, Florencia. ISBN 9788872420638
- Ronchey, S. (2006). L'enigma di Piero. L'ultimo bizantino e le crociata fantasma nella rivelazione di un grande quadro. BUR, Milán. ISBN 978-88-17-01638-4
- Sgarbi, V. (1998). Notte e giorno d'intorno girando... Rizzoli, Milán. ISBN 978-88-17-85887-8
- Sindona, E. (ed.) (1961). Pisanello. Istituto Editoriale Italiano, Milán.
- Vasari, G.; Venturi, A. (1896). Gentile da Fabriano e il Pisanello. Sansoli, Florencia.
- Venturi, A. (1935). "Pisanello". En Enciclopedia Italiana. Istituto dell'Enciclopedia Italiana.
- Venturi, A. (1939). Pisanello. Palombi, Roma.
- VV.AA. (1966). L'opera completa di Pisanello. Rizzoli, Milán.
- VV.AA. (1983). Medaglie italiane del Rinascimento. Museo Nazionale del Bargello, FFlorencia.
- Zeri, F. et al. (1999). Un velo di silenzio, Rizzoli, Milán. ISBN 9788817863520
- Zuffi, S. (2004). Il Quattrocento, Electa, Milán. ISBN 88-370-2315-4