Portal:Pobos indíxenas de América/Artigo destacado/Arquivo
Aquí están todos os artigos destacados no portal Pobos indíxenas de América:
Os mohawk (nome tomado do Narraganset 'mohowaùuck') son a tribo americana máis oriental da Confederación iroquesa. O seu autónimo é Kanien'gehaga, a xente do lugar da pedra. O seu territorio abranguía o que hoxe en día é o sur de Quebec e o leste de Ontario. Os seus asentamentos actuais inclúe as áreas arredor do Lago Ontario e o Río St Lawrence no Canadá. O seu territorio tradicional estendíase cara ao sur do Río Mohawk, cara ao leste das Green Mountains de Vermont, cara ao oeste ata a fronteira cos oneida, e ó norte co Río St Lawrence. Como membros orixinais da Confederación iroquesa, ou Haudenosaunee, os Mohawk eran coñecidos como os "Gardiáns da Porta Leste". A relixión mohawk predominante é animista.
As linguas maias forman unha familia lingüística falada en Mesoamérica e norte de Centroamérica. As linguas maias son faladas por preto de 6 millóns de indíxenas maias, principalmente en Guatemala, México, Belize e Honduras. En 1996, Guatemala recoñeceu formalmente 21 linguas maias polo seu nome, e México recoñeceu oito máis dentro do seu territorio.
A familia maia é unha das mellor documentadas e máis estudadas das linguas americanas. As linguas maias modernas descenden do protomaia, unha lingua que se pensa que foi falada hai 5 000 anos e que foi parcialmente reconstruída usando o método comparativo. A lingua protomaia diversificou en seis pólas lingüísticas diferentes: a huasteca, quicheana, a iucateca, a q’anjob’al, a mameana e a ch'ol-tzeltal.
As linguas maias forman parte da área lingüística mesoamericana, unha zona de converxencia creada a través de séculos de interacción entre os pobos de Centroamérica. Tódalas linguas maias presentan os trazos diagnósticos básicos da súa área lingüística. Por exemplo, todas empregan substantivos relacionais no canto de preposicións para indicar relacións espaciais. Tamén posúen trazos gramaticais e tipolóxicos que os diferencian doutras linguas de Centroamérica, como o uso da ergatividade no tratamento gramático dos verbos, os seus suxeitos e obxectos, categorías flexivas específicas nos verbos e unha clase gramatical especial de "posicións" que é característica das linguas maias.
Os tarahumaras ou rarámuris son un pobo nativo de México especialmente coñecidos pola súa gran habilidade como corredores de longa distancia. Orixinalmente habitaron en case todo o estado de Chihuahua, mais retiráronse ás serras altas como Serra Madre Occidental coa chegada dos españois no século XVI. A área de Serra Madre Occidental que habitan no presente é chamada tamén Serra Tarahumara por mor da súa presenza.
A maioría dos tarahumaras viven aínda segundo o estilo tradicional, habitando en refuxios naturales como covas ou cantís, así como pequenas cabanas de madeira ou pedra. Os cultivos básicos son o millo e os feixóns; porén, moitos tarahumaras aínda practican a transhumancia, criando vacas, cabras e ovellas.
A lingua tarahumara pertence á familia das linguas uto-aztecas. Malia que o seu uso está a descender pola presión da lingua castelá, aínda é falada pola maioría.
Os caribes, tamén chamados kalinagos, son unha tribo amerindia, un dos primeiros grupos que habitaron as Antillas Menores e serviron de inspiración ao nome da rexión homónima de América.
A familia lingüística caribe figurou entre as máis importantes de América do Sur, non só polo elevado número de tribos que a compuñan, senón polo seu marcado carácter expansionista. Os seus centros de dispersión abarcaron as costas do norte de Colombia, Venezuela e as Güianas, estendéndose cara ao norte das Antillas Menores e outros puntos das Antillas Maiores.
Os caribes agrupábanse en clans patrilineais que, aos poucos, nas Antillas, cederon terreo aos matrilineais. Predominaba a exogamia e era frecuente a poligamia, sendo a posición da muller inferior á do home.
Cultivaban millo, iuca, feixóns e froitas tropicais, especialmente nas Güianas e as Antillas. A pesca constituía tamén parte da súa actividade.
As primeiras crónicas descríbenos como un pobo agresivo e practicante do canibalismo.
Os mapuches son un grupo indíxena americano que habitan no sur-centro de Chile e no suroeste da Arxentina. Constitúen un grupo étnico composto por varios grupos que comparten unha estrutura social, relixiosa e económica comúns, así como un patrimonio lingüístico común. A súa influencia estendíase entre o río Aconcagua e o arquipélago de Chiloé, e máis tarde cara o leste da Pampa arxentina. Os mapuches representan aproximadamente o 4% da poboación chilena, e están particularmente concentrados na rexión da Araucanía e en Santiago de Chile.
O termo mapuche pode referirse a todo o grupo de picunches (xente do norte), huilliches (xente do sur) e moluches ou nguluches da Araucania, ou exclusivamente ós moluches ou nguluches da Araucania. A economía tradicional mapuche baséase na agricultura, a súa organización social tradicional componse de grandes familias, baixo a dirección dun "lonko" ou xefe, aínda que en tempos de guerra, uníanse en grandes grupos e elixían un toqui (do mapudungun toki, que significa machado, ou portador do machado) para lideralos.
A pesar de que os mapuches se mesturaron cos españois durante a época colonial dando orixe a un gran grupo de mestizos na sociedade mapuche de Chile en Araucania e Patagonia, este pobo mantívose independente ata a ocupación chilena de Araucania e a Conquista do Deserto da Arxentina no século XIX. Hoxe en día, moitas comunidades mapuches están involucradas no chamado Conflito mapuche, que reivindica a defensa dos seus dereitos e a devolución das súas terras tanto na Arxentina como en Chile.
Os shuar (tamén chamados xívaros) son un pobo indíxena que habita en Ecuador e no Perú. Pertencen ó grupo de pobos xívaros, que son pobos amazónicos que viven no nacemento do río Marañón. O termo "shuar" na súa propia lingua quere dicir "xente" ou "pobo". O pobo que fala a lingua shuar vive na selva tropical entre os Andes e a sabana das terras baixas amazónicas.
Os europeos referíronse historicamente ós shuar como xívaros, un termo que probablemente deriva da pronuncia española do século XVI da verba "shuar", pero que adquiriu outros significados como o de "salvaxe". Os shuar foron moi representados na literatura por mor da fascinación occidental pola antiga práctica da redución de testas (tsantsa).
Os yanomami (tamén chamados yąnomamö ou yanomama), son un pobo indíxena de 35 000 persoas que habitan en 200 ou 250 vilas na selva amazónica, na fronteira entre Venezuela e o Brasil.
Dende 1630 até 1720, as complexas sociedades dos ríos foron eliminadas ou minguadas como resultado das expedicións de caza de escravos polos conquistadores e bandeirantes. Se isto afectou ós Yanomami e en que grao son cuestións de pura especulación. O contacto sostido co mundo exterior comezou na década de 1950s coa chegada de membros da Misión Novas Tribos así como de misioneiros católicos da Compañía de Xesús e dos salesianos.
En Roraima, na década de 1970 producíronse proxectos de desenvolvemento dentro do "Plan de Integración Nacional" levado a cabo polos gobernos militares brasileiros daquel momento. Isto supuxo a apertura dun tramo de estrada perimetral (1973–76) e varios programas de colonización en terras tradicionalmente ocupadas polos yanomami. Durante o mesmo período, o proxecto de busca de recursos RADAM (1975) detectou importantes depósitos naturais na rexión. Isto provocou un aumento progresivo dos buscadores de ouro, que despois de 1987 se converteu nunha verdadeira febre do ouro. Centos de pistas clandestinas foron abertas polos buscadores de ouro nos principais tributarios do río Branco entre 1987 e 1990. O número de mineiros na área yanomami de Roraima estimouse entre 30 e 40,000, unhas cinco veces máis que a poboación indíxena residente. Aínda que a intensidade desta carreira do ouro diminuíu moito dende 1990, a prospección de ouro segue hoxe na terra yanomami, estendendo a violencia e outros serios problemas sociais.
A reserva da biosfera Alto Orinoco-Casiquiare foi creada en 1993 co obxectivo de preservar o territorio e o estilo de vida tradicional dos yanomami e dos ye'kuana. Porén, malia que a constitución de Venezuela recoñece os dereitos dos pobos indíxenas ás súas terras ancestrais, poucos teñen a titularidade das mesmas e o goberno anunciou a apertura de grandes partes do Amazonas para a minaría legal.
Os tupinamba foron un dos varios grupos étnicos tupís que habitaron no Brasil antés da chegada dos colonizadores portugueses. Por volta do século XVI, habitaban dúas rexións da costa brasileira: a primeira ía dende a marxe dereita do río São Francisco até o Recôncavo Baiano; a segunda ía do cabo de São Tomé, no actual estado do Río de Xaneiro, até São Sebastião, hoxe no estado de São Paulo. Ese segundo grupo tamén era denominado "tamoios". Ámbolos dous grupos compúñanse de 100.000 individuos e eran a nación indíxena máis coñecida de toda a costa brasileira polos navegadores europeos do século XVI.
No presente, o principal grupo tupinamba reside no sur do estado da Baía: son os tupinambas de Olivença. A maior parte da poboación tupinamba vive nos centros urbanos, principalmente nas rexións metropolitanas do sueste, centro-oeste e nordeste. No sueste, São Paulo é a cidade con maior poboación de etnia tupinamba. A súa lingua sobrevive hoxe na forma da lingua nheengatu.
Os muiscas son un pobo chibcha que formou a confederación muisca das terras dos Andes centrais na Cordilleira Oriental da actual Colombia, máis concretamente no Altiplano cundiboyacense. No presente, a poboación muisca case desapareceu, mais aínda pervive nalgúns concellos e distritos como Cota, Chía, Tenjo, Suba, Engativá, Tocancipá, Gachancipá e Ubaté. Segundo o censo de 2005 feito polo Ministerio de Interior, 14 051 muiscas viven en Colombia.
Como unha das catro civilizacións avanzadas de América (alén dos aztecas, os maias e os incas), entraron en contacto co Imperio español en 1537, no intre da conquista. Os subgrupos nos que se dividían os muisca foron identificados en función das alianzas arredor de tres grandes gobernantes: o zaque, con capital en Hunza, que gobernaba un territorio que abranguía as zonas sur e nordeste da actual Boyacá e o sur de Santander; o zipa, con capital en Bacatá, que gobernaba sobre Cundinamarca, o oeste dos Llanos e o nordeste de Tolima; e o Iraca, gobernador de Suamox, o nordeste de Boyacá e o suroeste de Santander. O territorio dos muiscas abranguía unha área de 47 000 km2 - unha rexión un chisco meirande que Suíza - dende o norte de Boyacá até o Páramo de Sumapaz, e dende a Cordilleira Oriental até o Val de Magdalena. Tiñan fronteira cos territorios dos panches e os pijaos.
No tempo da conquista, a área tiña unha importante poboación, e malia que o número preciso de habitantes é descoñecido, estímase que roldaba entre o medio millón e os tres millóns de habitantes. Os muiscas falaban o muysccubun, un dialecto do chibcha, tamén chamado muysca e mosca. A súa economía estaba baseada na agricultura, na minaría do sal, a metalurxia e manufactura.
10
[editar a fonte]Os selk'nam, tamén coñecidos como onawo ou ona, son un pobo indíxena da rexión da Patagonia, no sur da Arxentina e Chile, incluíndo as illas de Terra de Fogo. Foron un dos derradeiros pobos nativos de América do Sur en ser contactados por emigrantes europeos occidentais a finais do século XIX. Coa descuberta de ouro e a expansión da gandería de ovellas, os gobernos da Arxentina e Chile comezaron a colonizar e exterminar os pobos indíxenas de Terra de Fogo.
Estaban considerados extintos como tribo, pero en 2023 os seus descendentes mestizos foron recoñecidos como pobo indíxena pola Constitución de Chile. Keyuk Yantén un chileno mestizo de Santiago con devanceiros selk'nam, aprendeu el só a lingua e está considerado o único falante.