Finlandia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2018.) |
Suomi (fi) Finland (sv) | |||||
Himno | Maamme | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «O na bawn yn y Ffindir» | ||||
Símbolo oficial | Coccinella septempunctata (Insectos) Celastrina argiolus (Lepidópteros) Oso pardo (animal (pt) ) Cisne bravo (aves) Cavalo finlandês (pt) (cabalo) Spitz finlandês (pt) (can) Convallaria majalis (flor) Perca común (peixe) Granito (rocha) Bidueiro branco (árbore) | ||||
Epónimo | Pobo finlandés | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Helsinqui (1812–) | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 5.608.218 (2024) (16,57 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua finesa lingua sueca | ||||
Relixión | Igreja Evangélica Luterana da Finlândia (pt) e Igrexa Ortodoxa Finlandesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 338.478,34 km² | ||||
Bañado por | Mar Báltico | ||||
Punto máis alto | Haltitunturi (1.324 m) | ||||
Punto máis baixo | Mar Báltico (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 6 de decembro de 1917 | ||||
Evento clave
| |||||
Día festivo | |||||
Santo padrón | Henrique de Uppsala (pt) | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | República parlamentaria | ||||
• Presidente | Alexander Stubb (2024–) | ||||
Órgano executivo | Governo da Finlândia (pt) | ||||
• Primeiro ministro | Petteri Orpo (2023–) | ||||
Órgano lexislativo | Parlamento de Finlandia , (Escano: 200) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supreme Court of Finland (en) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 296.387.625.264 $ (2021) | ||||
Moeda | euro | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .fi | ||||
Prefixo telefónico | +358 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112 e 116117 (en) | ||||
Código de país | FI | ||||
Código NUTS | FI | ||||
Sitio web | finland.fi | ||||
Finlandia ( pronunciación (axuda · info)) (en finés: Suomi, en sueco: Finland ( pronunciación (axuda · info))), oficialmente República de Finlandia ( pronunciación (axuda · info)) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia. A capital e maior cidade do país é Helsinqui.
No ano 2009, Finlandia tiña unha poboación de 5,3 millóns de habitantes nunha área de 338 145 quilómetros cadrados. A meirande parte da poboación do país atópase no extremo sur, na costa do golfo de Finlandia e proximidades. Finlandia é o sexto país maior de Europa en termos de área, e conta cunha baixa densidade de poboación de 15,5 habitantes por quilómetro cadrado, o que o converte no país menos densamente poboado dentro da Unión Europea. A maioría dos finlandeses falan o finés como a súa lingua materna, a cal é unha das poucas linguas oficiais da Unión Europea que non descenden da familia indoeuropea. A segunda lingua oficial de Finlandia é o sueco, o cal é lingua materna dun 5,5% da poboación nacional.
Previamente Finlandia foi parte de Suecia e dende 1809 a 1917, cando obtivo a súa independencia, o país foi o autónomo Gran Ducado de Finlandia como parte da Rusia Imperial. Hoxe en día, Finlandia é unha república, parlamentaria e democrática. O país é membro das Nacións Unidas e da Unión Europea dende 1995. A economía de Finlandia é unha das máis prosperas do continente, baseándose nos importantes sectores de servizos así como de manufactura. No país existe un estado de benestar así como unha política altamente democrática e con niveis sumamente baixos de corrupción. O país conta co euro como moeda oficial dende o 28 de febreiro de 2002, substituíndo ao marco finlandés.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A orixe do nome "Suomi" (Finlandia) é incerta, mais unha das teorías máis aceptadas é que sexa derivado da palabra proto-báltica "Zeme", que significa "Terra". Alén dos parentes máis próximos do finlandés, ese nome tamén é utilizado noutras linguas bálticas, coma no letón e mailo lituano.
O nome de Finlandia ten moita semellanza co nome doutros lugares escandinavos como Finnmark, condado de Noruega ou Finnveden, pequeno territorio sueco. Algúns deses nomes son derivados de "Finnr", palabra alemá que describe a un viaxante, entón supostamente refírese a un nómade, alguén sen residencia fixa. O termo "Finn" tamén adoita referirse a persoas saami, ou sexa, persoas con orixes en Laponia, un grupo de indíxenas con preto de 70 mil persoas en Europa. "Finn" orixinariamente era empregado para designar persoas de Finlandia Propia no século XV, cando a igrexa nomeou un bispo cuxa autoridade abranguía todo o país e, co tempo, o termo pasou a designar tamén toda a poboación.
Entre os primeiros documentos que mencionan unha "terra de finlandeses" atópanse dúas runas. Unha está en Söderby, Suecia, coa inscrición "finlont" e a outra está na illa sueca de Gotland, situada no mar Báltico, coa inscrición "finlandi", as dúas datadas do século XI.
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Finlandia.
Prehistoria
[editar | editar a fonte]De acordo con evidencias arqueolóxicas, a área onde agora está Finlandia foi estabelecida primeiramente en torno ao ano 8500 a.C. durante a Idade da Pedra mentres a última glaciación retrocedía. Os pobos máis adiantados probablemente eran cazadores e campesiños, vivindo na tundra e co que o mar podería ofrecer, ademais a cerámica foi coñecida dende hai uns 7300 anos. A existencia dun extenso sistema de troco durante o período mesolítico está indicada pola propagación do asbesto e da pedra de talco no oriente de Finlandia, e por existir lousa en Escandinavia, en Rusia e no sur do lago Onega alén do norte de Escandinavia. Non se ten hoxe certeza de que os falantes das linguas ugrofinesas chegaran á área durante a Idade da Pedra, sendo posiblemente os primeiros colonos mesolíticos.
A chegada da cultura do Machado de Batalla no litoral do sur de Finlandia, hai uns 5200 anos, pode coincidir co comezo da agricultura. Non obstante, os rexistros máis adiantados de agricultura son do milenio pasado. A caza e a pesca continúan a ser partes importantes da economía, especialmente nas partes norte e oriental do país. A Idade de Bronce (entre o 1500 e o 500 a.C.) e a Idade de Ferro (entre 500 a.C. e 1200) foron caracterizadas por contactos extensivos con Escandinavia, o norte de Rusia e a rexión Báltica.
Dominio sueco
[editar | editar a fonte]Os primeiros suecos desembarcaron na costa finlandesa na época medieval. Os reis suecos estabeleceron as primeiras regras no país en 1249 e por pouco tempo, o país foi agregado e completamente colonizado por Suecia. O sueco tornouse a lingua oficial da nobreza, a administración e a educación, e o finés volveuse unha lingua secundaria, falada principalmente polos campesiños e polo clero. O bispo de Turku era a persoa preeminente en Finlandia antes da Reforma protestante. En 1389, os catro estados escandinavos (Noruega, Suecia, Dinamarca e Finlandia) estaban unidos baixo un só monarca, a Unión de Kalmar, que comezou como unha unión persoal.
Durante a reforma, gran parte do país adheriu ao luteranismo. No século XVI, Mikael Agricola publicou os primeiros traballos escritos en Finlandia e a primeira universidade do país, "A Real Academia de Turku", foi inaugurada en 1640. O país pasou por unha grave fame entre 1676 e 1697, e cerca dun terzo da poboación morreu. No século XVIII, unha intensa guerra entre Suecia e Rusia carrexou en dúas ocupacións de Rusia no país, foi a gran guerra do Norte, na cal Suecia enfrontouse a Rusia, Dinamarca, Noruega e á República das Dúas Nacións. Ao fin, a guerra tornouse un conflito concentrado entre Suecia e Rusia, na chamada guerra finlandesa.
Gran Ducado de Finlandia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Gran Ducado de Finlandia.
- Véxase tamén: Rusificación de Finlandia.
O 29 de marzo de 1809, despois de ser tomada polas forzas militares de Alexandre I de Rusia, Finlandia converteuse no Gran Ducado de Finlandia, autónomo no Imperio Ruso até o fin de 1917, durante ese tempo, a lingua finesa gañou máis espazo. A partir de 1860, un forte movemento popular nacionalista creceu.
En 1835, foi publicado o Kalevala, que se tornou un épico nacional, e en 1882, o finlandés foi declarado o idioma oficial no estatuto nacional. A fame matou preto do 15% da poboación entre 1866 e 1868, unha das maiores fames da historia europea, o que levou a Rusia a facilitar a regulamentación financeira. O crecemento económico e político foi rápido, o PIB tornouse equivalente á metade dos Estados Unidos e un terzo do Reino Unido.
En 1906 estableceuse o sufraxio universal. No entanto, a relación entre o Gran Ducado de Finlandia e a Rusia entrou en crise cando o goberno ruso, diante do crecemento do país, quixo restrinxir a autonomía dada inicialmente. Por exemplo, o Sufraxio quedou, na práctica, case sen sentido, unha vez que o tsar ruso non tiña por que dar opinión sobre calquera decisión tomada no parlamento finlandés. Nesa época, os radicais liberais e os socialistas comezaron as primeiras reivindicacións de independencia.
Independencia e guerra civil
[editar | editar a fonte]Trala Revolución de febreiro a posición da Finlandia como parte de Rusia pasou a ser cuestionada, principalmente polos socialdemócratas. Unha vez que o xefe de estado era o tsar ruso, non estaba claro quen era o xefe executivo trala revolución. Os demócratas asinaron o chamado "Power Law", que daría autoridade máxima ao parlamento. No entanto, o goberno ruso non aprobou, e disolveu o parlamento pola forza, o que foi considerado ilegal polos demócratas. Novas eleccións foron realizadas e o partido de dereita saíu vencedor, o cal era o principal inimigo político dos demócratas. O partido derrotado rexeitou aceptar o resultado e aínda alegou que a disolución de parlamento foi extralegal. Os dous partidos, case igualmente poderosos, volvéronse altamente antagónicos.
A revolución rusa de outubro mudou o xogo novamente. De súpeto, o partido de dereita reconsiderou a súa decisión de bloquear a transferencia do poder executivo ruso para Finlandia, xa que radicais rusos tomaran o poder en Rusia trala caída do tsar Nicolao II. Ao contrario de continuar vinculando o "Power Law", o partido declarou a independencia do país o 6 de decembro de 1917. A independencia foi recoñecida polo Tratado de Brest-Litovski, asinado o 3 de marzo de 1918.
Despois dunha espantosa guerra civil, o partido de dereita, liderado polo xeneral Mannerheim, derrotou os demócratas, apoiados polos Bolxeviques rusos. Trala sinatura do Tratado de Brest-Litovski, tropas alemás desembarcaron en Hanko, e o 13 de abril de 1918 tomaron Helsinqui. O 13 de maio, celebrouse a vitoria da "Finlandia Branca", cando as tropas soviéticas rusas se retiraron do país.
O 9 de outubro de 1918 o senado finlandés escolleu o alemán Federico Carlos de Hesse como rei. A abolición da monarquía en Alemaña tamén acabou coa monarquía na Finlandia, e Frederico sequera chegou a visitar o país, renunciando o cargo o 14 de decembro. Finlandia tornouse oficialmente parlamentarista e elixiu Kaarlo Juho Ståhlberg como seu primeiro presidente. Entre 1918 e 1920 Finlandia fixo varias incursións en territorios rusos, esas viaxes ficaron coñecidas como "Heimosodat", cuxo obxectivo era crear a "Gran Finlandia", o que non aconteceu. O "Tratado de Tartu", firmado con Rusia o 14 de outubro de 1920, definiu as fronteiras entre os dous países.
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Durante a segunda guerra mundial, Finlandia e a Unión Soviética enfrontáronse dúas veces: na guerra de Inverno (1939-1940), e na continuación da guerra entre 1941 e 1944, durante a Operación Barbarossa, cando Alemaña invadiu a URSS. Durante 872 días, tropas finlandesas e alemás sitiaron Leningrado, unha das principais cidades da URSS. Trala derrota de Alemaña polas frontes orientais e o subsecuente adianto soviético, Finlandia foi forzada a se retractar coa URSS e aceptar esixencias de reparacións e control.
Os tratados asinados entre 1947 e 1948 coa Unión Soviética incluían obrigas, limitación e reparacións de Finlandia, así como as concesións territoriais finesas acordadas no Tratado de paz de Moscova de 1940. Finlandia foi forzada a indemnizar a URSS polos danos da guerra e a ceder partes da rexión de Carelia, e preto de 400.000 persoas tiveron que deixar esa área.
O país tivo que rexeitar a axuda do Plan Marshall, elaborado para reestruturar a Europa, mais foi secretamente amparada polos Estados Unidos, que axudaron ao desenvolvemento e contribuíron co partido dos demócratas para preservar a independencia do país. Finlandia pasou a estabelecer comercio co Reino Unido, e as reparacións da guerra transformaron o país nunha potencia industrial.
A guerra fría
[editar | editar a fonte]En 1950, a metade dos traballadores finlandeses estaba en áreas agrícolas e o 30% vivían en áreas urbanas. Novas oportunidades na industria e comercio atraeron persoas para as cidades e os Xogos Olímpicos de 1952 de Helsinqui trouxeron moitos turistas ao país. Porén, como na década de 1970 as oportunidades de traballo non medraron, miles de persoas migraron cara a área principal de Suecia, sobre todo entre 1969 e 1970. Finlandia participou activamente na liberación comercial do Banco Mundial, do Fondo Monetario Internacional e do Acordo Xeral de Tarifas e Comercio.
A pesar de pretender permanecer neutra durante a guerra fría, Finlandia estivo na chamada "Zona Cincenta" entre os países occidentais. O Tratado de YYA deu á URSS grande influencia dentro da Finlandia, o que foi altamente explotado polo presidente Urho Kekkonen contra os seus adversarios. Mantivo o monopolio efectivo nas relacións coa URSS, o que aumentou moito a súa popularidade. Tentouse tamén evitar declaracións políticas que fosen consideradas anti-soviéticas, a chamada "finlandización". Esa censura tamén servía para literatura e calquera tipo de medios de comunicación.
A pesar da estreita relación coa URSS, Finlandia mantivo súa economía activa no Mercado Occidental. O crecemento económico do país foi rápido. Trala morte do ditador soviético Iosif Stalin o dominio sobre Finlandia comezou a enfraquecer: os soviéticos evacuaron unha das súas principais bases no país, Porkkala, en 1956, e tamén autorizou o país a entrar na Asociación Europea de Libre Comercio en 1962.
Tida como unha ponte entre os bloques capitalista e comunista, en 1973 Finlandia participou na Conferencia de Seguridade e Cooperación Europea, cuxa acta final foi asinada o 31 de xullo de 1975. O fin da URSS en 1991 implicou o fin da finlandización. En febreiro de 1993, Finlandia comezou a negociar súa entrada na Unión Europea, que finalmente ocorreu en 1994 e oficialmente en 1995.
Historia e eventos recentes
[editar | editar a fonte]Do mesmo xeito que outros países nórdicos, Finlandia liberalizou a súa economía dende final de 1980 e a regulación do mercado financeiro e produtivo relaxouse. Algunhas empresas estatais foron privatizadas e houbo algúns recortes de impostos modestos. Finlandia uniuse á Unión Europea en 1995, e á zona do euro en 1999, sendo un dos primeiros a adoptar o euro como moeda oficial logo do seu lanzamento, o 1 de xaneiro de 2002.
Hoxe a poboación está a envellecer, cunha taxa de natalidade de 10,42 nacementos por cada 1.000 habitantes, ou unha taxa de fecundidade de 1,8. Cunha idade media de 41,6 anos, Finlandia é un dos países máis vellos, e máis da metade dos votantes estímase que superan os cincuenta anos de idade.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Finlandia é un país que conta millares de lagos e illas, 187 888 lagos (a maioría de orixe glaciar)[1] e 179 584 illas, máis concretamente. Un destes lagos, o Saimaa, é o quinto maior lago de Europa. A paisaxe finlandesa é fundamentalmente chá, con algúns outeiros e montes baixos. O punto máis alto do país, o Haltitunturi, con 1.328 m, atópase no extremo norte da Laponia. Ademais dos moitos lagos, a paisaxe está dominada por grandes extensións de flora boreal (preto do 60% da área terrestre) e pouca terra arable. A maior parte das illas atópanse ao suroeste, formando parte do arquipélago das illas Åland. Finlandia é un dos poucos países do mundo que está a medrar, isto é debido ao levantamento isostático da Escandinavia, que ocorre dende a última idade do xeo, así pois a superficie do país medra preto de 7 km² por ano.
Un cuarto do territorio finlandés sitúase ao norte do Círculo Polar Ártico, e consecuentemente é posible experimentar o sol da medianoite, un fenómenos consistente en que o Sol é visible as 24 horas do día nas datas próximas ao solsticio do verán. No punto máis setentrional de Finlandia o sol non se pon durante 73 días no verán e non chega a nacer durante 51 días no inverno.
Montes de maior altitude | ||||
---|---|---|---|---|
Posición | Imaxe | Monte | Altitude (m) | |
1 | Halti | 1.323,6 | ||
2 | Ridnitšohkka | 1.317,1 | ||
3 | Kiedditsohkka | 1.285 | ||
4 | Kovddoskaisi | 1.240 | ||
5 | Ruvdnaoiaivi | 1.234,7 | ||
6 | Loassonibba | 1.190,3 | ||
7 | Urtasvaara | 1.157,5 | ||
8 | Kieddoaivi | 1.155 | ||
9 | Kahperusvaara | 1.143,6 | ||
10 | Greddoaivi | 1.134,6 |
Maiores lagos | |||||
---|---|---|---|---|---|
Posición | Imaxe | Lago | Rexión(s) | Extensión (km²) | Altitude (m) |
1 | Saimaa | Savonia do Sur Carelia do Sur Carelia do Norte |
1.377,05 | 75,7 | |
2 | Päijänne | Päijänne Tavastia Finlandia Central |
1.080,63 | 78,3 | |
3 | Inari | Laponia | 1.040,28 | 118,7 | |
4 | Pielinen | Carelia do Norte | 894,21 | 93,7 | |
5 | Oulujärvi | Kainuu | 887,09 | 122,2 | |
6 | * | Pihlajavesi | Savonia do Sur | 712,59 | 75,7 |
7 | Orivesi* | Savonia do Sur Carelia do Norte |
601,30 | 75,9 | |
8 | Haukivesi* | Savonia do Norte Savonia do Sur |
562,31 | 75,8 | |
9 | Keitele | Finlandia Central | 493,59 | 99,5 | |
10 | Kallavesi | Savonia do Norte | 472,76 | 81,8 |
Biodiversidade
[editar | editar a fonte]Fitoxeograficamente o territorio finlandés forma parte das provincias ártica, centroeuropea e noreuropea da Rexión Circumboreal dentro do Reino Boreal. Segundo o WWF, o territorio de Finlandia pódese subdividir en tres ecorrexións: a taiga escandinava e rusa, os bosques mixtos sarmáticos e as praderías e bosque de bidueiros de montaña. A taiga cobre a maioría de Finlandia desde as rexións do norte das provincias do sur ata o norte de Laponia. Na costa suroeste, ao sur da liña Helsinqui-Rauma predominan os bosques mixtos, que son máis comúns na rexión Báltica. No extremo norte de Finlandia, preto do límite arbóreo e o océano Ártico, son comúns os bosques de montaña con bidueiros.
De xeito similar, Finlandia ten unha variedade de fauna extensa e diversa. Hai polo menos sesenta especies nativas de mamíferos, 248 especies de aves nidificantes, setenta especies de peixes e once de réptiles e ras.
Entre os animais meirandes e máis amplamente recoñecibles que se atopan en Finlanida están o oso pardo, o lobo, o gulo gulo e o alce. Tres das aves máis impresionantes son o cisne bravo, un gran cisne europeo e a ave nacional de Finlandia; a pita do monte, de gran porte e plumaxe negra; e o bufo real, considerado un indicador da conectividade do bosque primario, e que está en declive pola fragmentación da paisaxe.[2] As aves nidificantes máis comúns son o picafollas cantor, o pimpín común e o tordo malvís.[3] Das setenta especies de peixes de auga doce son abondosos o lucio, a perca e moitos outros, como o salmón atlántico son comúns tamén en auga salgada.
A Pusa hispida saimensis, unha das únicas tres especies de foca de auga doce do mundo, existe só no sistema lacustre de Saimaa, no sueste de Finlandia, conservándose só 300 exemplares.[4]
Clima
[editar | editar a fonte]A latitude é a principal responsable do clima finés. Pola súa situación xeográfica, o inverno é a estación máis longa. En media, o inverno dura de 105 a 120 días no arquipélago e 180 días en Laponia. Isto quere dicir que as rexións do sur están cubertas por neve 3 ó 4 meses por ano, e as do norte ao redor de sete meses. Finlandia acada temperaturas glaciais no inverno, no sur baixan a -15 °C en xaneiro e febreiro, mentres que no norte a miúdo sitúanse por baixo de -30 °C. Con todo, as temperaturas varían moito no inverno, e pódense alcanzar incluso os 10 graos por encima de cero en calquera mes de inverno no sur do país. Nesta época do ano este territorio carece de luz solar durante a maior parte do día. Coa chegada do verán e o sol de medianoite, alcánzanse valores media de 15 °C no norte e ao redor de 20 °C no sur, e nalgunhas ocasións, as temperaturas poden ascender até 30 °C.[5]
A precipitación media anual é de 500 a 600 milímetros. No norte, durante o longo inverno a metade das precipitacións son en forma de neve. As precipitacións no sur son de 600 a 700 milímetros anuais, ao longo de todo o ano, e non se deben exclusivamente á neve.
O océano Atlántico ao oeste e o continente eurasiático ao leste interactúan sobre o clima do país. As augas cálidas do golfo e a corrente mariña do Atlántico Norte, que afectan a Noruega e Suecia, tamén afectan a Finlandia. Cando sopran ventos do oeste, o clima adoita ser tépedo e o ceo despexado en gran parte do país, debido ao chamado fenómeno Foehn que se produce nos montes Kjölen (Noruega). Ademais da influencia moderadora do mar, tamén o clima continental asiático esténdese ás veces até Finlandia, dando lugar aos períodos máis fríos do inverno e aos máis calorosos do verán.
Como Finlandia se atopa na zona dos ventos occidentais de latitude media, na fronteira entre as masas de aire tropicais e as polares, os tipos climáticos sucédense rapidamente, especialmente no inverno. As condicións meteorolóxicas finlandesas dependen de certos puntos coñecidos, como o ciclón situado nas proximidades de Islandia e os anticiclóns de Siberia e os Azores. A localización e a intensidade destes centros poden variar en diferentes épocas, e algún deles pode determinar o desenvolvemento do tempo por longos períodos.[6]
Goberno e política
[editar | editar a fonte]O sistema finlandés é fundamentalmente semiparlamentario, aínda que o Presidente posúe algúns poderes notábeis. O núcleo executivo recae no Consello de Estado, encabezado polo Primeiro Ministro, elixido polo Parlamento. Dito Consello de Estado complétano Ministros de varios departamentos do goberno central así como un membro ex-oficio, o Chanceler de Xustiza.
A Constitución establece como autoridade última ao Parlamento (en finés: Eduskunta, en sueco: Riksdagen). Composto por 200 membros, pode cambiar a Constitución, causar a dimisión do Consello de Estado ou anular vetos presidenciais; os seus actos non están suxeitos a revisión xudicial. As propostas lexislativas nacen do Consello de Estado ou dos membros do Parlamento, que son elixidos cada catro anos. As últimas eleccións parlamentarias deron a vitoria ao partido Centro Finés, aínda que só conseguiu un escano máis que o emerxente Partido da Coalición Nacional.
O sistema xudicial está dividido en dúas pólas: tribunais con xurisdición criminal ou civil e tribunais especiais coa responsabilidade do preito entre o público e os órganos administrativos do estado. A lei finlandesa está xerarquizada: os tribunais locais por debaixo dos tribunais de apelación rexionais, e estes baixo a Corte Suprema.
Por outra banda, Finlandia é un dos países menos corruptos do mundo, de acordo co informe sobre o Índice de percepción de corrupción. Segundo revela o estudo, os cidadáns finlandeses consideran que apenas hai corrupción na xestión dos seus poderes públicos. O índice calcúlase mediante enquisas a empresarios, académicos e analistas económicos. Ocupou case sempre o primeiro lugar no últimos seis anos nos que se realizou o estudo.
Política exterior
[editar | editar a fonte]Segundo a última Constitución de 2000, o Presidente (actualmente Sauli Niinistö) dirixe a política exterior, en cooperación co goberno (actualmente a primeira ministra Sanna Marin) agás nos asuntos da UE que os conduce o propio goberno.
Durante a guerra fría, Finlandia levou a cabo a súa política exterior en asociación coa Unión Soviética e fixo ao mesmo tempo fincapé na cooperación nórdica, como membro da Consello Nórdico. Despois do colapso da URSS en 1991, Finlandia liberouse das últimas restricións impostas polos Tratados de Paz de París de 1947 e o Acordo de Amizade, Cooperación e Asistencia Mutua Fino-soviético. A pesar da oposición dos socialistas e agraristas, o goberno presentou unha solicitude de adhesión á Unión Europea tres meses despois da disolución da URSS, converténdose en membro en 1995. Con todo, Finlandia non trata de ingresar na OTAN, a pesar de que si o fixeron outros países post-soviéticos do mar Báltico.
Máis recentemente, en 2008, o expresidente finlandés Martti Ahtisaari foi galardoado co Premio Nobel da Paz "polos seus esforzos para resolver conflitos internacionais en varios continentes durante máis de tres décadas". Hoxe Finlandia considérase un modelo de estado de cooperación, non se opoñendo ás propostas para unha política europea común de defensa.
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Rexións de Finlandia.
A división administrativa básica son os 342 concellos no que se divide o territorio finés e do que dependen a maioría dos servizos, como a saúde e o ensino, tradicionalmente agrupadas en provincias, sistema creado en 1634 aínda que a súa composición cambiou drasticamente en 1997, cando o número de provincias reduciuse de doce a seis, esas divisións eran puramente administrativas e as fronteiras lingüísticas e culturais non seguían as fronteiras das provincias, ademais as provincias suprimíronse totalmente en 2010.[7] No 2010 as provincias substituíronse por 20 rexións (en finlandés maakunta e en sueco landskap, ámbalas dúas formas en singular), aínda que no 2011 o seu número reduciuse a 19 ao unirse as rexións de Uusimaa Oriental e Uusimaa.
Finlandia | Escudo | En galego | En finés | En sueco | Capital |
---|---|---|---|---|---|
Laponia | Lappi | Lappland | Rovaniemi | ||
Ostrobotnia do Norte | Pohjois-Pohjanmaa | Norra Österbotten | Oulu | ||
Kainuu | Kainuu | Kajanaland | Kajaani | ||
Carelia do Norte | Pohjois-Karjala | Norra Karelen | Joensuu | ||
Savonia do Norte | Pohjois-Savo | Norra Savolax | Kuopio | ||
Savonia do Sur | Etelä-Savo | Södra Savolax | Mikkeli | ||
Ostrobotnia do Sur | Etelä-Pohjanmaa | Södra Österbotten | Seinäjoki | ||
Ostrobotnia | Pohjanmaa | Österbotten | Vaasa | ||
Pirkanmaa | Pirkanmaa | Birkaland | Tampere | ||
Satakunta | Satakunta | Satakunda | Pori | ||
Ostrobotnia Central | Keski-Pohjanmaa | Mellersta Österbotten | Kokkola | ||
Finlandia Central | Keski-Suomi | Mellersta Finland | Jyväskylä | ||
Finlandia Propia | Varsinais-Suomi | Egentliga Finland | Turku | ||
Carelia do Sur | Etelä-Karjala | Södra Karelen | Lappeenranta | ||
Päijänne Tavastia | Päijät-Häme | Päijänne Tavastland | Lahti | ||
Tavastia Propia | Kanta-Häme | Egentliga Tavastland | Hämeenlinna | ||
Uusimaa | Uusimaa | Nyland | Helsinqui | ||
Kymenlaakso | Kymenlaakso | Kymmenedalen | Kouvola | ||
Åland | Ahvenanmaa | Åland | Mariehamn |
Provincias históricas
[editar | editar a fonte]As provincias históricas (en finlandés: maakunnat historialliset, en sueco: historiska landskap) é un legado de historia común do país con Suecia. As provincias deixaron de ser unha entidade administrativa xa en 1634 cando foron substituídas polos Condados, unha reforma que seguiu en vigor en Finlandia até o 1997. Estas provincias seguen sendo unha tradición, mais non teñen ningunha función administrativa actualmente. A difusión dos dialectos da lingua finesa axústase bastante as estas fronteiras. Na seguinte lista o nome en primeiro lugar nome é o finés, estando en segundo lugar o sueco.
- Finlandia Propia (Varsinais-Suomi, Egentliga Finland)
- Carelia (Karjala, Karelen)
- Laponia (Lappi, Lappland)
- Ostrobotnia (Pohjanmaa, Österbotten)
- Satakunta (Satakunta, Satakunda)
- Savonia (Savo, Savolax)
- Tavastia (Häme, Tavastland)
- Uusimaa (Uusimaa, Nyland)
- Åland (Ahvenanmaa, Åland)
Economía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Economía de Finlandia.
Finlandia ten unha altamente industrializada e liberalizada economía, cunha renda per cápita máis alta cá do Reino Unido, Francia, Alemaña ou Italia. O nivel de vida finlandés é alto. O seu sector chave económico é a manufacturación, principalmente a madeira, metais, enxeñería, telecomunicacións (especialmente Nokia), e outras industrias eléctricas. O comercio é importante con exportacións equivalentes a case unha terceira parte do PIB. Agás a madeira e algúns metais, Finlandia depende da importación do cru, enerxía e algúns compoñentes da manufacturación.
Debido ó seu clima, o desenvolvemento da agricultura está limitado á autosuficiencia nos produtos básicos. A forestación, un sector importante, supón a segunda ocupación para a poboación do rural. Cunha rápida integración coa Europa Occidental, Finlandia foi un dos 11 países que se uniron ó sistema monetario do Euro, en xaneiro de 1999. O crecemento foi débil no 2002, mais caeu lixeiramente no 2003 pola crise económica mundial.
Turismo
[editar | editar a fonte]Finlandia estase a converter nun importante destino turístico do norte de Europa. Un dos destinos máis demandados de Finlandia é Laponia, con xeo e neve no inverno e 24 horas de sol en todo o verán. É moi coñecida Rovaniemi, a cidade maior da zona, reconstruída baixo a dirección de Alvar Aalto despois da segunda guerra mundial, moi preto do Círculo Polar Ártico. Preto de alí atópase a Casa de Papá Noël, a maior atracción da cidade.
Pero tamén outros lugares son coñecidos, como Helsinqui, a capital, onde arriban moitos cruceiros que cruzan o Báltico. Desta cidade destaca a Praza do Senado e a Fortaleza de Suomenlinna. Outras coñecidas cidades son Porvoo e Turku, as máis antigas de Finlandia. Finlandia tamén é coñecida pola multitude de lagos e de bosques, e polas tradicionais saunas que se estenden por todo o país.
Demografía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Demografía de Finlandia.
Hai dúas linguas oficiais en Finlandia: o finés, lingua ugrofinesa falada polo 92% da poboación e o sueco, lingua nai do 5,5% da poboación. Os finlandeses de orixe e os finlandeses de orixe sueca suponse que están chamados a formar unha única nación. Os finlandeses de orixe sueca concéntranse nas zonas costeiras, e hai unha lixeira diferenza cultural entre a cultura dos finlandeses de orixe, asentados nos lagos e bosques, e a cultura dos finlandeses de orixe sueca asentados nas costas máis orientais. Esta división pode ser considerada coma unha diferenza étnica, pero esta diferenza é moi pequena e non moito máis pronunciada cá diferenza entre os finlandeses do leste e os do oeste. Outras linguas minoritarias inclúen o ruso e o estoniano. No norte, en Laponia atópanse as linguas saami, cun número de falantes que non chega ós 7.000.
A maioría dos finlandeses (84%) son membros da Igrexa Evanxélica Luterana de Finlandia, e unha minoría do 1% pertence á Igrexa Ortodoxa Finlandesa. Outras crenzas relativamente pequenas son o catolicismo, o islam e o xudaísmo ademais dun 14% da poboación non clasificada en ningún destes grupos.
Despois da guerra fría o 12% da poboación da Finlandia tivo que ser reorganizada. Reparacións, desemprego e unha desconcertarte oportunidade de manter a soberanía e independencia da Unión Soviética contribuíu a unha considerábel emigración nos primeiros meses de 1970. Despois diso, uns 500.000 finlandeses emigraran, na súa meirande parte á Suecia, aínda que a metade destes emigrantes volveron de novo.
Desde a década dos noventa, Finlandia está a recibir refuxiados e inmigrantes cunha proporción comparable ós países escandinavos, aínda que a poboación étnica minoritaria se mantén moi por debaixo da dos outros países. Un considerable número dos inmigrantes chegaran desde a Unión Soviética. Porén, máis de 20 linguas son faladas agora en Finlandia por grupos de considerable tamaño, é dicir, con máis de mil falantes.
A poboación finlandesa estivo sempre concentrada nas partes do Sur do país, o cal se vén pronunciando desde o século XX. As maiores e máis importantes cidades de Finlandia son Helsinqui, Tampere, Turku (a antiga capital) e Oulu, sendo esta última a única destas cidades na parte central do país. Despois de ter unha das máis altas porcentaxes de mortes por enfermidades cardiovasculares do mundo na década dos setenta, un programa do goberno para mellorar a dieta e facer máis exercicio fixo que o problema mellorase. Finlandia é agora un dos países máis saudables do mundo.
Listaxe | Municipio | Rexión | Pob. | Listaxe | Municipio | Rexión | Pob. | Helsinqui Espoo Tampere Vantaa |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Helsinqui | Uusimaa | 596 233 | 11 | Pori | Satakunta | 83 192 | |
2 | Espoo | Uusimaa | 252 730 | 12 | Joensuu | Carelia do Norte | 73 871 | |
3 | Tampere | Pirkanmaa | 215 315 | 13 | Lappeenranta | Carelia do Sur | 72 156 | |
4 | Vantaa | Uusimaa | 203 177 | 14 | Hämeenlinna | Tavastia Propia | 67 280 | |
5 | Turku | Finlandia Propia | 178 784 | 15 | Rovaniemi | Laponia | 60 707 | |
6 | Oulu | Ostrobotnia do Norte | 141.671 | 16 | Vaasa | Ostrobotnia | 60 435 | |
7 | Jyväskylä | Finlandia Central | 130.816 | 17 | Seinäjoki | Ostrobotnia do Sur | 58 796 | |
8 | Lahti | Päijänne Tavastia | 101.588 | 18 | Salo | Finlandia Propia | 55 231 | |
9 | Kuopio | Savonia do Norte | 96.793 | 19 | Kotka | Kymenlaakso | 54 837 | |
10 | Kouvola | Kymenlaakso | 88.072 | 20 | Mikkeli | Savonia do Sur | 48 952 | |
Censo do 31 de xaneiro de 2012[8] |
Cultura
[editar | editar a fonte]Literatura
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Literatura de Finlandia.
- Véxase tamén: Literatura finesa e Literatura sueca de Finlandia.
Finlandia é un país cunha forte tradición literaria, cunha literatura popular que se expresaba nos dialectos rexionais do finés e cunha tradición literaria actual en dúas linguas o finés e o sueco, ademais da recente chegada da literatura saami.
Finlandia conta cunha longa tradición de literatura oral, e sendo a transmisión dos textos unicamente oral, non se recitaban de forma idéntica de cada vez, senón que se deixaba lugar para a inspiración e a improvisación. Coñecidos como Arhippa Perttunen e Larin Paraske tiñan un repertorio de milleiros de versos. A partir do século XVI comézanse a recoller por escrito estes poemas pero no século XIX cando comezou a interesar a literatura popular, a Sociedade de Literatura Finesa recolleu milleiros de pezas populares e Elias Lönnrot partindo de poemas recollidos por el e por outros entusiastas redactou a epopea Kalevala que foi a base sobre a cal se asentou a literatura escrita finesa.
Mikael Agricola, o primeiro bispo protestante finés, foi o primeiro autor de lingua finesa coñecido. Mika Waltari é, probablemente, o escritor finés de maior popularidade a nivel mundial. A súa novela máis celebrada foi Sinuhé, o exipcio. Noutra das súas novelas, Mikael Karvajalka, pode lerse esta presentación, posta na boca do protagonista.
Nacín e crieime nunha afastada rexión á que os xeógrafos chaman Finlandia; fermoso e apartado país descoñecido para a maioría dos que se consideran cultos. Os poboadores do Sur imaxínanse que esta terra nórdica é deserta e inhóspita, que quen nela habitan son salvaxes que se visten con peles de animais selváticos e que, máis que homes libres, son escravos do paganismo e a superstición. Semellante idea non pode ser máis absurda.
Música
[editar | editar a fonte]Entre os compositores máis destacados dos séculos XIX e XX áchanse Jean Sibelius, Fredrik Pacius ou Armas Launis.
O rock en Finlandia comezou a ter algo de fama na década de 1970, grazas á famosa banda finlandesa Hanoi Rocks, aínda que non foi até os anos 1990 cando o metal obtivo gran fama en Finlandia. Un dos grupos finlandeses que impulsou moito este xénero foi Stratovarius, e grazas a isto xurdirían bandas como Apocalyptica, Nightwish, Sonata Arctica, Children of Bodom, Lordi ou Painstream entre outras.
O tango é unha das músicas máis populares do país, que desenvolveu dende a década de 1930 unha variante coñecida como tango de Finlandia. Olavi Virta, chamado "O rei do tango", é o seu principal expoñente. Entre os cantantes de baladas pódense mencionar a Annikki Tähti, Erkki Junkkarinen ou Reijo Kallio, entre outros. A xente do norte de Finlandia, Suecia e Noruega, os saami, son coñecidos principalmente polas súas cancións espirituais chamadas "Joik". Esta mesma verba refírese ás veces as cancións "lavlu" ou "vuelie", o que é tecnicamente incorrecto.
Cinema
[editar | editar a fonte]Aki Kaurismäki é probablemente o cineasta finés máis popular a nivel mundial. Entre ás súas películas máis destacadas están, entre outras, as películas Ariel (1988) e Un home sen pasado (2002), premiada no Festival de Cannes e nomeada para o Óscar para o filme en lingua non inglesa. Outros coñecidos directores poden ser Timo Koivusalo, Aleksi Mäkelä e Klaus Härö. Ademais o director e produtor de películas de Hollywood, como Die Hard 2, Deep Blue Sea ou Mindhunters, Renny Harlin (nado como Lauri Mauritz Harjola) é finlandés.
Filosofía
[editar | editar a fonte]Nos últimos anos, adquiriu certa notoriedade o filósofo especializado en novas tecnoloxías Pekka Himanen, autor de A ética do hacker e o espírito da era da información.
Deporte
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Finlandia nos Xogos Olímpicos e Deporte en Finlandia.
O deporte que máis espectadores convoca en Finlandia é, a diferenza da maioría dos países europeos, o hóckey sobre xeo, en menos medida o fútbol e o baloncesto tamén gozan de bastante popularidade. O deporte nacional de Finlandia é o pesäpallo, un deporte de equipo moi parecido ao béisbol. Segundo o número de afeccionados, os deportes máis comúns entre mozos de 3 a 18 anos son o fútbol, o ciclismo, a natación, o esquí de fondo, o unihockey, footing, a patinaxe, o hóckey sobre xeo, jogging e o atletismo. Entre os finlandeses de 19 a 65 anos a orde de popularidade é o seguinte: footing, ciclismo, esquí de fondo, natación, strongman, jogging, camiñada nórdica (en finés: sauvakävely), ximnasia, aeróbic e unihockey.[9]
Finlandia foi berce de moitos dos atletas máis importantes do século XX, entre os que se poden destacar a Gunnar Höckert, gañador do ouro en 5.000 m nos Xogos Olímpicos de 1936 en Berlín, Ilmari Salminen gañador dos 10.000 m nas mesmas olimpíadas, Hannes Kolehmainen, corredor de longa distancia e gañador de catro medallas de ouro olímpicas e unha de prata entre os Xogos Olímpicos de Estocolmo 1912 e os de Antuerpen 1920, Lasse Virén, gañador de catro medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de 1972 e 1976 en 5.000 e 10.000 metros, Lauri Lehtinen, gañador dos 5000 metros nos 1932, Ville Ritola, gañador de cinco ouros e tres pratas olímpicas entre 1924 e 1928 e, quizais o máis coñecido de todos, Paavo Nurmi, o atleta olímpico con máis éxito de tódolos tempos, cun total de doce medallas olímpicas, nove de ouro e tres de prata, entre 1920 e 1928. Considerado un heroe nacional polos seus compatriotas, á súa morte en 1973 tivo un funeral de estado.
Dentro dos esquiadores pódese destacar a Risto Laakkonen, medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de inverno de 1992 en Albertville en trampolín grande por equipos, Toni Nieminen, saltador gañador de dúas medallas de ouro nos mesmos Xogos Olímpicos e primeiro home en superar os 200 m, Ari-Pekka Nikkola, medalla de ouro nos Xogos de 1988 e 1992, Matti Nykänen, gañador de catro ouros olímpicos entre 1984 e 1988, e Jari Puikkonen, ouro olímpico en 1988. Noutros deportes pódense destacar os futbolistas Jari Litmanen ou Toni Kuivasto e tamén sobre todo polos automobilistas entre os que destacan os pilotos Ari Vatanen, Juha Kankkunen, Tommi Mäkinen, Marcus Grönholm e Mikko Hirvonen, e en Fórmula 1 famosos son Keke Rosberg (campión do mundo 1982), Mika Häkkinen (campión do mundo en 1998 e 1999), Kimi Räikkönen (campión do mundo 2007) ou Heikki Kovalainen.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Earth from Space: Scandinavian Peninsula". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2022-07-02.
- ↑ "Nutritional and genetic adaptation of galliform birds: implications for hand-rearing and restocking". Oulu University Library (2000). Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2009. Consultado o 23 de maio de 2008.
- ↑ "BirdLife Finland". BirdLife International (2004) Birds in Europe: population estimates, trends and conservation status. Cambridge, UK. (BirdLife Conservation Series No. 12). Consultado o 22 de xaneiro de 2007.
- ↑ "SOS: Save our seals". this is Finland (Ministry for Foreign Affairs of Finland). Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2015. Consultado o 22 de marzo de 2014.
- ↑ Xeografía de Finlandia en Yahoo! Viaxes[Ligazón morta]
- ↑ "Finlandia Virtual". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2007. Consultado o 07 de decembro de 2009.
- ↑ 24h/ide86191.html Kiviniemi: lakkautetaan Läänit 2010
- ↑ [1]
- ↑ "Hiihtoliitto.fi". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2005. Consultado o 07 de decembro de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Finlandia |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Finlandia - Wikivoyage (en)
- Portal Oficial sobre Finlandia
- Finlandia en The World Factbook Arquivado 19 de setembro de 2015 en Wayback Machine.