Saltar ao contido

Muiñeira vella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ribeirana»)
Muiñeira vella
Muiñeira vella na feira de Pastoriza (Arteixo) (1905-1915)
Orixe culturalGalicia Galicia
Zona de conservaciónBergantiños. Santiago. Soneira. Xallas
Instrumentos típicospandeireta
DerivadosMuiñeira nova
Outros nomesRibeirana
Subxéneros
Regueifa
Rabela

A muiñeira vella, chamada tamén ribeirana,[a] é a modalidade máis antiga de muiñeira. Conservouse e foi recollida na franxa costeira norocidental galega, maiormente nos concellos de Cabana, Ponteceso, Laxe, Zas e Malpica. Nestas zonas chamaselle simplemente muiñeira, pasando a máis moderna e estendida "muiñeira nova" a recibir o nome de punteada.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

O acompañamento musical faise sempre con canto (coplas) e pandeiretas. As pandeireteiras tocan co puño, motivo polo que tamén recibe o nome de muiñeira empuñada[3], distinguido así o seu toque do xeito máis moderno de tocar, a muiñeira riscada[4].[5]

A forma máis recollida do baile é aquel no que bailaba un só grupo con dúas parellas, existindo constancia de tres nalgún lugar. Nos casos en que bailaba máis dun grupo, facía cadanseu baile independente. Existen tamén variantes nas que un só home (tradicionalmente o guía do baile) bailaba con dúas ou máis mulleres (que, tradicionalmente, non seguían o rol de guía).[6]

A principal diferenza coa muiñeira nova, é que nesta quen guía baila entre si os puntos sen que as parellas os imiten. Limítanse estas a realizar uns pequenos pasos polo baixo debuxando unha roda ou un oito, sen levantar os brazos e coa ollada no chan. Asemade, neste baile son as pandeiretas as que fan coincidir os seus toques coas evolucións dos bailadores e non ao contrario.[7][8]

A muiñeira vella garda grandes similitudes con bailes asturiáns do "corri-corri" e do "pericote"[9] do que se deduce a súa pertenza a unha familia común.[10]

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A danza é hoxe en día representada polos grupos de baile tradicional dun xeito variado, porén, unha estrutura básica do baile sería a seguinte[11]:

  • Mulleres e homes colócanse fronte a fronte, dan unha volta sobre si mesmos e fan un careo ou paseo.
  • Un dos homes diríxese ao outro e inicia un punto que bailan entre eles. Os puntos son moi enérxicos con saltos, en ocasións con castañolas, movendo os brazos en alto, nun desafío case ameazador. As mulleres non seguen os puntos, senón que bailan de xeito independente, nunha actitude máis sosegada, cos brazos a media altura ou movendo o pano, desprazándose en círculo, ou deseñando oitos sobre o chan no sentido contrario dos punteiros do reloxio.[12] Os bailadores marcan o final dos puntos ás pandeireteiras con palmadas ou cun zapateado no chan, caso único no baile galego.[13]
  • Rematado o primeiro punto as parellas xiran nunha roda, cos homes intercalados entre as mulleres, e inician o segundo.
  • Finalizado o segundo punto, os homes métense no medio das mulleres apoiando o brazo esquerdo nas súas costas en tanto que cruzan os dereitos facendo un aspa. Nese momento xiran novamente en círculo indo as mulleres cara a atrás.
  • Repítese a secuencia completa outra vez, até marcar cando menos unha vez os "catro ventos"[14], é dicir, os catro lados dun cadrado imaxinario nos que se sinalan as catro puntas dunha cruz, ou os catro puntos cardinais.

Recuperación

[editar | editar a fonte]

A muiñeira vella foi recuperada grazas ao traballo dos mozos das vilas e cidades que, desde os anos oitenta, comezaron a facer recollidas de material etnográfico no rural galego.[15] Nese tempo xa case non quedaban vellos que a tivesen bailado, sendo reconstruída principalmente a partir de testemuñas visuais.[16] A área de recuperación coincide, grosso modo, coa chamada Costa da Morte, aínda que existen recollas tamén nas comarcas de Santiago e do Xallas. O xeito de tocar, a empuñada, conservouse en moitas máis zonas do país, sendo probabelmente o modo máis antigo de tocar a pandeireta.[17]

Diversas testemuñas de informantes, sobre todo na area bergantiñá, indican que antigamente era este o único tipo de muiñeira existente. Por este motivo, algúns dos estudosos do folclore se inclinan a considerar a muiñeira nova unha evolución da vella. Porén, outros ven precipitada esta hipótese.[18]

O tipo de muiñeira vella que mellor se conservou foi a regueifa. Unha danza nupcial tradicional que bailaban os propios noivos (ou os padriños) para celebraren a súa unión.[19]

Existe tamén a chamada rabela[20] ou muiñeira das castañolas, recollida na comarca de Santiago, na que un home bailaba cun número impar de mulleres, cinco, sete ou nove. Este antigo baile é considerado por algúns investigadores como un tipo de muiñeira vella[6] mentres que outros inclínanse a pensar que se trata dun baile coetáneo, máis diferente."[21]

  1. Na comarca do Condado a denominación ribeirana é sinónimo de muiñeira nova.[1].
Referencias
  1. Mártinez San Martín (1998). p.119
  2. Díaz Carro, Pablo; Kirk Martínez, Olga (2012). Cancioneiro de Cabana de Bergatiños. Concello de Cabana de Bergantiños. p. 26. 
  3. Pandeireteiras de Anxeriz (2016). Muiñeira empuñada. Youtube (Punto e Volta). 
  4. Pandeireteiras de Arcos (2012). Muiñeira punteada de Arcos (Mazaricos). Youtube (Luneda Producións). 
  5. "Pandereteiras de Muíño" (Zas) - TVG. Youtube (Alalá nº 207 (TVG)). 2016. p. 16 m. 39 s. 
  6. 6,0 6,1 Martínez San Martín (1998). pp.121-122
  7. Feijoo, Xisco (2014). Xornada A danza a debate. A danza tradicional, 1. Youtube (Consello da Cultura Galega). p. 2h.33m.5s. 
  8. Camafeita, Olga (2001). "Muiñeira Vella (música)". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  9. Pericote de Llanes (Xeitu). Youtube (Luar (TVG)). 2017. 
  10. Martínez San Martín (1998). p.120
  11. Kirk, Olga (2020). "Limiñoa". Aturuxo. O voceiro da Asociación de Gaiteiros Galegos (19): 64–65. 
  12. Camafeita, Olga (2001). "Muiñeira Vella (baile)". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  13. Martínez San Martín (1998). p.121
  14. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (2018). "Expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego" (PDF). Diario Oficial de Galicia (81): 22208. 
  15. "Cabana de Bergantiños- Ruote" - TVG. Youtube (Alalá nº 55 (TVG)). 2007. p. 5 m. 50 s. 
  16. "Pandereteiras de Muíño" (Zas) - TVG. Youtube (Alalá nº 207 (TVG)). 2013. p. 14 m. 28 s. 
  17. Díaz, Xabier (2014). "As ferreñas fanlle o son..." Concierto didáctico de Xabier Díaz. Youtube (Universidade de Deusto). p. 7m. 21s. 
  18. Peón, Mercedes (2004). "Introdución conceptual ó noso folclore e baile tradicional" (PDF). Encontros O Son da Memoria (Consello da Cultura Galega): 152–153. 
  19. Camafeita, Olga (2001). "Regueifa (danza de voda)". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  20. Peón, Mercedes (2004). "Introdución conceptual ó noso folclore e baile tradicional" (PDF). Encontros O Son da Memoria (Consello da Cultura Galega): 153–154. 
  21. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (2018). "Expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego" (PDF). Diario Oficial de Galicia (81): 22208. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]