Saltar ao contido

Timoteo Sánchez Freire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaTimoteo Sánchez Freire

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento22 de agosto de 1838 Editar o valor en Wikidata
Roade, España Editar o valor en Wikidata
Morte24 de abril de 1912 Editar o valor en Wikidata (73 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Catedrático de universidade
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónSeminario de Mondoñedo
Universidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédico Editar o valor en Wikidata

Galiciana: 12946 BNE: XX1430881 BUSC: sanchez-freire-timoteo-1838-1912

Timoteo Sánchez Freire, nado o 22 de agosto de 1838 en Roade (Sobrado) e finado o 24 de abril de 1912 en Santiago de Compostela, foi un médico e empresario galego. Primeiro director do Hospital Psiquiátrico de Conxo e membro do equipo médico que certificou a autencidade dos ósos do apóstolo Santiago atopados na Catedral de Compostela, acadou unha importante sona na Galicia da Restauración borbónica.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixes familiares

[editar | editar a fonte]

Foi o segundo dos fillos de Benito Sánchez Barallobre e Bentura Freire Pérez, fidalgos. A súa familia estaba vencellada ao pazo de Golmar e ao de Furelos, e entre os seus ascendentes estaba o cóengo ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde. O seu irmán máis vello, Benito Sánchez Freire, foi deputado carlista polo distrito de Arzúa nos anos 1871 e 1872.[1] A súa irmá Concepción casou con Francisco Freire Barreiro, catedrático de Anatomía da Universidade de Santiago de Compostela.

Formación

[editar | editar a fonte]

Estudou inicialmente no Seminario de Mondoñedo para logo facer o bacharelato en Santiago de Compostela. Ingresou na Universidade de Santiago de Compostela onde fixo a licenciatura de Medicina, sendo Bacharel en 1863 e culminándoa en 1865.[2] O 11 de xuño de 1866 doutorouse en Medicina e Cirurxía na Universidade Central de Madrid coa tese Formación dos diferentes glóbulos que circulan no sangue. Papel que desempeñan na economía. Propiedades e usos do sangue negro e do sangue vermella, na que revisa a bibliografía sobre a cuestión.[3]

Catedrático na Universidade de Santiago de Compostela

[editar | editar a fonte]

Antes de licenciarse, en 1862, foi designado axudante segundo de disección e antes da fin dese ano exerceu como axudante de clases prácticas. Entre 1865 e 1869 impartiu as materias de Anatomía I, Osteoloxía e disección, Patoloxía xeral e Anatomía patolóxica, Clínica obstétrica e Clínica cirúrxica. En 1866, opositou, sen éxito, á cátedra de Patoloxía Cirúrxica da Universidade de Sevilla e continuou cubrindo vacantes temporais dos docentes universitarios en Santiago.[4]

Obteción da cátedra

[editar | editar a fonte]
Timoteo Sánchez Freire foi catedrático da Universidade de Santiago de Compostela entre 1871 e 1906.
Retrato en El Eco Franciscano.

En 1871 participou na oposición para obter a cátedra de Patoloxía xeral e Anatomía patolóxica. Neste proceso concorreu contra Ramón Varela de la Iglesia, quen, aínda que non contaba coa experiencia docente de Timoteo Sánchez Freire, defendía os postulados modernos da Medicina máis experimental e fisiopatolóxica. Estas ideas eran innovadoras fronte as de Sánchez Freire, que representaba o eclecticismo ou inclusivismo médico.[2]

O tribunal da oposición estivo integrado polo decano da Facultade de Medicina, José María Morales, José Andrey, Ramón Otero, Vicente Martínez de la Riva, Ángel Botana, Francisco Romero Blanco, Jesús Nóvoa López, Isidoro Sánchez Salgués e Braulio Félix Reino. Estes profesores compartían o eclecticismo de Timoteo Sánchez Freire e descualificaron as posicións de Ramón Varela de la Iglesia.[4][5] Considérase que no fallo a favor de Timoteo Sánchez Freire pesaron, tanto o corporativismo do claustro por ser cuñado e primo doutro dos docentes, Francisco Freire Barreiro; como os prexuízos ideolóxicos, pois o eclecticismo era próximo ao dogma católico fronte a posición de Ramón Varela de la Iglesia que foi atacada por "materialista".[2][4][5]

Labor docente e investigación

[editar | editar a fonte]

Foi secretario da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela entre 1872 e 1875. En 1876 conseguiu a cátedra de Clínica cirúrxica, o seu eido, deixando a de Patoloxía xeral e Anatomía patolóxica. A súa especialidade, a Cirurxía, foi, coa Anatomía e o ensino clínico, o núcleo da modernización docente na Facultade de Medicina na segunda metade do século XIX.[6][7] É membro da denominada Escola Médica Compostelá xunto con José Varela de Montes, Maximino Teijeiro ou Ramón Varela de la Iglesia que acaban por illar en laboratorio o bacilo de Eberth.[8] Retirouse da Universidade en 1906 e entre os seus discípulos destacan Jacobo Caldelas, Manuel Andrade Núñez e Francisco Romero Molezún.[9]

Canda Víctor López Seoane, no ano 1878 realizou unha viaxe por varios países europeos pedindo licenza para ausentarse durante tres meses do traballo. Nesta viaxe pararon en París, onde visitaron a Exposición Universal, e visitaron Alemaña, Suíza, Inglaterra, Bélxica, Países Baixos, Dinamarca, Suecia, Finlandia e Rusia. Enviaron crónicas que publicaron no xornal El Correo Gallego, daquela radicado en Ferrol, e nas que daban conta das visitas a museos, universidades, igrexas, hospitais e bibliotecas, entre outros espazos.[4]

Compaxinou a actividade docente coa consulta privada e acadou sobranceira sona como cirurxián.[9] Foi louvado por operacións novidosas como a extracción dos cálculos da vexiga urinaria; a considerada como primeira laparotomía realizada en Santiago en 1868; a intervención pioneira nun caso de embarazo extrauterino e por practicar a primeira, ou das primeiras, cesárea realizada na capital de Galicia.[10][11] Ademais, atribúeselle a invención de instrumental cirúrxico e antiséptico destacando o «osteotomo»: unhas tenaces para a extracción de ósos como costelas, clavícula, ou metacarpos.[12] Ademais, en 1890 contactou con Robert Koch solicitando o envío dos "marabillosos remedios" contra a tuberculose para poder experimentalos no Hospital Clínico de Santiago de Compostela.[13]

As publicacións de Timoteo Sánchez Freire son escasas, fundamentalmente ligadas á vida académica: editou a tese de doutoramento, os textos necesarios para participar na oposición docente, un programa e un discurso de inauguración do curso 1888 e 1889 na Universidade de Santiago de Compostela sobre hipnose. Mais, ningunha destas obras supoñen a publicación de novidades técnicas derivada do seu exercicio profesional. Isto é algo frecuente dentro dos profesores da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela de finais do século XIX.

Urna de prata da cripta da Catedral de Santiago de Compostela onde repousan os restos que Timoteo Sánchez Freire certificou como os de Santiago o Maior e os seus discípulos Teodosio e Atanasio.

Identificación dos ósos de Santiago o Maior

[editar | editar a fonte]

Durante unhas obras no altar maior da catedral de Santiago apareceu unha caixa con ósos en 1879. Foi así que o cardeal-arcebispo Miguel Payá y Rico convocou os catedráticos da Facultade de Medicina, Francisco Freire (anatomía) e Timoteo Sánchez Freire (cirurxía), canda a Antonio Casares Rodríguez, de Análise Química da Facultade de Farmacia, aos que amosou os restos e solicitou un informe que certificase se eran ou non os ósos de Santiago Apóstolo. Estes estaban extraviados dende que no século XVI se agocharan temendo un ataque de Francis Drake.

Logo de seis meses presentouse o informe, indicando que existían ósos de tres persoas: dúas delas homes novos e outro dun cincuenta anos que se correpondía con Santiago. Isto foi indicado sobre a base das manchas que se observaban, e debido a que os ósos encaixaban con outras reliquias que se conservaban en Italia desde data remota por ser un agasallo de Xelmírez á diocese de Pistoia, era moi probablemente o apóstolo Santiago. Concretamente encaixaba unha apófise mastoide do temporal, o que concordaba con que o morto fose decapitado, como aparece descrito na Biblia sobre a morte de Santiago.

O informe foi remitido ao papa León XIII dende o arcebispado. O pontífice estableceu unha congregación extraordinaria que se encargase de estudar a veracidade dos resultados. Catro anos máis tarde, en 1884, o papa León XIII publicou a bula Deus Omnipotens na que comunicou urbi et orbi que se reatoparan os restos de Santiago, instando a toda a cristiandade a volver peregrinar a Compostela.

Director do Hospital Psiquiátrico de Conxo

[editar | editar a fonte]
Hospital Psiquiátrico de Conxo.
Fachada da igrexa e antigo mosteiro de Conxo, que dende 1885 acolle o Hospital Psiquiátrico.

Promovido polo Arcebispado de Santiago de Compostela, Galicia contou co seu primeiro manicomio en Conxo. Deste xeito, o 1 de xullo de 1885 foi o primeiro director do Hospital Psiquiátrico de Conxo, cargo que mantivo ata a súa xubilación, en 1906, malia a que a súa especialidade médica non era a psiquiatría.[14] Nesta tarefa contou coa confianza dos arcebispos e coa colaboración dos médicos Juan Barcia Caballero e Vicente Goyanes Cedrón, cos que visitou psiquiátricos de Gran Bretaña en 1887. Exceptico sobre a curación do doente mental, Timoteo Sánchez Freire, defende que o enfermo pode ser reeducado mediante unha terapia moral custodial e impleméntanse tratamentos baseados na laborterapia, a hidroterapia e a hipnose.[8][15]

Sendo director o Hospital chegou a acordos coas deputacións provinciais galegas e de León, competentes no eido benéfico, para recibir a doentes mentais a custa destas institucións. Debido o incremento da demanda, o Hospital Psiquiátrico ampliouse por primeira vez. Nese contexto, Timoteo Sánchez Freire presta 150 000 pesetas para as obras, o que lle dará entrada no accionariado da sociedade. Aínda que o Arcebispado compostelán é o maioritario, canda Sánchez Freire entran no padroado e xunta de goberno do manicomio importantes investidores capitalistas: o banqueiro santiagués Olimpio Pérez Fernández, José García Mouriño, un emigrado retornado cliente de Olimpio Pérez, e Juana Blanco Navarrete, viúva de Simeón García de la Riva, en representación do Banco Viuda de Simeón e Hijos.[16] O Hospital Psiquiátrico de Conxo logrou importantes rendementos para os accionistas. Aínda que Timoteo Sánchez Freire non recibía un salario pola súa función de director, entre 1897 e 1924 el e os seus herdeiros recibiron 444 301,23 pesetas en concepto de intereses (polo préstamo feito para a ampliación) e repartimento de beneficios.[8]

En 1906, ao retirarse da profesión, vendeu a metade das súas accións do Hospital Psiquiátrico de Conxo a Josefa Deza, Ramón García Mouriño e aos fillos de Simeón; en 1908 desprendeuse da outra metade que pusuía ao vendela aos devanditos socios.[8] En 1907 Timoteo e a súa irmá, María Antonia, crearon unha fundación para custear a estadía de doentes pobres cun capital de 190 930 pesetas.

Certas actuacións provocaron críticas á xestión do Hospital: foron frecuentes as denuncias sobre as condicións do centro, tamén os conflitos laborais e retesías coas Deputacións Provinciais sobre os pagos polos ingresados. Ademais, en 1902 rexeita a solicitude feita pola súa Facultade para que o alumnado faga prácticas aló.[8] Aínda que en Conxo durante a dirección de Timoteo Sánchez Freire non se aplicaron tratamentos propios da psiquiatría e a que os doentes adoitaban estar recluídos para sempre, foi un centro valorado na época e converteuse nun hospital de referencia nese eido.[15]

Actividade política e imaxe pública

[editar | editar a fonte]
Caricatura de José Pando en Café con Gotas.

Foi concelleiro da corporación de Santiago de Compostela durante a Restauración borbónica. Resultou elixido en 1877, 1879, 1887 e 1889. Malia ás súas conexións co carlismo (o seu irmán Benito fora deputado carlista por Arzúa) e coa mitra compostelá, concorreu politicamente primeiro como independente, encadrándose posteriormente co monterismo.[4] Timoteo Sánchez Freire debido a súa traxectoria profesional acadou unha gran notoriedade que traspasou os ámbitos académicos e médicos como mostra que fose protagonista dun gravado do semanario satírico Café con Gotas, e na novela A casa da Troia aparece presentado como docente universitario aplicado.[4][9][17]

Vida privada e falecemento

[editar | editar a fonte]

Solteiro e sen fillos, morou canda a súa irmá María Antonia Sánchez Freire. Devoto cristián e terciario franciscano, faleceu o 24 de abril de 1912. O seu funeral e enterro foron actos multitudinarios segundo recolle a prensa do momento. Foi enterrado no Hospital de Conxo, onde tamén o faría a súa irmá posteriormente.[18]

  1. Barreiro Fernández, Xosé Ramón; López Morán, Beatriz; Mínguez Goyanes, Xosé Luís (2003). Parlamentarios de Galicia : biografías de deputados e senadores (1810-2003). Parlamento de Galicia - Real Academia Galega. pp. 645–646. ISBN 84-87987-25-7. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Fraga Vázquez, Xosé A. "Timoteo Sánchez Freire". dbe.rah.es. Real Academia de la Historia. Consultado o 2023-09-18. 
  3. "Formación de los diferentes glóbulos que circulan en la sangre. Papel que desempeñan en la economía. Propiedades y usos de la sangre negra y de la sangre roja, Discurso leído en la Universidad Central por Don Timoteo Sánchez Freire, en el acto solemne de recibir la investidura de Doctor en Medicina y Cirugía". Real Academia Galega. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2023. Consultado o 2023-09-18. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "Timoteo Sánchez Freire". Album de Galicia do Consello da Cultura Galega. Consultado o 2023-09-18. 
  5. 5,0 5,1 "A cen anos da morte de Ramón Varela de Iglesia, un salientable médico innovador e marxinado". Praza Pública. 2022-09-27. Consultado o 2023-09-18. 
  6. García Guerra, Delfín (2001). La Facultad de Medicina de Santiago en el siglo XIX. Universidade de Santiago de Compostela. pp. 259–313. ISBN 84-8121-866-9. 
  7. Franco Grande, A (2014). La medicina compostelana (1847-1950). Retazos históricos. Andaravia. p. 743. ISBN 9788484087557. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "Medicina y banca: la historia de la apertura del Manicomio de Conxo entre 1885 y 1924" (PDF). Manuel Torres Cubeiro. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Ponte Hernando, Julio F; Rego Lijó, Isabel (2012). La locura y el bisturí: I Centenario de D. Timoteo Sánchez Freire (1838-1912). Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-940401-0-8. 
  10. "Cesárea pioneira en 1897". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-10-16. Consultado o 2023-09-18. 
  11. Ponte Hernando, Fernando Julio (5 de abril de 2012). "Cesárea de T. Sánchez". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 2023-09-18. 
  12. Vaamonde, J. (15-08-1895). "Osteotomo del Doctor T. Sánchez Freire". Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana (15): 226–227. 
  13. Diario de avisos de La Coruña: Ano XIX Número 9968 - 1890 decembro 7. 
  14. Fernández Fernández, Eliseo (2019). Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicominio de Conxo en 1933. Kazanegra Editores. p. 11. 
  15. 15,0 15,1 Vázquez, Alfonso Fernández. "Atención psiquiátrica en Galicia en el siglo XIX: crónica sobre la fundación del “Manicomio de Conxo”". Cultura de los Cuidados (en castelán) (62): 52–68. ISSN 1699-6003. doi:10.14198/cuid.2022.62.05. 
  16. "O manicomio de Conxo". Parque fluvial de Santiago. 2023-03-05. Consultado o 2023-09-19. 
  17. Santos Zas, Margarita (1999). Café con gotas: semanario satírico ilustrado, 1886-1892 (en castelán). Univ Santiago de Compostela. p. 170. ISBN 978-84-8121-775-9. 
  18. "O home que fundou o manicomio de Conxo". Radiofusion - A programación das Emisoras Municipais Galegas. 2011-04-02. Consultado o 2023-09-19. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]