I Asemblea Nacionalista
I Asemblea Nacionalista | |
---|---|
Participantes na I Asemblea Nacionalista. | |
Tipo | congreso |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
A I Asemblea Nacionalista (daquela Asambleia nazonalista de Lugo), celebrada en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 polas Irmandades da Fala, foi a histórica asemblea onde o galeguismo político deixa atrás o rexionalismo e avanza cara ao nacionalismo.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Celebrouse no teatro Lugo-Salón[1]. Contou coa asistencia de 63 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais, e mandaron a súa adhesión cinco federacións agrarias, once concellos, máis de 49 Asociacións e numerosas personalidades de Galicia. Da asemblea saíu o "Manifesto Nacionalista", que constituiría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a guerra civil española. Nel defínese a Galicia como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.
Manifesto da Asambleia nazonalista de Lugo
[editar | editar a fonte]O manifesto comezaba do seguinte xeito:
Os persoeiros das Irmandades da Fala reunidos en asambleia magna tida na cibdá de Lugo nos dias 17 e 18 do mes da data pra conquerire do Goberno da Sua Maxestade El Rey autonomia integral da Nazón Galega e fixar n-un programa concreto as que coidan testas soluciós ôs problemas que intresan d-un xeito fondonisimo â vida nazonal da Galicia, aprobaron e sosteñen, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, as siguentes conclusiós, que fan públicas pra conocimento e meditazón do pobo Galego, nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a sua y-alma e fan xurdir a súa persoalidade.
I PREVIA Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.
No manifesto publicado, aparecía ó remate o seguinte texto:
Vede, irmáns galegos, o noso programa. Non é nin pode ser nosa verba difinitiva; mais é, por decontado, un berro d´anguria que vos chama e a úneca afirmación creadora feita na nosa patria galega.
Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa.
Na cibdá de Lugo, a noite do dazaoito de Samartiño do mil novecentos dazaoito.
Pensade pois, nas nosas concrusións, feitas pra todol-os galegos. Pró, ademais, sentídeas, practicádeas. Nosos brazos están abertos pr´a fecunda aperta. Todos xuntos melloraremos a grande obra. O ideial que nos aloumiña vos pide que sintades a Galicia, coma nós no recuncho mais intenso das vosas almas.
Ninguén é inútil pra ista cruzada. A nosa mocedade tén unha santa obriga co-a patria, e agardamos, ateigados do lume inmenso do noso amore, que todo galego dino nos mande súa adhesión á Santa Causa da Redenzón da Nai Terra.
Os asinantes do manifesto foron os asembleístas: Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Arturo Noguerol, Xaime Quintanilla, Manuel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Gonzalo López Abente, Victoriano Taibo, V. Paratcha, Antón Villar Ponte, J. Ferreira, Lois Peña Novo, L. P. Carballa, X. Culebras, E. Bidegaín, Francisco Vázquez Enríquez, G. Cedrón, F. M. Balboa, Johán Vicente Viqueira, Roberto Blanco Torres, Rodríguez de Vicente, Ivo Fernández, Evaristo Correa Calderón, Ramón Villar Ponte, L. Ares, A. Ramos, S. Mosteiro, X. Ares, X. Peña, L. Briones, Díaz Varela, P. Peña Novo, Sánchez Taíz, X. Faraldo, V. Veiga, C. Monasterio, X. Sarmento, L. de Labra, Xosé Ramón Fernández-Oxea, C. García Colmelo, R. Gutiérrez, X. García Colmelo, F. Abelaira, Ánxel Casal, T. Rodríguez, F. Zamora, V. Maceiras, A. Martínez, I. Rodríguez, X. Robles, R. Carballal, R. Areses, Eugenio Charlón, Manuel Sánchez Hermida, T. Amador, M. Vázquez, B. Varela, I. A. Garaloces, X. Basteiro, Eduardo Lence-Santar Guitián, V. Casas e X. Monteiro Mejuto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pardo de Neyra, X. (18 de novembro de 2013). "A asemblea nacionalista de Lugo ou a historia dunha inexactitude". Praza.gal.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: I Asemblea Nacionalista |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2008). Síntese histórica do soberanismo galego (1846-1936) (PDF). ISBN 978-84-613-0100-3.
- Ínsua, Emilio Xosé (2016). A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931). A Coruña: Baía. ISBN 978-84-9995-201-7.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo" (PDF). Praza pública. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2019. Consultado o 04 de marzo de 2019.
- A I Asemblea nacionalista (XXIII)
- A I Asemblea nacionalista (XXIV)
- Comentarios á asemblea nacionalista (XXV)
- Comentarios á asemblea nacionalista 2 (XXVI)