Complexo de ataque á membrana
O complexo de ataque á membrana ou CAM (en inglés MAC, membrane attack complex) é un complexo proteico do sistema do complemento sanguíneo que se forma tipicamente na superficie de bacterias patóxenas como resultado da activación das vías alternativa ou clásica do sistema do complemento do sistema inmunitario do organismo hóspede. O complexo de ataque á membrana forma canais transmembrana que interrompen a bicapa de fosfolípidos da membrana das células diana, orixinando a súa lise e morte.[1][2]
Na ensamblaxe deste complexo interveñen varias proteínas. O compoñente C5b do complemento activado únese a C6 para formar o complexo C5b-6, despois a C7 formando o complexo C5b-7. O complexo C5b-7 únese a C8, que está composto por tres cadeas (alfa, beta, e gamma), formando así o complexo C5b-8. Seguidamente C5b-8 únese a C9[3][4][5] e actúa como un catalizador na polimerización de C9, xa que se unen varias unidades de C9. O complexo de ataque á membrana activo ten unha composición final que é C5b-C6-C7-C8-C9{n}.
Estrutura e función
[editar | editar a fonte]Está composto por catro proteínas (C5b, C6, C7, e C8), que se unen á superficie externa da membrana plasmática, xunto con moitas copias dunha quinta proteína chamada C9, que se enganchan unhas a outras formando un anel que atravesa a membrana. C6, C7, C8 e C9 conteñen un dominio MACPF común.[6] Esta rexión é homóloga ás citolisinas dependentes de colesterol das bacterias grampositivas.[7]
A estrutura en anel formada por C9 é un poro na membrana que permite a libre difusión de moléculas dentro e fóra da célula. Se se forman moitos destes poros, a célula non pode sobrevivir.
Iniciación: C5-C7
[editar | editar a fonte]O complexo de ataque á membrana iníciase cando a proteína do complemento convertase de C5 cliva o C5 orixinando C5a e C5b.
Outra proteína do complemento, C6, únese a C5b.
O complexo C5bC6 únese a C7.
Esta unión altera a configuración da molécula proteica expoñendo un sitio hidrofóbico en C7, o que permite que C7 se insira na bicapa fosfolípidica do patóxeno.
Polimerización: C8-C9
[editar | editar a fonte]Sitios hidrofóbicos similares de C8 e moléculas de C9 quedan tamén expostos cando se unen ao complexo, polo que poden tamén inserirse na bicapa.
C8 é un complexo feito de dúas proteínas C8-beta e C8 alfa-gamma.
C8 alfa-gamma ten unha área hidrofóbica que se insire na bicapa. C8 alfa-gamma induce a polimerización de 10-16 moléculas de C9 nunha estrutura formadora de poros coñecida como o complexo de ataque á membrana.
- Ten unha cara externa hidrofóbica coa que se asocia á bicapa.
- Ten unha cara interna hidrofílica para permitir o paso de auga.
Inhibición
[editar | editar a fonte]CD59 actúa inhibindo o complexo. Este complexo existe nas células do corpo para protexelas da posible formación nelas do complexo de ataque á membrana. Nos glóbulos vermellos orixínase unha rara condición médica chamada hemoglobinuria nocturna paroxismal cando estes carecen de CD59. Estes glóbulos vermellos poden, por tanto, ser lisados polo complexo de ataque á membrana.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Peitsch MC, Tschopp J (1991). "Assembly of macromolecular pores by immune defense systems". Curr. Opin. Cell Biol. 3 (4): 710–716. PMID 1722985. doi:10.1016/0955-0674(91)90045-Z.
- ↑ Reid K. B. M. (1988). "The complement system". Molecular Immunology. pp. 189–241.
- ↑ Stanley KK, Marazziti D, Eggertsen G, Fey GH (1988). "Relationships between the gene and protein structure in human complement component C9". Biochemistry 27 (17): 6529–6534. PMID 3219351. doi:10.1021/bi00417a050.
- ↑ Stanley KK, Luzio JP, Tschopp J, Kocher HP, Jackson P (1985). "The sequence and topology of human complement component C9". EMBO J. 4 (2): 375–382. PMC 554196. PMID 4018030.
- ↑ Fey GH, Hugli TE, Podack ER, Gehring MR, Kan CC, DiScipio RG (1984). "Nucleotide sequence of cDNA and derived amino acid sequence of human complement component C9". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 81 (23): 7298–7302. PMC 392133. PMID 6095282. doi:10.1073/pnas.81.23.7298.
- ↑ Tschopp J, Masson D, Stanley KK (1986). "Structural/functional similarity between proteins involved in complement- and cytotoxic T-lymphocyte-mediated cytolysis". Nature 322 (6082): 831–4. PMID 2427956. doi:10.1038/322831a0.
- ↑ Carlos J. Rosado, Ashley M. Buckle, Ruby H. P. Law, Rebecca E. Butcher, Wan-Ting Kan, Catherina H. Bird, Kheng Ung, Kylie A. Browne, Katherine Baran, Tanya A. Bashtannyk-Puhalovich, Noel G. Faux, Wilson Wong, Corrine J. Porter, Robert N. Pike, Andrew M. Ellisdon, Mary C. Pearce, Stephen P. Bottomley, Jonas Emsley, A. Ian Smith, Jamie Rossjohn, Elizabeth L. Hartland, Ilia Voskoboinik, Joseph A. Trapani, Phillip I. Bird, Michelle A. Dunstone, and James C. Whisstock (2007). "A Common Fold Mediates Vertebrate Defense and Bacterial Attack". Science 317 (5844): 1548–51. PMID 17717151. doi:10.1126/science.1144706.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Complement Membrane Attack Complex Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.
- https://web.archive.org/web/20080514050535/http://www.lib.mcg.edu/edu/esimmuno/ch2/lysis.htm