Saltar ao contido

Patrimonio da Humanidade en Galicia

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Localización dos sitios de Galicia na lista do Patrimonio Mundial.

O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en Galicia, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. España ratificou a Convención sobre a Protección do Patrimonio Cultural e Natural da Humanidade o 4 de maio de 1982, convertendo os seus lugares en elixíbeis para a súa inclusión na lista.[3]

O primeiro sitio en Galicia que se inscribiu foi a Cidade vella de Santiago de Compostela, que foi inscrita na 9ª sesión do Comité do Patrimonio da Humanidade en 1985.[4] Os seguintes lugares que foron incluídos entre o Patrimonio da Humanidade foron os Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España (1993), compartido con outras rexións europeas,[5] a Muralla de Lugo (2000)[6] e a Torre de Hércules (2009).[7] Os catro sitios son culturais.

Lista de lugares Patrimonio da Humanidade

[editar | editar a fonte]
Nome: segundo aparece no Comité do Patrimonio da Humanidade
Rexión: das provincias de Galicia
Ano da inclusión: na lista da UNESCO
Datos da UNESCO: o número de referencia do sitio; o ano en que o xacemento foi inscrito na Lista do Patrimonio Mundial; os criterios nos que apareceu: os criterios de (i) a (vi) son culturais, mentres que de (vii) a (x) son naturais.[8]

     * Lugar transnacional

Nome Imaxe Localización Ano da inclusión Datos da UNESCO Descrición Ref
01 Cidade vella de Santiago de Compostela Catedral de Santiago de Compostela Santiago de Compostela 1985 347; ; I, II, VI (cultural) A catedral de Santiago de Compostela é o probable lugar de enterramento do apóstolo Santiago, e é o termo do Camiño de Santiago, unha peregrinación polo norte de España. A cidade foi destruída polos mouros no século X e reconstruída no século seguinte. [9]
02 Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España Camiño de Santiago Aragón, Castela e León, Galicia, Navarra, Asturias, Cantabria, País Vasco e A Rioxa 1993 669; II, IV, VI (cultural) O Camiño de Santiago, é unha peregrinación desde a fronteira franco-española ata a catedral de Santiago de Compostela, onde crese que esta enterrado o apóstolo Santiago. En 2015 ampliouse o sitio coas rutas do norte (Camiño Primitivo e Camiño do Norte). [10][11]
03 Muralla romana de Lugo Walls of Lugo Lugo 2000 987; IV (cultural) As murallas construídas para protexer a cidade romana de Lugo no século III mantéñanse totalmente intactas e son o mellor exemplo que queda en Europa occidental. [12]
04 Torre de Hércules Torre de Hércules A Coruña 2009 1312; III (cultural) Os romanos construíron este faro de 55 m de altura sobre unha rocha de 57 m para marcar a entrada do porto da Coruña. É o único faro romano totalmente conservado e funcionando. [13]

Lista de candidatos

[editar | editar a fonte]

Ademais dos sitios inscritos na Lista do Patrimonio Mundial, os estados membros poden manter unha lista de candidaturas que se poderían considerar para o nomeamento. Os nomeamentos para a lista do patrimonio mundial acéptanse soamente se o sitio foi previamente mencionados na lista de candidatos. Os lugares de Galicia rexistrados como candidatos xunto co ano en que foron incluídos na lista provisional son:[14]

Nome Imaxe Localización Ano da inclusión Datos da UNESCO Descrición
A Ribeira Sacra, Lugo e Ourense Lugo e Ourense 1996 (ii)(iii)(iv)(v)
(mixto)
A Ribeira Sacra está atravesada polos cursos dos ríos Miño e Sil, ao seu paso polas provincias de Lugo e Ourense. Esta zona, moi ben delimitada xeograficamente, é coñecida pola riqueza monumental da Ribeira: importantes vestixios arqueolóxicos e arquitectónicos, entre os que cómpre salientar os mosteiros como Santo Estevo de Atán, Santa Cristina de Ribas de Sil, Santo Estevo de Chouzán e, o máis emblemático, Santo Estevo de Ribas de Sil.[15]
Ancares - Somiedo Galicia, Castela e León e Asturias 2007 (v)(vii)(ix)(x)
(mixto)
Este sitio abrangue o terreo montañoso da cordilleira Cantábrica e caracterízase pola convivencia de destacados valores ecolóxicos, xunto cun testemuño etnográfico, conservando como legado o método ancestral de explotación dos recursos que se mantén grazas ao impulso do desenvolvemento local e do turismo sostible.[16]
Patrimonio histórico do Ferrol da Ilustración Ferrol 2007 (i)(ii)(iii)(iv)
(cultural)
O Ferrol da Ilustración é un marco histórico con unidade, froito do deseño e construción "ex novo": a unidade no espazo que presenta a xeografía da ría de Ferrol, a unidade no tempo da execución e dos materiais que pertencen á segunda metade do século XVIII e a súa continuidade no século XIX, producida por unha unidade académica estética e tecnolóxica (da Ilustración). Pódese dividir en tres unidades funcionais que se correspondían co esquema ideal da cidade portuaria do clasicismo: porto-arsenal, cidade residencial e defensas. Polo tanto, os principais estabelecementos son: o Arsenal da Armada Española e o Arsenal Civil; a cidade fortificada e o seu urbanismo; as defensas na desembocadura da ría e na costa. Esta obra unitaria da Ilustración complétase cun gran patrimonio relacionado co deseño e a execución, estabelecendo planos e documentos característicos daquela época.[17]
Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia Vigo 2018 (vii)(viii)(ix)(x)
(natural)
Abrangue unha excepcional extensión de terra e mar formada por catro arquipélagos (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) que se atopan na costa atlántica do noroeste da Península Ibérica, en Galicia). Esta zona está formada principalmente por augas mariñas, unha parte importante das cales son pouco profundas. Os ambientes costeiros, como praias, dunas, cantís e covas mariñas, constitúen unha parte importante da súa superficie terrestre, acollendo unha representación única de especies e hábitats de varias especies de importancia para a conservación, entre elas numerosas colonias reprodutoras de especies acuáticas e paxaros.[18]
Grupo de edificios mozárabes na Península Ibérica
(inclúe a capela de San Miguel de Celanova)
Castela e León, Galicia e Castela-A Mancha 2019 (i)(ii)(iii)(iv)
(cultural)
A arte mozárabe desenvolveuse na Península Ibérica entre finais do século VIII e comezos do século IX como resultado da converxencia e hibridación de diversas tradicións culturais. A arquitectura, a escultura e os mobles forman parte dun conxunto excepcional polo seu carácter monumental, o seu estado de conservación e singularidade. A mozárabe é unha arte singular, de carácter ecléctico, produto do sincretismo de distintas fontes, que se desenvolve nun contexto temporal e xeográfico determinados, baseada no excepcional desenvolvemento dos acontecementos en Iberia na Idade Media. É así un reflexo directo da combinación da tradición local e da innovación foránea que chegou ás costas ibéricas xunto coa poboación musulmá no ano 711.[19]
  1. UNESCO, ed. (21 de novembro de 1972). "Convención para a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural" (PDF). 
  2. "Convention Concerning the Protection of the World Cultural and Natural Heritage". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2021. Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  3. "Spain – Properties inscribed on the World Heritage List". UNESCO. Consultado o 17 setembro 2010. 
  4. Comité do Patrimonio Mundial, Informe da 9ª Sesión, 1985 (en inglés)
  5. "Route of Santiago de Compostela" (en inglés). UNESCO Culture Sector. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  6. Centre, UNESCO World Heritage. "Roman Walls of Lugo". whc.unesco.org (en inglés). Consultado o 2018-07-06. 
  7. vieiros.com, ed. (27-06-09). "A Torre de Hércules xa é Patrimonio da Humanidade". Consultado o 27-06-09. 
  8. "UNESCO World Heritage Centre – The Criteria for Selection". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2016. Consultado o 17 de agosto de 2018. 
  9. "Santiago de Compostela (Old Town)". UNESCO. Consultado o 15 setembro 2010. 
  10. "Route of Santiago de Compostela". UNESCO. Consultado o 15 setembro 2010. 
  11. "Sites in Japan, Turkey, Mexico, Uruguay inscribed on UNESCO’s World Heritage List, extension of Spanish site approved" (en inglés). UNESCO. 5 de xullo de 2015. Consultado o 7 de febreiro de 2016. 
  12. "Roman Walls of Lugo". UNESCO. Consultado o 17 setembro 2010. 
  13. "Tower of Hercules". UNESCO. Consultado o 15 setembro 2010. 
  14. "Tentative Lists" (en inglés). 20 de xaneiro de 2022. Consultado o 17-06-2022. 
  15. "The Ribeira Sacra, Lugo and Orense" (en inglés). UNESCO World Heritage Centre. Consultado o 3 de outubro de 2024. 
  16. "Ancares – Somiedo" (en inglés). UNESCO World Heritage Centre. Consultado o 3 de outubro de 2024. 
  17. "El Ferrol of the Illustration Historical Heritage" (en inglés). UNESCO World Heritage Centre. Consultado o 3 de outubro de 2024. 
  18. "Cíes Islands–Atlantic Islands of Galicia National Park" (en inglés). UNESCO World Heritage Centre. Consultado o 3 de outubro de 2024. 
  19. "Group of Mozarabic buildings on the Iberian Peninsula" (en inglés). UNESCO World Heritage Centre. Consultado o 3 de outubro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]