Saltar ao contido

Vilas asolagadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diluvio Universal

A existencia de vilas asolagadas no fondo de lagoas é un tema mitolóxico moi común nas tradicións orais, contos e lendas de numerosos países e culturas, incluíndo tamén a mitoloxía galega, con evidente sentido exemplarizante ou moralizante. Son lugares que foron asolagados baixo as augas como castigo divino ó seu comportamento malvado, pecadento e falto de hospitalidade e caridade, e non comprenden aquelas vilas e lugares que sufriron a mesma desaparición a consecuencia da construción dun encoro.[1]

O castigo pode ser consecuencia dunha mala acción individual[2] ou colectiva. A inundación do lugar pode ser consecuencia de chuvias intensas, de enchentes dun río, dun mar embravecido ou dun pozo desbordado. En ocasións é unha muller a causante da desgraza, sexa directa (a muller que garda o pozo ou a fonte) ou indirectamente. No caso da cidade de Reirís, baixo as augas da lagoa de Carregal, foi un mouro meigo quen acabou coa cidade.

Fraguas di que "Son moitas as cidades asolagadas en que se verificou o misterioso afundimento e seguen dando mostras da súa vida no toque das campás, o canto dos galos e a visión de dexerga-las torres do campanario da igrexa", e recolle de Luís Monteagudo [3] a relación de 23 lugares asolagados en Galicia. Xoán Cuba asegura que "se pode afirmar que non hai lagoa en Galicia que non teña a súa cidade asolagada.[4]

Os casos máis coñecidos refírense ás cidades de Antioquía, Valverde (localizada en Doniños ou en Cospeito), Duio ou a Lagoa de Cospeito, pero na literatura popular pódese atopar unha chea de casos similares con diferentes variantes. Hai fontes que elevan a cifra de cidades asolagadas a máis de setenta.[5] Tamén Risco recolle esta ampla distribución do mito, cando di que:

"Moitos lagos e lagorzas (Antela, Maside, Area de Estabañón) teñen unha cidade asolagada no fondo; o asolagamento débese a ter negado pousada á Virxe María, que viña co Neno, ou a un desprecio feito a algún santo ou a Cristo (leenda haxiográfica) sendo por elo maldecidas ou castigadas".
Vicente Risco, px. 693

E mesmo autores que semellan tan lonxe da Etnografía como Álvaro Cunqueiro:

"Galicia é o país dos dez mil ríos... Tamén había lagoas, que agora as meirandes desecaron, a de Antela, en Ourense, na que estaba solagada a cidade que se chamou Antioquía de Galicia, e a de Coispeito, na Terrachá luguesa, na que estaba solagada a vila de Valverde; desecaron e non miraron se acolá embaixo había torres e xardíns, e un campaneiro das avemarías das doce".
Álvaro Cunqueiro: A cociña galega, px. 87.

Orixe da lenda

[editar | editar a fonte]
Noe e a arca, no Beato de Girona (ano 975)

A pesar da ampla distribución xeográfica do mito, cabe observar unha estrutura basicamente común que non resulta desvirtuada polas variantes locais introducidas polas fontes ou os colectores. En case tódolos casos se retrotrae a lenda ó momento en que Xesús, San Pedro ou a Virxe andaban polo mundo, se ben hai casos nos que se trata de esmoleiros (que por veces son enviados por Deus ou Xesús ou a Virxe disfrazados). Sexa quen fose, chegan a un lugar a pedir polas portas esmola, comida ou cobixo pero tódolos veciños lles pechan as portas sen atendelos, cando non con insultos ou agresións. Tódolos veciños menos o máis pobre do lugar (adoito unha velliña soa e desvalida), que accede a compartir co visitante o pouco que ten (comida, calor, cama). Como castigo ó comportamento dos lugareños, Deus manda caer sobre a vila unha arroiada que acaba por a asolagar, agás a casa do único veciño que se comportou caritativamente en contraposición coa soberbia do resto dos veciños. Os habitantes do lugar morren todos e a vila queda cuberta polas augas, e só en determinados momentos do ano pode ser advertida a súa existencia, ben porque se escoitan cantar os galos[6] ou tanxer as campás da igrexa, ben porque asoma sobre a superficie da auga o curuto da torre da igrexa. Isto pode suceder á medianoite -ou, nalgún caso, ó mencer- do día de San Xoán ou do día de Nadal.

Todas estas narracións poden ter a orixe, segundo etnógrafos como Luís Monteagudo ou Taboada Chivite, no achado de restos de posibles poboacións palafíticas que habitarían nas lagoas ou na súa contorna[7]. Fronte a esta teoría, outros, como Mariño Ferro, manifestan as súas dúbidas.

"Esta lenda é frecuente en Galicia e encóntrase aplicada ós principais lagos e lagoas do país, e en todos creese que hai mergullada baixo ás súas augas unha cidade, que nalgúns sitios é a de Valverde. Os arqueólogos galegos, en case a súa totalidade, supoñen que tales lendas de cidades asolagadas lembran e perpetúan a memoria de antigas poboacións lacustres na nosa rexión".
Eladio Rodríguez, s. v. Antioquía

Precedentes mitolóxicos

[editar | editar a fonte]

O mitema do Diluvio Universal como forma de castigo divino contra os humanos repítese desde hai miles de anos. No relato sumerio coñecido como a Epopea de Gilgamesh (2500-2000 aC) xa se describe o diluvio ordenado pola deusa Inanna (ou Ishtar) contra a cidade deste rei mítico e ó que unicamente sobreviven o sabio Utnapishtim e a súa esposa. No libro da Xénese da Biblia, Deus asolaga o mundo durante coarenta días ó ver que o pecado se estendía sobre a Terra.[8]; só se salvaron Noé e a súa familia (ademais dos animais que acolleron na arca).

Tamén na mitoloxía grega se recolle un feito semellante. No principio dos tempos, tras as Idades de ouro e de prata, Zeus creou os homes da Idade de Bronce, pero resultou que só vivían para a guerra, polo que decidiu castigar á humanidade por considerala unha raza viciosa, desapiadada, provocando un gran diluvio, do que só se salvaron a dous xustos: Deucalión e a súa esposa Pirra.[9] E o historiador romano Xordanes refire no século VI que o mesmo mito corría entre os godos.

Zeus e Hermes, á esquerda, e Filemón e Baucis, á dereita, no momento en que ela vai sacrificar o ganso para darlles algo de cea (Peter Paul Rubens, 1620-1625)

O poeta romano Ovidio conta nas súas Metamorfoses cómo Zeus baixa á terra a probar a hospitalidade dos humanos e termina castigándoos mediante un diluvio que anega o territorio e que acaba con tódolos habitantes agás unha parella, Filemón e Baucis, que foron os únicos que o recibiron con xenerosidade. Zeus sabía do egoísmo dos habitantes da Frixia e veu comprobalo, acompañado polo seu mensaxeiro Hermes, disfrazados de pobres farrapentos. Efdectivamente, ninguén os acolleu ata que chegaron á casoupa dun vello matrimonio, Filemón e Baucis, que compartiron con eles o pouco que tiñan. Despois de comer e beber (dun pratos que nunca se esgotaban e xarros que nunca se baleiraban), os deuses déronse a coñecer e anunciaron a súa intención de castigar a impiedade dos seus conveciños. Levaron a Filemón e a Baucis ata o cume dun monte e, cando volveron a mirar, viron que todo cando alcanzaba a vista estaba convertido nunha inmensa lagoa, excepto a súa humilde casa, agora transformada nun fermoso templo.[10]

Pero a diferenza destes diluvios universais, o caso das vilas asolagadas presenta sempre unha particularidade substancial: o castigo está localizado a unha vila ou lugar concreto e determinado, culpable dun comportamento egoísta, e non contra un amplo territorio e un alto número de persoas. Obsérvese que aínda así sempre se perdoa a un xusto xunto ós seus, de xeito que poden refundar a humanidade. Nalgunha lenda é a muller causante da catástrofe a que se salva, convertida en serea (como o caso da serea de Fisterra) ou serpe.

Algunhas vilas asolagadas

[editar | editar a fonte]

Valverde é un nome común para referirse a diferentes vilas asolagadas, nesta forma ou nas de Vilaverde[11], Vila Valverde ou Malverde. A tradición xa foi recollida no Libro IV do Códice Calixtino, no século XII, e coñecido como Pseudo-Turpin. No capítulo III o autor nomea as cidades de España que vai conquistando Carlomagno e detense na de Lucerna, situada en Valverde:

"Todas as devanditas cidades, unhas sen loita, outras con grandes batallas e grande habilidade, conquistounas Carlomagno entón, agás a mencionada Lucerna, cidade moi fortificada que está en Valverde e que non puido tomar ata o final. Pero por fin chegou a ela, asediouna e mantivo o sitio por espazo de catro meses, e despois de elevar as súas preces a Deus e a Santiago, caeron as súas murallas e permanece inhabitable hata hoxe en día, pois no medio dela xurdiu un remuíño de auga negra onde nadan grandes peixes negros"
Códice Calixtino, Libro IV, cap. III (información tomada de Xosé López Díaz, px. 463).

No Libro de Turpin non se localiza xeograficamente esta cidade de Valverde, e segundo Xoán Ramiro Cuba no seu Dicionario dos seres míticos galegos, uns cren que está en Cospeito, outros en Valdoviño ou Corrubedo; outras fontes sitúana baixo a lagoa de Doniños (Ferrol).

Denominada tamén como Lucerna, tampouco quedou localizada na literatura popular: "Hai moitas Lucernas e non hai ningunha, dise que está en todas as partes e en ningunha aparece". Uns cren que esta Lucerna está no lago de Carucedo, no Bierzo, outros, en Cospeito (Lugo) ou en Valdoviño (A Coruña). Non falta quen a sitúe no lago de Seabra.[12] Risco amplía as posibles localizacións de Lucerna a Carucedo, á Serra de Gredos, Palencia ou Andalucía.[13]

Na Coruña

[editar | editar a fonte]

Na propia cidade da Coruña, na enseada do Orzán, hai unha cidade asolagada, da que en certas ocasións poden verse torres de igrexas, rúas e outros edificios.[14]

E á entrada da Ría da Coruña hai outra, da que tamén se poden ver edificios e escoitar badaladas. Ó seu carón está a Pena das Ánimas.[15]

No Complexo dunar de Corrubedo, do concello de Ribeira está a Lagoa de Carregal. No fondo desta lagoa atópase a vila asolagada de Reirís, tamén coñecida como Valverde, Malverde ou Bretal.

A lenda conta que un rei mouro pretendeu casar coa filla do rei de Reirís, unha doncela boa, xenerosa e moi fermosa. Este mouro chegou un día de inverno ata o castelo do rei e foi atendido pola princesa, que lle dou de comer e quentouno ante a cheminea. O mouro quedou namorado da princesa e pediu a súa man, pero foi rexeitado tanto por ela como polo pai, que non quería saber nada de mouros. Movido polo despeito, o mouro marchou do palacio ameazándoos: "Arrepentireivos", exclamou. E como tamén era meigo, comezou a tremer a terra, a caerse as casas e provocou tal arroiada que asolagou a cidade causando a morte de todo aquel que non puido fuxir a tempo. O rei e a princesa conseguiron escapar a uña de cabalo, pero o rei puido observar como o mouro, sobre un con, se compracía vendo a desfeita entre gargalladas. E coa mesma colleu a espada e foi a galope contra o mouro que, ó velo vir, colleu medo e intentou fuxir, transformándose en boi -o Boi Bruón- para poder correr máis, pero o rei foi pechándolle as saídas e conducíndoo cara á cidade, xa medio debaixo da auga. O mouro, na súa forma de boi, intentaba escapar pero cada vez entraba máis na auga ata que, finalmente, el tamén se veu arrastrado pola enchente e afogou na lagoa.[16][17][18]

Crese que de cando en vez pode verse saír as burbullas que o boi bota ó respirar, e dise que algunhas noites pode escoitarse o bruído do mouro-boi, pero outros din que se trata dos lamentos da princesa, que vive no fondo da lagoa convertida en serea. En todo caso, a versión máis canónica da lenda di que a princesa e o pai conseguiron salvarse e funda unha nova cidade na contorna, aínda que non se sabe como se chamaría esta nova cidade.

Hai unha lenda recollida por Risco[19] en Santa Uxía de Ribeira sobre a cidade de Malverde que vén sendo unha variante da lenda de Carlomagno citada no Calixtino. Aquí foron Carlomagno, Roldán, Oliveros e mais os doce pares de Francia os que conseguen conquistar a cidade e, como castigo exemplarizante, provocar o seu asolagamento. Mesmo contan que nun penedo próximo pode verse gravada a pegada dos casos do cabalo de Roldán.[20]

No caso do Valverde de Doniños, cóntase que Xesús andaba pedindo esmola e unicamente foi atentido por unha pobre muller, con dous meniños, que parteu con el o pedazo de broa que gardaba para eles. Tras comer da broa, Xesús anuncioulle que ía castigar á vila, polo que compría que marchase a algún lugar alto, sen volver a vista por nada que escoitase. De socato, unha forte treboada de auga e lóstregos asolagou a Valverde pero a muller non puido conter a curiosidade de mirar a ver qué pasaba. E por desobedecer, quedaron os tres transformados en pedras.[21]

Pero tamén se di que esta muller, nai de dous meniños xemelgos, dixo a Xesús que esperaba mentres metía no forno unha bola de pan. Mentres cocía, Xesús explicoulle que, por cousa do egoísmo dos veciños, a cidade ía ser destruída, polo que tiña que marchar de alí sen mirar atrás. Ela preguntou qué ía ser dos seus meniños e Xesús tranquilizouna dicíndolle que xa Deus gobernaría. E así foi: Xesús desapareceu e ela marchou camiño arriba, ata que escoitou un gran ruído que lle fixo perder o sentido, e caeu morta. Como el dixera, Valverde quedou totalmente inundada, pero o berce dos meniños saíu aboiando e puideron salvarse. E de aí venlle o nome ó lugar: Dous meniños deu en Doniños.[22][23]

Corre outra versión do caso, segundo a cal foi un matrimonio moi humilde o que acolleu a Xesús esmoleiro. Cando se ergueron á mañá seguinte, Xesús desaparecera, e o home baixou á cidade a vender un carro de leña, quedando a muller na casa. Pero antes de chegar a Valverde, o home escoitou berrar á muller e viuna correr perseguida polos soldados. El foi tras eles, esquecendo o carro no medio do camiño, para socorrela pero non os deu alcanzado. Aínda así achegouse ata a casa e alí atopouna tan tranquila pois todo foi unha visión. E nese momento un golpe de mar sepultou a cidade matando a tódolos seus habitantes. Eles dous salváronse grazas a que Xesús mandoulle ese aviso. Leandro Carré recolleu no lugar unha versión similar, protagonizada pola Virxe, que quedou a falar coa muller mentres o home baixara á cidade e, cando este volveu correndo a defender á muller duns soldados que a querían matar, atopouna sentada no poio da casa onde a deixara tranquilamente a Virxe.[24]

Gravado coa translación do corpo do Apóstolo (1610)

Conta a lenda que a antiga cidade romana de Dugium, hoxe Duio (en Fisterra), foi devorada polo mar. Cando os discípulos do apóstolo Santiago trouxeron a Galicia o seu corpo tras ser decapitado en Xerusalén, andaron percorrendo distintos lugares buscando un lugar axeitado para o soterrar. Un destes lugares foi Dugium, a cidade máis importante do reino da Raíña Lupa, onde o gobernador, un tal Filotro, non só non lles cede unha terra para dar sepultura a Santiago, senón que os encadea no seu alxube. As discípulos fuxiron milagrosamente co corpo de Santiago pero foron perseguidos por Filotro e os seus guerreiros, ata que terminan morrendo no intento. En castigo a ese comportamento de Filotro, Deus fixo erguer o mar e a cidade desapareceu asolagada nas súas profundidades.[25]

Tódolos habitantes de Dugium morreron baixo o mar, e tamén o gando, agás dous bois que conseguiron escapar e, andando, andando, foron parar a enseada coruñesa do Ézaro (en Dumbría), onde tamén afogaron no mar se converteron en pedra, dando lugar ó que hoxe se coñece como os Bois de Gures.[26] Gures é un lugar da parroquia da Ameixenda, no concello de Cee, moi próximo a Fisterra.

Outras explicacións que tamén recolle Xoán Ramiro Cuba son unha catástrofe natural (coincidente coa que sepultou Pompeia), ou ben que a cidade foi incendiada e destruída polos suevos no século V, porque o seus habitantes eran cristiáns e derrubaban os templos pagáns. Engade que tamén se salvou unha muller, que se transformou en serea.[27]

E na inmediata parroquia de San Martiño de Duio, na praia de Lagosteira fálase doutra cidade asolagada chamada Petronia, que pode ser a mesma Dugium.[28]

No concello de Coristanco, na parroquia de Seavia, existe unha lagoa chamada da Braña Rubia. Por alí andou a Sagrada Familia, ou ben San Pedro e Cristo, e tamén foron maltratados polos veciños da cidade de Alcaián (dise que lles acirraron os cans, e de aí o nome), polo que a cidade foi asolagada no máis fondo do lago. Da cidade só sobreviviron os galos, que se escoitan cantar na medianoite de Nadal.[29]

Na lagoa de Roxal, no lugar de Xuvia (no concello de Neda), hai unha cidade asolagada que se chamaba Troia (ou Valverde).[30]

Na lagoa das Xarfas (ou Xerfas), a carón da praia de Area Maior e ó pé do Monte Louro, en Muros, hai unha cidade soterrada na area do fondo da lagoa. As areas movedizas do fondo poden engulir a todo aquel que ousa entrar na lagoa, de xeito que pasará a ser un habitante máis desta cidade fantasma.[31]

No lugar de Candais, na parroquia de Montoxo (Cedeira) está soterrada a cidade de Feal Grande, que quedou asolagada ó desbordar o pozo de Feal, un pozo insondable do que descoñecemos as razóns para que un día rebordase.[32]

Tamén no concello de Cedeira, pero na parroquia de Régoa se fala da existencia dunha cidade asolagada no lugar de Teixedelo. A carón deste sitio está o chamado Pozo do Inferno.[33]

No lugar da Barquiña, na beira do mar da parroquia de Barro (en Noia) hai unha cidade asolagada no mar, que formou a chamada Illa de San Bartolomé. Desde a costa poden verse, ás veces, algunhas construcións, entre elas unha calzada de pedra pola que os homes que seguen vivindo alá embaixo soben a terra cando queren. Cóntase que se alimentan de lapas grises e mexillóns azuis.[34]

Trala inmensa praia de Traba, na parroquia de Traba (en Laxe) está a lagoa costeira do mesmo nome. Tamén se documenta alí asolagada a cidade de Valverde ou Vila Valverde. Cóntase que pasou por alí Xesucristo e unhas mulleres acirráronlle os cans. chegando un a trabarlle unha perna. A ferida botou tanto sangue que asolagou a cidade.[35]

No fondo da Lagoa de Cospeito, no concello do mesmo nome, a tradición popular sitúa a cidade de Veria (ou Beria), tamén denominada Verial ou Valverde. Veria era unha rica cidade, a máis importante dos Valuros,[36] feiticeiros e meigos, que adoraban como deusa unha serpe xigantesca chamada Saavedra. Leandro Carré, que tamén recolle esta lenda (baixo o título de A cidade asolagada), di que o seu deus se chamaba Baal, e que o trouxeron os mouros.

Lagoa de Cospeito

A Virxe pasou un día polo lugar e quedou desagradablemente sorprendida ó comprobar que alí non había igrexas nin casas de oración (pois os valuros sempre foron inimigos de Deus). Avanzaba tristeira e atopouse cunha mulleriña que lle preguntou qué lle pasaba e, cando a Virxe llelo contou, confirmoulle que así eran os valuros, todos uns descridos, uns xentís.[37]. Así que a Virxe acordou que as augas asolagasen o lugar, de forma que non sobrevivise ninguén e que nunca máis houbese vida alí, nin de mouros nin de cristiáns. Deulle a man á muller comezaron a arredarse de Veria, pero no momento en que viraron as costas comezou a chover de forma torrencial e a cidade quedou baixo as augas en pouco tempo e para sempre. Cóntase que hai veces que se escoita de noite como o bruar dunha vaca que vén no fondo do lago; houbo quen intentou achegarse para ver que clase de animal era aquel pero, cando chegaban ó lugar de onde viña o ruído, escoitábano desde outra parte e nunca chegaron a velo.[38][39]

Noutra versión do mesmo conto foron Xosé, María e mais o Neno os protagonistas. Estaban percorrendo o pobo pedindo esmola e un zapateiro botounos fóra lanzando contra eles unha subela.[40]. A subela cravouse no pé de Xesús, que comezou a sangrar de tal xeito que o sangue rematou asolagando a cidade.

Aínda existe outra versión diferente. Dunha volta, ía un poble (que ben podería ser a propia Virxe disfrazada) pedindo esmola pero ninguén o socorreu. Saíu do lugar e chegou ata un alto, a Feira do Monte,[41] onde foi moi ben acollido por unha familia moi pobre que, como non tiña outra cousa, acordou matar a única becerra que lles quedaba para poder darle algo que cear. Tras a cea, o pobre ordenou que botasen os ósos grandes nunha corte e os ósos pequenos noutra. E á mañá seguinte, o pobre chamou polo dono da casa para que fosen muxir as vacas e dar de comer ós becerros, que estaban berrando na corte. O dono negábase a ir porque sabía que non tiña gando ningún pero o pobre insistía en que "Tan certo é que tes becerros e vacas, como que a vila de Valverde asulagouse nas augas". E dito isto, desapareceu. O home e a muller foron mirar nas cortes e, efectivamente, alí estaba o gando que dixera o pobre, e tamén comprobaron que alí onde estaba a cidade de Valverde, agora só había unha gran lagoa. No alto do monte agora había unha capela coa imaxe dunha Virxe, a Virxe do Monte.[42]

Como acontece noutras cidades asolagadas, tamén aquí din que resulta posible sentir as campás da igrexa repenicar nas noites de verán, así como ver sobre a superficie da auga as chemineas dalgunhas casas. Segundo contaba o Licenciado Molina, as xentes do lugar aseguraban que era posible escoitar o bramido dunha vaca nalgún lugar da lagoa, así como que nas zonas que secaban polo vran podían verse obxectos de ferro, pedras labradas, potas, etc.

Bola de pantrigo

Outra cidade asolagada sería a vila de Boedo, en Lagostelle, unha parroquia de Guitiriz. Tamén aquí se trataba da Sagrada Familia que andaba polas portas pedindo algo de comida e sen que ninguén lles dese nada; repítese aquí tamén a presenza co zapateiro impío que os escorrenta botándolles unha forma. Finalmente chegan á casa máis pobre do lugar, na que unha velliña recibiunos aínda que non tiña nada que darlles de comer, pois non tiña nin para os seus fillos. A Virxe tranquilizouna dicíndolle que lle fixera unha bola coa cinsa da lareira. Tivo que insistir porque a señora non quería facer algo tan absurdo, pero terminou facendo a bola e meténdoa no forno a cocer. Pasado o tempo foi sacar a bola e veu, asombrada, que era unha fermosa bola de pantrigo. A Virxe engadiu que iso era tan certo como que a cidade de Boedo estaba anegada e que por culpa dun malo, Deus destrúe unha cidade. Desde entón escóitase tanxer as campás no chamado Pozo das Campás e, ás veces, incluso o estoupido dun canonazo; tempo adiante, un cura veu e esconxurou o lugar, e deixaron de escoitarse ruídos.[43][44]

O lugar de Bandomil ou Brandomil, na parroquia de Santaballa (Vilalba, Lugo), é outra cidade asolagada polas augas que rebordaron do pozo Limideiro, o que volve lembrar a lenda bretoa da cidade de Is.[45]

Veiga do Real era o nome dunha cidade que está asolagada en Montouto, unha parroquia de Abadín. Vivían alí tres mouras que saían a peitearse á beira do río Eume, e que tiñan un cadelo co vizo de correr tras as ovellas e, cando as pilla, bótaas no pozo do Real, tan fondo que o traga todo. O lugar terminou asolagado e as mouras marcharon a vivir noutro pozo da Serra do Xistral, no mesmo concello, onde nace o río Eume.[46]

Estes pozos negros ou mouros, pozos sen fondo que se abren en ríos ou lagoas, son coñecidos como pozos piagos ou peagos, tidos como entrada ó Inferno. Por veces desbordan e causan o asolagamento dunha cidade ou comarca, como no caso da Veiga do Real.[47]

Onda a praia da Area, na parroquia de Faro do concello de Viveiro, houbo unha cidade chamada Estabañón (ou Lebañón ou Sabañón), poboada por cazadores de baleas, que quedou sepultada polo mar polo seu comportamento con Xesucristo. Conta a lenda que cando Cristo andaba polo mundo adiante (algunhas fontes din que se trataba de Santiago) pasou por Estabañón, pedindo esmola. Ninguén lle deu nada e un zapateiro guindoulle a subela para que liscase do seu lado. Cristo non respondeu e foi subindo ata a igrexa de San Xiao de Faro, desde onde exclamou: "Arrevírate, vila, co de abaixo para arriba", e unha inmensa onda asolagou a cidade e deu lugar á lagoa de Carucedo; nesta lagoa disque apareceron trabes e rúas pavimentadas, e ocasionalmente pode verse baixo as augas a torre da igrexa e escoitar as badaladas.[48] [49]

Reiriz é o nome doutro lugar asolagado, neste caso no monte Serrapio (ou Serapio ou Sarrapio), no lugar do Ogrobe, no concello de Mondoñedo. Próximo a este Reiriz está unha cova chamada Furada dos Cas, da que se conta que ten un tunel soterrado que comunica co mosteiro de San Salvador de Lourenzá. [50][51].

A fonte non explica a causa do asolagamento, e tan só di que foi obra dun mago. Nótese a similitude do nome con Reirís, baixo a lagoa de Carregal (en Corrubedo, Ribeira), tamén asolagada por un mouro como vinganza por verse rexeitado pola princesa do lugar.

En Ourense

[editar | editar a fonte]

Antioquía (A Limia)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Antioquía (lenda).
A lagoa de Antela, na Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán

Quizais a lenda máis sonada sobre cidades asolagadas en Galicia sexa a referida a Antioquía, hoxe afundida nalgún lugar da desecada lagoa de Antela, na Limia.[52] Hai quen fala da existencia de dúas cidades: Antioquía e Antioca, fundadas por Antíloco ou Antíoco.

Antioquía era unha gran cidade, de amplas rúas, casas de varios pisos e sete altas torres. Era a máis grande e máis rica e poderosa e, como consecuencia, orgullosa e nada hospitalaria, toda soberbia, ata tal punto que Deus decideu destruíla. Xesús conseguiu peexistencia dermiso para salvar a aqueles homes bos que puidese atopar e baixou ata a cidade disfrazado de esmoleiro, pero tras percorrer toda a cidade non puido atopar a ninguén que o socorrese, pois foi rexeitado por todos. Unicamente unha familia pobre que vivía afastada da cidade nunha humilde choza acolleuno e convidouno a comer con eles. En consecuencia, Deus executou o castigo previsto, e Xesús avisou a esta familia que tiña que marchar antes do asolagamento, coa advertencia de non mirar cara atrás en ningunha circunstancia. Así o fixeron, menos un que mirou e, por desobedecer a Xesús, quedou convertido en pedra. No momento de afundirse a cidade nas augas, os paxaros da comarca escaparon berrando "Que se afunde Antioquía!, que se afunde Antioquía!, de xeito que a nova coñeceuse axiña en toda a terra".[53].

Escudo de Xinzo de Limia, co galo que se escoita cantar á medianoite de Nadal

Na versión que recolleran Laureano Prieto e Taboada Chivite, foi unha mulleriña, vella e pobre, a que o recibiu na súa casarella, deulle o leite da súa cabuxa -ó unico que ela tiña para cear- e acostouno na súa cama, mentres ela dormía no chan. Á mañá seguinte, cando ergueron, Xesús mostroulle a lagoa que agora ocupaba o val onde antes estaba Antioquía, e explicoulle as razóns do castigo.[54][55]

Dise que ás doce da noite de Nadal escóitase o cantar dos galos, que sobreviviron á catástrofe,[56] ou as badaladas da torre da igrexa (en Nadal, San Xoán ou Reis). Tamén, ó mencer do día de San Xoán, cos primeiros raios de sol, pódese ver o campanario no fondo da lagoa ou ben algunha das torres que tiña a cidade.

Crese tamén que do fondo da lagoa sae un pasadizo subterráneo que leva ó castelo de Sandiás. Nese pasadizo agocháronse grandes tesouros pero ninguén puido nunca dar con el.[57]

Existe outra versión do mito, segundo a cal houbo un caudillo galo que quixo conquistar a cidade. Fixo noite no castelo de Sandiás e, cando ó abrente decidiu comezar o ataque, observou con asombro que a cidade desaparecera e agora só había unha gran lagoa.

Corre unha lenda por Verín que agoira que algún día a vila quedará asolagada baixo as augas do río Támega. Resulta que un día pasou por alí San Francisco Blanco (que era natural do Tameirón (na Gudiña). Quedouse mirando ó río e dixo ós que o acompañaban: "Cordero, este lobo te comerá". Os veciños cren que no río hai un pozo, o Pozo Mouro, no que emerxe un mar subterráneo.[58]

En San Martiño de Lago, concello de Maside existe outra cidade asolagada. Neste caso a lenda conta que a Virxe cruzou o pobo sen que ninguén a socorrese, nin sequera o párroco do lugar, ó que tamén foi pedir. Chegou logo onda unhas mulleres que andaban a cocer e pediulles unha bola de pan; elas non quixeron gastar fariña e fixeron o pan co farelo, pero viron que o pan medraba que daba xenio velo; fixéronlle outra bola e o mesmo, e ó final non lle deron nada. A Virxe marchou e topouse cunha moza que andaba no monte coas ovellas, e esta si que lle deu todo o pan que levaba para comer ela (aínda que ela só lle pedira un anaquiño). A Virxe acordou castigar a cidade e dixo: "Lago te asulago, co de arriba para abaixo, que quede esta rapaciña con esta cadeliña", e a vila desapareceu baixo as augas do que se deu en chamar Puzo do Lago".[59][60]

A lenda forma parte da compilación de González Reboredo, tomada de Luís Monteagudo (Palafitos, problemas y leyendas). Prosegue a narración co intento, moderno, de desecar o lago, e como non o daban feito o enxeñeiro decideu ir por unhas bombas coas que achicar a auga dunha vez, ó que o encargado dixo que iso sería se Deus quere. O enxeñeiro, moi oufano, retrucoulle que queira, que non queira, mañá o lago quedará seco. Pero cando volvía en coche á súa casa falláronlle os freos e caeu polo barranco abaixo, matándose no acto. A xente veu niso un castigo de Deus, por soberbio, e decidiron non desecar o lago.[61]

En Pontevedra

[editar | editar a fonte]

Cóntase que na praia do Vao, na parroquia viguesa de Coruxo hai unha cidade asolagada.

No Monte do Facho, no lugar de Donón (no concello de Cangas), disque hai unha cidade asolagada, co nome de Troia, como castigo polos moitos pecados dos deus habitantes.[62]

Igrexas asolagadas

[editar | editar a fonte]

Sendo o normal que as lendas se refiran a unha cidade que quedou asolagada baixo as augas, tamén existen casos nos que a catástrofe só afecta á igrexa parroquial da vila. Lémbrese tamén que resulta habitual que, en determinadas circunstancias, pode verse o pico da torre da igrexa ou escoitarse as badaladas da igrexa, por máis que se trate de cidades que foron castigadas por Deus por impías.[63]

En Rioaveso, unha parroquia do concello de Vilalba houbo un día un casamento pero, sen que se saiba por que, o noivo cagouse en Deus antes de entrar na igrexa. No intre, a igrexa afundiuse na terra, cos noivos, os convidados e o mesmo cura, e quedou baixo a terra.

En Antas de Ulla, a igrexa de Santa Cristina de Areas quedou asolagada e desapareceu, agás unha imaxe de santa patroa, que aboiou e puido ser recuperada. No mesmo concello de Antas pero na parroquia de Agüela pasou o mesmo coa igrexa que había no lugar de Lebesende, da que so se salvou a imaxe de San Pedro, porque quedou no cumio da torre.

Vilas asolagadas fóra de Galicia

[editar | editar a fonte]

Xa se dixo que o mito está presente tamén noutras terras noutras culturas, o que non pode sorprender a ninguén.

En Asturias

[editar | editar a fonte]

En Asturias temos o lago Noceda, cerca de Cangas de Narcea. Parece que tamén andou por alí o Tito Carissio, de quen se conta que violou a xana Caricea, que o rexeitaba. Como vinganza, Caricea fixo que xurdise o lago e asolagase a cidade.

No Bierzo, ó oeste da provincia de León, está o lago de Carucedo, formado pola explotación romana das minas de ouro das Médulas. A lenda conta que neste lago vivía a ondina Carissia, que se namorou do gobernador romano Tito Carissio. Cando foi rexeitada por este, chorou de tal xeito que se formou a lagoa e asolagou a cidade de Lucerna, da que aínda se pode albiscar algo no día de San Xoán; tamén se di que esa mesma noite, Carissia sae das augas en busca dalgún mozo que a desencante.[64][65]

Hai outra variante desta lenda na que a cidade que está baixo o lago de Carucedo toma o nome de Roma. A cidade era grande, con templos e un palacio para os reis e a princesa, pero tiña unha grave escaseza de auga, ata o punto de que o rei ofreceu a man da filla a quen trouxese auga ata a cidade. Intentáronno tres irmáns, e os dous primeiros foron ata as fontes do río Cabreira e comezaron a cavar cadanseu canle cara a cidade[66]. O terceiro irmán comezou a cavar desde a porta do palacio cara a montaña, de forma que, cando alcanzou os regos dos seus irmáns, a auga comezou a correr cara a cidade, polo seu canle, polo que se considerou merecente da man da princesa. Pero o rapaz era coxo e a princesa non o quixo, botando unha maldición: "Antes Roma alagada que dun coxo ser casada". E así foi: a auga que chegaba era tanta que se formou o lago e asolagou a cidade.[67]

  1. Como sería o caso de Portomarín vello ou Castro Candaz, hoxe baixo as augas do encoro de Belesar; Brocos (Agolada), hoxe baixo o encoro de Portodemouros; ou Aceredo, en Lobios, baixo as augas do encoro de Lindoso, xa en Portugal.
  2. Por unha persoa mala Deus castiga a toda a vila.
  3. Galicia legendaria y arqueológica. Problemas de las ciudades asolagadas, Centro de Estudios de Etnología Peninsular, CSIC, Madrid 1957.
  4. Dicionario dos serers míticos galegos, s. v. cidades asolagadas.
  5. "Moi profunda debe ser esa memoria colectiva cando os testemuños que recollen nos seus libros Murguía, Otero Pedrayo, Risco e Cunqueiro suman máis de setenta cidades míticas que dormen eternamente nas profundidades de ríos, lagos e mares da xeografía galega" (Salvador Aguilella: "Las Alejandrías gallegas", en La Voz de Galicia, 1.10.2000).
  6. Poida que esta sexa a orixe do nome da Lagoa de Gallocanta, en Zaragoza.
  7. Refiríndose á Antioquía da lagoa de Antela, Taboada Chivite di: "Consideramos como fundamento obxectivo ou real da lenda a posible existencia dunha poboación palafítica no ámbito da lagoa, que serviu de base á fabulación" (px. 228).
  8. "O ver o Señor que a maldade dos homes medraba na terra e que todos os seus pensamentos eran só para o mal, arrepentiuse de os ter posto sobre a terra, pesoulle no corazón. E decidiu: ‑"Vou borrar da terra o home que creei, e con el tamén o gando, as feras e os paxaros, pois mesmo sinto telos feito (Xénese, 6:5-7 [1]).
  9. "Cando Zeus determinou a destrución da raza de bronce, Deucalión, por consello de Prometeo, construíu unha arca e, dispoñendo nela todo o necesario, embarcouse na compaña de Pirra. Zeus fixo caer desde o ceo unha chuvia copiosa e inundou a maior parte da Hélade, de forma que pereceron tódolos homes" (Pseudo-Apolodoro I, 7.2).
  10. Ovidio: Metamorfosis, Libro VIII, 611-724.
  11. Villaverde en textos en castelán.
  12. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Lucerna.
  13. Vicente Risco, px. 315.
  14. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Coruña.
  15. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Pena das Ánimas.
  16. Carré Alvarellos, px. 136-138.
  17. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Reirís e s.v. Boi Bruón.
  18. Galiciaencantada.com, Micromitos: Reiriz.
  19. Vicente Risco, px. 314.
  20. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Reirís e s.v. Malverde.
  21. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Doniños.
  22. González Reboredo, px. 101.
  23. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Doniños, que engade que en galego non é viable tal derivación etimolóxica.
  24. Lenadro Carré, px. 51 (reproducida por González Reboredo, px. 99).
  25. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Duio.
  26. Benavente e Ferro Ruibal: O libro da vaca, px. 1472.
  27. Hai unha lenda bretoa da cidade asolagada de Is, semellante ás lendas galegas, na que a princesa Dahud tamén remata convertida en serea.
  28. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Petronia.
  29. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Alcaián, s. v. Braña Rubia.
  30. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Troia.
  31. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Louro.
  32. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Feal Grande.
  33. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Teixedelo.
  34. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Illa de San Bartolomé.
  35. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Traba.
  36. Vicente Risco cita a Amor Meilán para quen "a terra dos baluros é o actual municipio de Cospeito, onde estivo o palafito (vila asolagada de Beria)", pero non se detén a describir a lenda (Vicente Risco, px. 452).
  37. No significado de persoa que non profesaba a relixión dos xudeus e dos primeiros cristiáns (DRAG).
  38. Leandro Carré Alvarellos, px. 90-92.
  39. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Veria.
  40. Instrumento de metal, con mango de madeira e folla en punta aguzada, coa que os zapateiros furan o coiro para poder pasar o fío.
  41. Hoxe, o lugar así chamado, A Feira do Monte, na parroquia de Sistallo, é a capital do concello lugués de Cospeito.
  42. Centro de Estudios Fingoy: Contos populares da provincia de Lugo, Galaxia, Vigo 1972, 217-218. Tamén recolle a lenda Xosé Manuel González Reboredo (px. 98-99), que a toma do Centro Fingoy. E na Gran Enciclopedia Galega, s. v. Cospeito, a vila chámase Veria ou Nabalverde -lémbrese o nome, tan frecuente, nestes casos, de Valverde-. Engade que a lenda xa fora recollida polo Licenciado Molina en 1550, na súa obra Descripcion del Reyno de Galizia.
  43. González Reboredo, px. 97.
  44. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Boedo.
  45. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Bandomil, s. v. Brandomil.
  46. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Veiga do Real.
  47. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. pozo piago.
  48. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Estabañón, Lebañón; engade Xoán Cuba que "agora, un estrafalario amaño encaixou o río e fixo desaparecer a lagoa". Noutro momento fala doutra cidade asolagada, co nome de Estambón, baixo o lago Carucedo do Bierzo.
  49. Tamén se recolle a lenda na páxina web do concello de Viveiro [consultada o 27.07.2024].
  50. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Reiriz.
  51. Galiciaencantada.com, Micromitos: Reiriz.
  52. Ó redor da lagoa de Antela corren numerosas lendas, ademais da que pretende explicar a causa do asolagamento de Antioquía. Véxase Xesús Taboada Chivite: "Las leyendas de la laguna Antela", en Cuadernos de Estudios Gallegos, 1969, fascículos 72, 73 e 74.
  53. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Antioquía.
  54. Laureano Prieto: "Contos populares da Terra: Antioquía", en La Región, 3.09.1958.
  55. Taboada Chivite: Ritos y creencias gallegas, px.227. Este engade outra versión: andaba Xesús pedindo esmola en Antioquía e ninguén lle deu nada, así que tivo que marchar e, ó facelo, a cidade foise afundindo pouco a pouco ata formarse unha lagoa e quedar baixo as augas.
  56. Repárese que no escudo de Xinzo de Limia se representa un galo.
  57. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Antela, s. v. Antioquía.
  58. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Verín.
  59. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Lago.
  60. Eladio Rodríguez González (1886).
  61. Lendas galegas de tradición oral, px. 103.
  62. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Troia.
  63. Dicionario dos seres míticos galegos, px. 137.
  64. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Carissia.
  65. elbierzodigital: Las damas del lago [consultado o 30.07.2024].
  66. Estes canles serían os que fixeran os romanos para levar auga ás Medulas.
  67. Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. Roma.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Salvador Aguilella: "Las Alejandrías gallegas", en La Voz de Galicia, 1.10.2000.
  • Benavente, Pedro e Ferro Ruibal, Xesús: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2010, ISBN 978-84-453-4948-9.
  • CARRÉ, Leandro: Las leyendas tradicionales gallegas, Espasa-Calpe, colección Austral, Madrid 1983 (4ª edición).
  • Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda: Dicionario dos seres míticos galegos, Xerais 2004 (4ª ed).
  • CUNQUEIRO, Álvaro: A cociña galega, Galaxia, Vigo 1983.
  • FRAGUAS, Antón: "A mitoloxía da auga", en VVAA: As augas de Galicia, Consello da Cultura Galega, 1996.
  • GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé Manuel: Lendas galegas de tradición oral, Galaxia, Vigo 1983.
  • Gran Enciclopedia Galega, Lugo 2003, s. v. Antela, Antioquía, Cospeito, Doniños.
  • López Díaz, Xosé (tradución e notas): Códice Calixtino. O Liber Sancti Iacobi en galego, Xunta de Galicia, 2013.
  • Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208.  (en castelán)
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • RISCO, Vicente: "Etnografía: cultura espritual", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Ed. Nós, Bos Aires 1962, tomo I (información tomada da edición de Akal, 1979).
  • RODRÍGUEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • TABOADA CHIVITE, Xesús: Ritos y creencias gallegas, Gráficas Magoyo, A Coruña 1982, 2ª edición.