Saltar ao contido

Carlos de Anjou

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Carlos I de Sicilia»)
Para outros homómimos véxase Carlos I
Modelo:BiografíaCarlos de Anjou

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(fr) Charles Ier de Sicile Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento21 de marzo de 1226 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
París, Francia Editar o valor en Wikidata
Morte7 de xaneiro de 1285 Editar o valor en Wikidata (58 anos)
Foggia, Italia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaBasílica de Saint-Denis Editar o valor en Wikidata
Príncipe de Acaia
Conde de Anjou
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoSétima Cruzada (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloConde Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Anjou-Sicilia Editar o valor en Wikidata
CónxuxeMargarida de Borgonha, Rainha da Sicília (1268 (Gregoriano)–)
Beatriz, Condessa da Provença (1246 (Gregoriano)–) Editar o valor en Wikidata
FillosLouis d'Anjou
 () Beatriz, Condessa da Provença
Blanche of Anjou
 () Beatriz, Condessa da Provença
Beatriz de Sicilia (emperatriz latina)
 () Beatriz, Condessa da Provença
Carlos II de Anjou
 () Beatriz, Condessa da Provença
Filipe da Sicília
 () Beatriz, Condessa da Provença
Robert d'Anjou
 () Beatriz, Condessa da Provença
Isabel da Sicília
 () Beatriz, Condessa da Provença Editar o valor en Wikidata
PaisLois VIII de Francia Editar o valor en Wikidata  e Branca de Castela Editar o valor en Wikidata
IrmánsIsabel de França
Lois IX de Francia
João de Maine
Afonso III de Poitiers
Roberto I de Artois Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih,
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Nuttall Encyclopædia >>>:Charles of Anjou Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1559991 Musicbrainz: 380e7bb4-1541-4c98-b725-cc580ce8f1c8 WikiTree: Capet-402 Find a Grave: 21056 Editar o valor en Wikidata

Carlos I, chamado Carlos de Anjou (en francés: Charles d'Anjou; en italiano: Carlo I d'Angiò), nado en París (Francia) o 21 de marzo de 1227 e finado en Foggia (Reino de Sicilia) o 7 de xaneiro de 1285), foi rei de Sicilia (1266-1285), o primeiro da dinastía Anjou-Sicilia, e o creador dun grande, aínda que efémero, imperio mediterráneo.[1]

Fillo do rei Lois VIII de Francia e de Branca de Castela, e irmán máis novo de Lois IX de Francia (San Lois, rei de Francia, curmán de Fernando III o Santo de Castela e León). Carlos adquiriu o Condado da Provenza por matrimonio en 1246, e acompañou ao seu irmán Lois na Cruzada de Exipto (1248-1254).[1]

Aliado co papado, conquistou o Reino de Sicilia na década de 1260, derrotando a Manfredo I de Sicilia e a Conradino de Hohenstaufen, duque de Suabia, rei de Sicilia (1254-1268), e rei nominal de Xerusalén, que eran os últimos representantes da dinastía dos Hohenstaufen, nas batallas de Benevento (1266) e de Tagliacozzo (1268).

Posteriormente ampliou o seu poder nos Balcáns, onde creou o Reino de Albania (1271), e en 1277 interveu para apoderarse do Reino de Xerusalén.

Baixo Carlos de Anjou o norte do territorio do Reino de Sicilia foi favorecido en detrimento do sur, e Carlos trasladou a capital Palermo a Nápoles. Esta situación de dominación anxevina, coa introdución de funcionarios franceses, causou descontento en Sicilia, onde estalou a rebelión en 1282 (as chamadas Vésperas sicilianas).[2]

Coa axuda de Pedro III de Aragón (que estaba casado con Constanza II de Sicilia, filla de Manfredo), os sicilianos expulsaron os anxevinos da illa, derrotando á frota de Carlos na baía de Nápoles en xuño de 1284, o que conduciu á división do Reino de Sicilia no reino da Sicilia peninsular ou reino de Nápoles, baixo dominio anxevino, e o reino da Sicilia insular, baixo dominio aragonés. Carlos estaba preparando unha contraofensiva cando morreu en 1285.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Carlos naceu o 21 de marzo de 1227 en París, sendo o último dos sete fillos do rei Lois VIII de Francia, o León, e da súa esposa Branca de Castela, filla do rei Afonso VIII de Castela. O nome de Carlos, pouco común entre os Capetos, fai referencia á súa ascendencia carolinxia. Carlos estaba destinado nun principio a facer unha carreira eclesiástica, segundo a vontade do seu pai. Pero en 1232, a morte sen descendencia dos seus irmáns Xoán Tristán e Filipe Dagoberto, convertérono no herdeiro de vastos territorios no centro de Francia.

En 1237, aos once anos de idade, Carlos estaba na Corte de seu irmán, Roberto de Artois. Aos trece anos tiña unha pequena Corte, un cabalo para cazar, criados, un profesor e un sacerdote ao seu servizo. Formose na atmosfera da Corte de Francia, mergullado nos torneos, na poesía cortesá e nas cancións. A diferenza do seu irmáno maior, Lois, non estaba imbuído nas exixencias relixiosas dos seus primeiros anos.

En 1242, aos dezasete anos, acompaña ao seu irmán Lois a unha expedición militar contra o conde da Marche. Foi a primeira vez que se implicou nunha empresa militar.[3]

Conde da Provenza

[editar | editar a fonte]
A Provenza en 1125, dividida en condado e marquesado da Provenza e condado de Forcalquier.
Batalla de Mansura (1250). Miniatura da obra Vie et miracles de saint Louis. (século XIV).

En 1246 Carlos casou con Beatriz da Provenza, filla do conde Ramón Berenger V da Provenza e de Beatriz de Savoia.[1]

Por este matrimonio converteuse en conde da Provenza e de Forcalquier (títulos conservaría despois de enviuvar e de contraer un segundo matrimonio). Con motivo do primeiro matrimonio, o seu irmán Lois IX nomeouno conde de Anjou e de Maine, creando a segunda dinastía anxevina.[3]

Ao principio do seu goberno como conde da Provenza, Carlos tivo que enfrontarse a un importante partido anti-francés. As grandes cidades, como Arles, Aviñón e Marsella, en pleno auxe da súa economía, eran case independentes e preten dían manter a súa autonomía. Pola súa parte, Carlos pretendeu fortalecer a administración. Pero a súa acción interromperíase pola cruzada de 1248-1254, na que acompañou ao seu irmán Lois IX.[1]

Participación na Cruzada de 1248-1254

[editar | editar a fonte]

Carlos aceptou a invitación do seu irmán de asistir á sétima Cruzada, a pesar da difícil situación do Condado da Provenza. Embarcou o 28 de agosto de 1248, cos seus irmáns Lois e Roberto de Artois, en Aiges-Mortes (no actual departamento de Gard). Desembarcou o 18 de setembro en Chipre, onde Beatriz deu a luz a un fillo que morreu pouco despois. En Exipto, Carlos loitou valentemente, pero foi feito prisioneiro na batalla de Mansura co resto dos cruzados en 1250. Foi liberado un mes máis tarde mediante o pagamento dun forte rescate.[3]

Debilitado pola malaria e preocupado polas desordes que se produciran no seu Condado, Carlos propuxo levar o seu exército a Francia. Lois IX permanceu en Terra Santa, pero permitiou que os seus dous irmáns regresaran a Francia. Carlos chegou á Provenza en abril de 1251. Someteu a Arles e Aviñon, e sitiou Marsella, en agosto dese ano. Obtivo a submisión do líder da rebelión, Barral des Baux, e despois da cidade de Marsella en 1252.[3]

Expansión do Condado

[editar | editar a fonte]

Desde 1256 Carlos de Anjou, como conde da Provenza, emprendeu o engrandecemento do seu territorio nos confíns dos Condados de Venaissin, as vilas de Gap, Embrun e Ventimiglia, os territorios entre Mónaco e Sanremo, os vales do Vésubie e do Roia, e os territorios en torno ao paso de Tenda. Pero en 1262 tivo que ceder case a totalidade deses territorios. Así mesmo, a partir de 1259 estendeu a súa influencia no Piemonte, ocupou Coni, Alba, os vales do Maira e do Stura di Demonte, e foi proclamado señor de Cuneo e de Borgo San Dalmazzo. Os marqueses de Saluzzo, Ceva e Cravansana declaráronse vasalos seus. En 1260 foi proclamado señor de Mondovi e de Sogliano. Dous anos máis tarde someteu as cidades de Aviñón, Arles e Marsella, que se sublevaran de novo.[4]

Conquista do Reino de Sicilia

[editar | editar a fonte]

Á morte do Rei de romanos Guillerme de Holanda en xaneiro de 1256 produciuse un problema sucesorio pola elección do seguinte Rei de romanos. En marzo, a cidade de Pisa enviou unha embaixada ao rei de Castela Afonso X ofrecéndolle a súa submisión e apoio como cabeza da casa de Suabia e como xefe do partido xibelino, oposto ao papa. Por outra parte, o rei castelán tamén fixo saber a súa intención de ser elixido Rei de romanos, fronte ao cal, o rei de Inglaterra Henrique III propuxo ao seu irmán Ricardo de Cornualla como candidato.

Tras gastar ambos os candidatos grandes cantidades de diñeiro para subornar aos electores, o 1 de abril os partidarios de Afonso, o arcebispo de Tréveris o duque de Saxonia, xunto cos poderes outorgados polo margrave de Brandeburgo e o rei de Bohemia Otakar I, elixiron Rei de romanos a Afonso en Frankfurt, pero Otakar I, interesado en manter o reino a vacante deu o seu voto a ambos os candidatos. Pero en Italia, o papa Alexandre IV (o valenciano Roderic de Borja) deuse de conta de que a presenza dos casteláns favorecía a causa dos xibelinos, pois seu inimigo Ezzelino da Romano era partidario de Afonso.[5] A pesar de todo, Afonso X enviou unha embaixada ao papa para lograr a súa lexitimación, aquietando as suspicacias do papa acerca do seu xibelinismo, nada extremista.

Pedro III de Aragón. Miniatura de ca. 1315.

Á morte de Ezzelino da Romano (1259), os xibelinos tenderon agora a unirse en torno a Manfredo, recentemente coroado como rei de Sicilia, sen que o papa estivera disposto a recoñecelo, posto que o excomungara. En Toscana, unha insurrección levara de novo ao poder aos güelfos en 1250, que prentederon impoñerse aos xibelinos toscanos. En 1258 expulsaron os xibelinos de Florencia, que se refuxiaron na xibelina Siena, cuxo líder Farinata degli Uberti se aliou con Manfredo de Sicilia, a quen animou para que, para protexer o seu Reino, debía asegurar Toscana aos xibelinos.

Manfredo dirixiu as súas miras ao centro e o norte de Italia e, conxuntamente cos xibelinos, derrotou completamente aos güelfos, de forma que foi recoñecido protector de Toscana polos florentinos xibelinos, e foi elixido senador de Roma por unha facción da cidade, expulsando ao papa Alexandre IV. Mentres, os aragoneses fixeron acto de presenza, ao acordar os esponsais do herdeiro do reino, Pedro, coa filla de Manfredo Constanza II de Sicilia. Neste momento, os xibelinos podían aspirar á hexemonía sobre toda Italia e calquera alivio á terrible presión que estes exercían sobre o papa era ben recibido: de aí que Alexandre IV acollese ben aos embaixadores casteláns prometéndolles que na querela imperial se atería á máis estrita xustiza.

Tras unha sede vacante de tres meses, o patriarca de Xerusalén, Xacobe Pantaleón, de orixe francesa, foi elixido en setembro de 1261 como novo papa, como Urbano IV (1261–1264), que nunca pisaría Roma e, aínda que mantivo unha teórica actitude de neutralidade entre os dous candidatos, o casteláno e o inglés, non estaba disposto a que calquera de ambos os candidatos puidera sumar as súas forzas ás dos seus inimigos os xibelinos. Ante isto, ideou unha arbitraxe que lle permitira demorar a súa sentenza o tempo que fora necesario.[6]

Porén, ante o avance irresistíbel dos xibelinos, e a pesar de que Afonso X intentaba que os güelfos se unisen a súa causa mantendo hostilidade cara a Manfredo, o papa Urbano IV ignorou o acordo establecido por Alexandre IV con Edmundo, e púxose en mans de Francia, onde finalmente contou coa aprobación do rei Lois IX para que o seu irmán Carlos de Anjou asinara un acordo o 15 de agosto de 1264 co papa, no que aceptaba a investidura do Reino de Sicilia e, mentres, Urbano IV seguiu dilatando a súa arbitraxe sobre a disputa da coroa imperial. Carlos de Anjou iniciou unha empresa implicando á banca güelfa, especialmente a Orlando Bonsignori, que se beneficiaría dos territorios do reino siciliano, o que ía en contra dos intereses cataláns.

Coroación de Carlos I de Anjou en Roma (1266).
Batalla de Benevento (1266).
Morte de Manfredo I de Sicilia (1266).

Mentres que o exército anxevino avanzaba por Italia con apoio güelfo, faleceu o papa Urbano IV e foi elixido o tamén francés, Clemente IV (1265-1268), que tampouco entrou en Roma, quedando ben establecido en Viterbo. Este papa mantivo unha actitude abertamente favorábel a Carlos de Anjou e, cando este alcanzou Roma por mar, foi elixido senador e coroado como rei de Sicilia o 6 de xaneiro de 1266 por cardeais designados polo papa.

Cando o exército anxevino chegou a Roma, Carlos emprendeu a campaña contra Manfredo, que saíu do seu letargo para encontrarse cos anxevinos na batalla de Benevento, o 26 de febreiro de 1266, onde o exército siciliano foi derrotado e o propio Manfredo encontrou a morte. Desta maneira, Carlos de Anjou logrou facer efectivo o seu control sobre todo o reino. E deste xeito impulsou o güelfismo en Italia, como o establecemento de Filipe della Torre en Milán, o marqués de Este en Ferrara e, en Florencia, os xibelinos foron de novo expulsados.

Pola súa parte, a pesar de que Afonso X insistía en non favorecer o xibelinismo, co que se privou do único apoio do que puidera dispoñer, os embaixadores casteláns, aproveitando que o infante Henrique apoiara o financiamento da empresa de Carlos de Anjou e posto que estaba na Corte pontificia, meteron presión a Clemente IV para que pronunciase a sentenza a favor do rei castelán. Porén, ao desaparecer a resistencia xibelina en Benevento, o papa non considerou necesario manter unha postura contemporizadora co rei castelán.

Tras a batalla de Benevento, Carlos puido estender a súa influencia pola Lombardía, desde Vercelli até Treviso, e desde Reggio Emilia até Módena, e con Oberto Pelavicino sometido e reducido a Cremona e Piacenza, só resistían a Carlos as cidades de Pavia e Verona;[7] o seu poder estaba consolidado no Piemonte, onde os pequenos nobres sometéronse a el para non caer baixo os máis poderosos condes de Savoia ou os marqueses de Montferrato, e Toscana foi sometida coa resistencia de Pisa e Siena. Porén, os xibelinos non se resignaron, e urxiron a vinda de Conradino, o fillo de Conrado IV e sobriño de Manfredo, que a pesar de ser excomungado en novembro de 1267, entrou en decembro en Verona,[8] proseguindo a súa campaña por Pavia e Pisa; o mesmo papa Clemente IV, pediu o apoio a Carlos de Anjou para derrotalo. Mentres, o seu parente, o infante castelán Henrique de Castela (don Arrigo), xa senador en Roma desde xullo de 1267, reclamaba a posesión do Reino de Sardeña como beneficio da súa participación na empresa anxevina. Ante a negativa, sublevouse en Roma, e aproveitando a ausencia do papa asaltou a residencia papal e fixo prisioneiros a todos os cardeais presentes. Pasar ao bando xibelino, e foi excomungado o 5 de abril de 1268; e en xullo de 1268, Conradino foi recibido con grande entusiasmo en Roma.

Carlos de Anjou converteuse así nun soberano poderoso, cabeza do partido güelfo e, ademais de ser rei de Sicilia, era conde da Provenza e de Anjou, e senador da cidade de Roma; o papa Clemente IV nomeouno vigairo imperial en Toscana durante o interregno,[9] título co que tratou de beneficiarse dos dereitos imperiais nas cidades, e no interregno de 33 meses que seguiron á morte de Clemente IV interveu activamente nos Estados Pontificios, asegurou o seu poder en Toscana sometendo a Siena e Pisa, o que prexudicaba comercialmente a Xénova, e asegurou na Dieta lombarda de Cremona (1269) o control ou o apoio das cidades güelfas no norte de Italia, e así foi recoñecido señor de Piacenza, Cremona, Parma, Módena, Ferrara e Reggio, e estableceu unha alianza coas cidades de Milán, Como, Vercelli, Novara, Alessandria, Tortona, Turín, Pavia, Bérgamo e Boloña.[10][11] Ademais de todo isto, tivo as súas miras postas en recobrar o Imperio Latino, o que produciu os temores do emperador Miguel VIII Paleólogo, que propuxo a unión das igrexas romana e grega.

Afonso X, así e todo, seguía reclamando os seus dereitos ao trono alemán a través de reclamacións xurídicas. Desenganado da súa colaboración cos güelfos, e de acordo co seu cuñado Pedro III de Aragón, fillo do rei Xaime I, enviou un embaixador, Raimundo de Mastagii, para reavivar a resistencia volvendo a crear unha nova Liga urbana contra os anxevinos e concertou o matrimonio da súa filla Beatriz co marqués Guillerme VII de Montferrato en 1271, ao que nomeou vigairo imperial na Lombardía. O rei de Sicilia emprendeu unha guerra coa xibelina Xénova a finais de 1273, de modo que a cidade aliouse co rei castelán. Guillerme de Montferrato logrou formar unha Liga xibelina con Pavia, Lodi, Parma, Novara, Piacenza, Mantua, Tortona, Xénova e Verona, e tamén co seu primo o marqués de Saluzzo Tomás I, e incluso coa súa tradicional inimiga a cidade de Asti, e cunha exigua axuda do rei castelán derrotou aos anxevinos na batalla de Roccavione (10 de novembro de 1275), o que desfixo a autoridade de Carlos de Anjou no Piemonte,[12][13] e o marqués Guillerme de Montferrato ampliou temporalmente o seu poder e influencia en Piemonte e Lombardía, e encabezou unha Liga xunto con Vercelli, Novara, Tortona, Alessandria, Asti, Como e Pavia, e apoiando aos Visconti,[14] sendo nomeado señor da cidade en 1278, até que foi expulsado polo mesmo que o nomeara, o arcebispo Otón Visconti, en 1282.

Gregorio X (1271–1276), o novo papa elixido en setembro de 1271, mostrou unha postura máis contemporizadora coa unión das Igrexas e reconciliadora cos xibelinos. Pouco despois da súa coroación en marzo de 1272, morreu o rei rival dos Romanos Ricardo de Cornualla (2 de abril), e o papa, nada favorábel ás pretensións de Afonso X, posicionado entón a favor dos xibelinos, e alarmado polo excesivo poder da casa de Anjou en Italia,[15] recomendou aos electores alemáns elixir un novo rei, e o 1 de outubro de 1273 foi elixido Rodolfo I de Habsburgo,[16] finalizando así o interregno.

Execución de Conradino (1268).

Para obter a aprobación do papa, o novo Rei de romanos renunciou a todos os dereitos imperiais en Roma, os territorios pontificios e Sicilia, ademais de prometer emprender unha nova Cruzada. Deste modo, Rodolfo de Habsburgo foi finalmente recoñecido polo papa, o 26 de setembro de 1274, tras invitar a Afonso a renunciar o 11 de xuño. Sen resignarse aínda, Afonso dirixiuse ao encontro do papa en Beaucaire, onde non obtivo concesións, renunciando aos seus dereitos en maio de 1275.

En 1268 numerosos nobres sicilianos levantáronse contra Conradino. Este saíu de Roma o 1 de agosto e derrotou a Carlos en Ponte de Valla mentres a súa frota derrotaba á de Carlos en Milazzo, na costa siciliana. Porén, o 23 de agosto de 1268 as forzas xibelinas foron derrotadas no combate decisivo, a batalla de Tagliacozzo, que supuxo o esmagamento dos xibelinos e o triunfo definitivo de Carlos de Anjou, e tanto don Arrigo como Conradino foron feitos prisioneiros, xunto a Federico de Baden, un dos seus aliados. Os prisioneiros foron decapitados o 29 de outubro. Antes de morrer, Conradino cedeu os seus dereitos á súa prima Constanza, esposa de Pedro de Aragón.

Coa morte de Conradino e a do seu tío Enzo de Sardeña anos despois, a descendencia masculina dos Hohenstaufen desapareceu.

Expansión no Mediterráneo

[editar | editar a fonte]
Estatua de Carlos de Anjou no Palacio Real de Nápoles.

O 27 de maio de 1267, Carlos asinou un acordo con Guillerme II de Acaia e Balduíno II, emperador latino. Guillerme renunciaba aos seus dereitos en Acaia e Balduíno ao Imperio Latino en favor de Carlos. Guillerme acordou nomear herdeira á súa filla Isabel de Villehardouin e que esta casara con Filipe, fillo de Carlos, con dereitos de rexencia para este (os dous fillos eran menores de idade). Tamén se concertou o enlace de María de Hungría co seu fillo Carlos II de Anjou, coñecido como o Coxo, e que a súa filla Isabel casara con Ladislau IV de Hungría.

En 1270 partiu nunha nova cruzada (a oitava) xunto a Lois IX de Francia a Tunes. O rei Lois morreu de peste antes de que chegara Carlos, que negociou co emir tunesino a retirada. En 1271, como dominador de Durazzo, foi recoñecido como rei de Albania polos señores locais tras a morte de Miguel II. Miguel, non obstante, repartira os ses dominios entre os seus dous fillos, Andrónico Nicéforo (Despotado de Epiro) e Xoán (norte de Tesalia), así que Carlos non foi realmente rei até a renuncia (1273) de Nicéforo.

Por eses tempos, os xibelinos recuperaron posicións en Italia: Xénova, Montferrato, Pavia, Novara, Verona e Mantua. O gobernador (senescal) da Lombardía, designado por Carlos, foi derrotado en 1275 e os anxevinos evacuaron o Piemonte, a Lombardía e, finalmente, Milán, en 1277. O novo papa Nicolao III, pertencente á casa de Orsini, rival tradicional da casa de Anjou, non axudou a mellorar a situación, senón que fixo perder a Carlos Boloña e outras cidades (até 1280 non chegou ao papado Martiño IV, que era francés).

En 1277 comprou os dereitos ao título de rei de Xerusalén a María de Antioquía e mandou a Roger de San Severino para tomar posesión do Reino, obtendo a conquista de Acre a Hugo III de Chipre. En 1280, o papa Martiño IV, era favorábel para que Carlos conquistara Constantinopla, da que Carlos reclamaba o trono como emperador latino fronte ao emperador bizantino Miguel VIII Paleólogo. Carlos declarou unha cruzada contra Bizancio alegando incumprimento da unión das Igrexas grega e latina (Miguel prometera someter a Igrexa oriental ao papa).

Carlos empezou a reunir un exército en Berat (Albania) o mes de agosto, disposto a conquistar Constantinopla. Mentres, o rei Pedro III de Aragón e os bizantinos repartían fondos para conseguir o apoio dos sicilianos contra Carlos. En 1281, o exército de Carlos, no que figuraban tropas papais, de Serbia, Bulgaria, Acaia, Tesalia, Epiro, Atenas e Venecia, foi derrotado polos bizantinos, aliados de Hungría, Exipto, o Khanato da Horda de Ouro e o Reino de Aragón.

Perda de Sicilia

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Vésperas sicilianas.

En 1282, o influente nobre siciliano Xoán de Procida, que fora médico de Manfredo, organizou a revolta xeral contra os anxevinos e a favor da Coroa de Aragón. A rebelión estalou o 30 de marzo de 1282 e foi coñecida como as Vésperas sicilianas. Os franceses da illa foron asasinados. Unha delegación dos rebeldes foi ao encontro do rei Pedro no norte de África (no mes de agosto) e ofrecéronlle a coroa. Pedro dirixiuse á illa e desembarcou en Trapani o 29 de agosto; o día 30 entrou en Palermo. O bispo de Cefalú corouno como rei o 8 de setembro. Os sicilianos ao servizo do príncipe Pedro foron vencidos en Magliano di Marsi, aínda que os anxevinos sufriron unha derrota definitiva en Mesina; perderon nesta batalla uns 10 000 soldados. Todas as cidades da illa, así como as de Malta, sometéronse ao rei Pedro, se ben Carlos seguía conservando o sur de Italia, no que continuaba chamándose rei de Sicilia, a pesar de non dominar ese territorio.

Chegada de Pedro III de Aragón a Trapani, Sicilia, en 1282
(Biblioteca do Vaticano).

Unha frota anxevina foi derrotada cerca de Nápoles. O papa Martiño IV, adicto a Carlos, declarou ao rei Pedro privado dos seus reinos e deulle a investidura a Carlos de Valois, segundo fillo do rei Filipe III de Francia. Os franceses ocuparon o Val de Arán, pero non puideron seguir avanzando. No ano seguiente intentárono coas tropas que tiñan no Reino de Navarra, pero tamén fracasaron e, no contraataque, as tropas da Coroa de Aragón asediaron a cidade de Tudela. No último intento en 1285, os franceses entraron polo territorio rosellonés do rei de Mallorca e acamparon en Elna e Perpiñán, cruzando pola Massana no mes de xuño. Ocuparon Castelló de Ampuries e asediaron Xirona o 26 de xuño. Tomaron Figueres, Rosas, San Feliu de Guíxols e Blanes; Perelada foi destruída sen conseguir rendela, pero a frota francesa foi derrotada polos aragoneses entre Rosas e San Feliu e, de forma definitiva, fronte a Cadaqués o 4 de setembro.

Xirona rendeuse o 5 de setembro mentres a frota marchaba a atacar Provenza; nese momento, a peste estendeuse entre os franceses, que evacuaron Xirona o 7 de setembro, pero encontráronse coa retirada cortada no Pertús e na Massana. Ao estaren moitos dos soldados enfermos acordose non atacalos e se lles deixou pasar por Agullana.

O rei Filipe III de Francia, que acompañaba ao seu fillo Carlos de Valois, conseguiu chegar a Perpiñán, pero morreu de peste o 5 de outubro. Carlos recibiu de seu irmán, o novo rei Filipe IV de Francia, o condado de Valois.

En 1283, Carlos de Anjou nomeou a Guillerme de Berardi vicerrei de Albania, con sede en Durazzo. Mentres Pedro atacaba Calabria e ocupaba Reggio e outros lugares, Carlos recuperaba Ischia. Nesta delicada situación, a nobreza aragonesa conxurouse na Unión (xuramentos de Tarazona e Zaragoza) e reclamou dereitos que o rei Pedro tivo que conceder (un privilexgio xeral ademais de privilexios locais) coa excención de impostos para establecerse en Sicilia e Calabria. Unha revolta pro-anxevina en Sicilia foi rapidamente dominada no mes de maio. Carlos intentou ocupar a illa de Malta, que declarara a favor de Pedro, pero que aínda non estaba ocupada polos aragoneses; pero a frota aragonesa, baixo o mando de Roger de Lauria, derrotou aos anxevinos nas súas augas o 3 de maio e os aragoneses desembarcaron finalmente en Malta.

Final do reinado

[editar | editar a fonte]

A frota aragonesa atacou Nápoles e recuperou Ischia, conquistando tamén Capri. A frota de Roger foi atacada cerca de Nápoles pola anxevina, baixo o mando de Carlos o Coxo. Despois dun primeiro contacto, Roger de Lauria finxiu retirarse cara a Castellamare pero parou en seco e iniciou o combate en pleno golfo de Nápoles, conseguindo destruír á tropa anxevina o 5 de xuño de 1284. Carlos o Coxo foi feito prisioneiro.

Sepulcro de Carlos de Anjou.

En Nápoles estalou un motín popular a favor de Pedro, que foi brutalmente reprimido polos franceses (6, 7 e 8 de xuño). Despois de deixar ao seu nobre prisioneiro en Sicilia, Roger de Lauria pasou a Calabria en agosto e ocupou Nicotera, Catelvetro e Castroiviceri. Despois trasladouse ao norte de África, onde conquistou a illa de Xerba.

Carlos de Anjou morreu o 7 de xaneiro de 1285 en Foggia. O seu corpo foi trasladado a Nápoles e enterrado na catedral.[3]

O seu fillo Carlos II o Coxo (Carlos II de Anjou) foi proclamado sucesor.

Ao estar prisioneiro dos aragoneses, designáronse rexentes ao seu sobriño, o conde Roberto II de Artois e a Xerardo de Parmo.

Escudos de armas

[editar | editar a fonte]

Antepasados de Carlos I de Anjou

[editar | editar a fonte]

Descendencia

[editar | editar a fonte]

Do seu primeiro matrimonio con Beatriz I da Provenza (1234-1267), condesa da Provenza e de Forcalquier, tivo:

Do seu segundo matrimonio con Margarida de Borgoña (1248-1308), naceu unha soa filla:

  • Margarida de Anjou (xaneiro/febreiro 1272 † 1276/1277).

Carlos de Anjou na literatura

[editar | editar a fonte]

Na Divina Comedia, Dante Alighieri mostra a Carlos de Anjou no purgatorio, "cantando en acorde" con Pedro III de Aragón no val dos príncipes neglixentes.[17]

Predecesor:
Xoán I
(fillo de Lois VIII de Francia)
Conde de Anjou e de Maine
12321285
Sucesor:
Carlos II
Predecesor:
Beatriz I
Conde da Provenza
12451285
(con Beatriz da Provenza até 1267)
Sucesor:
Carlos II
Predecesor:
Manfredo I

Rei de Sicilia

12661285
(Desde 1282 en guerra contra Pedro III de Aragón, rei rival)
Sucesor:
Carlos II (como rei de Nápoles)
Pedro I (como rei de Sicilia)
Predecesor:
Nova creación
Rei de Albania
1272 - 1285
Sucesor:
Carlos II
Predecesor:
Hugo III de Chipre

Rei de Xerusalén

1277[18][19] - 1285
(En guerra e en disputa con Hugo III de Chipre e Xoán I de Chipre)
Sucesor:
Carlos II
Predecesor:
Guillerme II
Príncipe de Acaia
1278 - 1285
Sucesor:
Carlos II
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Charles of Anjou", Encyclopædia Britannica, 2010.
  2. I Vespri siciliani.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Carlo I d'Angiò, re di Sicilia.
  4. Grenon, Michel (2012). Charles d'Anjou: Frère conquérant de Saint Louis (en francés). Paris: Editions L'Harmattan. p. 95. ISBN 9782296510593. 
  5. Valdeón Baruque, Julio (2011). Alfonso X el Sabio: La forja de la España moderna. Grupo Planeta. p. 68. ISBN 9788499980461. 
  6. Suárez Fernández, Luis (1976). Historia de España Antigua y Media 2. Rialp. p. 156. ISBN 9788432118821. 
  7. Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 100. ISBN 9780521437745. 
  8. www.storiadimilano.it Storia de Milano de Paolo Colussi e Maria Grazia Tolfo.
  9. Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 119. ISBN 9780521437745. 
  10. De Sismondi, Jean-Charles-Léonard (1864). A history of the Italian republics: being a view of the origin, progress and fall of Italian freedom. Harper. p. 94. 
  11. Zeller, Jules (1858). Historia de Italia: desde la invasión de los bárbaros hasta nuestros días 1. Librería española. p. 273. 
  12. Previté-Orton, Charles William (1975). The shorter Cambridge medieval history 2. Cambridge University Press. pp. 764–765. ISBN 9780521099776. 
  13. Giraud, François (2007). La croix d'Anjou au coeur de la Provence. Editions Le Manuscrit. p. 83. ISBN 9782304007862. 
  14. Singleton, Charles Southward (1991). Dante Alighieri, The divine comedy, Purgatorio. 2:commentary. Princeton University Press. p. 158. ISBN 9780691019109. 
  15. Lodge, Richard (2005). The Close of the Middle Ages 1273 to 1494 3. Kessinger Publishing. p. 7. ISBN 9781417901241. [Ligazón morta]
  16. Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 155. ISBN 9780521437745. 
  17. Divina Comedia, Purgatorio, VII, 112-114.
  18. Riley-Smith, Jonathan Simon Christopher (2005). The Crusades: A History (en inglés). Yale University Press. p. 242. ISBN 9780300101287. 
  19. Weiss, Daniel H.; Mahoney, Lisa (2004). France and the Holy Land: Frankish Culture at the End of the Crusades (en inglés). Johns Hopkins University Press. p. 53. ISBN 9780801878237. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cadier, L. (1891): Essai sur l'administration du Royaume de Sicile sous Charles I et Charles II d'Anjou, París, 1891. ler en liña.
  • Cardini, Franco e Marina Montesano (2006): Storia medievale. Firenze: Le Monnier. Col. Università/Storia. ISBN 88-00-20474-0.
  • Correnti, Santi (1999): Storia della Sicilia. Roma: Newton & Compton. ISBN 88-8289-264-6.
  • Grenon, Michel (2012): Charles d'Anjou: frère conquérant de Saint Louis. París: L'Harmattan. ISBN 978-2-3360-0345-0.
  • Hélary, Xavier (2016): La dernière croisade. París: Perrin. 978-2-2620-3819-9.
  • Houben, Hubert (2009): Federico II. Imperatore, uomo, mito. Bologna: il Mulino. ISBN 978-88-15-13338-0.
  • Jehel, Georges (1954): Charles d'Anjou (1226-1285): un Capétien en Méditerranée. CAHMER Université de Picardie Jules Verne.
  • Jordan, E. (1909): Les origines de la domination angevine en Italie, pp. 410–615. París. ler en liña.
  • Léonard, E. G. (1954): Les Angevins de Naples. París: PUF.
  • Montanelli, Indro e Roberto Gervaso (1967): "L'Italia dei secoli d'oro. Il Medio Evo dal 1250 al 1492", en Storia d'Italia. Milano: Rizzoli Editore.
  • Théry, Julien (2014): "Les Vêpres siciliennes", en Les trente nuits qui ont fait l'histoire Belin, p. 89-103, ler en liña.
  • Tonnerre, Noël-Yves e Élisabeth Verry (2003): Les Princes angevins du XIIIe au XVe siècle: un destin européen. Rennes: Presses Universitaires de Rennes (PUR), Col. Histoire. ISBN 2-8684-7735-6.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]