Igrexa de Bro
Igrexa de Bro | |
---|---|
Datos xerais | |
País | Suecia |
Rexión | Gotland |
Localización | Bro |
Coordenadas | 57°40′12″N 18°28′29″L / 57.67008333, 18.47469444 |
Culto | |
Culto | Igrexa de Suecia |
Diocese | Diocese de Visby |
Páxina web | https://www.svenskakyrkan.se/norragotland/bro-kyrka |
[ editar datos en Wikidata ] |
A igrexa de Bro (sueco: Bro kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Bro, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia
[editar | editar a fonte]A presente igrexa está probablemente situada nun antigo lugar sagrado pre-cristián. Existe un pozo preto da igrexa que segundo a tradición era usado para realizar sacrificios. Mái concretamente, a zona é rica en restos antigos, entre os que destacan varias pedras pintadas que datan do século V.[1][2][3]
No lugar probablemente foi construída unha primeira igrexa cristiá na forma dunha stavkirke durante o século XII, pero non quedan restos dela.[3] A construción da igrexa de pedra actual probablemente comezou a principios do século XIII.[1] A torre, da década de 1240, é un resto do anterior edificio románico.[3] Durante a metade do século XIII unha nova ábsida gótica substituíu a anterior de estilo románico, e do mesmo xeito levantouse unha nova nave a finais do mesmo século. Durante ese período foise engadindo sucesivamente a rica decoración medieval interior da igrexa.[1][2]
Dende entón non se realizaron grandes cambios no exterior da igrexa. Porén, o seu interior foi afectado polo engadido de ornamentos adicionais e intentos de repintar os antigos frescos en 1686, arruinando ata certo punto as pinturas medievais. Varios dos detalles do interior, como o púlpito e o retablo, tamén se engadiron durante a época barroca. Aínda así, a igrexa de Bro é unha das igrexas medievais mellor conservadas de Gotland.[1][2][3]
Arquitectura
[editar | editar a fonte]A igrexa de Bro amosa unha mestura de arquitectura e arte románica e gótica, con varios detalles barrocos.[1] A torre é un robusto edificio románico. A nave é unha alta habitación gótica con amplas bóvedas que non descansan en piares de apoio senón que chegan ás paredes.[3] A ábsida é recta en vez de ser semicircular, algo típico para as igrexas de Gotland.[1]
Varios frisos románicos, que datan da anterior igrexa, foron incorporados fortuitamente ao muro exterior da igrexa gótica. Algunhas pedras talladas considerablemente máis antigas tamén foron encerradas nos seus muros. A igrexa ten un portal sur ricamente tallado, con capiteis representando, nun lado a infancia de Xesús, a resurrección e o inferno, e no outro unha follaxe intrinsecamente tallada.[1][2]
Os frescos cobren gran parte do interior da igrexa. As pinturas medievais orixinais amosan escenas da Paixón de Cristo, e de Cristo en Maxestade.[2] En distintas partes eses frescos foron pintado durante o século XVII con motivos de acantos e outras decoracións. A igrexa de Bro aínda ten a súa pía bautismal románica orixinal, un traballo do escultor Sigraf.[1]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Interior da igrexa
-
Portal sur da nave
-
Capitel do portal sur da nave
-
Pía bautismal
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 104–107. ISBN 9129410355.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Jonsson, Marita; Lindquist, Sven-Olof (1987). Gotlands fornsal, ed. Vägen till kulturen på Gotland. Visby. pp. 99–100. ISBN 91-971048-1-7.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Andrén, Anders (2011). Historiska Media, ed. Det Medeltida Gotland. En arkeologisk guidebok. Lund. pp. 167–169. ISBN 978-91-85873-83-8.