Saltar ao contido

Igrexa de Rone

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Rone
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland
LocalizaciónRone
Coordenadas57°12′32″N 18°26′29″L / 57.20899, 18.4413
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Rone (sueco: Rone kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Rone, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

A presente igrexa gótica é moi probable que estivese precedida por outra igrexa románica máis pequena. Desa primeira igrexa só se conservan algúns fragmentos incorporados ao edificio actual. As partes máis antigas da igrexa son a nave e o coro, construídos ao redor do ano 1300, sendo a parte baixa da torre da mesma data. Durante a primeira metade do século XIV aumentouse a súa altura, sendo a alta torre a parte máis recente do edificio. Dende entón a igrexa permaneceu case intacta.[1]

Entre os anos 1913 e 1915 a igrexa foi restaurada, e entre 1954 e 1955 pasou novamente por obras de restauración levadas a cabo polo arquitecto Eiler Graebe.[1]

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

A igrexa é unha relativamente homexénea igrexa gótica.[1] A alta torre de 60 metros foi usada como axuda á navegación xa dende a Idade Media.[1] Foi feita polo mesmo taller do canteiro responsable das torres das igrexas de Öja, Stånga, Dalhem e Gothem, un artista anónimo ao que os historiadores bautizaron como Master Egypticus. O portal norte da torre ten un relieve de pedra representando a San Botvid acostado sobre un peixe; un motivo atopado en todas as igrexas de Master Egypticus. Os dous portais sur da igrexa, que conducen á nave e ao coro, tamén contan con capiteis esculpidos.[1]

No seu interior a igrexa está decorada con frescos de dous períodos diferentes. Os máis antigos, de ao redor do ano 1300, son soamente decorativos e representan motivos florais. O outro conxunto é de mediados do século XV e o seu autor é o artista anónimo coñecido como Passionsmästaren. Este grupo amosa escenas da Paixón de Cristo, a infancia de Xesús e (posiblemente) o sacrificio de Isaac.[1] A igrexa tamén ten algunhas vidreiras con paneis medievais. Estes atópanse entre os máis antigos do seu tipo en Gotland e pode que fosen colocados orixinalmente na igrexa románica anterior. No presente están nas tres fiestras do leste e complementáronse con imitacións durante a restauración levada a cabo entre 1913 e 1915. As vidreiras medievais mostran escenas da infancia de Xesús, a resurrección de Lázaro e de María Magdalena, entre outros motivos relixiosos.[1]

Entre o mobiliario da igrexa destaca a cruz triunfal e as súas dúas figuras adxacentes que representan a María e a Xoán o Evanxelista, nunha peza local creada ao redor de 1400. Tamén se conserva unha capa medieval na colección da igrexa. O resto do mobiliario é de despois da Reforma. O retablo é de 1694, o púlpito de 1595, a pía bautismal foi realizada en 1664, os bancos son dos séculos XVII e XVIII e o órgano de 1876.[1]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 226–228. ISBN 9129410355.