Saltar ao contido

IES Valle Inclán

(Redirección desde «Instituto Valle Inclán de Pontevedra»)
IES Valle Inclán
Fachada principal na Gran Vía de Montero Ríos
Enderezo
Gran Vía de Montero Ríos, Pontevedra
Datas
Creación1845 (Instituto de Segunda Ensinanza de Pontevedra)
1963 (Instituto Feminino)
Edificio actual1905-1927
Reformas1972, 2023
Educación
EnsinanzasEducación secundaria obrigatoria e bacharelato
Xestión
TipoPúblico
Xunta de Galicia
Outros nomes
Instituto Feminino de Pontevedra
Na rede
Web

O IES Valle Inclán é un instituto de educación secundaria e un grande edificio ecléctico con elementos modernistas situado no centro da cidade de Pontevedra. Leva o nome do escritor Valle-Inclán que estudou e viviu en Pontevedra. O edificio é obra dos arquitectos Joaquín Rojí López-Calvo e José Lorite Kramer.

Localización

[editar | editar a fonte]

O instituto está situado no lado máis occidental da Gran Vía de Montero Ríos (construída na década de 1870), fronte á Alameda de Pontevedra, no novo barrio burgués creado pola derriba das murallas da cidade en 1855. A construción doutros grandes edificios como o Pazo da Deputación de Pontevedra, ou o edificio da Escola Normal de Pontevedra fixeron deste lugar o grande espazo de lecer da burguesía da cidade a finais do século XIX e nas primeiras décadas do século XX.

O Instituto Provincial de Segunda Ensinanza de Pontevedra[1] (posteriormente denominado Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra e Instituto Nacional de Ensino Medio de Pontevedra[2]) foi creado por Real Orde do 30 de outubro de 1845 ao abeiro do Plan Xeral de Estudos (coñecido como Plan Pidal), que creaba un centro de ensino secundario en cada capital de provincia española.[3] O Instituto Público Provincial de Segunda Ensinanza de Pontevedra inaugurouse o 19 de novembro de 1845 e a súa sede estableceuse no antigo Colexio dos Xesuítas, desamortizado uns anos antes e situado no edificio contiguo á igrexa de San Bartolomeu. En 1880, o colexio acolleu parte da Exposición Rexional que tivo lugar na cidade.[4]

En 1903 trasladouse ao edificio da Escola Normal, para poñer fin aos numerosos gastos ocasionados polas reparacións do antigo Colexio dos Xesuítas. A iniciativa oficial para a construción dun novo edificio para o instituto partiu do Ministro de Instrución Pública e Belas Artes, Manuel Allendesalazar Muñoz, a principios de 1903, cando se convocou un concurso para a elaboración do proxecto.[5] O Concello de Pontevedra cedeu os terreos anexos ás Ruínas do Convento de Santo Domingo, que estaban ocupados en parte polo hospicio no soar do derruído convento dominico. Coa súa construción completouse a gran avenida de grandes edificios oficiais da Gran Vía. Ademais do instituto, os edificios do Pazo da Deputación de Pontevedra e a antiga Escola Normal deron forma a esta nova arquitectura oficial das últimas décadas do século XIX.

O proxecto dos arquitectos Joaquín Rojí López-Calvo e José de Lorite Kramer foi seleccionado en xullo de 1904, segundo consta nunha acta do instituto. A obra sacouse a concurso cun custo de 575.109,20 pesetas. O edificio constaba de dous patios, capela, biblioteca e laboratorios.[6] As obras foron promovidas polo ministro Augusto González Besada (antigo alumno do instituto). O 5 de xaneiro de 1905 chegaron desde Madrid para activar a construción do Instituto Xeral e Técnico Provincial de Pontevedra os dous arquitectos autores do proxecto do edificio e reuníronse co alcalde Bernardo López Suárez e o contratista,[7] Manuel Domínguez.[8] O 4 de maio os arquitectos acudiron novamente á cidade e realizouse o trazado de planta do instituto sobre o soar para dar inicio ás obras.[9] En febreiro de 1906 deuse un impulso ás obras de construción do edificio[10], nas que en abril e os meses seguintes xa traballaban numerosos obreiros[11][12][13], sendo o material conducido por medio de carros.[14]

As obras termináronse a principios de 1926, tardando máis do previsto debido á crise económica. O arquitecto Joaquín Rojí acudiu a Pontevedra o 28 de febreiro de 1926 para dar o visto e prace ao edificio. A continuación, encargóuselle o orzamento para o seu acondicionamento interior, que tardou máis dun ano. O instituto foi inaugurado o 27 de setembro de 1927 polo rei Afonso XIII durante unha visita a Pontevedra.[15][16]

Antiga placa do Instituto Nacional Valle-Inclán na fachada principal

Na posguerra, os alumnos do instituto (mozos e mozas) estaban separados en dúas plantas diferentes con entradas independentes. En 1963 creouse o instituto feminino de Pontevedra (a partir da división do Instituto Nacional de Pontevedra en masculino e feminino), que se convertería no actual Instituto Valle-Inclán, e reformouse o edificio, no que permanecería o instituto feminino. O instituto feminino trasladouse temporalmente en 1964 ao edificio da Escola Normal durante as obras de reforma.[17] A última reforma completa do edificio realizouse en 1972.[18]

En 2023 iniciarase unha importante reforma do edificio, na que a Xunta de Galicia investirá 4,7 millóns de euros. Entre outras melloras, substituiranse todas as fiestras do edificio, renovaranse os sistemas de auga quente, calefacción e iluminación e mellorarase a estrutura do edificio reforzando os forxados e renovarase a cuberta metálica do patio cuberto.[19][20]

Durante o século XX, profesores de renome como Castelao, Gonzalo Torrente Ballester, Aquilino Iglesia Alvariño, Jesús Muruais, Emilio Álvarez Giménez, Víctor Said Armesto, Antón Losada Diéguez, Xosé Filgueira Valverde e Bibiano Fernández Osorio-Tafall fixeron o instituto de Pontevedra o suficientemente famoso como para ser un dos máis recoñecidos no ámbito da educación.[21]

É un dos poucos antigos institutos españois que conservou o seu uso orixinal ao longo dos anos, desde a inauguración do edificio.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

É un exemplo sobrio e elegante dos estilos ecléctico e Art Nouveau. A súa fachada principal e a súa entrada están situadas na gran vía de Montero Ríos, aínda que ten unha saída traseira que conduce a un patio traseiro de forma irregular pechado por un valo para uso do instituto e outra saída na esquina traseira onde se atopa a torre fronte ao Parque das Palmeiras.

Ten un soto, unha planta baixa e dous pisos superiores. Destaca a decoración de almofadado das fachadas e das portas e das xanelas art Nouveau, así como a decoración dos linteis das fiestras e dos lucernarios da parte central do tellado. A decoración da fachada componse principalmente de motivos xeométricos sobre as xanelas e portas e de motivos florais e pequenos círculos. Presenta no corpo central da fachada principal de entrada unha decoración modernista: unha gran ventá con lintel curvo e un ritmo xeométrico secesionista. Ten unha torre na que residían os directores do instituto durante os primeiros anos da súa existencia.[22]

No interior, hai unha grande escaleira central de mármore iluminada por un gran lucernario modernista co escudo de Pontevedra, que permite o acceso á primeira planta e termina fronte ao gran salón de actos do instituto ou paraninfo. O edificio conta con varias escaleiras laterais que conectan coas diferentes plantas, que orixinalmente eran de madeira e de caracol.[21] A composición do edificio é simétrica e regular, coas aulas da á principal do edificio organizadas ao redor dun patio central rectangular con cuberta metálica rodeado de grandes ventás que achegan luz. O edificio ten 8 300 metros cadrados de superficie e 323 xanelas en catro plantas.[23]

Na planta baixa atópase a biblioteca do instituto.[24] Esta gran sala ten unha escaleira de madeira que conduce a un nivel superior, onde hai unha pasarela que rodea os andeis e unha varanda de madeira.[25]

No instituto estudan máis de 760 alumnos.[19]

En 1966 aprobouse unha proposta de Gonzalo Torrente Ballester[26] e o instituto adoptou o seu actual nome "Valle-Inclán" pola relación deste escritor coa cidade, onde estudou, viviu, escribiu e publicou o seu primeiro libro "Femininas" en 1895. Valle-Inclán, á idade de 12 anos, comezou os seus estudos secundarios en Pontevedra, que tamén completou en Pontevedra en 1883.[27]

O instituto foi o lugar de nacemento da aula Castelao de Filosofía e, ao mesmo tempo, da Semana Galega de Filosofía.[28]

  1. "Descripción Geográfica, Estadística, Económica e Histórica de la Ciudad capital de Pontevedra" de Claudio Gonzalez Zúñiga 1848". 
  2. "Ley 14/1970, de 4 de agosto, General de Educación y Financiamiento de la Reforma Educativa. Article 61" (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 6 de agosto de 1970. 
  3. "Ernesto Caballero, el director". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de agosto de 2017. 
  4. Fortes Bouzán, Xosé; Castelo Tettamancy, Mª Carmen; Fernández Arruti, Mª Carmen; Martínez Tobío, Mª Dolores; Mesejo Gozález, Casimiro; Núñez Fírvida, Mª Teresa; Rodríquez Gil, Rafael; Santillán Pedrosa, Elena; Valderrama Currás, Carmen (1997). O instituto de Pontevedra Século e medio de historia 1845-1995. Deputación de Pontevedra. ISBN 84-88363-96-6. 
  5. "Cuando el Instituto se instaló en la Alameda". Faro (en castelán). 27 de setembro de 2015. 
  6. "El 'Instituto de Pontevedra 1845-1963' en la Sala Musart". Diario de Pontevedra (en castelán). 19 de decembro de 2021. 
  7. "Llegan desde Madrid los arquitectos del nuevo Instituto Provincial". El Diario de Pontevedra (en castelán). 7 de xaneiro de 1905. 
  8. "Puesta al cobro por la Delegación de Hacienda al contratista Manuel Domínguez". El Diario de Pontevedra (en castelán). 12 de decembro de 1905. 
  9. "Realizado el replanteo sobre el solar del instituto para iniciar las obras". El Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de maio de 1905. 
  10. "Impulso a las obras de construcción del Instituto Provincial". El Diario de Pontevedra (en castelán). 3 de novembro de 1905. 
  11. "Las obras del Instituto continúan a pesar de la huelga". El Diario de Pontevedra (en castelán). 10 de abril de 1906. 
  12. "Muchos obreros se comprometen a trabajar diez horas en las obras del Instituto". El Diario de Pontevedra (en castelán). 18 de maio de 1906. 
  13. "Cada día es mayor el número de obreros en las obras del nuevo instituto". El Diario de Pontevedra (en castelán). 12 de xuño de 1906. 
  14. "Reparación del pavimento de la Gran Vía en mal estado a causa de las obras del Instituto". El Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de agosto de 1906. 
  15. "Cuando el Instituto se instaló en la Alameda". Faro (en castelán). 27 de setembro de 2015. 
  16. "1927: Alfonso XIII y Victoria Eugenia en Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de setembro de 2020. 
  17. "Ladrillo de lujo". Faro (en castelán). 10 de febreiro de 2011. 
  18. "La rehabilitación integral del IES Valle Inclán se iniciará este año y se invertirán 2,5 millones". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de xaneiro de 2021. 
  19. 19,0 19,1 "La ambiciosa rehabilitación del IES Valle Inclán supondrá una inversión de 4,7 millones". Diario de Pontevedra (en castelán). 31 de agosto de 2022. 
  20. "A Xunta de Galicia investirá 4,7 M€ na reforma total do IES Valle-Inclán de Pontevedra, "unha obra histórica para un instituto histórico con 114 anos" - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2023-05-03. 
  21. 21,0 21,1 "Una generación de profesores se despide". Faro (en castelán). 20 de xuño de 2010. 
  22. ""Mi madre sufrió aquí en silencio tanto o más que mi padre en el exilio"". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de abril de 2009. 
  23. "La reforma del IES Valle-Inclán comenzará en 2023 con un presupuesto previsto de 4,7 millones de euros". Pontevedra Viva. 31 de agosto de 2022. 
  24. "El centenario edificio del instituto Valle Inclán será reformado integralmente". Cadena SER (en castelán). 18 de xaneiro de 2021. 
  25. "Los IES se reorganizan con 51 nuevos docentes". Diario de Pontevedra (en castelán). 17 de setembro de 2020. 
  26. "Medio siglo portando a Valle Inclán como símbolo del instituto". Pontevedra Viva (en castelán). 28 de outubro de 2016. 
  27. "Pontevedra reivindica a su vecino Valle-Inclán". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de outubro de 2016. 
  28. "El Instituto Valle-Inclán celebra su medio siglo homenajeando al escritor". Diario de Pontevedra (en castelán). 28 de outubro de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 94. ISBN 978-8403509344. 
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 413. ISBN 978-84-8457-327-2. 
  • Fortes Bouzán, Xosé (1997). O Instituto de Pontevedra. Século e medio de historia. 1845-1995. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 47. ISBN 978-8488363961. 
  • González Zúñiga, Claudio (1848). Descripción Geográfica, Estadística, Económica e Histórica de la Ciudad Capital de Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Establecimiento Tipográfico de la Viuda de Pintos. p. 14. 
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 47. ISBN 9788482890852. 
  • El nuevo edificio para Instituto General y Técnico, de Pontevedra. La Construcción Moderna Año XXVI.—Núm. 2 (en castelán) (Madrid: La Construcción Moderna). 1928. p. 20. ISSN 1889-8408. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]