Lingua náhuatl nos Estados Unidos de América
A lingua náhuatl é falada nos Estados Unidos principalmente por inmigrantes mexicanos de comunidades indíxenas e por chicanos que a estudan e falan como segunda lingua. Malia que non existe un censo oficial da lingua no país norteamericano, calcúlase que hai uns 140.800 falantes de náhuatl.[1][2][3][4][5][6] Durante as últimas décadas, os Estados Unidos levou a cabo moitas iniciativas educativas destinadas a ensinar o náhuatl como lingua de herdanza cultural.[7]
Grazas a fontes de primeira man recollidas ao longo de varias décadas, sábese que existen comunidades náhuatls nas cidades dos Ánxeles, Houston, Chicago, Atlanta e Riverside, sendo coñecidas as dúas primeiras como "cidades capitais da migración náhuatl"[8] xa que se estabeleceron como referentes internacionais da rexión nahua dende a década de 1980, consolidándose como redes comunitarias.[9][10] En California, o náhuatl é a cuarta lingua indíxena de México que está máis presente no sector agrícola do estado, por detrás do mixteco, do zapoteco e do triqui.[11]
O "California Indigenous Farmworker Study" (IFS) estima, en base á California Indigenous Community Survey (ICS) que, só nas zonas rurais dese estado, hai uns 165.000 mexicanos que falan unha lingua indíxena orixinaria dos estados de Oaxaca (zapoteco, mixteco, mazateca, mixe, triqui), Guerrero (náhuatl, mixteco, tlapaneco, amuzgo), Puebla (náhuatl, totonaco) e Michoacán (purépecha, náhuatl), principalmente. Porén, non se detalla o número de falantes de cada lingua e tampouco se inclúe a poboación que a fala nas zonas urbanas.[12]
Uso no ensino
[editar | editar a fonte]Moitas universidades, centros e escolas dos Estados Unidos ofrecen clases de náhuatl. A primeira universidade en iniciar un programa de ensino foi a Universidade Yale, en 1998.[13][14] A Universidade de Utah é unha das varias institucións académicas dos Estados Unidos que ensinan regularmente a lingua náhuatl.[15] Tamén hai profesores de náhuatl que imparten clases na Universidade de Texas.[16][17] O Instituto Latinoamericano da Universidade de California nos Ánxeles ten un programa de clases en náhuatl.[18] A Universidade de Arizona ofrece o curso de idiomas dende 2020, impartido por un falante nativo da Universidade Nacional Autónoma de México.[19]
Unha escola chárter en Lynwood ofrece clases de náhuatl aos seus estudantes de secundaria, grazas a un estudante de posgrao da UCLA. Ademais, un falante nativo de náhuatl leva 26 anos impartindo clases de náhuatl nunha igrexa local de Santa Ana.[18] Outra institución educativa, Academia Semillas del Pueblo, é unha escola concertada dos Ánxeles onde se ensina a lingua e cultura náhuatl a estudantes de todas as idades.[20]
Uso da lingua
[editar | editar a fonte]As primeiras comunidades náhuatl no que hoxe son os Estados Unidos procedían da colonización tlaxcalense no norte do Vicerreinado de Nova España.[21][22]
A diferenza das outras linguas de México que se falan nos Estados Unidos, unha gran parte dos falantes de náhuatl son mexicano-estadounidenses. Moitos membros deste grupo crearon a súa propia identidade conectando coa cultura azteca. Xa que o náhuatl é identificado como a lingua dos aztecas, os chicanos apropiáronse del como símbolo da súa identidade. Son moitos os que falan náhuatl con mexicanos nativos e outros que prefiren só falalo con outros chicanos. Así mesmo, a conexión náhuatl coa súa propia identidade é o motivo polo que moitos deles teñen nomes náhuatl.[20]
Por outra banda, o náhuatl é usado polos presos nos cárceres de Novo México, California e outros estados para falar en código, unha cuestión que preocupou moito aos funcionarios.[23] En moitas prisións dos Estados Unidos, os chicanos encargáronse de promover a lingua dentro do sistema penitenciario (usándoa como "fala da prisión"). Normalmente, os presos tamén usan a lingua para confundir e provocar aos gardas, como no caso coñecido dun recluso que é increpado por un garda que lle di á súa amiga "¿tlen ahko ika inon siwatl?" (Que ten con esa muller?). Tamén lles ensinan a lingua aos novos reclusos, e hai casos de persoas de etnias distintas dos mexicanos-estadounidenses que acabaron aprendendo a lingua porque a escoitaban todos os días.[24]
En New Folsom, California, o persoal interceptou un dicionario náhuatl, que mostra a adaptación do significado de moitas palabras que acabaron formando o argot dos reclusos empregado cando falan a lingua. Deste xeito, os achkawtli (xefes) das bandas emiten as súas ordes secretas en náhuatl para que os pitsomeh (porcos/policías) non poidan entender o que están facendo ou artellando.[25] Ademais destes dous termos, algunhas das palabras, variacións e significados deste argot son:kalpolli (escola), siwatl (dama), kwilonyotl (punk), ixpol (norteños), kanpol (sureños), kawayoh (heroína), makwawitl (club de guerra), malinalli (marihuana), mika (irmán), toka (bocalán), momo (a túa man), kimichimi (espía), tekoni (falar), tla (si), ma (non), ti (ti), tlilli pol (negros), topileh (lei), towia (soldado), itstolli (perna), awilnema (coito), wel (bo), mixchiya (agarda), mixpantsinko (saúdo), yakatl (punto), pochtekatl (comerciante), pilli pol (persoa pequena), oktli (aguriño), kan (sur), pilli (señor) e kalli (cela).[26]
En California, aínda que ás veces se describe o náhuatl sen probas como prevalente entre os inmigrantes, hai poucos falantes en calquera lugar do estado.[27] A Enquisa sobre Traballadores Agrícolas Indíxenas atopa que a gran maioría dos traballadores agrícolas que falan unha lingua indíxena americana tamén falaban outras linguas, e todas elas xuntas son só o 1%.[28] O náhuatl e o chatino están presentes en pequenas cantidades.[29] O náhuatl apareceu como elemento minoritario,[30](p15) xunto co acateco, o chatino, o purépecha, o kʼicheʼ e o zoque, na Enquisa Nacional de Traballadores Agrícolas de 2016.
No outono do ano 2016, unha escena enteira dun programa de televisión estadounidense foi filmada en español e náhuatl moderno, o que fixo que fose a primeira vez que se escoitase esta lingua nunha emisión estadounidense.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Project, Joshua. "Nahuatl, Huasteca Este in United States". joshuaproject.net (en inglés). Consultado o 2022-10-05.
- ↑ Project, Joshua. "Nahuatl, Guerrero in United States". joshuaproject.net (en inglés). Consultado o 2022-10-05.
- ↑ Project, Joshua. "Nahuatl, Puebla Norte in United States". joshuaproject.net (en inglés). Consultado o 2022-10-05.
- ↑ Project, Joshua. "Nahuatl, Istmo-Mecayapan in United States". joshuaproject.net (en inglés). Consultado o 2022-10-05.
- ↑ Project, Joshua. "Nahuatl, Tenango in United States". joshuaproject.net (en inglés). Consultado o 2022-10-05.
- ↑ Project, Joshua. "Nahuatl, Southeastern Puebla in United States". joshuaproject.net (en inglés). Consultado o 2022-10-05.
- ↑ "Nahuatl Across Borders (El Náhuatl Cruzando Fronteras)" (PDF). Center for U.S.-Mexican Studies.
- ↑ Nahuas en Estados Unidos. "Capitales migratorias" de una región indígena del sur de México. Universidad Nacional Autónoma de México, Coordinación de Humanidades, Centro de Investigaciones sobre América del Norte. 11 de xaneiro de 2019. ISBN 9789703253302.
- ↑ "Migraciones indígenas del sur de México: viajeros y norteños nahuas".
- ↑ Forte, Maximilian Christian (2010). Indigenous Cosmopolitans: Transnational and Transcultural Indigeneity in the Twenty-first Century (en inglés). Peter Lang. ISBN 978-1-4331-0102-1.
- ↑ "Lenguas indígenas". www.indigenousfarmworkers.org. Consultado o 2022-10-05.
- ↑ "Las poblaciones indígenas mexicanas en Estados Unidos" (PDF).
- ↑ "Yale to Offer Program Teaching the Nahuatl Language". YaleNews (en inglés). 1998-02-02. Consultado o 2022-11-25.
- ↑ "Piyali: How the Aztecs Said Hello | Yale Macmillan Center Newsletters". newsletter.macmillan.yale.edu. Consultado o 2022-11-25.
- ↑ "Nahuatl Spoken Here Marriott Library". www.lib.utah.edu. Consultado o 2021-02-21.
- ↑ Valenzuela, Liliana. "As Nahuatl wanes in Mexico, UT instructor tries to keep language alive". Austin American-Statesman (en inglés). Consultado o 2021-02-21.
- ↑ "Team – Nahuatlahtolli". tlahtolli.coerll.utexas.edu. Consultado o 2021-02-21.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 "Language of the Aztecs alive and well in Los Angeles". www.international.ucla.edu. Consultado o 2021-02-21.
- ↑ "Critical Languages Program Adds Course in Nahuatl". College of Humanities | University of Arizona (en inglés). 2019-12-09. Consultado o 2021-02-21.
- ↑ 20,0 20,1 "El náhuatl en Los Ángeles: el papel de una lengua indígena en la creación de la identidad chicana" (PDF).
- ↑ "La expansión tlaxcalteca al septentrión colonial novohispano" (PDF).
- ↑ McEnroe, Sean F. (2012-06-18). From Colony to Nationhood in Mexico: Laying the Foundations, 1560-1840 (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-1-107-00630-0.
- ↑ "Inmates use Aztec language to speak in code". KOAT (en inglés). 2012-04-20. Consultado o 2021-02-21.
- ↑ Hansen, Magnus Pharao (2017). "Nahuatl Inside: Transracial lives and experiences of neo-Aztec activists in the US" (en inglés). doi:10.13140/RG.2.2.11259.31527.
- ↑ "Rebirth of Nahuatl as Prison Argot | Responsive Translation" (en inglés). Consultado o 2021-02-21.
- ↑ Valdemar, Richard (17 de xaneiro de 2011). "A Nahuatl Dictionary". www.policemag.com (en inglés). Consultado o 2021-02-21.
- ↑ Miller, Leila (2021). "Zapotec in 90006, Kʼicheʼ in 90057: New map highlights L.A.'s Indigenous communities". Los Angeles Times. Consultado o 2022-08-28.
- ↑ "Lenguas indígenas". www.indigenousfarmworkers.org. Consultado o 2021-02-21.
- ↑ "Indigenous Agricultural Workers Fact Sheet". National Center for Farmworker Health. 2021. Consultado o 2022-08-28.
- ↑ Hernandez, Trish; Georges, Annie; Gabbard, Susan; Carroll, Daniel (decembro de 2016). "Findings from the National Agricultural Workers Survey (NAWS) 2011-2012 - A Demographic and Employment Profile of United States Farmworkers" (PDF). U.S. Department of Labor, Employment and Training Administration, Office of Policy Development and Research. pp. ii+131.
A Galipedia ten un portal sobre: Pobos indíxenas de América |