Saltar ao contido

Festival de Eurovisión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Festival de Eurovisión 1955»)
Escenario do Festival de Eurovisión da edición de 2018.
Netta Barzilai, gañadora da edición de 2018.

O Festival de Eurovisión (en inglés Eurovision Song Contest; en francés Concours Eurovision de la Chanson) é un festival da canción televisado, creado en 1956 de carácter anual e con participantes de numerosos países europeos, organizado pola Unión Europea de Radiodifusión. A representación dos diversos países escóllena as canles de televisión pública. O Festival retransmítese por televisión e radio en toda Europa. Nos últimos anos, o Festival retransmitiuse a moitas outras partes do mundo (é especialmente seguido en Australia) e tamén se difundiu a través de Internet.

O nome do concurso vén da Rede de Distribución de Televisión de Eurovisión, que está controlada pola Unión Europea de Radiodifusión (UER) e pode alcanzar audiencias potenciais de máis de mil millóns de persoas. Calquera membro da UER pode participar no Festival, incluíndo as televisións públicas dalgúns países africanos e asiáticos, concretamente as de Alxeria, Exipto, Israel, Xordania, Líbano, Libia, Marrocos, e Tunisia. Destes países non europeos, só Israel e Marrocos participaron no Festival. Tunisia tamén amosou interese en participar a finais dos 70. Líbano ía participar no 2005 pero retirouse porque non estaba disposta a retransmitir a actuación de Israel e a UER non consentiu ese corte na emisión do Festival.

Tanto o concurso coma a UER son independentes da Unión Europea.

Número de participantes

[editar | editar a fonte]

En 1956 cada televisión participante podía enviar dúas cancións, e a partir do seguinte ano, debido ao crecente número de televisións interesadas en participar, cada unha só puido presentar unha canción. En 1978 chégase por primeira vez aos vinte participantes. Xa nos anos 90, coa solicitude de participación das televisións de Europa do Leste, establécense regras para limitar o número de participantes nos festivais, baseadas nos anteriores resultados, de xeito que se lles deixa participar a aqueles que obtivesen mellores resultados nos anteriores anos. Para 2004 era tan grande o número de países que desexan participar, que se comeza a celebrar o Festival nun novo formato, en dúas noites: unha semifinal e unha final; en total foron 36 as televisións que tomaron parte ese ano. O récord está nos 43 países de 2008, o que obrigou a mudar novamente o formato: dúas semifinais, en días distintos, e con só cinco estados/televisións clasificadas directamente para a final: os catro grandes (Francia, España, Alemaña e o Reino Unido) e mais o país organizador, que nesa edición foi Serbia.

País organizador

[editar | editar a fonte]

Por regra xeral, o país organizador é o vencedor na edición anterior. A primeira edición organizouna Suíza.

Representación

[editar | editar a fonte]

As regras actuais establecen que en cada participación só pode haber un máximo de seis persoas no escenario, que deben ter 16 anos cumpridos no 31 de decembro do ano correspondente ao do Festival. Esta regra sobre a idade foi engadida despois de que, en 1989, Israel, Francia e Bélxica presentasen cantantes de moi curta idade. Non existen regras sobre a nacionalidade dos cantantes.

A duración máxima das cancións é de tres minutos. Esta regra foi introducida despois do festival de 1957. Nesta ocasión interpretáronse as cancións máis curta (All, interpretada Patricia Bredin en representación do Reino Unido con apenas 112 segundos) e a máis longa (o italiano Nunzio Galo empregou no seu Corde della mia chitarra case tres veces máis de tempo, excedendo de longo os 5 minutos) da historia do Festival. En 1985 Albano e Romina Power representando a Italia con Magic, oh magic excederon en máis de 15 segundos o límite dos 3 minutos.

A canción presentada a concurso non pode editarse antes do 1 de outubro anterior ao Festival, nin pode conter letras irrespectuosas coa reputación do Festival, con contido violento ou político.

Entre os participantes famosos do festival podemos destacar a Cliff Richard, Nana Mouskouri, The Shadows, Vicky Leandros, Massiel, Mocedades, Olivia Newton-John, Anna Vissi, Romina Power & Al Bano, Baccara, Julio Iglesias, ABBA, Katrina & The Waves , Céline Dion, Carola Häggkvist, t.A.T.u., Domenico Modugno, Raphael, Dulce Pontes, Ofra Haza, Franco Battiato, Noa ou Kate Ryan.

Nun comezo, non existían normas sobre o idioma das cancións ata o Festival de Eurovisión 1965, cando Suecia presentou unha canción en inglés. Desde 1966 ata 1972 cada país debía levar unha canción nun dos seus idiomas oficiais. No Festival de Eurovisión 1973 esta norma foi retirada, pero tras sucesivas polémicas volveuse a instaurar no Festival de Eurovisión 1977. Finalmente, no Festival de Eurovisión 1999 retírase de novo esta norma. Na actualidade, as televisións poden presentar unha canción en calquera idioma, mesturando varios ou creando idiomas imaxinarios, como fixo Bélxica no Festival de Eurovisión 2003 ou os Países Baixos no Festival de Eurovisión 2006.

Nunca se cantou galego no Festival de Eurovisión, aínda que a citada representación de Bélxica do ano 2003 tiña como vocalista do grupo Urban Trad a Verónica Codesal, filla de emigrantes galegos. A interpretación da canción deste grupo, "Sanomi", tivo tamén na escena do auditorio Skonto Hall de Riga (Letonia) a presenza da gaita galega. Quedaron clasificados en segundo lugar, a tan só dous puntos da canción gañadora, "Every way that I can" interpretada por Sertab Erener representando a Turquía.

Elección do gañador

[editar | editar a fonte]

O gañador de concurso decídeno as delegacións de todas as televisións participantes, que lle asignan 12 puntos á súa canción favorita, 10 á segunda, e sucesivamente 8 puntos, 7, e ata 1 punto ás seguintes; este sistema utilízase ininterrompidamente desde 1975. As delegacións de cada país non poden votar a súa canción.

Ata 1997 os puntos eran asignados por un pequeno xurado en cada país; con todo, nese ano comezouse a aplicar o voto por teléfono (ou televoto), que actualmente usan case todos os países. Naquela edición foron 6 países os pioneiros, e xeneralizouse ao ano seguinte. O voto por xurado aínda existe e úsase en casos de urxencia, cando hai problemas co televoto. Isto ocorreu en 2003, cando Irlanda non recibiu a tempo os resultados do televoto e utilizou os do xurado de reserva, ou cando en 2004 ningún residente en Mónaco votou. O xurado de reserva está composto por 8 membros.

Para outorgar os votos, os presentadores do Festival conectan vía satélite cun voceiro de cada televisión, que pode dar os puntos en inglés ou en francés. Posteriormente, os presentadores repetían os votos en ambos idiomas, aínda que a partir de 2004, e tendo en conta a rendibilidade do programa e a súa duración, o presentador só repite a votación nun idioma, o contrario do que o voceiro da televisión estatal empregou.

Antigos sistemas de votación

[editar | editar a fonte]
  • 1956: A canción ganadora foi elixida por un xurado internacional presente na gala, dous membros por país, que daban de 1 a 10 puntos a cada canción en votación secreta, e podían votar a súa propia canción. Só se anunciou o nome da canción gañadora.
  • 1957 - 1961: Cada país ten un xurado composto por 10 persoas que lle outorgan un punto á canción favorita.
  • 1962: Un xurado de 10 persoas por país escolle as tres mellores cancións do resto da competencia outorgándolles 3, 2 e 1 punto respectivamente.
  • 1963: O sistema do ano anterior amplíase a 5 cancións (5, 4, 3, 2 e 1 punto), pero co dobre de membros por xurado, 20 persoas, o récor de toda a historia por xurado.
  • 1964 - 1966: Volven ser xurados de 10 persoas, que reparten 9 puntos de tres formas posibles: se o xurado escolleu unanimemente unha única canción, recibe 9 puntos (nunca ocorreu), se repartiron os seus votos entre dúas cancións, 6 e 3 puntos (só o utilizou Bélxica en 1965), e se tres ou máis cancións reciben votos, 5, 3 e 1 punto ás tres máis votadas (o máis habitual).
  • 1967 - 1970: Debido á gran cantidade de ceros vólvese retornar ao sistema empregado entre os anos 1957 e 1961; pero o cuádruplo empate de 1969 e o boicoteo por parte dos países escandinavos ante o desastre fai reformular o sistema. En 1970 engádese unha regra de desempate pola que se repetirán as cancións empatadas e os xurados votarán a man alzada para desigualar.
  • 1971 - 1973: Dous xurados por cada país, un maior e outro menor de 25 anos, con 10 ou máis anos de diferenza entre ambas idades, presentes na gala puntúan cada un todas as cancións agás a propia entre 1 (mínimo) e 5 (máximo) puntos.
  • 1974: Nun principio pénsase en aplicar unha extensión do sistema, pero por vía telefónica e con dez xurados por país. Como nos ensaios se comproba inviable, vólvese excepcionalmente ao sistema primitivo de 10 xurados por cada país que lle outorgan 1 punto á súa canción favorita.

Os cinco grandes

[editar | editar a fonte]
Logo do festival representando a España un dos cinco grandes (Big Five).

No Festival de Eurovisión, e baixo o sistema actual, os únicos países que nunca poden quedar eliminados e ter que disputar a semifinal clasificatoria son: Reino Unido, Francia, España e Alemaña. Son os catro que máis financiamento achegan ao festival. Curiosamente na edición de 2005 estes países, denominados Big Four quedaron nas últimas posicións. Anteriormente a este grupo chamábaselle "Big Five", ata que Italia se retirou da competición. No 2011, Italia volveu á competición, e retornou ao Big Four, cambiando o nome ao Big Five.

Galicia en Eurovisión

[editar | editar a fonte]

Galicia nunca participou como tal en Eurovisión, e non o podería nunca facer, xa que por definición a Televisión de Galicia non pode ser membro da UER.

A primeira participante galega foi a xa citada Verónica Codesal; Verónica é unha pandeireteira galega que vive habitualmente en Bruxelas e que tamén é membro do grupo Ialma.

Ademais, representando a España acudiron Julio Iglesias, fillo do médico galego Julio Iglesias Puga, e Karina, que tamén tiña un avó galego.

No ano 1985, foi Paloma San Basilio en representación de España. A cantante pasou boa parte da súa vida na cidade de Lugo.

No ano 2011, a representante de España foi Lucía Pérez, natural do Incio, coa canción Que me quiten lo bailao.

Gañadores

[editar | editar a fonte]
Ano País Canción Intérprete Edición
1956 Suíza Suíza Refrain Lys Assia FE 1956
1957 Países Baixos Países Baixos Net Als Toen Corry Brokken FE 1957
1958 Francia Dors mon amour André Claveau FE 1958
1959 Países Baixos Países Baixos Een beetje Teddy Scholten FE 1959
1960 Francia Tom Pilibi Jacqueline Boyer FE 1960
1961 Luxemburgo Luxemburgo Nous lles amoureux Jean-Claude Pascal FE 1961
1962 Francia Un premier amour Isabelle Aubret FE 1962
1963 Dinamarca Dinamarca Dansevise Grethe & Jørgen Ingmann FE 1963
1964 Italia Italia Non ho l'età Gigliola Cinquetti FE 1964
1965 Luxemburgo Luxemburgo Poupée de cire, poupée de son France Gall FE 1965
1966 Austria Austria Merci Chérie Udo Jürgens FE 1966
1967 Reino Unido Reino Unido Puppet On A String Sandie Shaw FE 1967
1968 EspañaEspaña La, la, la ... Massiel FE 1968
19691 EspañaEspaña Vivo cantando Salomé FE 1969
Francia Un jour, un enfant Frida Boccara
Países Baixos Países Baixos De troubadour Lennie Kuhr
Reino Unido Reino Unido Boom Bang-A-Bang Lulu
1970 Irlanda All Kinds Of Everything Dana FE 1970
1971 Mónaco Mónaco Un banc, un arbre, une rue Sévèrine FE 1971
1972 Luxemburgo Luxemburgo Après toi Vicky Leandros FE 1972
1973 Luxemburgo Luxemburgo Tu te reconnaîtras Anne-Marie David FE 1973
1974 Suecia Suecia Waterloo ABBA FE 1974
1975 Países Baixos Países Baixos Ding-A-Dong Teach-In FE 1975
1976 Reino Unido Reino Unido Save Your Kisses For Me Brotherhood of Man FE 1976
1977 Francia L'oiseau et l'enfant Marie Myriam FE 1977
1978 Israel A-ba'nin-bi Izhar Cohen & Alphabeta FE 1978
1979 Israel Hallelujah Gali Atari & Milk and Honey FE 1979
1980 Irlanda What's Another Year Johnny Logan FE 1980
1981 Reino Unido Reino Unido Making Your Mind Up Bucks Fizz FE 1981
1982 Alemaña Alemaña Ein bisschen Frieden Nicole FE 1982
1983 Luxemburgo Luxemburgo Se la vie est cadeau Corinne Hermes FE 1983
1984 Suecia Suecia Diggi-Loo Diggi-Lei Herrey's FE 1984
1985 Noruega Noruega A det swinge Bobbysocks FE 1985
1986 Bélxica Bélxica J'aime la vie Sandra Kim FE 1986
1987 Irlanda Hold Me Now Johnny Logan FE 1987
1988 Suíza Suíza Ne partez pas sans moi Céline Dion FE 1988
1989 Iugoslavia Iugoslavia Rock Me Riva FE 1989
1990 Italia Italia Insieme: 1992 Toto Cutugno FE 1990
1991 Suecia Suecia Fångad av en stormvind Carola FE 1991
1992 Irlanda Why Me Linda Martin FE 1992
1993 Irlanda In Your Eyes Niamh Kavanagh FE 1993
1994 Irlanda Rock 'n' Roll Kids Paul Harrington & Charlie McGettigan FE 1994
1995 Noruega Noruega Nocturne Secret Garden FE 1995
1996 Irlanda The Voice Eimear Quinn FE 1996
1997 Reino Unido Reino Unido Love, Shine A Light Katrina & The Waves FE 1997
1998 Israel Diva Dana International FE 1998
1999 Suecia Suecia Take Me To Your Heaven Charlotte Nilsson FE 1999
2000 Dinamarca Dinamarca Fly On The Wings Of Love Olsen Brothers FE 2000
2001 Estonia Estonia Everybody Tanel Padar, Dave Benton & 2XL FE 2001
2002 Letonia Letonia I Wanna Marie N FE 2002
2003 Turquía Turquía Everyway That I Can Sertab Erener FE 2003
2004 Ucraína Ucraína Wild Dances Ruslana FE 2004
2005 Grecia Grecia My Number One Helena Paparizou FE 2005
2006 Finlandia Finlandia Hard Rock Hallelujah Lordi FE 2006
2007 Serbia Serbia Molitva Marija Šerifović FE 2007
2008 Rusia Rusia Believe Dima Bilan FE 2008
2009 Noruega Noruega Fairytale Alexander Rybak FE 2009
2010 Alemaña Alemaña Satellite Lena Meyer-Landrut FE 2010
2011 Azerbaidján Running scared Ell&Nikki FE 2011
2012 Suecia Suecia Euphoria Loreen FE 2012
2013 Dinamarca Dinamarca Only Teardrops Emmelie de Forest FE 2013
2014 Austria Austria Rise like a phoenix Conchita Wurst FE 2014
2015 Suecia Suecia Heroes Måns Zelmerlöw FE 2015
2016 Ucraína Ucraína 1944 Jamala FE 2016
2017 Portugal Portugal Amar pelos dois Salvador Sobral FE 2017
2018 Israel Toy Netta Barzilai FE 2018
2019 Países Baixos Países Baixos Arcade Duncan Laurence FE 2019
2020
cancelado pola pandemia de COVID-19
FE 2020
2021 Italia Italia Zitti e buoni Måneskin FE 2021
2022 FE 2022
1 En 1969 catro países gañaron á vez, xa que aínda non existía ningunha norma para desfacer un empate.

Países gañadores

[editar | editar a fonte]

O país con máis éxito no Festival de Eurovisión foi Irlanda con sete vitorias. Preto séguenlle Suecia con seis e o Reino Unido, Luxemburgo e Francia con cinco.

Vitorias País Ano/s
7 Irlanda 1970 - 1980 - 1987 - 1992 - 1993 - 1994 - 1996
6 Suecia 1974 - 1984 - 1991 - 1999 - 2012 - 2015
5 Reino Unido 1967 - 1969 - 1976 - 1981 - 1997
5 Luxemburgo Luxemburgo 1961 - 1965 - 1972 - 1973 - 1983
5 Francia Francia 1958 - 1960 - 1962 - 1969 - 1977
5 Países Baixos Países Baixos 1957 - 1959 - 1969 - 1975 - 2019
4 Israel 1978 - 1979 - 1998 - 2018
3 Noruega 1985 - 1995 - 2009
3 Dinamarca Dinamarca 1963 - 2000 - 2013
3 Italia Italia 1964 - 1990 - 2021
2 Suíza Suíza 1956 - 1988
2 España España 1968 - 1969
2 Alemaña Alemaña 1982 - 2010
2 Austria Austria 1966 - 2014
2 Ucraína Ucraína 2004 - 2016
1 Mónaco 1971
1 Bélxica Bélxica 1986
1 Iugoslavia Iugoslavia 1989
1 Estonia Estonia 2001
1 Letonia 2002
1 Turquía 2003
1 Grecia Grecia 2005
1 Finlandia Finlandia 2006
1 Serbia 2007
1 Rusia 2008
1 Azerbaidján Azerbaidján 2011
1 Portugal Portugal 2017
Nota: En 1969 catro países gañaron á vez, xa que aínda non existía ningunha norma para desfacer un empate.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]