Saltar ao contido

Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ourense, Ourense»)
Modelo:Xeografía políticaOurense
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°20′08″N 7°51′51″O / 42.33556, -7.86406
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
Provinciaprovincia de Ourense Editar o valor en Wikidata
Capital de
CapitalOurense Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación104.250 (2023) Editar o valor en Wikidata (1.223,59 hab./km²)
Xentilicioourensá, ourensán, auriense Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie85,2 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porrío Miño Editar o valor en Wikidata
Altitude145 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Santo padrónMartiño de Tours Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataGonzalo Pérez Jácome (2019–) Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Ourense Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal32001–32005 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico988 Editar o valor en Wikidata
Código INE32054 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webourense.gal… Editar o valor en Wikidata
Facebook: OurenseConcello Twitter: ourenseconcello Telegram: OurenseConcello Youtube: UCcdDSal8Q04l9W7itSu3FeQ Editar o valor en Wikidata

Ourense é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Ourense[1] e da súa comarca homónima. É a terceira cidade máis poboada de Galicia despois de Vigo e A Coruña. Ourense tiña 104.250 habitantes (INE 2023).

Está atravesada polos ríos Miño, Barbaña e Lonia. É coñecida como A cidade das Burgas debido á sona das súas famosas fontes de augas termais (a auga sae a 60-68 °C). Tamén é coñecida como Auria[2].

Destacan como monumentos a catedral de Ourense (século XII) co seu Pórtico do Paraíso e o Santo Cristo, a ponte Maior, o claustro de San Francisco, a igrexa da Trindade e a de San Domingo, o conxunto da súa zona vella, en proceso de recuperación e a modernista Casa Taboada.

Cidade termal por excelencia, ademais das Burgas hai augas termais no balneario da Chavasqueira (de inspiración xaponesa), O Tinteiro, Muíño da Veiga e Outariz. Están moi próximos á capital os centros balnearios da Arnoia, Baños de Molgas, Laias e O Carballiño.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Vista aérea da cidade.

O concello ten 85,2 km², e atópase a unha altura de 135 metros sobre o nivel do mar[3].

A situación climatolóxica de Ourense é moi especial. Conta cun clima oceánico cunha forte influencia do clima continental e clima mediterráneo. De acordo coa clasificación de Köppen, Ourense ten un clima Csa, é dicir, un clima morno con verán seco ou mediterráneo[4]. A situación xeográfica da cidade, metida nun val, fai que os veráns sexan dunha extrema dureza acadando a maioría das veces temperaturas superiores aos 35 °C no verán. No inverno as temperaturas son baixas, aínda que a maioría das veces non baixan dos 0 °C. A temperatura máxima máis alta rexistrada na historia foi de 42,6 °C en xullo de 1990 e a temperatura mínima máis baixa foi de -8,6 °C o día de Nadal de 2001.

Parámetros climáticos medios de Ourense (1931-1960)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura media (°C) 6,9 7,7 10,8 12,6 16,0 19,4 22,1 21,4 19,2 14,7 10,0 7,7
14
Precipitacións (mm) 90 78 99 56 62 42 17 20 43 89 95 128
818
Fonte: AEMET
Parámetros climáticos medios de Ourense (1972-2000)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima absoluta (°C) 22,0 25,0 30,6 32,9 37,4 40,9 42,6 42,2 41,1 33,0 25,0 22,4
42,6
Temperatura máxima media (°C) 12,1 14,7 18,1 19,0 22,3 26,7 29,7 29,9 26,6 20,9 15,5 12,7
20,6
Temperatura media (°C) 7,5 9,2 11,4 12,7 15,7 19,4 22,1 22,0 19,4 15,1 10,8 8,5
14,5
Temperatura mínima media (°C) 2,9 3,7 4,6 6,3 9,2 12,2 14,6 14,2 12,3 9,3 6,1 4,4
8,3
Temperatura mínima absoluta (°C) -7,0 -8,0 -6,8 -3,2 -0,4 2,4 6,4 1,5 3,0 -3,0 -6,8 -8,6
-8,6
Precipitacións (mm) 90 81 54 70 67 39 19 23 57 97 93 124
817
Horas de sol 87 105 167 180 199 239 272 270 201 138 90 70
2043
Humidade relativa media (%) 75 69 62 62 62 60 59 59 63 70 75 77
66
Fonte: AEMET
Praza Maior.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Segundo datos do IGE do 2022, o concello de Ourense conta con 103.756 habitantes situados polo centro urbano (97.051 hab.) e as 21 parroquias das que consta o concello (6.705 hab). A densidade de poboación é de 1.227,88 hab./km².

Censo total en 2016 105.893 habitantes
Menores de 15 anos 13.672 (12,91 %)
Entre 15 e 64 anos 66.112 (62,43 %)
Maiores de 65 anos 26.109 (24,66 %)
Evolución da poboación desde 1900 ata 2008
1900 1910 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1991 2001 2008

15.194

15.998 17.581 21.579 28.397 55.574 64.153 73.379 96.085 108.382 109.051 107.057
Artigo principal: Historia de Ourense.
Xardín das Burgas.

Aínda que había asentamentos castrexos á beira do Miño e do Loña como os de Valdegola, Oira e San Tomé a cidade ten a súa orixe no asentamento romano a carón das Burgas e da gornición da ponte romana.

Situada preto da Vía Nova que unía Bracara Augusta (hoxe Braga en Portugal) con Asturica Augusta (hoxe Astorga) a cidade mantivo importancia tras a época romana pola súa ponte e situación central na antiga Gallaecia. Foi corte real dos suevos crese que durante o reinado de Carriarico/Teodomiro que foi o que fundou a primeira igrexa dedicada a San Martiño de Tours.

Tras as incursións árabes e normandas do século X, iníciase unha lenta recuperación. En 1084 o bispo Ederonio restaura a catedral, hoxe Igrexa de Santa María Nai. Mais será durante o bispado de Lourenzo de Ourense cando dona Tareixa de Portugal concede a xurisdición da cidade ao bispo e aos seus sucesores en 1122 situación que se mantería ata o século XVII.

Ao longo da Idade Moderna Ourense foi cidade de cregos, nobres e funcionarios, sendo a súa industria a do viño, que se mantivo ata as pragas de final do XIX. Neste século a cidade vai incrementar a súa poboación coa construción da estrada Villacastín-Vigo, e a nova liña férrea Monforte-Vigo tamén fai medrar a cidade, que se espalla máis aló da tradicional zona vella.

Durante o século XX este crecemento mantívose: Ourense continuou a ser o centro administrativo da provincia gañando un notable pulo comercial ligado a emigración procedente de Zamora, Logroño e León que aparece atraída polas novas vías de comunicación.

Actualmente Ourense é un importante nó de comunicacións onde se cruzan tres autoestradas, catro Estradas Nacionais, así como catro vías de ferrocarril. A Estación de Ourense - Empalme, unha das dúas coa que conta a cidade, é a máis importante de Galicia, dende onde se centraliza todo o tráfico ferroviario do noroeste da península.

Toponimia

[editar | editar a fonte]

Bautizada polos romanos como "A cidade de ouro" (Auriense) pola súa abundancia neste metal precioso, foi unha importante cidade de Hispania ata que se esgotaron as súas reservas deste mineral, que se atopaba no río Miño. Un topónimo relacionado é o da próxima praia fluvial de Oira, que segundo outra hipótese é a orixe da forma latinizada Auriense por engadirlle o sufixo -(e)nse a un posible prerromano Oira.

Tamén se cre que o nome da cidade vén do latín aquae urente ("augas abrasadoras"), ou do xermánico Warmse ("lago quente"), polas coñecidas fontes de augas termais, As Burgas, (nome derivado do latín burca que significa "pía"), unha das moitas que existen no concello.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]
Cabeceira da catedral.
Ponte Maior sobre o río Miño.
Fonte na praza do Ferro.
Fachada do Museo Arqueolóxico.

Ourense dispón dun amplo patrimonio histórico entre o que cabe destacar os seguintes monumentos e lugares:

Pontes e pasarelas

[editar | editar a fonte]
  • Ponte do Milenio
  • Ponte de Loña
  • Ponte Maior (BIC). Da primeira ponte da época de Augusto só quedan algunhas pedras nas bases. No século XII reconstruíse dando o perfil actual co arco apuntado, pero as novas ruínas teñen que esperar ao século XVII, no que Melchor de Velasco Agüero aplica a solución definitiva. A torre que aparece no escudo da cidade foi demolida no século XIX.
  • Ponte Nova
  • Ponte do Ribeiriño
  • Pasarela de Oira
  • Pasarela de Outariz

Teatros e cines

[editar | editar a fonte]

Símbolos

[editar | editar a fonte]

O escudo de Ourense está formado por un fondo de prata sobre ondas de azur e prata que representan á auga, sobre a auga aparece unha ponte de ouro de cinco arcos. Na parte esquerda do escudo, sobre a ponte, aparece un castelo macenado de sabre e aclarado de goles. Á dereita do escudo pódese ver un león completamente dourado que terma dunha espada do mesmo metal. No centro do escudo apréciase unha coroa real pechada. Finalmente, o escudo está timbrado por unha coroa real, forrada de goles, ou vermello, pechada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de perlas que converxen nun mundo azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, e de cruz de ouro.

Política

[editar | editar a fonte]
Pazo de Xustiza.
Véxase tamén: Alcaldes de Ourense.

Ourense é a capital da provincia, así como cabeceira da comarca homónima e do partido xudicial de Ourense. Ourense é a sede da Audiencia e Xulgados Provincias, a Deputación Provincial de Ourense, as delegacións da Xunta de Galicia e de varios organismos da Administración Xeral do Estado como a Subdelegación do Goberno, a Comisaría da Policía Nacional, o INSS e outros.

O popular Manuel Cabezas dirixiu o concello durante doce anos, entre 1995 e 2007, cando foi substituído por Enrique Nóvoa López, tamén concelleiro do PP, pouco antes das eleccións municipais dese mesmo ano. Delas xurdiu un goberno de coalición do PSdeG e o BNG que se revalidou en 2011. Trala dimisión o 29 de setembro de 2012 do socialista Francisco Rodríguez Fernández, ocupou a alcaldía en funcións a segunda na lista, Margarita Martín Rodríguez, ata a elección o 10 de outubro de 2012 de Agustín Fernández Gallego, número tres da lista do PSdeG, como novo alcalde.

Nas eleccións municipais de 2015, o PP foi a forza máis votada e o seu candidato Xesús Vázquez Abad foi elixido alcalde con maioría simple. En 2019 formouse un goberno en coalición de PP e Democracia Ourensana liderado por Gonzalo Pérez Jácome. En setembro de 2020 os concelleiros do PPdeG abandonan o goberno, e pouco despois fixérono varios concelleiros de DO críticos con Jácome.

Economía

[editar | editar a fonte]

A maior parte da cidadanía de Ourense traballa no sector servizos, aínda que tamén ten importancia o sector secundario, xa que a cidade conta con numerosas fábricas relacionadas coa química e os seus derivados. A cidade tamén recibe a influencia do Parque Tecnolóxico de Galicia, que aínda que non se atopa no concello de Ourense, achega grandes beneficios á cidade.

Infraestruturas de transportes

[editar | editar a fonte]

O principal acceso á cidade é a autovía A-52 que comeza en O Porriño, e logo de pasar A Cañiza, Ribadavia e Ourense, diríxese cara a Verín, Pobra de Seabra e Benavente, onde desemboca na autovía A-6 a Madrid. Outro acceso é a AP-53 (chamada AG-53 nunha parte do seu percorrido) que procede de Santiago de Compostela e logo de pasar por Lalín xúntase coa A-52. Outras estradas de importancia son a N-120 que une Logroño e Vigo, pasando por Burgos, León, Ponferrada e Monforte de Lemos e que no futuro será a A-76; a N-525 que procede de Santiago e vai a Verín, e a N-540 que une Ourense con Lugo e que acaba 10 km ao norte da cidade na N-525 e que nun futuro será a A-56. Finalmente hai unha autovía urbana, a OU-11 que conecta a A-52 co barrio do Couto, o centro da cidade e a N-120 para desconxestionar os accesos á cidade.

Ferrocarril

[editar | editar a fonte]
Estación de Ourense - Empalme.

A rede de ferrocarril ten o seu centro na estación do Empalme, aínda que hai unha segunda estación na cidade, a de San Francisco, onde paran trens rexionais a Pobra de Seabra. Tamén existe unha terceira estación, a de Santa Cruz de Arrabaldo, apeadoiro de trens rexionais situado na parroquia de Arrabaldo, fóra do núcleo urbano.

A estación de Ourense-Empalme é a máis importante da cidade e tamén de Galicia, debido á confluencia das liñas Santiago-Madrid e Monforte-Vigo, sendo o distribuidor máis importante da comunidade actualmente. Á parte de ter servizos de Media Distancia, hai trens diarios a cidades como Madrid, Barcelona, Hendaia e Bilbao. Está previsto que en 2012 cheguen tamén á estación trens de alta velocidade.

Transporte público

[editar | editar a fonte]

En Ourense hai 28 liñas urbanas de autobús xestionadas pola empresa Urbanos de Ourense, que vertebran tódolos barrios da cidade. Unha delas, a liña 25, coñecida como Moucho Bus, circula só polas noites. A liña 19 une o centro da cidade coas termas de Outariz e coñécese como Tren turístico das Termas. Tamén hai servizo de taxis, que teñen paradas nos principais lugares da cidade.

Existe tamén varias liñas rexionais e nacionais de autobús que parten da estación de autobuses de Ourense.

As institucións deportivas con máis tradición na cidade son:

Ourense na literatura

[editar | editar a fonte]

A cidade de Ourense aparece como espazo en varias novelas da literatura galega. Blanco Amor sitúa aquí varias das súas novelas, aínda que sen identificala directamente: na A esmorga, a cidade aparece baixo o nome de Auria; en Xente ao lonxe simplemente como A.

Tamén en Ourense están ambientadas Ilustrísima (Carlos Casares, 1980) e as novelas de Diego Ameixeiras Baixo mínimos (2004), O cidadán do mes (2006), Dime algo sucio (2009) e Historias de Oregón (2011, co nome ficticio de Oregón).

[editar | editar a fonte]
  • As nenas de Pontevedra/ son o mesmo cás de Ourense,/ son sen quitarlles nin porlles/ como tódalas mulleres.
  • De Castilla veu un peine/ que pasou por Benavente/ para peina-lo cabelo/ do Santo Cristo de Ourense [7].
  • Fun a Braga, fun a Ourense,/ tamén fun ó Limoeiro;/ non achei millor amigo/ que a bulsa do meu diñeiro [8].
  • Pasei a Ponte de Ourense,/ paseina de madrugada;/ topei un anelo de ouro/ i unha mazá colorada [9].
  • Pasei a Ponte de Ourense,/ queridiña, por te ver,/ o día que te non vexo/ non boto fabas ao pote [10].
  • Pasei a Ponte de Ourense/ e paseina dacabalo;/ vin unha troita no río/ i atireille cun zapato [11].
  • Quédate con Dios, Ourense,/ coas túas camas de seda,/ que eu voume pra miña terra/ dormir en palla centea [12].
  • Quédate con Dios, Ourense,/ coas túas ourensanas,/ que eu voume pra miña terra/ ver as miñas aldeanas [12].
  • Rapaces das Burgas/ calade un pouquiño,/ escoitade as coplas/ do noso Maíño [13].
  • Tres cousas hai en Ourense/ que non as hai en España:/ O Santo Cristo, a Ponte/ e a Burga fervendo auga.
  • Viva Cruña, viva Lugo,/ viva Ourense e Pontevedra,/ viva Galicia, irmauciños,/ que pra nós no’hai millor terra [14].

Cidades irmandadas

[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes de Ourense.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Ourense

Arrabaldo (Santa Cruz) | Beiro (Santa Baia) | Cabeza de Vaca (San Bieito) | Canedo (San Miguel) | O Castro de Beiro (Santo André) | Ceboliño (Bo Xesús) | Cudeiro (San Pedro) | Montealegre (A Milagrosa) | Ourense | Palmés (San Mamede) | Rairo (Santa Lucía) | Reza (Santa María) | Santa Mariña do Monte (Santa Mariña) | Santiago das Caldas (Santiago) | Seixalbo (San Breixo) | Tras do Hospital (A Asunción) | Trasalba (San Pedro) | Untes (Santo Estevo) | Velle (Santa Marta) | Vilar de Astrés (Purísima Concepción) | Vista Fermosa (San Xosé)

Lugares de Ourense

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ourense vexa: Lugares de Ourense.

  1. "Lei 2/1998, do 3 de marzo" (PDF). BOE. Consultado o 3 de maio de 2021. 
  2. "Auria é o nome máis antigo de Ourense, que quizais pervive en Oira" (Enciclopedia Galega Universal, s.v. "Auria"). Co nome de "Auria" designáronse varias publicacións editadas en Ourense: unha revista quincenal (1944-1946), outra mensual (marzo 1997) e un suplemento cultural do diario Faro de Ourense (novembro 1983). Finalmente, é tamén unha denominación literaria da cidade que empregou Eduardo Blanco Amor nas súas novelas A esmorga e La Catedral y el niño.
  3. Altitude indicada na placa altimétrica colocada na Casa do Concello.
  4. Clasificación climática de Köppen. Goberno de Navarra.
  5. Fútbol, Ourense Club de. "Historia del club". Ourense Club de Fútbol (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2017. Consultado o 2017-10-15. 
  6. "HISTORIA | Unión Deportiva Ourense". Unión Deportiva Ourense (en castelán). Consultado o 2017-10-15. 
  7. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 67. No orixinal: pasóu, peinalo.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 85.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 128. No orixinal: paséi. Refírese á ponte Maior, a Ponte Vella. O arco central da ponte foi reconstruída polo bispo Lourenzo (1218-1248), despois de moito tempo de estar caído. Mentres non se arranxou, o Miño cruzábase por dúas barcas, unha do concello, no mesmo lugar da ponte, e outra do Cabido, no Portovello. Xaquín Lorenzo transcribe unha cantiga asturiana que acredita a existencia desas barcas: “Pasé la barca de Orense,/ pasela de madrugada,/ pasela en el mes de enero/ cuando llovía y nevaba”, cantiga que pode falar daquel período de tempo da ponte caída ou ser máis moderna e falar doutra barca que cruzase o río durante momentos de reparacións ou interrupción do paso.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 129. No orixinal: paséi.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 128. No orixinal: paséi.
  12. 12,0 12,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 137.
  13. Xosé Filgueira Valverde: "A festa dos Maios", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos I, 1927, 141-203 [en facsímile I].
  14. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 162.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]