Winter Classic 2024 (Naisten Liiga)
| ||||||||||||||||
Data | 3 de febreiro de 2024 | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pista | Koulukatu | |||||||||||||||
Cidade | Tampere | |||||||||||||||
Asistencia | 210 |
O Winter Classic 2024 foi un partido de hóckey sobre xeo feminino ao aire libre que se disputou o día 3 de febreiro de 2024 na pista de xeo de Koulukatu de Tampere entre os dous equipos máis laureados do hóckey sobre xeo feminino finlandés, o Ilves e o K-Espoo. O partido foi valedoiro e formou parte do calendario da tempada 2023-24 da Naisten Liiga, a máxima competición do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia.
Ademais do partido estrela entre o Ilves e o K-Espoo, durante a mañá disputáronse partidos de exhibición dos equipos de nenas do club local. Logo dos 60 minutos regulamentarios o K-Espoo impúxose no marcador por cinco goles a tres nun partido moi igualado que non se decidiu ata os instantes finais.
Con 210 persoas nas bancadas, o Winter Classic superou amplamente a asistencia media aos partidos do Ilves no Tesoman jäähalli, aínda que despois do clásico invernal o equipo masculino do Ilves e a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo recibiron críticas pola falta de apoio ao evento.
A sede
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pista de xeo de Koulukatu.
O Winter Classic disputouse na mítica pista de xeo de Koulukatu de Tampere o 3 de febreiro de 2024. A pista forma parte da historia do hóckey sobre xeo finlandés, xa que foi a primeira pista de xeo artificial construída en Finlandia na década de 1950. Koulukatu foi ademais a casa do Ilves Naiset durante case dúas décadas, ata que o equipo se trasladou ao Tesoman jäähalli, no oeste da cidade.[1]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Koulukarun lassikko.
O 28 de xaneiro de 2012 houbo un precedente dun partido ao aire libre na daquela denominada Naisten SM-sarja no mesmo escenario e cos mesmos protagonistas, se ben daquela o equipo de Espoo era denominado "Espoo Blues", no chamado Koulukarun lassikko.[2] Nesta ocasión o partido decantouse do lado do equipo local (3-1). As de Tampere foron superiores ao equipo de Espoo, como recoñeceu logo do partido a capitá visitante Essi Hallvar.[3]
O 5 de xuño de 2023 a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo presentou o calendario da tempada 2023-24. Ao mesmo tempo fixo público que se disputaría un clásico de inverno, un partido ao aire libre, o día 3 de febreiro de 2024 na pista de xeo de Koulukatu, en Tampere, entre o Ilves e o K-Espoo. Con respecto ao evento, a directora do Ilves, Yin Tuorila, sinalou a intención de:[4]
“ | ... organizar un feliz evento de inverno para o hóckey feminino e de nenas, tanto co equipo da Naisten Liiga como coas xogadoras novas, familias e fans. | ” |
— Yin Tuorila |
O 19 de xaneiro o Ilves publicou o cartel do partido nas súas redes sociais, no que aparecía o logotipo do evento xunto coas xogadoras Sanna Lehikoinen (Ilves) e Bianca Kanerva (K-Espoo). Na mesma publicación o equipo de Tampere indicou os eventos que terían lugar antes do partido, coa disputa de partidos dos seus equipos de nenas das categorías N8-10 e N11-13.[5][6]
O equipo de Tampere realizou unha campaña promocional do partido na que participaron as propias xogadoras cun vídeo que publicou nas súas redes sociais.[7] Ademais o Ilves deseñou un gorro conmemorativo do Winter Classic co logotipo do evento que comercializou nos partidos previos como local, así como no propio clásico invernal.[8]
O prezo das entradas para o evento oscilou entre os 3 e os 15 €.[9]
Programa do evento
[editar | editar a fonte]Ademais do partido que enfrontou aos equipos representativos do Ilves e o K-Espoo, durante a xornada disputáronse outros dous encontros femininos de exhibición dos equipos das categorías N8-10 e N11-13 do Ilves, que abriron a xornada de hóckey en Koulukatu ás 11:00 (UTC +2). Os partidos disputáronse de xeito simultáneo nas dúas pistas de Koulukatu: na pista principal as nenas do equipo N11-13 enfrontáronse ás nenas do HPK de Hämeenlinna, mentres que na segunda pista o equipo N8-10 xogou fronte á nenas do K-Espoo.[10]
Logo dos partidos das nenas os equipos representativos realizaron unha sesión de quecemento no xeo a partir das 12:30 (UTC +2).[10]
Durante toda a xornada de hóckey feminino puido verse polas instalacións de Koulukatu á mascota do Ilves, Ipa, que posou para unha foto con ambos equipos logo do partido da Naisten Liiga. Ademais o club de Tampere instalou unha carpa para a venda de comida.
Despois do partido da Naisten Liiga entre o Ilves e o K-Espoo celebrouse tamén un dobre clásico invernal cos equipos masculinos U16 do Ilves. Nestes partidos o Ilves U16 Akatemia enfrontouse ao S-Kiekko de Seinäjoki, mentres que o outro tivo como protagonistas aos equipos da U16 SM-sarja do Ilves e o Tappara. O Ilves xogou coa camisola clásica a raias verdes e negras, mentres que o Tappara o fixo coa camisola do seu predecesor, o TBK.[11]
Enfrontamentos previos na tempada
[editar | editar a fonte]O clásico de inverno foi o cuarto partido de liga regular que xogaron ambos equipos na tempada. Antes da disputa do encontro as xogadoras de Espoo gañaran dous dos tres partidos, a pesar de que o equipo de Tampere se impuxera na segunda xornada do Avausturnaus disputado en Espoo grazas a un gol na prórroga de Helen Puputti (3-2).[12][13]
No segundo encontro entre ambos equipos, disputado en Espoo, as xogadoras locais impuxéronse por 5-2 nun partido que estivo marcado pola igualdade, xa que durante os dous primeiros terzos o marcador mantívose nun 1-0 favorable ao K-Espoo, pero que se rompería no inicio do último período, cando Emma Nuutinen anotou dous goles en menos de tres minutos e que pechou Lisette Täks a porta baleira.[14]
O terceiro encontro, disputado en Tampere, resolveuse de novo a favor do K-Epoo (1-3) nun partido no que de novo as de Espoo controlaron o xogo e mantivéronse sempre por diante no marcador. A porteira do equipo de Uusimaa, Tiia Pajarinen, estivo a menos dun minuto de conseguir un shutout, mais o gol de Emilia Varpula a falta de 57 segundos para a conclusión do partido impediu que a porteira rexistrase nas súas estatísticas un partido sen encaixar ningún gol.[15][16]
Os equipos de Espoo e Tampere chegaron ao partido como líder e quinto clasificado da liga regular respectivamente.[a]
Pos. | Equipo | PX | V | OTW | OTL | D | GF | GC | DG | Pts |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | K-Espoo | 28 | 20 | 2 | 3 | 3 | 139 | 58 | +81 | 67 |
5 | Ilves | 28 | 12 | 5 | 1 | 10 | 88 | 81 | +7 | 47 |
Equipos
[editar | editar a fonte]Ilves
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ilves Naiset.
O Ilves foi un dos equipos fundadores da liga feminina finlandesa, sendo un dos equipos que participaron na súa tempada inaugural. O equipo de Tampere é o único que participou en todas as edicións da competición, da cal se proclamou campión en 10 ocasións, ademais de conseguir 12 medallas de prata e 6 bronces ata a data do evento, do mesmo xeito, é o único equipo finlandés que se proclamou campión dunha competición internacional, foi no ano 2011, cando alzou a IIHF European Women's Champions Cup.[18][19][20] O equipo estivo dirixido por Marjo Voutilainen, quen viviu a súa segunda tempada á fronte do equipo de Tampere.[21] O equipo do Ilves na tempada 2023-24 estivo integrado polas seguintes xogadoras:
Actualizado a 23 de xaneiro de 2024.[22]
K-Espoo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Kiekko-Espoo Naiset.
Se ben o hóckey sobre xeo feminino comezou a súa andaina en Espoo a mediados da década de 1970, non foi ata a tempada 1993-94 cando un equipo da cidade competiu na máxima categoría baixo o nome de Kiekko-Espoo, que continuou a historia de equipos como a Espoon Kiekkoseura (EKS). O equipo pasou por diferentes denominacións e viviu a súa etapa máis exitosa baixo o nome de Espoo Blues, baixo a cal gañou 14 campionatos finlandeses. En total o equipo de Espoo ten conseguido 16 campionatos, así como 3 medallas de prata e 6 de bronce.[23][24][19] O equipo estivo dirixido por Sami Haapanen, quen cumpriu a súa 11ª tempada consecutiva á fronte do equipo de Espoo.[25] O equipo do K-Espoo na tempada 2023-24 estivo integrado polas seguintes xogadoras:
Actualizado a 23 de xaneiro de 2024.[26]
O partido
[editar | editar a fonte]Ás 13:00 (UTC +2) deu inicio o punto culminante da xornada de hóckey sobre xeo organizada po club de Tampere, o partido da Naisten Liiga entre o equipo local, o Ilves e o K-Espoo, que chegaba a Pirkanmaa como líder da competición.[27] Poucos minutos antes do inicio un corredor integrado polas nenas que participaran nos partidos de exhibición previos levou ás xogadoras de ambos equipos ao xeo de Koulukatu.[28] Xa coas xogadoras da primeira liña de cada equipo sobre o xeo, dúas nenas da escola de hóckey do equipo de Tampere realizaron o saque de honra antes do pitido inicial.[10]
A pesar da vitoria final do K-Espoo por 3-5, o partido estivo igualado e non se decidiu ata o final do último período.[29] O xogo tivo lugar nunhas moi boas condicións para xogadoras e público, cuns poucos graos positivos e tempo parcialmente soleado con refachos de vento frío que non chegaron entorpecer o xogo.[27]
No minuto 14:34 a defensora do Ilves Anna Kilponen abriu o marcador nunha xogada na que tamén participaron como asistentes Helen Puputti e Emilia Varpula. Con todo, o equipo de Espoo equilibrou o marcador un minuto máis tarde, cando Tinja-Marii Haukijärvi conseguiu superar á porteira local, Salla Sivula (minuto 15:32).[30]
Aos catro minutos do comezo do segundo período, unha xogada de Reetta Valkjärvi e Nea Katajamäki culminou co gol de Aliisa Toivonen (minuto 24) para poñer o 1-2 no marcador a favor das visitantes, que pouco máis de cinco minutos máis tarde ampliaron a vantaxe por medio de Julia Schalin a pase de Reetta Valkjärvi (minuto 29:18).[30]
Xa no terceiro período, unha expulsión de Reetta Valkjärvi propiciou o gol do equipo local cando Anniina Kaitala aproveitou un pase de Emilia Varpula a falta de dous segundos para que o K-Espoo recuperara a xogadora expulsada, poñendo deste xeito o 2-3 no marcador (minuto 48), e en menos dun minuto Noora Mylläri conseguiu igualar o marcador a pase de Linnea Melotindos (minuto 48:31). Con todo, no minuto 53:34 Nea Katajamäki puxo outra vez por diante ás visitantes. Logo dun tempo morto solicitado pola adestradora do Ilves Marjo Voutilainen, o equipo local decidiu xogar sen a súa porteira para procurar a vantaxe numérica, mais logo dun minuto de xogo sen Sivula na portería, o stick de Elli Suoranta rompeu ao golpear o disco, que Tinja-Marii Haukijärvi recolleu e golpeou dende o seu propio campo para colocar o 3-5 definitivo no marcador a porta baleira (minuto 59:39).[30][27]
As xogadoras máis destacadas por parte do K-Espoo foron Tinja Haukijärvi (2+0), Julia Schalin (1+1), Aliisa Toivonen (1+1), Nea Katajamäki (1+1) e Reetta Valkjärvi (0+2), mentres que por parte do Ilves tan só Emilia Varpula (0+2) rexistrou dous puntos.[29]
3 de febreiro de 2024 13:00 |
Ilves | 3 - 5 (1–1, 2–0, 2–2) |
Blues | Koulukatu (Tampere) Asistencia: 210 |
Referencia do partido | ||||
---|---|---|---|---|
Salla Sivula | Porteiros | Minja Drufva | Árbitro: Kaisa Ketonen Liñas: Niko Åberg Aapo Hautakangas | |
Anna Kilponen (Puputti, Varpula - 14:34 Kaitala (Varpula), pp - 48:00 Mylläri (Melotindos) - 48:31 |
1 - 0 1 - 1 1 - 2 1 - 3 2 - 3 3 - 3 3 - 4 3 - 5 |
15:32 - Haukijärvi (Eronen, Schalin) 24:00 - Toivonen (Valkjärvi, Katajamäki) 29:18 - Schalin (Valkjärvi) 53:34 - Katajamäki (Nuutinen, Toivonen) 59:39 - Haukijärvi, en | ||
2 min | Penalties | 2 min | ||
26 | Tiros | 30 |
Asistencia
[editar | editar a fonte]O partido rexistrou unha asistencia de 210 persoas nas bancadas,[30] o que supón máis do dobre da asistencia habitual aos partidos do Ilves na súa cancha habitual, o Tesoman jäähalli, situado no distrito de Tesoma, ás aforas de Tampere, que acolle a unha media de 83 persoas por partido. Ao final do partido, a xogadora local Linnea Melotindos valoraba especialmente a presenza de nenas e nenos nas bancadas Koulukatu e expresaba o seu desexo de que en todos os partidos houbese unha afluencia de público así.[7][27]
A Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo retransmitiu o partido en directo vía streaming a través de Leijonat TV, como sucedeu co resto de partidos da Naisten Liiga.
Na edición impresa do xornal Aamulehti do día 4 de febreiro Kirsi Teiskonlahti criticou duramente tanto o equipo masculino do Ilves coma a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo pola falta de difusión do evento, que nunha cidade como Tampere e celebrado tan preto do centro da cidade tiña un público potencial suficiente para superar as 210 persoas nas bancadas. Teiskonlahti sinalaba que no partido que o equipo masculino xogara o día antes do Winter Classic fronte aos Kärpät no Nokia Arena non se fixera ningún tipo de anuncio nun partido no que había máis de 8 500 persoas nas bancadas. Tamén citou a nula difusión por parte da federación, que non publicou nada sobre o evento nin antes nin despois do mesmo.[27]
Fitos
[editar | editar a fonte]No Winter Classic 2024 a xogadora do K-Espoo Tinja-Mariia Haukijärvi alcanzou os 300 partidos xogados en liga regular, converténdose na terceira xogadora en activo no momento con máis partidos xogados por detrás de Johanna Juutilainen (KalPa) e Anniina Kaitala, que disputou o partido nas filas do Ilves.[7]
O partido viu o regreso á Naisten Liiga da defensa estrela do K-Espoo, Minttu Tuominen, que xogou moitos minutos no seu regreso a Finlandia logo de pasar polo Shenzhen KRS da liga chinesa.[27][31]
Por parte do Ilves, a súa capitá, a defensora Jenna Lehtiniemi tivo que abandonar a metade do partido por mor dunha lesión, aínda que xusto despois do encontro a adestradora do Ilves, Marjo Voutilainen, non puido sinalar cal era o estado de Lehtiniemi, á que considerou "unha peza importante do equipo".[27]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ As posicións aparecen coas súas abreviaturas en inglés:
*G: Goalie (porteiro)
*C: Center (central)
*W: Winger (Aleiro -dereito sinalado con "R" e esquerdo sinalado con "L"-)
*D: Defenceman (defensa). - ↑ As abreviaturas "S" e "G" fan referencia á man que o xogador emprega para golpear o puck (en galego, disco) co stick (S) (en galego, pau de hockey) ou a que empregan os porteiros para collelo coa garda (G).
- ↑ As posicións aparecen coas súas abreviaturas en inglés:
*G: Goalie (porteiro)
*C: Center (central)
*W: Winger (Aleiro -dereito sinalado con "R" e esquerdo sinalado con "L"-)
*D: Defenceman (defensa). - ↑ As abreviaturas "S" e "G" fan referencia á man que o xogador emprega para golpear o puck (en galego, disco) co stick (S) (en galego, pau de hockey) ou a que empregan os porteiros para collelo coa garda (G).
- Referencias
- ↑ Mennander, Pasi (13 de xaneiro de 2012). "SM-sarjakiekko palaa Tampereen Koulukadulle - Ulkojääottelu 28.1.2012!" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 20 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Naisten SM-sarjaa: Koulukarun Lassikko la 28.1.2012" (en finés). Ilves Hockey. 23 de xaneiro de 2012. Consultado o 20 de xaeiro de 2024.
- ↑ Mennander, Pasi (29 de xaneiro de 2012). "Ilves vei Koulukarun lassikon - Upea ilma kruunasi hienon tapahtuman" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 20 de xaneiro de 2024.
- ↑ Mennander, Pasi (5 de xuño de 2023). "Naisten Liigan otteluohjelma on julkistettu – Runkosarja alkaa 9.9.2023 ja päättyy 25.02.2024" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 20 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Winter Classic 2024! 💚💛" (en finés). Ilves (Facebook). 19 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Cartel do partido" (en finés). Ilves (Instagram). 19 de xaneiro de 2024.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Seppä, Lassi (3 de febreiro de 2024). "Ilves ja Kiekko-Espoo mittelivät talviklassikkohengessä Koulukadun kentällä − "Olisi hienoa saada jokaiseen peliin tällaista"". Jatkoaika.com (en finés). Consultado o 4 de febreiro de 2024.
- ↑ "Anuncio do gorro conmemorativo" (en finés). Ilves (Facebook). 22 de xaneiro de 2024. Consultado o 7 de febreiro de 2024.
- ↑ "ILVES NAISET ILMOITTI TAPAHTUMAN. Winter Classic" (en finés). Aamulehti. Consultado o 7 de febreiro de 2024.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 "🔥 Winter Classic 2024 Otteluohjelma 🔥" (en finés). Ilves (Facebook) . 2 de febreiro de 2024. Consultado o 4 de febreiro de 2024.
- ↑ Huikuri, Samuli (4 de febreiro de 2024). "Koulukadulla pelattiin jälleen − vuorossa naiset ja U16-nuoret (galería de imaxes do Winter Classic)" (en finés). Jatkoaika.com. Consultado o 6 de febreiro de 2024.
- ↑ Löfman, Heikki (10 de setembro de 2023). "Naisten Liiga: Avausturnaus paketoitiin pitkän kaavan kautta – Puputti nousi Ilveksen sankariksi" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 21 de xaneiro de 2024.
- ↑ Seppä, Lassi; Nikulin, Antti (10 de setembro de 2023). "Naisten Liigan avaustapahtuma: Viikonloppu tarjosi monta jännitysnäytelmää – lue raportit jokaisesta pelistä" (en finés). jatkoaika.com. Consultado o 21 de xaneiro de 2024.
- ↑ Löfman, Heikki (22 de outubro de 2023). "Naisten Liiga: Nuutisen tehot liikaa Ilvekselle – RoKi katkaisi tappioputkensa KalPan kustannuksella" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 22 de xaneiro de 2024.
- ↑ Löfman, Heikki (29 de novembro de 2023). "Naisten Liiga: Kiekko-Espoo haki pisteet Tampereelta, Pajarisen nollapeli jäi 57 sekunnin päähän" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 22 de xaneiro de 2024.
- ↑ Seppä, Lassi (29 de novembro de 2023). "Kiekko-Espoolle hallittu voitto Ilveksestä, Nea Katajamäelle piste-ennätys − "Olen saanut itseluottamusta"". Jatkoaika.com (en finés). Consultado o 22 de xaneiro de 2024.
- ↑ "HIFK:lle sakko ja pistemenetyksiä kansainvälisen seurasiirron hoitamatta jättämisestä" (en finés). Leijonat.fi. 2 de setembro de 2023. Consultado o 21 de setembro de 2023.
- ↑ "Ilves" (en finés). Leijonat.fi. 6 de febreiro de 2023. Consultado o 6 de febreiro de 2024.
- ↑ 19,0 19,1 "Eniten mitaleita Naisten Liigassa" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 6 de febreiro de 2024.
- ↑ "Ilveksen naiset tekivät suomalaista jääkiekkohistoriaa". Yle Urheilu (en finés). 27 de febreiro de 2011. Consultado o 6 de febreiro de 2024.
- ↑ Seppä, Lassi (15 de marzo de 2023). "Marjo Voutilainen jatkaa Ilveksen naisten päävalmentajana". jatkoaika.com (en finés). Consultado o 24 de marzo de 2023.
- ↑ "KOKOONPANO Ilves" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 23 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Kiekko-Espoo" (en finés). Leijonat.fi. 6 de febreiro de 2023. Consultado o 6 de febreiro de 2024.
- ↑ "HISTORIA" (en finés). Kiekko-Espoo Naiset. Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2024. Consultado o 6 de febreiro de 2024.
- ↑ "Sami Haapanen" (en inglés). EliteProspects.com. Consultado o 6 de febreiro de 2024.
- ↑ "KOKOONPANO K-Espoo" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 23 de xaneiro de 2024.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 27,5 27,6 Teiskonlahti, Kirsi (4 de febreiro de 2024). "Paluu juurille". Aamulehti (en finés). pp. A24–A25. (edición impresa)
- ↑ Teiskonlahti, Kirsi (3 de febreiro de 2024). "Ilves vei huippupelin Koulukadulle – Tältä paluu legendaariseen ympäristöön näytti". Aamulehti (en finés). Consultado o 4 de febreiro de 2024.
- ↑ 29,0 29,1 Viljanen, Markus (6 de xaneiro de 2024). "Naisten Liigan viikkokatsaus: Kiekko-Espoo kaatoi Ilveksen ulkoilmaottelussa Tampereella" (en finés). Liiga. Consultado o 6 de xaneiro de 2024.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 30,3 "OTTELUPÖYTÄKIRJA" (en finés). Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo. 3 de febreiro de 2024. Consultado o 4 de febreiro de 2024.
- ↑ "Minnamari Tuominen" (en inglés). EliteProspects.com. Consultado o 7 de febreiro de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Winter Classic 2024 |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Reel cos goles do partido no Facebook da Naisten Liiga
- Vídeo resumo do partido no sitio web da Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo
- Ilves ja Kiekko-Espoo kohtasivat Naisten Liigan talviklassikossa Koulukadulla vídeo resumo do Winter Classic
- Huikuri, Samuli (4 de febreiro de 2024). "Koulukadulla pelattiin jälleen − vuorossa naiset ja U16-nuoret (galería de imaxes do Winter Classic)" (en finés). Jatkoaika.com. Consultado o 6 de febreiro de 2024.
- Sitio web da Naisten Liiga (en finés)