Ilves
Tampereen Ilves | |
---|---|
Fundación | 10 de abril de 1931 (93 anos) |
Cidade | Tampere, Pirkanmaa Finlandia |
Estadio | Nokia Arena (13 455 persoas) |
Liga | Liiga |
Campionatos | 16 |
Director | Risto Jalo |
Adestrador | Antti Pennanen |
Afiliado(s) | Koovee (Mestis)[1][2] Nikkō Ice Bucks (Asia League Ice Hockey)[3] |
Cores | Verde, amarelo, negro e branco |
Na rede | |
http://www.ilves.com | |
O Tampereen Ilves, ou simplemente Ilves, é un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Tampere (Finlandia). Actualmente compite na Liiga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo finlandés, competición da que é un dos equipos fundadores. Xoga os seus partidos como local no Nokia Arena, un pavillón con capacidade para 13 455 persoas que comparte con Tappara.
Fundado en 1931, é a sección de hóckey sobre xeo do club polideportivo do mesmo nome. Trátase do equipo máis laureado do hóckey sobre xeo finlandés, tendo gañado o campionato nacional en 16 ocasións. Con todo, o equipo non gañou máis que unha vez o campionato dende que a competición adoptou a denominación actual. Ademais conquistou nove medallas de prata e trece de bronce, e conquistou a copa nacional (denominada Suomen Cup) en dúas ocasións.
Ilves conta tamén cun equipo feminino, denominado Ilves Naiset, que con 10 campionatos nacionais e unha copa de Europa é un dos equipos máis laureados do hóckey sobre xeo feminino de Finlandia.
Historia
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Historia de Ilves e Tempadas de Ilves.
Fundación e primeiras tempadas
[editar | editar a fonte]O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidera practicar deportes de pelota.[4] Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.[4][5]
Ilves xogou o seu primeiro partido no xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, caendo por 2 goles a 1 fronte ao Tampereen Palloilijat (TaPa) marcando para Ilves Reino Lahtinen. Pouco despois o equipo debutou en competición oficial, de novo fronte a TaPa no mesmo escenario, o 6 de febreiro dese mesmo ano na primeira rolda do campionato finlandés, nun partido que finalizou co mesmo resultado que o disputado uns días antes.[6][7][8] Na súa segunda tempada os de Tampere enfrontáronse en Helsinqui ao Helsingfors Skridskoklubb (HSK) o 12 de febreiro de 1933, caendo por cinco goles a dous nun partido eloxiado pola prensa local como o "o mellor partido de hóckey xogado nunca en Finlandia". O 6 de marzo dese mesmo ano Ilves enfrontouse a un combinado da capital finlandesa, gañando 4-3 para sorpresa da maioría, con este partido o equipo foi seleccionado para enfrontarse ao equipo sueco do Hammarby IF, contra o que perdeu pola mínima (1-0).[9] En decembro de 1933 Ilves finalizou a súa pista de xogo á beira do Pyhäjärvi.[10]
En 1934 Ilves acadou o terceiro posto do campionato finlandés, gañando a medalla de bronce. Esa tempada, a suxestión de Ilves, o campionato finlandés disputouse en formato de liga e non de copa, co cal unha derrota inicial non puña fin á participación dun equipo na competición. O equipo de Tampere comezou a súa andaina en Helsinqui fronte o Helsingin Palloseura (HPS), fronte ao que caeu por tres goles a un. O seguinte partido, celebrado en Tampere, empatou (1-1) co Helsingfors Skridskoklubb (HSK), mentres que o derradeiro partido supuxo a primeira vitoria da historia de Ilves logo de derrotar a Helsingin Jalkapalloklubi (HJK). O xogador de Ilves Jaakko Tiitola converteuse no máximo puntuador e compartiu o título de máximo goleador xunto con Holger Sarmola. En inverno dese ano Niilo Tammisalo puxo punto e final á súa carreira como xogador e converteuse en adestrador do equipo a tempo completo, así como en presidente da entidade.[11] Ao final da tempada, o tamaño insuficiente da pista e os problemas causados pola patinaxe no xeo do lago levaron ao equipo a abandonar o novo campo logo de tan só unha tempada e a decidir construír unha nova pista de xeo.[10]
O ano seguinte o equipo de Tampere mellorou a súa clasificación final logo de conseguir a medalla de prata tras finalizar en segunda posición por detrás de HJK. O equipo do lince gañou a metade dos catro partidos disputados, vencendo todos os encontros que disputou como local e perdendo nas súas dúas visitas á capital. Esa tempada debutou o primeiro reforzo estranxeiro do equipo, o turco Feyzi Ahsen-Böre.[12] Ademais o equipo mudou a súa pista ao extremo sur de Koulukatu e Mariankatu, nuns terreos do Club de Tenis de Tampere, xunto á Escola de Economía.[10]
Primeiros títulos
[editar | editar a fonte]En 1936, tan só dous anos despois da súa primeira medalla proclamouse campión por primeira vez na súa historia, revalidando o título os dous anos seguintes.
Tempos de guerra
[editar | editar a fonte]En 1942, logo de permanecer invicto durante catro anos, o Ilves perdeu un partido en Hämeenlinna, onde o Tarmo puxo fin a unha xeira de 34 vitorias consecutivas. En 1945 o Ilves alzouse novamente como campión finlandés, revalidándoo novamente os dous anos seguintes, e conseguindo novamente entre 1950 e 1952 outros tres títulos consecutivos sen perder ningún partido.
En 1965 construíuse en Tampere o primeiro estadio cuberto de hóckey sobre xeo, o Hakametsän jäähalli, converténdose o moderno estadio na casa do Ilves.
En 1970 finaliza na segunda posición por terceiro ano consecutivo. O equipo consegue estar entre as tres primeiras posicións durante nove anos seguidos, conseguindo dúas medallas de ouro, catro de prata e tres de bronce entre 1963 e 1970. O 15º título do equipo chegou en 1972, coa superestrela canadense Len Lunde (primeiro xogador estranxeiro do Ilves e que tamén adestraría ao equipo).
Entre 1976 e 1982 o equipo sofre unha crise de resultados, non conseguindo ningunha medalla nestes anos, mais en 1985 chegaría o 16º título nacional tras derrotar ao TPS nunha emocionante final ao mellor de cinco partidos na que os de Turku gañaron os dous primeiros partidos e o Ilves conseguiu remontar a final na mellor remontada vista nunca no hóckey finlandés. En 1990 rematou na segunda posición, gañando na final o TPS por catro partidos a dous. En 1998, tras non conseguir ningunha medalla nas sete tempadas anteriores, o Ilves chegou unha vez máis á final baixo a dirección do adestrador ruso Vladimir Jursinov, onde o HIFK de Helsinqui dominou a serie e gañou o título tras vencer en tres partidos (3-0). A última medalla gañada ata o momento polo equipo chegou en 2001, cando conseguiu unha sorprendente terceira posición, mais tan só dous anos despois o equipo viviría a súa tempada máis triste logo de finalizar na derradeira posición na liga, conseguindo porén ao ano seguinte unha meritoria sexta praza baixo a dirección do adestrador checo Vaclav Sykora. En 2005, logo dunha mala tempada de outono, a tripla do canadense Steve Kariya, o checo ex de Atlanta Thrashers Patrik Stefan, e Hannes Hyvönen axudou ao Ilves a conseguir unha meritoria sétima posición, mellorando ao ano seguinte cunha sexta praza.
No 2008 retirouse un dos mellores xogadores do Ilves, Raimo Helminen, rematando a tempada nos cuartos de final fronte ao Oulun Kärpät, que finalmente se faría co título de liga. Con todo, no 2010 o equipo finaliza a liga regular na última posición, gañando a permanencia nos playoffs. Ao ano seguinte, no 2011, o equipo integrado principalmente por xogadores xoves conseguiu unha meritoria oitava posición.
O 26 de xaneiro de 2021 o Museo finlandés do hóckey sobre xeo inaugurou unha exposición adicada ao club con motivo do seu 90º aniversario.[13]
Identidade do equipo
[editar | editar a fonte]Cores
[editar | editar a fonte]As cores principais de Ilves son o verde, o amarelo e o negro, que teñen aparecido nas camisolas ao longo dos anos coa excepción das brancas e violetas das tempadas 1982 a 1984. A primeira cor empregada polo equipo foi, con todo, o branco. A partir de 1932 e ata 1945 a camisola pasou a ter faixas horizontais verdes e vermellas, mentres que a partir de 1945 pasou a ser completamente negra. A partir de 1962 introduciuse unha segunda camisola para os partidos como visitante, sendo a cor branca a primeira empregada.[14]
Entre 1970 e 1972 empregou tan só unha camiseta amarela, tanto para os seus partidos como local como nos que foi visitante. Logo deste período recuperou a camisola negra na primeira equipación, e principalmente o branco e o amarelo na segunda. A partir de 1982 e ata 1993 a cor principal da primeira camisola foi o branco, empregando o verde e o negro para a segunda equipación en distintos períodos, coa excepción do violeta empregado entre 1982 e 1984.[14]
En 1996 recuperou a cor negra, que mantivo ata 2002, cando a cor principal volveu ser o branco. O verde foi adoptado como cor principal por primeira vez en 2005 e mantívose ata 2017. Durante as tempadas 2018-19 e 2019-20 a primeira equipación era negra, amarela e verde, mentres que para a 2020-21 o negro foi substituído polo branco.[14]
Ilves tamén empregou en determinados partidos camisolas conmemorativas e retro. O 6 de febreiro de 1966, durante un partido fronte a RU-38, o equipo empregou unha camisola branca de loito pola morte de Jarmo Wasama. Do mesmo xeito, durante a participación do equipo en competicións internacionais este empregou distintas camisolas ás empregadas na competición nacional.[14] O 9 de outubro de 2021 o equipo celebrou o seu 90 aniversario durante o partido que o enfrontou a SaiPa, durante o mesmo os xogadores vestiron unha camisola verde e negra cun lince amarelo no centro inspirada na primeira camisola do equipo.[15]
Logotipo
[editar | editar a fonte]O primeiro logotipo de Ilves, en funcionamento dende 1931 ata 1945 consistía na figura dun lince amarelo, que con posterioridade mudou a unha forma redonda cunha base negra e verde rodeada por unha franxa amarela, no centro encontrábase a figura do lince e ao redor podía verse oo texto "Ilves Tampere". Este logotipo redondo foi modificado varias veces entre 1945 e 1962 e mesmo empregáronse simultaneamente diferentes logotipos do club.[14]
O logotipo actual do equipo foi deseñado por Rauno Broms e consiste nunha cabeza de lince de cor amarela amosando os dentes. Este logotipo foi introducido en 1962, cando o daquela xerente do equipo Seppo Helle quixo renovar a marca do equipo para facela máis atractiva para a xente nova. Logo de rexeitar numerosas propostas Helle escolleu o deseño de Rauno Broms, que se mantivo entre os anos 1962 e 1993.[16][14]
Foi en 1993 cando Mikko Mäkelä, que pasou a liderar o equipo de hóckey sobre xeo, quixo renovar a aparencia visual do club, polo que Harri Sulonen deseñou un novo logotipo para Ilves, influenciado pola versión anterior a 1962, recuperando a forma redonda e a figura do lince completa, vista de perfil. Con todo, a firma Ilves ry seguiu a empregar o deseño de 1962.[14][17]
O 8 de novembro de 1999 o equipo volveu empregar a versión de 1962-1993 coa cabeza do lince por iniciativa de Risto Jalo, que fora escollido conselleiro delegado do equipo de hóckey sobre xeo. En outono dese ano Jalo quixo reparar as pontes entre o equipo de hóchey sobre xeo e o club matriz, e como símbolo desta reparación recuperou o deseño de 1962, que na tempada 2021-22 se mantiña como imaxe do club.[14][16]
Música
[editar | editar a fonte]Na tempada 1989-90 Ilves adoptou a súa propia canción de gol (en finés maalilaulu), "We Are the Kings", un tema rock en inglesa composto polo guitarrista de Popeda Costello Hautamäki, que foi gravada na súa versión actual na tempada 1993-94. En 1997 engadiuse ao principio da canción unha bucina de néboa, sendo Ilves o segundo equipo en engadir este elemento logo de Lukko.[18][19]
Mascota
[editar | editar a fonte]En agosto de 2019 o equipo iniciou un cásting para seleccionar á persoa que encarnaría á nova mascota do equipo,[20] que é un lince antropomorfo. Ese mesmo ano presentou a súa nova mascota, cuxo nome foi escollido por votación da afección. Os posibles nomes que recolleu a páxina de Facebook foron Nipa, Ipa, Raipe, Ile e Ilpo, e o período de votación finalizou o 23 de outubro. A presentación da mascota e o anuncio do seu nome tivo lugar o 26 de novembro durante o partido que xogou Ilves fronte a Pelicans.[21] Finalmente o nome gañador foi Ipa, fugurando no Twitter como "Ipa #00".[22][23]
A compañía de bebidas de Tampere Pyynikin käsityöläispanimo adicou unha cervexa á mascota do equipo. A cervexa recibe o nome de "IPA 45".[24]
Pavillón
[editar | editar a fonte]Dende 1965, o Ilves xoga os seus partidos como local no Tampereen jäähalli. Coa finalización do novo Nokia Arena, tanto Ilves como Tappara pasarán a disputar os seus partidos como locais no novo recinto:
Imaxe | Nome | Primeira tempada | Derradeira tempada | Capacidade[a] | Outros usos |
---|---|---|---|---|---|
Näsijärvi | 1931-31 | 1931-31 | |||
Piscina de Palomäki | 1933-34 | 1933-34 | |||
Pistas de tenis entre Koulukatu e Mariankatu | 1934-35 | 1938-39 | |||
Eteläpuisto | 1940-41 | 1944-45 | |||
Koulukatu | 1945-46 | 1964-65 | |||
Tampereen jäähalli | 1964-65 | 2021-22 | 7 595[25] | Tappara (1965-2021) KOOVEE (1965–83, 1988-90, 1994–97, 2018-) | |
Nokia Arena | 2021-22[26] | 13 455 | Tappara (2021-) |
- Tampereen jäähalli (Hakametsä)
O 31 de xaneiro de 1965 Ilves trasladouse ao Tampereen jäähalli, no distrito de Hakametsä.[b] O pavillón foi inaugurado en 1965 para a celebración do Campionato do Mundo de hóckey sobre xeo que se celebrou ese mesmo ano en Tampere, sendo o primeiro estadio finlandés en acoller esta competición.[28][27] Posteriormente o pavillón foi sede nos mundiais masculinos de 1982, 1991, 1997 e 2003 e o Campionato do Mundo feminino en 1992.[27]
O primeiro partido de Ilves en Hakametsä disputouse o 31 de xaneiro de 1965 nun partido fronte aos seus veciños de Tappara e finalizou coa vitoria do equipo do lince por cinco goles a tres.[29]
A capacidade do pavillón foi variando ao longo dos anos dende as 10 200 persoas iniciais ata as 7 300 dos seus últimos anos de uso polo club:[30]
Período | Capacidade | - | Período | Capacidade |
---|---|---|---|---|
1965-1981 | 10 200 | - | 2001-2003 | 8 200 |
1981-1986 | 8 563 | - | 2003-2004 | 7 918 |
1986-1990 | 7 700 | - | 2004-2009 | 7 800 |
1990-1999 | 8 044 | - | 2009-2014 | 7 600 |
1999-2001 | 7 600 | - | 2014-2021 | 7 300 |
Polo que respecta á afluencia de público ao Tampereen jäähalli, o mellor rexistro nun partido foi de 10 200 persoas nas bancadas, unha cifra que acadou en sete ocasións na década de 1970, e case sempre fronte ao mesmo rival, Tappara, coa excepción dun partido disputado fronte a HIFK. A peor entrada a un partido de Ilves foi tamén na década de 1970, nun partido fronte a Ässät disputado o 26 de outubro de 1977 ante tan só 1 565 persoas. En total, dende 1965, 6 550 978 persoas asistiron a partidos de Ilves no mítico pavillón en partidos de liga regular, cunha media de 5 236 persoas por partido, mentres que nos play-offs foron 503 764 cunha media de 5 660 persoas por partido. Os rexistros de público nas últimas tempadas xogadas integramente no Tampereen jäähalli son os seguintes:[30]
Tempada | Liga regular | Play-offs |
---|---|---|
2010-11 | 5 277 | 6 299 |
2011-12 | 5 176 | 6 413 |
2012-13 | 4 879 | 5 204 |
2013-14 | 5 210 | non clasificado |
2014-15 | 4 955 | 5 137 |
2015-16 | 4 657 | non clasificado |
2016-17 | 4 614 | 7 054 |
2017-18 | 4 679 | non clasificado |
2018-19 | 5 042 | 5 249 |
2019-20 | 5 637 | non clasificado |
- Nokia Arena
En decembro de 2021 Ilves mudouse ao Nokia Arena, estadio que dende aquela comparte co outro gran equipo da cidade, Tappara. O primeiro partido de Ilves como local no novo estadio celebrouse o 4 de decembro, precisamente contra Tappara, no segundo partido da fin de semana inaugural,[c] coorganizada por ambos equipos.[33]
As obras do novo estadio comezaron na primavera de 2017.[34] Se ben en marzo de 2020 anunciouse o acordo para que a empresa tecnolóxica Uros, con sede en Oulu, patrocinara o novo estadio, que de acordo co contrato sería coñecido durante os seus primeiros dez anos polo nome de Uros Live,[35] o 19 de novembro de 2021 anunciouse que o novo patrocinador principal do estadio sería a firma Nokia, pasando a denominarse Nokia-areena ou Nokia Arena.[36] O anuncio chegou logo de que en novembro de 2021 a empresa xestora do estadio rescindira o contrato con Uros pola situación financeira que atravesaba a compañía, así como pola mala publicidade, regresando ao nome orixinal de Tampereen Kannen areena ata a sinatura do acordo con Nokia.[37] O novo estadio ten unha capacidade máxima superior ás 15 000 persoas,[36] e de 13 455 para partidos de hóckey sobre xeo.[38]
Ilves debutou como local no novo pavillón o 4 de decembro de 2021 nun partido de liga fronte aos seus veciños de Tappara, aos que derrotara o día anterior na inauguración do novo recinto por 3-6,[31] mais os do lince perderon por un contundente 0-7 ante 13 000 persoas.[39]
Afección
[editar | editar a fonte]Ilves é, xunto con Tappara, un dos grandes clubs de hóckey sobre xeo da cidade de Tampere. Un estudo realizado polo xornal Aamulehti en 2017 sinala que a maior parte das persoas seguidoras de Ilves viven en Ala-Pispala, Hyhky, Epilä e Tohloppi, así como en Koivistonkylä e Härmälä.[40]
Aínda que o club non posúe un club de fans oficial, en 2017 existían canto menos tres grupos non oficiais: "Ilves Ikuisesti", "Osasto 41" e "Ilves Tampere".[40]
En 2010 o club fundou a asociación de apoio a Ilves Share Ilves ry, para adquirir accións de Ilves-Hockey, apoiar as operacións do equipo e desenvolver e incrementar os incentivos de Ilves.[41]
Personalidades
[editar | editar a fonte]Xogadores
[editar | editar a fonte]Capitáns do equipo
[editar | editar a fonte]Dende a súa primeira tempada, Ilves tivo 39 capitáns distintos. O primeiro xogador da historia do equipo de Tampere que foi nomeado capitán foi Niilo Tammisalo na primeira tempada de Ilves. Dende 2018 o posto de capitán é ocupado por Eemeli Suomi. Todos os capitáns do equipo ata 2021 eran de nacionalidade finlandesa, e moitos deles naceron na cidade de Tampere ou noutros municipios próximos ou da rexión de Pirkanmaa. O xogador que máis tempadas exerceu de capitán do equipo foi Raimo Helminen, cun total de nove tempadas consecutivas, mentres que Lasse Oksanen é o segundo capitán máis lonxevo da historia de Ilves con oito tempadas como capitán. A continuación todos os capitáns de Ilves ao longo da súa historia:[42]
|
|
Porteiros
[editar | editar a fonte]Ata 36 porteiros do equipo teñen rexistrado canto menos un partido sen encaixar ningún gol (shutout). O xogador que máis veces conseguiu finalizar un partido sen encaixar ningún gol foi Juhani Lahtinen en 17 ocasións. O maior número de shutouts nunha mesma tempada conseguírono Mika Pietilä (5 + 2 = 7) na tempada 2000-01 e Antti Lehtonen (5 + 2 = 7) na 2016-17.[e] Ademais Antti Lehtonen é o porteiro que máis tempo mantivo a súa portería a cero cun total de 222 minutos e oito segundos na tempada 2016-17. Na seguinte táboa poden verse os porteiros que máis shutouts conseguiron na historia do equipo:[43]
Nome(s) | Nacionalidade | Período | Shutouts |
---|---|---|---|
Juhani Lahtinen | Finlandia | 1955-1978 | 17 |
Jukka Tammi | Finlandia | 1980-1995 | 10 |
Vesa Toskala | Finlandia | 1995-2012 | 10 |
Hannu Toivonen | Finlandia | 2008-2017 | 10 |
Juha Pitkämäki | Finlandia | 1998-2010 | 9 |
Mika Pietilä | Finlandia | 1992-2002 | 8 |
Números retirados
[editar | editar a fonte]Ilves ten retirado os seguintes sete números ao longo da súa historia. Todos os xogadores homenaxeados son finlandeses e o primeiro número retirado polo equipo foi o 2 de Jarmo Wasama, que xogou no equipo dende 1960 ata a súa prematura morte en 1966, a cerimonia tivo lugar o 2 de decembro de 1993 nun partido que enfrontou a Ilves co HPK de Hämeenlinna. A continuación todos os números retirados por Ilves e a data da súa retirada:[44]
Nº | Xogador | Posición | Carreira | Data da retirada | Referencias |
---|---|---|---|---|---|
2 | Jarmo Wasama | D | 1960–66 | 2 de decembro de 1993 | [45] |
7 | Aarne Honkavaara | F | 1943-53 | 22 de febreiro de 1997 | [46] |
13 | Risto Jalo | C | 1980-90 1991-92 1993-94 |
1 de setembro de 2001 | [47] |
14 | Lasse Oksanen | RW | 1960-75 1977-79 1980-82 |
1 de outubro de 1994 | [48] |
16 | Jorma Peltonen | W | 1962-75 | 23 de setembro de 2006 | [49] |
30 | Jukka Tammi | P | 1980-95 | 10 de decembro de 2011 | [50] |
41 | Raimo Helminen | F | 1982-85 1987-88 1996-2008 |
22 de novembro de 2008 | [51] |
O número 24 non foi retirado oficialmente, mais non se usa. Foi impregado por última vez por Veikko Suominen, que morreu durante a tempada 1978–79.[52][53]
Xogadores na NHL
[editar | editar a fonte]En 2021 un total de 84 xogadores de Ilves xogaron na National Hockey League (NHL). Destes, 20 pasaron directamente do equipo de Tampere a algunha das franquías norteamericanas, e 23 debutaron profesionalmente coa camisola de Ilves. A seguinte táboa mostra os xogadores que debutaron profesionalmente co equipo do lince, así como os que pasaron directamente de Ilves á NHL:[54]
Pasou de Ilves a un equipo da NHL directamente, mais non debutou con Ilves. Debutou en Ilves e pasou directamente do equipo á NHL. Debutou profesionalmente con Ilves.
Adestradores
[editar | editar a fonte]Dende a súa fundación en 1931 pasaron por Ilves un bo número de adestradores, a excepción da tempada 1939-1940, na que o club non tivo actividade.[55]
Nome | Período |
---|---|
Niilo Tammisalo | 1931-1937 |
Risto Lindroos | 1937-1939 |
Risto Lindroos | 1940-1941 |
Aarne Honkavaara | 1941-1942 |
Risto Lindroos | 1942-1946 |
Henry Kvist | 1946-1949 |
Risto Lindroos | 1949-1952 |
Aarne Honkavaara | 1952 ata 03-01-1953 |
Risto Lindroos | 1952-1953 |
Aarne Honkavaara | 1953-1961 |
Seppo Helle | 1961-1964 |
Rauli Virtanen | 1964-1965 |
Erkki Koiso | 1965-1967 |
Aarne Honkavaara | 1967-1968 |
Raimo Vasama | 1968-1971 |
Juhani Ruusunen | 1971 |
Len Lunde | 24-10-1971 ata 26-12-1972 |
Raimo Vasama | 26-12-1972 |
Raimo Vasama e Matti Reunamäki | 1973-1974 ata 12-12-1974 |
Raimo Vasama, Esko Mäkinen e Matti Reunamäki | 12-12-1974 ata 30-01-1975 |
Esko Mäkinen e Matti Reunamäki | 30-01-1975 ata 1975-1976 |
Juhani Ruusunen e Markku Hakanen | 1976-1977 ata xaneiro de 1980 |
Markku Hakanen e Seppo Hiitelä | xaneiro de 1980 |
Raimo Määttänen e Leo Seppänen | 1980-1981 |
Raimo Määttänen e Seppo Hiitelä | 1981-1982 |
Seppo Hiitelä e Juhani Ruohonen | 1982-1986 |
Seppo Hiitelä e Kari Järvinen | ata 17-11-1986 |
Matti Kaario e Pertti Kaukinen | dende 17-11-1986 |
Sakari Pietilä e Matti Kaario | 1987-1990 |
Matti Kaario e Jorma Kurjenmäki | 1990 ata 03-01-1991 |
Seppo Hiitelä e Jorma Kurjenmäki | dende 03-01-1991 |
Anatoli Bogdanov e Jorma Kurjenmäki | 1991 ata 27-11-1992 |
Jukka Jalonen e Heikki Vesala | dende 27-11-1992 ata 18-10-1994 |
Heikki Vesala, Lasse Oksanen e Jarmo Tolvanen | dende 18-10-1994 ata 15-02-1995 |
Jukka Jalonen, Lasse Annala e Lasse Oksanen | dende 15-02-1995 |
Vladimir Jursinov Jr. e Lasse Annala | 1995 ata 04-01-1997 |
Vladimir Jursinov Jr. e Arto Nurmi | dende 04-01-1997 |
Vladimir Jursinov Jr. e Matti Kaario | 1997 ata 28-03-1999 |
Matti Kaario | dende 28-03-1999 |
Heikki Mälkiä e Ari-Pekka Selin | 1999-2001 |
Ari-Pekka Selin e Juha Pajuoja | 2001 ata 21-10-2002 |
Teijo Räsänen | dende 21-10-2002, dende o 25.10.2002 con Jukka-Pekka Annala |
Vaclav Sykora e Jarmo Jamalainen | 2003 ata 15-11-2004 |
Curt Lindström e Jarmo Jamalainen | dende 15-11-2004 |
Kari Eloranta ja Juha Pajuoja | 2005-2006 |
Kari Eloranta e Petteri Hirvonen | 2006 ata 18-11-2006 |
Petteri Hirvonen | dende 18-11-2006 ata 29-11-2006 |
Sakari Pietilä e Petteri Hirvonen | dende 29-11-2006 ata 12-2-2008 |
Sakari Pietilä, Petteri Hirvonen e Juha Pajuoja | dende 12-2-2008 |
Sakari Pietilä ja Juha Juujärvi | 2008 ata 9-3-2010 |
Juha Pajuoja, Raimo Helminen e Juha Juujärvi | dende 9-3-2010 |
Juha Pajuoja ja Raimo Helminen | 2010 ata 30-10-2011 |
Seppo Hiitelä e Raimo Helminen | dende 30-10-2011 |
Raimo Helminen e Vesa Viitakoski | 2012 ata 23-1-2013 |
Tuomas Tuokkola e Vesa Viitakoski | dende 23-1-2013 ata 13-1-2016 |
Kari Heikkilä | dende 13-1-2016 ata 30-9-2019 |
Jouko Myrrä | dende 30-9-2019 ata 5-10-2022 |
Antti Pennanen | dende 5-10-2022[56] |
Presidentes
[editar | editar a fonte]Ao longo da súa historia o Ilves tivo 21 presidentes, o primeiro foi Niilo Tammisalo, quen exerceu o cargo dende a fundación do club en 1931 ata 1935. Risto Lindroos foi a persoa que máis tempo estivo á fronte do club de Tampere cun total de 12 anos entre 1944 e 1956. A seguinte táboa mostra todos os presidentes que tivo a entidade dende a súa fundación:[57]
Nome | Período |
---|---|
Kari Pansio | 2014 |
Petri Ojala | 2010-13 |
Markku Lehtola | 2004-09 |
Kari Kaitasuo | 1995-04 |
Hannu Telenius | 1992-94 |
Harri Pyhältö | 1985-92 |
Jorma Huura | 1983-85 |
Risto Hannula | 1981-83 |
Raimo Eskelinen | 1977-81 |
Pekka Terho | 1974-77 |
Paul Kirjavainen | 1969-74 |
Tero Jaakkola | 1965-70 |
Pekka Terho | 1961-64 |
Allan Tokoi | 1959-61 |
Aarne Honkavaara | 1956-59 |
Risto Lindroos | 1944-56 |
Väinö Teivaala | 1940-44 |
Jussi Tiitola | 1938-40 |
Kauko Mankonen | 1936-38 |
Mikko Tiitola | 1935-36 |
Niilo Tammisalo | 1931-35 |
Directores executivos
[editar | editar a fonte]No ano 2000 Ilves pasou de ser unha asociación a ser unha sociedade de responsabilidade limitada. Dende o 3 de abril de 2017 o director executivo do equipo é o ex xogador de Ilves Risto Jalo, comezando deste xeito unha segunda etapa no cargo logo de ocupalo entre 1999 e 2004.[57]
Markku Kaila | 1981-1983 |
Seppo Hiitelä | 1983-1986 |
Seppo Hiitelä | 1987-1989 |
Jukka Hirsimäki | 1989-1993 |
Kai Sointu | 1993-1994 |
Mikko Mäkelä | 1994 |
Markku Nikkilä | 1994-1995 |
Jussi Toikka | 1995-1999 |
Risto Jalo | 1999-2004 |
Esa Honkalehto | 2004-2010 |
Ville Raunio | 2010-2012 |
Jari Hakovirta | 2012 |
Heikki Tarvainen | 2012-2013 |
Timo Virolainen | 2013-2014 |
Esa Honkalehto | 2014-2017 |
Risto Jalo | 2017- |
Suomen Jääkiekkoleijonat
[editar | editar a fonte]Dende que se creou o "Salón da Fama" do hóckey sobre xeo finlandés en 1985 (os denominados Suomen Jääkiekkoleijonista ou Leóns do Hóckey sobre Xeo Finlandés en galego), 49 xogadores que defenderon a camisola de Ilves foron introducidos:[58]
Equipo feminino
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Ilves Naiset.
Ilves comezou a desenvolver o hóckey sobre xeo feminino en 1971 co pulo do xogador Lasse Oksanen,[59] e participou nos campionatos femininos femininos non oficiais de 1978–1979 e 1981–1983, e foi un dos equipos fundadores da Naisten SM-sarja.[59][f] Na tempada 2021-22, Ilves Naiset compite igualmente na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino de Finlandia, a Naisten Liiga, competición da que se proclamaron campioas en dez ocasións, o que o converte no segundo equipo máis laureado da competición por detrás de Kiekko-Espoo, que conta con 15 títulos. O equipo gañou ademais 11 medallas de prata e cico bronces. A nivel internacional, o equipo feminino conquistou a IIHF European Women's Champions Cup en 2011, sendo o único equipo finlandés que gañou dita competición.[60][61]
O equipo disputa os seus partidos como local no Tesoman jäähalli, un pavillón situado no distrito de Tesomajärvi con capacidade para 1 500 persoas.[62][63]
Categorías inferiores
[editar | editar a fonte]As actividades júnior de Ilves comezaron a mediados da década de 1930, cando a popularidade do hóckey sobre xeo en Tampere medrou e os xogadores novos eran máis dos que o equipo representativo podía acoller. En 1937 Ilves contaba con 70 xogadores de hóckey sobre xeo, dos cales 40 tiñan menos de 17 anos.[64] En 1945 o equipo participou e gañou o primeiro campionato en categoría júnior, un título que revalidou nos seguintes catro anos.[65] Na década de 1950 os xogadores novos adestraron tamén co equipo masculino, algo que non era habitual nese momento.[66]
Na década de 1960 estableceuse o club de adestradores de Ilves, que se encargou de adestrar aos mozos. Na tempada 1962-62 o club chegou ter 20 equipos júnior con 35 adestradores e realizou aha reforma innovadora coa creación da Kanada-sarja (en galego "Serie Canadá"), na que os equipos competían por diferentes distritos baixo nomes de equipos da NHL, con tempos xogo inferiores aos dos adultos e unha presenza no xeo practicamente igual en todos os xogadores. Esta iniciativa acadou unha alta popularidade, chegando a rexistrarse nalgúns partidos en torno aos 4 000 persoas nas bancadas.[66]
O acordo de colaboración asinado en 2014 por Ilves e o equipo xaponés Nikkō Ice Bucks permitiu a xogadores novos do equipo de Tampere oportunidades de internacionalización como participar nun torneo internacional júnior en Nikkō (Xapón), e permitiu a xogadores do equipo nipón participar nos campamentos de proba de Ilves A.[3]
Ilves Hockey Legends
[editar | editar a fonte]Ilves homenaxea tamén a persoas cuxa traxectoria no club, tanto xogadoras e xogadores, como directivos ou adestradores:[67]
- Niilo Tammisalo
- Familia Tiitola
- Juhani Linkosuo
- Aarne Honkavaara
- Pentti Isotalo
- Lasse Oksanen
- Reijo Hakanen
- Jarmo Wasama
- Jorma Peltonen
- Pekka Leimu
- Risto Siltanen
- Marianne Ihalainen
- Raimo Helminen
- Reino Lahtinen
- Xogadores do Campionato do Mundo de 1939[g]
- Eero Saari
- Raimo Kilpiö
- Juhani Lahtinen
- Seppo Helle
- Pekka Terho
- Seppo Hiitelä
- Sari Marjamäki
- Linda Välimäki
- Jukka Tammi
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Palmarés de Ilves.
Trofeos colectivos
[editar | editar a fonte]- A Kanada-malja (Copa Canadá) é entregada anualmente ao equipo vencedor dos play-offs e campión da SM-liiga. É o trofeo principal da SM-liiga. O trofeo foi doado pola comunidade finlandesa do Canadá en 1950. Ilves gañou proclamouse un total de 16 veces campión de Finlandia: 1936, 1937, 1938, 1945, 1946, 1947, 1950, 1951, 1952, 1957, 1958, 1960, 1962, 1966, 1972 e 1985.[68][60][h]
- O Harry Lindbladin muistopalkinto é entregado cada ano ao equipo campión da fase regular dende a fundación da SM-liiga na tempada 1975-76. Ilves gañou este galardón nunha única ocasión: 1988.[68][60]
- Subcampión: 1967[60]
- Medalla de bronce: 1998 e 2007[60]
- Campión: 2019[69]
- Outros
- O Aaro Kivilinnan muistopalkinto é entregado cada ano ao mellor equipo de hóckey sobre xeo de Finlandia. O trofeo é determinado pola clasificación final do equipo na Liiga ou Mestis, o seu equipo na liga feminina e os seus equipos en categorías inferiores. Ilves gañou o trofeo un total de oito veces dende a súa creación na tempada 1972–73: 1973, 1974, 1978, 1981, 1982, 1983, 1990 e 1993.[60][70]
Trofeos individuais
[editar | editar a fonte]- Trofeo Aarne Honkavaara: outorgado ao máximo goleador durante a tempada regular. Foi entregado por primeira vez en 1934, antes da profesionalización da liga. Recibe o seu nome en honor ao ex xogador de Ilves e da seleccionador masculino Aarne Honkavaara. Un total de tres xogadores de Ilves recibiron este galardón, se ben o número de máximos goleadores do campionato finlandés que xogaron para Ilves ascende ata os once cun total de 19 trofeos:[68]
- Jaakko Tiitola: 1934
- Jussi Tiitola: 1935, 1936 e 1937
- Matti Wasama: 1938
- Aarne Honkavaara: 1944, 1946, 1948 e 1952
- Matti Rintakoski: 1944
- Jorma Peltonen: 1966
- Pekka Leimu: 1968, 1969 e 1972
- Lasse Oksanen: 1970
- Raimo Summanen: 1983 e 1990
- Mikko Mäkelä: 1985
- Vesa Viitakoski: 2002
- Memorial Jarmo Wasama: outorgado anualmente dende 1972 ao mellor xogador debutante da tempada. Recibe o seu nome en honor ao xogador de Ilves Jarmo Wasama. Ao longo da súa historia, doce xogadores de Ilves fixéronse co galardón, entre eles o primeiro en recibilo, Seppo Ahokainen:[68]
- Seppo Ahokainen: 1972
- Markus Mattsson: 1975
- Risto Siltanen: 1977
- Jukka Tammi: 1983
- Jari Neuvonen: 1985
- Mika Nieminen: 1988
- Pasi Puistola: 1998
- Toni Dahlman: 2001
- Simo Vidgren: 2005
- Perttu Lindgren: 2006
- Otto Koivula: 2017
- Matias Maccelli: 2020
- Trofeo Kalevi Numminen: entregado ao mellor adestrador da tempada. Recibe o seu nome en honor ao ex xogador e adestrador Kalevi Numminen. Tan só un adestrador de Ilves conseguiu o galardón ao longo da historia do equipo:[68]
- Seppo Hiitelä: 1985
- Trofeo Lasse Oksanen: entregado ao mellor xogador durante a liga regular dende 1994. Leva o nome do antigo xogador de Ilves Lasse Oksanen, nomeado mellor xogador do país en 1966. Dende a súa introdución, dus xogadores de Ilves gañaron o trofeo.[68]
- Raimo Helminen: 1998
- Michael Keränen: 2014
- Trofeo Pekka Rautakallio: entregado anualmente dende 1978 ao mellor defensa. Recibe o nome do primeiro xogador que recibiu o galardón, Pekka Rautakallio. Dous xogadores do equipo recibiron o galardón dende a súa introdución:[68]
- Allan Measures: 1998
- Markus Seikola: 2009
- Trofeo Raimo Kilpiö: entregado dende 1954, antes da profesionalización da liga, ao xogador con máis deportividade. Leva o nome de Raimo Kilpiö, ex xogador de Ilves e da selección nacional. Sete xogadores do equipo teñen conseguido o trofeo:[68]
- Raimo Kilpiö: 1960
- Lasse Oksanen: 1968
- Reijo Hakanen: 1972
- Jorma Kallio: 1974
- Risto Jalo: 1983
- Juha Järvenpää: 1990
- Vesa Viitakoski: 2002
- Trofeo Urpo Ylönen: entregado anualmente dende 1978 ao mellor porteiro da tempada. O ex-porteiro Urpo Ylönen, nomeado mellor porteiro do Campionato do Mundo de 1970, dálle nome ao trofeo. Dous porteiros de Ilves teñen alzado o trofeo:[68]
- Jukka Tammi: 1990
- Lukáš Dostál: 2020
- Trofeo Veli-Pekka Ketola: outorgado anualmente dende 1934, antes da profesionalización da liga, ao xogador que máis puntos rexistrou ao longo da tempada. O trofeo leva o nome do ex xogador Veli-Pekka Ketola, internacional con Finlandia e nomeado mellor xogador finlandés en dúas ocasións (1974 e 1978). Un total de dez xogadores de Ilves conseguiron o galardón canto menos nunha ocasión:[68]
- Jaakko Tiitola: 1934
- Jussi Tiitola: 1935, 1936 e 1937
- Matti Wasama: 1938
- Aarne Honkavaara: 1946, 1948, 1950, 1951 e 1952
- Jorma Salmi: 1957, 1958 e 1959
- Raimo Kilpiö: 1960
- Jorma Peltonen: 1966, 1968, 1969, 1970, 1972
- Raimo Summanen: 1989 e 1990
- Peter Larsson: 1998
- Steve Kariya: 2005
- Trofeos da Asociación de Xogadores
- Kultainen kypärä (casco dourado): outorgado anualmente dende 1987 ao mellor xogador da SM-liiga por votación da Asociación de Xogadores. Tres xogadores de Ilves conseguiron este recoñecemento:[71]
- Jukka Tammi: 1990
- Raimo Helminen: 1998
- Michael Keränen: 2014
- Trofeo Juha Rantasila: entregado por primeira vez en 2008, este trofeo é entregado ao defensor que máis goles anotou na tempada. Leva o nome do ex xogador nado en Pori Juha Rantasila. Tan só un xogador do equipo conseguiu o galardón, foi Markus Seikola en dúas tempadas consecutivas (2009 e 2010):[71]
- Markus Seikola: 2009 e 2010
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A capacidade dos pavillóns que se indica corresponde ao número de espectadores en competicións de hóckey sobre xeo.
- ↑ Debido á súa localización é coñecido popularmente como Hakametsän halli.[27]
- ↑ O primeiro partido da fin de semana contou cos mesmos protagonistas, mais con Tappara exercendo como local. Este partido inaugural no Nokia Arena saldouse coa vitoria de Ilves por 3-6 ante 13 000 persoas.[31][32]
- ↑ Durante a guerra de inverno a competición foi suspendida.
- ↑ Entre paréntese o rexistro de shutouts en liga regular, máis o dos play-offs, seguido do número total.
- ↑ Naisten SM-sarja era o nome que recibía nos seus inicios a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia, agora denominada Naisten Liiga.
- ↑ Cinco xogadores de Ilves formaron parte do primeiro combinado finlandés que competiu nun Campionato do Mundo: Teuvo Castren, Seppo Jaakkola, Kalevi Sutinen, Erkki Rintala e Risto Tiitola.
- ↑ Os 15 primeiros títulos do equipo foron conquistados antes da profesionalización da liga, sendo denominada daquela SM-sarja.
- Referencias
- ↑ Lahdenperä, Johanna (16 de xuño de 2018). "Ilves ja Koovee yhteistyöhön - "Pelaajaseuranta on entistä helpompaa"". Jatkoaika.com (en finés). Consultado o 24 de outubro de 2019.
- ↑ Aalto, Pekka (26 de abril de 2019). "Koovee ja Tappara aloittavat pelaajayhteistyön – Mestis-seura saa hyvän mahdollisuuden menestyä, Ilveskin on edelleen vahvasti mukana". Aamulehti (en finés). Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2019. Consultado o 24 de outubro de 2019.
- ↑ 3,0 3,1 "Ilves ja Nikko Icebucks yhteistyöhön" (en finés). Ilves Hockey. 4 de xuño de 2014. Consultado o 18 de setembro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 "Seuran esittely" (en finés). Ilves ry. Consultado o 14 de xullo de 2021.
- ↑ "ILVES RY:N PERUSTAMISKOKOUS 10.4.1931" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 14 de xullo de 2021.
- ↑ "KOTIKENTÄT" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021.
- ↑ "Reino Lahtinen" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021.
- ↑ "Kausi 1931-32" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021.
- ↑ "Kausi 1932-33" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Wacklin 2006, p. 23.
- ↑ "KAUSI 1933-34" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 24 de xuño de 2021.
- ↑ "KAUSI 1934-35" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ "Ilves 90 -näyttely Jääkiekkomuseossa" (en finés). VisitTampere.fi. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2021. Consultado o 12 de setembro de 2021.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 "Tunnukset ja värit" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 15 de xullo de 2021.
- ↑ "Ilveksen 90-vuotisjuhlaottelu lauantaina – upea määrä kapteeneja paikalla" (en finés). Ilves Hockey. 9 de outubro de 2021. Consultado o 12 de outubro de 2021.
- ↑ 16,0 16,1 Mustonen 2001, p. 380.
- ↑ Mustonen 2001, p. 253–255.
- ↑ "Musiikki" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ "We Are the Kings". YouTube. Consultado o 12 de xaneiro de 2022.
- ↑ Ruissalo, Pekka (16 de agosto de 2019). "Nyt on kova työtarjous: Olisiko juuri sinusta Ilves-maskotiksi?". Tamperelainen (en finés). Consultado o 12 de setembro de 2021.
- ↑ "Osallistu Ilves-maskotin nimiäänestykseen – äänestäjien kesken arvotaan aitio!" (en finés). Ilves.com. 21 de outubro de 2019. Consultado o 24 de outubro de 2019.
- ↑ "Kauppakeskus Ratinan Telia Kaupassa Ilves-päivät 21.-22.11." (en finés). Ilves Hockey. 20 de novembro de 2019. Consultado o 12 de setembro de 2021.
- ↑ "Conta de Twitter de Ipa #00" (en finés). Twitter. Consultado o 12 de setembro de 2021.
- ↑ "IPA 45" (en inglés). Pyynikin käsityöläispanimo. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2021. Consultado o 12 de setembro de 2021.
- ↑ "TAMPERE ICE STADIUM (HAKAMETSÄ ICE STADIUM)" (en inglés). visittampere.fi. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2020. Consultado o 17 de febreiro de 2020.
- ↑ "Tampereen Kannen ja areenan työt käynnissä – Lue tästä kaikki tulevien vuosien suurimmasta rakennushankkeesta". Aamulehti (en finés). 2 de outubro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2020. Consultado o 17 de febreiro de 2020.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 "Jäähallit" (en finés). Cidade de Tampere. Consultado o 15 de xullo de 2021.
- ↑ Kauhala, Hannu (5 de outubro de 2016). "Perinnesarja, osa 1: Jääkiekkoilu modernisoitui ennen SM-liigaa" (en finés). Liiga.fi. Consultado o 15 de xullo de 2021.
- ↑ "KAUSI 1964-65" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 16 de xullo de 2021.
- ↑ 30,0 30,1 "Yleisömäärät" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 16 de xullo de 2021.
- ↑ 31,0 31,1 "Tappara vs Ilves" (en finés). Liiga.fi. 3 de decembro de 2021. Consultado o 4 de decembro de 2021.
- ↑ "Tampereella avautui uuden sukupolven kiekkopyhättö –Aamulehti seurasi areenan tulikoetta ja tunnelmia koko perjantain, katso videot ja kuvat". Aamulehti (en finés). 3 de decembro de 2021. Consultado o 4 de decembro de 2021.
- ↑ "Tampereen Kannen areenan otteluiden lipunmyynti alkaa maanantaina 25.10.2021 klo 10.00!". Ilves Hockey (en finés). 21 de outubro de 2021. Consultado o 19 de novembro de 2021.
- ↑ "Tampereen uuden areenan katolle tulee 300 huoneen hotelli". Aamulehti (en finés). 16 de febreiro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2016. Consultado o 20 de novembro de 2021.
- ↑ "Tampereen Kannen areenasta Uros Live". Yle Uutiset (en finés). 5 de marzo de 2020. Consultado o 20 de novembro de 2021.
- ↑ 36,0 36,1 "Tampereen Kannen areena on nyt Nokia Arena" (en finés). Ilves Hockey. 19 de novembro de 2021. Consultado o 20 de novembro de 2021.
- ↑ Koskinen, Anu Leena (1 de novembro de 2021). "Uros on nimenä häipynyt Tampereelta nopeasti, toimitusjohtaja: "Kylttiä ei ollut"". Yle Uutiset (en finés). Consultado o 20 de novembro de 2021.
- ↑ "Tampere Arena gets new sponsor". Yle Uutiset (en inglés). 19 de novembro de 2021. Consultado o 20 de novembro de 2021.
- ↑ "Ilves vs Tappara" (en finés). Liiga.fi. 3 de decembro de 2021. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ 40,0 40,1 Rautanen, Sari (4 de maio de 2017). "Ilves vai Tappara? Kahdesta hyvästä on vaikea valita, mutta Moron pieni kiakkotesti auttaa". Aamulehti (en finés). Consultado o 17 de setembro de 2021.
- ↑ Share Ilves ry, ed. (1de xullo de 2010). "Share Ilves ry:n perustamiskokous on pidetty" (en finés). Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ Ilves Hockey (ed.). "KAPTEENIT KAUTTA AIKOJEN" (en finés). Consultado o 18 de xullo de 2021.
- ↑ Ilves Hockey (ed.). "MAALIVAHTIEN NOLLAPELIT" (en finés). Consultado o 12 de setembro de 2021.
- ↑ "Jäädytetyt pelinumerot" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 3 de xuño de 2020.
- ↑ Suomen Jääkiekkomuseo (ed.). "Jarmo Wasama" (en finés). Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014.
- ↑ Suomen Jääkiekkomuseo (ed.). "Aarne Honkavaara" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014.
- ↑ Suomen Jääkiekkomuseo (ed.). "Risto Jalo" (en finés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014.
- ↑ Suomen Jääkiekkomuseo (ed.). "Lasse Oksanen" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2017. Consultado o 25 de xuño de 2014.
- ↑ Suomen Jääkiekkomuseo (ed.). "Jorma Peltonen" (en finés). Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014.
- ↑ Suomen Jääkiekkomuseo (ed.). "Jukka Tammi" (en finés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014.
- ↑ Suomen Jääkiekkomuseo (ed.). "Raimo Helminen" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014.
- ↑ "Retired numbers". Ilves (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 3 de xuño de 2020.
- ↑ "Veikko Suominen" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 3 de xuño de 2020.
- ↑ Ilves Hockey (ed.). "NHL-PELAAJAT" (en finés). Consultado o 12 de setembro de 2021.
- ↑ Ilves Hockey (ed.). "Valmentajat kautta aikojen" (en finés). Consultado o 6 de outubro de 2022.
- ↑ "ILVES VAIHTAA PÄÄVALMENTAJAA – ANTTI PENNANEN OTTAA VETOVASTUUN VÄLITTÖMÄSTI" (en finés). Ilves Hockey. 5 de outubro de 2022. Consultado o 6 de outubro de 2022.
- ↑ 57,0 57,1 "ILVES RY:N PERUSTAMISKOKOUS 10.4.1931" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 3 de xuño de 2020.
- ↑ "Jääkiekkoleijonat" (en finés). Ilves. Consultado o 18 de febreiro de 2019.
- ↑ 59,0 59,1 Wacklin 2006, p. 111.
- ↑ 60,00 60,01 60,02 60,03 60,04 60,05 60,06 60,07 60,08 60,09 "SEURAN SAAVUTUKSET" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 3 de xuño de 2020.
- ↑ "HISTORIA" (en finés). Kiekko-Espoo Naiset. Consultado o 13 de setembro de 2021.
- ↑ "TESOMAN JÄÄHALLI" (en finés). IlvesNaiset.fi. Consultado o 13 de setembro de 2021.
- ↑ Huovinen, Jorma (1 de marzo de 2016). "Uudessa hallissa luistellaan Tesomalla vuonna 2017". Aamulehti (en finés). Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2016. Consultado o 13 de setembro de 2021.
- ↑ Wacklin 2006, p. 22–24.
- ↑ "U20 SM:n mitalistit kautta aikojen" (en finés). Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo. Consultado o 13 de setembro de 2021.
- ↑ 66,0 66,1 Saarinen, Jesse (2021). "About Ilves" (en inglés). ilvesjaakiekko.fi. Consultado o 13 de setembro de 2021.
- ↑ "ILVES HOCKEY LEGENDS" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 19 de agosto de 2021.
- ↑ 68,00 68,01 68,02 68,03 68,04 68,05 68,06 68,07 68,08 68,09 "Palkinnot" (en finés). Liiga.fi. Consultado o 16 de febreiro de 2020.
- ↑ Seppä, Lassi (10 de agosto de 2019). "13 maalia kahdessa ottelussa − Ilves rynnisti myös HIFK:n yli ja voitti historian ensimmäisen Tampere Cupinsa" (en finés). Jatkoaika.com - Kaikki jääkiekosta. Consultado o 15 de agosto de 2021.
- ↑ Mennander, Pasi (2 de maio de 2015). "Aaro Kivilinnan muistopalkinto Bluesille - Kauden paras seura 2014-15 - Kärpät niukalla piste-erolla toinen" (en finés). Federación Finlandesa e Hóckey sobre Xeo. Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ 71,0 71,1 "Pelaajayhdistyksen Kultainen kypärä Petri Kontiolalle" (en finés). Liiga.fi. 4 de maio de 2021. Consultado o 24 de xuño de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ilves |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mustonen, Olli (2001). Veijareita & virtuooseja: tarina legendaarisesta jääkiekkoseurasta 1980-2001 (en finés). Tampere: Poika kotiin Oy. ISBN 952-91-3862-8.
- Wacklin, Matti (2006). Sydämenasiana Ilves. Tampere: Ilves. ISBN 952-92-0783-2.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial de Ilves (en finés) (en inglés)