Saltar ao contido

Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada da Facultade de Xeografía e Historia.
Sala da Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia, antiga Biblioteca Xeral.

A Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela foi fundada no ano 1974, a partir da antiga Facultade de Filosofía e Letras na que o peso da licenciatura de Xeografía e Historia era fundamental, por ser a única subtitulación da licenciatura en Filosofía e Letras que se impartía nela desde a súa fundación en 1922 até ben entrados os anos 1970, cando se creou a licenciatura en Filoloxía románica.[1]

Situación

[editar | editar a fonte]
Placa de altitude á entrada da facultade.
Placa de latitude á entrada da facultade, referida ao observatorio Astronómico de Madrid.

A Facultade de Xeografía e Historia ocupa o edificio da antiga Universidade Central de Santiago, na praza da Universidade, da que ocupa todo o seu lado leste, coa adxunta igrexa da Universidade, antigamente dos xesuítas, situada entre a Facultade de Xeografía e Historia, e a Facultade de Filosofía (esta xa na contigua praza de Mazarelos e que na actualidade, sen culto, é unha das dúas Salas de exposicións que a Universidade ten no Campus de Compostela (a outra é o Colexio de Fonseca);[2] e, ademais, é a sede da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela.[3]

O edificio

[editar | editar a fonte]

Tras a expulsión dos xesuítas en 1767 o rei Carlos III concédelle á Universidade os terreos e edificios que esta orde relixiosa posuía en Santiago, comezando en 1769 a construción do novo edificio da Universidade, que foi inaugurado en 1805. Coa chegada do século XX rexístrase un aumento no número de alumnos, así como da oferta académica, coa conseguinte dotación de infraestruturas. Remátase en 1901 a ampliación do edificio central da Universidade, e constrúense os edificios da Facultade de Medicina (que, xunto coa de Farmacia, ocupaba o Pazo de Fonseca) co apoio de Eugenio Montero Ríos, a Facultade de Veterinaria (actual sede do Parlamento de Galicia) e o Colexio de Xordomudos (actual sede administrativa da Xunta de Galicia, en San Caetano).[4] O edificio da Universidade central, rematado polas estatuas dos catro benfeitores e, enriba de todo, a escultura de Minerva e as Ciencias, grupo escultórico tallado polo noiés Xosé Ferreiro (1738-1830), que se retirou para ser instalado, en 1962, no novo edificio da Facultade de Ciencias no Campus Sur,[5] daquela coñecido como A Residencia.

Características

[editar | editar a fonte]

A autoría da traza do edificio é discutida. Sábese que o primeiro proxecto foi realizado por Miguel Ferro Caaveiro (fillo do tamén arquitecto Lucas Ferro Caaveiro), e posteriormente reformado por Melchor de Prado e Mariño, a quen se atribúe xeralmente o deseño. As obras comezaron en 1769, e prolongáronse con diversas vicisitudes e cambios de plans até 1805. Máis tarde, o edificio sufriu transformacións que alteraron a fachada primitiva e engadiron unha altura máis á construción.[6]

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

O edificio ten planta cadrada, organizado arredor dun gran claustro ou patio central, construído con perpiaños regulares de granito. Orixinariamente contaba con dous andares, a planta terrea e outra superior, comunicadas por unha escaleira de dobre tiro na entrada. A planta inferior ten unha galería ou corredor arredor do patio, cuberto con bóveda rebaixada, á que se abren as aulas, mentres que os andares superiores teñen teitos rectos. A fachada, de estilo neoclásico e académico, de gran sobriedade, organízase de maneira simétrica, con dous corpos lixeiramente adiantados nos extremos, decorados con pilastras xigantes de orde xónica, e un corpo central con escalinata e pórtico de columnas tamén xigantes, de orde xónica e fuste liso, montadas sobre altos plintos. Columnas e pilastras sosteñen un entaboado con friso liso, sen decoración. Na planta terrea ábrense fiestras alinteladas mentres que nos andares superiores os vans cóbrense de arcos rebaixados.[6]

Primitivamente, a porta de entrada estaba coroada por un frontón triangular, co preceptivo escudo de España no centro do tímpano flanqueado por dous leóns, e unha monumental estatua de Minerva como acroterio, acompañada de figuras de xenios ou nenos nas esquinas. Esta disposición primitiva alterouse profundamente a finais do século XIX ao engadir un novo andar ao edificio, que supuxo a supresión do frontón e a eliminación das estatuas, que hoxe decoran a Facultade de Química, como quedou dito. Como resultado da reforma, no lugar do frontón, directamente sobre o entaboado, colocáronse catro estatuas colosais exentas, que representan a catro benfeitores da Universidade: o notario compostelán Lopo Gómez de Marzoa, que fundou un Colexio para estudantes pobres no ano 1495 e, tras o fracaso de dita institución, foi un dos promotores e padróns do Studium Generale (coñecido como Colexio de Santiago Alfeo) instituído en 1501,[7] o cóengo e antigo reitor da Universidade Diego Juan de Ulloa,[8] Álvaro de Cadaval, que entre 1542 e 1545 ocupou o cargo de primeiro catedrático de gramática da Universidade,[9] e o III conde de Monterrei, Alonso de Zúñiga e Acevedo Fonseca, que foi padrón do Colexio de Santiago Alfeo, ou de Fonseca, que fundara seu tío Alonso de Fonseca e Ulloa.[4] Sobre o muro, no centro, instalouse un panel en relevo que representa á alegoría da sabedoría coroando con follas de loureiro á mocidade estudantil. A un lado e outro deste relevo locen senllos medallóns cos retratos dos fundadores da Universidade, Diego de Muros III, e Alonso III de Fonseca. Coroando a cornixa superior, dúas figuras femininas sosteñen un escudo coas armas abreviadas da coroa española.[6]

No interior, destaca o paraninfo, decorado con frescos de José María Fenollera e Urbano González, as bibliotecas (Biblioteca Xeral, con amplo salón de lectura, de 1923, e a monumental Biblioteca América, fundada por emigrantes, con fondos procedentes da diáspora galega), e o salón do reitorado, co seu cadeirado de madeira do século XVII.[6]

Século XX

[editar | editar a fonte]

Durante a primeira metade do século XX o edificio acollía a Facultade de Dereito (na planta baixa), a de Filosofía e Letras (sección de Historia) na primeira planta (onde está tamén o Paraninfo) e a de Ciencias (sección de Químicas) na terceira (e cuxos laboratorios estaban no faiado). Nun edificio anexo encontrábase a Biblioteca Xeral e a Biblioteca América (hoxe, nestas dependencias sitúase a biblioteca da facultade).

Na segunda metade dese século, coas novas construcións no Campus Sur, o antigo edificio central converteuse na actual Facultade de Xeografía e Historia.

Titulacións impartidas

[editar | editar a fonte]

A Facultade acolle actualmente as licenciaturas en Historia, Xeografía e Historia da Arte, os graos en Historia, Historia da Arte e Xeografía e Ordenación do Territorio, e os másteres oficiais en Historia Contemporánea, Planificación e Desenvolvemento Territorial, Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade e Lecturas sobre a cidade histórica: arte, patrimonio cultural e a súa xestión.[1]

Nos tres Departamentos (Historia, Historia da Arte e Xeografía) que dan soporte a estas titulacións desenvolven a súa actividade un total de vinte e dous grupos de referencia, recoñecidos internacionalmente a través das súas achegas científicas e diversos proxectos de investigación. A súa contribución é fundamental para que a Universidade de Santiago de Compostela se sitúe na 15ª posición investigadora nos ámbitos das Humanidades e Ciencias Sociais, segundo a Clasificación Iberoamericana SIR 2010.[1]

Equipo decanal

[editar | editar a fonte]

A día de hoxe o equipo de goberno da Facultade está composto por:[1]

  • Decano: Francisco Ramón Durán Vila
  • Vicedecana: Begoña Fernández Rodríguez
  • Vicedecana: Margarita Barral Martínez
  • Secretario: Fernando Pérez Rodríguez

Grupos de investigación

[editar | editar a fonte]

Nos Departamentos da Facultade están organizados os seguintes grupos de investigación:[1]

  • Departamento de Xeografía
    • Ciencia do sistema Terra
    • Análise territorial
    • Estudos territoriais
  • Departamento de Historia da Arte
    • Proxectos e estudos Sobre patrimonio cultural
    • Síncrise. Investigación en formas culturais
    • Arquitectura, urbanismo e artes figurativas na Idade Media, Renacemento e Barroco
    • Historia da arquitectura e do urbanismo
    • Arte e estética contemporánea
    • Historia do cine
    • Estudos históricos de música en Galicia (séculos XI-XX)
  • Departamento de Historia
    • Síncrise. Investigación en formas culturais
    • Grupo de Ciencias e Técnicas Historiográficas
    • Prehistoria, Historia Antiga, Arqueoloxía e Xeografía
    • Obradoiro de arqueoloxía e patrimonio
    • Grupo de estudos para a Prehistoria do NO ibérico
    • Historia Moderna
    • Grupo de investigacións historiográficas
    • Historia Medieval: sociedade e territorio
    • Sociedade, espazo e poder na Idade Media
    • Historia social de Galicia na Idade Media
    • Historia política e dos nacionalismos
    • Historia agraria e política do mundo rural. Séculos XIX e XX
    • Historia de América
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Páxina web da Facultade.
  2. USC.Área de cultura.
  3. Igrexa da Compañía ou da Universidade en santiagoturismo.com
  4. 4,0 4,1 "Historia da USC". Universidade de Santiago de Compostela. Consultado o 23 de abril de 2018. 
  5. Grupo escultórico de Minerva y los geniecillos de las Ciencias en Memorias de Compostela.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Franjo Padín Casas: Facultade de Xeografía e Historia en Patrimonio Galego.
  7. Amparo Rubio Martínez & Miguel García Fernández (2016): Las últimas voluntades de Lope Gómez de Marzoa: un ome poderoso y muy emparentado en la cibdad de Santiago. Cuadernos de Estudios Gallegos LXIII Núm. 129, pp. 243-286.
  8. VV. AA. 1995, p. 100.
  9. Díaz y Díaz, Manuel Cecilio (1996): "Álvaro de Cadaval, primer latinista de la Universidade de Santiago: unas notas". Cuadernos de estudios Gallegos, Tomo XLIII, Nº 1808, pp. 346-347.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]