Alameda de Santiago de Compostela
Tipo | parque | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Santiago de Compostela, España | |||
| ||||
A Alameda de Santiago de Compostela, ou o Parque da Alameda de Santiago de Compostela constitúe o parque urbano máis destacado da cidade de Santiago de Compostela.
Situación e composición
[editar | editar a fonte]Situado a medio camiño entre dous dos elementos máis emblemáticos da cidade, o Campus Sur da Universidade e o centro histórico, a súa composición actual é o resultado de varias ampliacións e restauracións que hoxe en día conforman un magnífico patrimonio arquitectónico e botánico que, aínda que recibe o nome xenérico de Alameda, está constituído por tres zonas ben diferenciadas:[1][2]
- O Paseo da Alameda,
- A Carballeira de Santa Susana e
- O Paseo da Ferradura, ou Paseo dos Leóns, que Otero Pedrayo cualificou como "o parque e paseo máis nobre de España".[2]
A unidade así formada é, desde o século XIX, o máis importante punto de referencia dos paseos e do lecer dos santiagueses, un espazo moi acolledor, unha especie de salón natural, moi visitada tamén polos turistas. A súa situación privilexiada, bordeando unha parte da cidade histórica —e cunha magnífica perspectiva sobre a súa fachada oeste, a máis monumental— converteuno no principal xardín urbano da cidade, destacando ademais pola variedade e porte das súas especies arbóreas ornamentais, como o conxunto dos carballos, os espléndidos eucaliptos ou a pérgola con vistas cara ao monte Pedroso, a Residencia (actual Campus Sur da Universidade) e os arredores do sur da cidadde de Santiago, que compoñen os castiñeiros de Indias no Paseo da Ferradura.[1]
O paso do tempo foi deixando pegadas na súa ordenación espacial, como se pode apreciar no paseo central, con tres corredores diferenciados para as distintas clases sociais do século XIX, no case arco triunfal que dá acceso ao Paseo dos Leóns, ou na disposición de terrados (parterres), fontes e estanques. E tamén nas súas edificacións decimonónicas, modernistas e actuais (igrexa do Pilar, pavillón de Recreo Artístico e Industrial, único edificio que queda da Exposición Rexional Galega de 1909, palomar, quiosco da música, banco acústico etc., na abundancia e formas das súas estatuas e esculturas, e no seu mobiliario, especialmente os bancos graníticos con artístico respaldo de fundición da famosa fábrica de Sargadelos, que contaba co primeiro alto forno de España, creada por Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]No século XII, o arcebispo Xelmírez mandou construír unha igrexa para albergar as reliquias de Santa Susana, templo que foi remodelado nos séculos XVII e XVIII, e que está hoxe rodeado por máis de 300 carballos centenarios que forman unha magnífica carballeira (a carballeira de Santa Susana).
En 1546, o nobre compostelán Rodrigo de Moscoso Osorio e Álvarez de Toledo, V conde de Altamira, doou unhas terras agrícolas para uso e goce dos santiagueses.
No ano 1835, o concello de Santiago iniciou a creación do Campo da Estrela,[3] e máis do Paseo da Ferradura, que rodea a carballeira de Santa Susana.[2]
En 1885 dúas grandes figuras escultóricas con forma de león foron trasladadas desde a Porta Faxeira, sendo colocadas na entrada do Paseo da Ferradura, percorrido semicircular que bordea a Alameda. Desde entón, este treito recibe o nome de Paseo dos Leóns.[4]
Datos de interese
[editar | editar a fonte]O Parque ten unha extensión de 56 087 m2. A súa topografía é en pendente suave. É un xardín de especial interese botánico e monumental. Nel encóntranse varios miradoiros sobre a cidade vella e o que permite contemplar o monte Pedroso, a Residencia (actual Campus Sur ou Campus Vida) e os arredores do sur da cidade de Santiago. Dispón de amplas zonas de sombra, de céspede e de descanso con bancos. Están sinalizados itinerarios peonís e hai posibilidade de percorrelo en bicicleta. É accesíbel para persoas con discapacidade física. Dispón de fontes de auga potábel, estanques, parque de xogos infantís e servizos sanitarios públicos. Ten iluminación nocturna, un punto de información e zonas de aparcamento próximas (de pago).[1]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Paseo da Ferradura
-
Escultura de Valle Inclán, sentado nun banco do Paseo da Ferradura
-
Fonte no Paseo da Ferradura
-
Araucaria (esquerda) e dúas palmeiras no Paseo da Ferradura
-
Palco da Música no Paseo da Alameda
-
Banco no Paseo da Alameda
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Parque de la Alameda en Turismo de Santiago (en castelán).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Alameda de Santiago de Compostela Arquivado 24 de xullo de 2018 en Wayback Machine. en SEC (Sociedad Española de la Camelia (en castelán).
- ↑ Situado na actual rúa do Campo da Estrela.
- ↑ Paseo dos Leóns en turismo.gal
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alameda de Santiago de Compostela |