Saltar ao contido

Santiago Rugby Club

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santiago Rugby Club
NomeSantiago Rugby Club
Fundación2007
SedeSantiago de Compostela
Estadio(s)Campo de Rugby da USC
Capacidade2500 espectadores
PresidenteEloy Arufe Sánchez
AdestradorSantiago Vázquez Seijo (masculino)
Francisco Javier López Sánchez (feminino)
Liga(s)LGR
2022-2023En xogo
Casa
Fóra
Na rede
http://www.rugbyencompostela.com/
Facebook: SantiagoRugbyClub Twitter: RugbySantiago Editar o valor en Wikidata


O Santiago Rugby Club é un equipo de rugby de Santiago de Compostela que compite na Liga Galega de Rugby. O equipo disputa os seus encontros como local no Campo de Rugby da USC.

O club é o herdeiro da antiga tradición rugbística que existe na capital galega, e que no seu tempo estivo representada sobre todo polo equipo universitario. Despois de varios anos sen equipo de rugby na cidade, en 2007 fundouse o Gallaecius Rugby Club, que en 2011 trocou o seu nome polo actual Santiago Rugby Club.

Precedentes

[editar | editar a fonte]

O rugby entrou en Galicia a finais do século XIX a través de buques estranxeiros (principalmente ingleses) que facían escala en portos como Vigo, A Coruña, Ferrol ou Vilagarcía de Arousa, e cuxas tripulacións eran en moitos casos recibidos coa celebración de eventos culturais e exhibicións deportivas que podían incluír encontros de rugby xogados polos propios tripulantes coa colaboración ocasional de deportistas locais. Está popularmente aceptado que o 12 de febreiro de 1911 as tripulacións dos buques HMS Gloucester e HMS Liverpool terían xogado na Coruña non só o primeiro encontro de rugby de Galicia [1] senón tamén de toda España [2], malia que hai varios documentos que testemuñan a práctica do rugby en Galicia en anos anteriores). Pero trala marcha dos buques non quedaba ningunha estrutura que dese continuidade á práctica deste deporte entre a poboación galega.

En Santiago de Compostela, a 35 quilómetros do mar, non hai constancia de que se xogase ó rugby até mediados dos anos 1930's. Foi no contexto da Universidade de Santiago de Compostela onde unha serie de estudantes comezou cos adestramentos na Residencia, dirixidos polo catedrático de ciencias catalán Fernando Calvet Prats[3][4], que practicara o rugby durante a súa estadía de tres anos en Oxford.[5] En novembro de 1934 foi elixido o estudante de medicina Xerardo Fernández Albor como encargado de levar a cabo os trámites para constituír oficialmente o primeiro club universitario [6]. A ausencia doutros equipos en Galicia supuxo que non houbese encontros oficiais até o 26 de abril de 1936, cando se xogou o primeiro encontro de rugby do que se ten constancia en Santiago de Compostela[7]. Na residencia universitaria enfrontáronse os equipos representativos das facultades de Ciencias e Medicina, gañando o de Medicina por 3 a 0.[8]

Trala Guerra Civil o Sindicato Español Universitario convocou a formación de equipos en diferentes cidades de Galicia para participar nos Campionatos Nacionais Universitario, prosperando en Santiago de Compostela e Vigo a partir de 1942. Ese ano o RC Deportivo creara na Coruña un equipo para disputar un encontro amigable fronte a un equipo de León pero non tivo vida máis aló daquel 28 de xuño de 1942[9], quedando sós os equipos De Santiago e Vigo. O 7 de marzo de 1943, polas festas de san Tomé de Aquino, celebrouse na Residencia de Estudantes da capital galega un festival deportivo con numeroso público no que tivo lugar un encontro entre os equipos do SEU Santiago e o SEU Vigo, que rematou con empate a 9 puntos. O 28 de marzo de 1943 os equipos do SEU Vigo e do SEU Santiago enfrontáronse nun novo encontro de preparación no Estadio Municipal de Balaídos (primeiro encontro dos santiagueses fóra da súa cidade) gañando o equipo vigués por 11-3[10]. O 2 de maio de 1943, esta vez no Stadium da Residencia, o SEU Santiago gañou ó SEU Vigo polo mesmo resultado de 11-3 nun encontro válido para o Campionato Nacional[11] (primeiro encontro e primeira vitoria en competición oficial). Oito días despois, o 10 de maio de 1943, o SEU Santiago perdía na seguinte fase do torneo por 15-3 contra o equipo de rugby do Real Madrid [12]. Aquel foi o primeiro encontro dun equipo de rugby santiagués contra un equipo de fóra de Galicia. A primeira vitoria contra un equipo non galego chegou o 27 de febreiro de 1944 cando o SEU Santiago derrotou ó SEU Valladolid por 15-3.[13]

Durante décadas mantívose a rivalidade do equipo universitario cos diversos equipos existentes en Vigo (SEU, Alerta, Celta, Travesas, Balaídos, Turista etc.) pola supremacía do rugby galego e polos títulos de liga e copa, mentres que a nivel local as facultades de Ciencias, Medicina, Dereito, etc seguían enfrontándose polos campionatos de distrito. En 1962 o campionato galego contou por vez primeira con dous equipos de Santiago de Compostela: por unha banda o clásico Club Universitario (así chamado dende 1952) e por outra a nova sección de rugby da acabada de fundar Sociedade Deportiva Compostela, que tivo unha curta vida.

En 1983 o Club Deportivo Universitario foi un dos cinco clubs fundadores da nova Federación Galega de Rugby acadando esa tempada 1983/84 o título de liga. Na seguinte tempada participou na Primeira Nacional acadando un sexto posto no Grupo Noroeste integrado por equipos de Cantabria, Asturias, Galicia e Castela e León.[14] Foi a derradeira vez que un equipo de Santiago de Compostela participou en competicións nacionais.

Superado principalmente polos equipos de Lugo, A Coruña e Vigo, o CDU foi perdendo presenza pouco a pouco. En 1990 apareceu un novo club na cidade, o Compostela Rugby Club, que foi medrando até acadar o título da Liga Galega de Rugby na tempada 1995/96. Malia iso, nin CDU nin Compostela tiñan equipos debaixo da categoría sénior, e o número de xogadores decaeu progresivamente até que na tempada 2004/05 non foi posible que saíra a competir ningún equipo da cidade, sendo o efémero ADX Ferro o último equipo santiagués que participou en competicións oficiais antes da fundación do Santiago Rugby Club.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Dende a súa fundación, o Santiago Rugby Club non participou en competicións oficiais até a tempada 2010-11, ano no que debutou na liga galega de rugby, na que acadou o subcampionato no torneo entre 7 equipos, aínda co nome Gallaecius RC. Ese ano non disputou a Copa Xunta, pero si a primeira edición do Circuíto galego de Sevens, rematando o torneo na 6ª posición entre 12 participantes.

Na tempada 2011-12, co novo nome, repetiu a súa participación na Liga Galega, competindo fronte a outros 11 conxuntos, rematando na oitava posición. Na tempada 2012-13 a liga contou con dúas divisións, e o Santiago Rugby Club quedou encadrado no grupo de segunda división. O resultado da tempada foi un quinto posto entre sete equipos.[15] Na tempada 2013-14 competiu novamente na segunda división galega, rematando no último posto.

Traxectoria do equipo sénior masculino
Categoría 2019-20 2018-19 2017-18 2016-17 2015-16 2014-15 2013-14 2012-13 2011-12 2010-11 2009-10 2008-09 2007-08
Div.Honra
Div.Honra B
1ª Nacional
1ª Galega 11º
2ª Galega
Copa Xunta

Escola de rugby

[editar | editar a fonte]

Dende a tempada 2013-14 comezou a súa andaina coas categorías inferiores, grazas ó esforzo dalgúns membros do equipo sénior. Posteriormente a escola pasou a mans da "Asociación Valentes - Club Deportivo Lobos", baixo a bandeira común de "Rugby en Compostela". Algúns dos equipos xa disputaron os seus primeiros partidos.

Rugby en Compostela

[editar | editar a fonte]
España vs Portugal en San Lázaro.
Gallaecius vs Muralla no campo de Nemenzo.
Campo de rugby da USC ("A Lixa") co terreo sintético instalado en 2018.

En 2016 púxose en marcha a marca "Rugby en Compostela" baixo a que conflúen tres asociacións adicadas á práctica e difusión do rugby na comarca compostelá: o Santiago Rugby Club, a Asociación Valentes-Club Deportivo Lobos e o CDU Rugby Santiago Veteranos, que se reparten de común acordo as actividades segundo corresponda a:

  • Séniors (SRC).
  • Escola (Valentes).
  • Veteranos (CDU).

Terreo de xogo

[editar | editar a fonte]

O terreo de xogo foi dende o comezo da súa historia un dos principais problemas que tivo que afrontar o club. Durante anos disputou os seus encontros como local no Campo de Nemenzo, situado nun contorno rural na parte norte do concello de Santiago de Compostela. En 2015 mudou a súa localía ó Campo de Marrozos, situado tamén a uns quilómetros da zona urbana da capital galega, esta vez a carón da estrada N-525 Santiago-Ourense, que empregou até 2018.

Os adestramentos téñense levado a cabo tradicionalmente en instalacións da USC, tanto no campo de hockey (de herba) como no campo de fútbol e rugby (de area). En 2016 o concello concedeu permiso para que o club leve a cabo os seus adestramentos no campo de herba sintética de Conxo.

O Santiago Rugby Club ten usado outras instalacións municipais nas súas actividades extraordinarias. O torneo "Seven do Apostol" de rugby a sete lévase a cabo cada ano dende 2014 no Campo de Santa Isabel, no cal tamén se teñen celebrado concentracións de escolas de rugby de toda Galicia. No Campo das Cancelas téñense realizado xornadas de rugby escolar. O 21 de setembro de 2013 tivo lugar no Estadio de Atletismo da USC un torneo benéfico homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois coa participación de varios clubs españois, ampla presenza de prensa especializada e dalgúns xogadores da selección española. Precisamente España xogou contra Portugal no Estadio Municipal de San Lázaro o 16 de marzo de 2013 diante duns 4000 espectadores. Este encontro foi organizado pola Federación Galega de Rugby coa axuda do Santiago Rugby Club.

As obras de reforma do campo de rugby da USC (popularmente "A Lixa" pola súa superficie abrasiva de area) comezaron en 2017 e a previsión é que sexa o terreo de xogo definitivo do club unha vez conte cun novo pavimento de herba artificial regulamentaria, un sistema de rego automático, proteccións perimetrais, iluminación artificial e unha parte da bancada cuberta.[16] Este recinto inaugurado o 28 de xullo de 1981 polo reitor da USC José María Suárez Núñez, cun encontro que enfrontou a dous equipos representativos de Santiago e A Coruña (14-4) era o fogar do histórico CDU Santiago durante os anos 80s, 90s e 00s até a súa desaparición. No seu día a obra de construción custou máis de 30 millóns de pesetas, en tanto que a reforma iniciada en 2017 e rematada en 2018 tivo un orzamento de 550.000 euros.

Na tempada 2018-2019 "A Lixa" volve a ser o fogar do rugby santiagués.

Nos seus comezos como Gallaecius vestiu camisola azul celeste. Co cambio de nome cambiou tamén a uniformidade, pasando o Santiago Rugby Club a vestir camisola vermella e pantalóns negros.

Na tempada 2016/17 recuperou o amarelo como cor da camisola mantendo os pantalóns negros, recordando a uniformidade clásica do antigo Club Deportivo Universitario.

Directiva

[editar | editar a fonte]

En setembro de 2020 a directiva do club quedou estruturada do seguinte xeito:

  • Presidente: Eloy Arufe Sánchez
  • Vicepresidente: Fabieny Soares Gomes
  • Secretaria: Antonio Raso Serrano
  • Tesoureiro: Amaro Ceruelo Barreiro

Adestradores

[editar | editar a fonte]
  • Staff técnico: Francisco López "Kiko", Jose Miguel Curiel Cepeda "Curi", Santiago Vázquez Seijo.

Tempada actual

[editar | editar a fonte]
Táboa da LGR 2019-2020
Posición Equipo Puntos Encontros Bonus
Xogados Gañados Empates Derrotas Ofensivos Defensivos
1 Ferrol 60 12 12 0 0 12 0
2 Ingleses 54 12 11 0 1 10 0
3 CRAT 43 12 9 0 3 7 0
4 Lalín 41 12 8 1 3 6 1
5 Pontevedra 40 12 9 0 3 4 0
6 Muralla 31 12 6 0 6 5 2
7 Vigo B 29 12 6 0 6 5 0
8 Mareantes 22 12 5 0 7 2 0
9 Zalaeta 21 12 4 1 7 3 0
10 Ourense B 15 12 3 0 9 1 2
11 Santiago 12 12 2 0 10 1 3
12 Barbanza 10 12 2 0 10 0 2
13 Fendetestas 2 12 0 0 12 0 2
  1. Artigo no Mundo Deportivo (en castelán)
  2. Artigo en Marca (en castelán)
  3. Artigo en El Pueblo Gallego Arquivado 01 de abril de 2017 en Wayback Machine., na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  4. Artigo en El Pueblo Gallego, na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  5. Biografía de Fernando Calvet, en Cultura Galega.
  6. Artigo en El Pueblo Gallego Arquivado 01 de abril de 2017 en Wayback Machine., na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  7. Artigo en El Pueblo Gallego Arquivado 01 de abril de 2017 en Wayback Machine., na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  8. Artigo en El Pueblo Gallego Arquivado 01 de abril de 2017 en Wayback Machine., na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  9. Artigo na web oficial domRC Deportivo (en castelán)
  10. Artigo en El Pueblo Gallego Arquivado 01 de abril de 2017 en Wayback Machine., na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  11. Artigo en El Pueblo Gallego Arquivado 01 de abril de 2017 en Wayback Machine., na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  12. Artigo en Hoja de los Lunes, na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  13. Artigo en El Pueblo Gallego Arquivado 01 de abril de 2017 en Wayback Machine., na hemeroteca dixital Galiciana. (en castelán)
  14. Palmarés Nacional de clubs de rugby, na páxina oficial da Federación Española de Rugby. (en castelán)
  15. Clasificación da LGR2 trala derradeira xornada, na web do Bierzo Rugby Club (en castelán)
  16. A USC acometerá o acondicionamento do seu campo de fútbol e rugby en Compostela Arquivado 06 de setembro de 2018 en Wayback Machine., no Xornal da USC.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]