Editorial Galaxia
Editorial Galaxia | |
---|---|
Tipo | Sociedade Anónima |
Fundación | 25 de xullo de 1950 |
Localización | Sede social: Avda. de Madrid, 44 baixo 36204 Delegación comercial e almacén: Travesía de Vigo 71 soto 36206 Vigo Galicia |
Fundador | Ramón Otero Pedrayo |
Persoas clave | Antón Vidal Andión (presidente)[1] |
Industria | Cultural |
Número de empregados | 16 (en 2015)[2] |
Notas | |
Accionistas principais: Fundación Penzol: 52% Fundación Isla Couto: 28% | |
Na rede | |
http://editorialgalaxia.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Editorial Galaxia é unha editorial galega fundada en 1950 e radicada en Vigo.[3] O seu presidente é Antón Vidal Andión.
Historia
[editar | editar a fonte]Rematada a guerra civil española apenas se publicaron libros en Galiza e moito menos en galego. A edición, igual que a resistencia política e cultural, desenvolveuse neste período principalmente en América (México, Uruguai, Arxentina), arredor de figuras como Castelao, Manuel Puente, Arturo Cuadrado ou Luís Seoane, auténticos motores da produción editorial no exilio. En 1949 publicouse en Pontevedra a colección de poesía Benito Soto, promovida por Sabino Torres, Manuel Cuña Novás, Emilio Álvarez Negreira e Celso Emilio Ferreiro. Polas mesmas datas saíron os primeiros títulos de Bibliófilos Gallegos, e mais a Editorial Monterrey, da man de Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, orientada maiormente cara á edición de bibliofilia. Un dos antecedentes de Galaxia foi a fundación en 1946 de SEPT.[4] O proxecto Galaxia consolidouse, de entre todas elas, como o máis estábel e o de máis continuidade, e constituíu a referencia obrigada do rexurdimento da actividade intelectual na Galiza interior. O Partido Galeguista do interior considerou que había que aproveitar as escasas posibilidades que ofrecía o franquismo para desenvolver a lingua e literatura galega e o propio pensamento galeguista, en aberta contradición do galeguismo do exilio.
As primeiras emisións de accións son de novembro de 1949, subscritas por Xosé María Álvarez Blázquez, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, José Luís Fontenla e outros. No mes de decembro fíxose unha segunda quenda ata conseguir preto dos 300 socios.[4] O 25 de xullo de 1950 celebrouse no mesón do hotel Compostela, en Santiago de Compostela, a asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Presidida por Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista. A dirección estaba constituída por Otero Pedrayo (Presidente), Gómez Román (Vicepresidente), Xesús Ferro Couselo (vogal), Xaime Isla Couto (Conselleiro delegado) e F. Fernández del Riego (Secretario), aos que se engadirían os vogais Sebastián Martínez-Risco e Antonio Fernández López. Na Comisión Executiva estaban Isla Couto, Fernández del Riego, Viñas Cortegoso, Ricardo García Suárez, Emilio Álvarez Blázquez, Antón Beiras, Rufo Pérez e Xosé Meixide. Como asesor literario nomeouse a Ramón Piñeiro e como asesor artístico a Carlos Maside, pronto substituído por Xohán Ledo. O Consello Técnico Asesor foi presidido por Álvaro Gil, con Ramón Cabanillas de secretario e Xosé Ramón Fernández-Oxea de vicesecretario.
A Editorial Galaxia converteuse no núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da guerra civil. Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que desde o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galega, nos tempos difíciles da ditadura.
Tampouco se pode entender o proxecto de Galaxia sen a axuda económica da diáspora, do exilio e a emigración da Arxentina e o Uruguai, especialmente para manter a Revista de Economía de Galicia (desde 1958, con 165 números ata 1968). Tamén houbo achegas significativas como Álvaro Gil ou Sixto Seco.[4]
O primeiro libro publicado por Galaxia foi Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, que saíu do prelo en abril de 1951. E o segundo Por os vieiros da saudade, de Otero Pedrayo. O seu primeiro éxito de vendas foi unha nova edición da Guía de Galicia de Otero Pedrayo (1954).
A idea foi de Xaime Isla, que a tiña moi pensada e moi elaborada, e contou coa colaboración eficacísima de Paco del Riego, que xa fora a alma do suplemento de "La Noche". Foi Xaime Isla quen pensou en darlle a Galaxia a forma dunha sociedade mercantil, co seu consello de administración correspondente, para integrar neste ao equipo representativo do galeguismo, é dicir, Otero Pedrayo como presidente, Gómez Román como vicepresidente, Paco del Riego como secretario, Xaime Isla como conselleiro delegado, e eu mesmo como director literario. Máis ou menos a dirección do partido.Ramón Piñeiro en Casares: Da miña acordanza
A resistencia galeguista deseñou daquela un programa de acción cultural e política que frutificou sobre todo nas seguintes xeracións. Máis de medio século despois, os seus catálogos son referencia obrigada do libro e a creación galega do noso tempo.
Na colección Illa Nova (1957), pensada para dar cabida aos escritores novos, publicáronse as obras máis representativas da coñecida como a nova narrativa galega que renovou a narrativa galega de posguerra.[5]
Outra das súas liñas foi o estudo sistemático do galego xa que a lingua converteuse na principal preocupación de Galaxia. Será a editorial que abandeire a cuestión lingüística e faga o intento de rematar coa anarquía ortográfica e propoñer unhas normas tácitas que se coñecen como "normativa Galaxia".[4]
O por que do nome:[6]
O nome de Galaxia e o seu significado, que non só abrangue os problemas do noso país e das súas xentes, senón tamén a raiceira máis universalmente profunda dos valores humanos no que tais problemas atopan a súa cabal liberación, quere dicirse que a nosa inquedanza non procurase unha auténtica dimensión da universalidade para as raíces orixinais que trata de afondar, nada sería salvo inútil vaidade local. (Velaí a plena xustificación do símbolo escollido como denominación para a empresa, a constelación da Galaxia, nome e camiño da nosa terra a través de todos os ceos.
Tres son as fundacións creadas por Galaxia: Fundación Penzol, Fundación Otero Pedrayo e Fundación Isla Couto.[7]
Presidentes do Consello de Administración
[editar | editar a fonte]Ocuparon o cargo:
- Ramón Otero Pedrayo (1950-1976)
- Domingo García-Sabell (1976-1980)
- Marino Dónega (1980-1996)
- Xaime Isla Couto (1996-2012)
- Benxamín Casal Vila (2012-2013)
- Antón Vidal Andión (dende 2015)[1]
Directores
[editar | editar a fonte]- Francisco Fernández del Riego
- Ramón Piñeiro
- Carlos Casares
- Víctor F. Freixanes (2002-2016)
- Francisco Castro (2016-2023)
- Xosé Manuel Soutullo (2023-)
Características
[editar | editar a fonte]A oferta de Galaxia ten carácter xeralista, como corresponde a unha editorial que, seguindo aos seus principios fundamentais, tenta manter activo o proceso de modernización da sociedade lectora, incorporando temas, xéneros, novas propostas e novas liñas de traballo e investigación. O seu proxecto concrétase en coleccións de clásicos, traducións de grandes autores da literatura universal, poesía, ensaio, guías de lecer e temáticas ambientais, libros de viaxes, literatura infantil e xuvenil, gastronomía...; e resumindo, atinxe dende a creación literaria e o pensamento á didáctica e os materiais de referencia escolar, como manuais, dicionarios etc.
Entre outras coleccións da editora pódense sinalar:[8]
- Colección Illa Nova
- Colección Árbore
- Colección Costa Oeste
- Colección Dombate (poesía)
- Colección Letras Galegas
- Biblioteca Básica da Cultura Galega
- Bibliotecas de Filgueira Valverde, Neira Vilas, Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Ramón Piñeiro, Rei Ballesteros, Sherlock Holmes, Agatha Christie, Carlos Casares, Antonio Fraguas...
- Biblioteca de Teatro
- Biblioteca Compostela de Narrativa Europea
A Editorial Galaxia ten publicados uns 2.800 títulos,[2] dos cales a metade xa están descatalogados. O catálogo histórico consta de máis de 4.000 títulos e un fondo de mercado en 2020 duns 1.800.[7] Desde 1963 edita trimestralmente Grial. Revista galega de cultura.
Desde 2000 publica a novela gañadora do Premio García Barros, desde 2017 promove o Premio de narrativa Illa Nova. En 2014 creou o selo Mar Maior para promocionar a cultura galega no exterior.[9]
Premios
[editar | editar a fonte]A editorial recibiu a Medalla de ouro de Galicia en 2008, outorgada polo goberno galego[10]. En 2010 recibiu tamén o Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia, tamén outorgado pola Xunta de Galicia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Antón Vidal Andión, novo presidente de Galaxia" Atlántico Diario, 27/3/15.
- ↑ 2,0 2,1 Entrevista a Antón Vidal Andión en Galicia por diante (Radio Galega) o 22/04/2015 as 09:28.
- ↑ "A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963". USC. Consultado o 10/12/2018.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Villanueva, Malores (Xaneiro-xuño, 2020). "Pensar e crear Galaxia. Os inicios dunha empresa curtural que fai 70 anos". Grial. LVIII (225, 226): 24–31. ISSN 0017-4181.
- ↑ Dolores Vilavedra, Historia da literatura galega, Galaxia, 1999. páx. 253-255
- ↑ Vidal Andión, Antón (Xaneiro-xuño, 2020). "70 anos da Editorial Galaxia.Un proxecto estratéxico". Grial. LVIII (225, 226): 9. ISSN 0017-4181.
- ↑ 7,0 7,1 F. Freixanes, Víctor (Xaneiro-xuño, 2020). "O modelo de gobernanza da Editorial Galaxia. Xaime Isla, o enxeñeiro da idea". Grial. LVIII (225, 226): 14–23. ISSN 0017-4181.
- ↑ "Catálogo". Editorial Galaxia. Consultado o 2020-08-23.
- ↑ Vilavedra, Dolores (Xaneiro-xuño, 2020). "70 anos de literatura galega". Grial. LVIII (225, 226): 32–37. ISSN 0017-4181.
- ↑ Galaxia, Medalla de Galicia pola súa contribución á cultura galega Arquivado 03 de decembro de 2013 en Wayback Machine., A Nosa Terra, 3/7/08.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Editorial Galaxia |
A Galicitas posúe citas sobre: Editorial Galaxia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martínez Tejero, Cristina (2014). Discursos sobre Galaxia. Estudo do conhecimento construído e novas perspetivas de análise em Ciências Humanas para sistemas em processo de emergência (Tese). Universidade de Santiago de Compostela.
- Piñeiro, Ramón (2002). Da miña acordanza. Memorias. Vigo: Galaxia.
- Rodríguez-Polo, Xosé Ramón (2009). Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo. Vigo: Xerais.
- Fernández del Riego, Francisco (1999). A xeración Galaxia. Vigo: Galaxia.
- Villanueva Gesteira, María Dolores (2016). A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963 (Tese). Universidade de Santiago de Compostela.