Fuso horario
Os fusos horarios son cada unha das vinte e catro áreas virtuais en que se divide a Terra, orientadas de norte a sur, limitadas por meridianos igualmente espazados e nas que adoita rexer unha mesma hora oficial. e que seguen a mesma definición de tempo. Esta hora constrúese sumando ou restando un número enteiro de horas respecto a un estándar de tempo. Na Terra, hai 24 fusos cunha amplitude de 15 graos medidos no sentido da lonxitude (norte-sur), que é a franxa que a Terra rota nunha hora con respecto o Sol. A hora calcúlase a partir do Tempo Universal Coordinado (UTC).[1] [2] Anteriormente, usábase o tempo solar aparente, de forma que a hora do día diferenciábase lixeiramente dunha cidade a outra. Os fusos horarios corrixiron en parte o problema ao colocar os reloxos de cada rexión no mesmo tempo solar medio. Os fusos horarios xeralmente están centrados nos meridianos das lonxitudes que son múltiplos de 15°; porén, como se ve no mapa anexo, as formas dos fusos horarios reais son ás veces bastante irregulares para se axustar mais ás fronteiras dos países.
Unha zona horaria é unha rexión xeográfica que comparte unha mesma hora oficial. As zonas horarias construíronse a partir dos fusos horarios aínda que non seguen fielmente os seus trazos, pois cada país axusta a súa hora oficial libremente e, con frecuencia, non coinciden estritamente coa convención xeográfica.[1]
Aproximación astronómica
[editar | editar a fonte]O concepto de fuso horario xorde da forma da Terra, o seu movemento de rotación e do sistema de 24 horas diarias.
Como a Terra é esférica, o Sol non ilumina toda a superficie simultaneamente. En cada instante, o Sol ilumina soamente unha metade (un hemisferio) onde é de día, deixando a outra ás escuras (noite). No límite entre ambos, teremos unha faixa, orientada aproximadamente de norte a sur,[3] na que está amencendo. E outra, oposta á anterior, na que está anoitecendo.
Tamén pola forma da Terra, o ángulo co que incide o Sol non é o mesmo en todos os puntos. No mesmo instante, e aproximadamente no centro do hemisferio diúrno, hai un meridiano no que a altura do sol é a máxima diaria. Nese meridiano é mediodía. Nos meridianos adxacentes esta altura é cada vez menor e a hora solar corresponde ás horas de tarde (ao leste) ou da mañá (ao oeste). No meridiano oposto é medianoite.[4]
Esquema estático: A Terra iluminada polo Sol desde a dereita. Anoitece en Asia (centro), é mediodía en África e Europa (dereita) e medianoite no Pacífico (esquerda). |
Xeodesia e xeometría
[editar | editar a fonte]O sistema de fusos horarios consiste en dividir a superficie da Terra en 24 faixas, para que cada unha delas corresponda a unha hora do día. A cada unha destas partes, chamámoslle fusos.
Como un día é un xiro completo do planeta e un xiro completo ten 360°, ao dividir 360° entre 24, dá como resultado que cada fuso horario ten unha amplitude angular de 15°.[5] Como os meridianos non son paralelos, un fuso horario ten un ancho variable. É máximo no ecuador cun ancho de 1669.8 km e vaise estreitando cara aos polos. Ten un ancho de 1529.35 km nos trópicos, uns 1300 km aos 40º de latitude aproximadamente e 663.4 km nos círculos polares.[6] A súa forma ancha no centro que se vai estreitando cara aos seus dous extremos lembra a un fuso de fiar, do que toma o seu nome.[7] Considerando o volume correspondente ata o eixo da Terra pode asimilarse a un cuarteirón de laranxa ou mandarina.[8]
Este tamaño de 15° permite a moitos dos países quedar comprendidos completamente dentro dun fuso e usalo para a súa unificación horaria nacional.
Meridiano de orixe e hora de referencia
[editar | editar a fonte]O sistema de fusos horarios e o sistema de lonxitude xeográfica necesitan un meridiano de orixe para poder ser aplicados na superficie terrestre xa que, polo movemento de rotación, todos os puntos da Terra son iguais no que se refire á lonxitude e as horas. Por razóns técnicas, políticas e históricas, o meridiano elixido foi o do Real Observatorio de Greenwich, en Londres.
O meridiano de Greenwich foi elixido como meridiano cero para medir a lonxitude en 1884. Os meridianos identifícanse por dous elementos: a súa medida en graos e a súa posición con respecto a Greenwich (leste ou oeste). Por exemplo, a lonxitude da cidade de Bogotá, é 74° O, é dicir ao oeste de Greenwich.
A hora solar media de Greenwich foi elixida como referencia do sistema de fusos horarios. Para abreviar, esta hora é coñecida internacionalmente como GMT polas siglas da expresión inglesa Greenwich Mean Time.[9] A inicios do século XX dita hora establecíase polo movemento de rotación do planeta. Esta hora podía ser determinada con precisión nun observatorio e ser enviada desde alí, por medios de telecomunicacións.
Ao longo do século XX, GMT comeza a ser substituído por outros métodos de medida do tempo máis precisos. Así aparece o Tempo Universal (UT, polas súas siglas en inglés) Na década do ano 1960, comézase a medir o tempo con reloxos atómicos. E finalmente a Oficina Internacional da Hora comezou a establecer o Tempo Universal Coordinado (UTC) como referencia horaria internacional.[10] Para a maioría dos fins prácticos, o UTC é equivalente á hora solar media de Greenwich.[11]
A lonxitude e hora en cada fuso
[editar | editar a fonte]O sistema de fusos horarios é herdeiro dos proceso de unificación horaria nacional dos países polos cales as cidades renunciaban a usar a súa propia hora solar para adoptar a doutra, xeralmente a da capital ou unha cidade importante situada no centro do país.
No sistema de fusos, todas as localidades situadas dentro del deberían usar unha mesma hora, independentemente da posición do sol e da súa hora solar. Esa hora foi denominada por distintas fontes hora civil, hora oficial ou hora legal.[12] O sistema implica que a hora adoptada en todo o fuso sexa a hora solar media do centro do meridiano. Así, en cada localidade dentro dun fuso, a diferenza entre a hora adoptada e a hora solar será, como máximo, de 30 minutos. Na metade oriental de cada fuso horario a hora adoptada está ata 30 minutos atrasada con respecto ao sol. Na metade occidental, ata 30 minutos adiantada.[13] Esta é unha diferenza aceptable de acordo ás experiencias de unificación horaria nacional en diversos países.
Como o meridiano central de cada fuso está a 15° dos seus adxacentes e o meridiano de orixe é o meridiano cero, os meridianos centrais de todos os fusos son múltiplos de 15°. Así, na redacción das normas legais dalgúns países menciónase o meridiano múltiplo de 15 de referencia. Por exemplo, a disposición pola cal México adhire ao sistema horario mundial, en 1920, indica usar os meridianos 105° e 90° ao oeste de Greenwich.[14]
A hora en cada fuso indícase como a diferenza coa do fuso de referencia internacional. (UTC, actualmente). Como cada fuso está a unha hora exactamente dos seus fusos adxacentes, esta diferenza será unha cantidade enteira de horas con respecto a UTC. Como a Terra rota do oeste ao leste, a hora ao leste será maior que en Greenwich e ao oeste, menor. Así, a hora en cada fuso situado ao leste indicarase como unha suma, e os do oeste como unha resta. Por exemplo, a hora en Bagdad é UTC+3 e en Bogotá é UTC-5.
Outras denominacións dos fusos
[editar | editar a fonte]En 1917 Francia propón estender os fusos horarios aos mares e océanos e isto daría lugar á publicación do primeiro planisferio de fusos horarios. En España o Anuario do Observatorio de Madrid para 1922 incluía un planisferio de fusos horarios terrestres e marítimos no que os fusos están numerados comezando co cero en Greenwinch e avanzando cara ao leste pasando polo fuso 12 centrado no antemeridiano de Greenwich no Pacífico e terminando no fuso 23.[15] En antigas lexislacións nacionais sobre hora oficial, poden aparecer os fusos nomeados con estes números. Como en Chile, que a inicios de século XX adopta a hora do fuso n.º 19.[16]
Outra denominación usada en ámbitos militares, náuticos ou aeronáuticos, nomea a cada fuso cunha letra. Comeza no fuso A que corresponde a UTC+1, avanza cara ao leste ata o fuso M, (UTC+12). Non usa a letra J. Ao oeste de Greenwich, usa a letra N para UTC -1 avanza cara ao oeste ata o fuso E. O fuso horario de Greenwich (UTC) denomínao Z, que, nomeando segundo o alfabeto radiofónico, é zulú. Polo que a hora UTC coñécese como hora Zulú.[17][18]
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]Antes do século XIX, cada cidade establecía a súa propia hora oficial axustada á hora solar da localidade. Isto implica que, por exemplo na Península Ibérica, a hora solar dunha cidade da costa mediterránea ten máis de 40 minutos de diferenza con outra na costa atlántica.
Co desenvolvemento dos ferrocarrís e os telégrafos viuse a necesidade de establecer unha mesma hora para amplas zonas nas se que estendían ditas redes. Así, o horario do ferrocarril foi o antecedente da unificación horaria dos países. A primeira liña de ferrocarril que unificou o seu horario foi a que enlazaba Londres con Bristol. A compañía adoptou en 1840 como hora oficial a de Londres medida polo Real Observatorio de Greenwich. A hora de Greenwich comezou a ser coñecida como a railway time (a hora do ferrocarril) e finalmente en 1848 instaurouse como a oficial para todo o Reino Unido.[19] Posteriormente a unificación horaria nacional deuse noutros países europeos. En América do Norte, o enorme desenvolvemento en lonxitude que estaban a alcanzar os seus ferrocarrís non facían viable un só horario nacional.[20]
Nos EE. UU. e Canadá a diferenza de horas solares entre a costa este e oeste é de varias horas. En 1870 o científico estadounidense Charles F. Dowd redactou un manifesto no que avogou por que se acabase coas oitenta diferentes horas do ferrocarril e as incontables horas locais do país para crear catro zonas horarias. Cada zona tiña un meridiano central e o primeiro deles correspondía á cidade de Washington. Esta proposta, pero coa hora referenciada a Greenwich, foi impulsada en 1883[21] nunha convención de xefes de ferrocarril .[22]
Primeiras publicacións
[editar | editar a fonte]En 1858 publícase por primeira vez unha idea similar aos fusos horarios. O matemático e astrónomo italiano Giuseppe Barilli, (1812-1894) máis coñecido polo pseudónimo de Quirico Filopanti no seu libro Miranda! propoñía a utilización de vinte e catro zonas horarias dunha hora, que el chamou días lonxitudinais, estando a primeira delas no meridiano da cidade de Roma. Ademais propoñía usar un tempo universal en astronomía e telegrafía. Estas ideas non chegaron a ser coñecidas ata despois da súa morte.[23][24]
En 1873, o enxeñeiro Sandford Fleming, que traballara nos ferrocarrís de Canadá, realizou a súa proposta de 24 fusos horarios tal como coñecémolos. Así, localidades situadas en diferentes fusos terían diferenzas de 1 hora exacta e coincidencias en minutos e segundos.[25] Como proposta para punto común de orixe das horas, propuxo o antimeridiano de Greenwich.
Conferencia Internacional do meridiano
[editar | editar a fonte]Cando en 1884 realízase a Conferencia Internacional do Meridiano. Que tiña moitos obxectivos relacionados con estándares internacionais. Nesta chégase aos seguinte acordos:[26]
- O meridiano de orixe dun sistema de lonxitude xeográfica mundial será o meridiano de Greenwich.
- As lonxitudes mediranse cara ao leste con signo positivo (ata 180°) e cara ao oeste con signo negativo.
- Todos os países adoptarán o día universal que iniciará na medianoite de Greenwich e durará 24 horas.
Fleming participa desta conferencia en representación de Canadá e formula a súa proposta de 24 fusos. A proposta non logra os apoios necesarios nin se somete a votación nin queda na lista de resolucións. Pero a conferencia convértese no ápice de visibilidade do modelo de 24 fusos e este resulta atado ao resolvido para a lonxitude.
Conferencia internacional da hora
[editar | editar a fonte]En 1912, realízase a Conferencia internacional da hora en París coa presenza de representantes de 25 nacións. Nela acórdase o sistema de fusos horarios presentado na conferencia de 1884.[26][27] e créase a Oficina internacional da hora.
Adopción do sistema polos distintos países
[editar | editar a fonte]A partir das conferencias de 1883 e 1912, os países do mundo van emitindo normas polas cales axustan a súa hora oficial (ou hora legal) ao fuso horario máis próximo. Os países máis pequenos estenden esa hora a todo o seu territorio. Os máis grandes, dividen o seu país en zonas horarias en cada unha das cales adoptan como hora oficial a do fuso máis próximo.
En 1893 Alemaña, que xa lograra a unificación nacional, adopta como hora oficial a do meridiano situado quince graos ao leste de Greenwich.
Para mediados do ano 1900, a maior parte de Europa xa adherira ao sistema. Só faltaban adherirse Francia, España e Portugal, Rumania e Grecia.[28]
España: no ano 1900, emíte un decreto, polo cal se adhire ao sistema para o territorio peninsular e as Baleares. Adóptase a hora de Greenwich xa que case todo o territorio atópase situado nese fuso horario. Só Galicia queda fóra, pero cunha diferenza temporal pequena. O cambio faise efectivo o 1 de xaneiro de 1901. En 1922 emítese outro decreto que establece a hora para as illas Canarias. O decreto indica que esta hora será a do fuso horario situado 15º ao oeste de Greenwich, unha hora menos que na península.[29]
Chile empregou a hora estándar do meridiano 75° Ou (zona +5) como hora oficial desde o ano 1910. Anos despois, a hora oficial fixouse segundo o meridiano do observatorio astronómico da Quinta Normal de Santiago, é dicir, abandonando a referencia a Greenwich. Vólvese ao sistema internacional en 1918.[16]
Francia adhire ao sistema en 1911 adoptando como hora oficial, a hora solar media de París menos 9 minutos e 21 segundos. Isto significa que adopta a hora de Greenwich, pero evita mencionalo explicitamente no texto da norma. Ese mesmo ano Portugal emite a norma de adhesión ao sistema aplicando o cambio o 1 de xaneiro de 1912.[28]
No Extremo oriente, Xapón adherirase antes de iniciado o século XX e China, en 1911 inmediatamente despois da caída do imperio.[30]
Venezuela adopta en 1912 a hora legal correspondente á lonxitude 67°30′ O, que implica unha diferenza de 4 horas e media con respecto a Greenwich. Devandito meridiano pasa preto da localidade de Vila de Cura situada aproximadamente na metade do territorio venezolano. Mantén este criterio até a década dos 60.[31] Brasil emite a súa norma en 1913 e a comeza a aplicar o 1 de xaneiro de 1914. Ese mesmo ano adóptao Colombia.
Aínda en 1915 as horas de moitos países, case todos suramericanos, non se axustaban a Greenwich. En Europa só quedaban, nese momento, Grecia e Rusia.[32]
Aínda que os Estados Unidos foran pioneiros no establecemento do primeiro meridiano e da hora universal nos seus transportes en man privada, a actuación lexislativa xeneralizando a hora oficial non se levou a cabo até 1918.[33]
As zonas horarias
[editar | editar a fonte]Desde os inicios a implementación do sistema de fusos, os países deformaron os límites impostos polos meridianos para constituír zonas horarias.
Cando unha provincia queda fóra do fuso, a esta asígnaselle a hora nacional para lograr a unificación. Un exemplo disto foi Galicia en España.
Cando un país abarca varios fusos, os límites das zonas horarias adáptanse á división administrativa do país, como en México. Ou inclúen tamén outros criterios como en Brasil ou Estados Unidos.
Ao longo do século XX e por motivos de unificación con outros países e no contexto dos cambios de hora polo horario de verán, algúns países adoptan como hora oficial unha hora que non é a que corresponde ao fuso no que está situado, como Arxentina e Uruguai (cuxa hora é a mesma que a do leste de Brasil), Francia, España e Marrocos (cuxa hora é a mesma que a da Europa Central) ou Islandia (que usa UTC, como o Reino Unido).
Diferenzas non enteiras
[editar | editar a fonte]Países que teñen a metade do seu territorio nun fuso e a outra metade noutro, para lograr a unificación, en lugar de adoptar dúas zonas horarias distintas, adoptaron para hora oficial unha diferenza non enteira con respecto a Greenwich. Como Venezuela, que desde 1912 e até a década de 1960 adoptou unha diferenza de 4 horas e media con respecto a Greenwich. Constituíndo así unha zona horaria que non é nin UTC-4 nin UTC-5. Algo similar ocorre na India, que abarca 2 fusos completos e adopta UTC+5:30.
Horario de verán
[editar | editar a fonte]O horario de verán, é a práctica de cambiar a hora oficial durante dita estación do ano que aplican algúns países. Así unha zona horaria pode ter dúas horas oficiais. Evidentemente só unha delas corresponde ao fuso horario.
Nomes de zonas horarias
[editar | editar a fonte]Nalgúns países as zonas horarias teñen nomes relacionados coa situación relativa da zona no país ou continente ou con accidentes xeográficos representativos. Usualmente inclúen un cambio de hora no verán polo que a mesma zona ten dúas horas.
Nos EE. UU. contiguos as zonas chámanse: do Leste (UTC-5), Central (UTC-6), da Montaña (UTC-7) e do Pacífico (UTC-8). Teñen abreviaturas polos seus nomes en inglés que inclúen a frase "Standard Time" (hora oficial). Estas son: EST, CST, MST e PST.
En México, as zonas chámanse: do Sueste (UTC-5), do Centro (UTC-6), do Pacífico (UTC-7), do Noroeste (UTC-8).
En Europa, chámanse Occidental (UTC), Central (UTC+1) e Oriental (UTC+2). E as súas abreviaturas, tamén en inglés, inclúen a frase "European Time", son WET, CET e EET.
Estes nomes só úsanse nun contexto xeográfico particular e non máis aló. Por exemplo en Perú úsase UTC-5, pero non é usual chamala "do Leste" ou EST.
Países con varios horarios
[editar | editar a fonte]Os países cuxa xeografía se desenvolve amplamente na dirección da lonxitude, adoitan usar máis dunha hora oficial.
A táboa que segue, mostra os países que usan dous ou máis horas oficiais dentro do seu territorio discriminando en continental, insular, dependente. Indícase o desenvolvemento en lonxitude (DL) do territorito continental.[34] As horas refírense ao horario normal (de inverno).
País | Cant. | -12 | -11 | -10 | -90 | -80 | -70 | -60 | -50 | -40 | -30 | -20 | -10 | ±00 | +10 | +20 | +30 | +40 | +50 | +60 | +70 | +80 | +90 | +10 | +11 | +12 | +13 | +14 |
Ecuador | 2 | |||||||||||||||||||||||||||
España | 2 | |||||||||||||||||||||||||||
Kazakhstán | 2 | DL = 38° | ||||||||||||||||||||||||||
Micronesia | 2 | DL = 26° | ||||||||||||||||||||||||||
Mongolia | 2 | DL = 32° | ||||||||||||||||||||||||||
Portugal | 2 | |||||||||||||||||||||||||||
R. D. do Congo | 2 | DL = 19° | ||||||||||||||||||||||||||
Australia | 3 | DL = 55° | ||||||||||||||||||||||||||
Chile | 3 | |||||||||||||||||||||||||||
Indonesia | 3 | DL = 46° | ||||||||||||||||||||||||||
Kiribati | 3 | DL = 40° | ||||||||||||||||||||||||||
Brasil | 4 | DL = 45° | ||||||||||||||||||||||||||
México | 4 | DL = 32° | ||||||||||||||||||||||||||
Canadá | 5 | DL = 88° | ||||||||||||||||||||||||||
Estados Unidos | 8 | DL = 151° | ||||||||||||||||||||||||||
Reino Unido | 8 | |||||||||||||||||||||||||||
Rusia | 11 | DL = 117° | ||||||||||||||||||||||||||
Francia | 14 | |||||||||||||||||||||||||||
Referencias | Continental | Insular | Ultramar | Extensión horaria |
Fusos horarios e Ano Novo
[editar | editar a fonte]Debido aos fusos horarios e á rotación da Terra, os primeiros lugares que reciben o Ano Novo son as illas do Milenio e Kiritimati, da República de Kiribati, mentres que Niue, Samoa Americana, a illa de Alofi, a illa Baker e a illa Howland son os últimos lugares.
Sistemas informáticos
[editar | editar a fonte]Moitos sistemas operativos de computadora inclúen o soporte necesario para traballar con todas (ou case todas) as horas locais posibles baseadas nas distintas zonas horarias. Internamente, os sistemas operativos xeralmente usan UTC como o seu estándar básico de mantemento da hora, á vez que brindan servizos para converter as horas locais cara e desde UTC, e tamén a capacidade de cambiar automaticamente as conversións da hora local ao comezo e ao final do horario de verán nas distintas zonas.
Os servidores web que presentan páxinas web principalmente para unha audiencia nunha única zona horaria ou un rango limitado de zonas horarias adoitan mostrar as horas como unha hora local, quizais coa hora UTC entre paréntese. Os sitios web con máis orientación internacional poden mostrar as horas só en UTC ou utilizando unha zona horaria arbitraria. Por exemplo, a versión internacional en inglés da CNN inclúe GMT e a hora de Hong Kong,[35] mentres que a versión estadounidense mostra a hora do leste. A hora do leste de EE. UU. e a hora do Pacífico tamén se utilizan con bastante frecuencia en moitos sitios web en inglés con sede en EE. UU. Con lectores en todo o mundo. O formato baséase tipicamente na "data e hora" da nota da W3C.
Lista de fusos horarios e áreas cubertas
[editar | editar a fonte]Os países marcados con *seguen horario de verán: adiantan os reloxos nunha hora durante o verán.
UTC-11
[editar | editar a fonte]UTC-10 (HST - Hawaiian Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Atol de Johnston
- Estados Unidos (Hawai)
- Estados Unidos (Illas Aleutianas en Alasca)*
- Polinesia Francesa (Arquipélago de Sociedade incluíndo Tahití, o arquipélago Tuamotu e as Illas Tubuai)
UTC-9:30
[editar | editar a fonte]UTC-9 (AKST - Alaska Standard Time)
[editar | editar a fonte]UTC-8 (PST - Pacific Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Canadá (Columbia Británica*, Yukon*)
- Estados Unidos (California*, Idaho (norte)*, Nevada*, Oregón*, Washington*)
- México (Baixa California Norte*)
UTC-7 (MST - Mountain Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Canadá (Alberta*, Territorios do Noroeste*, Nunavut (Mountain)*)
- Estados Unidos (Arizona, Colorado*, Idaho (sur)*, Montana*, Nebrasca (oeste)*, Novo México*, Dacota do Norte (oeste)*, Dacota do Sur (oeste)*, Utah*, Wyoming*)
- México (Baixa California Sur, Chihuahua, Nayarit, Sinaloa, Sonora, Sur, Centro e Leste)
UTC-6 (CST - Central Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Belize
- Canadá (Manitoba*, Nunavut (Southampton Island), Nunavut (Centro)*, Ontario (Oeste)*, Saskatchewan)
- Chile (Illa de Pascua)
- Costa Rica
- Ecuador (Illas Galápagos)
- O Salvador
- Estados Unidos (Alabama*, Arcansas*, Illinois*, Iowa*, Kansas*, Kentucky (oeste)*, Louisiana*, Minnesota*, Mississippi*, Missouri*, Nebrasca (leste)*, Dacota do Norte*, Oklahoma*, Dacota do Sur (leste)*, Tennessee (oeste)*, Texas*, Wisconsin*)
- Guatemala
- Honduras
- Nicaragua
- Porto Rico
UTC-5 (EST - Eastern Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Brasil (estado do Acre)
- Canadá (Nunavut (leste)*, Ontario*, Quebec*)
- Illas Caimán
- Colombia
- Cuba*
- Ecuador
- Estados Unidos (Connecticut*, Delaware*, Distrito de Columbia*, Florida*, Indiana, Kentucky (leste)*, Maine*, Maryland*, Massachusetts*, Míchigan*, Nova Hampshire*, Nova Jersey*, Nova York*, Carolina do Norte*, Ohio*, Pensilvania*, Rhode Island*, Carolina do Sur*, Tennessee (leste)*, Vermont*, Virxinia*, Virxinia Occidental*, Xeorxia*)
- Haití
- Illas Turks e Caicos*
- Panamá
- Perú
- Xamaica
UTC-4 (AST - Atlantic Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Anguila
- Antiga e Barbuda
- Antillas Neerlandesas
- Aruba
- Barbados
- Bolivia
- Brasil (Amazonas, Mato Grosso*, Mato Groso do Sur*, Pará (oeste), Rondonia, Roraima)
- Canadá (Labrador*, Novo Brunswick*, Nova Escocia*, Prince Edward Island*)
- Chile*
- Dominica
- República Dominicana
- Granada
- Guadalupe
- Güiana
- Illas Malvinas*
- Martinica
- Montserrat
- Paraguai*
- Saint Kitts e Nevis
- Santa Lucía
- San Vicente e as Granadinas
- Trinidad e Tobago
- Venezuela
- Illas Virxes
UTC-3:30 (NST - Newfoundland Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Canadá (Terra Nova*)
UTC-3
[editar | editar a fonte]- Arxentina
- Bahamas*
- Brasil (Alagoas, Amapá, Baía, Ceará, Distrito Federal*, Espírito Santo*, Goiás*, Maranhão, Minas Xerais*, Pará, Paraíba, Paraná*, Pernambuco, Piauí, Río de Xaneiro*, Rio Grande do Norte, Río Grande do Sur*, Santa Catarina*, San Paulo*, Sergipe, Tocantins)
- Güiana Francesa*
- Groenlandia
- Saint Pierre e Miquelon*
- Suriname
- Uruguai
UTC-2
[editar | editar a fonte]UTC-1
[editar | editar a fonte]UTC (WET - Western European Time, tamén chamado GMT)
[editar | editar a fonte]- Burkina Faso
- Costa do Marfil
- Illas Canarias)
- Illas Feroe*
- Gambia
- Ghana
- Guinea
- Guinea-Bissau
- Islandia
- Irlanda*
- Liberia
- Malí
- Mauritania
- Marrocos
- Portugal*
- Reino Unido*
- Santa Helena
- San Tomé e Príncipe
- Senegal
- Serra Leoa
- Togo
UTC+1 (CET - Central European Time, tamén chamado MET - Middle European Time)
[editar | editar a fonte]- Albania*
- Alemaña*
- Andorra*
- Angola
- Austria*
- Bélxica*
- Benín
- Bosnia e Hercegovina*
- Camerún
- República Centroafricana
- Chad
- República do Congo
- República Democrática do Congo (Kinshasa, Bandundu, Baixo Congo, Ecuador)
- Croacia*
- República Checa*
- Dinamarca*
- Eslovaquia*
- Eslovenia*
- España*
- Guinea Ecuatorial
- Francia*
- Gabón
- Hungría*
- Italia*
- Liechtenstein*
- Luxemburgo*
- Macedonia do Norte*
- Malta*
- Mónaco*
- Namibia*
- Níxer
- Nixeria
- Noruega*
- Países Baixos*
- Polonia*
- San Marino*
- Serbia e Montenegro*
- Svalbard e Illa Jan Mayen*
- Suecia*
- Suíza*
- Tunisia
- Xibraltar*
UTC+2 (EET - Eastern European Time)
[editar | editar a fonte]- Suráfrica
- Belarús*
- Botswana
- Bulgaria*
- Burundi
- Cimbabue
- Cisxordania*
- República Democrática do Congo (Kasai Occidental, Kasai Oriental, Alto Congo, Shaba)
- Chipre*
- Exipto*
- Estonia
- Eswatini
- Finlandia*
- Franxa de Gaza*
- Grecia*
- Israel*
- Letonia*
- Lesoto
- Líbano*
- Libia
- Lituania
- Malaui
- Moldova*
- Mozambique
- Romanía*
- Rusia (Zona 1*, incluíndo Kaliningrado)
- Ruanda
- Siria*
- Turquía*
- Ucraína*
- Xordania
- Zambia
UTC+3 (MSK - Moscow Time)
[editar | editar a fonte]- Arabia Saudita
- Bahrain
- Comores
- Eritrea
- Etiopía
- Iemen
- Iraq*
- Kuwait
- Madagascar
- Mayotte
- Qatar
- Kenya
- Rusia (Zona 2*, incluíndo Moscova e mais San Petersburgo)
- Somalia
- Sudán
- Tanzania
- Uganda
- Djibuti
UTC+3:30
[editar | editar a fonte]- Irán*
UTC+4
[editar | editar a fonte]- Emiratos Árabes Unidos
- Kazakhstán (Oeste)*
- Mauricio
- Omán
- Reunión
- Rusia (Zona 3*)
- Seychelles
- Xeorxia*
UTC+4:30
[editar | editar a fonte]UTC+5
[editar | editar a fonte]- Armenia
- Acerbaixán*
- Kazakhstán (Centro)*
- Kirguizistán*
- Maldivas
- Paquistán
- Rusia (Zona 4*, incluíndo Ekaterinburgo e Perm)
- Tadjiikistán
- Turkmenistán
- Uzbekistán
UTC+5:30
[editar | editar a fonte]UTC+5:45
[editar | editar a fonte]UTC+6
[editar | editar a fonte]- Bangladesh
- Bután
- Kazakhstán (Leste)*
- Rusia (Zona 5*, incluíndo Novosibirsk e Omsk)
- Sri Lanka
UTC+6:30
[editar | editar a fonte]UTC+7
[editar | editar a fonte]UTC+8 (AWST - Australian Western Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Australia (Oeste)
- Brunei Darussalam
- China
- Hong Kong
- Indonesia (Centro)
- Macau
- Malaisia
- Mongolia*
- Filipinas
- Rusia (Zona 7*)
- Singapur
- Taiwán
Nota: a China mantén o mesmo horario en todo o seu territorio, o que fai esa zona horaria ser excepcionalmente larga. No extremo oesta da China o Sol está no seu ápice ás 15 h e no extremo leste ás 11 h.
UTC+8:30
[editar | editar a fonte]UTC+9
[editar | editar a fonte]- Indonesia (Leste)
- Corea do Sur
- Palau
- Rusia (Zona 8*, incluíndo Yakutsk)
- Timor Leste
- Xapón (Japan Standard Time - JST)
UTC+9:30 (ACST - Australian Central Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Australia (Broken Hill, NSW; Norte; Sul *)
UTC+10 (AEST - Australian Eastern Standard Time)
[editar | editar a fonte]- Australia (Capital*, Nova Gales do Sur*, Queensland, Victoria*, Tasmania*)
- Illas Cook
- Guam
- Micronesia (Yap e Chuuk)
- Illas Marianas do Norte
- Papúa Nova Guinea
- Rusia (Zona 9*, incluíndo Vladivostok)
UTC+10:30
[editar | editar a fonte]UTC+11
[editar | editar a fonte]- Micronesia (Kosrae e Pohnpei)
- Nova Caledonia
- Rusia (Zona 10*)
- Illas Salomón
- Vanuatu
UTC+11:30
[editar | editar a fonte]UTC+12
[editar | editar a fonte]- Fidxi*
- Kiribati (Illas Gilbert)
- Nauru
- Nova Zelandia*
- Rusia (Zona 11*)
- Tuvalu
- Illa de Wake
- Wallis e Futuna
UTC+12:45
[editar | editar a fonte]UTC+13
[editar | editar a fonte]UTC+14
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Mira Pérez 2017, p. 11.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para fuso.
- ↑ Esta faixa estará orientada exactamente de norte a sur nos equinoccio
- ↑ Fernández Fernández, Antonio; Muguruza Cañas, Carmen; Azcárate Luxán, Mª Victoria; Santa-Cecilia Mateos, Fernando J. ; Cortés Contreras, Ignacio. Iniciación a la Geografía: La Tierra: un planeta habitado. Iniciación a la Geografía: La Tierra: un planeta habitado. Editorial Universitaria Ramon Areces, 16 xul. 2015. Tema 1. Páx 15. Vista previa en Googe Books
- ↑ Sánchez Ruiz, Mercedes y Solís Fraile, Rubén. Ámbito Científico y Matemático II. Programa de mejora del aprendizaje y del rendimiento (PMAR). Editex, 2019. Páx. 70. Vista previa en Google Books
- ↑ Hortal Foronda, Alba. La esfera terrestre. Medidas y unidades. Arquivado 13 de agosto de 2022 en Wayback Machine. Páx. 32
- ↑ Bustos, Alberto (17 de novembro de 2020). "¿’Uso’ o ‘huso’?". Blog de Lengua.
- ↑ "Huso Esférico y Huso Horario". Aula Fácil. Consultado o 18 de xaneiro do 2024.
- ↑ Gea Sacasa, Rufino. ¿Qué hora es…? Donde usted quiera En Revista de la Unión de Radioaficionados Españoles (URE). (novembro do ano 1955) na sección El libro de guardia. Páx 36.
- ↑ Jiménez Tapia, Francisco Javier. Evaluación del desempeño del Evaluación del desempeño del UTC(CNM) en los últimos 5 años Encuentro Nacional de Metrología Eléctrica. 2009 Centro Nacional de Metrología. México. Páx 6-9
- ↑ Montes Fernández, Francisco José (2021). "Conciliación y solidaridad con el cambio horario". Anuario Jurídico y Económico Escurialense (N.º 54): Páx. 441. ISSN 1133-3677.
- ↑ Planesas 2013, p. 377-378.
- ↑ Escamilla Vera, Francisco (30 de agosto de 1999). "Husos horarios: Un concepto de escaso valor científico". Biblio 3W. Revista Bibliográfica de Geografía y Ciencias Sociales. (Universidad de Barcelona) (Nº 166). ISSN 1138-9796.
- ↑ Moreno Corral, Marco Arturo (abril - xuño 2001). "Los husos horarios en México." (PDF). Ciencias (Universidad Nacional Autónoma de México) (N.° 62): 24. ISSN 0187-6376.
- ↑ Planesas 2013, p. 374-375.
- ↑ 16,0 16,1 Servicio Hidrográfico y Oceanográfico de la Armada de Chile (SHOA) (s/f). "Historia hora oficial de Chile". www.horaoficial.cl. Arquivado dende o orixinal (HTML) o 2 de abril de 2019. Consultado o 19 de xaneiro do 2024.
- ↑ Dirección General de Protección Civil y Emergencias de España. Red Nacional de Radio Emergencia (REMER). Vademecum. 2019. Arquivado 01 de decembro de 2021 en Wayback Machine.Horarios y calendarios Arquivado 13 de agosto de 2022 en Wayback Machine.
- ↑ Martín-Crespo, Luis. GMT. Orígenes y su uso en aviación En Hispaviación (2012)
- ↑ Catalán Martínez, Elena. El ferrocarril y la unificación horaria. Asociación española de historia económica (AEHE). Consultado o 19 de xaneiro do 2024.
- ↑ "La hora común". Diario La Nación. 8 de xullo de 2001.
- ↑ Gutiérrez, Samuel Doble. La estandarización del meridiano de Greenwich. Año 2008. Libro de Actas de los años XV y XVI del Seminario Orotava de Historia de la Ciencia, bajo el título: “Ciencia y Cultura de Rousseau a Darwin” ISBN: 978-84-691-4795-5. Pág 9
- ↑ Prieto, José Ignacio. A destiempo. Boletín de la Asociación Meteorológica Española (AME) N.º 40. Abril 2013.
- ↑ Roque Sánchez, Carlos (8 de xaneiro de 2017). "‘Doodle’ de Sandorf Fleming (y 2)". Enroque de ciencia.
- ↑ Gil Mongio, Juan Carlos. Escalas de tiempo. Universidad de Zaragoza. Taller de Talento Matemático de la Universidad de Zaragoza. 9-III-2018. Páx. 14
- ↑ Caimari, Lila (xuño de 2015). "El mundo al instante. Noticias y temporalidades en la era del cable submarino (1860-1900)" (PDF). Redes (Universidad Nacional de Quilmes). Vol. 21 (N.º 40): Pág. 130. ISSN 0328-3186.
- ↑ 26,0 26,1 Solano Chaves, Flora J. (2009-01-01). "Costa Rica en el mundo: Conferencia Internacional del Meridiano en Washington (1884)" (PDF). Meteorología (Repositorio institucional de la Universidad de Costa Rica): Pág. 191. Resumo divulgativo.
- ↑ Fernández-Crehuet, José María. Innovación social: Análisis de los beneficios de la recuperación del huso horario que corresponde a España.Páx. 34. En Mira Pérez, Jorge (coord) ¿Es nuestro huso horario un problema? Consello da cultura galega, 2017. Doi: 10.17075/enhhp.2017 (en castelán) Resumo (en galego)
- ↑ 28,0 28,1 Gámez Mejía 2008, p. 388.
- ↑ Gámez Mejías 2008, p. 385.
- ↑ Gámez Mejías 2008, p. 389 ref. 30.
- ↑ Servicio de Hidrografía y Navegación. "Hora Legal de Venezuela". Arquivado dende o orixinal o 7 de abril de 2014. Consultado o 2 de outubro do 2024.
- ↑ Gámez Mejías 2008, p. 385 ref 23.
- ↑ Gámez Mejías 2008, p. 389.
- ↑ DJC83. "Can you name the countries with the widest spans in longitude?" [¿Puedes nombrar los países con la extensión en longitud más amplia?]. Sporcle.
- ↑ "CNN International - Breaking News, US News, World News and Video". CNN. Consultado o 26 de decembro do 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fuso horario |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gámez Mejías, Manuel Miguel. Origen, evolución y futuro de la determinación normativa de la hora legal en España y la Unión Europea. En Revista de administración pública, Nº 177, setembro - decembro 2008, páxs. 377-417. ISSN 0034-7639. Texto completo. Ficha en DialNet
- Mira Pérez, Jorge (coord) ¿Es nuestro huso horario un problema? Consello da cultura galega, 2017. Doi: 10.17075/enhhp.2017 (en castelán) Resumen (en galego).
- Planesas Bigas, Pere. La hora oficial en España y sus cambios. En Anuario del Observatorio Astronómico de Madrid, ISSN: 0373-5125, Nº. 1, 2013, págs. 373-402