Saltar ao contido

Galegos nos Xogos Olímpicos de 2024

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A piragüista Teresa Portela disputa os seus sétimos Xogos Olímpicos.

Nos Xogos Olímpicos de 2024 en París participaron 30 deportistas galegos, o que supuxo a representación máis numerosa da historia do olimpismo galego.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Antes de París, a maior participación de galegos nunhas olimpíadas dérase en Toquio 2020, cun total de 21 deportistas. Anteriormente a maior marca compartíana os Barcelona 92 e Sydney 2000, con 17 deportistas en ambas as convocatorias. En Toquio 2020 conseguíronse tamén os mellores resultados do olimpismo galego, cunha colleita de seis medallas (superando as catro de Londres 2012) e nove diplomas olímpicos.

Lista de participantes

[editar | editar a fonte]

A seguinte táboa amosa a lista dos deportistas galegos que participaron nas diversas probas da cita olímpica de París:

Deporte Deportista Proba Resultado
Atletismo Yulenmis Aguilar Lanzamento de xavelina 6ª (diploma)
Adrián Ben 800 metros 28º
Ester Navarrete Maratón feminino 42ª
Tariku Novales Maratón masculino 68º
Ana Peleteiro Triplo salto feminino 6ª (diploma)
Belén Toimil Lanzamento de peso 25ª
Baloncesto María Araújo Torneo feminino 5º (diploma)
Paula Ginzo
Balonmán Rodrigo Corrales Torneo masculino Medalla de bronce Bronce
Pedro Rodríguez 10º
Alicia Fernández Torneo feminino 1ª fase
Boxeo Enmanuel Reyes -91 kg (pesos pesados) Medalla de bronce Bronce
Fútbol Teresa Abelleira Torneo feminino 4ª (diploma)
Judo David García[N 1] -66 kg (pesos semilixeiros) 1ª rolda
Fran Garrigós[N 1] -60 kg (pesos superlixeiros) Medalla de bronce Bronce
Laura Martínez[N 1] -48 kg (pesos superlixeiros) Semifinais
Nikoloz Sherazadishvili[N 1] -100 kg (pesos semipesados) 5º (diploma)
Monopatinaxe Julia Benedetti Parque 17ª
Piragüismo Carlos Arévalo K-2 500 m masculino
K-4 500 m masculino Medalla de bronce Bronce
Antía Jácome C-1 200 m feminino 4ª (diploma)
C-2 500 m feminino 6ª (diploma)
Pablo Crespo C-1 1000 m masculino 12º
Diego Domínguez[N 1] C-2 500 m masculino Medalla de bronce Bronce
Carolina García K-4 500 m feminino 6ª (diploma)
K-2 500 m feminino 16ª
Rodrigo Germade K-4 500 m masculino Medalla de bronce Bronce
K-2 500 m masculino
Manuel Ochoa Caiac cross 14º
Teresa Portela K-4 500 m feminino 6ª (diploma)
Remo Rodrigo Conde Dobre scull 5º (diploma)
Caetano Horta Dobre scull lixeiro 8º (diploma)
Tríatlon Antonio Serrat Proba masculina 32º
Remudas mixtas
Vela Támara Echegoyen 49er FX 12ª
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Compite baixo licenza galega.

Actuación dos deportistas

[editar | editar a fonte]

Atletismo

[editar | editar a fonte]

Yulenmis Aguilar

[editar | editar a fonte]

A lanzadora de xavelina Yulenmis Aguilar, nacida en Cuba e dende 2020 residente na Coruña, participou nos seus segundos Xogos Olímpicos, despois de ter participado en Río 2016, representando naquel momento ao país insular. Xa en París, cun lanzamento de 61,95 metros logrou o pase á final e nesta obtivo a sexta praza e un diploma olímpico, grazas a un lanzamento de 62,78 m.[1][2]

Adrián Ben

[editar | editar a fonte]

O viveirense Adrián Ben participou na proba dos 800 metros, pero non puido repetir o éxito dos Xogos de Toquio. Na súa serie, na que só se clasificaban para as semifinais os tres primeiros, acabou cuarto, a unha décima do terceiro, o sueco Andreas Kramer. Foi así para a repesca, onde de novo rematou ás portas das semifinais.[3]

Ester Navarrete

[editar | editar a fonte]

A viguesa Ester Navarrete disputou en París o segundo maratón da súa carreira, despois de conseguir a vitoria no campionato de España uns meses antes.[4] Xa na capital francesa, conseguiu rematar a proba na 42ª posición, tras unha carreira con condicións extremas na que chegou a vomitar.[5]

Tariku Novales

[editar | editar a fonte]

O noiés Tariku Novales acudiu aos Xogos de París co récord de España de maratón conseguido uns meses antes en Valencia. Con todo, só puido ser 68º na capital francesa, cun duro percorrido con empinadas costas que completou en 2h25'50'', a máis de 19 minutos do vencedor, o etíope Tamirat Tola.[6][7]

Ana Peleteiro

[editar | editar a fonte]

A ribeirense Ana Peleteiro chegaba aos Xogos de París con altas expectativas, despois do bronce logrado en Toquio, os bos resultados recentes e ante a ausencia da venezolana Yulimar Rojas.[8][9] Iniciou a competición o 2 de agosto, conseguindo o pase á final no seu primeiro salto (14,36 metros). Ao día seguinte disputou a final, que tivo que verse interrompida pola choiva que caía no Stade de France. Realizou un mellor salto de 14,59 m., insuficiente para achegarse ás medallas, acabando finalmente sexta.[8] Máis tarde afirmou que a choiva a afectara psicoloxicamente durante a competición.[10]

Belén Toimil

[editar | editar a fonte]

A mugardesa Belén Toimil participou no lanzamento de peso, sen conseguir pasar á final. Realizou dous lanzamentos nulos e un terceiro de 16,83 metros, lonxe das súas mellores marcas e tamén do mínimo para meterse na final.[11]

Baloncesto

[editar | editar a fonte]

María Araújo e Paula Ginzo

[editar | editar a fonte]

As xogadoras de baloncesto María Araújo e Paula Ginzo debutaron nos Xogos cunha vitoria sobre a China na prórroga.[12] Dúas vitorias nos dous seguintes partidos colocaron á selección española como líder do Grupo A, pero o equipo adestrado polo tamén galego Miguel Méndez caeu nos cuartos de final contra Bélxica por 66-79.[13]

Balonmán

[editar | editar a fonte]

Rodrigo Corrales

[editar | editar a fonte]

O cangués Rodrigo Corrales repetiu o mesmo resultado de Toquio 2020 e regresou a Galicia coa súa segunda medalla de bronce.[14] A selección española de balonmán conseguiu o pase á fase eliminatoria como terceira do seu grupo e nos cuartos de final eliminou a Exipto. Xa en semifinais caeu ante Alemaña e no partido polo terceiro posto conseguiu vencer a Eslovenia.[14] Rodrigo Corrales alternou na portería con Gonzalo Pérez de Vargas e deste xeito converteuse no quinto deportista galego en sumar máis dunha medalla olímpica, despois de Ramos Misioné, David Cal, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo.

Alicia Fernández

[editar | editar a fonte]

Alicia Fernández participou en París nos seus segundos Xogos coa selección española de balonmán. Non disputou os dous primeiros partidos por molestias físicas,[15] pero recuperouse para os encontros ante os Países Baixos, Hungría e Francia. O equipo completou unha pésima fase de grupos, incapaz de sumar nin un só punto, e quedou eliminado na fase de grupos.[16]

Pedro Rodríguez

[editar | editar a fonte]

O vigués Pedro Rodríguez, nacionalizado húngaro, participou nos Xogos coa selección maxiar de balonmán.[17] Debutou na terceira xornada ante Noruega e disputou un total de tres encontros, anotando dous goles contra Dinamarca.[18][19] Con todo, o equipo non conseguiu pasar da primeira fase, rematando a súa participación na décima praza.

Enmanuel Reyes

[editar | editar a fonte]

O boxeador Enmanuel Reyes derrotou no seu primeiro combate ao chinés Han Xuezhen e nos cuartos de final ao belga Victor Schelstraete, asegurando así o pase ás semifinais e consecuentemente unha medalla olímpica.[20] Nas semifinais enfrontouse ao acerbaixano Loren Alfonso, tamén de orixe cubana, perdendo por unha polémica decisión dos xuíces.[21] O seu bronce foi a primeira medalla olímpica para o boxeo español en 24 anos, dende a prata de Rafa Lozano en Sydney 2000.[21]

Teresa Abelleira

[editar | editar a fonte]

A futbolista pontevedresa Teresa Abelleira foi unha das 22 mulleres seleccionadas por Montse Tomé para a primeira participación da selección española feminina nuns Xogos Olímpicos. Disputou os seis partidos do combinado español no torneo, sendo titular en catro deles. O equipo acadou as semifinais, onde caeu ante o Brasil por 4-2, e perdeu tamén no encontro pola medalla de bronce contra Alemaña (1-0).[22]

David García

[editar | editar a fonte]

O tarraconense David García, judoka baixo licenza galega, participou na proba de menos de 66 kg, caendo na primeira rolda ante o casaco Ğusman Kirğizbaev.[23]

Fran Garrigós

[editar | editar a fonte]

O judoka nacido en Móstoles Fran Garrigós, empadroado en Sanxenxo e que compite con licenza galega como os seus compañeiros da AD Famu de Vigo David García e Laura Martínez, participou na categoría de –60 kg.[24] Derrotou ao belga Jorre Verstraeten e ao xaponés Ryuju Nagayama, acadando así as semifinais, nas que caeu fronte ao casaco Eldos Smetov. No combate polo bronce venceu ao xeorxiano Giorgi Sardalashvili, converténdose así no primeiro medallista español nos Xogos de París.[24]

Laura Martínez

[editar | editar a fonte]

Laura Martínez, judoka membro tamén da AD Famu de Vigo e baixo licenza galega, competiu na categoría de menos de 48 kg.[24] Eliminou sucesivamente á chilena Mary Dee Vargas, á serbia Milica Nikolić e á casaca Äbïba Äbwjaqinova, acadando así as semifinais,[24] nas que caeu fronte á mongol Bavuudorjiin Baasankhüü. Volveu perder no combate polo bronce, sendo a medalla para a francesa Shirine Boukli.[25]

Nikoloz Sherazadishvili

[editar | editar a fonte]

O judoka vigués de orixe xeorxiana Nikoloz Sherazadishvili disputou os seus segundos Xogos, desta vez na categoría de 100 kg (en Toquio participara en menos de 90 kg), obtendo idéntico resultado.[26] Eliminou ao húngaro Zsombor Vég antes de caer nos cuartos de final diante do suízo Daniel Eich. Accedeu así á repesca, onde derrotou primeiramente ao xaponés Aaron Wolf, pero acabou quedando de novo ás portas do bronce ao caer fronte ao uzbeco Muzaffarbek Turoboyev por ippon.[26]

Monopatinaxe

[editar | editar a fonte]

Julia Benedetti

[editar | editar a fonte]

A coruñesa Julia Benedetti disputou os seus segundos Xogos Olímpicos aos seus 19 anos, de novo na modalidade de parque. Cometeu dous erros nas dúas primeiras mangas e acabou eliminada na primeira fase, ocupando a 17ª posición con 70,27 puntos.[27]

Piragüismo

[editar | editar a fonte]

Carlos Arévalo e Rodrigo Germade

[editar | editar a fonte]

Os piragüista Carlos Arévalo e Rodrigo Germade disputaron os seus segundos Xogos xuntos (os terceiros no caso de Germade) e gañaron a súa segunda medalla no K-4 500 metros, desta vez de bronce. Formando equipo de novo con Saúl Craviotto, e coa novidade de Marcus Cooper, metéronse sen problemas na final, onde remataron por detrás do equipo alemán e do australiano.[28]

Disputaron tamén a modalidade do K-2 500 metros, pero neste caso non conseguiron o pase á final, ao rematar quintos na súa tirada de semifinais. Accederon á final de consolación, onde conseguiron a vitoria e con ela o noveno posto final.[29]

Pablo Crespo

[editar | editar a fonte]

O padexeiro Pablo Crespo debutou en París como olímpico, seguindo os pasos de seus pais: José Manuel Crespo e Ana María Penas.[30] Fíxoo na modalidade do C-1 1000 metros, conseguindo o pase a semifinais, pero non á final principal. Disputou a final B, na que rematou cuarto, o que se traduciu no 12º posto final.[29]

Diego Domínguez

[editar | editar a fonte]

O piragüista madrileño fincado en Pontevedra Diego Domínguez participou na proba de C-2 500 metros xunto ao catalán Joan Antoni Moreno. Conseguiron o segundo posto da súa serie e con ela o pase directo ás semifinais, e nestas a cuarta posición da súa manga, o que lles deu acceso á final. Xa na tirada final, conseguiron a medalla de bronce ao cruzaren a meta na terceira posición, só por detrás das embarcacións dos chineses Liu Hao e Ji Bowen e dos italianos Gabriele Casadei e Carlo Tacchini.[31]

Carolina García

[editar | editar a fonte]

A piragüista pontevedresa Carolina García participou en dúas modalidades, K-4 e K-2, ambas sobre a distancia de 500 metros. Na primeira delas competiu formando equipo xunto a Sara Ouzande, Estefanía Fernández e a histórica Teresa Portela, conseguindo o pase á final ao primeiro intento.[32] Xa na final só puideron ser sextas, a menos de dous segundos da piragua neozelandesa, medalla de ouro.[33]

Menos fortuna tivo no K-2, no que participou xunto a Sara Ouzande. Lograron o pase ás semifinais, pero non á final, ao rematar sextas na súa serie. Na final de consolación non conseguiron cruzar a meta, ao envorcar o seu caiac nos metros finais.[34]

Antía Jácome

[editar | editar a fonte]

A padexeira pontevedresa Antía Jácome participou en dúas modalidades: C-1 200 metros e C-2 500 metros, nesta última xunto a María Corbera. Disputou primeiro o C-2, conseguindo sen problemas o pase á final. Nesta remataron na sexta posición, a máis de tres segundos das chinesas Xu Shixiao e Sun Mengya.[29] No C-1 200 meteuse tamén na final, despois de ser segunda da súa serie na rolda inicial e terceira nas semifinais. Xa na tirada final cruzou a meta na cuarta posición, nun apertado final con seis deportistas en menos dun segundo.[35]

Manuel Ochoa

[editar | editar a fonte]

O tomiñés Manuel Ochoa debutou no estadio náutico de Vaires-sur-Marne con boas sensacións, logrando o décimo mellor tempo de entre 38 participantes na carreira contra o reloxo e superando a continuación a fase preliminar como o mellor da súa manga. Nos cuartos de final conseguiu tamén o mellor tempo da súa serie, pero sufriu unha penalización por saltar a derradeira porta, polo que foi descualificado, rematando así a súa primeira participación olímpica.[36]

Teresa Portela

[editar | editar a fonte]

A canguesa Teresa Portela disputou en París os seus sétimos Xogos Olímpicos.[37] Participou na proba de K-4 500 metros, formando equipo xunto a Sara Ouzande, Estefanía Fernández e a tamén galega Carolina García, conseguindo o pase á final ao primeiro intento.[32] Xa na final só puideron ser sextas, a menos de dous segundos da piragua neozelandesa, medalla de ouro.[33]

Rodrigo Conde

[editar | editar a fonte]

Despois de renunciar aos Xogos Olímpicos de 2020, o remeiro moañés Rodrigo Conde acudiu a París formando parella no dobre scull co catalán Aleix García, estando entre os favoritos para as medallas.[38] Tras meterse sen problemas nas semifinais, clasificáronse para a final como segundos da súa serie.[39] Iniciaron con bo ritmo a final, pero foron perdendo posicións co paso dos metros, acabando final na quinta posición, o mellor resultado da historia dun barco español no dobre scull olímpico.[40]

Caetano Horta

[editar | editar a fonte]

O remeiro noiés Caetano Horta disputou en París os seus segundos Xogos, desta vez facendo parella no dobre scull lixeiro xunto ao catalán Dennis Carrecedo. Rematou a súa quenda na segunda posición, logrando así o acceso directo ás semifinais. Con todo, non conseguiu meterse na final, ao rematar a súa serie na cuarta posición de seis embarcacións.[41] Accedeu á final B, onde quedou segundo, o que supuxo a oitava posición final e o segundo diploma olímpico da súa carreira.[42]

Tríatlon

[editar | editar a fonte]

Antonio Serrat

[editar | editar a fonte]

O vigués Antonio Serrat converteuse no terceiro triatleta galego en participar nuns Xogos Olímpicos, despois de Iván Raña, Xavier Gómez Noya e Pilar Hidalgo. Tralo adiamento da proba masculina de tríatlon pola mala calidade da auga do río Sena, esta disputouse finalmente o 31 de xullo.[43] A mala actuación de Serrat no sector de natación lastrou o resto da súa proba, e aínda que remontou posicións na bicicleta e na carreira a pé, só puido chegar á meta na 32ª posición, a máis de cinco minutos do vencedor, o británico Alex Yee.[44]

Seis días despois disputou tamén a proba de remudas mixtas, xunto a Alberto González, Anna Godoy e Míriam Casillas. O equipo rematou noveno despois de dúas penalizacións.[45]

Támara Echegoyen

[editar | editar a fonte]

Nos seus cuartos Xogos Olímpicos, a ourensá Támara Echegoyen, abandeirada da delegación española, non puido repetir os bos resultados das súas tres participacións anteriores. Competiu na clase 49er FX xunto á catalá Paula Barceló, pero remataron a gran maioría das regatas na metade inferior da táboa, concluíndo no 12º posto na clasificación final. Con todo, despediuse dos Xogos cunha vitoria na última regata.[46]

  1. "Yulenmis Aguilar estará en una final en la que buscará récord de España". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de agosto de 2024. Consultado o 13 de agosto de 2024. 
  2. "Diploma olímpico para Yulenmis Aguilar, sexta na final de xavelina". 10 de agosto de 2024. Consultado o 13 de agosto de 2024. 
  3. "Adrián Ben no pudo acceder a la semifinal del 800 metros de París 2024". La Voz de Galicia. 8 de agosto de 2024. Consultado o 9 de agosto de 2024. 
  4. "Ester Navarrete, la enfermera que correrá su segundo maratón en los Juegos de París" (en castelán). 26 de xullo de 2024. Consultado o 13 de agosto de 2024. 
  5. "Ester Navarrete finaliza su primer maratón olímpico". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de agosto de 2024. Consultado o 13 de agosto de 2024. 
  6. ""He sentido vergüenza y una falta de respeto mía por los Juegos"". Mundo Deportivo (en castelán). 10 de agosto de 2024. Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  7. Carrazoni Mier, Yuri (10 de agosto de 2024). "Tamirat Tola gaña a maratón cun novo récord olímpico; Tariku Novales, sexaxésimo oitavo". Nós Diario. Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  8. 8,0 8,1 Carrazoni Mier, Yuri (4 de agosto de 2024). "A Peleteiro escápaselle a medalla nunha mala noite en París". Nós Diario. Consultado o 6 de agosto de 2024. 
  9. "Una noche aciaga para Ana Peleteiro: termina sexta y se le escapa la medalla en triple salto" (en castelán). 3 de agosto de 2024. Consultado o 6 de agosto de 2024. 
  10. "Ana Peleteiro, logo de quedar a 8 cm. do bronce, atendeu a @LoretoCosta1". Twitter. Consultado o 6 de agosto de 2024. 
  11. Carrazoni Mier, Yuri (8 de agosto de 2024). "A mugardesa Belén Toimil, fóra da final de lanzamento de peso". Nós Diario. Consultado o 9 de agosto de 2024. 
  12. "España concreta remontada y supera 90-89 a China en tiempo extra del basket femenino" (en castelán). 28 de xullo de 2024. Consultado o 8 de agosto de 2024. 
  13. "A selección feminina de baloncesto cae ante Bélxica (66-79)". Televisión de Galicia. 7 de agosto de 2024. Consultado o 8 de agosto de 2024. 
  14. 14,0 14,1 Carrazoni Mier, Yuri (13 de agosto de 2024). "O cangués Rodrigo Corrales logra o seu segundo bronce olímpico". Nós Diario. Consultado o 13 de agosto de 2024. 
  15. "Las Guerreras, al borde de la eliminación de los Juegos Olímpicos de París tras caer contra los Países Bajos (29-24)" (en castelán). 30 de xullo de 2024. Consultado o 4 de agosto de 2024. 
  16. "Las Guerreras se despiden de los Juegos con pleno de derrotas (24-32)" (en castelán). 3 de agosto de 2024. Consultado o 4 de agosto de 2024. 
  17. "A férfi olimpiai keret". mksz.hu (en húngaro). Consultado o 7 de agosto de 2024. 
  18. "Noruega - Hungría" (PDF). olympics.com (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2024. 
  19. "Hungría - Dinamarca" (PDF). olympics.com (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2024. 
  20. "El boxeador afincado en A Coruña, Enmanuel Reyes Pla, asegura medalla en los Juegos Olímpicos" (en castelán). 1 de agosto de 2024. Consultado o 1 de agosto de 2024. 
  21. 21,0 21,1 "Enmanuel Reyes Pla pierde con polémica su combate de semis y se cuelga el bronce en los Juegos de París" (en castelán). 4 de agosto de 2024. Consultado o 6 de agosto de 2024. 
  22. Espiño, Diego (9 de agosto de 2024). "El bronce olímpico esquiva a Tere Abelleira". Pontevedra Viva (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  23. "David García, del Famu, cayó en la primera ronda" (en castelán). 29 de xullo de 2024. Consultado o 31 de xullo de 2024. 
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 Carrazoni Mier, Yuri (27 de xullo de 2024). "Xornada de éxitos para o judo galego: Fran Garrigós e Laura Martínez, a semifinais". Nós Diario. Consultado o 31 de xullo de 2024. 
  25. "Laura Martínez cae ante la francesa Shirine Boukli y se queda a las puertas del bronce" (en castelán). 27 de xullo de 2024. Consultado o 31 de xullo de 2024. 
  26. 26,0 26,1 Carrazoni Mier, Yuri. "O judoka Niko Sherazadishvili queda ás portas do bronce". Nós Diario. Consultado o 1 de agosto de 2024. 
  27. Zaballa, Pablo (6 de agosto de 2024). "La skater coruñesa Julia Benedetti sólo completa una ronda en París". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 7 de agosto de 2024. 
  28. Alonso, Paulo (8 de agosto de 2024). "Un bronce del K4 para la historia en los Juegos de París". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de agosto de 2024. 
  29. 29,0 29,1 29,2 Carrazoni Mier, Yuri (9 de agosto de 2024). "Cando dalo todo non é abondo: crónica dunha xornada regular no piragüismo na que escaparon os metais". Nós Diario. Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  30. "Pablo Crespo prolonga la dinastía". Faro de Vigo (en castelán). 25 de xuño de 2024. Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  31. Penedo, Pablo (8 de agosto de 2024). "Diego Domínguez, bronce en París: el canoísta madrileño de 21 años que encontró en Galicia el camino a la gloria olímpica". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  32. 32,0 32,1 Refojos, Borja (6 de agosto de 2024). "Teresa Portela, a la final de K4 500: siete Juegos, siete finales" (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  33. 33,0 33,1 Alonso, Paulo (8 de agosto de 2024). "Teresa Portela y Carolina García, sextas en la final de K4 500 de los Juegos Olímpicos de París". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  34. Carrazoni Mier, Yuri (10 de agosto de 2024). "Despedida accidentada de García e Ouzande, que non puideron rematar a final B do K2 500 após envorcar o caiac". Nós Diario. Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  35. Carrazoni Mier, Yuri (10 de agosto de 2024). "Novo diploma para Antía Jácome, cuarta na final do C1 200 a só 66 centésimas do ouro (e o récord olímpico)". Nós Diario. Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  36. Carrazoni Mier, Yuri (5 de agosto de 2024). "A fatídica porta 8 atragóaselle ao '8': Manu Ochoa despídese dos Xogos en cuartos". Nós Diario. Consultado o 6 de agosto de 2024. 
  37. "Los séptimos Juegos Olímpicos de Teresa Portela, la piragüista que desafía al tiempo". El País (en castelán). 10 de agosto de 2024. Consultado o 10 de agosto de 2024. 
  38. "El remero que renunció al ayuno: "El cuerpo solo te pide agua cuando estás bajo mínimos"" (en castelán). 1 de agosto de 2024. Consultado o 1 de agosto de 2024. 
  39. "Aleix García y Rodrigo Conde se meten en la final del doble sculls y sueñan con las medallas". Marca (en castelán). 30 de xullo de 2024. Consultado o 1 de agosto de 2024. 
  40. "La medalla en remo tendrá que seguir esperando". Marca (en castelán). 1 de agosto de 2024. Consultado o 1 de agosto de 2024. 
  41. Carrazoni Mier, Yuri (31 de xullo de 2024). "Caetano Horta: "Viñamos aquí a por todas e sentimos que non puidemos loitar nesta semifinal"". Nós Diario. Consultado o 31 de xullo de 2024. 
  42. "Diploma olímpico para Caetano Horta". 2 de agosto de 2024. Consultado o 6 de agosto de 2024. 
  43. "Antonio Serrat queda 32º na proba de tríatlon". Televisión de Galicia. 31 de xullo de 2024. Consultado o 31 de xullo de 2024. 
  44. "El gallego Antonio Serrat, trigésimo segundo en el triatlón olímpico". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de xullo de 2024. Consultado o 31 de xullo de 2024. 
  45. "España, al borde del diploma olímpico en el relevo mixto de triatlón" (en castelán). 5 de agosto de 2024. Consultado o 6 de agosto de 2024. 
  46. "A pontevedresa Támara Echegoyen despídese de París 2024 sen opción ás medallas". 31 de xullo de 2024. Consultado o 1 de agosto de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]