John Kent
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de setembro de 1928 Hertfordshire, Reino Unido |
Morte | 22 de outubro de 2000 |
Causa da morte | leucemia |
27º Presidente da Real Sociedade Numismática | |
1984 – 1989 ← David Grenville Sellwood (en) – Theodore V. Buttrey → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Británica |
Educación | University College, da Universidade de Londres |
Q89547790 | - Estudos de moeda do Imperio Romano. - Conservador do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e museística |
Ocupación | numismático |
Empregador | Museo Británico |
Influencias | |
Familia | |
Cónxuxe | Patricia Bunford (1961) |
Premios | |
- (1978): Premio Lhotka da Real Sociedade de Numismática de Londres. - (1990): Medalla da Royal Numismatic Society. - (1994): Medalla Huntington, da American Numismatic Society. - (2015) Premio Derek Allen, da Academia Británica. | |
John Philip Cozens Kent, nado en Hertfordshire o 28 de setembro de 1928 e finado o 22 de outubro de 2000, foi un investigador numismático británico especializado na moeda e na circulación monetaria do baixo Imperio Romano, vinculado ao Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico.[1][2][3]
Na literatura científica cítase con frecuencia como John Kent, J. P. C. Kent ou como John P. C. Kent.[4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]John Kent, fillo dun oficial ferroviario de Hertfordshire, recibiu a súa educación secundaria na Minchenden Grammar School, en Southgate, no Gran Londres, e realizou os seus estudos superiores no University College da Universidade de Londres, onde obtivo a súa graduación en 1949 e o seu doutoramento en 1951, baixo a dirección de A. H. M. Jones, cunha tese sobre a autoridade financeira do baixo Imperio Romano titulada Comes sacrarum largitionum.[5] Nese momento, unha das persoas que máis influíron no seu interese pola numismática imperial romana foi Harold Mattingly, considerado como unha das maiores autoridades en moeda romana da primeira metade do século XX.[6][7]
Logo de dous anos de servizo militar, en 1953 foi nomeado conservador axudante no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico. Nesa institución, o seu interese principal foron as moedas do baixo Imperio Romano, e nese ámbito da investigación contribuíu, xunto con R. A. G. Carson, á elaboración da obra de referencia titulada Late Roman Bronze Coinage, que viu a luz en 1960. Noutros dos seus estudos máis salientables, Kent reclasificou as moedas de imitación correspondentes á "Idade Escura", no século V d. de C., colaborou na datación do naufraxio do Sutton Hoo no século VII, catalogou parte das moedas celtas continentais das coleccións do Museo Británico e fixo importantes achegas sobre o uso da moeda de ouro no Baixo Imperio Romano. Con todo, a súa maior contribución á numismática produciuse coa súa participación na obra monumental Roman Imperial Coinage, en concreto nos seus volumes VIII e X.[1][6][8]
En 1974 foi ascendido a conservador adxunto e en 1983 obtivo a súa praza de conservador do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, na que permaneceu ata a súa xubilación en 1990. Kent formou parte das principais sociedades británicas relacionadas coa numismática e as disciplinas afíns. Entre outras, foi elixido membro da Sociedade de Anticuarios de Londres en 1961 e da Academia Británica en 1986. Entre 1974 e 1978 presidiu a Asociación Británica de Sociedades Numismáticas. Tamén foi membro destacado da Real Sociedade de Numismática de Londres, que presidiu no período 1984-1990, e da Sociedade Arqueolóxica de Londres e Middlesex, da que foi presidente entre 1985 e 1988. En 1986 foi elixido membro da Comisión Internacional de Numismátical.[1][4][9][10]
No relativo á súa vida persoal, John Kent casou con Patricia Bunford en 1961 e tivo un fillo e unha filla.[1][2][11]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]De entre os premios e recoñecementos obtidos por John Kent ao longo da súa carreira como investigador numismáticos, estes son os máis salientables:[1][12][13]
- 1978: Premio Lhotka, da Royal Numismatic Society.[14]
- 1990: Medalla da Royal Numismatic Society.[15]
- 1994: Medalla Huntington, da American Numismatic Society.[16]
- 2015: Premio Derek Allen, da Academia Británica.[17]
Publicacións
[editar | editar a fonte]The Roman Imperial Coinage
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: The Roman Imperial Coinage.
A maior contribución científica de Kent foi a súa participación no proxecto monumental The Roman Imperial Coinage ("A moeda imperial romana"), continuando o traballo emprendido nas décadas anteriores baixo a dirección editorial de Harold Mattingly, Humphrey Sutherland e R. A. G. Carson. Esta serie de publicacións recolle toda a produción monetaria do Imperio Romano desde a Batalla de Accio (31 a. de C.) ata a Antigüidade tardía, no ano 491 d. de C.[18] En concreto, John Kent encargouse dos volumes VIII e X.[19]
- (1981): The Roman Imperial Coinage. Vol. VIII. The Family of Constantine I. Spink & Son Ltd. Londres. ISBN 978-0900696855
- (1994): The Roman Imperial Coinage. Vol. VIII. The Divided Empire and the fall of the Western parts, 395-491. Spink & Son Ltd. Londres. ISBN 9780907605430
Outras publicacións
[editar | editar a fonte]Á parte dun bo número de artigos en revistas especializadas, Kent é autor de diversas monografías, entre as que se poden destacar as seguintes:[20][21]
- (1957): The Pattern of Bronze Coinage Under Constantine I. Numismatic Chronicle; Royal Numismatic Society. Londres.
- (1960): Late Roman Bronze Coinage A.D. 324-498. Con R. A. G. Carson.
- (1966): Problems of chronology in the seventh century Merovingian coinage. Royal Numismatic Society. Londres.
- (1971): The Coinage of Theodoric in the Names of Anastasius and Justin I. Methuen & Company.
- (1977): Wealth of the Roman world, ad 300-700. Con K. S. Painter. British Museum. Londres. ISBN 9780714100616
- (1978): Roman coins. Con fotografías de M. e A. Hirmer. Thames and Hudson. Londres. ISBN 9780500232736
- (1978): 2000 Years of British Coins and Medals. British Museum. Londres. ISBN 978-0714108421
- (1985): A selection of Byzantine coins in the Barber Institute of Fine Arts : principally from the collection of P.D. Whitting. Con P. D. Whitting. University of Birmingham. ISBN 9780704407701
- (1987): Catalogue of Celtic Coins in the British Museum. Vol. I. Silver Coins of the East Celts and Balkan Peoples. Con D. Allen e M. Mays. British Museum. Londres. ISBN 978-0714108636
- (1990): Catalogue of Celtic Coins in the British Museum. Vol. II. Silver Coins of North Italy, South and Central France, Switzerland and South germany. Con D. Allen e M. Mays. British Museum. Londres. ISBN 9780714108698
- (2013): Excavations at South Mimms Castle, Hertfordshire 1960-91. Con D. Renn. Londres & Middlesex Archaeological Society. Londres. ISBN 978-0903290661
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "John Kent". En The Telegraph. 28 de outubro de 2000.
- ↑ 2,0 2,1 Burnett, Andrew (2000).
- ↑ Burnett, A; Archibald, M. (2002). Páxina 259.
- ↑ 4,0 4,1 "Dr John Kent (Biographical details)". The Brirish Museum.
- ↑ Sobre este mesmo tema publicou "The office of the Comes sacrarum Largitionum", en Bulletin of the Institute of Historical Research, Nº 71, Londres, páxinas 73-76 (1952), e "The Comes sacrorum largitionum", en Dood, C. Byzantine Silver Stamps, Washington, páxinas 35-45 (1961).
- ↑ 6,0 6,1 Burnett, Andrew (2000). Páxina 55.
- ↑ Burnett, A; Archibald, M. (2002). Páxinas 259-260.
- ↑ Burnett, A; Archibald, M. (2002). Páxinas 261-271.
- ↑ Burnett, Andrew (2000). Páxinas 56-57.
- ↑ Burnett, A; Archibald, M. (2002). Páxinas 271-274.
- ↑ Burnett, A; Archibald, M. (2002). Páxina 274.
- ↑ Burnett, Andrew (2000). Páxina 57.
- ↑ Burnett, A; Archibald, M. (2002). Páxina 272.
- ↑ "The Lhotka Memorial Prize". The Royal Numismatic Society.
- ↑ "The Society’s Medal". The Royal Numismatic Society.
- ↑ "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "Derek Allen Prize". The British Academy.
- ↑ Zehnacker (1986). Páxina 202.
- ↑ Zehnacker, H. (1986) "Où en est le Roman Imperial Coinage ?". En Bulletin de l'Association Guillaume Budé (2): 202-205.
- ↑ "Bibliography of John Kent (1928-2000)". En The Numismatic Chronicle. Vol. 162. 2002. Royal Numismatic Society. Páxinas 375-383.
- ↑ "Kent, J. P. C.". En Worldcat.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Burnett, A. (2000). "John Kent (28.9.1928 - 22.10.2000) Arquivado 03 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". Compt rendu 47. International Numismatic Council. Páxinas 55-57
- Burnett, A; Archibald, M. (2002). "John Philip Cozens Kent. 1928-2000". En Proceedings of the British Academy. Vol 115. The British Academy. Oxford.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]
Predecesor: David Grenville Sellwood |
Presidente da Royal Numismatic Society 1984 - 1989 |
Sucesor: Theodore V. Buttrey |
- Nados en 1928
- Finados en 2000
- Nados en Hertfordshire
- Numismáticos do Reino Unido
- Presidentes da Royal Numismatic Society
- Galardoados coa medalla da Royal Numismatic Society
- Galardoados coa medalla Huntington
- Galardoados co premio Lhotka
- Galardoados co premio Derek Allen
- Membros da Academia Británica
- Membros da Sociedade de Anticuarios de Londres
- Alumnos da Universidade de Londres
- Persoas relacionadas co Museo Británico
- Escritores do Reino Unido
- Historiadores do Reino Unido