Bernardino Graña
![]() Bernardino Graña na presentación do nº9 da revista DORNA, en Compostela, 17/01/1986. Autor: Xosé Marra ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de setembro de 1932 ![]() Cangas, España ![]() |
Morte | 18 de xaneiro de 2025 ![]() Nigrán, España ![]() |
Causa da morte | morte natural ![]() |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela Universidade de Salamanca Universidade de Madrid ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escritor ![]() |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Pai | Bernardino Graña Refojos ![]() |
Premios | |
![]() ![]() ![]() |
Bernardino Graña Villar, nado en Cangas o 27 de setembro de 1932 e finado en Nigrán o 18 de xaneiro de 2025, foi un escritor galego.[1][2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Bernardino Graña Refojos. Pasou a súa infancia en Cangas e Ribadavia, onde o seu pai dirixía unha academia na que coñeceu a Xesús Alonso Montero.
Aos 17 anos, Bernardino Graña quixo marchar de Galicia como polisón nun barco a Venezuela e meteuse nun bote salvavidas, pero pillárono: «Non sei por que o barco estaba vixiado pola policía, e non me deron permiso. Eu deixara aviso a un amigo para que lle dixese á miña familia que non estaba desaparecido».[4]
Estudou Filoloxía Románica nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Madrid, doutorouse cunha tese sobre Miguel Torga.[5]
Foi catedrático de lingua e literatura na educación secundaria en diversos destinos, entre eles Onda, Reus, Guadix, Zaragoza, Padrón, Sarria e Cangas, até a súa xubilación en 1991. Desde moi mozo formou parte do consello de redacción da revista poética Alba.
En Salamanca nos anos 1950, co poeta e profesor Rafael Laínez Alcalá, participou nas revistas poéticas e no faladoiro Marabunta, que organizaba recitais na Universidade salmantina na aula de Salinas e outros foros.[6] Participou tamén como articulista en La Noche e Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta noutras publicacións,[7] como Vieiros, Grial, Ágora,[8] Boletín Galego de Literatura, Dorna: expresión poética galega, Grial: revista galega de cultura, Ínsula: revista de letras y ciencias humanas.
Foi parte da xinea das Festas Minervais (gañador do certame nos anos 1954, 1955, 1959 e 1969) e como tal, en 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid. Tamén foi impulsor e o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG),[9] entidade da cal foi nomeado socio de honra no 1996 e Presidente de Honra en 2021.[10] Cofundador do grupo Acia (Associaçao cultural das illhas Atlánticas; fundada en Madeira, Portugal). A finais dos 70, xuntamente con Antón Santamarina, Méndez Ferrín e outros, deu os primeiros pasos para a creación dun Pen Club galego.[11]
É coautor do Apéndice Lexicográfico do Diccionario de D. Eladio Rodríguez González (1961).
Finou na Residencia Stella Maris de Nigrán o 18 de xaneiro de 2025.[12][13]
Ingreso na RAG
[editar | editar a fonte]O 12 de xuño de 2010 entrou a formar parte da Real Academia Galega (RAG), nun acto que se celebrou no Auditorio de Cangas e no que foi recibido por Xosé Luís Méndez Ferrín. Os contos populares e Rosalía foron o eixo do discurso de ingreso. Comezou falando da súa infancia e do ser galego, que comparou co mar e cos peixes: “Os galegos somos como os salmóns. Se queremos buscar as nosas augas puras e primixenias e seguirmos sendo como nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa identidade, temos que deixar o ancho mar castelán e impulsarnos contra corrente”.[14]
A RAG celebrou unha homenaxe na súa honra en marzo de 2022. Falaron Marilar Aleixandre, Víctor Freixanes, o alcalde de Nigrán, Xesús Alonso Montero (laudatio) e recitaron varios poetas.[15]
Traxectoria literaria
[editar | editar a fonte]Poeta
[editar | editar a fonte]Poesía de protesta civil, ecoloxismo e poemas de circunstancia en homenaxe a amigos ou admirados son temas frecuentes na súa obra. Algúns dos poemas foron convertidos en cancións de músicos como Suso Vaamonde, o dúo Mini e Mero ou o grupo de rock cangués Astarot:[16] “O gato da tasca mariñeira”, “Oda aos mariñeiros de Cangas”, “Quedei no bar seco como un peixe”, “Como hei vivir mañá sen a luz túa? Ademais de Gelria e O Leo i Arremecághona.
A paisaxe, a lingua, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que creceu deixaron unha forte pegada na súa lírica.[17] O seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir (Brais Pinto en 1958) é de marcado carácter existencialista. De 1966 é Profecía do mar, no que o poeta establece un diálogo apaixonado cun mar investido de gran forza telúrica na lingua patrimonial dos mariñeiros de Cangas. De 1980 é Se o noso amor e os peixes..., que inclúe pezas que lindan ás veces co neotrobadorismo e que constitúen algúns dos mellores exemplos de poesía amorosa en lingua galega, como o titulado “Como hei vivir mañá sen a luz túa?” (Case morto vivín sen coñecerte / aló na chaira por absurdas rúas / onde ninguén me soupo dar mornura).[18]
Segundo Méndez Ferrín "Profecía do Mar, un dos esteos sobre os que descansa a nosa poesía do século XX. En libros seguintes, o verso robustécese, amplíase, devece, acompásase aos ritmos sociais, históricos. Confésase próximo a Raimundo Patiño e á pintura expresionista abstracta, digamos Pollock. Vemos un Bernardino lonxe do negativismo e do pesimismo que puido entretelo en días xuvenís".[19]
Narrador
[editar | editar a fonte]En Protoevanxeo do neto de Herodes (2006) transforma a liñaxe canónica de Xesús ao situalo como fillo de María e Antípatro e, por tanto, neto de Herodes. Máis que cuestións de índole teolóxica, a narración desenvolve o conflito político entre Roma e Israel no que Antípatro toma partido polos xudeus. O tema da vida e obra de Xesús sería tratado de novo desde a mesma perspectiva heterodoxa no libro A fuga a Exipto (2016).[18] "Creo que na Biblia hai moitas cousas ocultas e outras que están mal interpretadas, así que eu sigo para esta novela os evanxeos apócrifos e algunhas outras tradicións ocultas e non escritas do cristianismo», explicaba o autor.[20]
Dramaturgo
[editar | editar a fonte]Vinte mil pesos crime (1962) é un clásico da literatura dramática de posguerra no que desenvolve un argumento de violencia e corrupción moral mediado polo diñeiro. Seguiron outras pezas nas que desenvolve con humor, tenrura e sinxeleza cuestións de crítica social e denuncia da mercantilización da vida moderna.[18]
Literatura infanto-xuvenil
[editar | editar a fonte]Foi o público máis o receptor de boa parte das súas obras. Neste xénero Bernardino Graña amosa a influencia da narrativa oral tradicional que coñeceu de neno e celebrou no seu discurso de ingreso na Academia, Contos populares e Rosalía.[18] «Son un neno; eu teño un punto de vista da miña infancia, que perdura en min, son inxenuo», confesaba.[20]
Obras
[editar | editar a fonte]Poesía
[editar | editar a fonte]- Poema do home que quixo vivir (1958). Brais Pinto, Madrid. 34 páxs.
- Profecía do mar (1966). Galaxia. En 1995, edición en Xerais a cargo de Xosé M. Millán Otero, 142 páxs. ISBN 978-84-7507-871-7.
- Non vexo Vigo nin Cangas (1975). Xistral. 61 páxs. ISBN 8440086172.
- Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen (1980). Xerais. 76 páxs. ISBN 84-7507-005-1.
- Sima-cima do voar tolo (1984) Algalia, Col. Ardentia. 82 páxs.
- Himno verde (1992). Espiral Maior. ISBN 978-8488137029.[21]
- Ardentía: obra poética completa (1995) Espiral Maior. 211 páxs. ISBN 978-8488137562.
- Luz de novembro (1997). Espiral Maior. ISBN 978-8489814363.[22]
- Sen sombra e sen amor (2004) Galaxia. 76 páxs. ISBN 978-84-8288-693-0.
- Tres vellas fábulas novas (2006)[23]
- Acendede as almenaras (2008). Xerais. 72 páxs. ISBN 978-84-9782-703-4.
- Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008 (2011). PEN Clube de Galicia. 224 páxs. Edición de Miro Villar. ISBN 978-84-92764-51-8.[24]
Teatro
[editar | editar a fonte]- Vinte mil pesos crime (1962). Galaxia. En Xerais, 2005, 144 páxs. ISBN 978-84-9782-302-9.
- Sinfarín contra don Perfeuto (1975). Separata de Grial.
- Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992). Sotelo Blanco). ISBN 978-8478240906.
Literatura infanto-xuvenil
[editar | editar a fonte]- O león e o paxaro rebelde (1969). Galaxia. ISBN 978-8471541307.
- Planeta dos ratos tolos (1990). Ediciones S. M. Col. Montaña Encantada. 120 páxs. ISBN 978-8440304407.
- Xan Guindán, capitán (1991). Xerais. Col. Vouche contar un conto. Ilustracións Pepe Carreiro. ISBN 4-7507-595-9.
- Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992). Sotelo Blanco. ISBN 978-8478241583.
- Oso mimoso (1992). Xerais. Col Merlín. Ilustracións Ánxeles Ferrer. ISBN 978-8475076430.
- Cristo e San Pedro; Peregrinos: contos populares de Galicia (1994). Xerais. Col. Gran Merlín. 158 páxs.
- O gaiteiro e o Rato Pérez (1994). Xerais, Col. Merlín. Ilustracións de Mª Fe Quesada. 128 páxs. ISBN 978-84-9782-271-8.
- Rata linda de Compostela (1994). Xerais, Col Merlín. 64 páxs. Ilustracións de Manuel Uhía. ISBN 978-84-9782-956-4.
- Xan Guindán, mensaxeiro (1994). Obradoiro. 72 páxs. ISBN 978-8487937910.
- Contra o león covarde (1995). Edicións do Cumio. 120 páxs. ISBN 978-8482890074.
- O lobo e o grilo (1995). Sotelo Blanco. Ilustracións de Ana Costas. ISBN 84-7824-229-5..
- Son un pasmón peatón (1995). A. C. Monte Branco.
- Xan Guindán e os Salvaxes (1995). Obradoiro. 104 páxs. ISBN 978-8482240114.
- Cantigas de Santa María (1996). Xerais. Col. Gran Merlín. 192 páxs. ISBN 978-8483020111. Selección de 50 cantigas en versión actualizada.
- O quirico lambón (1997). Xerais, Col. Merlín. 56 páxs. Ilustracións de Ánxeles Ferrer. ISBN 978-84-9782-896-3.
- O gaiteiro e o ratiño (1999). Xunta de Galicia. Ilustracións de María Fe Quesada.
- No castelo de Marbel (2009). A Nosa Terra. 28 páxs. ISBN 978-8483413814.
- Un porco con chapeu (2009) A Nosa Terra. 28 páxs. ISBN 978-8483414187.
- Larpancia saborosa do lobo e a raposa. Farsa de monifates nun lance (2010). Edicións Embora. 56 páxs. ISBN 978-84-92644-28-5.
- Curros Enríquez e os gansos (2011) Morgante. 80 páxs. ISBN 978-8415166276.
- Tragaxán e Tragadiño (2016). Galaxia, Árbore. 64 páxs. ISBN 978-84-9865-696-1.
- Lobísimo do saco. Tres titiritadas (2019). Galaxia, Col. Árbore. 204 páxs. ISBN 978-84-9151-397-1.
Narrativa
[editar | editar a fonte]- Fins do mundo (1974). Brais Pinto. 2ª edición de 1989, en Xerais, ISBN 9788475073910.
- Protoevanxeo do neto de Herodes (2005). La Voz de Galicia. En 2006, Xerais. 304 páxs. ISBN 978-84-9782-511-5.
- Carmela e os ladróns (2010). Morgante. 70 páxs. ISBN 978-84-15166-00-9.
- ¡Medre o mar! (2013). Morgante. 116 páxs. ISBN 978-84-15166-4-81.
- A fuga a Exipto (2016). Galaxia. 228 páxs. ISBN 978-84-9865-689-3.
- O neno mariñeiro (2017). Xerais. 144 páxs. ISBN 978-84-9121-256-0. ePub: ISBN 978-84-9121-258-4.
- Os toliños mariñeiros da Costa da Morte (2020). Medulia. Relatos editados por Alexandre Ripoll.[25] 70 páxs. ISBN 978-84-121546-2-7.
Libros de conversas co autor
[editar | editar a fonte]- Conversas con Bernardino Graña, de Rafael Fernández Lorenzo e Héitor Mera (2005). Xerais. 104 páxs. ISBN 978-8497823241.
Epistolarios
[editar | editar a fonte]- Cartas de Bernardino Graña (2021). Morgante. 196 páxs. ISBN 978-84-15166-95-5. Edición de Héitor Mera.
Edicións
[editar | editar a fonte]- Contos populares da provincia de Lugo (1963) Galaxia. 264 páxs. ISBN 978-84-9151-456-5 (ed. de 2020).[26]
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Homenaxe a Luís Seoane (1977).
- Antoloxía da poesía galega actual. Nordés (1978, Ediciós do Castro).
- I Festival de Poesía no Condado (1981, S. C. D. Condado).
- II Festival da Poesía do Condado (1982, S. C. D. Condado).
- III Festival da Poesía no Condado (1983, S. C. D. Condado).
- IV Festival da Poesía no Condado (1984, S. C. D. Condado).
- VII Festival da Poesia no Condado (1987, S. C. D. Condado).
- VIII Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética (1988, S. C. D. Condado).
- IX Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética (1989, S. C. D. Condado).
- X Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética (1990, S. C. D. Condado).
- XI Festival da Poesia no Condado (1991, S. C. D. Condado).
- Os monos contra os paxaros (1992, Xunta de Galicia).
- XIII Festival da Poesia no Condado (1993, S. C. D. Condado).
- Desde mil novecentos trinta e seis: homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade (1995, Ediciós do Castro).
- Relato contemporáneo (1995, Xerais).
- Unha liña no ceo (58 narradores galegos 1979-1996) (1996, Xerais).
- E dixo o corvo... (1997, Xunta de Galicia).
- A poesía é o gran milagre do mundo (2001, PEN Clube de Galicia).
- Alma de beiramar (2003, Asociación de Escritores en Lingua Galega).
- Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (2003, Tris Tram). Por Arturo Casas.
- Homenaxe a don Paco del Riego, fillo adoptivo de Nigrán (2003, Edicións do Cumio).
- Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003, Fundación Araguaney).
- Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003, Espiral Maior).
- 23 poetas galegos cantan a don Antonio Machado (2004, Hipocampo).
- Uxío Novoneyra. A emoción da Terra (2004, AELG).
- Xela Arias, quedas en nós (2004, Xerais).
- Cartafol poético para Alexandre Bóveda (2006, Espiral Maior).
- Poetas con Rosalía (2006, Fundación Rosalía de Castro).
- Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación (2009, Fundación Manuel María).
- Vinte cantigas de escarnio e maldicir (2009, Morgante). Edición literaria con Alexandre Ripoll Anta.
- Tamén navegar (2011, Toxosoutos).
- Berros no roncar das ondas (2012, ArTeu). Poemas en diálogo con fotografías de Xacobe Meléndrez Fassbender.
Premios
[editar | editar a fonte]- Foi premiado nas Festas Minervais de Santiago de Compostela nos anos 1954, 1955, 1959 e 1969.[8]
- 1º Premio do Concurso nacional de contos infantís O Facho no 1969, por O león e o paxaro rebelde.
- Premio Abrente no 1969, por Os burros que comen ouro nunca cabalos serán.
- Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago no 1978, por Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen.
- Premio Merlín no 1993, por O gaiteiro e o Rato Pérez.
- Pedrón de Ouro en 1999.
- Gañador da segunda edición do Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa no 2003, por Protoevanxeo do neto de Herodes.
- Premio PEN Voz de Liberdade no 2003.
- Premio Estornela de teatro no 2008, por Larpancia saborosa do lobo e a raposa.
- Premio Brais Pinto no 2013.
- Premio Cultura Galega das Letras en 2021.[27]
- Fillo predilecto de Cangas en 2022.[28]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Bernardino Graña". Editorial Galaxia. Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2020. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ "Bernardino Graña". www.xerais.gal. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ García, David (18 de xaneiro de 2025 [actualizado o 19 de xaneiro de 2025]). "Falece o poeta e escritor Bernardino Graña aos 92 anos". farodevigo.es. Consultado o 3 de febreiro de 2025.
- ↑ "Bernardino Graña, o poeta do mar, morre aos 92 anos". La Voz de Galicia. 2025-01-18. Consultado o 2025-01-20.
- ↑ Ester, Belén (2025-01-20). "Uno de los más grandes poetas en lengua gallega". El Debate (en castelán). Consultado o 2025-01-20.
- ↑ "Bernardino Graña Villar". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ "Ficha do autor". bvg.udc.es. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ 8,0 8,1 "Bernardino Graña Villar". Real Academia Galega. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ "Bernardino Graña". www.aelg.gal. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ "O Consello Directivo da AELG nomea Bernardino Gra\u00F1a Presidente de Honra da Asociaci\u00F3n". www.aelg.gal. Consultado o 2021-09-28.
- ↑ "Bernardino Graña Villar Galegos Gallegos". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 2025-01-20.
- ↑ Falece o poeta e escritor Bernardino Graña aos 92 anos
- ↑ Falece aos 92 anos de idade o poeta e escritor Bernardino Graña
- ↑ García, David (2025-01-18). "Falece o poeta e escritor Bernardino Graña aos 92 anos". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2025-01-19.
- ↑ "Homenaxe da Real Academia Galega a Bernardino Graña en vésperas do Día da Poesía". Galicia Confidencial. Consultado o 2025-01-20.
- ↑ Diario, Nós (2025-01-18). "Falece aos 92 anos de idade o poeta e escritor Bernardino Graña". Nós Diario. Consultado o 2025-01-18.
- ↑ "Morre o poeta Bernardino Graña aos 92 anos". Galicia Confidencial. Consultado o 2025-01-20.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 "Bernardino Graña Villar". Real Academia Galega. Consultado o 2025-01-20.
- ↑ Ferrín, Xosé Luis Méndez (2025-01-19). "Irmán Bernardino Graña". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2025-01-20.
- ↑ 20,0 20,1 "Bernardino Graña, o poeta do mar, morre aos 92 anos". La Voz de Galicia. 2025-01-18. Consultado o 2025-01-20.
- ↑ "PoesiaGalega: "Bernardino Graña: Himno verde"". www.poesiagalega.org. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ "Centro de Documentación da AELG". www.aelg.gal. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ "Tres vellas fábulas novas". Dialnet.
- ↑ Nicolás, Ramón (2011-04-20). "Ser auga, darse en auga, de Bernardino Graña". Caderno da crítica. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ Nicolás, Ramón (2020-07-25). "Os toliños mariñeiros da Costa da Morte, de Bernardino Graña". Caderno da crítica. Consultado o 2020-07-26.
- ↑ "Contos populares da provincia de Lugo". Editorial Galaxia. Consultado o 2020-07-27.
- ↑ Galicia, Xunta de (2021-11-02). "Os Premios da Cultura Galega 2021 recaen en Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, ‘Dígocho eu’, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-03.
- ↑ García, David (2022-02-26). "Cangas nombra Fillo Predilecto a Bernardino Graña e intenta salvar “in extremis” el Plan Concellos". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2025-01-18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bernardino Graña ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- López García, A. (2002): Se as aves insistisen na ledicia. A obra de Bernardino Graña. Laiovento.
- Fernández r. mera, h. Conversas con Bernardino Graña (2005). Xerais.
- VV.AA. (2007): Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario. Vigo, Edicións Xerais de Galicia.
- Mera Herbello, Héitor (2008): Vida e obra de Bernardino Graña. UNED, Tese de doutoramento. A primeira en ser defendida en galego na UNED.[1]
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]![]() |
- Biografía e un poema
- Entrevista de Literatura Galega do S.XX do alumnado do IES Manuel García Barros Arquivado 23 de decembro de 2014 en Wayback Machine.
- ↑ Galega, Consello da Cultura. "Primeira tese de doutoramento en galego na UNED". CONSELLO DA CULTURA GALEGA (en inglés). Consultado o 2025-01-20.
- Escritores de Galicia en lingua galega
- Poetas de Galicia
- Membros de número da Real Academia Galega
- Nados en Cangas
- Pedrón de Ouro
- Nados en 1932
- Gañadores do Premio Merlín
- Premios da Cultura Galega
- Escritores de literatura infantil de Galicia
- Profesores de educación secundaria
- Finados en 2025
- Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela
- Alumnos da Universidade de Salamanca