Saltar ao contido

Francia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Francesas»)
Modelo:Xeografía políticaFrancia
République française (fr) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoLa Marseillaise (4 de outubro de 1958) Editar o valor en Wikidata

Lema«Liberté, Égalité, Fraternité» Editar o valor en Wikidata
EpónimoFrancos Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 47°N 2°L / 47, 2
CapitalParís (1789–) Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Alpes (pt) Traducir
Alsacia (1956–2015)
Alta Normandía Editar o valor en Wikidata../... 26+
Poboación
Poboación68.373.433 (2024) Editar o valor en Wikidata (106,2 hab./km²)
Xentiliciofrancesa, francés Editar o valor en Wikidata
Lingua oficiallingua francesa Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie643.801 km² Editar o valor en Wikidata
Auga0,3 % Editar o valor en Wikidata
Bañado porCanal da Mancha, Océano Atlántico, Mar do Norte e Mar Mediterráneo Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoMont Blanc (4.808,72 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoLagoa de Lavalduc (pt) Traducir (−10 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación agosto de 843:  (Tratado de Verdún) Editar o valor en Wikidata
Día festivo
Organización política
Forma de gobernoRepública semipresidencialista Editar o valor en Wikidata
• Presidente da República Francesa Editar o valor en WikidataEmmanuel Macron (2017–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGoberno de Francia Editar o valor en Wikidata
• Primeiro ministro Editar o valor en WikidataMichel Barnier (2024–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoParlamento da França (pt) Traducir , Editar o valor en Wikidata
Máxima autoridade xudicialCourt of Cassation (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal2.957.879.759.264 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
Orzamento455.200.000.000 € (2023) Editar o valor en Wikidata
Moedaeuro Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.fr, .bzh, .re, .wf, .yt (pt) Traducir, .pm (pt) Traducir, .paris e .alsace (mul) Traducir Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+33 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112, 15 (en) Traducir, 17, 18 e 114 (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Código de paísFR Editar o valor en Wikidata
Código NUTSFR Editar o valor en Wikidata

Páxina webservice-public.fr Editar o valor en Wikidata
Facebook: ServicePublicFr Twitter: servicepublicfr Instagram: servicepublicfr LinkedIn: entreprendre-servicepublicfr Youtube: UCugxMaxXnGqMrQ5bZIL017A Editar o valor en Wikidata

Francia (Gl-Francia.ogg pronunciación ) (en francésFrance[fʁɑ̃s] (AFI)fr-France.ogg escoitar), oficialmente República Francesa (Gl-República Francesa.ogg pronunciación ) (en francésRépublique française[ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.[1]

Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade). O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km). O seu territorio insular europeo, comprende a Illa de Córsega, no Mediterráneo occidental, e diversos arquipélagos costeiros no Atlántico. En América, son territorio de Francia a Güiana francesa, que limita co Brasil (673 km), a maior fronteira do país cos seus países veciños, Suriname (510 km), e as illas e arquipélagos de Martinica, Guadalupe, Saint-Barthélemy, San Martiño (que limita coas Antillas Neerlandesas) e de Saint-Pierre-et-Miquelon. No océano Índico, son francesas as illas de Mayotte e de Reunión, así como os arquipélagos de Polinesia francesa e de Nova Caledonia, estes no océano Pacífico. Son territorios de Francia deshabitados o atol de Illa Clipperton, no Pacífico Oriental, e as denominadas Terras Austrais e Antárticas Francesas.

Francia é un país altamente desenvolvido económica e socialmente, influente no plano xeopolítico. A súa economía é do tipo capitalista cunha intervención estatal significativa dende o fin da segunda guerra mundial. Non obstante, dende mediados dos anos 1980, reformas sucesivas arrastraron unha liberación progresiva do Estado de varias empresas públicas. É a sexta economía mundial en termos de PIB, membro do G8, da Zona Euro e do Espazo Schengen, e sede de numerosas multinacionais de primeira orde, líderes en diversos segmentos da industria e do sector primario, e é o primeiro destino turístico mundial, con máis de 75 millóns de visitantes estranxeiros anuais.[2]

Francia, fogar da primeira Declaración dos dereitos do home e do cidadán, é membro fundador das Nacións Unidas, do Consello de Europa, un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas[3] e sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e da UNESCO. É tamén unha das oito potencias nucleares recoñecidas[4] e membro da OTAN.

Francia é un país cunha elevada difusión internacional da súa cultura. Dende o século XV, participando nas exploracións marítimas, e a continuación como potencia colonial, a súa cultura e civilización atópase difundida por países de todo o mundo agrupados na organización da Francofonía. O idioma francés é unha das linguas con maior influencia, tradicionalmente empregada como lingua da diplomacia e relacións internacionais, que xunto con outras 77 linguas rexionais, conforma o patrimonio lingüístico de Francia. Francia é membro da Unión Latina.

Francia foi formada polas artes e a filosofía. Berce da Ilustración, influíu nas revolucións americanas, despois a Revolución francesa deu o arranque e o exemplo democrático no mundo enteiro, desenvolvendo valores de liberdade, de igualdade, de fraternidade e, dende 1905, de laicismo.

Artigo principal: Historia de Francia.

A Francia actual é un país de lingua románica con superestrato xermano que ocupa a maior parte da antiga Galia celta conquistada por Xulio César.

Evolución do nome «Francia» e do seu territorio

[editar | editar a fonte]
Bautizo de Clodoveo I, rei dos francos.

O país tomou o seu nome dos francos, pobo xermánico cuxo nome significaba «homes libres». Os francos foron unha tribo que invadiu a Galia no século V, nos tempos da desintegración do Imperio Romano de Occidente. Os francos e os galos (xermanos os primeiros e celtas os segundos, ambos indoeuropeos) fusionados e xunto a outros grupos importantes, deron orixe aos franceses. Aínda na actualidade adóitase empregar "franco" ou "galo" para se referir ao que é "francés" ou ao que está en relación cos franceses.

Inicialmente, a palabra latina Francia designou a rexión do norte de Europa, poboada, ou máis ben dominada, por pobos guerreiros xermánicos autodenominados francos. Francia é unha adaptación latina do século III.[5] En efecto, dende os séculos III e IV os romanos xa tiñan contactos cos francos, a quen enrolaban como mercenarios no seu exército, xa antes das invasións propiamente xermánicas. A denominación Francia non tiña daquela unha connotación política senón xeográfica ou sociolóxica, coma o Magreb ou os Balcáns no século XXI. Os francos eran ante todo un pobo de guerreiros que elixía un xefe caudillo, a quen nomeaban rei dos francos e que constituía a máxima autoridade para asuntos militares. Naqueles tempos a guerra considerábase o valor por excelencia da liberdade e isto fixo que co tempo o termo franco se convertese en sinónimo de libre.

En 1204, a palabra Francia designou, por vez primeira, o territorio sobre o cal exercía a súa autoridade o rei dos francos, a quen comezou a chamarse rex Francie. A autoridade dos reis francos sobre os señores do que se chamaba reino franco só constituía unha autoridade de señor a vasalo, de home a home. O vencello que unía as diferentes tribos francas era tan só de tipo militar, para facer a guerra. O rei franco só era señor no dominio territorial de seu. O feito de que o rei franco compartise costumes e cultura cos outros señores non significaba que mandase nos territorios e nas xentes dos territorios dos señores francos. O rei franco só era un xefe de guerra, non un xefe de estado.

É por isto polo que se compara o concepto de Europa de 1957, na que existe unha unidade de mando con respecto a un único tema, co modelo de reinado do rei franco. Para o rei franco, o que lle daba unidade a todos os territorios era a guerra de defensa do reino franco, mentres que para os europeos de 1957 era a economía de Europa (CECA). Para que fose recoñecido o concepto dunha autoridade civil de rei sobre un territorio habería que agardar ata o século XV cando, polas boas ou pola forza, así o entenderon a inmensa maioría dos señores.

A comezos do século XVI o concepto de res publica ("cousa pública") reaparece timidamente logo de esvaecer coa caída do Imperio Romano. En 1499, o contrato de casamento do rei Lois XII de Francia con Ana da Bretaña, que dispuña da propiedade de Francia, intentou, sen éxito, constituír un compromiso non só entre os asinantes, senón tamén entre os seus descendentes e mesmo os seus sucesores. O concepto de nacionalidade francesa comezouse a definir naquela época.

É tamén cara a esta época cando se iniciou o embrión do estado. Ata a metade do século XVI, o rei era un nómade que se desprazaba ao longo de tódalas súas terras, sen ficar nunca máis dalgunhas semanas na mesma residencia, o cal limitaba singularmente as posibilidades de centralismo das funcións estatais.

A principios do século XVII, a política exterior de Francia comezou a ir alén da defensa e da agresión militar directa ao introducir Richelieu a diplomacia como medio para facer levar a cabo as súas guerras por outros países.

A revolución francesa constitúe a partida de nacemento da nación francesa, e do pobo francés como actor político. Son as guerras napoleónicas, e sobre todo as grandes guerras de 1870, 1914 e 1939, as que conformaron a imaxe mental de Francia compartida polos franceses. As dificultades económicas vinculadas á globalización da primeira e segunda metade do século XX exacerban (como no resto de Europa) este sentimento nacional no nacionalismo.

Prehistoria, protohistoria e antigüidade

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Galia e Galia romana.
Escena da rendición de Vercingetorix ante César.

A presenza humana sobre o territorio francés remóntase ao paleolítico inferior. Unha das localizacións máis antigas (1 800 000 anos a. de C.) onde se poden atopar vestixios dun asentamento humano é na localidade de Chilhac (no Alto Loira). Varios lugares franceses con datacións posteriores deron o seu nome a facies culturais, como o Achelense, o Musteriano, o Solutreano ou o Magdaleniano.

Ao longo do territorio francés atópanse un número importante de covas adornadas do paleolítico superior, das cales a máis coñecida é a cova de Lascaux (Dordoña) cuxas pinturas remóntanse 15000 a.C. A partir de 7000 a.C. aproximadamente, a rexión entrou no neolítico, o asentamento máis antigo coñecido é o lugar de Courthézon (Vaucluse), datado de 4.560 a.C. aproximadamente.

Aló polo ano 900 a.C. os celtas chegaron e instaláronse no territorio da actual Francia ata ocupar o conxunto no século III a.C. Por outra banda cara ao ano 680 a.C., os primeiros colonos gregos comezaron a instalarse no litoral mediterráneo, fundando a colonia grega de Antibes.

Cara ao ano 125 a.C. a Galia Narbonense, pasou a estar baixou o dominio romano. O dominio romano seguiu espallándose logo da guerra das Galias ata ocupar todo o territorio da actual Francia no ano 51 a.C. Baixo o Imperio Romano desenvolveuse unha próspera civilización galo-romana, achegando a Francia unha base de cultura latina e conducindo indirectamente á súa cristianización, a cal tería lugar nun lento proceso comezado no século II e rematado no século VI.

A Francia merovinxia e carolinxia

[editar | editar a fonte]

A partir do século V comezou a época das migracións bárbaras á Galia, destacando a presenza de varios pobos entre os cales se atopaban os burgundios, os visigodos e os francos.

Unha gran parte das rexións que constitúen a Francia actual uníronse baixo o dominio de Clodoveo I no ano 507, quen conseguiu reunir baixo a dominación franca, ou regnum francorum, os reinos e teritorios dos alamanos, os burgundios e os visigodos no norte dos Pireneos. Este "reino dos Francos" que se estendía sobre o que aínda se chamaba a Galia instaurouse coa lexitimidade e unidade que lle outorgaba a herdanza cultural romana. O reino franco, durante a dinastía dos Merovinxios, estivo á mercé das herdanzas dos herdeiros de Clodoveo, dividíndose e reuníndose logo durante varias ocasións. Cando estiveron divididos, estes reinos ulteriores eran a Neustria (París), a Austrasia (Metz), a Borgoña (Chalon-sur-Saône) e a Aquitania (Bordeos).

Na segunda metade do século VIII Pipino o Breve, rei non merovinxio dos Francos, estende considerablemente o reino dos Francos, pronto erixido en Imperio polo seu fillo Carlomagno e o seu neto Lois o Piadoso (Louis le Pieux). Logo da morte de Luís, o seu dominio é compartido en tres partes onde a autoridade central se afunde rapidamente, volvendo a organización da rexión á situación anterior: a Francia orientalis (ao leste), a Francia occidentalis (ao oeste) e entre as dúas a efémera Lotarinxia, dominio dun emperador moi teórico.

A parte oriental corresponde ao que se converteu máis tarde en Alemaña e a parte occidental, Francia. A fonte máis antiga que testemuña o uso das dúas linguas diferentes dunha e outra parte do río Rin (a tedesca e a romana) data de 842, cos xuramentos de Estrasburgo pasados entre os netos de Carlomagno. Este texto presentouse a miúdo como o acto fundador de Francia (e de Alemaña). Os descendentes de Carlomagno (os Carolinxios) conservan unha influencia simbólica sobre os territorios que se corresponden moi aproximadamente con Francia ata 987, cando o duque Hugo Capeto foi elixido rei dos francos.

A Francia feudal

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Dinastía dos Capetos e Dinastía Valois.
Xoana de Arco no Sitio de Orleans.

Hugo Capeto, modificando as regras de sucesión, creou as condicións que permitirían, ao longo dos séculos seguintes, a institución de Francia como estado. Os seus descendentes reinaron sucesivamente sobre Francia, en tres dinastías (os Capetos, os Valois e os Borbóns), ata 1792 cando Lois XVI perde o trono na Revolución Francesa, logo dun intermedio de trinta anos (do 1814 ao 1848).

Os primeiros reis da dinastía espallaron progresivamente o dominio real, consolidando a realeza franca malia a oposición dos Plantagenêts, materializada na guerra dos Cen Anos. A autoridade do rei dos Francos non se estendería desde os Pireneos ata a canle da Mancha ata finais do século XII, con Philippe Auguste. Naquela época comezouse a empregar a expresión reino de Francia e esta expresión adquire un peso comparable ao de Inglaterra ou de Sacro Imperio Romano Xermánico. Os últimos séculos da Idade Media, marcados polas crises da guerra dos Cen Anos e da peste negra, reforzan finalmente a autoridade real, a cal vólvese indiscutible durante o século XV, co reinado de Lois XI.

Renacemento e absolutismo

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Renacemento e Antigo Réxime.
Lois XIV, o rei Sol.

Trala fin da Idade Media, España convértese nunha forte ameaza para os franceses ao unirse o reino dos Reis Católicos coas posesións dos Habsburgo dando orixe ao imperio de Carlos I de España e V de Alemaña. Buscando facerlle fronte, Francisco I e o seu fillo Henrique II de Francia declararíanlle a guerra á potencia. A segunda metade do século XVI marcaría o reino francés coas guerras de relixión e os reinados dos derradeiros Valois (Francisco II, Carlos IX, Henrique III) que afastarían Francia do escenario político europeo.

Habería que agardar ao reinado de Henrique IV, Lois XIII e o seu ministro Richelieu, para que a potencia española cedese o paso á de Francia. Malia a desaparición prematura destes actores, o equilibrio das forzas sería de novo restablecido e derrubado, por grandes políticos como Mazarin, particularmente cos tratados de Westfalia (1648) e dos Pireneos (1659).

No campo colonial, Francia vería as súas empresas con luces e sombras. Malia a boa saída para América coa expedición de Jacques Cartier baixo o reinado de Francisco I, e os establecementos conseguidos nas Antillas, Luisiana e no Senegal durante o reinado de Lois XIV, a falta de determinación de Lois XV conduciría o reino a graves fracasos fronte os ingleses na India e no Canadá, rompendo os éxitos conseguidos polos primeiros colonizadores franceses.

Revolución e imperio

[editar | editar a fonte]

As dificultades financeiras, a repulsa das reformas e a impaciencia popular conducen á Revolución francesa, do 1789 ao 1799. Neste importante episodio na construción da historia nacional vai nacer asemade a Declaración dos dereitos do home e do cidadán de 1789 e a promoción dos ideais de liberdade, igualdade e fraternidade.

A partir de 1799, Napoléon Bonaparte toma o poder, inicialmente como primeiro cónsul e logo como emperador. Este período ve a instauración de novas institucións, mentres que Francia se estende militarmente a través de Europa, antes dun período de revés importante. Este período termínase coa restauración dos Borbóns en 1815.

Da restauración de 1815 ao segundo imperio

[editar | editar a fonte]
La Liberté guidant le peuple ("A liberdade guiando ao pobo") de Eugène Delacroix (1833), obra pictórica convertida en símbolo da Revolución de 1830.

A Restauración de 1815 marca o principio dunha nova tentativa de monarquía constitucional, pero as tensións dos reinados de Lois XVIII e logo sobre todo de Carlos X conducen á Revolución de 1830, que leva a Luís-Filipe I ao poder. Desde 1830 ata 1848, a Monarquía de Xullo é un réxime sostido pola burguesía, pero que suscita unha oposición lexitimista, bonapartista e sobre todo republicana.

Esta última arrastra a revolución de febreiro de 1848 que ve unha tentativa de réxime presidencial, a Segunda República.

O 2 de decembro de 1851, o presidente da República, Louis-Napoléon Bonaparte, sobriño de Napoleón I, organiza un golpe de estado. O 14 de xaneiro de 1852 é nomeado emperador baixo o nome de Napoleón III. Baixo o Segundo Imperio, o país coñece os principios da segunda industrialización, impulsada por orientacións económicas liberais, fundadas en construcións capitalistas estruturais básicas (bancos de negocios, compañías de ferrocarril e marítimas, industrias téxtiles, grandes comercios e industrias etc.). No plan da política exterior, Napoléon III asegúrase a confianza do Reino Unido (guerra de Crimea) que permite asentar a influencia de Francia en Próximo Oriente mentres que a súa acción en Italia, contra Austria, é coroada con éxito e conduce á anexión en Francia das rexións do Piemonte (Savoia, Niza). Con todo, graves reveses empeñan considerablemente a imaxe do réxime e reforzan unha oposición exterior e interior (Victor Hugo). A aposta da loita contra Prusia para devolver certo brillo ao Imperio precipita a súa caída. O imperio remata así en 1870 logo da derrota de Sedán. A perda da Alsacia-Lorena e as indemnizacións [Cómpre referencia] considerables debidas o Imperio Alemán creado a favor da vantaxe tomada por Prusia, conducen a un gran resentimento nacional ("o desquite", en francés la Revanche). Un feito significativo para os acontecementos seguintes será que o crecemento da poboación italiana e sobre todo da alemá excede con moito a de Francia, que fora o país o máis poboado de Europa durante a revolución.

A terceira república e a liberación de 1945

[editar | editar a fonte]
O emblemático Caso Dreyfus.

A guerra de 1870 arrastra a caída do Segundo Imperio Francés e a volta á república, logo da insurrección do Municipio de París (Comuna de París). O Segundo Imperio evolucionara cara a un réxime parlamentario, e a súa herdanza é en parte repetida Terceira República Francesa. Logo dalgúns anos de vacilación, a Terceira República é finalmente confirmada en 1875, a práctica das institucións facendo un réxime de asemblea.

Baixo a Terceira República, Francia estende o seu imperio colonial, cuxa conquista comezara baixo as monarquías do século XIX (África occidental e ecuatorial, Marrocos, Tunisia, Madagascar, Indochina).

Saída vitoriosa, pero ao prezo de sufrimentos inmensos demográficos e económicos, da primeira guerra mundial, Francia coñece un período de crise económica e política nos anos 1930. A derrota de 1940 conduce á atribución por voto dos plenos poderes ao mariscal Pétain durante a segunda guerra mundial. Este substitúe a república por un Estado francés negado pola Francia Libre do xeneral de Gaulle ata 1944.

A cuarta e a quinta república

[editar | editar a fonte]
O xeneral Charles de Gaulle.

En consecuencia da Segunda Guerra mundial, a Cuarta República é promulgada o 27 de outubro de 1946, pero ponse fronte a dificultades graves no Imperio colonial, primeiro en Indochina, logo en Alxeria, mentres que noutro lugar a descolonización faise por negociación. A inestabilidade gobernamental que resulta diso, finalmente, xera unha crise que conduce a un cambio de constitución. Con todo, malia os cambios frecuentes de ministerios, certa constancia da política de construción europea permitiu participar activamente en primeiro lugar na Comunidade europea do carbón e do aceiro en 1950, logo na firma do Tratado de Roma en 1957 fundador do Mercado común. Doutra banda, a política de desenvolvemento da industria nuclear tanto civil como militar, permitiu asentar unha política independente nos anos 1960.

A constitución da quinta república, redactada baixo a influencia do xeneral Charles de Gaulle e de Michel Debré, é adoptada o 4 de outubro de 1958. Coloca a república en réxime parlamentario que demostra resistir mellor as inestabilidades que as repúblicas parlamentarias precedentes. En 1962, a conxunción da elección do presidente da república por sufraxio universal directo e do feito maioritario no parlamento favorable para o presidente van modificar a constitución para ter unha lectura favorable para o presidente. Fálase entón de réxime parlamentario presidencializado. Este caso de Francia é único; en todos os demais réximes parlamentarios, o xefe do estado sistematicamente borrouse en proveito do xefe de goberno, que é sostido pola maioría parlamentaria. Maurice Duverger desexou definir a quinta república como que dependía dunha nova categoría, a do réxime semipresidencial. Con todo, esta tipoloxía non esta aceptada por todos.

A partir de 1973, a economía francesa coñece unha sucesión de crises económicas e de períodos de débil crecemento, que arrastran unha alteración frecuente no seo do poder. Do 1986 ao 1988, logo do 1993 ao 1995 e por fin do 1997 ao 2002, o fenómeno da convivencia (anulación do feito maioritario favorable para o Presidente, o que fai que o Primeiro ministro é dun diferente pensamento político que o Presidente) aínda modifica a lectura da constitución, para volver a unha lectura máis próxima da súa concepción en 1958, é dicir, un réxime parlamentario.

Dende os anos 1950, a reconciliación, logo a cooperación con Alemaña permitiron a Francia desenvolver un papel de motor na construción europea, particularmente coa Comunidade Económica Europea. Fíxose un dos principais países da Unión Europea, partidario dunha Europa política forte, aínda que rexeitase a Constitución europea polo 55% dos sufraxios o 29 de maio de 2005.

Política

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Política de Francia.

A actual Constitución de Francia (Constitución da quinta república) foi aprobada por referendo o 28 de setembro de 1958. Coa súa aprobación, o cargo de presidente da República fortaleceu notablemente a súa autoridade sobre o poder executivo,[6] anteriormente encarnado no primeiro ministro e o goberno, constituíndose en verdadeiro representante do Executivo en relación co parlamento. Segundo a Constitución, o presidente é elixido por sufraxio directo por un período de 5 anos (orixinalmente eran 7 anos). A arbitraxe do presidente asegura o funcionamento regular e o equilibrio dos poderes públicos. O presidente designa o primeiro ministro, quen preside o Gabinete, comanda as forzas armadas e conclúe tratados. O gabinete ou consello de ministros é nomeado polo presidente a proposta do primeiro ministro. Esta organización do goberno coñécese como república semipresidencialista.

A Asemblea Nacional é o principal corpo lexislativo. Os seus 577 deputados son elixidos directamente por un termo de 5 anos e tódolos escanos son renovados en cada elección. A outra cámara é o Senado, cuxos 321 senadores son elixidos por un colexio electoral (é un sufraxio indirecto) e permanecen 9 anos nos seus cargos. Un terzo do senado é renovado cada 3 anos. Os poderes lexislativos do senado son limitados, e a asemblea nacional é quen posúe a palabra final en caso de ocorrer unha disputa entre ámbalas dúas cámaras. O goberno posúe unha forte influencia sobre a axenda parlamentaria. Ademais, existe un Consello Constitucional (9 membros),[7] que garante o control da constitucionalidade das leis e resolve os contenciosos electorais. Son cidadáns franceses tódolos maiores de 18 anos.

Relacións exteriores

[editar | editar a fonte]
Emmanuel Macron, presidente da República dende maio de 2017.

Dende a presidencia do Xeneral Charles de Gaulle (1958-1969), a política exterior de Francia caracterízase por un desexo de independencia, sobre todo fronte ós Estados Unidos,[8] o que deu lugar ó desenvolvemento por Francia das armas nucleares e a retirada de Francia do comando integrado da OTAN entre 1966 e 2009.[8]

A rede de embaixadas de Francia é a terceira a nivel mundial, contando con 156 embaixadas e 97 consulados ó longo dos cinco continentes.[9] Francia axuda ós países en desenvolvemento, especialmente os de África. A asistencia oficial para o desenvolvemento representa un 0,36% do produto nacional bruto de Francia en 2014, sendo máis baixo có do Reino Unido ou Alemaña.[10]

Dereitos humanos

[editar | editar a fonte]

En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Francia firmou ou ratificou:

Francia Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[11]
CESCR CCPR CERD CED CEDAW CAT[12] CRC MWC CRPD
CESCR CESCR-OP[13] CCPR CCPR-OP1 CCPR-OP2-DP CEDAW CEDAW-OP[14] CAT CAT-OP CRC CRC-OP-AC CRC-OP-SC CRPD CRPD-OP[15]
Pertenza Francia recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes Sen información Francia recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes Francia recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes Nin firmado nin ratificado Francia recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes Sen información Firmado e ratificado Firmado e ratificado Firmado e ratificado Sen información Firmado e ratificado Firmado pero non ratificado Firmado pero non ratificado Nin firmado nin ratificado Firmado pero non ratificado Firmado pero non ratificado
Firmado e ratificado, firmado pero non ratificado, nin firmado nin ratificado, sen información, accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes.


Xeografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Xeografía de Francia.
Mapa de Francia, foto de satélite da NASA, agosto 2002.

O territorio de Francia esténdese polos cinco continentes do mundo, polo tanto a xeografía física estúdase separadamente segundo a rexión do mundo na que se atope. O territorio europeo de Francia (Francia metropolítana) atópase no oeste deste continente. A configuración das súas fronteiras xeográficas no continente europeo fixo que se coñeza coma o hexágono.

A Francia metropolitana ten unha gran variedade de paisaxes, entre as chairas costeiras situadas no norte e o oeste e as cadeas montañosas no sueste -os Alpes- e no sueste -os Pireneos. Os Alpes franceses posúen o punto máis alto de Europa do Oeste, o Mont Blanc, que alcanza os 4.810 m. Existen tamén outras rexións montañosas máis antigas, tales a Córsega, o Macizo Central, o Xura, os Vosges, o Macizo Armoricano e as Ardennes que son bastante rochosas e arboradas. O territorio da metrópole implica os rastros de varios episodios de formación de cadeas de montaña: as cadeas antigas e erosionadas (a cadea herciniana) e as cadeas recentes sempre en formación (Pireneos e Alpes). Estas cadeas recentes son na orixe dunha actividade sísmica significativa.

O subsolo francés permitiu e permite aínda a explotación de diversos minerais: bauxita, carbón, ferro etc.

A rede fluvial de Francia é extensa e está composta principalmente polo río Loira, o río Ródano, que ten a fonte en Suíza, o río Garona, que ten a fonte en España, o río Sena e unha parte dos cursos dos ríos Rin, Mosa, Mosela, Somme.

Francia forma parte dos países desenvolvidos, que disputa con Alemaña e o Reino Unido o liderado económico na Unión Europea, pois é a segunda economía de Europa e a cuarta do mundo (só por detrás dos Estados Unidos, o Xapón e Alemaña). A capital de Francia, París, é unha das cidades máis poboadas do continente, e figura como unha cidade das máis importantes do mundo.

Francia funciona coma un istmo que liga a Península Ibérica ao resto do continente, facendo fronteira coa Bélxica, Luxemburgo, Alemaña, Suíza, Italia, España, Andorra e co Principado de Mónaco. O Eurotúnel liga Francia co Reino Unido, pasando por baixo da canle da Mancha. Por ese túnel circúlase soamente en tren, que leva dun país para o outro mercadorías, turistas e pasaxeiros. Francia é privilexiada por ter tres áreas de litoral: ao oeste o océano Atlántico, ao norte a canle da Mancha e ao sur o mar Mediterráneo.

Divisións administrativas

[editar | editar a fonte]

Francia divídese administrativamente en rexións, departamentos, distritos, cantóns e concellos (ou comunas). Ademais, conta con colectividades, territorios e dependencias. O meirande departamento é a Güiana Francesa, con 91 000 km².[16]

As 27 rexións e os seus correspondentes 101 departamentos son da metrópole ou de ultramar.

Artigo principal: Rexións de Francia.

División territorial metropolitana

[editar | editar a fonte]
  • 13 rexións (en fr. régions): Francia está dividida en 18 rexións, das cales 13 atópanse na metrópole. Aínda que é a división principal, Francia é un estado unitario e as rexións non posúen autonomía lexislativa nin executiva, senón que reciben do estado unha parte consecuente dos impostos nacionais que poden dispoñer e repartir segundo as súas necesidades.
  • 96 departamentos (en fr. départements): son rexidos por un Consello Xeral elixido por seis anos por sufraxio directo. Foron creados en 1790 co fin de que toda persoa puidese dirixirse nunha xornada de cabalo como máximo ós seus representantes. Cada un ten un prefecto.
  • 329 distritos (en fr. arrondissements): cada departamento está dividido en varios distritos, que teñen cada un o seu subprefecto. A súa función é axudar ó prefecto do departamento.
  • 3 879 cantóns: é unha división máis pequena, sobre todo a efectos electorais.
  • 36 571 comunas: equivalente ó concello. Na cidade de París, reciben o nome de arrondissements.
  • Intercomunidades de Francia (en fr. intercommunautés): equivalente a unha Mancomunidade, agrupan dentro dun mesmo departamento a varias comunas.

División territorial de ultramar

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Francia de ultramar.

Seis dependencias son illas francesas dispersas e actualmente deshabitadas: Clipperton, no nordeste do océano Pacífico (administrada dende a Polinesia francesa) e a illa Europa, as illas Gloriosas, Juan de Nova, Tromelin e Bassas da India, no suroeste do océano Índico (administradas por Reunión).

Demografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Demografía de Francia.
Cidades principais de Francia.

A poboación de Francia é estimada de 65,1 millóns de habitantes ao primeiro de xaneiro 2009.[17] As principais cidades francesas segundo a súa poboación son París, Marsella, Lión, Lille, Tolosa, Niza e Nantes.

No ano 2003, o crecemento natural de Francia (excluíndo a inmigración) foi responsable de case todo o crecemento natural da Unión Europea. No ano 2004, o crecemento da poboación foi do 0,68%, un ano máis tarde, no 2005, as taxas de fertilidade e crecemento volveron medrar de novo. O crecemento natural do país galo (nados por riba dos finados) foi de 299.800 en 2006. O número de fillos por muller ascendía a 2,00 en 2007, fronte ao 1,92 de 2004.[1] Aínda así, Francia é un país avellentado: un 18,76 % da poboación ten de 0 a 14 anos, un 60,74 % da poboación ten de 15 a 49 anos e un 20,53 % da poboación ten máis de 60 anos.

No ano 2004, un total de 140.033 persoas elixiron o país galo para emigrar. Deles, 90.250 viñan de África e 13.710 de Europa.[18] No ano 2005, a inmigración baixou lixeiramente ata os 135 890.[19] Francia constitúe un estado etnicamente diverso. Segundo o Instituto Nacional Francés para as Estatísticas e Estudos Económicos, no país moran un 4,9 millóns de inmigrantes estranxeiros, dos cales preto de 2 millóns adquiriron a nacionalidade francesa.[20] Con preto de 50.000 solicitudes no ano 2005 Francia é o principal destino dos refuxiados na Europa Occidental, malia minguaren nun 15% o número de refuxiados respecto ao 2004.[21] A Unión Europea permite a libre circulación de cidadáns entre os estados membros. Mentres o Reino Unido (xunto con Irlanda) non impuxeron restricións, Francia puxo aranceis aos inmigrantes dos novos socios membros da Europa do Leste.

Como moitos países europeos, Francia está sufrindo a despoboación do seu rural. No período 1960-1999 quince departementos rurais experimentaron un descenso da súa poboación. O caso máis extremo é o do departamento de Creuse que perdeu o 24% dos seus veciños.


Listaxe Cidade Departamento Pob. Listaxe Cidade Departamento Pob.

París

Marsella

Lión
1 París París 2.249.975 11 Rennes Ille e Vilaine 208.033
2 Marsella Bocas do Ródano 850.636 12 Le Havre Seine-Maritime 174.156
3 Lión Ródano 491.268 13 Reims Marne 180.752
4 Tolosa Alta Garona 447.340 14 Saint-Étienne Loira 170.049
5 Niza Alpes Marítimos 344.064 15 Toulon Var 163.974
6 Nantes Loira Atlántico 287.845 16 Grenoble Isère 157.424
7 Estrasburgo Baixo Rin 272.222 17 Angers Maine e Loira 148.803
8 Montpellier Hérault 264.538 18 Dijon Côte-d'Or 151.672
9 Bordeos Xironda 239.399 19 Brest Finistère 140.547
10 Lille Nord 227.533 20 Le Mans Sarthe 143.240
Censo 2011

Economía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Economía de Francia.
O forno solar de Odeillo, en Font-Romeu-Odeillo-Via.

Francia é considerado un país do primeiro mundo polo seu nivel de vida (IDH). É a quinta economía mundial en termos nominais, e a nivel europeo colócase por detrás de Alemaña, cun PIB en dólares superior ó do Reino Unido. En 2006, o crecemento económico francés chegou ó 2%, sendo o máis baixo da zona euro e os seus índices de desemprego entre os máis altos.[22]

A economía francesa conta cunha gran base de empresas privadas, pero a intervención estatal nas grandes compañías é superior á doutras economías do seu tamaño. Sectores clave con grandes investimentos en infraestrutursa como as eléctricas, as telecomunicacións ou o sector aeronáutico, historicamente foron dirixidos directa ou indirectamente polo estado, aínda que dende comezos da década de 1990, a participación estatal decaeu.

Os seus sectores son diversas: transporte, telecomunicacións, industrias agro-alimentarias, produtos farmacéuticos, aeronáutica, defensa, tecnoloxía, así como o sector bancario, os seguros, o turismo, e os tradicionais produtos de luxo (marroquinería, prêt-à-porter, perfumes, alcoholes etc.). O PIB por sector: a agricultura (2,7%), industria (24,4%), servizos (72,9%). Por outro lado, a enerxía solar está comezando a ter cada vez maior importancia en Francia.[23] Ten unha industria aeroespacial importante conducida polo consorcio europeo Airbus ademais de ter unha base espacial chamado Centro Espacial de Kourou. En telecomunicacións destaca France Télécom como o principal operador do país.

Sen a produción petrolífera, Francia confiou no desenvolvemento da enerxía nuclear, que agora representa arredor do 78% da produción de electricidade do país. Os residuos radioactivos son almacenados en instalacións de retratamento. En 2006, a produción neta de electricidade ascendeu a 548,8 TWH, dos cales:[24]

  1. 428,7 TWh (78,1%) foron producidos pola xeración de reactores nucleares.
  2. 60,9 TWh (11,1%) foron producidos pola xeración das centrais hidroeléctricas.
  3. 52,4 TWh (9,5%) foron producidos pola xeración das centrais termoeléctricas.
  4. 6,9 TWh (1,3%) foron producidos pola xeración doutros tipos como os aeroxeradores.

Sector primario

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sector primario de Francia
O cultivo de cereais tivo unha facturación de 10 mil millóns de euros en 2000.

As principais actividades do sector primario son a agricultura, a pesca, a explotación forestal, a explotación mineira e a gandería.

Cun 23% da produción agrícola europea (1999), Francia é o principal produtor agrícola da Unión Europea.[25] Os seus principais competidores son Italia (15,4%) e Alemaña (15,2%). Os produtos máis importantes do sector agrícola galo son os cereais (millo e trigo), o azucre, o viño, os produtos lácteos, as froitas, os legumes e os produtos de carnes.

En termos de produción, o gando, con 11,9 mil millóns de euros en valor no ano 2000, atópase á cabeza en canto a ganancias, por diante dos cereais (10 000 millóns para 66 millóns de toneladas) e o viño (8,9 mil millóns de euros). Con 22,6 mil millóns de litros en 2000, a produción leiteira de Francia, malia recuar fronte as cifras do ano 1990, representa unha quinta parte do total europeo. A produción agrícola tamén se atopa detrás dun importante sector de industrias de procesamento de alimentos que, no ano 1999, abranguía un total de 3.000 empresas que empregaban a 370.000 traballadores, dos cales 122.000 adicábanse á industria dos produtos de carnes.

Malia representar unha pequena porcentaxe do sector primario europeo e mundial, o sector pesqueiro galo captura 643.000 toneladas de peixe (2003), ocupando o 3º posto europeo en número de capturas por detrás de Dinamarca e España. En euros, o país ten un volume de capturas por valor de 1,144 billóns de euros (2003).

A produción de madeira no país ascendía a 36,2 millóns de metros cúbicos no ano 1999. Esta industria abastece de materia a unha importante cadea de industrias que traballan coa madeira ou os seus derivados (papel, cartón, artigos de madeira etc.), e que emprega a uns 100.000 traballadores no país. En Francia, os bosques ocupan 147.000 quilómetros cadrados, ocupando aproximadamente o 27% do territorio nacional (2003).

Sector secundario

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sector secundario de Francia

No ano 2006, o sector secundario representaba o 20,6% do PIB francés e ocupaba ao 24,4% da poboación activa.[26] O país galo é unha das meirandes potencias industriais do mundo. En diversos eidos, varios grupos franceses ocupan o primeiro posto fronte aos seus competidores estranxeiros. Este é o caso de L'Oreal ou Michelin.

As ramas que aspiran aos números máis grandes de empregados son as industrias da mecánica, da electricidade e da electrónica (o 25% en 1998), o traballo dos metais (11,7%) e a madeira - papel-imprenta- editoriais (10,2%). Tamén, o automóbil ocupa unha praza particular cuxa produción anual, da orde de 5 millóns de vehículos, é asegurada por uns 300.000 asalariados de grandes grupos (Peugeot-Citroën, Renault).

A industria nuclear francesa constitúe, hoxe en día, un dos sectores líderes da economía do país, e un dos piares da súa política enerxética. Francia é o segundo produtor de enerxía nuclear tralos Estados Unidos. Con 58 reactores nucleares, explotados por EDF, Francia posúe o segundo maior número de centrais trala potencia americana; en canto á participación da enerxía nuclear sobre o total da enerxía producida, cun 79%, Francia ocupa o primeiro posto a nivel mundial.

O emprego da enerxía nuclear contribuíu de xeito constante a minguar a factura enerxética de Francia. Deste xeito a taxa de independencia enerxética do país medrou fortemente: do 26% en 1973, pasou ao 50% a finais dos 80. A enerxía nuclear tamén permitiu a Francia minguar a taxa de emisións que contribúen ao efecto invernadoiro. Francia ten deste xeito unha das menores taxas de emisión de CO2 dos países da OCDE. Así, Francia posúe unha taxa de emisión de gases de efecto invernadoiro per cápita de máis dun 21% por baixo da media europea, e dun 30 a 40% menor cós seus países veciños.

Sector terciario

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sector terciario de Francia
No ano 2005 a enerxía nuclear produciu o 79% da electricidade francesa.

O sector terciario posúe un lugar preponderante na economía francesa ao igual que na maioría dos grandes países industrializados. O sector emprega ao 71,5% da poboación activa, ou o que é o mesmo, a máis de 16 millóns de franceses.[27] Este constitúe o sector que contribúe dun xeito maior ao crecemento de Francia.[28]

Con 79,1 millóns de turistas estranxeiros no ano 2006,[29] Francia ocupa o primeiro posto na listaxe dos principais destinos turísticos mundiais por diante de España (55,6 millóns no 2005) e dos Estados Unidos (49,4 millóns no 2005). Os principais atractivos de interese turístico de Francia son as súas cidades, as praias e destinos costeiros, os resorts de esquí, e rexións rurais. Francia tamén atrae cada ano millóns de peregrinos que se achegan ao santuario relixioso de Lourdes.

Particularidades do sistema económico

[editar | editar a fonte]

A súa organización é do tipo capitalista, cunha intervención estatal forte ("neo-mercantilismo") desde a fin da segunda guerra mundial, ata tal punto que a miúdo se fala de "capitalismo á francesa":

  • No tocante ao "sistema produtivo", Francia é o cuarto exportador mundial (sumando todos os produtos), malia unha debilidade inherente, xa que non controla o sistema produtivo.
  • A economía francesa é principalmente unha economía de servizos, sendo nisto o segundo exportador mundial (é o primeiro destino turístico mundial con máis de 60 millóns de visitantes ao ano). O sector terciario ocupa ó 72% da poboación activa.
  • Pero é sobre todo ao nivel do "sistema de distribución" no que Francia destaca: a gran distribución en Francia ten un peso moi forte no circuíto económico, iso vese cos grandes distribuidores que dominan en parte, polo aval, o sistema de produción (particularidade de Francia, os grandes distribuidores poden, en certa medida, fixar os prezos dos produtores).
  • Francia é o segundo exportador mundial para os produtos agroalimentarios, detrás dos Estados Unidos. O sector primario (agricultura, pesca) non representa máis que o 4% da poboación activa.
  • Francia tamén puido constituír campións industriais internacionais, que están bastante esparexidos. Francia fabrica así os trens comerciais máis rápidos do mundo, dispón dunha industria automobilística poderosa (Peugeot-Citroën, Renault, Michelin), constituíu o primeiro grupo mundial de construción de centrais nucleares, coopera cos grupos aeronáuticos e aerospaciais Airbus, Eurocopter, Ariane, Safran; acolle o grupo independente de aeronáutica militar Dassault, grupos farmacéuticos mundialmente reputados (Sanofi Aventis grupo industrial ,[30] Institut Pasteur[31] fundación privada sen ánimo de lucro), algúns dos primeiros grupos mundiais da industria agroalimentaria, apoiándose na potencia da súa agricultura e a excelencia da súa gastronomía, e da industria do luxo, desenvolve unha industria de obras públicas e construción moi poderosa (Bouygues, Eiffage, Vinci), unha industria cinematográfica de calidade etc. O sector secundario representa o 24% da poboación activa.

Transportes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Transportes en Francia.
Aeroportos de Francia.

A rede de ferrocarrís de Francia, cos seus 31 840 quilómetros, é a máis extensa da Europa Occidental. A rede é operada por SNCF. Entre os trens de alta velocidade que circulan polo país galo, atópanse o Thalys, o Eurostar e o TGV, que viaxa a unha velocidade de 320 km/h. O Eurostar, xunto co Eurotunnel Shuttle, conecta o país co veciño Reino Unido a través do Eurotúnel. A rede de ferrocarrís gala conecta ao país con tódolos seus veciños estranxeiros, agás Andorra.

O transporte urbano nas cidades atópase tamén altamente desenvolvido, existindo metros e tranvías nas cidades principais, complementados cos servizos de autobús. En Francia existen 893 300 quilómetros de vías de servizo. A rexión de París é a mellor comunicada do país estando conectada virtualmente por medio de estrada e autoestradas con tódalas vilas principais. As vías de transporte francesa son percorridas cada ano por milleiros de visitantes estranxeiros que proveñen das veciñas Bélxica, España, Andorra, Mónaco, Suíza, Alemaña e Italia.

En Francia, o mercado dos automóbiles de nova adquisición está dominado por marcas nacionais como Renault (27% dos automóbiles vendidos no ano 2003), Peugeot (20,1%) e Citroën (13,5%).[32]

Existen aproximadamente 478 aeroportos en Francia, incluíndo aeródromos e pistas de aterraxe. O Aeroporto internacional Charles de Gaulle (Aéroport Paris-Charles-de-Gaulle) constitúe o maior aeroporto do país en tamaño e número de pasaxeiros, 59 922 177 pasaxeiros no 2007. Este atópase nos arrabaldes de París e conecta a capital coas principais cidades e destinos de Europa e do mundo. O segundo aeroporto francés, tamén na rexión parisiense é Orly (Aéroport d'Orly) con 26 millóns no 2007. Os tres que seguen atópanse fóra da rexión parisiense: Nice-Côte d'Azur con 10,3 millóns, Lyon-Saint-Exupéry con 7,3 millóns, Marseille Provence con 6.9 millóns en 2007.[33] Air France é a principal aeroliña francesa, malia existiren numerosas aeroliñas privadas.

Existen dez portos de certa importancia, o maior deles é o da cidade de Marsella (Grand port maritime de Marseille dende 2008 e anteriormente Port Autonome de Marseille- PAM) localizado no concello de Fos-sur-Mer. No país galo existen 14 932 quilómetros de vías navegables, entre as que destaca a canle du Midi que conecta o mediterráneo co océano Atlántico a través do río Garona.

Ciencia, tecnoloxía e educación

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Educación en Francia.

En Francia naceron grandes inventores como os Irmáns Montgolfier (inventores do globo aerostático), Joseph Nicéphore Niépce (químico, litógrafo e científico afeccionado que inventou, xunto ao seu irmán, un motor para barcos e, xunto a Louis Daguerre, a fotografía), Clément Ader (inventor do avión, un micrófono e os primeiros perfeccionamentos do teléfono), os irmáns Lumière (inventores do proxector cinematográfico), René Théophile Hyacinthe Laënnec (inventor do estetoscopio), Louis Pasteur (a técnica coñecida como pasteurización) entre outros, cuxas achegas á ciencia foron decisivas na historia da humanidade.

En Francia a educación pública é de balde en tódolos seus niveis, tanto para os estudantes franceses como para os estranxeiros. No ano 2007 os gastos en educación acadaron o 28% do orzamento do Estado.

Artigo principal: Cultura de Francia.

Belas Artes

[editar | editar a fonte]
O cadro Impression, soleil levant de Claude Monet deulle o nome ao movemento impresionista.

As primeiras manifestacións proveñen da arte prehistórica, en estilo franco-cantábrico. A época carolinxia marca o nacemento dunha escola de iluminadores que se prolongará ao longo de toda a Idade Media, culminando nas ilustracións do libro d'As moi ricas horas do duque de Berry. Os pintores clásicos do século XVII francés son Poussin e Lorrain. No século XVIII predomina o rococó, con Watteau, François Boucher e Jean-Honoré Fragonard. A finais de século comeza o clasicismo con Jacques-Louis David coma un dos seus expoñentes. O romanticismo está dominado polas figuras de Théodore Géricault e Eugène Delacroix. A paisaxe realista da Escola de Barbizon ten a súa continuación en artistas dun realismo máis testemuñal sobre a realidade social do seu tempo, como Jean-François Millet e Gustave Courbet. A finais do século XIX, París, convertida en centro da pintura, ve nacer o impresionismo, precedido pola obra de Édouard Manet. A estes seguen Toulouse-Lautrec, Gauguin e Cézanne. Xa no século XX, xorden os fauvistas ao redor de Matisse e o cubismo da man de Georges Braque e o español Pablo Picasso que traballa en París, despois de exiliarse de España. Outros movementos artísticos vanse sucedendo no París de entreguerras, decaendo como centro pictórico mundial logo da Segunda Guerra Mundial.

En Francia a escultura evolucionou desde vello por diversos estilos, sobresaíndo en todos eles: prehistórico, romano, cristián, románico, gótico, renacentista, barroco e rococó, neoclásico (Frédéric Auguste Bartholdi: Estatua da Liberdade), romántico (Auguste Rodin: O pensador), e os contemporáneos.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]
A Catedral de Notre-Dame de París é unha das iconas da capital francesa xunto á Torre Eiffel.

No que se refire á arquitectura, os pobos da idade do bronce deixaron a súa pegada na erección de grandes monólitos ou megálitos, e a presenza grega desde o século VI a. de C. lémbrase hoxe na herdanza clásica de Massalia (Marsella). O estilo romano ten exemplos na Maison Carrée, templo romano edificado entre 138-161 a. de C., ou no Pont du Gard construído entre os anos 40 e 60, en Nîmes, declarado patrimonio universal en 1985. En Francia inventouse o estilo gótico, plasmado en catedrais como as de Chartres, Amiens, Notre-Dame ou Estrasburgo. O renacemento xurdido en Italia, ten o seu estilo arquitectónico representado maxistralmente no Castelo de Blois ou no Palacio de Fontainebleau entre outros. A arte barroca (tamén de orixe italiana) e o rococó (de orixe francesa) teñen obras extraordinarias en Francia. Tal é o caso do Palacio do Louvre e o Panteón de París entre tantos outros. O modernismo ou arte moderna en arquitectura abrangue todo o século XIX e a metade do XX, e nel Gustave Eiffel revolucionou a teoría e práctica arquitectónica do seu tempo na construción de xigantescas pontes e no emprego de materiais coma o aceiro. A súa obra máis famosa é a chamada Torre Eiffel. Outro grande da arquitectura universal é Le Corbusier, un innovador e funcionalista celebrado especialmente polas súas achegas urbanísticas nas edificacións de vivendas e conxuntos habitacionais.

Lingua e literatura

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Lingua francesa e Idiomas de Francia.

A lingua oficial en Francia é o francés, proveniente do franciano, variante lingüística falada na Illa de Francia que a comezos da Idade Media, e ao longo dos séculos, impúxose ao resto de linguas e variantes lingüísticas que se falan en calquera parte do territorio francés. Segundo o artigo nº 2 da constitución francesa, o francés é a única lingua de Francia.

A miúdo, esta imposición do francés foi froito de decisións políticas tomadas ao longo da historia, co obxectivo de crear un estado uniformado lingüisticamente. De feito, o artigo 2 da Constitución francesa de 1958 di textualmente que «La langue de la République est le français» (A lingua da República é o francés).[34]

Literatura

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Literatura de Francia.

A historia da literatura francesa empeza co francés antigo (ancien français) da Idade Media. Un dos Xuramentos de Estrasburgo (842) é o primeiro texto completo coñecido redactado en roman (O roman é unha evolución do latín que se desenvolveu ao principio da Idade Media, coa perda das declinacións e con transformacións morfolóxicas), o "antecesor" do francés. O primeiro texto conservado nesta lingua que se considera hoxe como "literario" é o Séquence ou Cantilène de sainte Eulalie, probablemente escrito entre 881 e 882; é unha simple adaptación en 29 versos dun poema latino a vocación relixiosa e pedagóxica.

A literatura da idade media está composta de:

  • Cantar de xesta
  • A Literatura cortés
  • A Novela cortés
  • A Literatura burguesa

Na poesía da Idade Media distínguese

  • A Poesía cortés
  • A Poesía burguesa

A Literatura francesa do século XVI está marcada polos principios do humanismo: volta aos textos antigos (gregos, latinos e hebreos), desexo de coñecemento, epicureísmo indiscutible, a renovación das formas e dos temas distinguíndose da literatura medieval. A poesía conta con autores importantes como Marot, Jean de Sponde, Agrippa d'Aubigné e os poetas da Pléiade, entre os cales figuran Ronsard e Du Bellay. As novelas máis notables son as de Rabelais e de Margarida de Navarre. Os Ensaios de Montaigne son unha importante obra situada entre a filosofía e a autobiografía.

O século XVII conta dúas grandes correntes literarias , o clasicismo e a literatura barroca. Competidores posto que o clasicismo en literatura imporá cara ao barroco pero tamén complementarios posto que certos autores foron influídos polas dúas correntes á vez (como Corneille). Pero dende o fin do século debúxase en literatura unha corrente de pensamento que anuncia xa a ilustración (con La Bruyère por exemplo).

Ademais Francia foi cerna da ilustración, que se espallou polo continente europeo, sendo os principais escritores Voltaire, Diderot, Rousseau e Montesquieu, coñecidos como os filisofos da ilustración.

A música francesa naceu na Idade Media, co xénero do canto plano gregoriano, chamado organum. Desenvolveuse a continuación elaborada baixo os auspicios da escola de Notre-Dame ou da Ars antiqua co conductus, un canto de procesión. Despois viñeron os trobadores e os troveros que afirmaron máis a independencia da arte lírica cara ao clero. Ás veces, simples artistas invitados nas cortes dos nobres, fixeron a estes melómanos traendo a música aos asuntos (de corazón) humanos polo medio de cancioncillas. Este atragoamento musical suscitou a vocación dos malabaristas, músicos ambulantes que non eran máis que os intérpretes de composicións creados polos precedentes, e que non vacilaban en falar a lingua vulgar.

Se non se pode datar exactamente a aparición da música tradicional ou folclórica posto que é esencialmente de transmisión oral, os instrumentos como a gaita parecen ter unha longa historia no seo dos diversos pobos que forman Francia.

Na música francesa desde antes do ano 1000 destácase o canto gregoriano empregado nas liturxias. En Francia creouse a polifonía. Francia foi o berce dos trobadores no século XII, así como da Ars Nova dous séculos máis tarde. Durante o Romanticismo París converteuse no centro musical do mundo e na actualidade Francia mantén un lugar privilexiado na creación musical grazas a novas xeracións de compositores. Dentro dos expoñentes da música popular francesa, atópanse figuras como Édith Piaf, Dalida, Charles Aznavour e Gilbert Becaud.

Tour de Francia

A mellor participación de Francia nos Xogos Olímpicos foi no ano 1900 en París, cidade que acolleu o certame en dúas ocasións. Á parte a delegación gala nunca baixou dos 10 primeiros lugares sendo unha potencia a nivel deportivo e das olimpíadas.

Os deportes individuais están ben implantados en Francia. Así por exemplo o Tour de Francia, celebrado anualmente no mes de xullo dende 1903, é a competición ciclista máis prestixiosa do calendario profesional. O Torneo de Roland Garros en París é un dos torneos máis cosmopolitas do Grand Slam.[35] No referente ás artes marciais, Francia tamén destaca entre os mellores de Europa dominando ata hoxe no karate, judo e savate (boxeo francés), este último un dos máis difundidos no mundo principalmente nos torneos do Knock Out. En judo destaca como un dos máis importantes na historia do mundo o francés David Douillet con diversas participacións e premios ao longo da súa traxectoria neste deporte.

En canto aos deportes de equipo, a Selección de fútbol de Francia é un dos combinados nacionais máis importantes a nivel mundial. Obtivo o Campionato Mundial de 1998, e no 2006 obtivo o 2° posto grazas á xeración dourada liderada por Zinedine Zidane. Este mesmo conxunto obtivo a Eurocopa 2000 e as Copas Confederacións de 2001 e 2003. Pola súa banda a Selección de rugby de Francia é unha das mellores do mundo sendo a que conta con máis títulos do mesmo xeito que Inglaterra. Tamén a Selección de baloncesto de Francia é igualmente un dos combinados nacionais máis importantes a nivel mundial, coa que obtivo o quinto posto no Campionato mundial de baloncesto de 2006.

Relixión

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Relixión en Francia.
Relixiosidade en Francia
relixión porcentaxe
Cristianismo
  
54%
Irrelixioso
  
31%
Islam
  
4%
Budismo
  
1.2%
Xudaísmo
  
1%
Outras relixións/Non contestan
  
10%

Constitucionalmente, Francia é un estado secular. O laicismo francés carrexa unha separación recíproca entre as igrexas e o estado, sobre a base do postulado de que, para que o estado poida respectar todas as relixións, non debe recoñecer ningunha.

En efecto, dende 1905, as igrexas e o estado están separadas oficialmente, agás en Alsacia-Mosela, que non era francesa no momento da separación. O dereito local en Alsacia-Mosela é un réxime xurídico creado en 1919. Concirne aos departamentos franceses do Alto Rin, do Baixo Rin (rexión Alsacia), e do de Mosela, reagrupados baixo o nome xenérico de Alsacia-Mosela. En materia de relixión, coñece e organiza os cultos católico, luterano, reformado e xudeu. Estes cultos reciben un tratamento financeiro do estado francés.

Por principio pois, en Francia prohibese os censos de carácter relixioso. Non obstante, certa cantidade de estudos e de sondaxes foron levados. A relixión maioritaria é o catolicismo. Influíu amplamente na cultura francesa; cabe citar así que a meirande parte dos días festivos correspóndense coas festas relixiosas católicas, ao igual cá maioría das catedrais e as escolas privadas, das cales 9 sobre 10 son católicas. En xeral, a taxa de práctica relixiosa é relativamente feble e estable.

A comunidade xudía francesa, con 600.000 membros segundo o World Jewish Congress, é a maior de toda Europa. As estimacións sobre o número de musulmáns varían amplamente. Segundo o censo francés do ano 1999, había 3,7 millóns de persoas de fe musulmá (6,3% da poboación total). Na actualidade existen entre 200.000 e 1 millón de inmigrantes ilegais.

En Francia, os días festivos son definidos legalmente polo código de traballo, artigo L 3133-1,[36] sendo a última mudanza feita pola lei n° 2008-67 do 21 de xaneiro de 2008 (Loi n° 2008-67 du 21 janvier 2008).[37] A nivel nacional, cóntase 11 festivos legais, cinco civís e seis da relixión católica.

Festivos
Data Nome en galego Nome local Observacións
1 de xaneiro Aninovo Jour de l'an
abril Luns de Pascua Lundi de Pâques
1 de maio Día internacional dos traballadores Fête du travail
8 de maio Vitoria de 1945 Armistice de 1945 Segunda guerra mundial, non e festivo legal, mais celebrase a vitoria ; tamén se celebra a toma de Orleáns por Xoana de Arco na noite do 7 ao 8 de maio de 1429.
maio Corpus Christi Jeudi de l'Ascension
xuño Luns de Pentecoste. Lundi de Pentecôte Cincuenta días despois da Pascua. O luns de Pentecoste é o día instituído para a xornada de solidariedade cara ás persoas maiores, agás acordo diferente. É dicir que este día festivo legal foi escollido para que se traballe e que a ganancia do traballo se dedique a financiar axuda para os maiores.
14 de xullo Festa nacional Fête nationale Revolución Francesa, 1789: Revolta do Terceiro Estado — Toma da Bastilla. Fête de la Fédération 1790
15 de agosto Asunción Assomption
1 de novembro Tódolos santos Toussaint
11 de novembro Armisticio 1918 Armistice de 1918 Primeira guerra mundial
25 de decembro Nadal Noël
  1. 1,0 1,1 "Insee − Institut national de la statistique et des études économiques". www.insee.fr. Consultado o 2019-02-05. 
  2. "El turismo bate récord". DW.COM (en castelán). Consultado o 2019-02-05. 
  3. "Radiografía de Francia" (en castelán). 2007-04-18. Consultado o 2019-02-05. 
  4. "El explosivo discurso de Chirac". DW.COM (en castelán). Consultado o 2019-02-05. 
  5. do termo franco, nome que daban os francos aos seus dominios, entón situado probablemente na actual Flandres belga.
  6. "La Quinta República rancesa y sus Presidentes". Diario Crítico. Consultado o 29 de xuño de 2017. 
  7. "Consejo constitucional". Consello constitucional. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2017. Consultado o 29 de xuño de 2017. 
  8. 8,0 8,1 Isabelle Lasserre (10 de marzo de 2009). "Quand Mitterrand, déjà, négociait le retour dans l’Otan". lefigaro.fr (en francés). Consultado o 10 de marzo de 2010. .
  9. ministère des Affaires étrangères. "Ambassades et consulats". diplomatie.gouv.fr (en francés). Consultado o 28 de febreiro de 2010. 
  10. OCDE. "Synthèse de l'aide publique au développement en avril 2015" (PDF). oecd.org. Consultado o 24 de decembro de 2015. 
  11. Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos. "Status by country" (en inglés). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013. 
  12. Convención contra la Tortura y Otros Tratos o Penas Crueles, Inhumanos o Degradantes (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 1984. 39/46. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013. 
  13. Protocolo Facultativo del Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales (PDF) (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 2008. A/RES/63/117. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de febreiro de 2014. 
  14. Protocolo Facultativo de la Convención sobre la eliminación de todas las formas de discriminación contra la mujer (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 6 de outubro de 1999. A/54/4. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013. 
  15. Protocolo facultativo de la Convención sobre los derechos de las personas con discapacidad (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 2 de agosto de 2014. 
  16. "Un sistema semipresidencialista". Diario El País. 2007. Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2008. Consultado o 19 de abril de 2008. 
  17. Statistiques de l'INSEE
  18. "Migration Data Hub". migrationpolicy.org (en inglés). Consultado o 2019-02-05. 
  19. "Immigration and the 2007 French Presidential Elections" (PDF). Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  20. "L’Institut national de la statistique et des études économiques". Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  21. "Western Europe: Major developments" (PDF). Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  22. "Radiografía de Francia". BBC 18.04.2007. 2007. Consultado o 16 de abril de 2008. 
  23. "A enerxía solar resucita en Francia". Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2008. Consultado o 14 de decembro de 2018. 
  24. L’Electricité en France en 2006: une analyse statistique, industrie.gouv.fr, Consultado o 6 de outubro de 2008
  25. "Les grands secteurs économiques". Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2015. Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  26. "Europe :: France — The World Factbook - Central Intelligence Agency". www.cia.gov. Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2020. Consultado o 2019-02-27. 
  27. "The World FactBook: Francia". Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2020. Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  28. Ministère des Affaires étrangères (ed.). "Os grandes sectores económicos". Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2015. Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  29. "79 millions d’arrivées de touristes internationaux en 2006" (PDF). web.archive.org. 2007-08-08. Archived from the original on 08 de agosto de 2007. Consultado o 2019-02-05. 
  30. "Sanofi-aventis - Mission". web.archive.org. 2009-01-16. Archived from the original on 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 2019-02-05. 
  31. "Institut Pasteur". web.archive.org. 2009-02-23. Archived from the original on 23 de febreiro de 2009. Consultado o 2019-02-05. 
  32. L'automobile magazine, hors-série 2003/2004 páx. 294.
  33. "Résultats d'activité des aéroports français 2007" (PDF). web.archive.org. 2012-02-29. Archived from the original on 29 de febreiro de 2012. Consultado o 2019-02-05. 
  34. Conseil Constitutionnel (ed.). "Constitution du 4 octobre 1958". Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2008. Consultado o 1 de marzo de 2019. 
  35. "Las huellas en la arcilla francesa" (en castelán). 2005-05-25. Consultado o 2019-02-05. 
  36. "Code du travail - Section 1 : Dispositions générales". www.codes-et-lois.fr (en francés). Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2008. Consultado o 2019-02-05. 
  37. "LOI n° 2008-67 du 21 janvier 2008 ratifiant l'ordonnance n° 2007-329 du 12 mars 2007 relative au code du travail (partie législative)". 21 janvier 2008. Consultado o 2019-02-05. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]