Bandeira de Lituania
Bandeira de Lituania | |
---|---|
Características | |
Uso | |
Proporción | 3:5 |
Adopción | 20 de marzo de 1989 |
Cores | Amarelo Verde Vermello |
A bandeira de Lituania (en lituano: Lietuvos vėliava) está formada por tres franxas horizontais do mesmo tamaño: A superior, de cor amarela, simboliza os campos de trigo; a central, verde, simboliza os bosques, e a inferior, vermella, a cor do sangue dos que morreron loitando pola patria. A relación entre a anchura e a lonxitude da bandeira é de 3:5 (as proporcións foron 1:2 ata o 1 de setembro de 2004). Está documentado o uso por parte do Gran Ducado de Lituania dun estandarte de cor vermella coa figura do "cabaleiro branco" que aparece no escudo durante a Batalla de Grunwald (1410).
Nos traxes tradicionais lituanos prevaleceron combinacións das cores amarelo, verde e branco, nalgunhas ocasións de dúas e noutras de todos eles. O debate sobre a composición da bandeira de Lituania xerouse a finais do século XIX e comezaron a presentarse diversas versións. O deseño actual foi elaborado por unha comisión formada por Jonas Basanavičius, Tadas Daugirdas, Antanas Žmuidzinavičius, que fora designada polo Consello de Lituania (goberno provisional). O 19 de abril de 1918, o Consello de Lituania aprobou o deseño proposto pola comisión. A bandeira empregouse ata 1940, cando Lituania foi anexionada pola Unión Soviética. O 20 de marzo de 1989 volveu ser declarada oficialmente como a bandeira da República de Lituania.
Historia
[editar | editar a fonte]As bandeiras lituanas máis antigas que se coñecen atópanse rexistradas no manuscrito do século XV Banderia Prutenorum, escrito por Jan Długosz. Na batalla de Grünwald en 1410, estaban presentes dúas bandeiras diferentes. A maioría dos corenta rexementos levaban unha bandeira que representaba a un cabaleiro perseguindo a un inimigo non visible. Esta bandeira, coñecida como Vytis, eventualmente chegaría a ser usada como a bandeira lituana de guerra, e de novo en 2004 como a bandeira do Estado. O resto dos rexementos levaban un estandarte mostrando as columnas de Gediminas. Aqueles que portaban a Vytis, tamén coñecida como a Pahonia, eran exércitos do Gran Ducado de Lituania, mentres que os que levaban as columnas de Gediminas eran de familias nobres lituanas. Até o final do século XVIII, cando foron anexionados polo Imperio ruso, o Gran Ducado de Lituania e os Estados de Lituania que o sucederon utilizaron a Vytis como bandeira.
O nacemento do amarelo, verde e vermello ocorreu durante unha campaña doutras repúblicas europeas para cambiar as súas bandeiras. Un exemplo que deu vida á idea dunha bandeira tricolor foi a bandeira de Francia adoptada despois da Revolución francesa. A única bandeira tricolor que tivera Lituania antes da amarela, verde e vermello foi a verde, branca e vermella usada para representar a Lituania Menor.
Non se sabe quen suxeriu orixinalmente o emprego de amarelo, verde e vermello, pero a idea adoita atribuírse aos lituanos exiliados que vivían en Europa ou nos Estados Unidos no século XIX. Este tres colorees eran usados frecuentemente en tecidos folclóricos e en traxes nacionais. Na Grande Asemblea de Vilna de 1905, preferiuse esta bandeira en lugar da Vytis como bandeira da nación lituana. A Vytis, de quen Jonas Basanavičius era un forte partidario, non foi elixida por tres razoes: a primeira foi que o Seimas (o Parlamento lituano) desexaba distanciarse un pouco da bandeira do Gran Ducado de Lituania, que tamén comprendía nacións -hoxe en día independentes- como Belarús e Ucraína. A segunda razón foi a elección da cor vermella polos revolucionarios que apoiaban causas marxistas ou comunistas. E, finalmente, a bandeira coa Vytis era demasiado complicada e non se vía con facilidade.
En 1917, durante a Conferencia de Vilna, tiveron lugar debates sobre a bandeira nacional. Elixíronse dúas cores, verde e vermello, polo seu predominancia na arte folclore. O artista Antanas Žmuidzinavičius decorou o recibidor da conferencia con bandeiras verdes e vermellas. Con todo, o deseño non gustou aos delegados, que o atopaban demasiado escuro e triste. Entón Tadas Daugirdas suxeriu engadir unha delgada franxa amarela (simbolizando o sol nacente) entre o vermello (nubes iluminadas polo sol da mañá) e verde (campos e bosques). Os delegados decidiron, porén, que o tema debería ser tratado por unha comisión especial, composta por Basanavičius, Žmuidzinavičius e Daugirdas. O 19 de abril de 1918 enviaron o resultado ao Consello de Lituania. A bandeira debía ser tricolor (amarelo arriba, verde no centro e vermello abaixo) coa Vytis na esquina superior esquerda ou no centro. O Consello aceptou a proposta, pero a Constitución de 1922 non incluíu ningunha mención ao escudo de armas. Adoptaba a bandeira nacional hoxe usada.
As discusións sobre a bandeira nacional continuaron; os seus opoñentes consideraban o ouro unha cor desaxeitada, dado que a combinación de amarelo, verde e vermello non seguía as regras da heráldica. Con todo, non se realizaron cambios durante o período de entreguerras. Lituania foi anexionada pola Unión Soviética en 1940. Durante a segunda guerra mundial Lituania foi ocupada pola Alemaña Nazi (1941-1945) e tras a derrota nazi volveu formar parte da Unión Soviética. Durante o período de ocupación soviética usáronse dúas bandeiras. A primeira consistía nun fondo vermello con a fouce e o martelo dourados e o texto LIETUVOS TSR (RSS DE LITUANIA) en dourado sobre eles. Esta bandeira foi substituída en 1953 pola última bandeira usada pola República Socialista Soviética de Lituania: un fondo vermello coa fouce e o martelo e unha estrela xunto á hasta e dúas franxas, branca e verde, na parte inferior. Durante 1988, cando o movemento lituano pola independencia foi gañando forza, o Soviet Supremo de Lituania recoñeceu de novo a tricolor como bandeira nacional, definindo formalmente as cores un ano despois, e substituíndo esta bandeira á da Lituania soviética. Tras a independencia da Unión Soviética, a tricolor foi descrita na nova Constitución de Lituania e adoptada en referendo en 1992.
Deseño e simbolismo
[editar | editar a fonte]Aprobada o 26 de xuño de 1991,[1] a Lei da República de Lituania sobre a Bandeira de Estado Lituana rexe o deseño, tamaños e uso da bandeira do estado. A lei foi emendada por última vez o 8 de xullo de 2004, tendo como cambios máis notables o cambio das proporcións da bandeira de 1:2 a 3:5 e a adopción oficial dunha bandeira histórica como bandeira de Estado (gobernamental). A emenda entrou en vigor o 1 de setembro de 2004, tras a súa aprobación polo presidente Valdas Adamkus.
As cores correctas das bandeiras tanto nacional como estatal foron realizados de acordo co sistema de cor Pantone. A proporción tanto da bandeira nacional como da estatal debe ser 3:5, co tamaño estándar situado en 1 metro por 1,7 metros. Poden crearse diferentes tamaños da bandeira, pero a súa cor e proporcións deben coincidir cos especificados na lei.
O amarelo na bandeira simboliza os campos dourados de Lituania, o verde os seus campos verdes e o vermello representa o sangue derramado por Lituania. A cor vermella é descrita en lituano como purpuro, que significa púrpura. Con todo, iso non significa que a cor da bandeira en si mesmo sexa purpura. As cores oficiais Pantone foron publicados en 2004; a lista inferior mostra as cores oficiais e os seus equivalentes.
Sistema | Amarelo | Verde | Vermello (Púrpura) |
---|---|---|---|
Pantone | 15-0955 TP / 1235 c/u | 19-6026 TP / 349 c/u | 19-1664 TP / 180 c/u |
RGB | 253-185-19 | 0-106-68 | 193-39-45 |
CMYK | 0-30-100-0 | 100-55-100-0 | 25-100-100-0 |
Hex. | #FDB913 | #006A44 | #C1272D |
Bandeira estatal (histórica)
[editar | editar a fonte]En 2004, xunto coa lei que autorizaba o cambio das proporcións da bandeira, foi adoptada unha nova bandeira estatal. Esta bandeira mostra o emblema nacional e ten as mesmas proporcións que a antiga bandeira nacional, 3:5. A bandeira estatal, chamada por lei bandeira histórica, foi proposta por Česlovas Juršėnas, viceportavoz do Seimas, e por Edmundas Rimša, presidente da Comisión de Heráldica. Esta bandeira propúxose ao mesmo tempo que o escudo de armas; ambos foron pensados para conmemorar o 750 aniversario da coroación de Mindaugas en 1253. O deseñador da bandeira e do escudo de armas foi Arvydas Každailis.
Historicamente, esta bandeira foi usada durante a batalla de Grunwald, e serviu de bandeira gobernamental da República de Lituania Central entre 1922 e 1939. Foi unha das poucas bandeiras candidatas a bandeira nacional no camiño á independencia lituana. Hai que facer notar tamén que algúns outros países teñen tamén unha bandeira nacional oficial para uso civil e unha bandeira estatal para uso gobernamental. Algúns destes países son Finlandia, Venezuela, Alemaña ou Tailandia.
Segundo a Lei da Bandeira Nacional, a bandeira debe estar permanentemente izada en tres lugares: o Palacio Real de Lituania, o Castelo da illa de Trakai e o museo de guerra Vytautas o Grande en Kaunas. Ademais, debe ser izada:
- O 16 de febreiro: xunto á Casa dos Signatarios, na rúa Pilies, Vilnius
- O 11 de marzo: xunto ao Palacio do Seimas
- O 6 de xullo: xunto ao Palacio Presidencial de Vilnius
- O 15 de xullo: xunto ao Ministerio de Defensa
- O 25 de outubro: xunto ao Edificio do Seimas, o Palacio Presidencial e o número 11 da avenida Gediminas, que alberga o Goberno de Lituania.
Protocolo
[editar | editar a fonte]A bandeira pode ser izada vertical ou horizontalmente en edificios públicos, fogares privados, negocios, barcos, prazas ou durante cerimonias oficiais. Se a bandeira é izada horizontalmente, a franxa amarela debe estar na parte superior; se se iza verticalmente, a franxa amarela debe estar na parte esquerda. Aínda que a bandeira debería izarse desde o amencer até o ocaso, as oficinas gobernamentais lituanas deben izala as 24 horas. As bandeiras deben adecuarse aos estándares legais, e non poden ser ensuciadas nin danadas de forma algunha.
Durante os días de loito, a bandeira pode ser izada de calquera das seguintes formas. O primeiro método, comunmente coñecido como izado a media hasta, dáse cando a bandeira é izada completamente e despois se baixa a un terzo da lonxitude da hasta. O outro método consiste en engadir unha cinta negra á bandeira. A cinta mide dez centímetros de ancho e está suxeita ao mastro de tal forma que as puntas da cinta alcancen a parte inferior da bandeira. Durante o funeral, a bandeira pode ser usada para cubrir os cadaleitos de oficiais de goberno, soldados, signatarios da Declaración de Independencia e persoas designadas polo presidente. Estas bandeiras son máis tarde dobradas e presentadas ao resto de parentes antes do enterro.
Cando a bandeira de Lituania aparece xunto con outras bandeiras, a orde correcta é o seguinte: a bandeira nacional, a bandeira histórica (estatal), bandeiras de estados estranxeiros, a bandeira da Unión Europea, ONGs internacionais, o estandarte presidencial, estandartes militares e gobernamentais, bandeiras dos condados, bandeiras de cidades e calquera outra bandeira. Cando se usan bandeiras estranxeiras xunto á bandeira lituana, as bandeiras son ordenadas de acordo aos nomes dos países en lingua lituana. A única excepción dáse cando o congreso ou reunión dita unha lingua diferente para ser usada nesa ordenación. A bandeira da Unión Europea úsase en Lituania dende que esta entrou na Unión. Aínda que non está mencionada por lei, a bandeira da OTAN pode ser usada en Lituania, dado que o país pertence tamén á devandita organización. Tamén é común izar as bandeiras de Estonia e Letonia en certas ocasións, principalmente durante a celebración da independencia dos tres países bálticos. A Lei da República de Lituania sobre a Bandeira Nacional e Outras Bandeiras rexe as normas, uso, protocolo e fabricación da bandeira nacional e outras usadas no país.
Días da bandeira nacional
[editar | editar a fonte]Segundo o protocolo, a bandeira debe ser izada diariamente, pero é obrigatorio por lei os seguintes días:
Día | Nome | Notas |
---|---|---|
1 de xaneiro | Día da Bandeira | Conmemora o día en que a bandeira foi izada por primeira vez na Torre Gediminas en 1919. |
13 de xaneiro | Día dos Patriotas | En recordo dos feitos de xaneiro de 1991. |
16 de febreiro | Día do Restablecemento do Estado (do Imperio ruso, en 1918) | Ízanse as bandeiras de Letonia e Estonia |
24 de febreiro | Día da Independencia de Estonia | Ízanse as bandeiras de Letonia e Estonia. |
11 de marzo | Día da Restitución da Independencia (da Unión Soviética, en 1990) | Ízanse as bandeiras de Letonia e Estonia. |
29 de marzo | Día da OTAN | En conmemoración da adhesión de Lituania á OTAN en 2003. |
1 de maio | Día da Unión Europea | En honra ao ingreso de Lituania na Unión Europea en 2004. |
9 de maio | Día de Europa | Final da segunda guerra mundial (durante a era soviética Día da Vitoria). |
15 de maio | Día da Proclamación da Asemblea Constituínte | En honra da Seimas de Lituania. |
14 de xuño | Día de Loito e Esperanza | Aniversario das primeiras deportacións masivas de lituanos a Siberia en 1941; leva divisa de loito. |
15 de xuño | Día da Ocupación e Xenocidio | Aniversario da ocupación soviética de Lituania en 1940; leva divisa de loito. |
6 de xullo | Día da Constitución de Lituania en Estado | Conmemora a coroación de Mindaugas, primeiro rei de Lituania, en 1253. |
15 de xullo | Día da batalla de Grunwald | Conmemora a vitoria de lituanos e polacos sobre os cabaleiros teutóns en 1410. |
23 de agosto | Día do Lazo Negro | Aniversario da firma do Pacto Molotov-Ribbentrop en 1939; leva divisa de loito. |
31 de agosto | Día da Liberdade | Aniversario da marcha do Exército Vermello de Lituania en 1993. |
23 de setembro | Día do Xenocidio dos Xudeus Lituanos | Aniversario da destrución do gueto de Vilnius polos nazis en 1943. |
25 de outubro | Día da Constitución | Aniversario da adopción da Constitución Nacional en 1992. |
18 de novembro | Día da Independencia de Letonia | Ízase xunto coas banders de Letonia e Estonia. |
23 de novembro | Día do Soldado Lituano | Aniversario da creación do Exército de Lituania en 1918. |
Outras bandeiras
[editar | editar a fonte]Dende 1992 usase unha insignia naval. A bandeira ten fondo branco cunha cruz azul e a bandeira nacional no cantón. O ancho de cada cruz é 1/7 do total da bandeira, cunha proporción 1:2. Historicamente foi usada polo Club de Iates de Kaunas, pero cunha proporción 2:3. A bandeira de proa consiste nun campo branco con áncora azul cuberta pola insignia naval de Lituania. A insignia está formada polas Columnas de Gediminas en amarelo sobre un disco vermello. A bandeira do mastro foi adoptada pola Armada lituana nos seus buques.
A Seimas asignou oficialmente ao presidente de Lituania un estandarte en 1993. O estandarte é o Escudo Estatal de Lituania centrado sobre un fondo monocolor. Segundo a letra da lei a cor é púrpura, pero na práctica é vermello escuro. A proporción do estandarte é 1:1,2.
Cada provincia de Lituania adoptou unha bandeira seguindo un patrón común: un rectángulo azul con dez cruces de Vytis en ouro, que fan de marco ao elemento central da bandeira, elixido por cada provincia. A maior parte dos deseños do mesmo son adaptacións do escudo de armas da propia provincia.
-
Pavillón de proa
-
Estandarte presidencial
Bandeiras dos condados
[editar | editar a fonte]-
Alytus
-
Kaunas
-
Klaipėda
-
Marijampolė
-
Panevėžys
-
Šiauliai
-
Tauragė
-
Telšiai
-
Utena
-
Vilnius
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Seimas de Lituania Lei da República de Lituania sobre a Bandeira Nacional e Outras Bandeiras, N.º I-1497[Ligazón morta]. Aprobada o 26 de xuño de 1991. Emendada o 8 de xullo de 2004 e o 12 de maio de 2005. Consultado o 14 de decembro de 2006.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lituania en Flags of the World (en inglés)