Saltar ao contido

Cataluña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Comunidade Autónoma de Cataluña»)
Modelo:Xeografía políticaCataluña
Catalunya (ca)
Catalonha (oc) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoEls Segadors (25 de febreiro de 1993) Editar o valor en Wikidata

EpónimoPobo catalán Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 41°50′15″N 1°32′16″L / 41.8375, 1.5378
EstadoEspaña Editar o valor en Wikidata
CapitalBarcelona Editar o valor en Wikidata
Comarca41
Concello947
Provincia4 Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación7.747.709 (2022) Editar o valor en Wikidata (242,91 hab./km²)
Lingua oficiallingua catalá
lingua castelá
lingua occitana Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie31.895 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar Mediterráneo Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoPica d'Estats (3.143,45 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoEstany de Vilacolum (−1,1 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación 988Condados cataláns Editar o valor en Wikidata
Día festivo
Santo padrónXurxo de Capadocia e Nosa Señora de Montserrat Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernoparliamentary system (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGoberno de Cataluña Editar o valor en Wikidata
• Presidente da Generalitat Editar o valor en WikidataSalvador Illa (2024–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoParlamento de Cataluña Circunscrición: 4, (Escano: 135) Editar o valor en Wikidata
Máxima autoridade xudicialTribunal Superior de Xustiza de Cataluña Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal238.308.749 € (2019) Editar o valor en Wikidata
Moedaeuro Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.cat Editar o valor en Wikidata
ISO 3166-2ES-CT Editar o valor en Wikidata
Código NUTSES51 Editar o valor en Wikidata

Páxina webweb.gencat.cat… Editar o valor en Wikidata
BNE: XX450536

Cataluña[1] (/kataˈluɲa/;[2][3] en catalán: Catalunya [kətəˈɫuɲə] ou [kataˈɫuɲa];[4] en castelán: Cataluña [kataˈluɲa]; en aranés: Catalonha [kataˈluɲɑ] ou [kataˈluɲa])[5] é unha comunidade autónoma española, considerada nacionalidade histórica, situada no nordeste da Península Ibérica. Nomeada tradicionalmente Principado de Cataluña, é unha nación, segundo se expresa no seu estatuto de autonomía:

O Parlamento de Cataluña, recollendo o sentimento e a vontade da cidadanía de Cataluña, definiu de forma amplamente maioritaria Cataluña como nación. A Constitución española, no seu artigo segundo, recoñece a realidade nacional de Cataluña como nacionalidade.

Ocupa un territorio duns 32.000 km² que limita ao norte con Francia (Occitania) e Andorra, ao leste co mar Mediterráneo ao longo dunha franxa marítima duns 580 quilómetros, ao sur coa Comunidade Valenciana (Castelló), e ao oeste con Aragón (Zaragoza, Teruel e Huesca). Esta situación estratéxica favoreceu unha relación moi intensa cos territorios da conca mediterránea e coa Europa continental. A capital de Cataluña é a cidade de Barcelona.

No territorio catalán habitan 7.747.709 habitantes (2022) nun total de 946 municipios dos que 63 superan os 20.000 habitantes (nos que vive o 70 por cento da poboación catalá). Dous terzos da poboación vive na Rexión metropolitana de Barcelona. Constitúe un territorio moi denso e altamente industrializado, liderando o sector en España desde o século XIX e a súa economía é a máis importante de entre as comunidades autónomas, ao xerar o 18,7% do PIB español,[7] sendo a cuarta en PIB per cápita, tras o País Vasco, Navarra e a Comunidade de Madrid.

Cataluña foi durante a Idade Media un dos territorios principais da Coroa de Aragón. Co declive da Coroa decaeu Cataluña, que non volveu destacar ata a industrialización. A súa historia e a súa lingua son moi valoradas polos seus habitantes e para moitos son a base da súa identidade colectiva.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Mapa dos usos do solo en Cataluña segundo datos de 2002.
     Terras de labranza      Augas continentais      Terras improdutivas      Núcleos urbanos, industrias e estradas      Fragas e prados
Montserrat.

Cataluña ten unha diversidade xeográfica relativamente moi marcada, tendo en conta o relativamente pequeno do seu territorio. A xeografía está condicionada polo litoral mediterráneo ao leste, con 580 quilómetros de costa, e as grandes unidades de relevo dos Pireneos ao norte. As coordenadas dos seus extremos son 3º 19' 59,94'' de lonxitude leste para o extremo oriental, 0º 9' 41,69'' de lonxitude leste para o extremo occidental, 42º 51' 45,97'' de latitude norte para o extremo setentrional e 40º 31' 27,56'' de latitude norte para o extremo meridional.

Aproximadamente o 28,7% do chan catalán está adicado aos cultivos, o 15,7% son prados e pastos, 1% corresponde a ríos, o 43,4% a fragas, o 6,7% a áreas urbanas e de urbanización e o 4,6% restante a outras actividades non especificadas.[8]

Topografía

[editar | editar a fonte]
Baixo Ebro
Pla de Bages, na Depresión Central

O relevo catalán presenta, a grandes trazas, tres unidades estruturais xerais:

Son unha formación montañosa que conecta a Península Ibérica co territorio continental europeo, situados ao norte de Cataluña. Os Pireneos cataláns representan case a metade, en lonxitude, de todo o Pireneo español, posto que se estende por máis de 200 km.

Tradicionalmente diferenciouse o Pireneo Axial, o principal do Prepireneo (meridional ao territorio catalán) e que son formacións montañosas paralelas ás cordilleiras principais pero con altitudes menores, menos escarpadas e dunha formación xeolóxica diferente. Ambas as unidades son máis anchas no occidente, ao contrario do oriente, onde se presentan os picos máis elevados. A elevación máis alta de Cataluña, que se atopa ao norte da comarca de Pallars Sobirà, é a Pica d'Estats con 3.143 m, seguida do Puigpedrós (2.914 m) e o Puigmal (2.910 m), os dous na fronteira con Francia. No Prepireneo destacan varias cordilleiras como a serra do Cadí ou a de Pedraforca.

Son unha alternancia de elevacións e chairas paralelas á costa mediterránea. Este Sistema Mediterráneo ten a súa base en dúas cordilleiras máis ou menos paralelas á costa, nunha orientación noroeste-suroeste. Estas dúas cordilleiras son a Cordilleira Litoral (Serralada Litoral) e a Cordilleira Prelitoral (Serralada Prelitoral). A Litoral é de menor extensión e con altitudes menores, mentres que a Cordilleira Prelitoral é maior tanto en extensión como en altitude. Dentro o sistema atópase unha serie de terras chairas, as entidades maiores das cales forman a Depresión Litoral e a Depresión Prelitoral.

É unha chaira que configura o sector oriental do Val do Ebro, entre os Pireneos e a Cordilleira Litoral, ocupando este territorio as comarcas do sur da provincia de Lleida e as centrais da de Barcelona. As terras da Depresión sitúanse entre os 200 e os 600 m de altitude. As chairas e as augas que descenden dos Pireneos fixeron que o territorio sexa fértil para campos de cultivo, construíndose numerosas canles de irrigación.

Hidrografía

[editar | editar a fonte]
O río Llobregat en Olesa de Montserrat.
O río Ter en Sant Quirze de Besora.
O río Segre na cidade de Lleida.

Case a totalidade de Cataluña pertence á conca mediterránea. A rede hidrográfica catalá está integrada por dúas concas hidrográficas importantes, a do Ebro (Ebre) e as concas internas de Cataluña, todas desaugando ao Mediterráneo. Ademais, hai unha conca, a do Garona, que desemboca no océano Atlántico en territorio francés, mais só abarca o 1,73% do territorio.

A rede hidrográfica pódese dividir en dous sectores, un de vertente occidental ou do Ebro e un de vertente oriental formato por ríos menores que desembocan ao Mediterráneo ao longo do litoral catalán. O primeiro achega unha media de 18.700 hm3/ano, mentres que o segundo só achega unha media de 2.020 hm3/ano. A diferenza é debida á grande achega do Ebro, do cal o Segre é un importante afluente.

A conca do Ebro en Cataluña sérvese principalmente do río Segre como maior tributario, cuxa conca en solitario alcanza os 7.455 km², e ao que se lle suman como afluentes as concas da Noguera Pallaresa (2.811 km²) e Noguera Ribagorçana (1.013 km²). Todos os ríos seguen un eixo Pireneos-Ebro. Tras a afluencia do Segre, o Ebro diríxese cara ao Delta irrigando mediante outros afluentes un territorio de 3.757 km², en boa medida situado na área das Terres de l'Ebre.

As concas internas de Cataluña divídense habitualmente a partir daqueles ríos que nacen nos Pireneos e aqueles que o fan nas Cordilleiras Costeiras Catalás. As concas que conforman o eixo Pireneos-Mediterráneo confórmanas os ríos Llobregat, Ter, Fluvià, Muga e Tec (que discorre cara ao Rosellón). Estas concas discorren por unha área de 9.622 km². As concas restantes, seguindo o chamado eixo Mediterráneo, nacen tanto na Cordilleira Litoral, Prelitoral como na Chaira do Empordà e regan as súas augas por 6.890 km². Os ríos máis importantes son (de norte a sur) o Daró, a Tordera, o Besòs, o Foix, o Gaià, o Francolí e a Sénia.

A menor das concas catalás, a do río Garona, discorre maioritariamente polo Val de Arán. Recibe augas de numerosos ríos e barrancos que baixan polas ladeiras das montañas do val, e dentro do territorio catalán os seus afluentes máis longos son o Arriu Unhòla e o Arriu de Varradòs.

Cataluña ten ademais unha relativa riqueza de augas subterráneas que, aínda con certa desigualdade entre algunhas comarcas, abranguen toda a estrutura xeolóxica do territorio.[9] Nos Pireneos cataláns hai tamén moitas lagoas pequenas, restos da época glaciar, sendo o maior o estany de Banyoles.

Golfo de Roses.
Cidade de Sitges coas súas praias

A costa catalá abrangue unha liña xeneralizada de máis de 500 km de lonxitude, aínda que en definición alcanza os 826,5 km[10]. A costa tende a ser rectilínea sen grandes accidentes, sendo o máis salientábel o que producen os Pireneos en contacto mar, formando o cabo de Creus, xunto ao cal se acha o golfo de Roses.

Posteriormente e até Blanes aparece a Costa Brava, caracterizada por cantís de pequena altura e calas agochadas, seguindo logo unha longa liña de praias do Maresme, en paralelo á Cordilleira Litoral, só cortada por algúns portos comerciais e pesqueiros. A costa de Barcelona caracterízase por praias artificiais e un gran porto comercial que se estende ao longo de máis de nove quilómetros. A parte sur do porto desenvolveuse sobre a chaira do delta do Llobregat, que tras o porto debuxa unha liña suave costa de algo máis de 18 km.

Despois é o macizo do Garraf quen articula as costas en destacábeis cantís que, até despois de Sitges, non volven a ser rectilíneas e orientadas cara ao sur, até chegar á altura do porto de Tarragona, o segundo maior porto de Cataluña con máis de 5 km de longo, e finalmente ao cabo de Salou. As praias desta zona toman o nome de Costa Daurada na súa vertente turística.

Cara ao sur a costa é de novo suave, caracterizada por unha menor ocupación humana. O último grande accidente xeográfico determínao o golfo de Sant Jordi e as terras baixas do delta do Ebro, onde se achan illas e penínsulas, como as da Punta del Falgar ao norte e La Banya ao sur, que queda unida ao delta pola praia do Trabucador. A area das praias catalás é xeralmente dourada, e con certa tendencia a ser granulosa ao norte e máis fina ao sur.

Pireneos cataláns, onde se teñen acadado temperaturas mínimas históricas de máis de -30 °C

Cataluña goza dun clima mediterráneo, aínda que con grandes variacións de temperatura entre o litoral costeiro, cun clima suave, amornado no inverno e moi caloroso no verán; o interior que ten un clima continental mediterráneo, con invernos fríos e veráns moi calorosos; e as zonas montañosas próximas aos Pireneos, que teñen un clima de alta montaña, con mínimas baixo cero e neve abundante no inverno, precipitacións anuais por encima de 1.000 mm e veráns menos calorosos. A conca do Garona, no Val de Arán, ten un clima atlántico.

As temperaturas medias anuais oscilan dende os 0 °C nos Pireneos, até os 17 °C da costa do sur, chegando as temperaturas máximas até os 43 °C (nas Garrigues) e as mínimas aos -30 °C (nos Pireneos).[11] As temperaturas extremas históricas rexistradas en Cataluña foron de 43 °C en Lleida e Igualada en xullo de 1982 e Montblanc en xullo de 1984, e de -32 °C no estany Gento, a 2.030 m de altitude, en febreiro de 1956. As precipitacións medias anuais oscilan entre os 350 litros do Segrià e os 1.200 da alta Garrotxa.

A humidade relativa media anual atópase en xeral en todo o territorio entre o 70% e o 75%. No litoral é bastante homoxénea durante todo o ano, mentres que no verán é mínima e no inverno acada o seu máximo, especialmente acusado nos lugares onde hai habitualmente néboas. O vento dominante en Cataluña, como en xeral no resto de Europa, é de poñente. Non obstante, tanto no norte como no sur dominan os ventos de compoñente norte: a tramuntana (do norte) especialmente no Alt Empordà e o mestral (do nordés) no sur. En canto a insolación, Cataluña ten unha media que oscila entre as 2.000 e 2.600 horas anuais.

Espazos naturais

[editar | editar a fonte]
Fraga no Parque Natural do Montseny durante o outono

A protección do medio natural catalán medrou rapidamente durante os últimos anos. No ano 2006 o territorio terrestre protexido ascendía a 9.608 km², practicamente o 30% de Cataluña. Os espazos difiren en grao de protección; neste sentido, o parque con maior rango e antigüidade constitúeo o único Parque nacional en territorio catalán, o Parque Nacional de Aigüestortes i Estany de Sant Maurici, inaugurado en 1955. Con todo, xa dende 1932 pretendíase protexer algúns espazos do Pireneo no chamado Plan Macià.[12] Até despois da restauración democrática e o goberno catalán non volveu a lexislar para protexer espazos naturais. Porén, actualmente son varias administracións (o Ministerio de Medio Ambiente, a Generalitat de Cataluña e a Deputación de Barcelona, xunto a varios consorcios de municipios) as que se encargan de velar, protexer e promover os espazos protexidos. A Generalitat ademais de xestionar o Parque de Aigüestortes, xestiona unha rede de once parques naturais, tres Paratges Naturals d'Interès Nacional, unha reserva natural (Delta do Llobregat) e unha reserva mariña (Illas Medes).

Delta do Ebro

Pola súa banda, a Deputación de Barcelona dispón dunha Rede de Parques Naturais (Xarxa de Parcs Naturals) dirixida pola Área de Espazos Naturais da Deputación que estende os espazos protexidos por doce parques de diferente grao de protección, algúns xestionados xunto á Generalitat. Ademais deses parques, existe unha rede máis extensa de espazos específicos protexidos mediante leis menos específicas cuxo obxectivo é axuntar a diversidade do territorio catalán e a súa flora e fauna local. Esta rede, chamada PEIN (Pla d'Espais d'Interès Natural) incorpora ademais os parques naturais e nacionais antes mencionados que si contan cunha lexislación específica. A abril de 2007, os espazos incluídos no PEIN ascendían a 165.

Artigo principal: Historia de Cataluña.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A día de hoxe a etimoloxía de Cataluña permanece incerta, aínda que teñen xurdido varias posibilidades e diferentes teorías. O topónimo como tal non aparece en forma escrita até 1117[13], no poema pisano LIBER MAIOLICHINUS DE GESTIS PISANORUM ILLUSTRATIBUS, de Laurentius Veronensis.[14] Nese texto, descríbense as xestas que os pisanos realizan cos cataláns para abordar a conquista de Mallorca, aparecendo varias referencias ao conde Ramon Berenguer III (Dux Catalanensis, Reitor Catalanicus hostes, Catalanicus heros, Christicolas Catalanensesque) así como referencias étnicas como catalanenses ou catalanensis e ao territorio destes, Catalania.

A primeira vez que aparece en catalán é no Llibre dels fets de Xaime I, xa a finais do século XIII. Con todo, a razón deste nome non está clara. Algúns postulan que a palabra procede de Gotholandia (país dos godos) a través de Gothia ou Gotia que era como os francos denominaban tamén a Marca Hispánica, debido á presenza de poboación visigoda en Septimania e ao norte da actual Cataluña tras a caída do reino visigodo, aínda que a transformación fonética é discutible. De igual modo, suxírese Gothoalania (país de godos e alanos) a pesar de non haber referencias deste segundo pobo en territorio catalán.

O historiador medieval Pere Tomic suxire a existencia cara ao século VIII dun cabaleiro alemán chamado Otger Cathaló, ao que polas súas xestas de conquista, Carlomagno dedicou o seu nome ás terras do sur dos Pireneos. Outra proposta suxire que polas necesidades defensivas da Marca levantáronse moitas fortificacións. Os seus gardas eran os casteláns que no baixo latín medieval tomaría o nome de castlanus de cuxa voz xorden as formas catalás castlà, catlà e carlà.[15] Deste xeito, os estranxeiros que pasaban polas súas terras comezarían a nomear así aos habitantes e o seu territorio, polo que Cataluña significaría "terra de castelos".[16]

Con todo, esta explicación tamén se desestimou por dificultades fonéticas. Autores modernos como Ronjat (Grammaire historique des parlers provençaux modernes) e Grammont (Sur la métathèse) defenden que o topónimo procede dunha alteración da latina referida aos lacetáns. A transformación daríase por metátese entre a -l e a -c: lacetanos > catelanos > catelans.[17] Este proceso debeu darse entre as capas populares e en tempos remotos, previos a calquera influencia erudita. Actualmente, esta etimoloxía e a referida aos godos son as máis estendidas.

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]
Anfiteatro romano de Tarragona.

Ao igual que outras partes do resto da zona mediterráneo da Península Ibérica, Cataluña foi colonizada polos antigos gregos, que se asentaron ao redor da área de Roses en Xirona. Tanto gregos como cartaxineses, converténdose máis tarde, xunto co resto da península da Hispania, nunha parte do Imperio Romano, sendo Tarragona un dos principais postos romanos.

Seguidamente chegarían os visigodos, cun imperio que durou catro séculos despois da caída de Roma, até que no século VIII os mouros do Al-Andalus tomaron o control. Porén, despois da derrota das tropas do Emir Abdul Rahman Al Ghafiqi en Tours no 732, os francos reconquistaron os estados que foran capturados polos musulmáns. Máis tarde Carlomagno creou no 795 o que se coñeceu como a Marca Hispánica, unha zona máis aló da provincia de Septimania composta por pequenos reinos separados administrativamente, como fronteira entre os musulmáns de Al-Andalus e o Imperio Carolinxio.

Idade Media

[editar | editar a fonte]
Marca Hispánica
Cortes Catalás

A cultura catalá comezouse a desenvolver na Idade Media, derívanse dunha serie de pequenos reinos organizados en pequenos municipios en todo o norte de Cataluña. Os Condes de Barcelona eran vasalos dos francos nomeados polo Rei de Francia, dos que eran feudatarios (801-987).

En 987 o conde de Barcelona, non recoñece ao rei francés Hugo I e a súa nova dinastía, declarando dous anos máis tarde Cataluña a súa independencia. Máis tarde, en 1137, Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona, casou coa Raíña Petronila de Aragón, estabelecendo a unión dinástica da Provincia de Barcelona co Reino de Aragón, o que supuxo a creación da Coroa de Aragón.

Porén, non foi até 1258, por medio do Tratado de Corbeil, cando o rei de Francia renunciou formalmente o seu señorío feudal nos condados do Principado de Cataluña en favor do rei de Aragón Xames I, descendente de Ramón Berenguer IV. Este tratado transformou a independencia de facto do país nunha transición directa de iure entre os dominios franceses e aragoneses, resolvendo unha incongruencia histórica. Como parte da Coroa de Aragón, Cataluña converteuse nunha gran potencia marítima, axudando a expandir a Coroa e conquistando o Reino de Valencia, as Illas Baleares, e mesmo Sardeña e Sicilia.

En 1410, o Rei Martiño I morreu sen descendentes. Como resultado diso, Fernando de Antequera da casa castelá de Trastámara, recibiu a Coroa de Aragón como Fernando I de Aragón. O seu neto, o Rei Fernando II de Aragón casou coa raíña Isabel I de Castela en 1469, o que posteriormente, isto é visto como o inicio do Reino de España. Nese momento tanto Castela como Aragón mantiveron os seus distintos territorios cada un conservando as súas propias institucións, parlamentos e leis. Mais o poder político comezou a pasar pouco a pouco de Aragón cara a Castela e, posteriormente, de Castela á Imperio Español.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

Durante un período prolongado, Cataluña, como parte da antiga Coroa de Aragón, seguiu a conservar as súas propias costumes e leis, mais fóronse erosionando pouco a pouco no curso da transición do feudalismo a un estado moderno, alimentado polas loitas entre os reis por ter uns territorios máis centralizados. Durante os próximos séculos, Cataluña estivo en xeral no bando perdedor dunha serie de conflitos locais que conduciu de maneira constante a unha maior centralización do poder en España. A finais do século XVII, tivo lugar en Cataluña a guerra dos Segadores.

O conflito máis importante foi a guerra de sucesión española, que se iniciou cando Carlos II de España (o último español Habsburgo), morreu sen sucesor en 1700. Cataluña, como os demais territorios que formaban parte da Coroa de Aragón na Idade Media, alzáronse en apoio do pretendente á sucesión da mesma casa Carlos VI do Sacro Imperio Romano, mentres que gran parte do resto de España adheriuse á Filipe V de Borbón. Debido á caída de Barcelona o 11 de setembro de 1714, a "situación especial" dos territorios pertencentes á antiga Coroa de Aragón e as súas institucións foron abolidas polos Decretos de Nova Planta, en virtude do cal todas as súas terras foron incorporadas como provincias nun país unido baixo administración dun goberno centralizado baixo a casa de Borbón.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]
Barcelona, capital de Cataluña

Na segunda metade do século XIX, Cataluña converteuse nun centro industrial e até hoxe segue sendo unha das partes máis industrializadas da Península Ibérica. No primeiro terzo do século XX, Cataluña gañou e perdeu diversos graos de autonomía en varias ocasións, aprobando o seu primeiro estatuto de autonomía durante a Segunda República española en 1931. Este período caracterizouse pola inestabilidade até chegar á guerra civil en 1936, o que levou o xeneral Francisco Franco ao poder, suprimindo calquera tipo de actividade pública relacionada co nacionalismo catalán, anarquismo, socialismo, democracia ou comunismo, chegando á prohibición da publicación de libros sobre o tema ou simplemente falar diso en reunións públicas, e como parte desta represión tamén se prohibio o uso do catalán no goberno, nas institucións así como nos actos públicos.

Despois da morte de Franco en 1975 e coa aprobación da constitución de 1978, Cataluña recupera a súa autonomía política e cultural, sendo hoxe en día, unha das rexións economicamente máis dinámicas de Europa. A súa capital e cidade maior é Barcelona, que hoxe é un importante centro cultural internacional e un importante destino turístico.

O proceso de independencia de Cataluña

[editar | editar a fonte]

Desde outubro de 2017 a condición política da rexión é obxecto dunha disputa entre o Parlamento de Cataluña, que o 27 de outubro de 2017 proclamou de xeito unilateral a República Catalá,[18][19] e o Reino de España, que a considera unha comunidade autónoma.

Administración e política

[editar | editar a fonte]
Fachada do Parlament de Catalunya

Generalitat de Cataluña

[editar | editar a fonte]
Palau de la Generalitat
Mosso d'Esquadra co uniforme da gala

A comunidade autónoma de Cataluña exerce o seu autogoberno que a constitución española lle garante como nacionalidade. A norma institucional básica de Cataluña é o Estatut d'Autonomia (Estatuto de Autonomía). De acordo con este, o autogoberno de Cataluña organízase politicamente na Generalitat de Cataluña, que está formada por diversas institucións de goberno, entre elas:[20]

  • O Parlament de Catalunya (Parlamento) é a ferramenta lexislativa de Cataluña. E onde se realiza o debate político e se controla e impulsa a acción política e de goberno. Entre as súas potestades, o Parlament aproba os orzamentos da Generalitat. Está constituído por un mínimo de 100 deputados e un máximo de 150 (actualmente 135), elixidos por representación proporcional coas listas de partidos pechadas, por un período de catro anos.
  • A Presidència de la Generalitat (Presidencia), encabezada polo President (Presidente). O President é a máis alta representación da Generalitat e á vez do Estado español en Cataluña. A súa función é dirixir as accións do Govern; xa que logo, é o representante do poder executivo de Cataluña.
  • O Govern (Goberno) ou Consell Executiu (Consello Executivo), é o órgano superior colexiado que dirixe a acción política e a administración da Generalitat. O Govern está presidido polo presidente da Generalitat, o Primer conseller e os outros consellers. De acordo con isto, as competencias principais do Goberno son no ámbito da educación, a sanidade e a cultura. O financiamento da Generalitat está regulado pola Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas e polo Estatut d'Autonomia.

Ademais destas institucións, as outras institucións da Generalitat son todas as que crea o Parlamento mesmo. Como órganos de garantía e control, na actualidade forman parte da Generalitat:

  • O Síndic de Greuges (Valedor do Pobo), que garante os dereitos e as liberdades dos cidadáns.
  • A Sindicatura de Comptes (Sindicatura de Contas) que controla as contas económicas das institucións públicas de Cataluña.
  • O Consell de Garanties Estatutàries (Consello de Garantías Estatutarias), que vela pola adecuación do Estatut e a Constitución do Estado español ás disposicións da Generalitat.

O poder xudicial de Cataluña recae sobre o Tribunal Superior de Justícia (Tribunal Superior de Xustiza), o órgano xurisdicional supremo de Cataluña, segundo o Estatuto de 2006. As competencias do Tribunal Superior de Justícia inclúen coñecer os recursos e procedementos nas diversas ordes institucionais e tutelar os dereitos recoñecidos polo Estatuto. En todo caso, é competente nas ordes xurisdicionais, civil, contencioso administrativo e social, e nas outras que se poidan crear no futuro.

Cataluña tamén dispón dunha policía propia, os Mossos d'Esquadra, a forza de policía civil máis antiga de Europa, as orixes da cal remóntanse ao século XVIII. Dende 1980 está baixo as ordes da Generalitat, habendo dende 1994 até 2008 un proceso de despregamento substituíndo á Garda Civil e á Policía Nacional, corpos dependentes directamente do Ministerio do Interior de España. Porén, o Estado, conserva un número limitado de axentes en Cataluña para exercer outras funcións específicas: vixilancia dos portos, aeroportos, costas, fronteiras, aduanas, réxime xeral de estranxeiría, documentos de identidade, tráfico de armas e explosivos, protección fiscal do Estado e doutras funcións que a Constitución estabelece.

Organización territorial

[editar | editar a fonte]

Cataluña organízase territorialmente en provincias. O Estatuto de autonomía de 2006 establece a organización de Cataluña en tres entes locais: os municipios, as comarcas e as vigairías.

Provincias

[editar | editar a fonte]
Organización do territorio catalán
Mapa municipal

As provincias constitúen a división administrativa máis antiga aínda vixente en Cataluña. Parten da agrupación de municipios e toman o nome das súas capitais. O órgano reitor de cada provincia é a deputación. A comunidade autónoma de Cataluña xurdiu mediante a unión formal de catro provincias.

Provincia Capital Superficie
(km²)
Poboación 2017
(hab.)
Densidade
(hab/km²)
Concellos
Barcelona Barcelona 7.726 5.576.037 721,72 311
Lleida Lleida 12.172 428.418 36,46 231
Tarragona Tarragona 6.303 791.693 125,61 184
Xirona (Girona) Xirona (Girona) 5.910 755.716 126,53 221

Vigairías

[editar | editar a fonte]

A vigairía (vegueria), unha nova división territorial, defínese coma un ámbito territorial específico para o exercicio do goberno intermunicipal e de cooperación local con personalidade xurídica propia, e é a división territorial que adoptou a Generalitat, de acordo ao Estatuto de 2006, para a organización territorial dos seus servizos. Tamén goza de autonomía para a xestión dos seus intereses. A administración das vigairías corresponde aos Consells de Vegueries que substituíron as deputacións.

Actualmente hai oito vigairías ou ámbitos funcionais:

Artigo principal: Comarcas de Cataluña.

A Generalitat de Cataluña estableceu unha división administrativa en corenta e unha comarcas (comarques), os órganos reitores das cales son os Consellos Comarcais (consells comarcals). A división comarcal de Cataluña ten a súa orixe nun decreto da Generalitat republicana de 1936, que tivo vixencia ata o final da guerra civil. A división comarcal foi novamente adoptada por lei do Parlamento en 1987. Esta división baseouse en criterios xeográficos e de mercado local, que coincide en boa medida con anteriores entidades de territorio de gran tradición.

O Val d'Aran

[editar | editar a fonte]

O Val de Arán (en aranés: Val d'Aran), dende o 21 de xaneiro de 2015 coa nova Lei do Arán, está considerada como entidade territorial singular e realidade nacional occitana, con autonomía para ordenar e xestionar os asuntos públicos do seu territorio. Dende a aprobación da Lei 16/1990, sobre o réxime especial do Val de Arán, xa gozaba de maior autonomía que o resto de comarcas.

A súa institución de goberno é o Conselh Generau, formado polo Síndic, o Plen des Conselhèrs e Conselhères Generaus e a Oïdoria de Compdes. O Síndic é a máis alta representación e a ordinaria da Generalitat no Arán. A lingua propia do Arán é o occitano, chamado aranés no val, que tamén é oficial en Cataluña.

Municipios

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Municipios de Cataluña.

O municipio (municipi) é o ente local básico de Cataluña e medio esencial de participación da comunidade local nos asuntos públicos. O Estatuto garántelles autonomía para o exercicio das súas competencias e a xestión dos seus intereses respectivos. Na actualidade en Cataluña cóntanse 948 municipios. Por debaixo dos municipios hai as entidades municipais descentralizadas, que tamén gozan dunha certa autonomía malia depender dos municipios respectivos. Actualmente hai 58 entidades deste tipo.

Municipios máis poboados
[editar | editar a fonte]
Listaxe Cidade Provincia Pob. Listaxe Cidade Provincia Pob.

Barcelona

L'Hospitalet

Badalona
1 Barcelona Barcelona 1.604.555 11 Xirona Xirona 97.586
2 L'Hospitalet de Llobregat Barcelona 252.171 12 Sant Cugat del Vallès Barcelona 87.830
3 Badalona Barcelona 215.654 13 Cornellà de Llobregat Barcelona 86.376
4 Terrassa Barcelona 215.214 14 Sant Boi de Llobregat Barcelona 82.195
5 Sabadell Barcelona 207.814 15 Manresa Barcelona 74.655
6 Lleida Lleida 138.542 16 Rubí Barcelona 74.536
7 Tarragona Tarragona 131.255 17 Vilanova i la Geltrú Barcelona 65.684
8 Mataró Barcelona 124.867 18 Viladecans Barcelona 65.549
9 Santa Coloma de Gramenet Barcelona 116.950 19 Castelldefels Barcelona 63.891
10 Reus Tarragona 103.194 20 El Prat de Llobregat Barcelona 63.014
Censo 2015[21]

Economía

[editar | editar a fonte]
Sede central do Banco Sabadell

Cataluña é un territorio de tradición industrial desde o século XIX. Na actualidade a industria, o turismo e os servizos son os principais sectores económicos de Cataluña. O crecemento medio anual do período 1995-2004 en termos reais foi inferior á media española. Con todo, en 2005 creceu un 3,3%, o mesmo porcentaxe que a media española e por encima da media europea. Segundo as mesmas fontes oficiais, Cataluña está no cuarto lugar da clasificación de comunidades segundo o PIB per cápita en Paridades do Poder Adquisitivo e é a que máis achega ao total do PIB español (20,8%). A industria, a construción, o turismo e os servizos son os principais sectores económicos de Cataluña.

Cataluña é o primeiro destino turístico de España: os 16,7 millóns de turistas que recibiu entre xaneiro e decembro de 2014 supoñen un 25,8% do total das chegadas rexistradas en toda España. Os principais destinos turísticos de Cataluña son a cidade de Barcelona, as praias da Costa Brava e da Costa Daurada (onde tamén se atopa o parque lúdico Port Aventura), e a zona pirenaica, onde hai 10 estacións de esquí: Baqueira Beret, La Molina, Espot Esquí, Masella, Port Ainé, Vall de Núria, Boí Taüll, Port del Comte, Rasos de Peguera, Tavascan e Vallter 2000.

Desde o punto de vista financeiro, cabe destacar a grande implantación e tradición que en Cataluña tiveron antes da reestruturación do sector as caixas de aforros, maior mesmo que os bancos privados, sendo catalás 10 das 46 caixas españolas. Destacaba especialmente a Caixa de Aforros e Pensións de Barcelona, coñecida como "La Caixa", que foi a primeira caixa de aforros de Europa, hoxe convertida en Caixabank. Tamén destacaba Caixa Catalunya, integrada actualmente no BBVA. En canto a bancos, o máis importante de Cataluña foi o Banc Sabadell, hoxe por detrás de Caixabank.

Pola súa banda, a Fira Barcelona organiza todo tipo de mostras e congresos de carácter internacional sobre variados sectores da economía.

Transportes e mobilidade

[editar | editar a fonte]

Cataluña está ben comunicada tanto por terra, mar e aire. Para acceder por terra existe unha ampla rede de autoestradas e estradas, e a rede de ferrocarrís.

Aeroportos

[editar | editar a fonte]
Aeroporto do Prat

Cataluña conta con seis aeroportos, catro deles xestionados por Aena:

Os outros dous aeroportos cataláns están xestionados pola Generalitat a través da sociedade Aeroports de Catalunya e son:

Porto de Barcelona

Os dous principais portos de Cataluña, tanto polo transporte de pasaxeiros como de mercancías son o porto de Barcelona e o porto de Tarragona que, ademais, están considerados dous dos portos máis importantes de España e do Mediterráneo.

A parte deles, o litoral catalán está balizado por unha gran cantidade de portos, tanto de pescadores como deportivos, como o Port Olímpic de Barcelona.

Rede viaria

[editar | editar a fonte]
Autoestrada C-16 ao seu paso por Sant Fruitós de Bages.

En Cataluña hai 12.000 quilómetros de vías para o tránsito de automóbiles, aínda que 10.843 destes quilómetros corresponden a estradas de calzada única. 962 quilómetros son de autoestradas: deles, 655 quilómetros son de peaxe e 307 son libres de pago. Dos 12.000 quilómetros de vías, 5.600 corresponden a vías cuxa titularidade ostenta a Generalitat de Cataluña, 4.400 ás deputacións provinciais, e 1.988 ao Ministerio de Fomento da Administración central.

A estrutura das autoestradas está centralizada cara a Barcelona. As principais autoestradas e autovías de Cataluña son:

Ferrocarril

[editar | editar a fonte]
Estación de Sants.

Cataluña foi o primeiro territorio peninsular en ter ferrocarril. Foi o 28 de outubro de 1848 cando se inaugurou a liña entre Barcelona e Mataró, que cubría unha distancia de 28,4 km. Nos anos seguintes, antes da entrada do século XX, construíronse máis de 1.000 quilómetros de vía (case o 80 por cento das vías actuais), con varias rutas entre as principais cidades catalás e Barcelona. A maioría das vías foron financiadas polo capital privado de industriais que querían axilizar o transporte das súas mercancías para a gran cidade.

Actualmente, a pesar de que se modernizaron os trens, a rede viaria segue sendo practicamente a mesma que hai 100 anos, cunha estrutura moi centralizada cara a Barcelona. As dúas rutas principais son a da costa, que une Francia coa Comunidade Valenciana polo litoral catalán, e a ruta cara a Zaragoza, que une Barcelona con Lleida. As propietarias das liñas ferroviarias de Cataluña son o Adif e FGC. Operan en Cataluña as operadoras Renfe Operadora e a mesma FGC.

Por outra banda, o goberno da Generalitat de Cataluña anunciou en decembro de 2005 un plan para construír 1.100 quilómetros de novas liñas, 300 en vías convencionais e 800 en vías de alta velocidade, que unirán as principais cidades catalás de forma transversal. O plan suporá o investimento de 25.000 millóns de euros entre o 2006 e o 2026.

Alta velocidade

[editar | editar a fonte]

Está en servizo na súa totalidade a liña de alta velocidade Madrid-Zaragoza-Barcelona-Fronteira francesa. A AVE chegou a Cataluña en 2003 coa inauguración do tramo entre Madrid e Lleida. En 2006 inaugurouse outro tramo ata a nova estación de Camp de Tarragona, situada a 15 km da cidade de Tarragona. En 2008 completouse o tramo ata a cidade de Barcelona e a principios de 2013 ata Xirona e Figueres. No final de 2013 entraron en servizo as conexións ferroviarias directas con Francia, sen ter que cambiar de tren na fronteira.

Actualmente hai conexións de alta velocidade con Madrid, Sevilla e Málaga, ademais de trens de rodadura desprazable que completan o seu percorrido por vías convencionais e chegan á maioría de comunidades autónomas. Por outra parte, existen conexións con varias cidades francesas, como París, Marsella, Lión e Tolosa.

Metro de Barcelona

[editar | editar a fonte]
O Metro de Barcelona conta con trens modernos coma este.

A única rede de ferrocarril metropolitano de Cataluña é o Metro de Barcelona que dá servizo á cidade de Barcelona e a varias cidades da súa área metropolitana: l'Hospitalet de Llobregat, El Prat de Llobregat, Esplugues de Llobregat, Cornellà de Llobregat, Santa Coloma de Gramenet, Sant Adrià de Besòs, Badalona, Sant Boi de Llobregat e Montcada i Reixac.

A rede é xestionada por dous operadores diferentes, Transports Metropolitans de Barcelona (TMB) e Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya (FGC), e as súas tarifas están integradas no sistema unificado de seis zonas creado pola Autoritat del Transport Metropolità (ATM).

Actualmente hai un total de doce liñas en servizo que suman un total de 166 km e 198 estacións, sendo a segunda rede máis extensa de España por detrás do metro de Madrid e desde 2009 a primeira que conta con liñas totalmente automatizadas. En 2018, a rede de metro de Barcelona foi utilizada por 407,5 millóns de pasaxeiros.[22]

Outros transportes públicos

[editar | editar a fonte]

Na área metropolitana de Barcelona tamén hai servizo de tranvía (Trambaix e Trambesòs) e na cidade de Barcelona o Bicing, un sistema de alugueiro de bicicletas. Tamén hai unha completa rede de autobuses que chega a tódolos municipios cataláns.

Símbolos nacionais

[editar | editar a fonte]
A senyera.
Sinal en catalán.
Sinal en aranés.

Cataluña ten tres símbolos representativos e distintivos propios denominados estatutariamente símbolos nacionais:[23] a bandeira, o himno e a festa nacional.

A bandeira ou senyera, xurdiu da translación do sinal do escudo dos condes de Barcelona a un tecido. Aínda que non hai ningunha referencia documental antes do século XIII, é unha das bandeiras máis antigas de Europa.[24] A bandeira catalá é barrada, con cinco barras amarelas e catro de vermellas, todas do mesmo groso.

O himno nacional de Cataluña é Els Segadors, escrito na súa forma actual por Emili Guanyavents en 1899. A versión musical é de Francesc Aliou do ano 1892. As orixes do himno remóntanse a unha primitiva canción nada en relación aos feitos históricos de 1640 durante a guerra dos cataláns contra ou rei Filipe IV, na que os labradores foron os protagonistas de importantes episodios. É oficial por lei do Parlamento dende o 25 de febreiro de 1993.

A festa nacional de Cataluña constituíuse como a primeira lei que aprobou o restaurado Parlamento de Cataluña en 1980. A diada nacional ou Festa de Catalunya, celébrase o día 11 de setembro, lembrando a perda das liberdades do mesmo día do ano 1714, tras o Asedio de Barcelona.

Artigo principal: Lingua catalá.
Artigo principal: Lingua aranesa.

En Cataluña fálanse varias linguas con especial preponderancia do catalán e castelán. De acordo co estatuto de autonomía o catalán e a lingua propia de Cataluña, en tanto que o occitano (na súa variante aranesa) considérase lingua propia do Val de Arán. Xeralmente os cataláns son bilingües e coñecen as dúas linguas principais aínda que difiren respecto ao idioma que teñen por lingua materna. Ademais, o uso dun ou outro idioma depende do ámbito social no que se exprese.

O idioma catalán esténdese máis aló do territorio catalán. En Cataluña fálanse os dous bloques principais da lingua. O oriental ten como máximo expoñente o dialecto central, falado nas comarcas do norte de Tarragona, Barcelona, e Xirona, en cuxa rexión pirenaica aparecen trazos de catalán setentrional. O occidental é o propio das comarcas occidentais de Cataluña (provincia de Lleida e sur das tarraconenses) e mostra trazos semellantes aos dialectos valencianos, cos que forma un continuo en cuxa intersección se atopa o tortosino. A Generalitat ven desenvolvendo lexislación que promove e protexe o uso social do catalán. En 2003, o catalán era considerada a lingua materna do 40,4% dos cataláns, a propia do 48,8% e a de uso habitual do 50,1%,[25] mentres que no 2008 os datos son de 31,6% como lingua materna, a propia do 37,2% e a de uso habitual do 35,6%.[26]

A comunidade inmigrante ou foránea instalada en Cataluña a miúdo mantén a súa lingua materna para comunicarse cos seus familiares ou falantes do seu mesmo idioma que residan tamén no territorio. Destas, a parte do castelán, destacan sobre todo o árabe e o chinés, aínda que o seu número esténdese considerablemente en cidades que, como Barcelona, con habitantes de até 131 nacionalidades,[27] mostra un amplo repertorio lingüístico, dos que ademais dos citados, destaca, o francés, o portugués, o alemán, o inglés e a lingua galega.[25] No caso do galego, no 2008, é a lingua inicial dun 0,6% da poboación (que retrocede dun 1,3% no 2003)[28], a de identificación dun 0,1% (que é un retroceso do 0,4% do 2003)[29] e pódena falar fluidamente un 1,1% (retrocede do 1,8% de 2003)[30]

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Arte de Cataluña.

No eido da pintura, son personaxes sobranceiros, recoñecidos internacionalmente Salvador Dalí, Joan Miró e Antoni Tàpies, e moi ligado ao ámbito pictórico catalán, foi o andaluz Pablo Picasso que viviu en Barcelona na súa mocidade, na época da súa formación como artista e iniciándose no movemento cubista. Outros artistas plásticos cataláns son Ramon Casas, Josep Maria Subirachs e Marià Fortuny. Os museos pictóricos máis relevantes son o Teatro-Museo Dalí, o Museo Picasso de Barcelona, a Fundación Antoni Tàpies, a Fundación Joan Miró, o Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC), o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (MACBA), o Centre de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB) e o CaixaFòrum.

No eido da arquitectura, desenvolvéronse e adaptáronse a Cataluña diversos estilos artísticos predominantes en Europa, deixando pegada nas moitas igrexas, mosteiros e catedrais de estilo románico e gótico. Outros exemplos son a arquitectura renacentista, barroca e neoclásica. O modernismo catalán a fins do século XIX preséntase como a arte nacional, en especial nas artes decorativas. Os arquitectos cataláns de sona internacional neste estilo son Antoni Gaudí, Lluís Domènech i Montaner e Josep Puig i Cadafalch. No ámbito do racionalismo arquitectónico salientan Josep Lluís Sert ou Torres Clavé, e máis recentemente os urbanistas Josep A. Coderch e Ricard Bofill.

Na literatura destacan dous momentos históricos de esplendor das letras catalás. O primeiro comeza coas crónicas historiográficas dos séculos XIII e XIV, contemporáneas das novelas cabaleirescas do valenciano Joanot Martorell e da poesía do tamén valenciano Ausiàs March. O segundo momento de esplendor foi a partir do século XIX coa Renaixença cultural e política. Destacan Jacint Verdaguer, Narcís Oller, Joan Maragall e Àngel Guimerà. Durante o século XX desenvólvese o noucentisme e as vangardas salientando os poetas Josep Carner, Carles Riba e J.V. Foix. Durante a guerra civil e o período do franquismo sobresaíron Josep Pla, Mercè Rodoreda e Salvador Espriu.

O eido da música é un dos sectores máis vigorosos da industria cultural catalá, polo número de actividades e acontecementos musicais así como pola rede de recintos musicais, produtores, compositores, intérpretes e grupos de diferentes xéneros que se rexistran en Cataluña. Entre os compositores de música clásica, o violoncelista Pau Casals, a pianista Alícia de Larrocha e o violinista e musicólogo Jordi Savall. Entre os cantantes de ópera Victòria dels Àngels, Montserrat Caballé, Jaume Aragall e Josep Carreras. Entre os cantautores de música popular en lingua catalá sobresaen os artistas da Nova Cançó, como Lluís Llach, Joan Manuel Serrat, Maria del Mar Bonet e Francesc Pi de la Serra e en castelán Serrat, Luis Eduardo Aute e Manolo García. No jazz destaca Tete Montoliu, e no rock a Companyia Elèctrica Dharma, El Último de la Fila, Sopa de Cabra, Els Pets e nun estilo máis pop, Gossos. A música electrónica, experimental e independente beneficiouse da celebración de festivais como o LEM, o Sònar ou o Primavera Sound.

Gastronomía

[editar | editar a fonte]
Posto de froitas do Mercado da Boqueria, en Barcelona.

A gastronomía de Cataluña está baseada na dieta mediterránea. Ofrece unha gran variedade de produtos tanto do mar como da montaña e a horta. A cociña catalá proporcionou toda unha serie de pratos típicos da rexión con guisos de peixe como os suquets ou a zarzuela, a escudella, a calçotada ou a salvitxada. É típico de Cataluña o pa amb tomàquet, pan con tomate que acompaña a moitos pratos de carne ou embutidos, e co que se elaboran os bocadillos. O alioli e o romesco son as salsas máis características da cociña catalá. É destacable a riqueza de embutidos que se elaboran na comarca de Osona, especialmente o fuet de Vic.

En canto á repostaría, son famosos a crema catalá, os panellets, que se elaboran especialmente en novembro ou o menjar blanc. Cataluña tamén se distingue pola súa gran tradición vinícola. As zonas do Penedès, Alella, Priorat e o Segre son grandes produtoras dunha gran variedade de viños. O máis coñecido e exportado é o cava do Penedès, cuxa produción lideran empresas familiares como Freixenet e Codorníu.

Cabe anotar que Cataluña ofrece unha gran variedade de restaurantes con cociña de todas as rexións españolas e tamén internacional. A pesar de que Barcelona é a cidade con maior cantidade e variedade de restaurantes, os máis prestixiosos, e distinguidos con máis estrelas Michelín son o restaurante "Sant Pau" de Carme Ruscalleda en Sant Pol de Mar e "El Celler de Can Roca" en Xirona. Outros restaurantes coñecidos son "El Bulli" de Ferran Adrià en Roses (que pechou o 30 de xullo de 2011)[31] e "Can Fabes" de Santi Santamaría en Sant Celoni.

Costumes e tradicións

[editar | editar a fonte]
Castellers.

Unha das manifestacións máis coñecidas da cultura popular catalá son os castells, na que os participantes ou castellers, rivalizan no levantamento de castelos humanos o máis altos posibles. Esta práctica, orixinaria do Camp de Tarragona e da muixeranga, estendeuse por toda Cataluña, recibindo nos últimos un grande impulso social grazas ás retransmisións televisivas e a creación de novas colles castelleres (agrupacións).

A sardana é a considerada coma danza nacional de Cataluña. É unha danza de grupo que se baila en círculo, onde os bailaríns agárranse mans, se é posible alternando un home e unha muller, mirando todos cara ao centro do círculo. Acompáñase co son dos instrumentos de vento da copla. O baile de bastóns e a xota das Terres de l'Ebre tamén son danzas populares catalás, así como as cantadas de habaneras, propias da costa, sobre todo das localidades mariñeiras da Costa Brava. Nos meses estivais proliferan as cantadas populares ao aire libre, sempre acompañadas da degustación de ron queimado. Tamén é moi representativa da cultura popular a rumba catalá.

Sardanas en Barcelona.

Nas datas sinaladas ou festas maiores sempre adoitan estar presentes outros elementos da cultura popular catalá: os desfiles de xigantes e cabezudos e os correfocs con diaños e petardos. Unha das festas máis tradicionais de Cataluña é a Patum de Berga. O 23 de abril, celébrase Sant Jordi, patrón de Cataluña. Esta festa celébrase coa tradición de agasallar con rosas e libros aos familiares e amigos. Ademais o 23 de xuño, vixilia do día de San Xoán, celébrase a verbena de San Xoán. A tradición antiga popular inclúe queimar fogueiras para afastar aos demos, as enfermidades e outras desgrazas, ademais cómese a coca (doce) e bébese cava.

É significativa tamén a tradición do Tió de Nadal, na que o día de Nadal ou, segundo a casa, durante a véspera ponse o Tió (un tronco) ao lume e fáiselle "cagar". Agora xa non se queima, tan só obrígaselle a "cagar" repetidamente agasallos para os máis pequenos a base de arremeter continuados golpes de bastón acompañados das chamadas cancións do Tió.

Ademais das manifestacións propias da cultura tradicional catalá, en Cataluña tamén se pode gozar de manifestacións culturais propias doutras nacións, froito da grande inmigración que recibiu o territorio o último século e medio. Un exemplo é a festividade galega de San Froilán en Barcelona, que está considerada como a segunda maior festa da cidade.[32]

O Circuíto de Catalunya é o recinto deportivo con capacidade para máis espectadores.

Cataluña ten unha gran tradición deportiva, especialmente desde finais do século XIX, cando foron fundados os grandes clubs en todos os ámbitos que, nalguns casos, foron os primeiros en fundarse en España. Os deportes máis populares son o fútbol, o baloncesto, o tenis, e o hóckey, entre outros. Cabe destacar tamén a afección ao esquí, e as numerosas estacións situadas no Pireneo catalán.

Os clubs de fútbol máis importantes de Cataluña son o Futbol Club Barcelona e o RCD Espanyol, ambos de Barcelona, e o Girona FC, que xogan na primeira división do fútbol español. Outro equipo importante é o histórico Gimnàstic de Tarragona, habitual na categoría de prata. O Barcelona gañou 27 veces o título de campión da Liga española e cinco Ligas de Campións, ademais doutros títulos importantes. Destaca a consecución nunha mesma tempada (2008-09) dos seis títulos posibles (Liga BBVA, Copa do Rei, Liga de Campións, Supercopa de España, Supercopa de Europa e Mundial de Clubs da FIFA por parte do Barça, sendo o primeiro equipo da historia en conseguilo. Por outra parte, o RCD Espanyol gañou catro Copas do Rei.

Un dos deportes máis importantes de Cataluña é o hóckey a patíns, dominando os equipos cataláns a OK Liga (máxima categoría deste deporte no Estado español), xa que agás os seis títulos do HC Liceo da Coruña, tódolos títulos da competición foron gañados por equipos cataláns; así mesmo é o territorio do estado que máis xogadores achega á selección española, estando integrada en moitas competicións internacionais unicamente por xogadores cataláns. Tamén a nivel europeo os clubs cataláns son os grandes dominadores con 36 títulos nas 46 edicións da Copa de Europa. A selección catalá de hóckey a patíns gañou o Campionato do Mundo "B" en Macau no 2004 participando membro provisional da Fédération Internationale de Roller Sports (FIRS), porén non puido disputar o Campionato do Mundo "A" pola súa non aceptación como membro da FIRS no chamado Caso Fresno; na actualidade é membro da Confederación Suramericana de Patín (CSP), disputando a Copa América. Os clubs máis importantes do hóckey a patíns catalán son o FC Barcelona (o equipo máis laureado a nivel mundial), o Reus Deportiu, o Igualada HC, o CP Voltregà, o Club Esportiu Noia, ou o Club Patí Vic, todos eles con títulos a nivel estatal e europeo.

Cataluña organizou algúns dos eventos deportivos internacionais máis importantes: os Xogos Olímpicos do verán, sendo a única sede española ata o momento, en 1992, os Xogos Mediterráneos de 1955, os campionatos do mundo de atletismo e natación, e o Eurobasket. Cataluña foi tamén sede local para a Copa do Mundo de Fútbol de España en 1982. Celébranse tamén o Gran Premio de España de Fórmula 1, e o Gran Premio de Catalunya de MotoGP no Circuíto de Catalunya de Montmeló, así como o Rally Costa Brava.

Doce federacións deportivas catalás son oficialmente recoñecidas polas federacións internacionais. Estas federacións contan con seleccións en catorce disciplinas, como fútbol sala, taekwondo ou karate, ningunha delas olímpica, que participan a nivel internacional de maneira oficial, representando a Cataluña.

Medios de comunicación

[editar | editar a fonte]

Cataluña ten unha gran cantidade de medios de comunicación tanto en lingua catalá como castelá, e tamén varios medios bilingües.

Televisión

[editar | editar a fonte]
Logo de TV3.

A Televisió de Catalunya é a principal cadea pública de Cataluña e emite integramente en catalán. Ten cinco canles: TV3 (primeira canle), Canal 33 (segunda canle), 3/24 (canle de noticias 24 horas), Esport3 (canle deportiva) e Canal Super3 (destinado ao público infantil e xuvenil). TV3 compite en audiencias coas canles en castelán dos principais grupos de comunicación estatais: tanto a pública Radiotelevisión Española (que dende o seu centro de produción en Sant Cugat del Vallès elabora contidos en catalán), como as privadas Atresmedia e Mediaset España. Estes grupos teñen a súa sede central en Madrid, pero teñen centros de produción en Cataluña, dende onde emiten varios programas.

Outras televisións de menor audiencia, aínda que de presenza salientable son 8tv, televisión privada do Grupo Godó que emite en catalán, Barça TV, El Punt Avui TV, e as televisións locais, cuxo maior expoñente é Barcelona Televisió, que tamén emiten en catalán.

A radio cun maior número de oíntes en Cataluña é Catalunya Ràdio, a radio pública pertencente á Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals. Ten unha audiencia de 570.000 oíntes segundo o último Estudo Xeral de Medios, o que a converte na quinta emisora con máis audiencia do Estado español pese a emitir só para Cataluña. A corporación tamén conta cunha emisora de noticias 24 horas, Catalunya Informació. A segunda emisora de radio con máis oíntes é a Cadena SER, que ten en Radio Barcelona (a primeira emisora de radio que se fundou no Estado español) o seu buque insignia. A maior distancia en número de oíntes se sitúan as demais emisoras: catro que emiten integramente en catalán, COM Ràdio (radio pública pertencente á Deputación de Barcelona), RAC 1 (Grupo Godó), Ràdio 4, e Onda Rambla; e as emisoras estatais que emiten en castelán: Radio Nacional de España, a Cadena COPE, Onda Cero e Punto Radio.

En Cataluña tamén teñen presenza radios do Terceiro Sector[33] (sen ánimo de lucro), sendo as autoxestionadas Radio Pica[34] e Radio Bronka as máis coñecidas.

Os dous principais grupos editores cataláns de prensa e revistas son o Grupo Godó e o Grupo Zeta. Cada un dos grupos ten unha gran variedade de cabeceiras tanto de xornais de información xeral como deportiva, e de revistas.

Os dous principais diarios cataláns de información xeral son El Periódico de Catalunya (Grupo Zeta) e La Vanguardia (Grupo Godó), que fan edicións tanto en catalán como en castelán. Son os dous xornais con maior tirada e distribución en Cataluña, por diante de diarios en castelán de ámbito estatal como El País ou El Mundo, que tamén teñen delegacións en Cataluña. Tamén destacan os xornais El Punt Avui e Ara, editados só en catalán. Tamén hai numerosos xornais comarcais e de ámbito máis local. Os máis destacados son El 9 Nou, Segre, Regió 7, Diari de Girona e o Diari de Tarragona.

No ámbito da información deportiva destacan o Diario Sport, do Grupo Zeta, e o Mundo Deportivo (Grupo Godó). Ambos os dous integramente en castelán. Mentres que en catalán destaca L'Esportiu.

En Cataluña existen ademais unha boa cantidade de xornais dixitais e de publicación semanal, quincenal, mensual etc, así como medios especializados, como a Revista Econòmica de Catalunya, unha publicación do ámbito financeiro e empresarial en catalán creada en 1986 e que en 1999 recibiu a Creu de Sant Jordi.

Grupos e produtoras

[editar | editar a fonte]

Cataluña é a sede de fortes grupos de comunicación que actúan tanto no sector audiovisual como no da prensa, a edición de libros e revistas, e a produción cinematográfica. Os máis importantes son o Grupo Godó, o Grupo Planeta, o Grupo Zeta. Tamén son destacables, especialmente no ámbito audiovisual, as produtoras Gestmusic, El Terrat e Mediapro. Tamén cómpre sinalar a Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals, empresa pública da Generalitat de Cataluña, titular da Televisió de Catalunya e Catalunya Ràdio, entre outros medios.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para catalán.
  2. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419. 
  3. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 101. ISBN 84-8158-266-2. 
  4. de Borja Moll i Casanovas, Francesc (1993). "Entrada del lèma «Catalunya». In: Diccionari català-valencià-balear". ISBN 8427300255. 
  5. "Vocabulari fonetic basic der aranés" (PDF). 
  6. "Estatuto de autonomía de Cataluña" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de febreiro de 2009. Consultado o 24 de xaneiro de 2009. 
  7. Instituto Nacional de Estadística, Contabilidade Rexional de España Arquivado 23 de abril de 2009 en Wayback Machine. (principais resultados) Estrutura porcentual do PIB a prezos de mercado, segundo datos a data de 2007
  8. Quin tipus de territori tenim? Arquivado 13 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. (en catalán)
  9. Catalunya. El clima i la hidrografia Arquivado 18 de outubro de 2019 en Wayback Machine. (en catalán)
  10. O Litoral
  11. "O clima e a hidrografía". Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2019. Consultado o 04 de xuño de 2009. 
  12. "Historia do Parque de Aigüestortes". Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2008. Consultado o 04 de xuño de 2009. 
  13. "Liber Maiolichinus" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de setembro de 2007. Consultado o 29 de setembro de 2007. 
  14. "Diccionari català-valencià-balear". Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2014. Consultado o 04 de xuño de 2009. 
  15. "Curiositats sobre Catalunya i el català". Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2011. Consultado o 04 de xuño de 2009. 
  16. "La formació de Catalunya". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2008. Consultado o 04 de xuño de 2009. 
  17. "El Misteri de la Paraula Cathalunya" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de setembro de 2014. Consultado o 29 de agosto de 2014. 
  18. "El Parlament proclama la República i posa en marxa el procés constituent". ara.cat. Consultado o 28-10-2017. 
  19. "Catalans declare independence as Madrid imposes direct rule". bbc.com. Consultado o 28-10-2017. 
  20. "Estatut d'Autonomia 2006". Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2009. Consultado o 05 de xuño de 2009. 
  21. INE 2015.
  22. "Récord de viajes en metro y autobús durante el 2018". Ajuntament de Barcelona. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2019. Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  23. "Símbolos nacionais". Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2009. Consultado o 05 de xuño de 2009. 
  24. "Os Símbolos Nacionais". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2009. Consultado o 05 de xuño de 2009. 
  25. 25,0 25,1 Estadística d'usos lingüístics a Catalunya 2003
  26. Datos do 2008, Idescat.
  27. Ajuntament de Barcelona, La població estrangera a Barcelona, gener 2008
  28. Població segons llengua inicial. Dades enllaçades 2003-2008.
  29. Població segons llengua d'identificació. Dades enllaçades 2003-2008.
  30. Població segons coneixement d'altres llengües: parlar fluidament.
  31. Jolloch, Cristina (24-08-2011). "El Bulli cierra hoy". lavanguardia.com. Consultado o 28-10-2017. 
  32. "O Alcalde de Lugo leva as festas de San Froilán a Barcelona". lugo.gal. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2020. Consultado o 2020-02-02. 
  33. La Ley UTECA y el Tercer Sector de la Comunicación: comparativa internacional de las fallas de la legislación española audiovisual y respuesta de la sociedad civil Arquivado 21 de setembro de 2010 en Wayback Machine.. Meda González, Miriam. 2010. Traballo Fin de Máster do Máster en Comunicación con fins sociais: estratexias e campañas da Universidade de Valladolid.
  34. Érase unha vez unha radio libre Arquivado 04 de xuño de 2011 en Wayback Machine.. Vídeo elaborado por Radio Pica.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Wikimedia Atlas de Cataluña.