Rúa Real (Vigo)
rúa Real | |
---|---|
![]() | |
Titular da vía | Concello de Vigo |
Dimensións | |
Lonxitude | 300 m |
Formato | peonil |
Localización | |
Inicio | praza da Colexiata |
Fin | praza do Berbés |
A rúa Real é unha vía urbana da cidade de Vigo. Trátase dunha rúa peonil e ribeirega, que conecta a praza da Concatedral, onde se atopa a basílica de Santa María de Vigo, e chega até a praza do Berbés, no barrio homónimo, nun trazado de lixeira pendente descendente.
No número 12 desta rúa atopábase a imprenta que editou a primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro[1].
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]A estrutura de rúa e típica da arquitectura medieval: de chan enlousado, estreita e sinuosa, con edificios de pedra pequenos, con balcóns con ménsulas ou alféizares góticos. A ela desembocan outras pequenas rúas do centro urbano vigués, conformando pequenas prazas e soportais[2].
Á altura da praza da Almeida atópase a Casa de Ceta e Casa de Pazos e Figueroa, dous dos edificios máis antigos da cidade, de estilo gótico tardío o primeiro, e renacentista plateresco o segundo, evidenciando o eclecticismo arquitectónico propio dos centros urbanos das vilas.
Á altura da intersección coa rúa Alta, atópase a casa López Araújo, de estilo barroco con trazos neoclásicos. De arquitectura similar, atópase a casa Pereira de Castro, situada na praza da Constitución.
Historia
[editar | editar a fonte]A rúa Real é indefectiblemente unha rúa de orixe medieval, conformando unha das arterias da cidade antiga, que ademais conectaba a cidade amurallada cos barrios mariñeiros do Berbés, no que por aquel entón constituían os dous principais núcleos habitados de Vigo.
Inicialmente denominouse como rúa da Faixa, probabelmente pola súa morfoloxía estreita e en pendente até o Berbés[3]. Posteriormente, dada a súa importancia e tamaño, elevouse á denominación de rúa Real.
A principios do século XX volveu a mudar o nome a rúa de López Puigcerver, ministro dos gobernos de Afonso XII e da rexencia de María Cristina de Habsburgo, probablemente polo apoio destes mandatarios á cidade olívica.
Unha terceira mudanza de nome produciuse coa chegada da Segunda República, desta vez para se denominar rúa Francisco Giner de los Ríos, o creador da Institución Libre de Ensino. Ulteriormente, coa eclosión da guerra civil, recuperouse a denominación de rúa de López Puigcerver e finalmente, en 1981, o Concello de Vigo recuperou a nomenclatura anterior de rúa Real.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Alonso, María. "La calle Real pide paso: salen a subasta dos históricos y exclusivos locales comerciales.". VigoE. Consultado o 25 de xaneiro de 2025.
- ↑ "Rúa Real.". Concello de Vigo. Consultado o 25 de xaneiro de 2025.
- ↑ Ademais da pez do traxe tradicional galego, unha faixa constitúe unha zona en forma de banda máis longa ca ancha, principalmente no terreo.
- ↑ "Nomes da rúa Real.". Consorcio Casco Vello de Vigo. Consultado o 25 de xaneiro de 2025.